Consulta
o procedemento e os modelos para presentar na Axencia Tributaria
O
Tribunal Supremo (en sentenza do 3 de outubro) vén de confirmar que
“as prestacións públicas por maternidade percibidas da Seguridade
Social están exentas do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas”.
A resolución estabelece doutrina legal e, polo tanto, obriga a
Axencia Tributaria a adoptar o novo criterio (contrario ao que viña
facendo). Dende a CIG animamos a solicitar a devolución das
retencións do IRPF indebidamente cobradas e para iso pomos a túa
disposición os modelos adecuados (podes acceder descargando
os documentos anexos ao final desta nova).
Toda
a información facilitada está dirixida a obter a devolución das
retencións de IRPF das prestacións por maternidade, non obstante, a
CIG entende que a sentenza do Supremo debería ser extensíbel ás
prestacións por paternidade. Nese sentido, a central considera que
sería oportuno presentar solicitudes para a devolución das
retencións aplicadas a esas prestacións; sobre todo se temos en
conta que a Seguridade Social está eliminando xa estas retencións
(tanto no caso dos pais como das nais), sen agardar a que Facenda
habilite a devolución.
Con
toda probabilidade nos vindeiros días a Axencia Tributaria disporá
na súa web dun sistema telemático de recadación do IRPF das
maternidades. É convinte que se estamos en prazo de reclamación
agardemos a que o faga e tramitemos as reclamacións por esa vía,
porque os retornos serán máis rápidos aos feitos en papel, aínda
que tamén serán válidos.
Para
calquera dúbida que teñas, acude a túa federación (ou en que se
delegue na túa comarca) tendo en conta as seguintes indicacións:
1º.-
Exercicios fiscais 2014 a 2017 (declaracións presentadas de 2015 a
2018):
• Traballadoras
que cobraron a prestación de maternidade nos exercicios fiscais 2014
a 2017 (declaracións presentadas nos anos 2015 a 2018):
a)
Formular, perante a Axencia Tributaria, unha solicitude de
rectificación da autoliquidación do IRPF do exercicio/s no que se
declararan as prestacións por maternidade (achégase modelo A).
2º.-
Exercicio fiscal 2018 (declaración a presentar en 2019):
• Traballadoras
ás que lle estean a practicar retencións de IRPF pola prestación
de maternidade no exercicio fiscal 2018 (declaracións que se
presentarán no ano 2019):
b)
Formular, perante o INSS, unha solicitude de dereito á percibir a
prestación íntegra sen retención de IRPF, no resto dos meses do
2018 (achégase modelo B). Aínda que temos constancia de que a
Seguridade Social xa non está aplicando a retención nas prestacións
de maternidade nin na de paternidade, é conveniente comprobalo
antes.
3º.-
Cuestións comúns para as solicitudes de rectificación e/ou
devolución de ingresos que se presenten perante a Axencia
Tributaria:
• Se,
transcorridos 6 meses desde que se formule a solicitude de
rectificación e/ou devolución de ingresos indebidos, non houbera
resposta da Axencia Tributaria, entenderase desestimada por silencio.
• Desestimada
por silencio, quen o desexe disporá de 1 mes máis (tras os 6 meses
sen recibir resposta) para interpor Recurso de Reposición ou
Reclamación Económico Administrativa perante o Tribunal Económico
Administrativo de Galiza (un ou outro, non nos dous) contra tal
desestimación por silencio, a reclamar que se rectifique a
Declaración da Renda na que se declararan as prestacións de
maternidade ou se lle retornen os ingresos indebidamente realizados
do 2018, alegando os razoamentos do TS.
• Se,
pola contra, a Axencia Tributaria resolve expresamente a
rectificación e/ou devolución de ingresos indebidos, desestimándoa,
quen o desexe disporá de 1 mes máis (dende o día no que recibiu a
resolución desestimatoria) para interpor Recurso de Reposición ou
Reclamación Económico Administrativa perante o Tribunal Económico
Administrativo de Galiza (un ou outro, non nos dous) contra tal
desestimación, a reclamar que se rectifique a Declaración da Renda
na que se declararan as prestacións de maternidade e/ou que se lle
retornen os ingresos indebidamente realizados no 2018, alegando os
razoamentos do TS.
O
que di a sentenza do Tribunal Superior
A
sentenza da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior
fixa a seguinte doutrina legal en relación coa dedución do IRPF das
prestacións de maternidade:
“Terceiro.-
A interpretación sistemática. Real Decreto Lexislativo 8/2015, de
30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral da
Seguridade Social.
A
prestación por maternidade é o subsidio que xestiona a Seguridade
Social que trata de compensar a perda de ingresos da traballadora a
consecuencia do permiso de descanso polo nacemento dun fillo ou
filla, adopción, tutela ou acollemento, e durante ese período o
contrato de traballo fica en suspenso interrompéndose a actividade
laboral; e a teor do artigo 177 da devandita norma, considéranse
situacións protexidas a maternidade, a adopción, a garda con fins
de adopción e o acollemento familiar, consonte co Código Civil ou
as leis civís das comunidades autónomas que o regulen.
En
consecuencia a prestación por maternidade pode incardinarse no
suposto previsto no parágrafo terceiro da letra h do artigo 7 da
LIRPF, e por iso o recurso de casación ha ser desestimado e
estabelecer como doutrina legal que “as prestacións públicas por
maternidade percibidas da Seguridade Social están exentas do Imposto
sobre a Renda das Persoas Físicas.”
Modelo A
Modelo B
Ningún comentario:
Publicar un comentario