O Xulgado desestimou
a inexecución da sentenza condenatoria a raíz dunha denuncia da CIG
O Xulgado do
Contencioso Administrativo número 2 de Ourense vén de desestimar a
solicitude de inexecución de sentenza solicitada pola Deputación e
Ourense a raíz da denuncia presentada pola CIG por enchufismo no
concurso derivado da Relación de Postos de Traballo (RPT). En
consecuencia, o ente provincial non poderá manter as 66 designacións
e os ascensos ilegais coas que pretendía burlar a decisión xudicial
que anulou o proceso.
Segundo explican
dende os servizos xurídicos da CIG de Ourense, “a sentenza sinala
moi claramente que o que é nulo non existe e condena a Deputación a
pagar os custes, sumando con esta cinco condenas en custes que pagará
a veciñanza”.
Lembran que a
institución provincial perdeu no Xulgado CA número 2 de Ourense, na
Sala do CA do TSXG, na Sala do CA do Tribunal Supremo e, de novo, na
Sala de Casación do TSXG todos os recursos relativos ao proceso
xudicial interposto pola CIG contra o concurso ordinario derivado da
RPT de 2016.
“Mais o presidente
da Deputación, Xosé Manuel Baltar, tentou, nun último caneo
xudicial, manter vixentes as 66 designacións e ascensos ilegais
nacidos da norma anulada, solicitando a inexecución da sentenza ou,
subsidiariamente, o mantemento dos ascensos efectuados ao considerar
que as persoas adxudicatarias dos dedocráticos ascensos foron
beneficiarias de boa fe”.
Asunción de
responsabilidades
Fronte a isto, a
propia sentenza establece que «en definitiva, lo que es nulo no
produce ningún efecto, debe considerase que nunca ha existido, por
lo que no puede pretenderse mantener la validez ni de actos
particulares dictados al amparo del acto declarado nulo ni, mucho
menos, los nombramientos efectuados con base en él».
En consecuencia,
dende a CIG animan a Baltar, “nun momento tan difícil para a
sociedade como o actual”, a deixar de “revirar” as decisións
da xustiza, a cumprilas e a dar contas públicas deste asunto “por
medio das canles democráticas que temos: a asunción de
responsabilidades, a actuación en consecuencia por ter sido
condenado cinco veces por todos os tribunais do Estado español e
mesmo a dimisión”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario