Na Galiza emprego, salarios e pensións
dignas
Camiñamos cara ao 1º de Maio, Día
Internacional da Clase Traballadora, coa necesidade de tomar as rúas
para esixir un cambio real e profundo nas políticas executadas coa
escusa da crise, porque segue a medrar a precariedade e a pobreza
laboral e continúa a perda de poder adquisitivo da clase
traballadora galega.
As novas formas de explotación laboral
introducidas coas reformas laborais están a fomentar un
empobrecemento xeneralizado da clase traballadora e un incremento das
discriminacións de xénero, ao que se lle suma o desmantelamento da
nosa industria, os ERE, os peches e a deslocalización de empresas.
O Goberno español do PSOE demostrou
que non tivo intención real de cambiar as políticas impostas polo
PP, mantén basicamente o modelo económico e de relacións laborais
nacido das reformas laborais aprobadas no 2010 e no 2013, e que ten
significado un verdadeiro “golpe de Estado “aos dereitos
laborais, sociais, da negociación colectiva, das liberdades públicas
e do sistema público de pensións.
Discurso fraudulento do PP
Nesta situación, o presidente da Xunta
de Galiza, disfrazado nun discurso fraudulentamente crítico contra o
Goberno de Madrid, está a demostrar, coas súas accións, que non
ten vontade de facer nada para evitar o dano que están a provocar as
políticas neoliberais nin para frear a grave emerxencia nacional e
social que atravesamos en Galiza.
Máis ben ao contrario, é un Goberno
pasivo, cando non protagonista, na aprobación de duras políticas en
favor das multinacionais e dos fondos de inversión, ben sexa
promovendo privatizacións e recortes nos servizos públicos ou ben
facilitando o expolio dos nosos recursos enerxéticos e naturais en
favor do emprego e da industria doutros territorios, mentres en
Galiza a perda de emprego e a constante emigración, especialmente da
nosa mocidade, están á orde do día.
Un Goberno do PP que renega de actuar
en defensa do pobo galego, que non ten vontade algunha para tomar
iniciativas a favor da creación de emprego digno na nosa terra, do
desenvolvemento económico, industrial e social de Galiza. Son tempos
de acción e mobilización!!!
Tomar a iniciativa
Temos a responsabilidade de tomar
iniciativas, como as das moitas loitas que estamos a vivir; a do
pasado 8 de Marzo; as do sector das ambulancias e da sanidade
pública; a do persoal de Alcoa, Ferroatlántica ou Poligal; e na
defensa dunhas pensións públicas dignas.
Este 1º de Maio afrontámolo nun
momento de incerteza política, no que as próximas convocatorias
electorais son unha oportunidade para cambiar esta realidade, pero as
posibilidades de avanzar en dereitos laborais e sociais van depender
de que creamos nas nosas propias capacidades colectivas como clase
traballadora e como pobo galego.
Forzas propias
De igual maneira que os e as
traballadores e traballadoras apostamos maioritariamente polo
sindicalismo nacionalista e de clase, nestas eleccións políticas
non podemos ter medo, nen caer nos enganos de que as solucións
chegarán por concesión dun poder político que está ao servizo do
capital ou dunhas forzas políticas españolas, incluídas as de
esquerda, que nas súas prácticas diarias vemos como aproban leis
que rouban e saquean á maioría do pobo galego, facilitando a
concentración da riqueza en mans duns poucos e en territorios lonxe
de Galiza.
Temos que ser conscientes de que as
saídas para o noso futuro pasan por apostar por forzas políticas
propias, autenticamente galegas, nacionalistas e de esquerdas, de
teoría e de acción, que defendan os nosos intereses como clase
traballadora galega, sen complexos de ningún tipo e sen submisións
a Madrid.
Dende a CIG temos claro que está moito
en xogo!!! A recuperación dos dereitos para poder avanzar virá da
capacidade de nos organizar e mobilizar socialmente, de intensificar
a loita obreira e popular, porque é dende onde debemos seguir dando
resposta para forzar os cambios necesarios para conquistar políticas
alternativas coas que en Galiza teñamos emprego, salarios e pensións
dignas.
LUGAR E HORA DAS MOBILIZACIÓNS
- Vigo: 12:00 h. A Dobrada.
- Ferrol: 12:00 h. Avenidad de Esteiro.
- Pontevedra: 12:00 h. Praza da Ferrería.
- Vilagarcía: 12:00 h. Casa do Mar.
- A Coruña: 12:00 h. Praza de Vigo.
- A Estrada: 12:00 h. Praza do Mercado.
- Santiago: 12:30 h. Praza Roxa.
- Ribeira: 12:00 h. Praza do Peixe.
- Ourense: 11:30 h. Praza Maior.
- Cee: 12:00 h. Diante do Concello.
- Lugo: 12:00 h. Edificio Sindical.
- San Cibrao: 12:00 h. Casa do Mar.
- Cangas: 18:30 h. Diante do Concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario