19/07/21

Bases da convocatoria para a selección funcionario interino por programa temporal na área de urbanismo: arquitecto/a oficina área rehabilitación casco histórico e apoio a urbanismo e obra publica

Bases da convocatoria para a selección funcionario interino por programa temporal na área de urbanismo: arquitecto/a oficina área rehabilitación casco histórico e apoio a urbanismo e obra publica.

Bases xerais e específicas reguladoras da convocatoria para a contratación laboral temporal dun/ha peón/na durante nove meses ao abeiro da orde do 12 de abril de 2021

Bases xerais e específicas reguladoras da convocatoria para a contratación laboral temporal dun/ha peón/na durante nove meses ao abeiro da orde do 12 de abril de 2021 

Resumo da Mesa Xeral de Negociación do 7 de xullo

O pasado 7 de xullo de 2021 tivo lugar a Mesa Xeral de Negociación do Concello de Betanzos na que se aprobou a Oferta de Emprego Público do ano 2021.

O Concello achegou para esta Mesa Xeral a seguinte documentación:


Finalmente, e tendo en conta que ese mesmo día se publicou o Real decreto lei 14/2021, do 6 de xullo de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, o goberno municipal retirou da proposta presentada os postos obxecto de consolidación, tendo en conta que o Real decreto especifica os postos que deben ser obxecto de consolidación e publicarse nunha Oferta de Emprego Público antes do 31 de decembro de 2021. Esta retirada de parte da proposta realizouse co compromiso de continuar coa proposta en setembro mais modificala na medida en que exixe o decreto estatal asinado polo PSOE, CSIF, UGT e CCOO, e ao que a CIG amosou o seu rexeitamento e agardar polo plan que previsiblemente asinarán en setembro para levar adiante o Decreto.

Tendo en conta esta modificación da proposta inicial, a CIG votou a favor da proposta de Oferta de Emprego Público porque entende como unha necesidade urxente a reposición de efectivos neste Concello que na actualidade ten unha grave falta de persoal que repercute directamente non só no propio persoal, en moitos casos, sobrecargado de traballo, senón indirectamente nos servizos que a Administración local lle presta á cidadanía.

Este novo Decreto estatal non vén máis que a ratificar o xa acordado hai varios anos cos mesmos sindicatos e indica expresamente no artigo 2 que deberán ser obxecto de consolidación os seguintes postos:

Artigo 2. Procesos de estabilización de emprego temporal.

1. Adicionalmente ao establecido nos artigos 19.un.6 da Lei 3/2017, de 27 de xuño, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2017, e 19.un.9 da Lei 6/2018, de 3 de xullo, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2018, autorízase unha taxa adicional para a estabilización de emprego temporal que incluirá as prazas de natureza estrutural que, estean ou non dentro das relacións de postos de traballo, persoais ou outra forma de organización de recursos humanos que estean contempladas nas distintas Administracións Públicas e estando dotadas  presupuestariamente, estivesen ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo menos no tres anos anteriores a 31 de decembro de 2020.

2. As ofertas de emprego que articulen os procesos de estabilización contemplados no apartado 1, así como o novo proceso de estabilización,
deberán aprobarse e publicarse nos respectivos diarios oficiais antes de 31 de decembro de 2021 e serán coordinados polas Administracións Públicas competentes. A publicación das convocatorias dos procesos selectivos para a cobertura das prazas incluídas nas ofertas de emprego público deberá producirse antes de 31 de decembro de 2022. A resolución destes procesos selectivos deberá finalizar antes de 31 de decembro de 2024.  

Na Mesa Xeral de Negociación do 7 de xullo de 2021 aprobouse a Oferta de Emprego Público 2021 das seguintes prazas:

1 director/a museo/biblioteca/arquivo - LIBRE

1 técnico/a administración xeral (Intervención) - LIBRE

1 técnico/a administración xeral (Secretaría) - LIBRE

4 administrativos/as - LIBRE

5 administrativos/as - PROMOCIÓN INTERNA

1 policía local - LIBRE

1 encargado/a limpeza - LIBRE

1 condutor/a - LIBRE

1 operario/a limpeza viaria - LIBRE

O sistema de acceso será o de oposición libre en todos as prazas de acceso libre e deberán estar resoltos no prazo de 3 anos desde que se publica a Oferta de Emprego Público.

Igualmente, tendo en conta o Decreto publicado e derivado do acordo do PSOE, CSIG, UGT e CCOO o goberno local deberá aprobar unha Oferta de Emprego Público adicional no ano 2021 que inclúa as prazas ocupadas por persoal laboral durante tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020.

As limpadoras/es das dependencias municipais de Vigo esixen o cumprimento do convenio colectivo

O persoal de Urbaser mobilizouse diante do Concello coincidindo coa celebración do pleno


As traballadoras/es do servizo de limpeza das dependencias municipais do Concello de Vigo, que xestiona Urbaser, desenvolveron hoxe unha concentración diante do Concello para reclamar o cumprimento do convenio colectivo por parte da empresa.

A protesta, convocada polo comité (3 representantes da CIG, 1 de CCOO e 1 da UGT), desenvolveuse de 11:00 a 12:00 horas coincidindo coa celebración do pleno. A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, explicou que dende que Urbaser asumiu o servizo en 2019 “atopámonos con diversos incumprimentos do convenio colectivo que foron postos en coñecemento do Concello, sen que nos conste que tivese feito nada por solucionar a situación”.

Referiuse en concreto ao aumento de horas de traballo para ampliar as xornadas laborais do persoal, xa que a compañía está a facer 300 horas menos de limpeza á semana. “Por iso queremos denunciar publicamente que esta concesión que pagamos os cidadáns non cumpre co prego de condicións”.

Criticou tamén que a pesar dos cartos que Urbaser aforra deste xeito non está a substituír o persoal de baixa ou de vacacións. “Por iso sinalamos o Concello como cómplice desta situación e esixímoslle que lle faga cumprir á empresa o prego de condicións dun servizo que se paga con cartos públicos”.

Así mesmo, Fernández lamentou que intentaron “sen éxito” manter xuntanzas co concelleiro de Limpeza e co propio alcalde para abordar o que está a acontecer, polo que o cadro de persoal, “ante incumprimento do convenio e ante a imposibilidade de negociar a súa renovación, xa que leva máis dun ano caducado, optou por convocar mobilizacións para manifestar o seu descontento e rexeitar os traslados abusivos por parte da empresa”.


A CIG denuncia que o Estado español incumpre a Carta Social Europea en materia de saúde e protección social

A central remitiulle ao Comité Europeo de Dereitos Sociais as alegacións ao 33º informe


A CIG vén de remitir as súas alegacións ao 33º informe que o Estado español enviou ao Comité Europeo de Dereitos Sociais a respecto do cumprimento da Carta Social Europea e ao grao de incorporacións das recomendacións feitas polo organismo. Para o período 2016-2019 toca avaliar o Grupo 2 de dereitos, relativos á saúde e seguridade nas condicións de traballo, o sistema de Seguridade Social e á protección social.

Consulta aquí o documento de alegacións da CIG

CIG aprecia importantes incumprimentos e unha grave falta de vontade correctora destas eivas por parte do Goberno español, tendo en conta que en informes anteriores o Comité xa declarara que a situación do Estado non é conforme a moitos dos artigos e que hai uns meses se ratificou a versión máis recente da CSE, o que implica o recoñecemento de novas obrigas.

Hai que ter en conta que os informes que emite o Comité son vinculantes para os estados membros, xa que a Carta Social Europea, como tratado internacional, fai parte do dereito e está incorporado ao ordenamento xurídico español, tendo rango superior á Constitución. Polo tanto, os informes que emite o Comité son alegábeis ante os tribunais españois.

Incremento dos accidentes mortais

A central sindical denuncia que a situación do Estado español non está en conformidade co artigo 3 da CSE sobre o dereito á saúde e á seguridade no traballo, un punto sobre o que o Comité xa advertira do baixo nivel de cumprimento, mais o Goberno continúa sen desenvolver as medidas necesarias para reducir a sinistralidade laboral.

Non houbo grandes avances nesta materia, e aínda que o número total de accidentes baixou, incrementáronse os sucesos de carácter grave ou mortal. De tal maneira que en 2020 (malia a caída brutal da actividade) rexistráronse 788 accidentes mortais, o que supón 13 máis que en 2019. Resultan de relevancia tamén os accidentes in itinere que, no Estado español, teñen unha concepción máis restrinxida que noutros estados.

A CIG considera que este aumento da mortalidade ten a ver coa falta de valoración dos riscos psicosociais, pois a día de hoxe o maior risco para a saúde no traballo é o estrés e a principal causa de morte son os ataques ao corazón e as patoloxías asociada ao estrés laboral.

Porén, non se está actuando sobre este grave problema e resulta alarmante a falta de control sobre as empresas, principalmente debido á falta de medios materiais e humanos da Inspección de Traballo, que derivan en incumprimentos nas tarefas supervisoras e na loita contra a fraude, máis aínda cando parte do labor inspector e organizativo está externalizado nunha consultoría privada.

A precariedade coa que ten que actuar a Inspección reflíctese perfectamente se temos en conta que o número de efectivos entre 2009 e 2019 practicamente non variou, pero neste tempo no conxunto do Estado pasaron de asinarse 14 millóns de contratos en 2010 a asinarse máis de 22 millóns de contratos durante o pasado ano; cifras que dan boa conta tamén de que a temporalidade e a elevada rotación xa son estruturais no mercado de traballo.

Prestacións por desemprego e subsidios "de pobreza"

En canto ao artigo 12.1 da CSE sobre o sistema de seguridade social, a CIG pon o acento no feito de que a situación do Estado español continúa a ser de non conformidade, xa que a cidadanía non ten garantido o acceso a uns ingresos que lle permitan ter unha vida en condicións dignas. As prestacións por desemprego para as persoas sen cargas familiares son insuficientes; e as prestacións contributivas por desemprego, determinadas incapacidades permanentes, pensións de orfandade, viuvez ou os subsidios están por debaixo do que Eurostar considera límite de pobreza, ao supor contías mensuais inferiores aos 510€/mes.

Xunto a isto, cómpre subliñar que se perpetúa a xigantesca fenda de xénero, algo que ten a ver coa penalización que o sistema contributivo fai dos traballos a tempo parcial (contrario ao principio de igualdade e non discriminación), que de xeito maioritario afectan ás mulleres. Esta parcialidade (na meirande parte involuntaria) leva a que as mulleres sigan tendo as pensións máis baixas (especialmente cativas son as contías que perciben as galegas) e que se manteñan as desigualdades de xénero.

Ademais, o Estado español non cumpre o artigo 12.4 , ao non garantir os dereitos de acceso ás prestacións básicas a cidadáns/ás doutros países membros e establécese un período moi longo (10 anos de residencia) para poder acceder a unha pensión non contributiva.

No relativo ás prestacións asistenciais, o Estado español continúa sen axustarse ao recollido na CSE e malia que o Goberno aduce a implantación do Ingreso Mínimo Vital como medida para subsanar esta eiva, o certo é que segue sen cumprir con moitos aspectos da Carta Social como persistir nos límites de idade para o acceso a esta axuda, esixir residencia legal, ou establecer unhas sancións excesivas no caso de que a persoa solicitante incorra nalgún erro na tramitación administrativa. Iso sen mencionar que a percepción do IMV exclúe poder acceder a outras axudas autonómicas, aínda cando a contía económica que se percibe non garante condicións dignas.

Impacto da pandemia nos dereitos

Nesta ocasión, e debido á situación extraordinaria de pandemia mundial, o Comité introduciu unha serie de cuestións a responder polos estados a respecto do impacto da covid-19 sobre este grupo de dereitos. En todos os temas (teletraballo, dereito á desconexión dixital, dereitos para o persoal falso autónomo, control electrónico das/os empregadas/os etc.), a CIG advirte que as medidas adoptadas son totalmente escasas para garantir os dereitos laborais e sindicais e que a lexislación aprobada resulta insuficiente para fixar unhas condicións dignas, ao fiar á negociación colectiva boa parte das cuestións a regular.

Pactan unha reforma das pensións regresiva que non garante unhas pensións dignas

A CIG rexeita “as formas e o fondo” dun acordo que consolida os recortes aplicados en 2011 que reduciron as contías


O Goberno español, os sindicatos estatais e as organizacións patronais pactaron onte unha nova reforma das pensións que non garante unhas contías dignas e consolida os recortes aplicados en 2011 polo PSOE, CCOO e UGT e a patronal que supuxeran unha redución xeneralizada das prestacións. Dende a CIG rexeitan tanto as formas como o fondo dun acordo que non reforza o sistema público e mantén a ampliación da idade de xubilación e do período de cálculo e a supresión na práctica da xubilación parcial.

Trátase da primeira parte dunha negociación que terá continuidade nos próximos meses, e que anticipa un novo retallamento de dereitos en base ás esixencias da Unión Europea para acceder aos fondos de reconstrución Next Generation. De feito, aínda que se elimina o denominado factor de sustentabilidade, acordaron que antes de rematar 2021 haberá unha nova fórmula (que chaman factor de equidade interxeracional) que busca ter efectos similares, supoñendo un novo recorte nas pensións das xeracións do coñecido como baby boom

Dende a central sindical denuncian que a reforma acordada “é insuficiente e mesmo regresiva” porque seguirá en vigor na súa integridade a “brutal reforma” de 2011 que ten levado a unha caída importante nas contías das pensións (de arredor dun 25%), xa que supuxo unha ampliación progresiva da idade de xubilación até os 67 anos e do período de cálculo (que pasou dos 15 aos 25 anos) e suprimiu na práctica a xubilación parcial.

Con esta nova modificación non se garante o poder adquisitivo das prestacións, “xa que debera fixarse por lei que a pensión mínima sexa igual ao salario mínimo interprofesional, e este debe de ser o 60% do salario medio, dacordo coa Carta Social Europea, revalorizable co IPC real”, tal e como sinala o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Dificulta atopar un emprego

“Penalizar a xubilación anticipada, atrasar máis a xubilación e fomentar a vida laboral constitúe un retroceso inxustificábel e inxusto porque demora a entrada da xente nova ao mundo do traballo, dificultando atopar un emprego”. Ademais, prexudicará a moitos sectores da clase traballadora, que ficarán condenados a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico.

Por iso Carril considera que o chamado “diálogo social” amósase unha vez máis como unha vía contraria aos intereses da clase traballadora e da defensa do sistema público de pensións, ao tempo que se amosa moi crítico coas formas dun acordo que se produciu “á marxe da discusión nos ámbitos institucionais de representación onde estamos os sindicatos máis representativos, segundo os artigos 6 e 7 da Lei Orgánica de Liberdade Sindical (LOLS), que somos a CIG e máis ELA, ademais de CCOO e UGT”.

Propostas da CIG para fortalecer o sistema de pensións

As propostas que ten achegado a CIG para fortalecer as pensións públicas pasan por aumentar os ingresos, xa que é o principal problema que ten o sistema na actualidade. Moitas destas alternativas foron recollidas na ILP das 100 medidas para a creación de emprego en Galiza, así como nas achegas da central sindical en materia laboral e social. 

A CIG é defensora do sistema público de reparto e reivindica todas aquelas medidas que fortalezan o seu carácter solidario e de xustiza social, rexeitando toda reforma parcial que tenda a desmantelalo ou debilitalo. Os poderes públicos, o Estado, debe garantir a estabilidade e a suficiencia económica do sistema, xa que o dereito a unha pensión digna ten que ser un dereito fundamental para toda a cidadanía, así como un elemento redistributivo e de igualdade social.

A creación de emprego estábel, en condicións dignas, con salarios xustos, constitúe o mecanismo prioritario para dotar de recursos suficientes o sistema de pensións, presente e futuro. Cómpre pois, políticas que dean prioridade á creación de emprego de calidade e ao aumento dos niveis salariais, ao contrario xustamente das que se fixeron nos últimos. A Xunta ten que promover un plan estratéxico de apoio aos nosos sectores produtivos, que fomente a creación de emprego na nosa terra e remate coa lacra da emigración que levamos tanto tempo padecendo.

As cotizacións sociais debe servir para financiar o nivel contributivo das pensións, incluíndo dentro das mesmas a pensión de orfandade e viuvez, mentres que o nivel non contributivo e asistencial debe financiarse a través do orzamentos do Estado. En calquera caso, o Estado sempre será o responsábel, vía transferencias orzamentarias, de cubrir calquera déficit que se poda producir no sistema, incluídas as pensións contributivas.

Derrogación das reformas

Para a CIG é fundamental a derrogación das contrarreformas laborais e da negociación colectiva (Lei 35/2010, RDL 20/2012, Lei 3/2012), así como a derrogación das reformas das pensións do 2011 e 2013. Neste sentido, é urxente rematar coas diferentes formas de tarifas planas e bonificacións das cotizacións á Seguridade Social.

A derrogación das últimas reformas fiscais, a loita contra a evasión, a fraude e os paraísos fiscais son as bases para un cambio radical das políticas fiscais, camiñando a unha verdadeira progresividade nos impostos, o que lle permitiría ao Estado ter recursos suficientes para manter o sistema público de pensións, así como os demais servizos e sistemas de protección públicos. En todo caso, compre rematar coas desgravacións fiscais para os plans de pensións privados.

Lei 10/2021, de 9 de xullo, de traballo a distancia

Nesta nova Lei, publicada no BOE o pasado 10 de xullo, a totalidade dos capítulos da norma, así como as disposicións adicionais primeira e segunda, as disposicións transitorias primeira e terceira, e as disposicións finais primeira, apartado un, segunda e terceira proveñen do Acordo sobre Traballo a Distancia.

No capítulo I, dedicado ás disposicións xerais, establécese o ámbito persoal de aplicación, incluíndo toda forma de traballo na que concorran as condicións previstas no artigo 1.1 do Estatuto dos Traballadores, as definicións de traballo a distancia, teletraballo e traballo presencial para os efectos desta lei, limitacións, así como os principios de igualdade de trato e oportunidades e non discriminación, recollendo aspectos concretos para facer efectivo estes principios, tendo en conta as especificidades que pode conlevar o traballo a distancia nas condicións de traballo.

O capítulo II ocúpase do acordo de traballo a distancia, das obrigacións formais vinculadas ao mesmo, subliñando o seu carácter voluntario para ambas as partes, a adopción expresa dun acordo escrito cun contido mínimo, xa de maneira inicial ou xa sobrevinda, a non afectación ao status laboral da persoa traballadora, o exercicio da reversibilidade, o carácter acordado das modificacións do acordo e a ordenación das prioridades de acceso, así como a remisión á negociación colectiva no procedemento e criterios que deben de seguirse, debéndose evitar a perpetuación de roles de xénero e fomentando a corresponsabilidade entre mulleres e homes.

No capítulo III desenvólvese a igualdade de dereitos proclamada no capítulo I, mediante a mención das especiais precaucións a ter en conta respecto dos dereitos laborais, cando sexan predicables en relación coas persoas que levan a cabo traballo a distancia, estruturándose ao redor das seguintes seccións: dereitos vinculados á carreira profesional, dereitos relativos á dotación e mantemento de medios e ao abono e compensación de gastos, dereitos con repercusión no tempo de traballo, dereito á prevención de riscos laborais, dereitos relacionados co uso de medios dixitais e os dereitos colectivos das persoas que traballan a distancia.

O capítulo IV refírese de maneira específica ás facultades de organización, dirección e control empresarial no traballo a distancia, incluíndo a protección de datos e seguridade da información, o cumprimento pola persoa traballadora das súas obrigacións e deberes laborais e as instrucións necesarias para preservar á empresa fronte a posibles brechas de seguridade.

As disposicións adicionais primeira e segunda proveñen do Acordo sobre Traballo a Distancia; refírense de maneira respectiva ao traballo a distancia na negociación colectiva e á regulación do traballo a distancia para o persoal laboral ao servizo das Administracións Públicas.

A disposición adicional terceira establece o domicilio de referencia a determinados efectos no traballo a distancia.

Boletín CIG Saúde Laboral Nº 39

Diversos estudos e traballos científicos teñen evidenciado que a actividade dos sindicatos de clase en materia preventiva realizada polos seus delegados/as, afiliados e as súas estruturas técnicas de apoio e asesoramento en materia de prevención, inflúen e repercuten moi positivamente na mellora da seguridade e das condicións de traballo nas empresas, propiciando o que se deu en chamar “o efecto sindicato”, que demostra que cando nas empresas existen delegados/as, afiliados/as apoiados por estruturas técnicas de prevención das organizacións sindicais, multiplícanse as intervencións e propostas de mellora das políticas e actuacións de prevención de riscos laborais nas empresas, con resultados significativamente máis positivos que cando estas estruturas non existen nin participan.

1. Desigualdade, traballo e xustiza social.

2. Risco químico: fichas de datos de seguridade.

3. Axentes canceríxenos no traballo. Síntese de directrices da Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo (EU-OSHA).

4. Real Decreto 427/2021, do 15 de xuño, polo que se modifica o Real Decreto 665/1997, do 12 de maio, sobre a protección das persoas traballadoras contra os riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos durante o traballo.

5. Nanotecnoloxía: un risco de difícil prevención.

6. A xornada laboral de catro días.

7. Sindicalismo e prevención.


A CIG non asina o novo acordo de estabilización pactado entre sindicatos estatais e o Ministerio

Incorre nos erros do pasado, non soluciona o problema do abuso da temporalidade e mantén a taxa de reposición

A CIG non asinou o acordo de estabilización aprobado na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas porque reincide  nos mesmos erros do pasado, non dá solución ao problema do abuso da temporalidade e blinda novamente a taxa de reposición de efectivos.

O texto do acordo entre as organizacións sindicais estatais CCOO, UGT e CSIF e o Ministerio de Política Territorial e Función Pública incorre nas mesmas eivas que os acordos previos asinados no ano 2017 e 2018, introducindo varios cambios a destacar, algún dos cales son claramente regresivos e outros, que se venden como melloras substanciais, van ter un efecto moi limitado e totalmente discriminatorio.

 A CIG, como tamén o sindicato ELA, foron as únicas organizacións que votaron en contra do acordo que, con independencia do seu contido, xa se sabía desde o pasado venres que relegaba incluso ás organizacións sindicais asinantes ao ter decidido o Goberno, houbese o non acordo, aprobar o martes 3 de xullo como RDL os cambios no EBEP e nas medidas contidas no acordo.

No acordo non se contempla ningunha medida no sentido de que o abuso da contratación temporal derive na creación de novas prazas fixas nos cadros de persoal e a súa incorporación nas ofertas de emprego público, como ocorre no mundo laboral. É máis, do texto presentado derívase unha clara intención do Goberno do Estado de incorporar no EBEP medidas para evitar que as relacións de emprego temporal se convertan en fixas cando a propia duración delas e a sucesión das contratacións determinen o seu carácter estrutural.

A construción dun novo acordo sobre as ruínas dos actuais

Tanto os partidos que sustentan o Goberno, como algunha das propias organizacións sindicais, asinantes teñen declarado que os acordos dos plans de estabilidade do 2017 e do 2018 non serviron. As cifras que se reproducen no propio comezo do texto son de escándalo: 56.000 prazas “estabilizadas” dun total de 218.000. Ao tempo, a xustiza europea ten deixado ben claro que procesos como os de 2017 e 2018 non valen como medidas reparadoras do abuso na temporalidade. 

 Malia todos isto, o acordo actual levántase sobre esas ruínas, indicando que o proceso de “estabilidade” se desenvolverá coas condicións e características previstas nos anteriores acordos.

Para a CIG resulta obvio que tras este acordo non se pecha ningunha vía de xudicialización das relacións laborais, senón que mesmo se reforza e que non deixa máis marxe que a mobilización na demanda dunha solución adecuada que non vai chegar e que nos situará dentro de 3 anos nunha situación similar á actual.

O respaldo sindical, de adorno

O Goberno xa anunciou durante a fase final das negociacións que ía aprobar o martes 3 de xullo un RDL coas modificacións legais do EBEP, houbese ou non acordo previo. "Isto evidencia que para tomar as medidas que van tomar non precisaban que ningún sindicato lixase as mans. Se o fan é porque queren. Como tantas outras veces, cabe preguntarse o porqué", salienta a Área Pública da CIG.

Curiosamente, un goberno que se define como progresista, emprega o mesmo mecanismo por vía rápida usado polo goberno de Rajoy que tanto criticaron na oposición. Este procedemento limita enormemente o debate parlamentario e, para a CIG, é unha vergoña que se acepte polos sindicatos asinantes.

A CIG, cunha posición firme desde o comezo

A posición da CIG en todo o proceso de negociación, que foi duramente criticado pola nosa organización sindical pola clara conivencia entre os tres sindicatos estatais e o Ministerio, foi nítida desde o comezo:

  • Eliminación da taxa de reposición con carácter indefinido

  • Fixación dun marco sancionador moi estrito e contundente coas administracións que incumpran as normas de temporalidade

  • Estabelecemento de medidas reparadoras co persoal interino que é o foi vítima do abuso na contratación temporal como esixe a lexislación e xurisprudencia europea

  • Respecto ás miles de persoas nesta situación coa negociación de procesos de consolidación para buscar unha saída a quen foron vítimas da temporalidade abusiva.

Máis centralismo e control, máis taxa de reposición

No acordo hai unha clara tendencia de recentralización na negociación colectiva e nas competencias autonómicas e das administracións locais.

  • Négase a posibilidade de chegar a “acordos ou pactos” que impliquen o incumprimento dos prazos máximos de permanencia como persoal temporal. Por tanto, ningunha administración nin sindicato nun ámbito territorial ou sectorial vai ter marxe para, por exemplo, pactos de estabilidade do persoal interino.

  • Mantense “a ferro” a taxa de reposición como elemento de control da administración central sobre todas as demais, impedindo unha xestión correcta e autónoma dos recursos humanos da Xunta de Galiza ou dos concellos galegos.

  • Dáse un prazo de 1 ano para adaptar esta reforma nos ámbitos educativo e sanitario, indicándose que no caso de que non se faga se aplicará esta reforma.

  • As partes “asinantes” serán as que se quedarán “soas” para fixar un calendario de negociacións a través do “diálogo social” doutros temas do EBEP: condicións de traballo, promoción interna, provisión e mobilidade, ademais de crear a enésima comisión de seguimento para poder actuar con total comodidade sen presenza do sindicalismo incómodo.

Principais consecuencias do acordo 2021

ACTUAL PERSOAL INTERINO

Con carácter xeral non se ten dereito a ningunha indemnización por cese. Tan só se recolle o recoñecemento restrinxido e discriminatorio deste dereito: 20 días por ano traballado cun máximo de 12 mensualidades só a quen se lle convoque a praza que ocupe nun proceso de estabilización dos vinculados ao novo acordo e non supere o proceso selectivo.

O acordo exclúe da indemnización ou dificulta enormemente o seu recoñecemento a:

  • actual persoal interino que perda a praza por calquera outro motivo (amortización, concurso de traslados...). A indemnización aparece expresamente negada.

  • actual persoal interino naquelas administracións (educación, sanidade etc.) que non teñen relación de postos de traballo (RPT) e non sexa posíbel identificar exactamente que prazas das ofertadas nunha oposición son ordinarias das que son de estabilización. Neste caso vai implicar sen dúbida un aumento da litixiosidade nos xulgados para ditaminar se a praza perdida é efectivamente por efecto de oposición, algo moi difícil de xustificar.

NOVO PERSOAL INTERINO A PARTIR DA REFORMA DO EBEP

Rebaixa da “compensación” por cese ao persoal interino que comece a traballar con posterioridade á entrada en vigor da reforma do EBEP: reducen desde os 33 días por ano traballado cun máximo de 24 mensualidades incluído nos primeiros textos a 22 días por ano cun máximo de 12 mensualidades, restrinxido o cómputo a efectos de indemnización ao último nomeamento e non ao conxunto deles realizados con carácter continuado, o que busca limitar ao máximo esa compensación.

Reparto da precariedade. Só se poderá permanecer máis de tres anos na praza ocupada como persoal interino no caso de que a praza quede deserta no correspondente proceso selectivo. Neste caso será preceptivo facer un novo nomeamento de interinidade, o que implica limitar o período de cálculo para a compensación  económica por cese. Do abuso na temporalidade pasaremos, para persoal interino de novo acceso, ao reparto da precariedade xa que fixa un máximo de 3 anos con carácter xeral.

Négase a compensación se a temporalidade excede dos 3 anos. O persoal interino que permaneza na praza máis alá dos tres anos que se fixa como tope até a resolución da convocatoria non terá dereito a compensación económica.

Persoal laboral do Concello de Padrón mobilízase pola recuperación dos seus dereitos

O goberno municipal recortou condicións laborais logo de dar por decaído o convenio colectivo

Traballadores e traballadoras do Concello de Padrón continuaron este xoves coas mobilizacións por uns salarios dignos e para esixir a recuperación dos dereitos roubados, despois de que o goberno municipal dera por decaído o convenio e deixara  sen efectos as melloras laborais que tiña recoñecidas o persoal laboral.

O delegado da CIG, Jose Camino, explica que o goberno municipal do PP denunciou o convenio en 2019 para, en teoría iniciar a negociación dun novo marco regulador, pero na realidade demorou a constitución da mesa de negociacións durante un ano para deixalo decaer "e agora entende que o convenio está suspendido polo que, maneira unilateral e ilegal, deixa sen efecto dereitos laborais do persoal", como certos días de libranza ou a xornada reducida do verán.

Imposición da RPT

Algo similar ocorre coa Relación de Postos de Traballo, que foi aprobada "e imposta" de maneira definitiva hai uns meses sen apenas negociala coa representación social, deixando fóra a unha importante parte do cadro de persoal co obxectivo de externalizar e, polo tanto privatizar servizos como limpeza viaria ou axuda no fogar, entre outros.

O comité denuncia que “moitos dos traballadores e traballadoras afectadas por esta modificación na RPT xa estaban nunha situación de inestabilidade, porque é persoal laboral temporal, e non lle vai quedar máis alternativa que pasarse ás empresas ás que se concesionen os servizos aceptando as condicións que lles impoñan porque, do contrario, quedarán sen posto de traballo e irán ao paro”. A RPT, engade Camino, xa foi denunciada.

Xudicialización permanente

Xunto a isto, denuncia a actitude antidialogante e antiobreira do goberno municipal, que obriga os traballadores e traballadoras a ter que xudicializar permanentemente o recoñecemento dos seus dereitos, nomeadamente no que ten a ver coa antigüidade ou os descontos polas Incapacidades Temporais.

O comité fará unha nova concentración o último xoves deste mes, coincidindo coa celebración do pleno municipal, e en setembro ten previsto realizar unha asemblea de persoal para preparar un novo calendario de mobilizacións pola recuperación dos seus dereitos e contra os abusos laborais.

O Consello de Contas non desbota irregularidades no uso de fondos públicos por parte do Concello de Vigo

Arquivou dúas denuncias dos bombeiros da CIG pero considera necesario abrir unha investigación

A sección sindical da CIG nos bombeiros de Vigo lémbralle ao alcalde que o Consello de Contas arquivou dúas denuncias da central por supostas irregularidades no uso de fondos públicos por parte do Concello non porque non existan irregularidades, senón porque non se acreditan suficientemente. De feito, no propio informe xurídico do organismo autonómico alúdese á necesidade de abrir unha investigación.

Dende a CIG saen ao paso deste xeito das declaracións feitas o pasado venres polo rexedor vigués tras coñecerse o arquivo das denuncias nas que reclamaba a dimisión dos delegados sindicais. “É algo inaudito, tendo en conta que unha das funcións dos representantes sindicais é precisamente denunciar as irregularidades, neste caso contables, no manexo dos cartos públicos”. 

Por iso consideran inadmisible que se reclame a dimisión dos delegados “por facer o seu traballo” mentres se mantén no posto a concelleiros “que levan anos desmantelando os servizos públicos”. Neste senso, botan man da ironía para sinalar que o alcalde solicitou a dimisión dos delegados sindicais “porque non se atreve a pedir a disolución ou prohibición dos sindicatos”.

Seguirán coas denuncias

En canto ao fondo do asunto, explicaron que a CIG presentou dúas denuncias ante o Consello de Contas, órgano dependente da Xunta que se encarga de fiscalizar as contas dos Concellos, unha polo destino dos fondos de UNESPA -imposto finalista que ten que ser investido no servizo de bombeiros- e outra polas posibles irregularidades no pago das horas extras.

“Pois ben, o Consello decide arquivar os casos, pero non porque non existan irregularidades, senón porque entende que non se acreditan suficientemente”. De feito, segundo salientan, o propio informe xurídico do organismo autonómico, considera necesario abrir unha investigación.

Finalmente, dende a central sindical anuncian que seguirán a denunciar estas presuntas irregularidades no uso dos fondos públicos, para o que están a compilar datos co obxectivo de demostrar a súa veracidade.

Condena a Correos por denegar o dereito á conciliación laboral e familiar dunha traballadora

A CIG-Correos sospeita que a decisión da empresa podería responder a unha persecución sindical

O xulgado do Social número 7 da Coruña vén de condenar a Correos por denegar a solicitude de cambio de quenda para a conciliación familiar e laboral feita por unha traballadora, condenando a empresa a  repoñer a empregada na quenda que solicitou para poder coidar do seu fillo.

O sector de Correos da CIG da Coruña entende que atrás da negativa do xefe de Recursos Humanos de Correos na Zona 1ª a non conceder a solicitude, atópase a condición da traballadora como representante da CIG no comité de empresa "o que suporía un agravante na denegación dos dereitos". "Que esta denegación de dereitos se faga a unha representante de persoal e que se use como presión para limitar e penalizar o exercicio da liberdade sindical, converteríao nun feito moi grave e mesquiño", asevera Fernando Novás, delegado da CIG.

Explica que o Xefe de Recurso Humanos, que actuou como testemuña no xuízo, negou a posibilidade á traballadora de cambiar a quenda alegando que non dispuña de postos libres na mañá. "Pero ao tempo, no proceso de reaxuste se adxudicaba un posto nesa quenda a outro empregado sen necesidade de conciliación e que en quenda de adxudicación posterior á demandante solicitou traslado á Coruña. Argumentando no xuízo que aquel posto que se supuña que non existía para darllo á traballadora, non llo podía adxudicar porque xa o fixera co outro traballador. Un auténtico xogo de trileiros", critica.

Defensa dos dereitos do persoal

Neste senso, Novás afirma que "non imos deixar de denunciar nin pelexar polos dereitos de todos os compañeiros e compañeiras de Correos por moito que ao xefe de recursos humanos non lle guste. É máis, feitos coma este dannos a forza da convicción do traballo ben feito e o poder da razón para impedir que a dirección de Correos faga da empresa pública un “chiringuito” particular no que poden facer e desfacer, como  se o seu persoal e  os usuarios e usuarias do servizo postal non tiveran dereitos".

Neste liña, o delegado da CIG reflexiona que a posíbel persecución á representante da central nacionalista "confirma que a sección sindical está a facer o traballo para o que fomos elixidos/as, que non  é outra cousa máis que a defensa dos dereitos e das condicións de traballo de todo o persoal de Correos, o que precisamente parece molestar o responsable de RH da zona en Compostela".