10/10/18

O goberno municipal teima en non cubrir as baixas de limpeza e degradar os servizos públicos

Como vén sendo costume e logo das múltiples privatizacións que levan anos destruíndo emprego público no Concello de Betanzos, o goberno municipal teima en non cubrir as baixas do servizo de limpeza de edificios e continuar coa estratexia de degradación dos servizos públicos municipais en favor da privatización destes, nalgúns casos a través dun contrato público, como o caso da limpeza dos centros educativos e noutros casos sen tal, como é o caso da limpeza de rúas cuxas xubilacións e baixas son cubertas por persoal de empresas que descoñecemos como foron contratadas.

O mantemento do servizo de limpeza municipal sempre foi unha das grandes loitas deste Comité de Empresa ante un Concello que ano a ano elimina postos de empregados públicos en favor de empresas privadas, sempre como abandeirado dunha lexislación estatal que din que non permite novas contratacións nin cobertura de xubilacións, agás, por suposto, cando se trata de postos que realmente lle interesan e entón demostran que si que se pode contratar.

O Comité de Empresa trasladoulle unha solicitude no rexistro telemático de cobertura das baixas de limpeza de edificios e indicoulle o seguinte:

 COMUNÍCOLLE:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos ten vixente una listaxe de substitución para o persoal de limpeza de edificios municipais.

SEGUNDO. Que na actualidade o servizo de limpeza de edificios municipal ten varias baixas, desde hai varios días sen cubrir e debe proceder a cubrir de inmediato e canto antes posto que esta situación, tal e como temos reiterado en anteriores ocasións repercute gravemente na saúde do cada vez máis escaso persoal que ten que asumir o traballo do persoal de baixa e as xubilacións non cubertas polo Concello.

TERCEIRO. Que este Comité de Empresa rexeita complementamente o proceso de privatización do servizo de limpeza municipal que o goberno municipal emprendeu hai xa varios anos e solicítalle que cubra os postos necesarios para que os servizos do Concello de Betanzos sigan sendo públicos e de calidade.

CUARTO. Así mesmo, e nos casos en que se produciu a privatización do servizo, coma na limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín, e esta privatización supuxo unha reordenación dos efectivos, dando lugar a que dúas traballadoras ficasen na limpeza do centro de ensino e outras dúas fosen desprazadas a outros centros de traballo, advírtelle que isto podería supor unha discriminación na redistribución do persoal, así como a posibilidade de cometer fraude de lei no caso de que o persoal de limpeza da empresa contratada polo Concello e o persoal municipal realicen as mesmas funcións no mesmo lugar de traballo e ao mesmo tempo.

QUINTO. Finalmente, que outro dos centros que na actualidade é responsabilidade na limpeza da empresa contratada para tal fin, como é o Centro Cultural San Domingos, na actualidade, e segundo nos indicaron, ten unha frecuencia na limpeza moi inferior á que tiña cando o persoal municipal era o que limpaba esas dependencias.

Tendo, pois, en conta todo o sinalado, solicitámoslle ao Concello que cubra de inmediato todas as baixas para ofrecer o servizo en condicións óptimas e con traballadores e traballadoras públicas. Así mesmo, que o Concello lle comunique ao Comité de Empresa os criterios de redistribución do persoal de limpeza municipal que repercutiron nun trato diferente entre persoal que traballaba no mesmo centro e, finalmente, transmitímoslle a queixa pola baixada da frecuencia na limpeza do Centro Cultural San Domingos desde que a empresa de limpeza privada realiza estes traballos nas mencionadas dependencias municipais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario