29/03/19

Segundo unha sentenza non pode deducirse a indemnización por dano moral por accidente laboral á prestación por incapacidade outorgada pola Seguridade Social


Non pode deducirse da indemnización por danos morais por accidente laboral o percibido en concepto de prestación da Seguridade Social. Así o ditamina o Tribunal Supremo nunha sentenza (achégase o texto completo da sentenza) pola que unifica doutrina e rexeita descontar dita cantidade ao considerar que estas indemnizacións son compatibles e complementarias.

Así, a Sala reitera a validez doutra sentenza do mesmo órgano de xuño de 2014 e confirma que o prexudicado pode exercitar todas as accións que lle recoñeza a lei para obter o  resarcimiento total tras un accidente no traballo.

Engade neste sentido que a finalidade da reparación é “lograr a íntegra compensación dos mesmos, para proporcionar ao prexudicado a plena  indemnidade polo acto  dañoso”. Con todo, tamén debe evitar o enriquecemento inxusto.

Valoración independente

A Lei Xeral da Seguridade Social permite que un accidente de traballo xere diferentes prestacións simultáneas, con independencia das consecuencias legais do incumprimento das normas de prevención de riscos laborais por parte da empresa.

Así, o alto tribunal rexeita que poida facerse unha valoración conxunta dos danos. 

Iso obriga ao prexudicado a identificar e indicar que danos e prexuízos seguíronse do accidente de traballo e, por tanto, cal é a contía  indemnizatoria que se asigna e reclama por cada un deles.

Ligazón ao texto completo da sentenza

Fonte: Cinco Días


Actividades de formación da EGAP para o persoal das entidades locais galegas


A EGAP convoca 26 edicións formativas e 1270 prazas recollidas no plan de formación de 2019 e destinadas ao persoal da Administración local de Galicia. 

Destinatarios: o persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional e o resto do persoal empregado público ao servizo das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Matrícula: desde as 8 horas do 26 de marzo ás 23.55 horas do 8 de abril en https://egap.xunta.gal/matricula

Número máximo de solicitudes: cinco, para esta convocatoria

Máis información no DOGdo 25 de marzo



28/03/19

A CIG reitera a solicitude de reunión coa alcaldesa, logo dun mes agardando a que a reciba

Logo dun mes agardando a cita coa alcaldesa, a CIG reitera a solicitude de reunión agardando que a reciba. 
Así mesmo, lémbralle ao goberno municipal que xa solicitou unha cita o 25 de marzo e que desde o Departamento correspondente solicitaron información de xeito verbal, para xustificar a solicitude da reunión e os temas concretos que quería tratar e indicaron que eses días a alcaldesa non tiña tempo a recibir aos representantes da CIG e que xa  os informarían cando puidese recibilos.
Un mes despois, e á vista de se ignorou a solicitude inicial, a CIG reitéraa indicándolle que o que lle quere trasladar son diversos problemas do persoal para que teña coñecemento directo, cuestións que lle trasladaron os propios traballadores e que mesmo xa se trataron co concelleiro de Persoal sen que este lles dese solución.

A CIG solicita que se reúna a Comisión Paritaria de Igualdade para comezar co traballo do Plan Interno

Segundo o Convenio colectivo, en marzo de 2018 tiña que estar aprobado o Plan de Igualdade Interno do Concello de Betanzos, na realidade, un ano despois desa data, nin sequera se aprobou o informe derivado do diagnose realizada, e que debe ser sometido á Comisión Paritaria de Igualdade.
A CIG, solicita, pois, que se reúna a Comisión Paritaria de Igualdade e pregunta tamén pola aplicación do artigo 22 do Convenio colectivo que facilita a flexibilización horaria e que o Concello leva dous anos sen aplicar, e indícalle o seguinte:
Que en todas as reunións do ano 2018 a CIG preguntoulle á presidenta da Comisión de Igualdade, María Barral, pola aplicación das medidas conciliadoras e de flexibilización horaria contidas no artigo 22 do Convenio colectivo:

2. A xornada ordinaria de traballo do Concello de Betanzos realizarase, con carácter xeral, nas mañás de luns a venres, entre as 09:00 h e as 14:30 h de cada día, agás modificacións ou flexibilidades negociadas coa representación sindical e con independencia dos horarios específicos que se estableza nos servizos con especiais características. O tempo de traballo restante ata completar a xornada semanal realizarase en horario flexible, entre as 07:30 h e as 15:30 h, ou a tarde do martes ou do xoves. Para a determinación da parte flexible da xornada, teranse en conta as preferencias do persoal, así como as necesidades e dispoñibilidades de cada un dos servizos, primando, en todo caso, a súa correcta cobertura e prestación. A flexibilidade de horario será solicitada por escrito ao alcalde ou concelleiro/a en quen delegue, dando conta ao Comité de Empresa tanto da solicitude como da resolución. Establecerase un horario de atención xeral ao público de 09:00 h a 14:00 h de luns a venres.

Mais na totalidade das 3 reunións nas que se preguntou polo tema, a presidenta nin deu unha resposta convincente, nin tomou as medidas para levar a cabo este acordo do convenio colectivo que xa cumpre dous anos.
A maiores, esta situación vese agravada, porque as diferenzas nos horarios do persoal do mesmo servizo, nomeamente o persoal de oficinas, son evidentes, e por tanto enténdese que hai flexibilidades horarias outorgadas a determinados traballadores e traballadoras, mais sen darlle conta ao Comité de Empresa, tal e como especifica o Convenio colectivo, e discriminando ao persoal ao que se lle impide o exercicio do dereito de flexibilización por conciliación desde hai anos baixo o pretexto da non implantación definitiva dun sistema control horario, que logo dun ano en modo de proba, o goberno parece non querer implantar, mais que utiliza como escusa para negarlle dereitos a determinados traballadores e traballadoras desde hai dous anos.

Finalmente, lémbralle a necesidade de comezar co Plan de Igualdade Interno e proponlle que na orde do día da reunión se traten os seguintes puntos:

  1. Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior.
  2. Protocolo contra o acoso sexual, por razón de sexo e identidade no Concello de Betanzos. Corrección de sinaturas e plan de difusión
  3. Información sobre a aplicación no Concello de Betanzos do dereito de igualdade de trato e de oportunidades de mulleres e homes no Concello de Betanzos.
  4. Resultados da diagnose interna en materia de igualdade no Concello de Betanzos.
  5. Plan de igualdade interno: cronograma de elaboración e aplicación.
  6. Queixas por discriminacións de xénero entre os traballadores e traballadoras do Concello de Betanzos.

O Concello de Betanzos teima en non negociar os criterios de produtividade

A CIG vén de lle reiterar ao Concello a solicitude de Mesa Xeral de Negociación para o acordo do reparto dos criterios de produtividade.

O pasado 15 de decembro finalizou o prazo de achega de proposta e desde ese día reiteramos tanto por escrito como verbalmente que o goberno municipal negocie dunha vez por todas a partida da produtividade e utilice eses cartos para o que están orzamentados. Descoñecemos se o goberno se nega a convocar a Mesa porque asignou algunha outra produtividade de costas á negociación colectiva, tal e como fixo no pasado mes de agosto, mais o que si que temos claro é a necesidade de negociar uns criterios obxectivos e públicos de reparto dos cartos que sexan de coñecemento para todos os traballadores e traballadoras e que se repartan consonte a uns criterios previamente establecidos e que non lle sirvan ao goberno municipal para discriminar ao persoal, tal e como xa teñen feito no pasado.

Pagamento dos atrasos da absorción do complemento persoal transitorio

O Concello vén de lle pagar aos traballadores e traballadoras que teñen complemento persoal transitorio os atrasos referentes ás subas retributivas e os trienios dos pasados anos pola absorción da totalidade destas no complemento persoal transitorio.

Este pagamento realizouse días antes do primeiro dos xuízos por esta reclamación e con varios procesos máis por esta cuestión iniciados na Asesoría xurídica da CIG. Resulta lamentable que o Concello tarde anos en solucionar este tipo de problemas derivados da interpretación unilateral do Convenio, incumpra os acordos que toma co Comité de Empresa e obrigue aos traballadores a recorrer ao xulgado continuamente para exercer os seus dereitos.

O Concello desta volta tomou de novo unha decisión diferente nos criterios de absorción do complemento, que non se corresponde nin coa acordada co Comité de Empresa na Comisión Paritaria, nin coa que recolle a Lei de orzamentos de Estado. Non obstante, a pesar de que verbalmente ofreceron información, na actualidade os representantes dos traballadores aínda non teñen ningún documento de acordo ou resolución que explicite os criterios aplicados, así como os atrasos pagados.

Este complemento deriva da aplicación do convenio colectivo e acordouse para que persoal que cobraba por riba das retribucións deste non tivese unha baixada delas logo da aplicación do convenio. Os complementos persoais actuais, segundo o último anexo de salarios que ten a CIG, xa que o goberno se nega a entregarlle a información dos CPT aos delegados sindicais, varían entre os 400 ata os superiores a 10 000 euros anuais, dos cales arredor dun 70% están asignados a postos ocupados por homes, e o resto por mulleres, que curiosamente, ademais, e coma o resto de salarios neste Concello, son as que teñen os complementos persoais máis baixos. 

Proposta de reparto das axudas sociais do ano 2018

O Concello de Betanzos achegoulle aos delegados sindicais a proposta de reparto das axudas sociais do ano 2018 que se someterá a unha Mesa Xeral de Negociación que está pendente de se convocar. Se algún/ha traballador/a quere ter coñecemento previo e aproximado da contía que o Concello propón adxudicarlle pode poñerse en contacto cos/as delegados/as da CIG.

Así mesmo, e con respecto á proposta de reparto do Concello a CIG manifestoulle ao concelleiro de Persoal por correo electrónico e previamente á Mesa o seguinte:

1. A CIG non negociou o regulamento do reparto das axudas vixente (que é do ano 2001) e aínda que discrepe dos criterios que recolle entende que as axudas se tramitaron cos criterios vixentes.

2. A CIG indicoulle que xunto coa solicitude se debería asinar unha declaración xurada conforme non se recibe unha axuda polo mesmo concepto doutra empresa ou Administración, tendo en conta que se asignan para a unidade familiar.

3. A CIG manifestou unha queixa polo incumprimento do acordo do convenio colectivo, que repercute en que a porcentaxe de redución individual das axudas rolde un 10% cando debería roldar o 7%, de se ter cumprido o acordo do Convenio asinado no ano 2015 que indica expresamente o seguinte con respecto á partida orzamentaria do fondo de acción social:

Esta cantidade incrementarase anualmente, conforme á suba prevista na Lei de orzamentos do Estado.

O incumprimento deste acordo parécenos especialmente grave, tal e como vimos manifestando nos últimos anos, e a súa gravidade fica máis patente no momento en que a partida orzamentaria non chega para a totalidade das solicitudes.

4. A CIG indicoulle que o Concello debería comunicarlle aos traballadores e traballadoras a axuda concedida, así como a insuficiencia orzamentaria e a consecuencia desta na redución da contía concedida; igualmente, e no caso das incidencias, debe abrir un prazo de corrección de erros e comunicarlle aos/ás traballadores/as afectados/as o motivo da denegación, para que poidan emendar os erros, se os houber, ou facer as reclamacións que consideren oportunas.

27/03/19

O Concello distribúe o Protocolo contra o acoso sexual, por razón de sexo e identidade no Concello de Betanzos

Un ano despois de que a CIG fixese a proposta, e nove meses despois de ser acordado na Comisión Paritaria de Igualdade, o Concello de Betanzos vén de distribuír o Protocolo contra o acoso sexual, por razón de sexo e identidade no Concello de Betanzos.
A base do texto acordado é o texto que a CIG propuxera hai un ano para botar adiante este protocolo, con achegas e emendas doutros sindicatos. O sindicato que puxo máis atrancos para levar adiante este protocolo, foi o CSIF, co que se debateron continuamente cuestións que consideramos principais e básicas e que deberían ser de consenso como qué se considera exactamente acoso sexual.

Así mesmo, a CIG comunicaralle ao Concello de Betanzos unha queixa, xa que a Comisión Paritaria de Igualdade está composta polos representantes de cada unha das Seccións sindicais do Concello, que actúan en calidade de vogais, e que no caso de que haxa unha votación teñen a representatividade da Mesa Xeral de Negociación, mais neste protocolo o Concello outórgalle ao CSIF un vogal máis que ao resto dos sindicatos, en contra do propio regulamento da Comisión.

21/03/19

Informe Mundial sobre Salarios 2018/19


En 2017, o crecemento mundial dos salarios caeu ao seu nivel máis baixo desde 2008, moi por baixo dos niveis anteriores á crise financeira mundial, segundo un novo informe da Organización Internacional do Traballo (OIT). O Informe Mundial sobre Salarios 2018/2019 constata que en termos reais (axustados á inflación) o crecemento mundial do salario desacelerouse, pasou de 2,4 por cento en 2016 a 1,8 por cento en 2017. As conclusións baséanse en datos de 136 países. As diferenzas de remuneración entre homes e mulleres, de ao redor 20 por cento a escala mundial, seguen sendo inaceptablemente altas.

Ao analizar o crecemento do salario, o informe observa que nos países avanzados do G20 o crecemento real do salario diminuíu, de 0,9 por cento en 2016 a 0,4 por cento en 2017. Pola contra, nos países emerxentes e en desenvolvemento do G20, o crecemento dos salarios reais fluctuou entre 4,9 por cento en 2016 a 4,3 por cento en 2017.

“É desconcertante observar que nas economías de altos ingresos o lento crecemento dos salarios está acompañado por unha recuperación do crecemento do PIB e unha diminución do desemprego. Ademais, as primeiras indicacións suxiren que este lento crecemento do salario continuará en 2018”, declarou o Director Xeral da OIT, Guy Ryder. “Este estancamento dos salarios constitúe un obstáculo para o crecemento económico e a mellora dos niveis de vida. Os países deberían analizar, xunto aos seus interlocutores sociais, as maneiras de lograr un crecemento do salario sustentable dende o punto de vista económico e social”.

Nos últimos 20 anos, os salarios reais case se triplicaron nos países emerxentes e en desenvolvemento do G20, mentres que nos países avanzados do G20 aumentaron só 9 por cento, sinala o informe. Pero, en numerosas economías de ingresos baixos e medianos, as desigualdades salariais seguen sendo altas e con frecuencia os salarios son insuficientes para cubrir as necesidades dos traballadores e as súas familias.

O informe calcula as disparidades de remuneración por razón de xénero de maneira innovadora e máis precisa, utiliza datos que abarcan uns 70 países e preto de 80 por cento dos asalariados do mundo. Constata que, a escala mundial, as mulleres seguen percibindo un salario aproximadamente 20 por cento inferior ao dos homes.

“As disparidades de remuneración por razón de xénero constitúen unha das maiores manifestacións de inxustiza social da actualidade" comenta Guy Ryder, Director Xeral da OIT . “As disparidades de remuneración por razón de xénero constitúen unha das maiores manifestacións de inxustiza social da actualidade, e todos os países deberían esforzarse por comprender mellor que se esconde detrás disto e avanzar máis rapidamente cara á igualdade de xénero”, agregou .

O informe constata que nos países de altos ingresos, a diferenza de retribución entre ambos os sexos é máis elevada no extremo superior da escala salarial, mentres que nos países de ingresos baixos e medios, é maior entre os traballadores peor remunerados.

Ao utilizar datos empíricos, o informe mostra tamén que as explicacións tradicionais, como as diferenzas nos niveis de educación entre mulleres e homes que teñen un emprego asalariado, desempeñan un papel limitado para explicar as disparidades de remuneración por razón de xénero.

 “En numerosos países, as mulleres teñen un nivel de educación máis alto que o dos homes pero perciben salarios inferiores, aínda cando traballen nas mesmas categorías profesionais”, sinalou Rosalia Vázquez-Álvarez, especialista en econometría e salarios da OIT e unha das autoras do informe. “Os salarios das mulleres e dos homes tamén tenden a ser inferiores nas empresas e as profesións cunha forza de traballo predominantemente feminina. Por tanto, a fin de reducir as disparidades de retribución por razón de xénero é necesario facer máis para garantir a igualdade de remuneración entre homes e mulleres, e para rectificar a infravaloración do traballo das mulleres”.

Outro factor que ten un peso nas disparidades de remuneración por razón de xénero é a maternidade. O informe mostra que as mulleres con fillos xeralmente perciben salarios inferiores aos das mulleres que non teñen fillos. Isto pode estar relacionado con múltiples factores, como as interrupcións na carreira profesional, a redución do horario de traballo, traballos que permiten conciliar a vida profesional e a familiar con salarios máis baixos ou decisións estereotipadas sobre os ascensos a nivel empresa.

Segundo o informe, unha distribución máis equitativa das responsabilidades familiares entre homes e mulleres en moitos casos permitiría que as mulleres tomasen decisións profesionais diferentes.

Sorprendentemente, a evidencia mostra que aínda antes da maternidade as mulleres enfrontan unha desigualdade de remuneración. Isto indica que é necesario combater os estereotipos e a discriminación desde o seu ingreso ao mercado de traballo.

Fonte: ilo.org

A CIG conmemora o 25 aniversario da súa constitución sendo primeira forza sindical en Galiza


“O traballo debe ser permanente para ser eficaces como ferramenta na defensa da clase traballadora”

A CIG celebrou este venres o seu 25 aniversario, no decurso dun acto que coincidiu coa entrega dos Premios “8 de Marzo” e “10 de Marzo”, ao que asistiron o seu Consello Confederal e unha importante representación de fundacións e organizacións sociais, culturais e políticas do nacionalismo, ademais do Consello Galego de Relacións Laborais e da Inspección de Traballo. Os ex secretarios xerais, Fernando Acuña e Suso Seixo; o que foi o seu secretario confederal e presidente, Manuel Mera e o actual secretario xeral, Paulo Carril, salientaron a importancia da decisión adoptada naquel marzo de 1994: xuntar forzas para dotar á clase traballadora galega dunha ferramenta coa que loitar polos seus dereitos. Transcorrido un cuarto de século, esa ferramenta, a CIG, é hoxe a primeira forza sindical en Galiza.

Manuel Mera, secretario confederal desde 1994 até 1997 e Presidente da central sindical desde ese ano até 2001, quixo felicitar á CIG por ser a primeira en delegadas e delegados, “un dos retos que se conseguíu cumprir neste período histórico”, logo de terse conseguido tamén ser a primeira central sindical en afiliación e en capacidade de mobilización. “Tres dos piares sobre os que se asenta o sindicalismo para a construción de poder popular no camiño da liberación nacional e social”, afirmou.

Con todo, considerou que queda pendente “o reto máis difícil e fundamental, que é ser hexemónicos tamén no mundo das ideas”. A este respecto lembrou que a metade das mobilizacións que se producen en Galiza son sindicais e que, porén, “este enorme protagonismo da clase traballadora é ignorado polos medios de comunicación e non é capaz de condicionar a actividade política”.

Por iso sinalou como reto “converter esta inmensa mobilización da clase traballadora, enormemente fracturada, a través dunha mensaxe aglutinadora, que sexa capaz de unificar todos os aspectos da loita de clases nun proceso de cambio”.

Os pés, a cabeza e o corazón en Galiza

Fernando Acuña, primeiro secretario xeral da CIG, entre os anos 1994 e 2001, arrincou a súa intervención lembrando unha das seis ideas forza aprobadas no congreso de unificación, na que se sinala que “a CIG non quere ser só unha representación das traballadoras e traballadores, senón a súa principal organización” e na que afirma que “ningún dos principais problemas de Galiza se vai resolver favorablemente para o pobo se este non toma conciencia da súa propia identidade e traduce esa conciencia en organizacións propias e soberanas”.

Salientou que a partir de aí, nas primeiras eleccións sindicais a CIG xa conseguiu situarse como primeira forza en Vigo, nas seguintes en Pontevedra “e a partir de aí en todo o país” e resaltou que isto foi grazas a aquela decisión e ao “mérito de ter apostado polo pluralismo tanto na composición da central sindical como no funcionamento orgánico interno”.

Xunto a isto, Acuña, salientou a importancia da CIG ter un perfil propio porque “todos os sindicatos teñen os pés en Galiza, pero a CIG ten tamén o cerebro e o corazón”. Un perfil propio “de contrapoder” que “contrasta co sindicalismo de acompañamento institucional que practican os outros sindicatos representativos”.

Decisión “valente e xenerosa”

Suso Seixo, que foi secretario xeral desde 2001 até 2017, quixo agradecer ás compañeiras e compañeiros que formaban parte das direccións da CXTG e da INTG a decisión “valente, xenerosa, sabia, responsábel, de compromiso coa clase traballadora galega, de promover a constitución da Converxencia Intersindical Galega en 1990 e a CIG en 1994”.

Unha decisión que permitiu que “chegásemos a ser o que somos hoxe” e que se debeu ao moito “traballo e sacrificio” das compañeiras e compañeiros; a “non crermos que estamos no mellor dis sistemas posíbeis e manter unha postura de combate”, mais tamén a ter mantido unha postura de “confronto co sindicalismo de pacto social” e ao firme compromiso coa loita por unha sociedade galega “máis xusta, democrática e soberana”. Un modelo sindical que “segue a estar vixente e a ser imprescindíbel”.

Acordos, consensos e pluralismo

Nese sentido, na clausura do acto, Paulo Carril, salientou o especial valor de Acuña, Mera e Seixo, porque xunto con outras moitas persoas, construíron “desde a nada e na máis absoluta adversidade” a central sindical, “sempre buscando os acordos, os consensos e a cohesión necesaria desde a pluralidade existente”. Salientou ademais a súa “absoluta entrega, compromiso e sacrificios persoais” e concluíu que todo iso foi o que permitiu que a CIG sexa hoxe a primeira organización sindical en representación e por iso asumiu, en nome propio, mais tamén en nome das persoas que hoxe teñen responsabilidades na central sindical, a necesidade de ter presente a historia desde o ano 1972 para “desde a autoorganización da clase traballadora e do pobo galego avancemos na conquista dun sistema económico ao servizo da clase traballadora, das maiorías sociais, e na que o pobo galego poidamos existir en pé de igualdade, en paz e harmonía, con todo os pobos e nacións do mundo”.

O secretario xeral da CIG concluíu facendo un chamamento a “sermos conscientes de que o noso traballo debe ser permanente para ser eficaces como ferramenta na defensa dos dereitos e necesidades máis inmediatas da clase traballadora”. Mais tamén incidiu na importancia de que ese traballo sexa “ didáctico, instrutivo e formativo, para que nesas loitas concretas e nos conflito puntuais  estea o inicio da toma de consciencia pola clase traballadora da nosa situación de explotación como clase e nacional”.

Todo isto co obxectivo de “ter unha base social ampla,  coa que  ir construíndo poder popular para a transformación  revolucionaria que o noso proxecto estratéxico defende, dunha Galiza ceive e sen explotación”.

Resumo da Comisión Negociadora do Convenio Colectivo (15.03.2019)

Na reunión da Comisión Negociadora do Convenio Colectivo que tivo lugar o pasado venres 15 de marzo o Concello, en principio, aceptou a modificación dos seguintes artigos do Convenio Colectivo do persoal laboral:

Artigo 22.1.
Artigo 22.2.
Artigo 22.3.
Artigo 37.
Artigo 29.1.C.
Cláusula Transitoria Primeira. Complemento Persoal Transitorio
Anexo I. Sistema retributivo
Anexo III. Complemento por funcións extraordinarias
Anexo IV. Profesorado do Conservatorio de Música

Nesa mesma reunión acordouse que en dúas/tres semanas haberá unha nova reunión na que o goberno presentará unha proposta concreta con respecto á proposta do Comité de continuar coa equiparación salarial co funcionariado, cun cronograma de aplicación para varios anos, tamén un texto concreto de aplicación para os órganos de dirección do Conservatorio que non estean ocupados por persoal a xornada completa e mais para novas dispoñibilidades, aínda que nun principio, de entre as propostas presentadas, só aceptou unha dispoñibilidade para o coordinador de Protección Civil, na liña da que na actualidade ten o encargado do servizo dos electricistas.

A presidenta do Comité solicitou que se entregase a proposta con tempo e que non se demorase, tendo en conta que último pleno ordinario desta lexislatura será o 30 de abril e que para que a proposta de modificación do convenio puidese ir a este pleno debería estar acordada co Comité antes da semana do 22 de abril. 

11/03/19

Milleiros de mulleres secundan a folga e as mobilizacións convocadas pola CIG neste 8 de Marzo


"O poder ten que entender que non imos permitir retrocesos nos nosos dereitos cando aínda nos quedan moitos por conquistar"

Miles de galegas están a secundar a folga e as preto de 30 mobilizacións convocadas pola CIG ao longo de toda Galiza neste 8 de Marzo, para reclamar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia. No Día Internacional da Muller Traballadora, as galegas toman as rúas de novo, reivindicando a orixe obreira e revolucionaria desta data, "para que dunha vez por todas o poder entenda que as mulleres estamos fartas da desigualdade e das agresións que sufrimos e porque non imos permitir que nos fagan retroceder nos nosos dereitos cando aínda nos quedan moitos por conquistar".

Galiza enteira treme: da Mariña ao Morrazo, da Costa da Morte a Valdeorras, de Ferrolterra a Compostela, de Lugo a Ourense, do Salnés a Betanzos, da Coruña a Vigo... miles de mulleres traballadoras da sanidade, do ensino, do comercio, da industria, dos centros de chamadas, da administración, do téxtil, do mar, das conserveiras,... saíron hoxe coa CIG á rúa no marco da xornada de folga laboral; mais tamén o fixeron as xubiladas, as estudantes, as desempregadas, as mulleres que traballan arreo pero non teñen unha remuneración "para denunciar a inxustiza que supón discriminar a máis da metade da sociedade pole mero feito de sermos mulleres".

Así se pronunciaba a secretaria de Mulleres da CIG, Margarida Corral, horas antes da saída da manifestación na Coruña convocada pola central sindical, durante o transcurso dun dos piquetes informativos que hoxe percorreron as rúas galegas. Corral apuntou ademais que esta folga é a ferramenta que temos para denunciar que, a pesares de ser ilegal, a fenda salarial continúa sendo unha realidade moi frecuente nas empresas; ao igual que o chan pegañento ou o teito de cristal, os atrancos na conciliación ou o acoso e as agresións sexuais ás que someten as traballadoras, entre outras situacións discriminatorias e machistas.

Seguimento na sanidade, o ensino e os centros do Consorcio

En canto ao seguimento da folga, no conxunto do país, na sanidade pública só están entrando os servizos mínimos e a folga está a ter unha especial incidencia na Atención Primaria, malia os "servizos máximos" decretados pola Xunta.

Nos sectores máis precarizados e feminizados da Administración, como son os centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (residencias de maiores e escolas Galiña Azul), o paro é masivo e un éxito rotundo, cinguíndose exclusivamente a cubrir os servizos mínimos impostos polo Goberno galego.

Na administración xeral da Xunta de Galiza foi desigual en atención aos departamentos, centros e xefaturas territoriais, cun seguimento de arredor dun 50% de traballadoras que secundaron a convocatoria de 24 horas na quenda de mañá na Xunta de Galiza. Desde a CIG-Administración salientan, porén, que houbo edificios administrativos que mesmo quedaron baleiros na provincia de Pontevedra, onde a incidencia foi maior. Desde a federación denuncian que o establecemento dos servizos mínimos abusivos, que xa foron denunciados pola CIG, dificultou a moitas traballadoras a súa participación na folga.

O 100% das traballadoras de ambulancias, que están na terceira semana de folga por un convenio colectivo digno, tamén se sumaron á convocatoria de folga de mulleres, reivindicando o seu traballo nun sector profundamente masculinizado.

Produciuse tamén unha paralizacion absoluta no ensino secundario e universitario e unha moi alta participacion na folga das mestras e profesoras, superando o seguimento do ano pasado. A imaxe de aulas baleiras foi a imaxe desta xornada nos centros de ensino.

Seguimento en Vigo

A folga está a ter un elevado seguimento na comarca de Vigo a pesar do intento de moitas empresas por boicoteala. A limpeza das escolas infantís e do hospital Álvaro Cunqueiro está a verse afectada a causa do paro de 24 horas, como tamén o servizo de cociña do centro médico vigués. Ao igual que a recollida do lixo (que xestiona a empresa FCC) e o mantemento dos parques e xardíns (do que se encarga Althenia).

No sector industrial hai que salientar a incidencia en empresas como Denso, GKN, Alonarti, Marsan, BorgWarner, Plastic Omnium, Grupo Copo, Asientos de Galicia, Viza, Alymosa, TRW, Domiberia ou Carchidea. Outras empresas nas que está a ter impacto son algunhas de alimentación como Frigolouro, Cerqueira, Valcárcel, Orbe, Fandicosta, Mascato ou Conservas Rías Baixas e do téxtil como Bimba y Lola, Pili Carrera, Paz Rodríguez e Selmark.

Por último, empresas do transporte como Gefco ou Vitrasa tamén rexistran un importante seguimento, a pesar de que a concesionaria do servizo de autobuses do Concello de Vigo non lle comunicou os servizos mínimos ás súas traballadoras.

En cadeas de supermercados como Alcampo e Froiz tamén está a ter un grande impacto, ao igual que en empresas importantes do sector dos centros de chamadas como Bosch e Unísono. No sector de oficinas e seguros tamén están a secundar a folga moitas traballadoras de compañías como Satec, Experis, Boycor, Cetmar, Prosegur BPO, AXA, Construdata 21, Lidera, IS2 e Ader.

Seguimento na Coruña

Na Coruña o seguimento da folga déixase notar na administración pública, pois están pechados todos os centros cívicos da cidade, a Casa Casares e a Casa María Pita. E tamén parte das traballadoras de axuda a domicilio se sumaron ao paro. O impacto da folga tamén se está a notar nunha zona comercial tan céntrica como a da Praza de Lugo, onde un piquete informativo da CIG estivo repartindo volantinas explicando os motivos da convocatoria e das mobilizacións convocadas nesta xornada.

As tendas de Oysho do centro comercial Marineda City e Catro Camiños permanecen pechadas e tamén as de Stradivarius de Marineda e Praza de Lugo, e aínda que desigual, tamén hai seguimento no resto das tendas do Grupo Inditex. Destacar que o comedor de Zara Loxística non pode prestar servizo porque a maioría das  traballadoras están en folga.
No sector industrial, as traballadoras de Celsa Atlantic da Laracha tamén foron á folga e o 50% da traballadoras de Ferroatlántica de Cee. Na conserveira Calvo de Carballo a práctica totalidade das mulleres parou e en Extel e Atento, dúas das grandes empresas do sector de atención telefónica da Coruña, o seguimento supera o 80%.

Seguimento en Compostela

Na comarca de Compostela, a folga déixase sentir a esta hora no sector servizos, onde máis do 60% das traballadoras das tendas Inditex (Zara, Bershka, Stradivarius, Oysho, Lefties, Zara Home…) do centro comercial As Cancelas están secundando a folga. De igual xeito as compañeiras das tendas Oysho e Stradivariuss do centro da cidade están en folga.
No hospital Clínico, alén do seguimento entre o persoal sanitario, o 100% das traballadoras da cafetería non acudiron aos seus postos. E pararon tamén compañeiras do concesionario de Toyota, de Intelsis e de Senande. Ademais en empresas como Indra, o seguimento foi do 50%; en Feafes do 75% e en Dinahosting do 60%.

Na Administración local, arredor do 90% das empregadas do Concello de Santiago están en folga e máis do 50% das traballadoras de axuda no fogar do Concello de Brión e Ames. Caso salientábel o da condutora do lixo de Sogama, a única muller que hai neste servizo, que tamén está facendo folga.

En Padrón, o 100% das traballadoras de Cortizo secundan a folga e na zona do Barbanza o paro ten especial relevancia nas conserveiras Frinsa e Escurís e na empresa de conxelados López Soto (no Barbanza), nas que meirande parte das traballadoras están en folga.

 Seguimento en Ferrol

En Ferrol a esta hora o paro séntese entre as mulleres que traballan nos estaleiros de Navantia, onde houbo un piquete informativo ás portas da antiga Bazán, na fábrica de Einsa (As Ponte) e na planta de Indipunt (Narón). Rexístrase paro tamén en Arteixo Telecom, na Administración local, nas oficinas de Correos e en tres residencias da comarca o seguimento é do 100%.

Censurábel o comportamento do Concello de Mugardos, que notificou a dúas traballadoras para servizos mínimos no últimos momento e a través dunha mensaxe de texto, sen respectar o acordo alcanzado coa representación social sobre os mínimos, no que non se facía referencia a estas dúas empregadas. En reposta a esta actuación, esta mañá un piquete informativo acudiu ás portas do concello "para demostrar que as traballadoras non imos consentir este boicot".

Seguimento en Pontevedra e Ourense

No caso de Pontevedra, a folga déixase notar en empresas de frío industrial situadas no Porto de Marín como Marfrio ou Cabomar. En Treves, firma do sector da automoción, o seguimento está a ser total, mentres que en Ferrovial, concesionaria da limpeza viaria sitúase en torno ao 80%. Esta mesma porcentaxe rexístrase na limpeza dos colexios públicos, mentres que no caso de Acciona, que ese encarga da limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo baixa ao 40%.

Na comarca do Salnés o paro ten impacto nas conserveiras Thenaisie Provote (O Grove) e Perez La Fuente (Vilanova de Arousa), cun 100% de seguimento. Noutras  empresas como Serpeixe, Roma, Friscos, Cefrico, Atunlo e Isabel a incidencia está a ser tamén bastante importante. En Pull&Bear o paro de mulleres é total, mentres que en Bershka ten un seguimento moi elevado.

En Ourense, a folga a está a ter especial repercusión nas tendas do grupo Inditex e en Desigual, en empresas do sector dos centros de chamadas como Unitono e Contacnova ou en compañías da industria aeronáutica como Coasa.

Seguimento en Lugo

En Lugo a folga estase facendo notar con especial incidencia no Centro Comercial das Termas, onde se rexistra un elevado seguimento da folga entre as traballadoras do Eroski non cooperativistas -de feito a sección de frescos non puido abrir por non haber quen a atendera-. E está pechada a tenda de Lefties. No caso do Carrefour, o 40% das traballadoras non entrou traballar.

Así mesmo, nas residencias de maiores de Outeiro de Rei, Castro Ribeiras de Lea e Abeiro Gold hai un alto seguimento da folga, tal e como acontece tamén en Abante BPO, empresa do sector dos centros de chamadas e unha das máis grandes da cidade, onde parou o 70% das mulleres.

En Monforte a folga de mulleres estase sentido amplamente no servizo de axuda no fogar e entre as traballadoras do Concello.

As reivindicacións das mulleres non foron atendidas

"Tras da histórica xornada do 8 de Marzo de 2018, as mulleres volvemos ás rúas porque transcorrido un ano non se abriu proceso algún que levase a mudanzas concretas, nin se recolleron as reivindicacións e demandas para que teñamos vidas dignas", aseverou Corral. Mais ao contrario, estamos asistindo a un rearme da dereita nas institucións nas que ostenta o seu poder, cuestionando a lexislación para a igualdade, os nosos dereitos reprodutivos, o dereito ás pensións públicas, o dereito á conciliación, negando a fenda salarial ou a existencia da violencia machista.

Dende a CIG insístese tamén en que é preciso desmontar a hipocrisía e a falsidade coa que se trata a problemática específica das mulleres, tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema, "tanto polos gobernos que aprobaron as reformas laborais e das pensións e non as derrogaron, como pola dereita que continúa a atacar frontalmente os nosos dereitos máis fundamentais”.

Por iso, aseverou a secretaria das Mulleres da CIG "para nós hoxe é un día de denuncia, de combate e de loita  revolucionaria, non para que nos feliciten nin nos agasallen con flores. O poder ten que tomar nota das nosas reivindicacións, porque somos máis da metade desta sociedade e non imos permitir ningún retroceso cando aínda nos quedan tantos dereitos por conquistar".

Desigualdade e discriminacións no mercado laboral

Margarida Corral puxo o acento nas discriminacións que padecen as traballadoras no mercado laboral, con especial atención no feito de que unha de catro mulleres en Galiza vive por debaixo do limiar da pobreza. Mais tamén na persistencia dunha fenda salarial do 21.5% con respecto aos homes, o que supón que as traballadoras galegas ingresan ao ano como media 4431 euros menos. Unha fenda que se agrava no caso das pensionistas, que acada o 36.6%; é dicir, as pensionistas galegas ingresan 5000€ menos ao ano que os homes e moitas nin tan sequera teñen acceso a unha pensión contributiva. Xunto a isto, subliñou que o 77.3% dos traballos a xornada parcial son desempeñados por mulleres e que máis do 94% dos novos contratos subscritos por mulleres foron de carácter temporal.

A pesar das declaracións de boas intencións, dos protocolos, da sinatura de plans de igualdade, ás mulleres "impídesenos conciliar, vivindo con medo a ser despedidas ou represaliadas cando nos convertemos en nais. Somos nós as que coidamos e por tanto facemos uso dos dereitos de conciliación, dereitos totalmente insuficientes que non ofrecen a posibilidade de compaxinar traballo con coidado sen perda salarial, abocadas a excedencias ou reducións de xornada", alerta Corral.

Mais tamén sufrimos de xeito maioritario os efectos dos recortes no estado de benestar, os coidados seguen fóra do centro das políticas e son asumidos de xeito maioritario polas mulleres, que tamén son as que en maior medida traballan na economía somerxida, nos traballos invisíbeis e non remunerados. "Todas estas son razóns de abondo para saír hoxe e todos os días do ano á rúa, para esixir medidas reais e efectivas para rematar coas discriminacións, os acoso na rúa, na casa, no lugar de traballo, as agresións, as violacións e que nos asasinen polo mero feito de sermos mulleres".

Neste senso, criticou que ao poder "non lle interesa a existencia de mulleres organizadas que manteñan unha actitude combativa e de confronto aos poderes políticos e económicos, contra quen nos explota como clase, nos discrimina por sermos mulleres e nos oprime por ter conciencia de nación". Ao contrario, advertiu, "ao sistema interésalle homoxeneizar o discurso, banalizalo, pretenden ritualizar o 8 de marzo, chamándolle Día da Muller, e que quede nunha data festiva, baleira  de discurso crítico contra o capitalismo e contra o patriarcado, e desposuída da súa orixe obreira e revolucionaria".

Neste punto, Corral lembrou a figura de Rosalía de Castro ("unha galega adiantada a súa época que deu palabra a denuncias aínda hoxe plenamente vixentes") e reivindicou as revoltas e mobilizacións de mulleres que hai máis de cen anos percorrían o país de Oseira a Nebra, de Narón a Sofán e Sobredo; dos motíns de subsistencia e os tumultos convocados o século pasado na Galiza por mulleres contra a suba de prezos nos alimentos e produtos básicos; das labregas enfrontadas aos caciques e á garda civil, "neses mitins e manifestacións de mulleres das clases populares do país, que percorreron as rúas galegas, loitas tantas veces esquecidas, neste país colonizado, e que deben ser todo un referente de autoorganización e de loita polos nosos dereitos, elas son as que comezaron a loita que agora seguimos".

A CIG recorrerá os servizos mínimos do Concello de Betanzos da folga do 8 de marzo por abusivos e critica a discriminación das traballadoras municipais


O goberno municipal do PSOE, apoiado pola UGT, CSIF e CCOO, impídelles ás traballadoras da Escola Infantil Municipal facer folga cun servizos mínimos que obrigan a traballar a 5 das 7 traballadoras que ten a Escola. O acordo tomouse na Mesa Xeral de Negociación do pasado 28 de febreiro co voto en contra da CIG que anunciou que recorrería estes servizos en canto se publicase o decreto. A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos recorrerá estes servizos mínimos que son claramente abusivos e que van na contra nos dereitos das traballadoras dun servizo que na actualidade está composto na súa totalidade por traballadoras.

A gravidade desta decisión do Concello de Betanzos que impide o dereito á folga das traballadoras aumenta de termos en conta que o Concello incumpriu a ratio en moitísimas ocasións con denuncias das traballadoras e da CIG pola falta de persoal e coa intervención da propia inspección da Xunta, que lle requiriu ao Concello que solucionase a situación. Agora, e nunha folga de mulleres, o Concello impídelle a folga das traballadoras da Escola Infantil e desatende o significado dos servizos mínimos ampliándoo ata o máximo para que estas non poidan secundar a folga convocada con motivo do 8 de marzo.

A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos denuncia, a maiores, que nesta Administración local existe un teito de cristal xa que o 77% dos postos con responsabilidade están ocupados por homes, fronte a un escaso 33% que ocupan mulleres, así mesmo a maioría dos homes cobran por esa responsabilidade a maiores, mentres que no caso das mulleres, só se remunera esta nun posto. Por tanto, non só lles resulta ás mulleres case imposible ascender na carreira profesional, senón que cando se consegue un posto de maior responsabilidade, esta non adoita ser remunerada en igualdade de condicións que os homes.

Aínda máis grave resulta a fenda salarial existente entre homes e mulleres que ocupan o mesmo posto e realizan as mesmas funcións, xa que tanto entre o funcionariado como entre o persoal laboral existen graves discriminacións salariais que o Concello non foi quen de resolver co convenio colectivo do persoal laboral nin cunha Relación de Postos de Traballo que as solucione e que deixan patente que os postos ocupados por homes encabezan os salarios máis altos das distintas categorías profesionais.

Desde a CIG recorreremos os servizos mínimos por abusivos e por impedir o dereito á folga das traballadoras e seguiremos traballando pola igualdade a pesar de que o goberno municipal do PSOE teime en perpetuar discriminacións que afondan na situación de desigualdade das traballadoras.


07/03/19

Cursos FEGAMP ano 2019


Desde o luns 4 de marzo a FEGAMP abriu o prazo de inscrición nos cursos do Plan de F-C 2019. Na páxina web  http://www.fegamp.gal/formacion/continua poderás atopar todos as ligazóns e a información necesaria: bases da convocatoria, ficha de inscrición, accións formativas e outros documentos. 

INSCRICIÓNS:

PRAZO: do 4 ao 13 de marzo (incluído)

PRESENTACIÓN: só por correo electrónico a formacion.continua@fegamp.gal

OBRIGATORIO: selo da entidade local e sinatura da persoa solicitante.

06/03/19

O teito de vidro e a fenda salarial, unha realidade para as traballadoras do Concello de Betanzos

O teito de vidro é a limitación do ascenso laboral das mulleres no interior das organizacións, limitando as súas carreiras profesionais e resulta invisible porque non existen leis ou dispositivos sociais establecidos e oficiais que impoñan unha limitación explícita na carreira laboral ás mulleres.

De facermos un pequeno repaso pola realidade laboral actual do Concello de Betanzos, tendo en conta os datos do anexo de Persoal dos orzamentos do ano 2017, únicos aprobados nos últimos anos polo pleno e que ata hai pouco mesmo se podían consultar no portal da transparencia, non así agora; a realidade laboral dos postos con responsabilidade do Concello de Betanzos é a seguinte:

POSTOS CON RESPONSABILIDADE OCUPADOS POR HOMES (10) 

Director Biblioteca 
Director Conservatorio 
Director Centro de Formación Ocupacional 
Director Radio
Encargado limpeza
Encargado servizo eléctrico
Xefe grupo Grumir
Xefe grupo Grumir
Inspector Policía Local
Inspector Policía Local

POSTOS CON RESPONSABILIDADE OCUPADOS POR MULLERES (3)

Coordinadora Servizos Sociais
Directora Escola Infantil
Directora Escola Municipal de Folclore

Nesta análise non se incluíron os postos que teñen algún outro de responsabilidade por riba como os oficiais de Policía (todos ocupados por homes tamén), ou o resto de postos con responsabilidade do Conservatorio municipal (todos ocupados por homes igualmente).

Como se pode ver, só 3 postos con responsabilidade son ocupados por mulleres, fronte aos 10 ocupados por homes, por tanto só o 23% dos postos con responsabilidade e traballadores/as ao seu cargo do Concello de Betanzos están ocupados por mulleres, cando o 77% restante están ocupados por homes. É curioso, ademais, como xusto nos postos ocupados por homes, hai duplicidades de mando como no caso dos xefes de grupo e dos inspectores da Policía Local mais nunca así nos postos que ocupan mulleres.

A situación aínda se agrava de termos en conta que dous dos postos de responsabilidade desempeñados por mulleres non teñen ningunha remuneración por esta responsabilidade a maiores, e só no caso da coordinadora, un posto de funcionaria, si que é así. Aínda por riba, o goberno municipal teima en non recoller estes postos na nova Relación de Postos de Traballo o que dificulta que esta discriminación se solucione, e agrava a discriminación ao nin sequera lle recoñecer a responsabilidade de dirección a unha traballadora que leva décadas execérdoa.

Para os homes parece máis doado, posto que aínda que na actualidade, no caso dos postos ocupados por laborais efectivamente non hai unha valoración específica dos postos con responsabilidade, nunha grande parte dos casos os traballadores con responsabilidades teñen salarios por riba do Convenio colectivo e un complemento persoal transitorio que lles supón cobrar máis que o resto do persoal do seu mesmo grupo e nivel. Por tanto, e téndomos en conta este dato, pódese concluír que o 70% dos postos con responsabilidade ocupados por homes si que cobran por esta, cando no caso das mulleres esta porcentaxe baixa ao 33%, é dicir, a menos da metade.

Se ben o convenio colectivo do persoal laboral do ano 2017 solucionou unha discriminación histórica entre as traballadoras de limpeza e axuda no fogar do grupo V, que antes cobraban menos que os traballadores de limpeza do mesmo grupo (mentres o propio concelleiro de Persoal o xustificaba), non foi quen de amañar outras moitas das existentes noutros grupos, xa que na actualidade e no caso do persoal laboral nos grupos I, II, III e IV os traballadores que máis cobran de cada un dos grupos son todos homes, que teñen salarios por riba do Convenio colectivo e contan con Complementos Persoais Transitorios que demostran que o convenio non acadou a xustiza retributiva de homes e mulleres nin de todos os traballadores e traballadoras e que é máis necesario ca nunca continuar coa renegociación de salarios do persoal laboral, porque mentres haxa diferenzas salariais haberá discriminacións salariais.

No caso do funcionariado, se ben os salarios son moito máis altos que os do persoal laboral, tendo en conta a asignación dos niveis máis altos posibles e unhas valoracións de complementos específicos sen criterios obxectivos, a situación de discriminación por xénero non é moi diferente, tendo en conta que nos grupos C1 e C2 os salarios máis altos son para postos ocupados por homes, e que casualmente no grupo C2 os postos ocupados por homes teñen un complemento específico moitísimo máis alto que os postos ocupados por mulleres, mesmo no mesmo posto de traballo. A discriminación tamén queda máis que patente se reparamos en que un peón de obras do grupo E cobra máis complemento específico que a coordinadora de Servizos Sociais, que desempeña o único posto de responsabilidade ocupado por unha muller funcionaria no Concello.


Na man do goberno municipal está solucionar as discriminacións, mais ata o momento está claro que non hai unha política de igualdade interna que se estea a aplicar de xeito efectivo nin que intente paliar as discriminacións existentes e históricas.

Respostas ás preguntas máis frecuentes sobre a Folga de Mulleres do 8 de Marzo


Para que todas as traballadoras poidan facer valer os seus dereitos

Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga de Mulleres do vindeiro 8 de Marzo para que todas as traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade.

1. Cal é a miña situación laboral no día de folga?

Durante a xornada de folga, o contrato de traballo está suspendido, ficando sen efecto as obrigas recíprocas da  traballadora e a empresa: traballar e pagar o salario. Para os efectos da Seguridade Social, a traballadora permanece nunha situación asimilada á alta.


2. Canto me poden descontar pola folga?

No día de folga, descóntase a parte proporcional dos conceptos salariais e extrasalariais que correspondan a esa xornada, así como das partes proporcionais das pagas extraordinarias. O teu dereito ao goce de festivos, vacacións e descanso semanal non se ve prexudicado polo feito de ires á folga.


3. A empresa pode substituírme se vou á folga?

Non. Esa conduta denomínase esquirolaxe e é ilegal tanto nas súas modalidades externa –empregar traballadoras doutros centros–, interna –substituír as traballadora en folga por outras do mesmo centro de traballo, mediante a mudanza das súas funcións ou posto de traballo– e tecnolóxica –substitución de traballadoras por medios automáticos–.


4. Teño a obriga de comunicarlle á empresa que vou á folga?

Non, o dereito á folga faise efectivo unha vez que esta comeza. Non tes a obriga de comunicarlle á empresa se vas facer folga ou non. É máis, pedir a unha traballadora que asine un escrito manifestando a súa intención de ir ou non ir á folga é unha infracción administrativa e pódese denunciar perante a Inspección de Traballo.


5. Se asinei un papel na empresa dicindo que non vou facer folga, podo mudar de opinión?

Aínda que llo asinases con sangue. O dereito á folga é un dereito irrenunciábel e exércese no momento en que a folga comeza. O documento que asinaches non é vinculante porque vulnera un dereito fundamental.


6. Pódenme despedir ou sancionar por ir á folga?

De ningunha maneira. O dereito á folga é un dereito fundamental. En caso de sanción ou despedimento, sería considerado nulo e o empresario ou empresaria tería que reincorporarte nas mesmas condicións que tiñas.


7. E se a empresa é unha túzara e quere sancionarme ou despedirme igual?

Non asines nada. Asinar un finiquito pode implicar unha renuncia a reclamar. Ven ao sindicato de contado, porque os prazos son curtos, e dirémosche como proceder.


8. Pode calquera empresa fixar servizos mínimos?

Non. Os servizos mínimos están destinados á estrita prestación dos «servizos esenciais para a comunidade» (sanidade, educación, hixiene pública, transportes públicos, etc.) durante a folga, polo que é a Administración pública (autoridade laboral) a que estabelece en que empresas e Administracións hai que facelos e en que consisten. As empresas que non prestan estes «servizos esenciais para a comunidade» só poden impor «servizos de mantemento», destinados a garantir a seguridade das persoas e locais e o seu mantemento (instalacións, maquinaria, materias primas, etc.) cando sexa necesario, mais nunca con carácter produtivo.


9. Se me designan para os servizos mínimos e son abusivos, teño que ir traballar?

En principio, si. Non ires traballar cando es designada para os servizos mínimos pode ser motivo de sanción ou mesmo de despedimento disciplinario. Así pois, debes ir ao teu posto de traballo e recorrer xudicialmente os servizos mínimos impostos se entendes que son indebidos ou excesivos.


A CIG proporá que, dado que estamos ante unha folga de mulleres, os servizos mínimos sexan encomendados aos traballadores da empresa, garantindo así que todas as mulleres que o desexen poidan facer folga.

10. É delito que a empresa me diga que se non vou traballar o día de folga me ateña ás consecuencias?

Por suposto que o é. A folga é un dereito fundamental, polo que a coacción para evitar o seu exercicio está tipificada como delito. Se a empresaria ou empresario fai iso, debes comunicalo ao sindicato para presentarmos a correspondente denuncia.


11. Compútase o día de folga para os efectos de cálculo do absentismo laboral? 

Non. Está expresamente excluído este suposto para os efectos de cálculo do absentismo laboral.


12. Teño dereito a ir á folga se son traballadora autónoma ou traballadora autónoma economicamente dependente?

Tecnicamente non. A folga é un dereito das traballadoras asalariadas. Iso non significa que como autónoma ou TRADE non poidas parar a túa actividade, mais por desgraza isto non entra no dereito fundamental á folga. Deberás valorar o que fas en función dos contratos mercantís que teñas subscritos e da relación coa túa clientela.



13. Teño dereito a ir á folga se son bolseira?

Non. É certo que hai moitas «falsas bolsas» que encobren unha relación laboral. Porén, iso deberá declaralo o xulgado e se non existe sentenza presúmese que a bolseira á unha estudante. Tes que valorar as condicións de concesión da túa bolsa para decidir se podes non asistir ese día e as consecuencias que pode ter a inasistencia.