A CIG vén de rexistrar hoxe mesmo a través da sede electrónica unha petición para que o Concello de Betanzos reúna a Mesa Xeral de Negociación para negociar os criterios de reparto da produtividade, cuxa partida orzamentaria é de 10 000 euros, tal e como indica o RD 361/86 e lémbralle que non só procede a negociación dos criterios de reparto cos representantes dos traballadores, senón tamén a aprobación plenaria, para que poida pagar produtividades.
Non é a primeira vez que a CIG deixa patente que é necesario regular esta partida que o Concello aforra ano tras ano, mais desde a CIG consideramos inaceptable que en pleno suposto proceso de negociación dunha Relación de Postos de Traballo o goberno municipal do PSOE lle suba o salario a algún persoal en concreto pola vía da produtividade, cando os criterios de reparto desta non están acordados, consensuados, nin son de coñecemento público.
A CIG non só lle solicitou que lle notifique de inmediato calquera decreto de reparto de produtividade, senón que declare nula a asignación deste complemento por decreto que se puidese ter feito ata este momento sen telo negociado previamente cos representantes dos traballadores, e, así mesmo, solicitou que o Concello reúna
a Mesa Xeral de Negociación para a negociación dos criterios de
reparto do complemento de produtividade e, por tanto, da partida
orzamentaria correspondente que ata o momento non foi regulada.
Desde a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos consideramos gravísimo este novo paso do goberno municipal que vulnera todo principio de negociación colectiva e beneficia a algún persoal en concreto, tal e como se ten feito en tantas ocasións historicamente neste Concello, agravando as discriminacións salariais existentes e botando por terra todo o que teñen dito nos meses anteriores de negociación da Relación de Postos de Traballo, que predicaban que esta nova etapa tentaba tratar por igual ao persoal, a pesar de que a proposta que poñían enriba da mesa seguía discriminando aos escasos postos de persoal laboral que finalmente formaban parte da proposta de RPT do Concello.
Así mesmo, e logo das consultas correspondentes, realizamos esta solicitude coa esperanza de que o Concello convoque a Mesa Xeral e recúe neste paso dado claramente en falso, mais de non ser así teremos que recorrer a outras vías para reclamar o dereito de negociación do complemento de produtividade que vén claramente regulado como de obrigatoria negociación. Entendemos que se o Concello non recúa cómpre tomar medidas porque o pagamento de produtividades sen criterios regulados e aprobados pode ser unha nova vía do goberno para subir salarios temporalmente (polo momento) de xeito individual a determinados traballadores e sen que isto sexa de coñecemento público, incorrendo, por tanto, en discriminacións entre o persoal, que veñen sendo a base da política municipal de persoal na historia deste Concello mais que parecían desterradas ata esa nova decisión de vulnerar a negociación colectiva.
A Sección sindical da CIG rexistrou na sede electrónica a devandita solicitude que indica o seguinte:
COMUNÍCOLLE:
PRIMEIRO.
Que temos coñecemento da existencia dun decreto de asignación dun
complemento de produtividade a persoal funcionario sen que existan uns criterios de asignación
do complemento de produtividade nin da partida orzamentaria
correspondente para ese tipo de retribución.
SEGUNDO.
Que os criterios de reparto da produtividade deben ser obxecto de
negociación da Mesa Xeral de Negociación do Concello de Betanzos
que en ningún momento se reuniu para estes efectos, ou se así foi,
este sindicato, como sindicato que forma parte do devandito organismo
de negociación colectiva non foi convocado para esta negociación.
TERCEIRO.
Que tal e como indica o RD 861/86 os criterios para determinar as
cantidades para aboar en concepto de produtividade deben ser
negociados cos representantes dos traballadores e aprobados, con
posterioridade, polo Pleno da corporación.
Por
isto, SOLICITO:
PRIMEIRO.
Que o Concello de Betanzos reúna a Mesa Xeral de Negociación para a
negociación dos criterios de reparto do complemento de produtividade
e, por tanto, da partida orzamentaria correspondente que ata o
momento non foi regulada.
SEGUNDO.
Que se declare nula a asignación do complemento de produtividade
mencionado por carecer de criterios e de negociación destes, toda
vez que prexudica os intereses do resto do persoal do Concello de
Betanzos, posto que hai unha contía nos orzamentos asignadas para
este complemento de produtividade e o reparto debería facerse con
criterios negociados, e en igualdade de condicións para a totalidade
do persoal do Concello de Betanzos.
TERCEIRO.
Que o Concello de Betanzos non incumpra as obrigas de negociación
coa representación sindical ao abeiro da lexislación aplicable, así
como a obriga de transparencia nas materias que deben ser obxecto de
negociación colectiva e que cese de inmediato con esta práctica,
desde o noso punto de vista irregular, do reparto da produtividade.
CUARTO.
Que o Concello de Betanzos, no seu deber de información aos
representantes dos traballadores, nos notifique calquera decreto de
asignación do complemento de produtividade posto que a nosa obriga é
informar ao persoal sobre calquera cuestión relativa ás
retribucións do persoal deste Concello, así como os criterios e os
repartos que se fan das partidas orzamentarias destinadas ás
retribucións do persoal laboral e do funcionariado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario