30/11/20

CSIF CONSOLIDA A SÚA ALIANZA CO GOBERNO MUNICIPAL PARA DESESTIMAR AS ALEGACIÓNS Á RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO

 A CSIF vén de consolidar a súa alianza co goberno municipal nunha Mesa Xeral de Negociación á que nunca asiste nin o propio presidente do Comité de Empresa e que conta co beneprácito das representantes da CSIF do persoal laboral para levar a cabo unha RPT que exclúe e discrimina ao persoal laboral mediante a eliminación dos postos e a valoración discriminatoria dos que si que forman parte da RPT. O goberno do PSOE e a CSIF acordan desestimar a meirande parte das alegacións presentadas polos traballadores e traballadoras e o resto dos sindicatos e, entre elas, todas as que reclamaban a incorporación dos postos do persoal laboral á RPT.

A CIG recriminoulle ao goberno de María Barral que enviase aos traballadores ao xulgado para logo non incluír os postos na RPT e obrigalos a recorrer a RPT e Diego Fernández argumenta que se fará nos próximos seis meses e que efectivamente ten coñecemento da existencia de novas sentenzas que non inclúen na RPT, a pesar de que o acordo inicial foi ir incluíndo os postos segundo fosen chegando as sentenzas. O goberno recoñece, pois, que incumpre o acordo e incumpre as sentenzas con este documento mais coa axuda da CSIF decide levalo adiante igualmente.

A maiores, nesta modificación da RPT o Concello crea unha nova praza de técnico de Administración xeral para o departamento de Intervención e estima así a alegación que a propia habilitada nacional do departamento fixo á RPT. Por tanto, o goberno estima as alegacións para a creación dunha praza que nin existía porque o solicita unha funcionaria mentres desestima as alegacións de traballadores laborais que levan máis de 30 anos traballando no Concello para que as súas prazas e postos consten no documento.

Ademais, desde a Sección sindical da CIG consideramos gravísimo que na documentación se admita claramente que se recomenda que o persoal laboral perciba as mesmas retribucións que o funcionariado mais que o Concello indique que na práctica non se vai levar a cabo porque suporía un importante gasto e admita así a discriminación salarial histórica que tivo o persoal laboral do Concello de Betanzos con respecto aos homólogos funcionarios.

A CIG votou en contra desta Relación de Postos de Traballo, remitiuse á postura mantida durante toda a negociación e ás alegacións presentadas á aprobación inicial da RPT e presentará un recurso no momento en que esta se aprobe definitivamente logo se superar o trámite plenario.

Desde a CIG lamentamos que o goberno da maioría absoluta de María Barral tome estas decisións non só en contra do que indica a lexislación e as sentenzas, senón tamén en contra da vontade da meirande parte dos traballadores laborais e mesmo dunha parte do funcionariado. Nunca antes na historia do Concello de Betanzos se levara adiante unha RPT con tantas alegacións e disentimento por parte do persoal e co beneprácito da minoría dos representantes do persoal laboral, xa que tanto a CIG como UGT votaron en contra do documento e só foi a CSIF a que a apoiou sen ningún tipo de discrepancias.

Finalmente, o goberno municipal achegou unha proposta de regulamento do funcionamento do control horario e mais unha proposta de regulamento da asignación do complemento de produtividade que se negociará nos vindeiros meses e a CIG adiantou as súas principais discrepancias que trasladará por escrito ao longo deste mes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario