28/10/20

A CIG no Concello de Ferrol rexeita a decisión de pechar a oficina do Catastro e deixar na rúa a dúas traballadoras

Pídenlle ao Goberno local unha solución para garantir o mantemento do servizo e dos empregos

A CIG no Concello de Ferrol traslada o seu rexeitamento e total desacordo coa decisión do Goberno local de pechar a oficina que resolvía os asuntos relativos ao Catastro, deixando na rúa as dúas traballadoras que atendían o servizo dende hai 17 anos. Para a representación da central nacionalista, este "non é o xeito máis correcto de proceder, pois nin sequera se informou ás propias traballadoras, que tiveron coñecemento da situación o día anterior ao peche da oficina".

Subliñan que, existindo alternativas para (pois a data de finalización do contrato coñecíase con anterioridade), non se entende que non se optase por unha solución que garantira a continuidade do servizo e, polo tanto, dos postos de traballo que agora se perden. "Se a opción é recuperar a xestión para asumila polo propio Concello, consideramos que deberían de subrogar tamén o persoal especializado que fai estas tarefas. Se o que se pretende é dar traslado do servizo a outra empresa, debería garantirse o dereito das traballadoras a manter o seu posto de traballo", apuntan.

Recorte na atención á cidadanía

A representación da CIG critica a postura do Goberno municipal ao non ter en conta con esta decisión nin a atención á cidadanía, que vai ver os seus expedientes, reclamacións, xestións etc., paralizados, véndose na abriga de ter que desprazarse até á Coruña para podelos resolver, nin a perda de dous postos de traballo "o que é aínda mais grave se cabe, no momento actual que nos toca vivir".

Así mesmo, explican que outra das consecuencias do peche deste servizo é, polo que se expresou publicamente, a asunción destas tarefas polo Concello, "que en lugar de incrementar o cadro de persoal, o que fai e sobrecargar o servizo que teña que asumir ese traballo, cando a administración local está saturada xa dende hai moito tempo con medios materiais e humanos totalmente precarios".

A isto engaden que o persoal que teña que levar a cabo este traballo terá que recibir formación específica para poder sacar adiante esta tarefa, "o que supón dilatar no tempo a resolución de todos os temas que actualmente estean pendentes".

Por todo isto, a representación da CIG demanda do Goberno Local unha solución inmediata que garanta a continuidade do servizo e dos postos de traballo existentes até o remate do contrato.

Educación recoñece a falta de persoal de limpeza para cumprir o protocolo covid nos centros de ensino

Ultima a contratación de máis persoal por acúmulo de tarefas atendendo á demanda da CIG

A CIG-Administración Autonómica celebra que, por fin, a consellería de Educación comprendera que o persoal de limpeza dos centros de ensino tiña unha sobrecarga de traballo inviable , xa que hoxe vén de autorizar unha serie de contratos na modalidade de acúmulo de tarefas até xuño do vindeiro ano. “Era visto que sen mais persoal é imposible garantir uns mínimos de limpeza para parar a covid nos nosos centros educativos: a desinfección e a hixienización dos espazos é imposible sen máis  medios materiais e sen máis persoal”.

Malia atender así unha das demandas da central sindical, desde a CIG-Administración Autonómica lembran a necesidade dun plan preventivo específico para este persoal con alta probabilidade de contaxio. 

Consideran ademais que a Xunta non cambiou o seu parecer porque  si, senón  que vén  derivado das accións que dende o pasado maio vénse desenvolvendo  na defensa da seguridade e saúde do alumnado  e familias dos centros educativos e do seu persoal. Concretamente coa  interposición dun conflito colectivo pola modificación substancial das condicións de traballo impostas a este persoal e que terá lugar  a finais de novembro e tamén pola denuncia presentada na  Inspección de Traballo que xa deu lugar a varios requirimentos da autoridade laboral.

Medida insuficiente

En todo caso, a CIG-Autonómica considera que esta medida non é suficiente xa que este tipo de contratos só se autorizaron para algúns centros, non é algo xeneralizado e “consideramos que a carga de traballo existe en todos xa que o “protocolo” e as conseguintes medidas que del derivan triplican as tarefas deste persoal”.

Por outra banda entenden que tampouco é suficiente que só se reforce o persoal de limpeza e non se faga o mesmo co persoal de cociña que, segundo declaracións da propia consellería o pasado fin de semana, pretenden solucionalo co incremento (insuficiente) de persoal colaborador que participa  voluntariamente na atención ó alumnado durante o servizo de comedor.

Aínda que a CIG-Administración Autonómica concorda co incremento de persoal colaborador insiste en que non resolve o problema do persoal de cociña profesional que é o que asume tanto a elaboración como a desinfección en todas as novas quendas de xantar establecidas e nos novos espazos habilitados e é garante dun bo servizo nutricional e de seguridade alimentaria.

Reitera pois a súa satisfacción pola medida mais insiste “no deber de participación da Xunta co persoal empregado publico para analizar a ampliación a tódolos centros tanto do persoal de limpeza como de cociña ou outro necesario neste contexto de pandemia”.

Nin eliminación da taxa de reposición, nin incremento salarial para frear a perda de poder adquisitivo

CIG-Área Pública denuncia ‘confinamento’ da negociación colectiva e desprezo aos sindicatos


Nunha reunión da Mesa Xeral das Administracións Públicas do Estado por videoconferencia con presenza das organizacións sindicais CIG, ELA, CSIF, UGT e CCOO, así como representantes de todas as administracións autonómicas e da FEMP, o Secretario de Estado do Ministerio de Política Territorial e Función Pública presentou, tan só unhas horas antes da reunión do Consello de Ministros e cando xa as dera a coñecer á prensa, as novidades que se incorporarán no proxecto de Lei de Orzamentos do Estado para 2021 a respecto dos e das empregadas públicas.

A confirmación da suba do 0,9% das retribucións así como pequenos cambios nos permisos regulados no EBEP ou o mantemento da taxa de reposición, sen ter enviado até agora ningún documento, foron as únicas novidades dunha reunión que foi abertamente criticada pola representación da CIG.

A reunión foi, por tanto, a demostración de que tamén a capacidade de negociar do actual goberno español está confinada. A perda de poder retributivo desde o ano 2010 mantense, malia a existencia nestes últimos anos dun acordo que foi vendido polos sindicatos asinantes como unha oportunidade para “recuperar o arrebatado”. A suba do 0,9%, que nin sequera inclúe claúsula de garantía salarial, non servirá tampouco desta volta para camiñar nesa recuperación da perda de poder adquisitivo, que a día de hoxe rolda xa o 10%.



Por iso a Área Pública da CIG demandou un maior esforzo retributivo que venza as limitacións de tantos anos de recortes e do fracaso do pacto sindical co anterior goberno do PP.

Preocupación polo aplicación de acordos retributivos e carreiras profesionais no ámbito da Xunta

A central sindical foi a única que propuxo que a suba retributiva do 0,9% imposta polo goberno español non tivese carácter básico e que non limitase a posibilidade de aplicar outras subas retributivas pendentes nas diferentes administracións. Así, no ámbito galego, está pendente a carreira profesional no SERGAS e na Administración Xeral da Xunta e o último prazo do mal chamado acordo retributivo de homologación do profesorado; o mesmo sucede en varios acordos das administracións locais galegas. “Se a suba do 0,9% se impón como un tope e non se dá cobertura legal á consecución dos obxectivos deses acordos ou carreiras pactadas, os incrementos pendentes serían eliminados”. Porén, o Secretariado de Estado non deu resposta á nosa demanda.

Mantéñense as taxas de reposición

Malia a situación actual, con altas taxas de temporalidade, e unha vez que remata a vixencia do actual acordo sindical dos sindicatos estatais CCOO, UGT e CSIF, no que aceptaron o mantemento de distintas taxas de reposición até o ano 2020, o Goberno propón que a taxa se manteña durante o 2021 con lixeiros cambios.

Sorprendentemente, os mesmos sindicatos que deron o visto bo á situación actual co acordo co PP, demandan agora que se elimine o que eles apoiaron no IIº Acordo para o emprego público e condicións de traballo 2018-2020, sumándose á demanda que a CIG ven mantendo en solitario nos últimos anos de que se elimine calquera taxa de reposición (ou cando menos o seu carácter de normativa básica). “Iso si, sen ningún rubor nin autocrítica polo pactado no 2018”.

A proposta do Goberno é unha taxa do 110% no caso de sectores prioritarios (educación, sanidade, universidade, xustiza, ciencia…). Só se poderían convocar 110 prazas de oposicións por cada 100 xubilacións. Esta mesma porcentaxe se aplicaría a concellos coa débeda amortizada. Noutros sectores (administración xeral) a taxa sería do 100% ou mesmo do 115% no caso das forzas e corpos de seguridade. 

A CIG reclamou a eliminación da taxa de reposición e lembrou que impoñer taxas desde o goberno central implica eliminar a capacidade das administracións autonómicas ou locais para crear emprego neto ou aprobar ofertas de emprego amplas, que dean resposta á alta taxa de temporalidade.

O propio Secretario de Estado recoñeceu unha taxa media superior ao 24% no conxunto do Estado, acusando ás CC.AA. de ser as responsables de manter esas cifras tan elevadas, ao tempo que se nega a eliminar o carácter básico das taxas de reposición. Cabe lembrar novamente que até o ano 2010 as taxas de reposición non existían en ámbitos como a educación ou a sanidade.

A CIG demandou tamén a derrogación da normativa limitativa de dereitos

A CIG demandou tamén a derrogación dos Reais Decretos-Ley que se foron impoñendo ao persoal das administracións públicas dende o ano 2010 polos sucesivos gobernos do PSOE e do PP, a saber: RD-Ley 8/2010, RD-Ley 20/2011, e RD-Ley 20/2012, polos que se adoptaron medidas extraordinarias para a redución do déficit público, que implicaron a supresión de importantes dereitos laborais e salariais arrebatados ás persoas empregadas públicas neste período co pretexto da crise, pero unha vez máis os representantes do Goberno deron a calada por resposta.


A CIG denuncia a Axencia Tributaria en Ourense por poñer en risco o persoal e as persoas usuarias

 No edificio no que traballan 50 persoas non hai espazo para manter a distancia de seguridade pola covid

A CIG vén de presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Ourense contra o delegado territorial da Axencia Tributaria de Galiza (Atriga) por non tomar medidas preventivas para evitar contaxios entre o seu persoal e as persoas usuarias.

Este centro atópase nun entrechán do número 38 da rúa Progreso, nun inmoble con pouca altura e pouco espazo físico, o que dificulta que se poida manter a distancia de seguridade recomendada, xa que ademais do público que se atende traballan arredor de 50 persoas. 

O que máis destaca deste centro de traballo da Xunta é que está situado nun edificio privado cunha grande dificultade para gardar as distancias tanto dentro como nos accesos, e aínda que se colocaron anteparos entre postos os espazos de circulación son cativos. Ao que hai que sumar que a ventilación actual non garante a renovación do aire para evitar contaxios por aerosois e o feito de que o delegado territorial segue sen proporcionar máscaras de protección ao seu persoal.

“Cun escenario de confinamento por un nivel de positivos inasumíbel na cidade, que xa ten colapsado o sistema sanitario, non entendemos como a Xunta, e nomeadamente o delegado territorial de Atriga, aínda non aplicase as mínimas medidas de protección fronte ao virus”, sinalan dende a CIG.

Ao mesmo tempo, critican que nin o persoal nin a representación sindical coñecen que haxa nin tan sequera unha simple avaliación de riscos laborais do centro ao risco biolóxico da covid. “Non informan dos positivos se os hai, nin das medidas de prevención, nin se establecen medidas organizativas para evitar a coincidencia como o teletraballo e quendas de presencia; de feito, nin se autoriza o teletraballo ordinario nin hai quendas de entrada e saída; e tamén se descoñece o plan de limpeza”.

Medidas insuficientes

Esta situación obriga o persoal a traer as súas propias máscaras e a ter que limpar o seu posto de traballo co seu propio xel hidroalcólico. “A Xunta so se preocupou de establecer un sistema de cita previa e uns anteparos, como se persoal se teletransportara até o seu posto e non respirara”. Por iso consideran insuficientes as medidas para un centro de traballo ubicado no entrechán dun edificio cun pequeno ascensor e escada de acceso, con tres salas para máis 50 persoas empregadas públicas e un bo número de atencións diarias, que hoxe mesmo que superaron o centenar.

“Para rematar, cando un delegado/a da CIG quere ir ver en que situación se atopan os traballadores/as deste centro o propio delegado territorial prohíbelles o acceso, polo que tamén denunciamos este feito na Inspección por vulnerar o dereito de representación do persoal”.

ORDE do 21 outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Galiza

 O obxecto desta Orde é establecer medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no territorio da Galiza. As devanditas medidas serán de aplicación en todo o territorio galego, de modo temporal, conforme o indicado no punto quinto da Orde.

Curso gratuíto de teleformación dirixido ao sector da limpeza: RISCO QUÍMICO NO SECTOR DA LIMPEZA



O Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral (CIG) abre a matrícula para o curso gratuíto de teleformación dirixido ao sector da limpeza: Risco Químico no sector da limpeza, que dará comezo o vindeiro 9 de novembro de 2020. DATA LÍMITE DE INSCRICIÓN: XOVES 5 DE NOVEMBRO ÁS 14:00 HORAS. 
Cando falamos de contaminantes químicos facemos referencia a sustancias que poden ser absorbidas polo noso organismo e poden producir danos á saúde nun periodo curto de tempo ou ben ao longo dos anos.

Sen dúbida algunha no sector da limpeza o risco químico é un dos máis importantes. Para a realización das tarefas de limpeza, desinfección, pulido, encerado,etc., empréganse a diario diferentes produtos químicos (decapantes, abrilantadores, disolventes, desengraxantes, lexivias e outros) que desprenden vapores nocivos, e o seu contacto coa pel, ollos ou mucosas poden chegar a constituir un importante risco para a persoa traballadora se esta non está axeitadamente protexida..

Os produtos de limpeza son, en xeral, misturas de varias sustancias cada unha das cales ten diferentes propiedades e diversos efectos nocivos, segundo estas se presenten por separado ou en combinación con outra ou outras sustancias, expoñendo á persoa traballadora a variados efectos nocivos sobre o seu organismo.

No presente curso de teleformación: Risco químico no sector da limpeza que ofertamos para as persoas traballadoras do sector da limpeza, aboradaremos dun xeito ameno, sinxelo e doado de entender, cales son os conceptos e elementos básicos que nos permitirán entender e identificar os riscos químicos asociados aos traballos de limpeza; Como podemos coñecer os riscos asociados aos distintos produtos de limpeza que utilizamos; Os efectos contaminantes dos distintos produtos de limpeza comunmente empregados; A vías de exposición aos produtos químicos e cales son os seus efectos e consecuencias; Perigosidade e riscos asociados á mestura dos produtos de limpeza de uso máis común; Etiquetas, Fichas de Seguridade e Fichas Toxicolóxicas; Almacenamentos de produtos Químicos ou Identificación e uso de EPIs.

Esta actividade formativa realizarase de forma asíncrona, atendendo ao tempo e horario do que dispoña o alumno/a, sempre dentro do período temporal de vixencia do curso.

Non o dubides, se traballas no sector da limpeza e te preocupa a túa seguridade, protéxete, matricúlate e participa. Esperámoste.


CURSO GRATUÍTO DE TELEFORMACIÓN DIRIXIDO AO SECTOR DA LIMPEZA:

Risco Químico no sector da limpeza


DATA LÍMITE DE INSCRICIÓN: XOVES 5 DE NOVEMBRO ÁS 14:00 HORAS


Carga lectiva estimada: 4 horas

Data inicio: dia 9 de novembro.

Data de remate: 13 de novembro

Dereito a certificación

 

 MATRICÚLATE EN:

gabinete@cigsaudelaboral.org ou

Chamando ao teléfono 981359449 (de 10 a 14 horas)

Deberás proporcionarnos:

Nome e apelidos;

Documento de identidade;

Correo electrónico;

Número de teléfono

Localidade de residencia e

Código postal.

Cando esteas matriculado, deberás facilitar dende a plataforma de teleformación a través da cal farás o curso, unha fotografía do teu carné de identidade.


Curso gratuíto de teleformación: RISCOS PSICOSOCIAIS DENDE UNHA PERSPECTIVA DE XÉNERO



O Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral (CIG) abre a matrícula para o curso gratuíto de teleformación: Riscos psicosociais dende unha perspectiva de xénero, que dará comezo o vindeiro 3 de novembro de 2020. DATA LÍMITE DE INSCRICIÓN: VENRES 30 DE OUTUBRO ÁS 14:00 HORAS.

O sexo non é un indicador de destreza ou competencia laboral, pero a socialización das persoas en función do seu sexo si afecta de maneira importante á elección e ao desenvolvemento profesional, sendo diferentes para homes e mulleres; ligados a esta socialización, prodúcense numerosos estereotipos de xénero que inflúen, en gran medida, na predilección e as aspiracións profesionais das persoas dende a infancia.

Sen dúbida a inclusión da perspectiva de xénero na xestión das organizacións está relacionada coa saúde laboral, xa que as persoas traballadoras deben desenvolver a súa actividade nunha contorna segura e saudable onde exista unha adecuada prevención de riscos laborais, entre os que se inclúen os riscos psicosociais. Para a devandita prevención é necesario adoptar a perspectiva de xénero xa que os estereotipos de xénero poden afectar á dinámica e produtividade das empresas, así como á saúde e benestar das persoas traballadoras.

A expresión perspectiva de xénero fai referencia a unha forma de entender a relación entre as persoas en función da súa identidade de xénero. Dende esta perspectiva, estúdanse as  implicacións da desigualdade entre os xéneros en todas as clases sociais e establécense os cambios que deben levar a cabo para lograr a igualdade e o benestar xeral da poboación.

No ano 1986 a OIT publicou o informe titulado Factores psicosociais no traballo: recoñecemento e control, como un fito no recoñecemento da importancia destes riscos. Neste informe estes defínense como as “interaccións entre o traballo, o seu medio ambiente, a satisfacción no traballo e as condicións de organización, por unha banda, e pola outra, as capacidades do traballador, as súas necesidades, a súa cultura e a súa situación persoal fora do traballo, todo o cal, a través de percepcións e experiencias, pode influír na saúde, no rendemento e na satisfacción no traballo” (OIT, 1986).

CURSO GRATUÍTO DE TELEFORMACIÓN

Riscos psicosociais dende unha perspectiva de xénero

DATA LÍMITE DE INSCRICIÓN: VENRES 30 DE OUTUBRO ÁS 14:00 HORAS.
 

Carga lectiva estimada: 4 horas

Data inicio: 3 de novembro

Data de remate: 6 de novembro

Dereito a certificación

MATRICÚLATE EN:

gabinete@cigsaudelaboral.org ou

Chamando ao teléfono 981359449

(de 10 a 14 horas)

Deberás proporcionarnos:

-  Nome e apelidos;

-  Documento de identidade;

-  Correo electrónico;

-  Número de teléfono

-  Localidade de residencia e

-  Código postal.

Cando esteas matriculado, deberás facilitar dende a plataforma de teleformación a través da cal farás o curso, unha fotografía do teu carné de identidade.

ROGRAMA

TEMA 1

Marco teórico e legal da prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero.

TEMA 2

Os riscos psicosociais: contexto da saúde laboral e riscos específicos das mulleres.

TEMA 3

Avaliación da perspectiva de xénero e boas prácticas organizacionais



20/10/20

A CIG reitera a necesidade de que se reúna a Mesa Xeral de Negociación do Concello de Betanzos pola multitude de cuestións pendentes

A CIG do Concello de Betanzos vén de rexistrar unha nova petición para que o goberno municipal reúna de novo a Mesa Xeral de Negociación logo de demasiados meses de parálise. 

Entende que a escusa da situación de pandemia actual non debe ser un motivo máis para non avanzar nas negociacións pendentes e que é hora de que o goberno do PSOE dea un paso adiante para negociar moitos dos temas que están pendentes como a implantación do teletraballo, a negociación dos criterios de reparto da produtividade, as bases xerais dos procesos selectivos, a aplicación do incremento salarial dos orzamentos ou a regulamentación do sistema de control de presenza no traballo. Tamén resulta moi importante actualizar o protocolo de reincorporación aos postos de traballo, que na actualidade está moi desfasado, así como regular determinadas casuísticas que se dan na actualidade debido á situación de pandemia.

A maiores, o Concello de Betanzos tamén debe reunir a Mesa Xeral de Negociación para a modificación da proposta de RPT aprobada inicialmente e a inclusión, como mínimo, das prazas nas que se declarou a indefinición, así como a negociación das condicións de inclusión e valoración deses postos xa existentes e non incluídos. O feito de que o Concello de Betanzos demorara durante anos a aprobación desta RPT supuxo que moitos traballadores e traballadoras que denunciaran a fraudulencia no momento inicial da negociación desta ao ser coñecedores de que o goberno de María Barral quería excluír os seus postos e propicio que hoxe, varios anos despois haxa moitos postos que non aparecen nese documento aprobada inicialmente mais si que contan con sentenza de indefinición.

Dito isto, desde a CIG sempre defendemos que a eliminación dos postos da RPT independentemente da existencia de sentenzas ou non, é un castigo do goberno municipal que paga co persoal máis vulnerable, o persoal laboral temporal, o que ten as peores condicións laborais e salariais coa única finalidade de beneficiar a unha parte pequena do funcionariado, que xa tradicionalmente tivo unhas condicións laborarais mellores que as dos traballadores e traballadoras laborais neste Concello.

Sete novas sentenzas de indefinición condenan ao Concello de Betanzos por contratacións fraudulentas do persoal laboral

A CIG vén de gañar sete novos xuízos de indefinición que estiman as demandas presentadas polo traballadores e traballadoras do Concello de Betanzos e que condenan á Administración local por prácticas fraudulentas. O Xulgado do Social da Coruña estimou a totalidade das demandas presentadas, a pesar da oposición do goberno municipal ás reclamacións dalgúns traballadores vinculados á Confederación Intersindical Galega nun claro intento de represión sindical que resultou fallido. 

O goberno betanceiro de María Barral incumpriu o comprometido nas mesas xerais de negociación e opúxose á reclamación de indefinición de certos traballadores, como a propia representante da Sección sindical da CIG. Discriminou e distingiu deliberamente entre os traballadores cunha postura contraria á reclamación da indefinición en casos similares mais con persoas diferentes e demostrou a volta ás prácticas máis antidemocráticas que marcaron os primeiros anos do percorrido da CIG neste Concello. 

A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos valora de xeito moi positivo estas novas sentenzas mais segue lamentando que sexan os traballadores e traballadoras quen teña que acudir ao xulgado e pagar as consecuencias da nefasta xestión do persoal laboral deste Concello coa exclusión da nova Relación de Postos de Traballo dunha grande parte do cadro de persoal laboral. Lamenta, así mesmo, que o Comité de Empresa non presentase alegacións á Relación de Postos de Traballo e que o presidente do Comité (CSIF) non se opoña publicamente a un documento que divide, discrimina e crea un grave conflito laboral neste Concello. 

Agora o Concello de Betanzos deberá reunir a Mesa Xeral de Negociación de novo para incluír as prazas na Relación de Postos de Traballo e modificar o documento inicialmente aprobado. A maiores, ten pendentes de resolver as alegacións que presentou a propia CIG e múltiples traballadores tanto laborais como funcionarios que lle desmostraron ao goberno municipal a súa oposición a un documento aprobado exclusivamente co apoio da CSIF e que afonda nas discriminacións históricas existentes nesta Administración local.

A CIG denuncia que os novos decretos carecen de mecanismos de control efectivos para acadar unha igualdade real

Conteñen un exceso de recomendacións pero falta contundencia nas sancións


A CIG lamenta que o Goberno español non aproveitara os novos RD sobre igualdade retributiva e plans de igualdade para incluír medidas que garantan obrigas reais nestas materias, con sancións para aquelas empresas que non cumpran cos requisitos de igualdade, e para velar non só pola redacción e arquivo dos plans de igualdade, senón pola aplicación de mecanismos de control de implantación das accións recollidas nestes de cara a conseguir unha igualdade efectiva dentro do mercado de traballo.

Ademais, os dous textos acordados son un novo golpe aos sindicatos nacionalistas, apartándoos e deixándoos fóra, non só dos acordos en materia de lexislación laboral, senón tamén da negociación colectiva. Tratan a golpe de lei de invisibilizar unha maioría sindical incómoda, acalala e dar a CCOO e UGT unha representación que non son quen de conseguir na Galiza.

Un exemplo claro deste silenciamento é a posibilidade de negociación de plans de grupos de empresas, que poden levar a cabo só seccións sindicais que sumen a maioría no grupo, é dicir, a nivel estatal, onde os sindicatos nacionalistas ficamos sempre en minoría. Incluso a nivel de empresa, lexitímase que participen na empresa só os sindicatos maioritarios cando sumen maioría.  Finalmente, no caso das empresas sen representación sindical, a norma directamente delega a negociación dos plan nos sindicatos máis representativos do sector a nivel do estado.

Alén das negociacións, por medios destes decretos regúlase a elaboración de guías, protocolos, asistencias técnica, mesas de negociación, organización de accións formativas... que tan só responden ao obxectivo de seguir engordando economicamente as achegas constantes do Estado ás organizacións sindicais e empresariais asinantes do diálogo social.

Falta contundencia á hora de sancionar

Á marxe fican o resto das forzas sindicais non pactistas, mesmo aquelas que como acontece coa CIG, son a primeira forza sindical en afiliación e representatividade no seu país. De feito, a CIG foi requirida para realizar achegas, sen que ningunha das propostas trasladadas pola central sindical na fase de revisión dos borradores dos RD  fose incluída nos textos finais que, ao igual que as normas anteriores, conteñen un exceso de recomendacións e unha lamentábel falta de contundencia á hora de sancionar as empresas que carecen destes plans ou que os impoñen de maneira unilateral.

Cómpre lembrar que xa transcorreron trece anos desde que se regulara a obrigatoriedade de implantar plans e medidas de igualdade nas empresas con máis de 250 persoas traballadoras e un ano e medio dende a publicación do decreto que rebaixou a 50 o tamaño das empresas con obriga de negociar plans de igualdade, creando a figura do rexistro retributivo e a auditoría salarial Porén, no RD que hoxe se publicado no BOE, pero que entra en vigor dentro de 3 meses, aínda estende un ano máis o prazo para que as empresas cumpran co requisito de ter implantado un plan.

Interpretación difusa da fenda salarial e a discriminación retributiva

Sobre a igualdade retributiva, a CIG solicitou que se incluíra unha definición de fenda salarial e outra de discriminación retributiva precisa que non leven a interpretacións difusas nin a alegar que non existe fenda cando as diferenzas son menores ao 25%, como xa está pasando na actualidade en moitas empresas ao obrigar a normativa a xustificar só as diferenzas porcentuais superiores a esa cifra. Unha eiva que este decreto volve reproducir.

Para a CIG non é asumíbel que apareza esta porcentaxe como unha diferenza tolerada ou que non esixe explicación, e polo tanto unha actuación real, cando estamos a falar de rematar coa fenda salarial. Neste senso, hai que subliñar que a fenda salarial en Galiza está no 21,4% e no Estado no 22,2%; por iso, non podemos dicir que este RD cumpra co seu obxectivo se só se esixe xustificar as diferenzas que non só perpetúan senón que superan, a fenda existente.

Nesta liña, resulta preciso aclarar tamén a estrutura do rexistro retributivo, contemplando os valores medios de cada concepto retributivo por separado (salario base, complementos de convenio etc.) e incluír unha explicación daqueles complementos fóra de convenio e extrasalariais. Así como utilizar para a valoración de postos un modelo de auditoría salarial único elaborado polo instituto da muller, posto que deixar aberta a porta a utilización de calquera outro leva a diferentes aplicacións sobre os obxectivos e esixencias que debe seguir o mesmo.

Non se garante a pluralidade na negociación dos plans

Sobre as negociacións dos plans de igualdade, a CIG defende que a súa negociación debe ser parella á negociación do convenio colectivo e que a auditoría salarial debe incluírse na diagnose previa á elaboración do plan de igualdade e non elaborarse a posteriori.

Asemade, a CIG  expuxo no seu momento a necesidade de garantir que todos os sindicatos con representación na empresa sexan chamados para facer parte da comisión de negociación do plan, independentemente da súa porcentaxe de representación. Esta é a práctica xeneralizada que até agora se aplicou na maioría das negociacións dos plan de igualdade,  e tal como figura no RD, non se vai garantir nin a pluralidade nin a igualdade de participación, senón que todo parece indicar que se intenta blindar mediante RD a participación dos sindicatos participantes no diálogo social.

Ausencia de formación específica

Tampouco se recolle no RD que para poder garantir unha boa implantación desta norma e  un impacto real no ámbito laboral, se debería crear unha formación específica para as persoas que se responsabilicen da negociación do mesmo, así como persoal técnico especializado para o seu desenvolvemento. Un sistema de implantación que podería coller como base o existente en materia de prevención de riscos laborais, mais do que non se fala na normativa publicada.

Por todo o exposto, a CIG denuncia que houbo tempo abondo para introducir cambios nas empresas que, como podemos comprobar nas cifras de fendas salariais, de demandas de conciliación e denuncias de acoso, non serviron para acadar a igualdade no mundo laboral, e porén, segue a faltar contundencia nos textos publicados, nas sancións ás empresas que carecen de plans, a aquelas que os impoñen unilateralmente, por mor dunha falta de vontade política, que priorizou sempre aspectos económicos, no canto de desenvolver os decretos e regulamentos necesarios para poñer en marcha a lei e para mudar esta desigualdade.

RD 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade

O goberno do Estado vén de aprobar o RD 901/2020 polo que se regulan os plans de igualdade. O Concello de Betanzos carece de plan de igualdade a pesar de que segundo o Convenio colectivo e o acordo regulador debe ser negociado e un informe situación de mulleres e homes dentro da empresa, enumerando todas as desigualdades detectadas debera estar aprobado desde o 6 de abril de 2018, data na que se cumpriu un ano da aprobación do texto e que se contempla como máxima.

O prazo do que fala a normativa é de tres meses para inicialo e un ano para telo listo, polo que o Concello de Betanzos terá que bulir para botar adiante esta necesidade, logo de adiala durante tres anos. Se ben é certo que en ata dúas ocasións fixo enquisas para este Plan de igualdade, polo momento non o levou adiante nestes tres anos. De feito, con respecto ás propias enquisas do plan de igualdade houbo persoal que nos transmitiu as súas queixas xa que descoñecía os motivos do Concello para facer a enquisa para o plan en ata en dúas ocasións mais non dar máis pasos para levalo adiante, aplicar varias medidas de acción positiva recollidas tanto no Convenio colectivo como no Acordo regulador ou facer ese informe previamente á elaboración da RPT para corrixir con esta posibles desigualdades existentes.

07/10/20

A CIG solicítalle ao Concello que reúna con urxencia a Mesa Xeral de Negociación para a regulación e adaptación normativa do teletraballo recollida no RD 29/2020

Logo de varios meses agardando a que o Concello de Betanzos constituíse o grupo de implantación do teletraballo no Concello de Betanzos que el mesmo propuxo no protocolo de reincorporación ao traballo presencial que claramente incumpre na actualidade e de que o goberno do Estado aprobase a modificación do Texto refundido do Estatuto básico do empregado público para inclusión do teletraballo, a CIG vén de lle solicitar ao goberno de María Barral que reúna a Mesa de Negociación con carácter urxente para realizar esta negociación.

O propio decreto di que en 6 meses as Administracións deben adaptar esta normativa e regulala e este prazo vén dado porque esta modificación é froito da crise sanitaria e, en principio, propón a regulación do teletraballo na situación actual de pandemia.

Na solicitude, a CIG lémbralle ao goberno do PSOE que na actualidade e desde a apertura das oficinas municipais unha parte do persoal do Concello de Betanzos vén realizando as súas funcións en modalidade de teletraballo a pesar da inexistencia duns criterios para esta regulación e que este feito vén redundando nunha discriminación entre o persoal xa que se descoñecen os postos de traballo, os criterios de adxudicación e as condicións laborais de acceso ao teletraballo.

O escurantismo na adxudicación do teletraballo e falta dun criterios claros veñen redundado en discriminacións directas como que o control de asistencia ao traballo só se vén realizando a quen asiste presencialmente. A maiores a CIG observou e vén denunciando nesta e noutras administracións que o teletraballo está dando nalgúns casos como resultado unha peor atención á cidadanía que non pode realizar as súas xestións nas administracións con normalidade, e, por tanto, redunda nunha peor calidade dos servizos públicos.

Por outro lado, na actualidade, a desregulación e a falta dun acordo escrito deixa no aire o cumprimento das condicións laborais, a achega dos medios por conta do Concello e acceso remoto que tampouco se lle facilita á totalidade do persoal.

Desde a CIG consideramos necesario regular o teletraballo como unha ferramenta nesta situación de pandemia, mais sempre que este non se convirta nunha nova fonte de discriminacións, desregulación e precariedade laboral. Igualmente, defendemos unha regulación igualitaria para o persoal laboral e o funcionariado que logo se traslade aos marcos normativos de cada colectivo, coma sempre, defendemos iguais condicións laborais e igual salario a igual traballo, aínda pendentes de que o goberno de María Barral deixe de teimar en non equiparar salarialmente ao persoal laboral municipal.

Por todo isto, a CIG rexistrou unha solicitude  para que o Concello de Betanzos reúna con carácter urxente a Mesa Xeral de Negociación para a adaptación da normativa ao teletraballo e a regulación deste no Concello de Betanzos en igualdade de condicións para o persoal laboral e o funcionariado e con criterios obxectivos, transparentes e non discriminatorios, así como a garantía de cumprimento dos dereitos laborais do persoal municipal independemente da modalidade de traballo en que preste servizos. Tamén lle lembrou ao Concello a obrigatoriedade e a necesidade de levar a cabo esta negociación para regular a prestación do teletraballo na situación actual derivada da crise sanitaria.

As múltiples escusas do goberno municipal ante a Inspección de Traballo para non negociar os criterios de reparto do complemento de produtividade

Desde hai varios anos a CIG venlle reclamando ao goberno de María Barral a negociación dos criterios de reparto do complemento de produtividade que vén recollido nos orzamentos do Concello e no artigo 29 do Convenio Colectivo.

A negativa á negociación acumula xa case dous anos desde a Mesa de Negociación na que se lles deu aos sindicatos un prazo para presentaren propostas para esta regulación. A actitude do goberno municipal que atrasou constantemente esta negociación agochaba o pagamento en exclusiva de case o 70% da partida de 10000 euros para unha praza concreta. O propio concelleiro de Persoal Diego Fernández, e logo da pregunta da CIG na Mesa de Negociación na que que parecía que o resto dos sindicatos estaban de acordo con este reparto exclusivo a unha persoa, achegou o decreto mediante o cal María Barral decidía utilizar unha partida de persoal ao seu propio criterio mentres dilataba a negociación dos criterios de reparto desta produtividade para a totalidade do persoal municipal.

Logo de moitas solicitudes, reunións e voltas a finais de 2019 a CIG decidiu informar á Inspección de Traballo provincial que o Concello de Betanzos estaba incumprindo o Convenio colectivo do persoal laboral no seu artigo 29 xa que se negaba a fixar os criterios de reparto, á vista de que non parecía que houbese solución para o tema e que o goberno municipal teimaba en repartilos sen uns criterios obxectivos, transparentes e de coñecemento para a totalidade dos traballadores e traballadoras do Concello.

A inspección de traballo provincial concluíu que o Concello non desenvolveu esta negociación cos representantes dos traballadores nin sequera no ano 2020 e que esta se debe levar a cabo. Aínda así, o informe da actuación inspectora recolle as múltiples escusas do goberno municipal para non negociar este complemento durante varios anos e repartilo ao seu antollo e sen uns criterios negociados. Transcribímolas aquí para que quede claro que o goberno municipal o único que quixo foi dilatar esta negociación para seguir facendo o que lle petaba con eses cartos:

Escusa 1: Os criterios íanse negociar logo das eleccións sindicais de 2019

MENTIRA: Esta negociación vén xa de finais de 2018, e recollida no Convenio e no acordo de 2017, non había que agardar 2 anos polas eleccións sindicais para decidilo.

Escusa 2: A Mesa Xeral de Negociación constituíse o 10/12/2019 e con motivo da Covid-19 as negociacións víronse atrasadas.

MENTIRA. Entre a Mesa de Negociación e o inicio do estado de alarma pasaron 3 meses e o goberno municipal nunca amosou intención de negociar esta produtividade a pesar das solicitudes.

Escusa 3: Co Estado de Alarma as negociacións atrasáronse, están a retomar estas e van levar ao próximo pleno os criterios de reparto do complemento de produtividade.

MENTIRA. O Estado de Alarma finalizou hai 3 meses, a resolución da Inspección de Traballo é de comezos de agosto, por tanto o goberno municipal non retomara en agosto nin retomou na actualidade ningún tipo de negociación sobre a produtividade e obviamente esquivou á Inspección ao dicirlle que levaría ao próximo pleno esta negociación cando nin sequera convocou ningunha Mesa de Negociación sobre o tema a 7 de outubro, nin moito menos o levou a un acordo plenario.

A conclusión é que o goberno municipal pode contarlle o que queira ao inspector de traballo que os feitos demostran o seu nulo interese nesta negociación para poder seguir repartindo como lle pete a partida orzamentaria da produtividade.

A CIG, pola súa parte, solicitará unha última vez que o Concello de Betanzos lle dea cumprimento ao requirimento 15/0012829/19 da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social da Coruña e non o facer acudirá de novo a informar á Inspección de que o Concello non cumpre o acordado no Convenio colectivo nin aínda que a propia actuación inspectora lle indique que así o debe facer.

Descenso da afiliación, baixa taxa de cobertura e elevada eventualidade reflicten a precariedade do mercado laboral

Baixa o paro rexistrado, que segue sen ter en conta as preto de 220.000 persoas en ERTE

Descenso da afiliación á Seguridade Social e máis contratos asinados a pesar da evidente caída da actividade. Estes son algúns dos datos do paro rexistrado que reflicten a elevada precariedade e eventualidade que as reformas laborais instalaron no mercado do traballo e que as medidas adoptadas dende o inicio da pandemia están a afondar.

Os últimos datos do paro rexistrado sitúan o número de persoas en situación de desemprego en Galiza en 176.574, un 0,2% menos que no mes anterior -na media estatal o descenso foi do 0,69-; o que en termos absolutos significa 26.329 persoas menos.  Porén hai que ter en conta que o goberno segue sen contabilizar como desempregadas as persoas que están en situación de ERTE, polo que para ter unha imaxe máis acertada da realidade sociolaboral teríamos que sumarlle a esas 176.574 desempregadas/os, as 218.758 persoas que están nunha regulación.

Deste xeito, salienta o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Francisco Xabier Cartelle, estaríamos falando de 395.392 galegas e galegos que nestes intres non están traballando e destas persoas tan só 127.390 perciben algunha prestación do SEPE. Neste punto fai especial fincapé na baixada do 1,6% na contía da prestación contributiva media, que nestes momentos está nos 792,3€/mes.

"As medidas tardías e inxustas postas en marcha polo goberno diante da pandemia teñen deixado no desemprego a gran cantidade de persoas, condenadas a subsistir na precariedade e na eventualidade", advirte. Cartelle denuncia, ademais, que é a propia clase traballadora a que ten que sufragar, vía cotizacións e impostos, as coberturas sociais, mentres que as empresas gozan de enormes bonificacións.

Xunto a isto, pon a atención nos miles de traballadores e traballadoras eventuais que dende o inicio da pandemia están no desemprego e que xa remataron a prestación, mais aos que non se lle dan solucións nin se lles aplican as condicións máis beneficiosas aprobadas para as persoas en ERTE. Ao tempo, continúan os problemas para o cobro das prestacións do persoal en ERTE, que nalgúns casos xa comezaron a consumir o tempo de desemprego.

Situación anómala do mercado laboral

Para avaliar os datos do paro rexistrado, hai que ter en conta tamén que a  situación anómala que estamos padecendo non permite unha comparación rigorosa dos datos con anos anteriores. Sirva como exemplo a evolución do sector servizos que, de maneira habitual, no mes de setembro sofre un forte repunte no desemprego a consecuencia da fin das contratacións ligadas ao período estival.

Como neste verán o número de contratacións foi moi escaso, agora a perda de emprego tamén resulta moito menor. De feito, a nivel sectorial o desemprego descendeu na industria (-4,46) e na construción (-2,79%), mentres que no sector servizos sufriu un leve incremento do 0,15%.

Como vén sendo habitual, a contratación rexistrada segue a ser maioritariamente temporal e dos 83.162 contratos rexistrados no mes de setembro tan só un 8,3% se rexistrou baixo algunha das modalidades de contratación indefinida. Ç

É ás mulleres a quen máis está prexudicando no mercado laboral a nova situación, probabelmente pola falta de políticas de conciliación, pois as mulleres seguen a ser de xeito maioritario as que asumen as tarefas de coidados.

E malia o elevado número de contratos asinados e o descenso do paro rexistrado, a afiliación á Seguridade Social segue en caída, perdéndose 1.314 persoas afiliadas.


A nivel estatal a evolución é similar, incluso continuou descendendo o desemprego no sector servizos durante o mes de  setembro (-0,50%), cando tradicionalmente anotaba un importante incremento. Probablemente a maior contratación de persoal nalgunhas comunidades para reforzar o sistema sanitario e educativo por mor da covid19, compensou a caída na hostalería.

Un feito que non se está a dar en Galiza, "xa que a Xunta non está a contratar os efectivos de reforzo necesarios para afrontar a situación extraordinaria que vivimos, en ámbitos tan sensíbeis como a sanidade, o ensino, a atención á dependencia ou os servizos de limpeza, primando como sempre os criterios economicistas sobre o servizo público".

Necesidade dun Plan industrial e de aproveitamento dos recursos

Neste contexto, Francisco Cartelle reitera a necesidade de contar cun Plan Industrial para Galiza que garanta a actividade produtiva e xere emprego de calidade "e iso pasa por dar viabilidade a fábricas como Alcoa e Alu Ibérica, por adoptar medidas que garantan o futuro para as empresas electrointensivas, o sector naval ou do automóbil, e ofrecer alternativas claras ao proceso de descarbonización que vai camiño de ser un proceso de desmantelamento e destrución de emprego".

Xunto a isto, reclama a posta en marcha dun plan de aproveitamento sostíbel dos recursos naturais do país de xeito que creen valor engadido e que xeren emprego de calidade. Dúas medidas para reverter o traballo en precario xerado a consecuencia dunha lexislación laboral "que as últimas reformas foron flexibilizando e arrimando os intereses da patronal".

"Pero nin o goberno do Estado nin o da Xunta contan con estes plan para Galiza. E só tendo a soberanía precisa para dispor dos recursos e pensando no ben da maioría social poderemos recuperar dereitos para avanzar no benestar da clase obreira galega", conclúe.

A CIG presenta conflito colectivo contra a Xunta pola explotación laboral do persoal de limpeza dos centros educativos

A Consellaría de Educación impuxo novos horarios e triplicou a carga de traballo polas necesidades derivadas da covid

O sector de Autonómica da CIG-Administración vén de presentar conflito colectivo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra a Xunta polo abuso e a explotación laboral que está a padecer o persoal encargado da limpeza dos centros educativos. Dende a central denuncian que a Consellaría de Educación impuxo novos horarios e triplicou a carga de traballo para atender as necesidades derivadas da covid sen que se producise nin unha soa nova contratación.

Segundo sinalan, estas modificacións de horario leváronse a cabo sen a negociación previa coa representación do persoal que establece a lei e supón que limpadoras/es que acudían de tarde en horario continuo agora estean ao dispor das direccións dos centros. “Xa nos atopamos con cambios de horario de tarde a xornada partida ou incluso a horario nocturno de 22:00 a 6:00 horas”.

Ao mesmo tempo, lamentan que a negativa da Consellaría a contratar máis persoal, “aumentando a carga de traballo de xeito insostíbel”, supoña na práctica un abuso e a explotación das traballadoras/es. 

Explican que logo de ter presentado alegacións contra esta modificación substancial das condicións laborais, e tras acudir á inspección de traballo, seguen sen ter noticias da consellaría, polo que optan agora pola vía da impugnción ante a sala do social do TSXG para deixar sen efecto os cambios introducidos mediante o apartado 'Medidas de prevención básicas. 4.- Medidas xerais de limpeza nos centros' da resolución conxunta ditada polas Consellarías de Educación e Sanidade.

Neste senso, lembran que a CIG-Administración Autonómica vén denunciando publicamente dende o mes de maio a situación do persoal de limpeza dos centros de ensino a raíz dos distintos protocolos que Educación publicou na súa páxina web sen ningún tipo de negociación previa, “a pesar de que en innumerábeis ocasións solicitamos xuntanzas cos seus responsábeis e rexistramos achegas e consideracións a cada un deses protocolos”.

Limpeza deficiente

De feito, na última versión destes protocolos “unilaterais e non tratados nin cos comités de seguridade e saúde nin cos comités de empresa” que afecta directamente ás condicións de traballo do V Convenio Único do Persoal Laboral establécese que “nos supostos nos que existan varias persoas dedicadas a tarefas de limpeza, unha delas realizará total ou parcialmente a súa xornada na quenda de mañá, podendo realizarse rotacións no uso das quendas. Cando as tarefas de limpeza se realicen por unha única persoa realizará parte da súa xornada (polo menos 1/3) en xornada de mañá”.

Isto supuxo que na práctica multitude de traballadoras/es viran modificada a súa xornada, impoñéndoselles nalgúns casos quenda de noite.

“A pandemia non pode ser escusa para modificar a xornada laboral nin para triplicar a carga de traballo, xa que supón un desprezo ás tarefas máis esenciais para combater a crise sanitaria como son a hixienización e a limpeza”. Ademais, inciden en que a pesar do abuso ao que se está a someter ao persoal as medidas hixiénicas non están garantidas nos centros educativos nos que a limpeza depende directamente da Xunta, “xa que isto é imposíbel a custe cero”.


Novas denuncias contra a Xunta en Ourense por incumprir as medidas de protección fronte á covid

 Ante a existencia de numerosas deficiencias en materia de prevención de riscos

O sector de Autonómica da CIG-Administración vén de presentar unha nova quenda de denuncias ante a Inspección de Traballo e a Seguridade Social de Ourense en materia de prevención de riscos laborais contra a xefatura territorial da Consellería Política Social, a xefatura territorial de Medio Rural e a xefatura territorial de Educación.

Segundo explican dende a central, estas denuncias seguen a outras que se fixeron nos centros residenciais, nos centros de día e no edificio administrativo. “Estas xefaturas seguen sen cumprir o deber de protección do seu persoal; nesta ocasión centrámonos tamén naquelas que desenvolven funcións administrativas, ademais de reiterar as denuncias sobre os centros residenciais, nos que seguen sen adoptar medidas”. 

Tal é o caso do centro de menores da Carballeira, no que a Xunta continúa sen tomar medidas ou da xefatura de Medio Rural en Florentino Cuevillas, onde o persoal ten unha ventilación moi deficiente e comparte minúsculos habitáculos, e aos que nin sequera se lle dá máscara de protección”.

Tampouco se fixeron as avaliación de riscos laborais dos centros ou non se actualizaron con respecto ao risco biolóxico da covid, polo que nin se está a facilitar material de protección neste ámbito laboral, até o punto de que non se proporcionan máscaras cirúrxicas nin xel hidroalcólico na maioría dos casos.

“O persoal que traballa nos centros administrativos da nosa cidade, e tamén na administración periférica como son as oficinas agrarias comarcais, non foi formado nin informado das medidas preventivas do seu posto fronte á covid; só se fixo nalgúns postos puntuais de inspección, obviando o resto”.

Por iso critican que a pesar dos requirimentos e advertencias dos delegados/as de prevención da CIG os responsábeis da Xunta sigan ignorando a súa responsabilidade nesta materia. “En plena segunda onda é intolerábel esta situación, polo que acudimos á autoridade laboral para que inste a tomar medidas eficaces para protexer as persoas traballadoras do risco de contaxio por coronavirus, incluíndo a correspondente posta a disposición dos traballadores/as dos EPI axeitados ou dos medios de protección colectivos como máscaras, anteparos, xeles, produtos desinfectantes, etc”.

Tamén lamentan a ausencia de teletraballo e de medidas organizativas que eviten a coincidencia do persoal nos centros denunciados (carteleiras de teletraballo ou traballo remoto, citacións, control de acceso, etc).

Principais demandas

Diante disto, dende a CIG- Administración Autonómica reclaman que se organice o traballo de xeito que se reduza o máis posíbel o número de persoas traballadoras expostas, establecendo quendas e posibilitando o teletraballo. 

Tamén solicitan material preventivo axeitado: máscaras cirúrxicas, máscaras FFP2/FFP3, luvas desbotábeis, gafas antisalpicaduras e roupa de traballo desbotábel de protección segundo indique a ARL ou o RD 21/2020, así como instrucións para o seu uso adecuado.

Outra das demandas ten que ver coa adopción de medidas específicas para as persoas traballadoras especialmente sensíbeis (grupos de risco), suposto no que entenden que non é aceptábel a presenza física no lugar de traballo cando é compartido por un número importante de persoal e usuarios/as, e moito menos a atención ao público.

Finalmente, instan a Xunta a facilitar información e formación a todo o persoal en materia de medidas preventivas fronte á covid e a facer avaliacións de riscos laborais nos centros que carezan delas, así como que a levar a cabo actualizacións das mesmas en base ao novo contexto derivado dos gromos.

Esixen ceses no Concello de Vigo pola “nefasta xestión” dos Bombeiros e da Policía

As centrais CIG, CUT e CCOO denuncian ilegalidades e políticas internas de “premio e castigo”

epresentantes da CIG, CUT e CCOO no Concello de Vigo compareceron hoxe en rolda de prensa para esixir o cese da edil responsábel e dos funcionarios/as adscritos/as de xeito provisorio ao Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) -Bombeiros- e á Policía local pola “nefasta xestión” destes dous departamentos. Dende as centrais denuncian incumprimentos da legalidade no SPEIS -mesmo negándose a acatar sentenzas xudiciais- e políticas internas de “premio e castigo” no corpo policial.

En concreto, critican o “absoluto desprezo” que a Concellaría de Seguridade, que dirixe Elena Espinosa, amosa non só ao cumprimento da legalidade aplicable en distintas materias, senón incluso a respecto de distintos pronunciamentos xudiciais que están sendo emitidos polos tribunais, como é o caso o caso dos bombeiros, aos que a xustiza está a darlles a razón sistematicamente en todas as súas reivindicacións.

Neste senso, lembran as catro sentenzas no contencioso administrativo que confirmaron a “absoluta vulneración” da lei na que incorreu o decreto municipal que en 2019 acordou a “ilegal suspensión” dos descansos regulamentarios dos funcionarios do SPEIS. Sen embargo, e a pesar deses pronunciamentos xudiciais anulatorios, a actual concelleira segue a aplicar esa “resolución ilegal”.

Outra sentenza da mesma orde xurisdicional, ditada en primeira instancia, declarou igualmente a nulidade de pleno dereito outro “ilegal e represor” decreto que deixou sen efecto o exercicio lexítimo do dereito á folga convocada por dous sindicatos hai un ano. “Decreto que, a sabendas da súa ilegalidade, segue manténdose tamén no tempo impedindo aos funcionarios/as deste servizo o exercicio dun dereito constitucional”.

Ao mesmo tempo, outras dúas sentenzas da orde contencioso administrativa, ditadas en primeira e segunda instancia, confirman tamén que o Concello está a abonar os reforzos de xornada dos bombeiros por debaixo do prezo da hora de traballo regulamentariamente establecida, o que significa que o Concello adebédalles, ao igual que a outros moitos/as funcionarios/as, importantes sumas de diñeiro que deben ser pagadas, cos intereses de demora, cunha retroactividade de catro anos. “Porén, a edil aínda non deu plena e efectiva solución fronte a esta ilegal actuación do Concello”.

Problemática organizativa

Outra das cuestións sobre as que inciden ten que ver co que consideran unha total falta de compromiso á hora de ofrecer unha solución legal e efectiva á problemática organizativa que se deriva da falta de medios humanos no SPEIS, “e que require non só da debida implementación do cadro de persoal, senón da cobertura urxente das prazas vacantes”. 

Tamén critican o deseño dunhas bases de selección para as prazas do SPEIS, na actual oferta de emprego que se está a tramitar, de moi dubidosa legalidade. Entre outras cousas porque se cambiou, sen a debida xustificación, o sistema de selección que se empregou ao longo de décadas, que pasou dunha oposición libre (o mecanismo que marca a lei como preferente) ao de concurso-oposición.

Ademais, denuncian o trato preferente que se deseñou nas bases de selección en favor de distintos colectivos funcionariais para acceder ás prazas de bombeiros. Por exemplo, respecto dos funcionarios da UME, aos que se lles priman os servizos prestados nas forzas armadas situándoos nunha posición de privilexio de méritos fronte a outros candidatos/as para acceder ao corpo de bombeiros de Vigo.

Ou, tamén, respecto á promoción interna para as prazas de bombeiro, xa que as bases foron configuradas de xeito que o acceso semella ir orientado a un reducido número de funcionarios/as municipais, “o que podería suxerir, de acreditarse unha espuria finalidade nesa actuación da Administración, un posible caso de nepotismo interno”.

Accións xudiciais

Por iso anuncian a adopción das oportunas accións xudiciais, advertindo unha vez máis aos futuros opositores das consecuencias que poden derivarse de alcanzarse un novo pronunciamento xudicial favorábel ás pretensións sindicais “para que sexan plenamente conscientes dos riscos que asumen ao presentarse aos procesos selectivos desta oferta de emprego”. 

En canto á xestión da Policía local, denuncian as políticas internas “de premio e castigo” que ilegalmente están sendo impostas pola Xefatura do corpo aos seus subordinados/as, tal e como confirman as recentes sentenzas xudiciais. Consideran inadmisíbel que os funcionarios/as sexan postos ou depostos discrecional ou arbitrariamente dos seus postos de traballo como consecuencia de políticas internas “baseadas en criterios paralegais” que nada teñen que ver cos principios de mérito, capacidade e igualdade, nin por suposto cos procedementos regulamentarios de provisión de postos de traballo.

Finalmente, censuran a mesma falta de compromiso e empatía que acontece no SPEIS á hora de atender as distintas reivindicacións laborais realizadas polos representantes dos traballadores/as a respecto das condicións de traballo dos funcionarios/as do corpo policial.

Guía de actuación ante a aparición de casos de COVID-19 en centros educativos. Actualización de 24 de setembro de 2020

 O obxectivo do documento é servir de guía de actuaciónpara o manexo de casos, contactos e brotes de COVID-19 nun centroeducativo que permita o establecemento de medidas de contenciónadecuadas.

Nos centros educativos poden aparecer casos debido á mobilidade e ao contacto entre as persoas, con todo hai medidas que se poden adoptar para reducir a probabilidade de transmisión. O nivel de implementación destas medidas deberá ser tido en conta á hora de valorar os riscos inherentes á identificación de casos ou das cadeas de transmisión.

As medidas para a contención rápida da infección inclúen a xestión adecuada no centro educativo das persoas que inician síntomas, a identificación precoz dos casos, a identificación, corentena e seguimento dos contactos estreitos e a identificación de posibles focos de transmisión en colectivos específicos. Estas accións requiren que os centros manteñan unha comunicación fluída e continuada coas autoridades de saúde pública.

Ante os diferentes escenarios que poidan darse, débese organizar unha pronta resposta que permita controlar un posible brote. Isto inclúe a posibilidade de que se indique o peche reactivo transitorio de unha ou varias aulas, xunto con diferentes escalóns de medidas que considere saúde pública a través da avaliación do risco.


Mellor modo de eliminar ao coronavirus con raios ultravioleta

 O equipo investigador da Universidade de Hiroshima, completou unha investigación cuxos resultados indican que utilizar a radiación ultravioleta cunha lonxitude de onda de 222 nanómetros, que é menos perigosa ao ser usada preto de humanos que a de 254 nanómetros, é igual de eficaz matando ao coronavirus SARS- CoV-2. Considérase que esta é a primeira investigación no mundo para probar a eficacia da luz ultravioleta de 222 nanómetros contra o SARS- CoV-2. 

Certas clases de radiación ultravioleta poden empregarse para desinfectar habitacións, matando nelas aos coronavirus da COVID-19. Esta estratexia non é válida para usala en persoas. A lonxitude de onda de 254 nanómetros (un nanómetro é unha millonésima dun milímetro) é moi común nas lámpadas ultravioleta para desinfectar habitacións baleiras, pero unha nova investigación descubriu unha alternativa mellor.

Os estudos previos con luz ultravioleta de 222 nanómetros só examinaron a súa validez na erradicación de coronavirus estacionais que son estruturalmente similares ao coronavirus SARS- CoV-2 pero non a súa validez para matar especificamente ao SARS- CoV-2.

Un experimento in vitro dos autores do novo estudo mostrou que o 99,7% do cultivo viral do SARS- CoV-2 foi eliminado tras unha exposición de 30 segundos a unha luz ultravioleta de 222 nanómetros a 0,1 mW/cm2.

A luz ultravioleta cunha lonxitude de onda de 222 nanómetros non pode atravesar a capa exterior do ollo humano nin a da pel, polo que non causará dano ás células vivas que se atopan debaixo. Isto convértea nunha alternativa menos perigosa pero igualmente potente á máis daniña luz ultravioleta de 254 nanómetros das lámpadas germicidas que se utilizan cada vez máis na desinfección de instalacións sanitarias.

Polo seu perigo, a radiación de 254 nanómetros só pode ser usada para desinfectar habitacións baleiras. En cambio, a luz ultravioleta de 222 nanómetros ofrece máis permisividade para desinfectar espazos públicos ocupados, dado que unha exposición accidental causa danos moi inferiores.

Con todo, o equipo de Hiroki Kitagawa, Toshihito Nomura, Hiroki Ohge e Takemasa Sakaguchi suxiren que se siga avaliando a seguridade e a eficacia da utilización da luz ultravioleta de 222 nanómetros para matar ao SARS- CoV-2 en situacións reais, xa que no estudo só comprobaron a súa eficacia in vitro.