Ata o ano 2019 e desde a súa constitución no ano 2011 o Comité de
Seguridade e Saúde sempre diferenciara para escoller o número de
delegados de prevención de riscos laborais entre o persoal laboral e
o funcionariado, porque entendía que os órganos de elección de
delegados eran diferentes toda vez que os representantes do persoal
laboral e do funcionariado se escollen tamén por separado.
Durante
todos eses anos UGT nunca amosara ningunha discrepancia con este
criterio, ata que chegou o sindicato dos funcionarios (CSIF) e lle
ofreceu a vicepresidencia do Comité de Empresa a cambio de
consentir, entre outras cousas, que o persoal laboral ficase
infrarrepresentado no Comité de Seguridade e Saúde e quitarlle un
delegado de prevención en beneficio dun maior peso do funcionariado
no devandito Comité.
Tanto
no Comité de Empresa como no Comité de Seguridade e Saúde desde a
CIG defendemos que ao persoal laboral lle corresponden 3 delegados de
prevención, tal e como indica a Lei de prevención de riscos
laborais e o Convenio colectivo, aínda sabendo que o acordo entre a
presidencia da CSIF de Santiago Ois e a vicepresidencia da UGT de
José Ángel Montes podería excluír igualmente aos delegados de
prevención da CIG do Comité de Seguridade e Saúde mais tendo claro
que o perso do persoal laboral é moito maior neste Concello que o
persoal funcionario e isto debe estar reflectido nos órganos de
consulta e participación.
A
CSIF na súa carreira imparable por quitarlle peso a representación
do persoal laboral sempre estivo en contra de que os laborais tivesen
3 delegados de prevención, tal e como sempre acontecera cando o
Comité de Empresa era de 9 membros e a CIG levou de novo este tema á
constitución do Comité de Seguridade e Saúde que tivo lugar nas
pasadas semanas. Nesa reunión e ante diversas discrepancias sobre o
tema o Concello acordou que lle solicitaría un informe ao asesor
xurídico que leva asesorando do Concello ao Comité de Seguridade e
Saúde do Concello desde a primeira constitución deste e que nunca
advertira de que era irregular que o persoal laboral tivese tres
delegados de prevención a parte dos dos funcionarios, mais claro, as
cousas cambian cunha lei do ano 1995 na man e agora seica os
delegados de prevención son en total de todos os traballadores, tal
e como defende a CSIF, e non por un lado os do persoal laboral e por
outro os do persoal funcionario.
Polo
visto, non só o delegado da UGT ten memoria selectiva tamén hai
quen asesora segundo a dirección do vento, porque cando se asiste a
unha reunión e se considera que algo é irregular hai que dicilo,
como a CIG, xa que quen cala outorga e o Concello de Betanzos tivo un
criterio diferente para a asignación do número dos delegados de
prevención nos anos 2011-2019 que a partir do ano 2020. Claro está
que tanto ten porque a finalidade do sindicato dos funcionarios era
quitar á CIG do medio nos temas de seguridade e saúde laboral e o
Concello aplaude calquera iniciativa que faga a CSIF aínda que
supoña cambiar de criterio con respecto a anteriores lexislaturas.
En
todo caso as cartas están claras, a CSIF vaille quitando aos poucos
peso ao persoal laboral no Concello de Betanzos, o presidente do
Comité de Empresa está desaparecido e nin sequera asiste ás mesas
de negociación, a UGT fíxolle as beiras á CSIF por un postiño a
medida no Comité de Empresa e os delegados de prevención do persoal
laboral da UGT e CSIF non informan de absolutamente nada nun momento
crucial para os traballadores e traballadoras como é esta situación
de pandemia, nin toman ningunha medida contra os incumprimentos dos
acordos adoptados no Comité de Seguridade e Saúde e a falta das
medidas necesarias para non haxa risco de contaxios.
A
pesar de todo isto e por moito que lles pese na CIG seguiremos
traballando pola mellora das condicións do persoal laboral,
asistindo aos Comités de Seguridade e Saúde aínda que non poidamos
votar e informando aos traballadores, ás Mesas Xerais de Negociación
aínda que haxa representantes de laborais que aproben RPTs que
discriminen ao persoal laboral e a calquera organismo de consulta e
participación nos que traten temas que lles afecten aos
traballadores, tamén seguiremos recorrendo aquelas decisións que
consideramos contrarias ao dereito e que prexudiquen ao persoal,
denunciando na Inspección de Traballo os incumprimentos do Concello
de Betanzos e acudindo á xustiza sempre que nos obriguen, porque no
fondo quen nos obriga a acudir a todos estes organismos é o Concello
de Betanzos coas decisións que toma apoiado por sindicatos que lle
fan as beiras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario