O concelleiro de Persoal, Diego Fernández, nun alarde da súa prepotencia habitual afirmou no pleno da pasada semana que modificará o Convenio colectivo para aplicar o sistema de valoración discriminatorio para o persoal laboral da RPT no texto regulador das condicións dos traballadores laborais.
Fixo un anuncio obviando por completo que ao igual que o texto do Convenio colectivo, as modificacións deste non só deben ser previamente negociadas na Comisión Negociadora, senón que deben ser aprobadas pola asemblea de traballadores e traballadoras, e, por tanto, polo propio persoal.
A maiores, o discurso unitario que tanto a CSIF como o goberno de María Barral veñen mantendo con respecto á RPT obvia a cuestión fundamental desta problemática que é EXPLICAR O MOTIVO POLO QUE SE EXCLÚE AO PERSOAL LABORAL TEMPORAL E SE DISCRIMINA AO PERSOAL LABORAL FIXO OU INDEFINIDO NAS RETRIBUCIÓNS CON RESPECTO AO FUNCIONARIADO.
A cuestión é clara, se María Barral ten pensado trasladar as retribucións argalladas, negociadas e acordadas co sindicato dos funcionarios ao Convenio colectivo PORQUÉ EXCLÚE AO PERSOAL LABORAL TEMPORAL DA RPT? Acaso non sería máis doado incluír a todo o persoal agora mesmo e evitarlle aos traballadores e traballadoras facer alegacións, ter que recorrer a Relación de Postos de Traballo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e evitar o pésimo ambiente laboral que se respira no Concello por culpa dunha RPT inxusta e discriminatoria?
O único que fica claro, se deixamos a un lado as promesas pouco clarificadoras de Diego Fernández e da CSIF é que o goberno de María Barral considera que a maior parte dos traballadores laborais non son necesarios para o funcionamento normal do Concello, e por iso non entende que os seus postos non son estruturais; nin entenden que é necesario que entren nun organigrama que obviamente non solucionará ningún dos problemas existentes de organización desta Administración local xa que exclúe a máis da metade do persoal.
En que lle beneficia ao goberno municipal non incorporar ao persoal laboral na RPT? Pois outro dos motivos chaves desta exclusión posiblemente estea que os traballadores e traballadoras que non teñen postos definidos nun organigrama sempre poden "facer de todo" e non adoitan negarse a nada, porque non teñen definido o posto, as funcións nin o superior responsable. A situación vulnerable do persoal laboral temporal en fraude de lei non fai máis que alimentar a desregularización e incerteza entre os traballadores que non teñen un posto definido e isto sempre beneficia a quen manda, xa que canto menos clara teñen a súa situación os traballadores máis difícil é reclamar as inxustizas non só na propia Administración senón tamén noutras instancias xudiciais. Por tanto, está claro, que a exclusión da RPT da meirande parte do persoal laboral si que afonda nas discriminacións e non só salariais, xa que deixa non só nun limbo legal ao persoal laboral senón nunha incerteza e inseguridade con respecto aos límites e as funcións de cada posto de traballo que beneficia ao goberno fronte ao persoal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario