05/05/21

Nova sentenza favorable para o persoal dos obradoiros de emprego

O persoal dos obradoiros de emprego do Concello de Betanzos consegue unha segunda sentenza favorable e que condena ao Concello a lle pagar ás traballadoras a diferenza dos salarios percibidos con respecto ao Convenio colectivo en vigor.

Logo de que no pasado mes de setembro o xulgado do social lle dese a razón a CIG na reclamación de que o Concello de Betanzos non pode discriminar ao persoal dos obradoiros de emprego ao abeiro do ámbito de aplicación do Convenio colectivo do persoal laboral, vén de se comunicar a segunda sentenza favorable para o persoal no mesmo sentido e dálle a razón á traballadora afectada e declara como discriminatorio o pagamento dos salarios por baixo dos acordados no Convenio colectivo ao persoal dos obradoiros de emprego.

Desde a Sección sindical da CIG valoramos positivamente esta nova sentenza e instamos ao Concello de Betanzos a que deixe de discriminar salarialmente ao persoal dos obradoiros de emprego. Igualmente animamos ao persoal afectado que reclame a diferenza dos salarios que lle corresponden e a diferenza do que cobra con respecto ao que os xulgados indican que deberan cobrar. Igualmente lembramos que esta diferenza é maior canto máis algo é o grupo ou subgrupo de reclasificación e que no caso do persoal docente e directivo estamos a falar de diferenzas salariais importantes con respecto ao que veñen cobrando na actualidade.

Cómpre lembrar que a CSIF en plenas eleccións sindicais defendeu a postura do Concello de que iso era unha batalla perdida para que o persoal non reclamase os seus lexítimos dereitos. Igualmente, e xa tendo a presidencia do Comité Santiago Ois negáronse a que o Comité de Empresa lle trasladase unha queixa ao Concello por esta discriminación e fixéronlle unha vez máis a onde ao Concello ante as discriminación salarial do persoal dos obradoiros.

O goberno municipal de María Barral como resposta a estas derrotas no xulgado adiantou na última reunión da Comisión paritaria do Convenio colectivo a través do concelleiro Diego Fernández que pretende levar adiante unha modificación do texto para descolgar ao persoal do Convenio colectivo e que non teña opcións de cobrar os salarios en igualdade de condicións do persoal laboral nin reclamar o que lexitimamente lle correspondente e o PSOE municipal leva sen lle pagar desde o ano 2017, momento no que entrou en vigor un Convenio colectivo que pretendía eliminar as discriminacións entre a totalidade do persoal laboral.

O goberno de Betanzos, pois, ao que xa non lle queda nada de socialista nin de obreiro négase a aplicar os acordos que acada coa representación do persoal e cando o persoal reclama os seus dereitos lexitimamente no xulgado pola negativa da Administración e gaña, decide propor modificar o marco de aplicación do convenio para perpetuar as discriminacións entre o persoal laboral temporal e máis estable.

Máis grave consideramos aínda que a presidencia do Comité de Empresa e a CSIF se neguen sequera a manifestar unha queixa pola discriminación cando o propio presidente pertence a un colectivo que ata hai poucos anos era discriminado nas retribucións, ao non cobrar os trienios, no acceso ás axudas sociais e na negación dunha parte dos dereitos do persoal laboral que o Concello de Betanzos perpetuou durante anos e que o Convenio acordado no ano 2017 pretendía erradicar en beneficio da igualdade de dereitos e retribucións do persoal laboral. Se ben é certo que a discriminación nunca afecta en igualdade de condicións a todo o persoal e foi no ano 2011 cando o goberno do PSOE decidiu botar a unha parte do persoal GRUMIR mentres mantivo varios postos de xefes cando en todos os casos finalizaban as subvencións e deixou de existir o anterior colectivo e casualidades históricas o actual presidente do Comité foi un dos traballadores aos que non lle afectou o despedimento e que na actualidade defende que o Concello discrimine a unha parte do persoal, en concreto, ao persoal dos obradoiros, ao negarse a levar adiante inciativas que denuncien a discriminación salarial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario