O colapso xudicial prexudica a clase
obreira principalmente
Centos de persoas participaron na
manifestación convocada pola Unión Comarcal da CIG para reclamar a
creación inmediata do cuarto xulgado do social en Lugo. Baixo a
consigna "colapso xudicial = abuso patronal", denunciouse
que se están fixando para o ano 2021 xuízos por reclamacións de
cantidades ou por incapacidade; e no caso dos despedimentos -que son
expedientes rápidos- as datas máis próximas son para marzo de
2019.
O secretario comarcal da CIG de Lugo-A
Mariña, Antonio Niño, sinalou a discriminación que sofre á
provincia en materia de administración de xustiza, xa que "en
Lugo só contamos con tres xulgados do Social, mentres que unha
provincia similar como a de Ourense, que ten 20.000 asalariados/as
menos, dispón de catro".
Alertou que a demora na resolución dos
asuntos se agravou nos últimos anos por mor das contrarreformas
laborais, a precarización das condicións de traballo e os recortes
e amortizacións na propia administración de xustiza. O deterioro é
tal que os traballadores e as traballadoras de Lugo xa ven como algo
normal ter que agardar dous anos por unha reclamación de cantidades
ou para que se lle recoñeza unha incapacidade. "A xurisdición
do social está para velar polo cumprimento dos dereitos laborais e
quen acaba pagando este colapso xudicial é a clase traballadora",
denunciou.
Neste senso, o secretario comarcal da
CIG engadiu que as empresas se están aproveitando destes atrasos e
teñen asumido como práctica habitual obviar as obrigas co seu
persoal até que haxa resolución xudicial. "Isto provoca que as
traballadoras e traballadores desistan de reclamar o que se por
dereito lle corresponde", subliñou.
Unha necesidade inaprazábel
A Unión Comarcal da CIG leva anos
demandando a creación dun cuarto xulgado do Social para Lugo e en
2016 puxera en marcha unha intensa campaña con este obxectivo. De
cara a paliar a situación de atasco, durante un ano, a cidade contou
cunha xuíza de reforzo, que foi cesada sen previo aviso, pero "este
reforzo nunca foi unha alternativa que solucionara os problemas. O
necesario é crear o cuarto xulgado e dotalo do persoal preciso",
aseverou Niño.
O sindicalista criticou a falta de
responsabilidade dos Gobernos español e galego por non ter iniciado
o proceso para a creación do cuarto xulgado do social, "demostrando
que están do lado dos intereses do capital e non da clase
traballadora".
O último xulgado que se creou en Lugo
foi no ano 2010, e foi o xulgado de vixilancia penitenciaria de
Galiza. "Levamos 8 anos discriminados totalmente, e mentres aquí
non se avanzaba nada, creáronse xulgados do social en Pontevedra,
Santiago e Ourense", explicou. "Hai que darlle unha volta á
xustiza do social e en xeneral a toda a administración de xustiza, á
vista dos escándalos que están protagonizando nos últimos
tempos", concluíu Niño.

Ningún comentario:
Publicar un comentario