Reclama medidas
inmediatas para garantir a atención nas oficinas e evitar a
marxinación financeira
A federación de
Banca da CIG denuncia que a maior parte das entidades financeiras
restrinxirán os servizos de caixa a partir das 11:00 horas, tal e
como comunicaron a comezos de ano, antes da situación xerada pola
pandemia do novo coronavirus. Dende a central consideran que esta
restrición de servizo á clientela debería ser investigada “por
se atenta contra os dereitos das persoas consumidoras”.
Dende a CIG-Banca
explican que durante o estado de alarma, e incluso durante o período
de hibernación da economía, os servizos financeiros foron
considerados esenciais. Malia todo, a maior parte dos bancos manteñen
a súa intención de restrinxir os servizos de caixa das oficinas,
que deixarían de prestar servizo á clientela que o demande a partir
das 11 da mañá. “Unha nova restrición que afecta en maior medida
ás persoas con dificultades para o uso da banca electrónica ou
incluso dos caixeiros, nomeadamente as persoas maiores, polo que a
fenda dixital pode levar á marxinación financeira”.
Segundo sinalan,
estas restricións dos servizos non teñen que ver coa
dixitalización, que é un medio, senón cun novo modelo de sistema
financeiro que, no canto de dar servizo, está centrado na colocación
de produtos financeiros cada vez máis complexos. Cun modelo de
organización do traballo por obxectivos que é claramente lesivo
para os cadros de persoal das entidades e tamén para a clientela.
“Quen ten a obriga
de colocar un determinado número de produtos financeiros a unha
carteira delimitada de clientes fixada polo banco, pode ter un
conflito de intereses. Non podemos esquecer que os escándalos na
comercialización de produtos tiveron a súa orixe nese modelo
comercial e de organización do traballo”.
Medida
pactada
A posta en marcha
das restricións de servizo por parte da maioría dos bancos ao mesmo
tempo, coincidindo incluso no horario das restricións, apunta a
existencia dun pacto, que a CIG entende debería ser investigado
tanto polos organismos reguladores, coma polas autoridades de
consumo.
Nese senso, a CIG
demanda que a Xunta de Galiza e o Goberno central poñan en marcha
medidas inmediatas para garantir os servizos financeiros nas
oficinas. “Quen ten unha licenza bancaria non pode despreocuparse
de dar servizo á clientela”, rematan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario