08/11/19

A CIG solicitará unha reunión extraordinaria do Comité de Empresa para tratar os temas que CSIF e UGT se negaron a tratar na reunión de constitución

As delegadas e os delegados da CIG, tal e como xa lle comunicaron ao presidente do Comité de Empresa na reunión de constitución solicitarán unha reunión extraordinaria do Comité de Empresa con urxencia, á vista de que segundo o regulamento acordado por UGT e CSIF a reunión ordinaria non terá lugar ata o vindeiro 13 de xaneiro.

Os dous sindicatos (UGT e CSIF) negáronse a nomear os delegados de prevención de riscos laborais para poder reactivar o Comité de Seguridade e Saúde Laboral e decidiron adiar esta reunión para facerlle un favor ao goberno municipal e facilitar a paralización do organismo que o Concello de Betanzos leva anos perpetuando.

Os 4 delegados e delegadas da CIG solicitarán a reunión e que nela se traten os seguintes puntos da orde do día:

  1. Nomeamento dos delegados de prevención
  2. Solicitude de reunión da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo
  3. Entrega da documentación do Comité de Empresa.
A proposta da CIG pasa porque dos tres delegados de prevención de riscos laborais que lle correspondenten ao persoal laboral un sexa nomeado por cada sindicato con representación no Comité de Empresa, e no caso da CIG a proposta é que sexa Jorge Amarante.

Así mesmo igual de relevante que isto é retomar a renegociación do convenio colectivo paralizada desde hai meses e que pasaba por modificacións de diversos apartados do convenio, entre eles o apartado retributivo. Ese tema xa lle transmitiu ao presidente na anterior reunión, así como que para a CIG era fundamental retomar esta negociación, máis aínda ante o panorama de exclusión absoluta do persoal laboral temporal que contempla a RPT que pretenden levar a cabo o PSOE e CSIF.

Igualmente, outro dos gravísimos conflitos é a interpretación unilateral que o goberno de María Barral fai do convenio colectivo e que pasar por excluír a unha parte do persoal (o persoal dos obradoiros de emprego) das retribucións e pagarlle o salario mínimo interprofesional e salarios por baixo do convenio ao resto do persoal que non é grupo V. Esta decisión motivou múltiples reclamacións, algunhas delas que xa se están a cursar como demandas de reclamación de cantidades adebedadas.

Hai que lembrar que a CSIF durante as eleccións sindicais animou ao persoal dos obradoiros a que non reclamase o que lle corresponde dicindo "amén" á versión do Concello que pasar por excluír sen amparo legal a un colectivo de traballadores e traballadoras do Convenio colectivo. Esta versión que se lle ofrecía ao persoal laboral está en consonancia co que defende o sindicato neste Concello, que o persoal laboral cobre menos que o funcionariado, e que nalgúns casos cobre menos que o convenio, porque xa se sabe que a partida orzamentaria é única e ao mellor queren que o funcionariado, tal e como pretenden coa RPT, se beneficie das discriminacións do persoal laboral, porque xa se sabe que entre cantos menos se repartan os cartos, dan a máis, por iso queren excluír da RPT a práctica totalidade dos postos do persoal laboral.

A CIG seguirá loitando pola igualdade retributiva e de dereitos e en contra das discriminacións laborais e tamén ten previsto solicitar unha reunión co goberno municipal para lle transmitir diversos problemas laborais que están paralizados e sen solución desde hai xa demasiado tempo.




Ningún comentario:

Publicar un comentario