“A
metade das persoas con cobertura por desemprego malviven en Galiza co
subsidio”, sinala Fran Cartelle
Un
total de 3.327 persoas afiliadas menos á Seguridade Social e 625
persoas máis rexistradas como desempregadas no SEPE, é o balance
que nos deixa o mercado de traballo en Galicia neste último mes de
novembro. “O desemprego aséntase en Galiza”, alerta o secretario
confederal de Emprego, Fran Cartelle, quen denuncia “a incapacidade
do goberno do PSOE para levar adiante iniciativas que rematen co
lastre das reformas laborais, condenando á clase traballadora
galega a seguir sufrindo os seus efectos perversos”.
Así
as cousas, o mes de novembro rematou cun total de 170.369 persoas
desempregadas, un 0,37% máis que no mes anterior, mentres que na
media do estado, o paro reduciuse un 0,06%.
A
nivel sectorial, tan só no sector Industrial se reduciu o desemprego
un tímido 0,37%, mentres en Construción medrou un 1,89% e no sector
Servizos o medre foi do 0,30%. Na media estatal tan só aumentou o
desemprego no sector servizos un 0,36%.
Caída
da afiliación á Seguridade Social
A
caída da afiliación á Seguridade Social foi 5 veces superior ao
medre do desemprego, xa que esta se reduciu en 3.327 persoas mentres
que o desemprego medrou en 625 persoas. Atopámonos novamente cun
enorme desfase entre a evolución da afiliación á Seguridade Social
e o desemprego confirmándose mes a mes que “a destrución de
emprego é moi superior ao que se percibe no paro rexistrado”.
As
explicacións a este desfase poden ser múltiples, pero as máis
plausibles, para a CIG son, por unha a emigración e, pola outra, a
falta de confianza e utilidade no propio SEPE.
Elevada
contratación
A
pesar de medrar o desemprego e baixar a afiliación á Seguridade
Social, a contratación continuou en valores moi elevados.
Concretamente foron 84.427 os novos contratos rexistrados neste mes
-o 90,5% baixo algunha modalidade de contratación temporal-, o que
para a central sindical constata a existencia dun número moi elevado
de traballadores e traballadoras que entran e saen do mercado de
traballo continuamente con contratos de moi escasa duración o que
eleva as cifras de contratos independentemente de como evolucione o
emprego neto.
Ademais,
o secretario confederal de Emprego chama a atención sobre o feito,
máis que preocupante, de que o 40% dos escasísimos contratos
indefinidos rexistrados foron a tempo parcial, o que fai avanzar a
precariedade e pobreza laboral e fai preciso “medidas urxentes para
que o emprego digno e dereitos sexa unha realidade agora mesmo
inexistente”.
A
pobreza e a precariedade maniféstase tamén na pobre cobertura
social das persoas que perciben prestacións por desemprego, que
continúan por debaixo do 50% dos/as desempregados/as, concretamente
un 48,9%.
Ante
este panorama Cartelle responsabiliza mais unha vez desta situación
ás reformas laborais que “arrasaron cos dereitos da clase
traballadora” e subliña que “precisamos gobernos que teñan en
conta os seus intereses e non os da oligarquía económica”.
Denuncia ademais a “incapacidade” do goberno de Núñez Feijoo
“para arbitrar medidas que poidan paliar esta situación en Galiza,
nin sobre o emprego nin sobre a protección social”.
Xunto
a isto advirte Advirte do cada vez maior empobrecemento da clase
traballadora galega e urxe “un cambio de rumbo nas políticas de
emprego” que considera “vital para rematar co modelo de traballo
precario construído por esas contrarreformas laborais do PSOE e do
PP”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario