11/04/19

Datos sobre a RPT acordada con CSIF e CCOO

A pesar de que seguimos sen saber cando irá ao pleno para a súa aprobación, a empresa contratada para a elaboración do documento comentou na Mesa Xeral de Negociación algúns datos relacionados co documento sobre os que cómpre reflexionar, así como algunhas outras cuestións ben relevantes.

Seica a RPT lle vai custar ao Concello de Betanzos 300000 euros, dos cales 33000 van destinados aos postos do persoal laboral, o que supón que 267 000 euros da mellora salarial van destinados ao persoal funcionario. Ademais, indicou que dará lugar á creación de 6 complementos persoais transitorios, polo que só serían 6 os funcionarios e funcionarias que na actualidade teñen unha valoración do complemento específico maior á que terían logo da entrada en vigor do documento.

Se temos en conta que cando se negociou o convenio colectivo falábase de que a súa aplicación custaría arredor de 60 000 euros,  cando menos eses son os datos que o goberno municipal lle dera aos representantes dos traballadores, as contas están claras. O goberno do PSOE en catro anos pretende destinar ao persoal laboral, que é case o dobre que o funcionariado, 93 000 euros, e ao outro colectivo 267 000 euros. A situación complícase se temos en conta a situación salarial actual:


FUNCIONARIO
LABORAL
DIFERENZA APROXIMADA
A1
I
-27%
A2
II
-30%
C1
III
-24%
C2
IV
-18%
AP
V
-24%

O goberno do PSOE obvia que na actualidade os traballadores laborais cobran entre un 30% e un 18% menos que o funcionariado do mesmo grupo (comparando o CE máis baixo de cada grupo) e incide na discriminación ao non valorar en igualdade de condicións os postos ocupados por un ou outro colectivo e que dá lugar a gravísimas diferenzas salariais entre traballadores que realizan o mesmo traballo, como as que seguen:


POSTO RELACIÓN FUNCIÓNS SALARIO BASE NIVEL C.
DESTINO
PUNTOS
RPT
C.
ESPECÍFICO
TOTAL DIFERENZA
OPERARIO LIMPEZA VIARIA FUNCIONARIAL IDÉNTICAS 8149 13 4192,32 34,5 4830 17171,32

OPERARIO LIMPEZA VIARIA LABORAL
FIXO
IDÉNTICAS 8149 7 2697,1 25,2 3528 14367,1 -2804,22

A situación é aínda máis grave se temos en conta que o operario de limpeza discriminado con respecto ao seu homónimo funcionario leva case corenta anos traballando no Concello de Betanzos e sen poder acceder a un proceso de funcionarización. Por tanto, o goberno municipal non só discrimina ao persoal laboral, senón que o castiga por unha pésima xestión municipal que impediu a funcionarización mesmo de traballadores fixos e que agora lles vai repercutir no salario grazas ao acordo do PSOE, CCOO e CSIF.

Un outro dato que non carece de importancia, é que cando a CIG asinou o Convenio colectivo, a mellora salarial para os traballadores laborais non supuxo ningunha discriminación para o funcionariado, mais o acordo ao que chegaron CCOO e CSIF tira beneficio para os postos do persoal funcionario, a custas de afundir a valoración do persoal laboral, e iso si que resulta lamentable cando a totalidade do persoal traballamos cos mesmos condicionantes no día a día, independentemente da relación laboral ou funcionarial. Xa non é, pois, só o propio goberno municipal, os representantes sindicais do funcionariado buscaron un acordo en beneficio deles sen importarlle nun só momento a realidade da situacións dos laborais, nin a situación na que fica o resto do persoal

Ningún comentario:

Publicar un comentario