27/01/21
Resposta do Concello ante unha solicitude de reparto equitativo da carga de traballo
A xunta de persoal da Administración do Estado en Pontevedra reclama máis efectivos para atender a carga de traballo
xunta de persoal da Administración Periférica do Estado na provincia de Pontevedra demanda a cobertura de vacantes, “logo dos recortes de persoal dos anteriores Gobernos”, e un reforzo das relacións de postos de traballo acorde coa carga de traballo en organismos como o INSS e o SEPE, que tramitan o Ingreso Mínimo Vital (IMV) e os ERE. Ademais, o órgano de representación dos traballadores/as considera que o uso das novas tecnoloxías para realizar trámites e para relacionarse coa Administración ten que ser unha opción voluntaria “que facilite os trámites e teña en conta o grao de aceptación do público e a existencia dunha fenda dixital”.
Dende a xunta de persoal sinalan que a Administración non conta na actualidade con persoal suficiente, “polo que urxe resolver os procesos selectivos pendentes, mellorar as aplicacións corporativas e abordar un plan de simplificación administrativa real e efectivo”.
Nesta liña, denuncian que a Administración do Estado leva tempo “impoñendo máis que promovendo” o uso das novas tecnoloxías na relación co público, “unha forma de relación que esixe dispoñer de medios materiais, coñecementos para usalos e para interpretar as instrucións, requisitos que unha parte da poboación non reúne”.
Inciden en que, por exemplo, parte da cidadanía non ten clara a diferenza das competencias de organismos como o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) -nin que as súas oficinas de atención ao público se chaman CAISS-, da Tesourería Xeral da Seguridade Social ou do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).
Esta imposición do uso das novas tecnoloxías entre administración/persoa administrada tampouco ten en conta a fenda dixital existente tanto polo ámbito xeográfico de residencia como polo xeracional e económico, “o que fai que a cidadanía teña que pagar a profesionais por facer un traballo que antes facía o persoal funcionario de xeito gratuíto”.
Por iso rexeitan a decisión de reducir a atención ao público “argumentando que se fai así por mor da crise sanitaria actual para evitar acumulación de persoas nas oficinas e facilitar a organización do servizo, aínda que son poucas as persoas que podendo facer uso das novas tecnoloxías deciden non usalas e acudir ás oficinas”. Con todo, queren deixar claro que están a favor do uso das novas tecnoloxías na Administración.
Atención telefónica persoal
Neste senso, lembran que existen protocolos que establecen aforos tanto para acceder aos locais como ás zonas comúns do interior “que se teñen que respectar, igual que o resto das medidas de seguridade que a crise sanitaria esixe (distancias, mascaras, sinalización, etc), polo que nin a acumulación de persoas nin a desorganización parecen razóns suficientes para non poder atender á cidadanía”.
Entenden tamén que debe de terse en conta a atención telefónica persoal, actualmente colapsada, para realizar determinados trámites, “pero unha atención prestada por persoal funcionario e non por máquinas, e na que se garanta o dereito da cidadanía a entenderse coa Administración en todas as linguas cooficiais do Estado”.
Finalmente, lamentan que a subdelegada do Goberno se negue a manter unha xuntanza coa representación do persoal, xa que non atendeu ningunha das solicitudes de reunión que lle foron trasladadas, algunhas delas incluso antes do inicio da pandemia. “Esta actitude denota o total desprezo ás traballadoras/es da Administración Xeral do Estado na provincia de Pontevedra e a ocultación da súa política na xestión de persoal”, rematan.
O comité de persoal do Concello de Vigo crea unha plataforma contra a «venda» dos servizos públicos
As organizacións sindicais denuncian a súa privatización por parte do Goberno local
O comité de persoal do Concello de Vigo vén de anunciar a constitución dunha plataforma para rexeitar o proceso de desmantelamento e privatización dos servizos públicos por parte do Goberno local. Baixo o nome de 'O Concello de Vigo en venda' queren denunciar tamén “o profundo desprezo” dos responsábeis municipais “ante o bo facer” dos empregados/as públicos.
Mediante a creación desta plataforma, que está a levar a cabo repartos de folletos informativos pola cidade, o comité de persoal do Concello de Vigo quere alertar sobre o “desmantelamento e a venda sistemática” dos servizos públicos de prestación obrigatoria “ao mellor postor, cando non ao mellor amigo, privatizando os servizos públicos de titularidade municipal”. Tras esta “venda” dos servizos do Concello de Vigo, “e aínda que pretendan xustificala politicamente baixo os arquetípicos e sempre falsos argumentos da mellor xestión do sector privado fronte ao público, escóndese o profundo desprezo do Goberno municipal ante o bo facer dos centos de empregados/as públicos/as que cumprimos fielmente co encargo recibido da cidadanía, a quen nos debemos sempre”.
Neste “patético proceso” no que os políticos municipais “se desentenden das súas responsabilidades públicas” para así xustificar esa venda dos servizos de titularidade municipal, a cidadanía é quen sempre paga as “nefastas consecuencias” duns servizos públicos “deficientes”, e onde o beneficio das empresas privadas redunda sempre en detrimento do servizos públicos municipais, mentres as cargas impositivas seguen sendo as mesmas para a cidadanía. “Exemplos deste feito son o transporte público e o abastecemento de auga, privatizados hai tempo”.
Como consecuencia, entenden que a seguridade da cidadanía de Vigo pola falta de policías locais e bombeiros está nestes intres seriamente comprometida. “É un feito incuestionable que ambos os dous corpos están sempre baixo mínimos e non poden garantir nin a seguridade da cidadanía nin a das propias persoas traballadoras”. Ao mesmo tempo, a falta de persoal na área de Benestar social é “igualmente dramática”, provocando, non só serios atrasos na tramitación das axudas e prestacións asistenciais que deben ser ofrecidas aos vigueses/as máis desfavorecidos/as, senón a imposible realización dunha política real e efectiva de integración social. “Isto transforma ás políticas sociais do Concello en actos de caridade e beneficencia”.
Déficit de persoal
O mesmo déficit de persoal evidénciase nos servizos esenciais do Concello, o que provoca un “intolerable atraso” na tramitación de solicitudes, licencias, reclamacións, recursos, denuncias e calquera outro trámite administrativo, co conseguinte trastorno á cidadanía viguesa que precisa dunha xestión áxil e efectiva por parte do Concello de Vigo na resolución dos seus trámites.
A non apertura de instalacións deportivas, o peche de Vigozoo, o desmantelamento do Laboratorio Municipal e diferentes departamentos do Parque Central, etc, evidencian unha estratexia privatizadora na xestión dos servizos públicos de titularidade municipal, así como o desterro das parroquias rurais nas que a implantación de servizos urbanos xunto coa nula actuación do mantemento das diferentes infraestruturas son froito da desidia desta corporación.
“O alcalde de Vigo, Abel Ramón Caballero Álvarez, aínda non se dignou a reunirse, sequera unha vez, co comité de persoal para tratar todas estas estratexias privatizadoras dos recursos públicos. Emprega a Asesoría Xurídica con fins políticos eludindo negociar os conflitos e levando ás conseguintes xudicializacións destes, malgastando o erario público froito dos impostos á cidadanía viguesa en preitos que só perseguen dilatar no tempo a aplicación de sentenzas xudiciais desfavorables, motivadas pola falta de respecto á lexislación vixente en materia de dereitos laborais e fundamentais das persoas traballadoras. Amosa o alcalde o máis absoluto desprezo á representación legal dos traballadores/as, á legalidade vixente e aos fallos xudiciais emitidos polos órganos de xustiza, que en non poucos casos quedan sen cumprir”.
Finalmente, consideran que o actual contexto de crise sanitaria, social e económica que estamos a vivir, se algo evidencia é que o sector público resulta cada vez máis preciso, “xa que é a única maneira de ofrecer unhas prestacións esenciais dignas á cidadanía de acordo cos estándares máis elementais de calidade que a poboación espera recibir do Concello de Vigo, e que, no ámbito das entidades locais, canalízanse a través do exercicio dunhas competencias de obrigada e irrenunciable prestación”.
Denuncian “desigualdades e presións” contra o persoal do Concello de Redondela Os sindicatos reclaman a cobertura das baixas e que se convoque a oferta pública de emprego
As centrais sindicais consideran que a mellora dos servizos públicos pasa por garantir unhas óptimas condicións laborais, polo que se ven obrigadas a solicitar do Concello que se establezan uns criterios obxectivos e maior transparencia nas decisións que afectan ao cadro de persoal. “Deste xeito evitaríase que se creen ou manteñan situacións de desigualdade que están a provocar un sistema de castas, con privilexios para algunhas persoas en detrimento dos dereitos doutras”.
Ao mesmo tempo, aseguran que varios/as traballadores/as municipais sofren presións por parte do Goberno local, tanto en horas laborais como fóra do horario estipulado, tal e como o teñen denunciado ante os sindicatos. “Chegouse, incluso, a medidas de represión contra os representantes sindicais por exercer e defender os dereitos laborais”.
Diálogo honesto
Diante disto, dende a CIG e a CSIF queren deixar moi claro non van tolerar “que o guión sexa a presión ou a represión directa contra traballadores/as ou contra a representación sindical”.
Polo que lle reclaman ao Goberno local “un diálogo honesto que poña por diante a mellora dos servizos públicos, a transparencia nas decisións, o respecto aos dereitos laborais e a defensa das condicións óptimas de traballo fronte a situacións de desigualdade”.
Lembra: Medidas para minimizar o risco de transmisión por aerosois
No momento actual considérase demostrada a transmisión a partir de aerosois. Os aerosois son as pingas respiratorias de menor tamaño (< 100 micras) que tamén son emitidas polas persoas infectadas e que quedan suspendidas no aire por un tempo elevado (dende segundos ata horas). Estas poden ser inhaladas a distancias superiores a 2 metros da persoa infectada e incluso en ausencia da persoa que as emitiu.
En xeral o risco de transmisión por bioaerosois aumenta na distancia curta, en contornas pechadas e concorridas, especialmente mal ventiladas, e cando se realizan actividades que aumentan a xeración de aerosois como facer exercicio físico, falar alto, gritar ou cantar.
Segundo o exposto, minimizar a transmisión da COVID-19 a partir de aerosois non implica a necesidade de adoptar medidas de prevención complexas moi diferentes ás xa recomendadas, pero si reforzalas e incorporar algunhas novas para evitar o contaxio, en especial nos espazos interiores.
Nos seguintes documentos recóllense as máis importantes.
Un xulgado recoñece como accidente laboral un ictus sufrido en casa por unha traballadora durante o confinamento
Ese mesmo día déronlle a baixa por incapacidade temporal polo infarto cerebral que sufrira, pero a mutua coa que traballa ese Concello, Mutua Activa 2008, non aceptou a continxencia, o que levou á traballadora para reclamar pola vía administrativa ante o INSS o día 30 dese mes.
Segundo recolle a sentenza, durante o día anterior ao ictus, a traballadora xestionou 45 correos electrónicos e atendeu 45 chamadas telefónicas, o que supón que foi un día cun volume de traballo superior ao habitual, segundo consta nos rexistros.
Con todo, o Concello defendeu durante o proceso que non hai ningunha proba que permita relacionar directamente o traballo co ictus, a pesar de que se produciu en horario laboral.
A traballadora "asumiu por iniciativa propia a atención telefónica de entrada da oficina", explicaba esta institución, para quen a proba que lle fixeron á traballadora "non permite excluír de forma clara e determinante que o desemprego do traballo fose un factor causante do proceso lesivo, ou canto menos, un factor coadxuvante e, polo tanto, suficiente para a súa produción".
Aínda así, o Tribunal lembra que o ictus é unha patoloxía que, pola súa propia natureza, non está desvinculado do ámbito laboral ("as lesións cardíacas non son estrañas ás causas de carácter laboral, e non se achega ditame médico algún por parte das demandantes que rebata devandito extremo"), co que pode gardar relación co traballo.
Por iso, estima integramente a demanda fronte ao Instituto Nacional da Seguridade Social, a Tesourería Xeral da Seguridade Social, a mutua e o Concello, e declara que o período de incapacidade temporal deriva de accidente de traballo, co que condena á Mutua Activa 2008 ao pago das prestacións. A sentenza pode ser recorrida ao Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña.
25/01/21
18/01/21
13/01/21
Reunión extraordinaria do Comité de Empresa
O vindeiro luns terá lugar unha reunión extraordinaria do Comité de Empresa na que traballará en propostas que o Comité poida achegar de xeito conxunto á Mesa Xeral de Negociación para a regulación do teletraballo.
Na actualidade o teletraballo no Concello de Betanzos é máis unha ferramenta do goberno municipal para discriminar ao persoal pola falta de regulación. Por unha banda non se lle facilita o seu acceso á totalidade do persoal que o puidese desempeñar nas mesmas condicións, tampouco se regula un sistema de control para o persoal que teletraballa e por outra non se atenden as solicitudes realizadas para desempeñar o traballo nesta modalidade nin se regulan as condicións de quen así o presta.
A CIG leva meses insistindo na necesidade de regulación da prestación deste tipo de xornada na situación de pandemia actual mais o goberno de María Barral opta pola desregulación na organización das cuestións laborais á que nos ten acostumados, porque está claro que as inxustizas e as discriminacións son máis difíciles de reclamar no medio do caos organizativo.
Na actualidade, e de cara á regulación desta situación facemos un chamamento ao persoal para que nos realice achegas que poidamos incorporar neste proceso de negociación para a mellora da situación. Calquera compañeiro interesado pode facer as súas achegas sobre esta ou outras cuestións a cigconcellobetanzos@gmail.com.
Proposta da CIG sobre o punto 1 da reunión ordinaria do Comité de Empresa do 11/01/2021
Achegámosvos a proposta de acordo que a CIG lle enviou a UGT e a CSIF logo da reunión ordinaria do Comité de Empresa do pasado luns e de que CSIF se negase a votar a proposta de acordo da CIG por non ter unha copia do proposto, que basicamente é unha reprodución literal do Convenio colectivo que polo visto descoñecen o presidente, a secretaria e mais o resto de delegados da CSIF.
Tal e como informamos a CIG propón que o Comité de Empresa presente unha demanda de conflito colectivo pola vulneración do artigp 79 do Convenio colectivo do persoal laboral que indica expresamente que todos os postos do persoal laboral deben formar parte da RPT. Coa aprobación o goberno de María Barral non só vulnerou o acordado co Comité de Empresa no ano 2015 e que entrou en vigor no ano 2017 senón tamén o compromiso de traballar para acadar a igualdade salarial entre o persoal laboral e o funcionariado. Así mesmo, os representantes do persoal laboral da CSIF vulneraron o recollido no Convenio en vigor, co que xa teñen amosado o seu desacordo en múltiples ocasións.
UGT pola súa parte indicou que estudaría a proposta de acordo e propuxo realizar unha reunión extraordinaria o vindeiro luns para votar este acordo, proposta coa que estivo de acordo a CIG.
Vacacións e asuntos propios do ano 2021
VACACIÓNS ANO 2021 (Convenio colectivo persoal laboral)
As vacacións anuais retribuídas do persoal serán de vinte e dous días hábiles anuais por ano completo de servizo, e o máximo que a lexislación vixente de función pública permita, ou en forma proporcional ao tempo de servizos efectivos, e os/as traballadores/as gozarano, de forma obrigatoria, dentro do ano natural e ata o quince de xaneiro do ano seguinte, e terán dereito ao goce da metade destas entre o 1 de xuño e o 30 de setembro e en períodos mínimos de cinco días hábiles consecutivos, sempre que os correspondentes períodos de vacacións sexan compatibles coas necesidades do servizo. Sen prexuízo do anterior poderase solicitar o desfrute independentemente de ata 7 días hábiles por ano natural.
Ademais do anterior, establécense catro días adicionais de vacacións en función do tempo de servizos prestados polos empregados públicos do Concello, con arranxo á seguinte táboa:
a) Por 10 anos de antigüidade: 1 día adicional de vacacións.
b) Por 15 anos de antigüidade: 2 días adicionais de vacacións.
c) Por 20 anos de antigüidade: 3 días adicionais de vacacións.
d) Por 25 anos ou máis de antigüidade: 4 días adicionais de vacacións.
.....
4. O plan de vacacións anuais será elaborado antes do 1 de abril de cada ano, de modo que cada traballador/a poida coñecer as datas que lle correspondan, polo menos con dous meses de antelación á data do comezo daquelas.
...
DÍAS DE ASUNTOS PROPIOS 2021 (Convenio colectivo do persoal laboral)
...
p) Poderase dispoñer de seis días ao ano de permiso por asuntos particulares sen xustificación, atendendo sempre ás necesidades do servizo. Ademais do anterior, o persoal do Concello de Betanzos terá dereito ao gozo de dous días adicionais de permiso por asuntos particulares ao cumprir o sexto trienio, que se incrementará nun día adicional por cada trienio cumprido a partir do oitavo.
CALENDARIO LABORAL (Convenio colectivo do persoal laboral)
2. Os días 24, 31 de decembro, así como o sábado posterior ao venres santo, permanecerán pechadas as oficinas públicas. O persoal laboral que preste servizo esta xornada terá dereito a un día de compensación a gozar nas dúas seguintes semanas. Os calendarios laborais incorporarán dous días de permiso cando os días 24 e 31 de decembro coincidan en festivo, sábado ou día non laborable.
Así mesmo, os calendarios laborais incorporarán cada ano natural, tantos días de permiso como festividades laborais de ámbito nacional de carácter retribuído, non recuperable e non substituíble pola Comunidades Autónoma de Galicia, coincidan con sábado no dito ano.
O día 22 de maio, festa dos/as empregados/as públicos da Administración local, só prestará servizos o persoal de rexistro, a policía e os servizos de limpeza viaria. O persoal que preste servizos esta xornada terá dereito a un día de compensación a gozar na semana do 22 de maio ou na posterior.
Tendo en conta isto, neste ano 2021, temos dereito a 8 días de asuntos particulares con carácter ordinario (os dous días adicionais en compensación do sábado 1 de maio e do sábado 25 de decembro) e, a maiores, a CIG vén de solicitarlle ao Concello a compensación do 22 de maio cun día adicional de AP tendo en conta que cadra a sábado, un día non hábil, por tanto.
CIG-Informa retribucións do Convenio colectivo do persoal laboral 2021
Achegámosvos o documento coas retribucións dunha parte do persoal laboral para este ano 2021. En principio, e mentres non haxa modificación do Convenio colectivo o Concello non debera aplicar o complemento específico derivado da RPT, non obstante, existe un dereito do persoal que se adscribirá provisional ou definitivamente aos postos creados na RPT que se xera no mesmo momento de entrada en vigor da RPT.
Neste 2021, pois, o persoal laboral é previsible que teña dous sistemas retributivos en función da existencia ou non do posto na RPT e con diferenzas salarias beneficiosas para os postos que si que decidiu incluír o goberno de María Barral. Se ben é certo que o goberno vén de convocar a Comisión Paritaria do Convenio colectivo para o vindeiro 28 de xaneiro, non o é menos que por moito que se modifique a diferenza vai existir polo menos durante un tempo, ata que se modifique o Convenio, se é que se modifica e en prezuízo do persoal sen postos na RPT. Isto dará lugar a que traballadores que desempeñan o mesmo traballo cobrarán diferente polo menos de xeito transitorio.
A maiores, a negativa do goberno a incluír un lote de sentenzas de indefinición dos anos 2019 e 2020 supón un claro prexuízo para o persoal afectado que podería reclamar as diferenzas salariais desde a entrada en vigor da RPT mais así só poderá reclamalas desde a suposta e futura modificación da RPT e desde o momento en que se inclúan estes postos. Por tanto, as decisións que a CSIF e o PSOE tomaron no pasado aféctanlle economicamente a moitos traballadores laborais cuxa situación é de incerteza ante as promesas dun goberno que só lle mete présa aos asuntos que lle interesan a determinados sectores.
Só é necesario botar a vista atrás para lembrar que este mesmo goberno que subenanualmente o valor do punto e incrementa os salarios a varios anos con esta RPT se negou a recoller no Convenio colectivo unha suba a varios anos porque seica non era posible e comprometeuse a facela igualmente pola vía da modificación dun Convenio que leva estático desde hai cinco anos (2015).
Resposta do Concello de Betanzos ás alegacións da CIG á Relación de Postos de Traballo
O Concello vén de lle notificar á CIG e mais aos traballadores e traballadoras que presentaron alegacións á RPT a resposta aos documentos presentados que vos achegamos aquí. Cómpre sinalar que desde a CIG consideramos que a resposta a varias das alegacións presentadas non aparece nuns casos, noutros casos non está argumentada e non é o suficientemente clara.
Neste momento, a CIG continúa o proceso de presentación dun recurso contencioso-administrativo contra a Relación de Postos de Traballo do Concello de Betanzos que está en vigor desde o pasado mes de decembro, así mesmo, nalgún caso concreto presentará recurso de reposición contra o Concello pola discriminación na valoración dos postos da RPT.
12/01/21
05/01/21
Propostas da CIG ao Regulamento para a asignación do complemento de produtividade do persoal do Concello de Betanzos e os criterios para o reparto da partida do complemento de produtividade.
Logo do acordado na Mesa Xeral de Negociación do pasado mes de decembro a CIG fixo as súas achegas con respecto á proposta de Regulamento para a asignación do complemento de produtividade do persoal do Concello de Betanzos e os criterios para o reparto da partida do complemento de produtividade. Cómpre lembrar que a preceptividade da obrigatoriedade desta negociación vén determinada pola lexislación que o Concello de Betanzos se viu obrigado a cumprir logo dun requirimento da Inspección de Traballo provincial con motivo dunha denuncia de incumprimento de convenio que a CIG realizou tras coñecer que o Concello de Betanzos lle pagaba produtividade a determinados traballadores sen ter regulados uns criterios de reparto e sen que este fosen de coñecemento para a totalidade dos traballadores e traballadoras da Administración local.
Propostas da CIG ao Regulamento regulamento do funcionamento do control horario e dos procedementos de xustificación de permisos, vacacións, licenzas e outras situacións que lle afecten á xornada e ao horario de traballo no Concello de Betanzos
Logo do acordado na Mesa Xeral de Negociación do pasado mes de decembro a CIG fixo as súas achegas con respecto á proposta de Regulamento regulamento do funcionamento do control horario e dos procedementos de xustificación de permisos, vacacións, licenzas e outras situacións que lle afecten á xornada e ao horario de traballo no Concello de Betanzos que o Concello de Betanzos presentou, e advertimos da existencia de erros, a necesidade de modificación, revisión e actualización dos artigos e anexos correspondentes do Convenio colectivo e a difícil aplicación de moitos dos preceptos recollidos no regulamento pola inexistencia dun organigrama que recolla á totalidade do persoal logo da publicación da nova Relación de Postos de Traballo.
Lei 11/2020 de orzamentos xerais do Estado para 2021
Podes consultar aquí a Lei 11/2020 de orzamentos xerais do Estado para o 2021
E, en concreto, o capítulo I do Título II dos gastos do persoal ao servizo do sector público:
Acta da reunión ordinaria do Comité de Empresa do mes de outubro
A secretaria do Comité de Empresa, Marta Castaño, enviou recentemente a acta da última reunión do Comité. Nela constan varios acordos incumpridos que o presidente, Santiago Ois, non levou a afecto nestes meses. Entre eles, a CIG propuxera que logo de meses de infrutuosas solicitudes ao goberno municipal para que reúna a Comisión Paritaria do Convenio Colectivo para renegociación do acordo, o Comité acudise á Inspección para informala da negativa do Concello a reunila se non o fixera o pasado 5 de novembro, o presidente do Comité non só fixo caso omiso a este acordo, ao igual que ao acordo de que o Comité de Empresa presentase alegacións á nova Relación de Postos de Traballo, senón que non foi ata o 30 de decembro que lle solicitou a devandita reunión ao Concello eludindo claramente o acordo do Comité de Empresa.
Tamén foi a propia CSIF a que propuxo que a reunión para que o Comité faga unha proposta sobre o teletraballo fose extraordinaria para non agardar á reunión ordinaria do Comité de xaneiro e ao final, tampouco foi quen de convocala.
Ademais dos continuos incumprimentos dos acordos que non lle conveñen, os e as representantes da CSIF do persoal laboral, tal e como xa contamos veñen tendo unha actitude ben pouco democrática nas reunións do Comité de Empresa, onde impiden expresarse con liberdade nas quendas de intervención e pretenden decidir sobre o que se pode e non se pode falar no Comité de Empresa e néganse a recoller as intervencións aínda que se solicite expresamente. Ademais, o feito de que lean e decidan aprobar sen a sinatura de todos os asistentes as actas vulnera claramente o procedemento dos órganos colexiados e coarta a liberdade sindical, xa que impide comprobar se o que se aproba sen llo facilitar a todos os asistentes é o mesmo documento que meses despois se envía por correo. Por todos estes motivos a CIG vén votando sistematicamente en contra das actas nas que non se recolle o que así se solicita e mesmo a propia secretaria, se ten negado a recoller expresamente en anteriores reunións motivo que provocou a saída dos delegados e delegadas da CIG.
Convocatoria de reunión ordinaria do Comité de Empresa (11(01/2021)
O presidente do Comité de Empresa convoca a reunión ordinaria do Comité de Empresa cun único punto a proposta da CSIF, sobre o que xa se adoptou un acordo na reunión de outubro.
En todo caso hai unha clara incongruencia en que o CSIF propoña que o Concello convoque a Mesa Xeral de Negociación para incluír na RPT os postos de traballo do persoal laboral con sentenza de indefinición firme cando na Mesa Xeral de Negociación de hai un mes votaron a favor da RPT a pesar de que non incluía os postos do persoal laboral nin con sentenza, nin sen sentenza, nin firme, nin provisional. Marta Castaño e Mónica Bóveda, as delegadas da CSIF do persoal laboral que asistiron á Mesa Xeral de Negociación de denegación das alegacións á RPT e aprobación definitiva votaron a favor dun documento que excluía diversas sentenzas firmes a pesar de que mesmo o Concello afirmou que existían mais que se incluirían máis adiante, e agora, un mes despois, proponlle ao Comité de Empresa solicitarlle ao Concello que faga o que se negou a facer hai un mes e que contou coa aprobación e o beneprácito da CSIF.
A CIG, pola súa parte, seguirá defendendo que a totalidade dos postos estables do persoal laboral do Concello de Betanzos deben formar parte da Relación de Postos de Traballo en igualdade de condicións e con igual valoración que os postos do funcionariado.
