As persoas que
teletraballan, a tempo parcial ou completo, teñen como
característica común que realizan as súas tarefas dende lugares
distintos ao centro de ocupación da empresa, empregando como
ferramentas as denominadas Tecnoloxías da Información e
Comunicación. Atendendo ao lugar no que se realiza, poden
distinguirse tres modelos de teletraballo: o traballo dende o fogar,
o traballo en telecentros ou o traballo móbil (non hai lugar
determinado, as persoas traballadoras están en movemento e manteñen
comunicación coa empresa a través de medios telemáticos).
A
efectos de prevención de riscos laboráis, non existe no Estado
español unha norma específica que regule este xeito de traballo,
polo que deberá terse en conta o Estatuto dos Traballadores, que no
seu artigo 13 indica que o dereito a unha axeitada protección en
materia de seguridade e saúde das persoas teletraballadoras está
regulado a través da Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais e
a súa normativa de desenvolvemento, e o Acordo Marco Europeo sobre
Teletraballo.
En xeral, os riscos
aos que está exposta una persoa que teletraballa teñen que ver
fundamentalmente coa adecuación do lugar de traballo (riscos
físicos), coas posturas (TME e fatiga visual) e co estrés e a saúde
mental.
Os riscos
físicos aos que está exposta a persoa que realiza o
traballo fóra das instalacións da empresa están relacionados coa
falta de adecuación do lugar de traballo en temas como a
iluminación, o ruído, o confort térmico e calidade do aire e os
derivados da instalación de equipos (cableado, adecuación de
instalacións eléctricas).
No caso das persoas
que traballan dende o fogar ou nun centro de teletraballo a
disposición dun ambiente axeitado debería incluír un espazo físico
independente (idealmente un cuarto adicado a traballar no caso de
traballar dende o fogar) que conte con:
- Iluminación axeitada, a ser posible un espazo no que a iluminación natural sexa preferente.
- Sen ruídos.
- Con temperatura, humidade e ventilación axeitadas.
- Ordeado, mantendo o cableado de equipos informáticos e telefónicos organizado e colocado fóra das zonas de paso a fin de evitar tropezos e caídas.
- Con espazo suficiente para colocar documentos e equipos.
- Instalación eléctrica segura, sen sobrecargas en enchufes e regletas en bo estado.
- Realizar comprobacións periódicas do estado dos equipos e das conexións mediante cableado eléctrico.
- Ofrecer información e formación ás persoas traballadoras sobre os riscos físicos do entorno de traballo e as medidas preventivas a adoptar.
Os riscos
ergonómicos predominantes son os transtornos
musculoesqueléticos,TME, e a fatiga visual.
Os TME afectan
a músculos, tendóns, nervios e articulacións; as súas
manifestacións máis frecuentes son cervicalxias, lumbalxias,
dorsalxias, tendinites, síndrome do túnel carpiano, contracturas;
os factores que as causan neste tipo de traballos son as posturas
sedentarias e os movementos repetitivos. Medidas preventivas:
Empregar
mobiliario ergonómico:
- Mesa de material
que evite reflexos, regulable en altura, con espazo suficiente para
colocación de equipo informático, documentación e otros
equipamentos.
- Cadeira estable,
que proporcione libertade de movemento e unha postura correcta e
confortable, regulable en altura; incorporar repousapés se é
preciso.
Emprego de
equipos de traballo ergonómicos:
- No caso de equipos
portátiles, contar a ser posible con estación base, teclado e rato
independentes.
- Repousa pulsos.
- Atril en caso
necesario.
Solucións
de correcta ubicación:
- Disposición
axeitada dos compoñentes do equipo e resto de materiais na
superficie de traballo garantindo unha posición de traballo cómoda
e que a persoa usuaria poida cambiar de postura e moverse.
- Asegurar unha
iluminación correcta.
Loita contra
o sedentarismo:
- Intervalos de
tempo máximos de traballo sedentario.
- Establecemento de
descansos durante a xornada, mellor curtos e frecuentes que longos e
espaciados.
- Realizar pequenos
estiramentos cada certo tempo.
- Levantarse de
cando en vez, por exemplo ao falar por teléfono.
Información
e formación sobre os riscos relacionados cos TME e as medidas
preventivas a adoptar.
A fatiga
visual ten como causas máis frecuentes a incorrecta
ubicación do equipo de traballo (inadecuada iluminación, reflexos e
deslumbramentos), baixa calidade da pantalla, elevada carga de
traballo, falta de descansos. Os síntomas máis frecuentes son
lagrimeo, escozor, cefalea. Medidas preventivas:
- Colocar a pantalla de forma que se eviten os deslumbramentos (de fonte natural ou artificial), preferentemente perpendicularmente ás fiestras.
- Se é posible, traballar con luz natural.
- Calidade da pantalla axeitada.
- Establecemento de descansos, mellor curtos e frecuentes que longos e espaciados.
- Información e formación sobre os riscos relacionados con pantallas de visualización de datos e as medidas preventivas a adoptar.
Os riscos
psicosociais aparecen ligados á organización do
traballo, a intensidade, as longas xornadas, a flexibilidade e
dispoñibilidade da persoa traballadora, o illamento e a confusión
dos límites entre traballo remunerado e vida privada…; estas
situacións poden dar lugar a desequilibrios entre as demandas do
traballo, os límites difusos da xornada laboral e os recursos e
capacidades da persoa traballadora. Así poden aparecer estrés,
tecnoestrés e outras patoloxías relacionadas co emprego das
tecnoloxías (tecnofobia, tecnofatiga, tecnoadicción) ou adicción
ao traballo (workaholism). Estas situacións poden dar lugar a
problemas de saúde que se manifestan a través de transtornos
musculares (cambras, contracturas …), gastrointestinais,
respiratorios (hiperventilación), cardiovasculares (hipertensión,
arritmias …), dermatolóxicos, do sono, ansiedade, depresión…
Medidas
preventivas en relación á organización do traballo:
- Intentar manter unha rutina diaria.
- Planificar a xornada, marcar obxectivos a acadar.
- Emprego de ferramentas para organización de tarefas, traballo colaborativo, axendas compartidas.
- Información e formación sobre ferramentas que poden empregarse na planificación de tarefas.
- Información e formación sobre riscos e medidas preventivas.
Medidas
preventivas para o control do tempo de traballo:
- Planificar horario de inicio, remate e descansos (mellor curtos e frecuentes que longos e espaciados).
- Programar tempos para chamadas, atención a outras persoas…
- Posibilidade de emprego de ferramentas para control e organización do tempo.
- Establecer límites entre o tempo de traballo e o tempo de vida familiar e persoal.
- Información e formación sobre ferramentas de control e organización do tempo.
- Información e formación sobre riscos e medidas preventivas.
Medidas
preventivas para evitar a desconexión, o illamento ou o abandono:
- Emprego de ferramentas de comunicación e apoio: videoconferencias, métodos de traballo colaborativo, axendas e documentos compartidos.
- Contacto regular en todos os niveis xerárquicos.
- Información e formación sobre ferramentas de comunicación e apoio.
- Información e formación sobre riscos e medidas preventivas.
No caso de persoas
traballadoras móbiles, aquelas que realizan o traballo dende
distintos lugares, cómpre considerar os riscos
de seguridade derivados dos
desprazamentos, que poden dar lugar a accidentes nas vías de
circulación.
Medidas
preventivas:
- Observar as recomendacións xerais de circulación.
- Planificar os desprazamentos con tempo suficiente, evitar as présas.
- En caso de empregar vehículo propio ou da empresa para os desprazamentos, realizar un mantemento periódico e axeitado do mesmo.
- Información e formación sobre riscos e medidas preventivas.
Para concluír este
repaso aos riscos e medidas preventivas a adoptar en postos de
teletraballo, cómpre ter en consideración os riscos
centrados na saúde da persoa
teletraballadora: o
sedentarismo e a “síndrome da pataca no escritorio” (maior
acceso á comida, inxestas a deshora).
Medidas
preventivas
- Establecer intervalos máximos de traballo sedentario.
- Realizar pausas, mellor curtas e frecuentes que longas e espaciadas.
- Realizar exercicios de estiramento.
- Na organización da rutina diaria, planificar tempos suficientes para as comidas e procurar espazos para realizar algún tipo de exercicio físico.

Ningún comentario:
Publicar un comentario