A CIG demanda a derrogación da reforma
das pensións e que os Orzamentos Xerais do Estado contemplen
rebaixas nos custes eléctricos
A CIG considera inxustas, insuficientes
e tardías as medidas aprobadas no Consello de Ministros/as do pasado
venres sobre a xubilación parcial e a industria electrointensiva. A
central denuncia que coas disposicións recollidas no Real Decreto
non se garante o acceso á xubilación aos 61 anos ao conxunto da
clase traballadora, nin o mantemento dos postos de traballo nas
empresas con altos consumos enerxéticos, polo que insta ao Goberno
español a facer as modificacións necesarias.
No relativo á xubilación parcial aos
61 anos con contrato relevo, a CIG advirte do carácter
discriminatorio e inxusto da medida, xa que non inclúe a todos os
traballadores e traballadoras e ademais de manter as condicións
previas, introduce novas restricións ás empresas e ao seu persoal.
"O Goberno español elimina na práctica este dereito para o
conxunto da clase traballadora privando deste a moitos
traballadores/as que padecen unhas condicións laborais
precarias e moi penosas (construción, servizos, etc.)", apunta
o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen lembra que hai unhas
semanas a central sindical remitiu ao Ministerio de Traballo centos
de manifestos de comités de empresas esixindo a derrogación da
reforma das pensións de 2011 e manter este dereito para todos os
asalariados e asalariadas.
Engade que haberá que cuantificar
tamén o alcance real do Decreto na propia industria, tendo en conta
que, nestes momentos, un de cada tres traballadores/as nos cadros de
persoal son man de obra indirecta (que realiza labores
administrativas e técnicas), a cal non se vería afectada por esta
medida. Ao tempo, parte importante das actividades das empresas
principais sufriron un proceso de externalización, a
consecuencia do que agora o persoal que realiza estas tarefas
pertence a empresas multiservizos, ETTs, etc., "polo que tamén
quedan fóra do acceso á xubilación parcial con contrato relevo".
Hai que derrogar as reformas das
pensións
Fronte a esta medida discriminatoria,
CIG volve reclamarlle ao Goberno español a derrogación das reformas
das pensións de 2011 e 2013 e o restablecemento da xubilación
parcial aos 61 anos nas condicións que existían previamente. A CIG
avaliará as medidas legais e sindicais a tomar ante esta grave
inxustiza.
O secretario xeral da CIG destaca
que Galiza precisa rexuvenecer os cadros de persoal, como medida real
de creación de postos de traballo para rematar co desemprego e o
drama da emigración. Mais tamén, continúa Carril, "é preciso
aumentar os ingresos da Seguridade Social e do sistema público de
pensións con máis cotizantes, e iso pasa por ofrecer traballo digno
aos nosos mozos e mozas, que regrese toda a mocidade que emigrou por
mor da crise, e por derrogar as reformas laborais para que favorecer
unhas condicións e uns salarios xustos. Só así faremos máis forte
o noso sistema público de pensións".
Os Orzamentos Xerais deben contemplar
medidas para a industria electrointensiva
No relativo á creación dun estatuto
de empresas electrointensivas, a CIG considera que é un paso adiante
para recoñecer as características específicas deste tipo de
industrias con altos consumos de enerxía, mais "as propostas
contidas no RD son insuficientes e moi lentas". Os seis
meses de prazo que marca o decreto "supoñen un prazo demasiado
longo, especialmente no caso de Alcoa, se temos en conta os tempos de
negociación dos EREs e a falta de vontade da multinacional para
paralizar os expedientes".
Para o secretario xeral da CIG, o
Executivo español debe presentar propostas con prazos e partidas
concretas, e a efectivizar de inmediato a través dos Orzamentos
Xerais do Estado para 2019, toda vez que o PSOE vén de anunciar a
presentación do proxecto de contas en xaneiro próximo. Para a
central sindical as medidas urxentes que o Goberno podería aplicar
nestas contas para favorecer unha tarifa industrial estábel e
predicíbel (e con garantías de mantemento dos empregos máis alá
dos tres anos establecidos no RD), pasarían por:
- Modificación do sistema de tarifas
eléctricas para as industrias electrointensivas, liberándoas de
pagar as peaxes que non teñan unha relación directa co
funcionamento do sistema eléctrico. Este custe deberá ser asumido
polos Orzamentos do Estado.
- Tamén con cargo aos Orzamentos do
Estado, as industrias electrointensivas terán a máxima compensación
permitida pola UE, por C02, por competir con industrias semellantes
instaladas neutros lugares do mundo onde non se limitan as emisións
de dióxido de carbono.
- Para producir unha rebaixa xeral no
prezo da electricidade, sen que repercuta no funcionamento do sector
eléctrico, haberá que retirar do mercado maiorista (pool), as
centrais hidráulicas e nucleares, que pasarán a cobrar por custes
recoñecidos aprobados a proposta da CNMC.
- Para compensar esta rebaixa e o
esforzo social que implica pasar as peaxes non abonadas polas
industrias aos orzamentos, as CIG defende que as empresas
electrointensivas que se acollan a este sistema tarifario terán a
obriga de realizar inversións e melloras nos procesos produtivos
para manter e ampliar o nivel de emprego directo. Así mesmo, as
empresas acollidas a esta tarifa terían que pular polas condicións
laborais e sociais nos convenios colectivos, que deberán ser
actualizados, como mínimo, co IPC anual.
- Até entrada en vigor desa nova
tarifa, manteranse, pero só con carácter transitorio, para as
industrias electrointensivas as poxas anuais da interrompibilidade,
mantendo a media dos importes dos últimos anos, cos mesmos bloques e
recuperando o preaviso de parada de 2 horas.
Esta proposta xa foi trasladada pola
CIG ao Goberno español, galego e á patronal estatal das empresas
electrointensivas o pasado mes de outubro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario