O decreto que se
vota hoxe no Congreso afonda no abuso patronal, non garante os
ingresos das familias nin a recuperación do emprego
A CIG continuou este
mércores o calendario de accións mobilizadoras para esixir
políticas que permitan unha saída á crise sanitaria, económica e
social favorábel á clase traballadora e ás maiorías sociais.
Desta volta, a central realizou concentracións diante da Delegación
do Goberno na Coruña, das subdelegacións de Lugo, Pontevedra e
Ourense, en oficinas do SEPE e do INSS de Vigo e Vilagarcía, no
edificio da Xunta en Ferrol e na Praza de Galiza de Santiago,
coincidindo co debate e votación no Pleno do Congreso do RDL
18/2020, unha sorte de "nova reforma laboral" que afonda no
abuso patronal, non garante os ingresos das familias nin a
recuperación do emprego, malia o seu rimbombante título: Real
Decreto-Lei de medidas sociais en defensa do emprego.
Este RDL para a
prórroga dos ERTE, resultado do chamado Acordo Social, evidencia as
mentiras do Goberno a respecto de que esta é a primeira vez que se
lexisla a saída a unha crise antepondo o interese das maiorías
sociais ao interese do capital. Máis aínda, en vez de derrogar a
reforma laboral do PP, o Goberno de coalición presenta unha versión
máis agresiva e dura baixo a escusa de salvar as empresas
para garantir o emprego. "Estamos ante unha reedición
do pacto social como primeira manifestación da renovación dos
Pactos da Moncloa, con todo o que significa de imposición de
políticas laborais inxustas, anti-obreiras e de profundo
españolismo".
Para o secretario
xeral da CIG, Paulo Carril, este tipo de políticas económicas e
recentralizadoras que o Goberno español está a aplicar "son o
caldo de cultivo para que a ultradereita e o fascismo poidan medrar".
"A ultradereita non se combate con receitas neoliberais que xa
se demostraron fracasadas, haina que combater con políticas
sociais", asevera.
As garantías
de emprego, pura propaganda
Neste senso, Carril
lembra que a garantía de emprego da que fala o Goberno é "pura
propaganda", como se puido comprobar unha vez publicado o
decreto 18/2020 no BOE: a suposta prohibición de despedimentos
durante seis meses nas empresas que realizaran ERTE quedou reducida á
mínima expresión, xa que só se aplicará aos ERTE por forza
maior, non aos que teñen causas obxectivas, e ademais os seis meses
comezan a contar cando se reincorpora da suspensión a primeira
persoa, non a última.
Pero a maiores,
permítese a extinción de contratos temporais; quedan exentas desta
garantía de emprego as empresas en risco de concurso; e no caso do
despedimento que incumpra a normativa non será considerado nulo,
senón improcedente.
Xunto a isto, non se
garanten en absoluto os ingresos das traballadoras e traballadores
afectados xa que, a partir do 30 de xuño, as persoas en ERTE van
comezar a “gastar” o seu desemprego, como acontecía antes. E
tampouco é seguro que poidan seguir cobrando a prestación do paro
as persoas que estaban percibíndoa sen teren os doce meses
cotizados.
"Este decreto
apróbase cando hai centos de traballadores e traballadoras que aínda
non comezaron a cobrar o paro e cando segue vixente e sen trazos de
ser derrogada a reforma laboral e da prestación por desemprego de
2012, que meteu un retallo importante ás contías a percibir, pois a
partir do día 181, a porcentaxe da contía que se percibe baixa até
o 50% da base reguladora de cotización", alerta.
O Goberno xa
demostrou non ter vontade de derrogar a reforma laboral
Sobre este punto,
Carril denuncia a nula vontade do Goberno español por anular
integramente a reforma do PP, malia no seu momento ser compromiso
electoral das dúas formacións que integran o Executivo. "O
espectáculo bochornoso do outro día a conta do pacto con Bildu
evidencia ás claras que non hai interese por avanzar neste camiño,
senón, como moito, tocar determinados aspectos cos que lavar a cara.
De feito, no acordo de investidura asinado en xaneiro entre o BNG e o
PSOE xa se contemplaba a derrogación da reforma laboral e da
negociación colectiva, respectando os marcos autonómicos de
relacións laborais, mais até o día de hoxe o Executivo de Sánchez
non deu ningún paso neste camiño, senón máis ben no contrario",
lembra.
Con este decreto
dáselle un "cheque en branco" ás empresas que seguirán
decidindo unilateralmente sobre os ERTE: continuidade e ampliación
das causas, duración e modalidade que prefiran, sen control público
e sen negociación coa representación sindical, deixando na
total indefensión e desprotección os traballadores e traballadoras.
E por non se fora
abondo, terán novas bonificacións fiscais, manténdoselle a
exoneración do pago das cotas á Seguridade Social, que irán a
cargo dos orzamentos da Seguridade Social, do SEPE e do Fondo de
Garantía Salarial (FOGASA); é dicir, cos cartos que se lle detraen
ás traballadoras e aos traballadores.
Novo ataque
á Lei Orgánica de Liberdade Sindical (LOLS)
Carril apunta tamén
que a Comisión Tripartita Laboral prevista no acordo social para
tratar as medidas acordadas é un novo golpe á LOLS, porque xa
existen órganos tripartitos institucionais de ámbito estatal, e
legalmente constituídos con atribucións propias nestas
materias e que responden á representatividade de cada organización.
"Con este nova comisión estase vulnerando o dereito á
participación institucional que a CIG ten como organización
sindical máis representativa en igualdade de condicións que o resto
que teñen esa condición", apunta.
Un saqueo
que conta co apoio entusiasta do PP e da Xunta
O secretario xeral
da CIG critica que este novo saqueo ás maiorías sociais conta co
apoio entusiasta do PP e da Xunta de Galiza, co seu presidente Feixoo
á cabeza, "indolente ante a grave crise industrial e social que
padecemos, máis preocupado por facer electoralismo, satisfacer as
demandas patronais e obedecer a Madrid, que por demandar outras
políticas para termos unha saída xusta e galega á crise".

Ningún comentario:
Publicar un comentario