18/12/18

Convocatoria de Mesa de Negociación da RPT (21/12/18)

O Concello de Betanzos convoca a que parece que será a última Mesa  de Negociación da Relación de Postos de Traballo antes da Mesa Xeral de Negociación á que se deberá someter o documento, para que, no caso de que resultase aprobado sometelo á aprobación plenaria.

A falta dunha valoración polo miúdo do documento, podemos dicir que o goberno municipal do PSOE presenta unha proposta que segue o acordado ata momento con CSIF, CCOO e UGT, coa novidade de que nesta última fase se deixa a un lado esa RPT con todos os postos e presenta unha na que exclusivamente figuran os postos de funcionarios/as que existen na actualidade, algúns de nova creación, tamén con carácter funcionarial e mais os postos do persoal laboral fixo e indefinido.

Fica fóra, pois, deste documento que se presenta como a proposta definitiva do Concello de Betanzos, a práctica totalidade dos postos do persoal laboral que traballa nesta Administración local e que si que aparecían no documento denomidado "Relación de Postos de Traballo" que o Concello de Betanzos publicou no Boletín Oficial da Provincia da Coruña no ano 2008.

A maior parte dos postos do persoal laboral non aparecen nin na Relación de Postos de Traballo, nin no organigrama que a acompaña, o que entendemos que supón a maior desregulación dos postos do persoal laboral que vai ter o Concello de Betanzos na súa historia. A maior parte do persoal laboral non estará, pois, encadrado en ningún departamento nin terá ningun responsable directo, segundo este organigrama proposto.

Por outra banda, a proposta do goberno municipal de discriminar os postos do persoal laboral que si que constan no documento si que segue adiante, coa connivencia dos sindicatos que ata o momento apoiaron esta proposta, e suporá o agravio das discriminacións xa existentes no Concello de Betanzos entre persoal laboral e funcionariado. O goberno socialista segue mantendo que un operario de limpeza viaria funcionario debe ter un nivel 13 e un operario de limpeza viaria laboral un nivel 7, coa diferenza retributiva que isto supón no complemento de destino, e no complemento específico.Por se isto non fose abondo, a proposta non respecta as sentenzas existentes do persoal indefinido na creación das prazas, o que podería dar lugar a reclamacións xudiciais dos traballadores laborais afectados.

A CIG analizará o documento nos vindeiros días de cara a definir a súa postura na Mesa de Negociación e con posterioridade a esta informará sobre o resultado deste encontro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario