01/06/20

Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos ou como os asesores cambian de criterio sen cambio na lexislación


Ata o ano 2019 e desde a súa constitución no ano 2011 o Comité de Seguridade e Saúde sempre diferenciara para escoller o número de delegados de prevención de riscos laborais entre o persoal laboral e o funcionariado, porque entendía que os órganos de elección de delegados eran diferentes toda vez que os representantes do persoal laboral e do funcionariado se escollen tamén por separado.

Durante todos eses anos UGT nunca amosara ningunha discrepancia con este criterio, ata que chegou o sindicato dos funcionarios (CSIF) e lle ofreceu a vicepresidencia do Comité de Empresa a cambio de consentir, entre outras cousas, que o persoal laboral ficase infrarrepresentado no Comité de Seguridade e Saúde e quitarlle un delegado de prevención en beneficio dun maior peso do funcionariado no devandito Comité.

Tanto no Comité de Empresa como no Comité de Seguridade e Saúde desde a CIG defendemos que ao persoal laboral lle corresponden 3 delegados de prevención, tal e como indica a Lei de prevención de riscos laborais e o Convenio colectivo, aínda sabendo que o acordo entre a presidencia da CSIF de Santiago Ois e a vicepresidencia da UGT de José Ángel Montes podería excluír igualmente aos delegados de prevención da CIG do Comité de Seguridade e Saúde mais tendo claro que o perso do persoal laboral é moito maior neste Concello que o persoal funcionario e isto debe estar reflectido nos órganos de consulta e participación.

A CSIF na súa carreira imparable por quitarlle peso a representación do persoal laboral sempre estivo en contra de que os laborais tivesen 3 delegados de prevención, tal e como sempre acontecera cando o Comité de Empresa era de 9 membros e a CIG levou de novo este tema á constitución do Comité de Seguridade e Saúde que tivo lugar nas pasadas semanas. Nesa reunión e ante diversas discrepancias sobre o tema o Concello acordou que lle solicitaría un informe ao asesor xurídico que leva asesorando do Concello ao Comité de Seguridade e Saúde do Concello desde a primeira constitución deste e que nunca advertira de que era irregular que o persoal laboral tivese tres delegados de prevención a parte dos dos funcionarios, mais claro, as cousas cambian cunha lei do ano 1995 na man e agora seica os delegados de prevención son en total de todos os traballadores, tal e como defende a CSIF, e non por un lado os do persoal laboral e por outro os do persoal funcionario.

Polo visto, non só o delegado da UGT ten memoria selectiva tamén hai quen asesora segundo a dirección do vento, porque cando se asiste a unha reunión e se considera que algo é irregular hai que dicilo, como a CIG, xa que quen cala outorga e o Concello de Betanzos tivo un criterio diferente para a asignación do número dos delegados de prevención nos anos 2011-2019 que a partir do ano 2020. Claro está que tanto ten porque a finalidade do sindicato dos funcionarios era quitar á CIG do medio nos temas de seguridade e saúde laboral e o Concello aplaude calquera iniciativa que faga a CSIF aínda que supoña cambiar de criterio con respecto a anteriores lexislaturas.

En todo caso as cartas están claras, a CSIF vaille quitando aos poucos peso ao persoal laboral no Concello de Betanzos, o presidente do Comité de Empresa está desaparecido e nin sequera asiste ás mesas de negociación, a UGT fíxolle as beiras á CSIF por un postiño a medida no Comité de Empresa e os delegados de prevención do persoal laboral da UGT e CSIF non informan de absolutamente nada nun momento crucial para os traballadores e traballadoras como é esta situación de pandemia, nin toman ningunha medida contra os incumprimentos dos acordos adoptados no Comité de Seguridade e Saúde e a falta das medidas necesarias para non haxa risco de contaxios.

A pesar de todo isto e por moito que lles pese na CIG seguiremos traballando pola mellora das condicións do persoal laboral, asistindo aos Comités de Seguridade e Saúde aínda que non poidamos votar e informando aos traballadores, ás Mesas Xerais de Negociación aínda que haxa representantes de laborais que aproben RPTs que discriminen ao persoal laboral e a calquera organismo de consulta e participación nos que traten temas que lles afecten aos traballadores, tamén seguiremos recorrendo aquelas decisións que consideramos contrarias ao dereito e que prexudiquen ao persoal, denunciando na Inspección de Traballo os incumprimentos do Concello de Betanzos e acudindo á xustiza sempre que nos obriguen, porque no fondo quen nos obriga a acudir a todos estes organismos é o Concello de Betanzos coas decisións que toma apoiado por sindicatos que lle fan as beiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario