10/10/18

O Concello adxudícalle unha produtividade a persoal funcionario sen negociar os criterios do reparto desta partida orzamentaria na Mesa Xeral de Negociación, tal e como procede.

A CIG vén de rexistrar hoxe mesmo a través da sede electrónica unha petición para que o Concello de Betanzos reúna a Mesa Xeral de Negociación para negociar os criterios de reparto da produtividade, cuxa partida orzamentaria é de 10 000 euros, tal e como indica o RD 361/86 e lémbralle que non só procede a negociación dos criterios de reparto cos representantes dos traballadores, senón tamén a aprobación plenaria, para que poida pagar produtividades.

Non é a primeira vez que a CIG deixa patente que é necesario regular esta partida que o Concello aforra ano tras ano, mais desde a CIG consideramos inaceptable que en pleno suposto proceso de negociación dunha Relación de Postos de Traballo o goberno municipal do PSOE lle suba o salario a algún persoal en concreto pola vía da produtividade, cando os criterios de reparto desta non están acordados, consensuados, nin son de coñecemento público.

A CIG non só lle solicitou que lle notifique de inmediato calquera decreto de reparto de produtividade, senón que declare nula a asignación deste complemento por decreto que se puidese ter feito ata este momento sen telo negociado previamente cos representantes dos traballadores, e, así mesmo, solicitou que o Concello reúna a Mesa Xeral de Negociación para a negociación dos criterios de reparto do complemento de produtividade e, por tanto, da partida orzamentaria correspondente que ata o momento non foi regulada.

Desde a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos consideramos gravísimo este novo paso do goberno municipal que vulnera todo principio de negociación colectiva e beneficia a algún persoal en concreto, tal e como se ten feito en tantas ocasións historicamente neste Concello, agravando as discriminacións salariais existentes e botando por terra todo o que teñen dito nos meses anteriores de negociación da Relación de Postos de Traballo, que predicaban que esta nova etapa tentaba tratar por igual ao persoal, a pesar de que a proposta que poñían enriba da mesa seguía discriminando aos escasos postos de persoal laboral que finalmente formaban parte da proposta de RPT do Concello.

Así mesmo, e logo das consultas correspondentes, realizamos esta solicitude coa esperanza de que o Concello convoque a Mesa Xeral e recúe neste paso dado claramente en falso, mais de non ser así teremos que recorrer a outras vías para reclamar o dereito de negociación do complemento de produtividade que vén claramente regulado como de obrigatoria negociación. Entendemos que se o Concello non recúa cómpre tomar medidas porque o pagamento de produtividades sen criterios regulados e aprobados pode ser unha nova vía do goberno para subir salarios temporalmente (polo momento) de xeito individual a determinados traballadores e sen que isto sexa de coñecemento público, incorrendo, por tanto, en discriminacións entre o persoal, que veñen sendo a base da política municipal de persoal na historia deste Concello mais que parecían desterradas ata esa nova decisión de vulnerar a negociación colectiva.

A Sección sindical da CIG rexistrou na sede electrónica a devandita solicitude que indica o seguinte:

COMUNÍCOLLE:

PRIMEIRO. Que temos coñecemento da existencia dun decreto de asignación dun complemento de produtividade a persoal funcionario sen que existan uns criterios de asignación do complemento de produtividade nin da partida orzamentaria correspondente para ese tipo de retribución.

SEGUNDO. Que os criterios de reparto da produtividade deben ser obxecto de negociación da Mesa Xeral de Negociación do Concello de Betanzos que en ningún momento se reuniu para estes efectos, ou se así foi, este sindicato, como sindicato que forma parte do devandito organismo de negociación colectiva non foi convocado para esta negociación.

TERCEIRO. Que tal e como indica o RD 861/86 os criterios para determinar as cantidades para aboar en concepto de produtividade deben ser negociados cos representantes dos traballadores e aprobados, con posterioridade, polo Pleno da corporación.


Por isto, SOLICITO:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos reúna a Mesa Xeral de Negociación para a negociación dos criterios de reparto do complemento de produtividade e, por tanto, da partida orzamentaria correspondente que ata o momento non foi regulada.

SEGUNDO. Que se declare nula a asignación do complemento de produtividade mencionado por carecer de criterios e de negociación destes, toda vez que prexudica os intereses do resto do persoal do Concello de Betanzos, posto que hai unha contía nos orzamentos asignadas para este complemento de produtividade e o reparto debería facerse con criterios negociados, e en igualdade de condicións para a totalidade do persoal do Concello de Betanzos.

TERCEIRO. Que o Concello de Betanzos non incumpra as obrigas de negociación coa representación sindical ao abeiro da lexislación aplicable, así como a obriga de transparencia nas materias que deben ser obxecto de negociación colectiva e que cese de inmediato con esta práctica, desde o noso punto de vista irregular, do reparto da produtividade.

CUARTO. Que o Concello de Betanzos, no seu deber de información aos representantes dos traballadores, nos notifique calquera decreto de asignación do complemento de produtividade posto que a nosa obriga é informar ao persoal sobre calquera cuestión relativa ás retribucións do persoal deste Concello, así como os criterios e os repartos que se fan das partidas orzamentarias destinadas ás retribucións do persoal laboral e do funcionariado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario