O número de persoas
que están no paro ou afectadas por un ERTE supera as 400.000
A pesar do
lixeiro descenso do paro rexistrado no mes de maio en Galiza (547
persoas) como consecuencia do leve aumento da actividade no sector da
construción na provincia de Pontevedra, máis do 30% da poboación
activa galega está no desemprego. En total, son 401.207 as persoas
que se atopan no paro ou afectadas por un ERTE, o que significa que
un de cada tres galegos/as en idade de traballar non o está a facer.
O número de persoas
inscritas como desempregadas no mes de maio en Galiza acadou as
191.082, un total de 547 menos (-0.29%) que en abril. Nestas cifras
non están incluídas as persoas afectadas por un ERTE, que segundo
os últimos datos alcanzan as 210.125 no noso país. Se sumamos ambos
datos, o número de persoas sen emprego nestes intres
sitúase en 401.207, máis do 30% da poboación activa.
O paro aumentou
un 18,83% no que vai de ano. E dende o inicio da pandemia o número
de persoas paradas aumentou en 24.853, ao que hai sumar as ducias de
miles de persoas en ERTE. Fronte a esta dramática situación, a CIG
incide na necesidade de aplicar un plan de emprego en Galiza baseado
na demolición da reforma laboral, no investimento público e na
participación pública no tecido industrial.
Segundo sostén o
secretario confederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle, o actual
contexto fai que sexa moi urxente atopar solucións eficaces para a
industria galega e demais sectores produtivos. “Hai que apostar
pola creación de emprego digno con salarios decentes e evitar que a
factura da crise sanitaria a paguemos os traballadores/as”.
Pasividade
da Xunta
Neste senso, critica
a pasividade amosada pola Xunta no que ten que ver coa crise que
afecta o sector industrial galego, ao tempo que denuncia a
insuficiente resposta do Goberno central para paliar os efectos
sociolaborais da pandemia. “É necesario que a cobertura social
inclúa un Salario de Inserción Laboral e Social para maiores de 18
anos, e subir o SMI até o 60% do salario medio como di a Carta
Social Europea; e as prestacións deben calcularse en base ao SMI e
non ao IPREM”.
Cartelle cualifica
de “pouco ambiciosa” a resposta do Goberno central e censura que
os 3000 millóns de euros do seu plan para as persoas vulnerábeis
contrasten cos 60.000 millóns destinados a rescatar os bancos, cos
18.000 que se gastan en Defensa, cos 11.000 que recibe a Igrexa
católica ou cos 11.000 cos que se rescataron as autoestradas.
Pontevedra,
a provincia con máis ERTE
Os datos amosan que
a provincia galega con máis ERTE é a de Pontevedra, na que se
rexistran o 41% do total; séguelle A Coruña co 32%.
Ningún comentario:
Publicar un comentario