A medida que as
economías relaxan as restricións sobre as empresas, numerosos
traballadores/as son chamados a regresar ás súas tarefas, pero aos
que se lles considera expostos a máis riscos de saúde poderíaselles
pedir que permanezan máis tempo retirados. As persoas de máis
idade, definidas como maiores de 55 anos, son consideradas unha
categoría de alto risco xa que poden desenvolver complicacións
médicas ou necesitar máis tempo para recuperarse. Tanto os gobernos
como os empregadores teñen a responsabilidade de garantir que os
traballadores/as maiores non se vexan discriminados no emprego por
mor da súa idade e a vulnerabilidade percibida para os efectos do
virus COVID-19 .
Os traballadores/as
de idade avanzada son un recurso valioso para as empresas, con todo,
a historia recente mostra que moitos corren o risco de perder o seu
traballo como consecuencia da crise e a recesión. Que políticas e
accións poden reducir o risco de que os traballadores/as maiores
queden sen emprego ou apoiar a súa transición cara a novas fontes
de emprego durante e despois da pandemia?
Nos países membros
da OCDE, as persoas de idade avanzada son o grupo demográfico que
crece con maior rapidez. Durante a década pasada, a súa
participación na forza de traballo aumentou de 8 puntos porcentuais
para chegar a 64 por cento en 2018, o maior incremento de todos os
grupos de idade. Esta maior participación no mercado laboral
contribúe ao crecemento do PIB e mellora a seguridade do ingreso
para a súa futura xubilación. Ademais, estas persoas constitúen un
segmento importante da forza de traballo nos países de ingresos
medios e baixos, onde o emprego formal e a cobertura da pensión son
menos comúns. En cambio, a maioría depende do traballo informal
para o seu ingreso.
A historia recente
suxire que os traballadores/as maiores con menos instrución están
nunha situación máis desvantaxosa nun contexto de crise e
recesión. Despois da gran recesión de 2007-2009, as taxas de
desemprego dos traballadores/as novos e dos traballadores/as de idade
avanzada disparáronse. Moitos perderon o seu emprego estable e
atopáronse nunha situación máis precaria con menores ingresos.
Pero os traballadores maiores necesitaron máis tempo para atopar un
novo emprego.
Algúns optaron por
abandonar completamente o mercado laboral e deixaron de buscar
traballo. Outros tiveron que aceptar un emprego informal, máis
precario. Isto trouxo consecuencias a longo prazo, como perda dos
aforros, dos ingresos procedentes das pensións e da calidade de vida
e a obrigación de traballar durante máis tempo do planificado. Os
efectos da pandemia sobre o emprego parecen ser hoxe día aínda máis
graves, indicando que os traballadores maiores poden verse outra vez
duramente afectados.
Que se pode facer?
Axudar aos
traballadores maiores a manter os seus empregos non é unha cuestión
de compaixón. Trátase de non perder un recurso valioso e tamén de
protexer a estes traballadores da discriminación no lugar de
traballo. No contexto da crise da COVID-19, os países deberían
tomar a iniciativa e proporcionar licenza por enfermidade, licenza
familiar remunerada e seguro de saúde a través de programas
gobernamentais no canto de deixar estas medidas a discreción dos
empregadores.
Se queremos
beneficiarnos do valor que os traballadores maiores poden achegar á
forza de traballo, as empresas tamén deberán reconsiderar o seu
compromiso cara a acordos como as horas de traballo flexibles e os
programas de reconversión profesional.
Ademais, é probable
que aos gobernos resúltelles menos custoso manter a un traballador/a
maior empregado no canto de axudalo a atopar un novo traballo. É
posible que sexa necesario ofrecer novos incentivos para reter a
estes traballadores/as ou introducir exencións do pago da
contribución ao réxime de pensións durante a corentena. Poderían
ademais fomentar a formación técnica e o apoio para o teletraballo.
Na economía
informal, os programas de axuda a curto prazo para as pequenas
empresas que apostan por manter os postos de traballo poden ser
eficaces, en particular para as persoas maiores que traballan por
conta propia. A axuda tamén pode brindarse a través de
transferencias en efectivo para os traballadores/as da economía
informal temporalmente sen traballo.
Tamén será
necesario reconsiderar o noso concepto de educación, para conceder
maior importancia á aprendizaxe permanente. É posible que os
traballadores/as maiores que perden o seu emprego necesiten adquirir
novas competencias para competir nun mercado laboral axustado.
Estender o seguro de desemprego e á vez financiar programas de
formación a curto prazo pode axudar á persoa desempregada a atopar
outro traballo. Subvencionar a formación no lugar de traballo pode
ser igualmente eficaz.
Os traballadores/as
de idade avanzada acumularon unha experiencia de competencias e
coñecementos ao longo da vida. Cando o mundo regresa ao traballo no
contexto da COVID-19 non deberiamos esquecer o seu considerable
valor para os empregadores e para a economía.
Carla Henry, Especialista técnico principal, Departamento de
Investigación de la OIT
Ningún comentario:
Publicar un comentario