A CIG decidiu solicitar por rexistro unha copia dos contratos laborais que o Concello de Betanzos realizou desde o pasado mes de xuño. Desde ese mesmo momento o goberno municipal aproveita a non constitución do Comité de Empresa para non lle facilitar aos representantes dos traballadores copia dos contratos laborais, tal e como debe.
A maiores, o feito de que non se constituíse o Comité e o goberno teime en non lle dar cumprimento ao laudo arbitral dos resultados das eleccións complica o panorama e debeulle facer pensar que non ten obrigas de información aos traballadores que veñen dadas polo propio Estatuto dos Traballadores.
O certo é que estas primeiras semanas de lexislatura veñen a confirmar as peores prácticas do goberno municipal en material de persoal, con discriminacións cada vez máis patentes, un desmantelamento completo dos servizos públicos en favor das empresas privadas e a paralización total e absoluta da negociación colectiva, cando menos nas mesas xerais de negociación, xa que as reunións do concelleiro de Persoal, Diego Fernández, cos delegados de funcionarios do CSIF son continuas e demostran que a este sindicato o que menos lle importa son as mesas de negociación onde se deciden a porta aberta cuestións tan importantes como as retribucións complementarias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario