30/07/12

Pleno de orzamentos e Relación de Postos de Traballo


Este martes 31 de xullo ás 20:30 h na Casa do Concello está convocado o pleno onde o goberno local pretende aprobar os orzamentos e a nova RPT logo de lle negar a posibilidade de negociación aos representantes sindicais. Neste pleno o goberno local intentará modificar postos de traballo, funcións e retribucións de moitos dos postos que compoñen esa relación e en moitos casos sen mesmo comunicarllo aos compañeiros afectados. Varios delegados da CIG asistiremos ao pleno para coñecer de primeira man as escusas do goberno municipal para continuar coas irregularidades en materia de persoal.

Animamos a todos os traballadores a que asistan porque neste pleno trataranse cuestións de máxima importancia para todo o persoal deste Concello e xa que o Concello non convoca nin negocia como é debido é preciso coñecermos de primeira man que é o que pretende o PSOE de Betanzos e logo poder tomar as medidas oportunas en consecuencia.

O Concello segue adiante coas múltiples irregularidades da RPT


A convocatoria de Mesa Xeral de Negociación de hoxe foi un auténtico paripé, non existe negociación na Mesa en tanto os orzamentos están entregados ao resto de partidos políticos e, como o propio alcalde admitiu na reunión, non había posibilidade de modificación substancial, e pódese engadir, ningún tipo de modificación de ningún tipo. O Concello, pois, salta por riba dos órganos de negociación lexítimos dos traballadores e intenta enganalos cunha convocatoria con nula vontade de negociación.

Dende a CIG expresamos a nosa postura antes de comezar a convocatoria non estaba ben feita e, polo tanto, esa Mesa pódese dar por non convocada, a maiores era demostrable que non había posibilidade de negociación e a negociación debe ser efectiva; esta postura motivou a nosa abstención no primeiro punto da orde do día e o voto en contra da documentación relacionada co capítulo I do orzamento. Consideramos lamentable a actitude do Concello que en ningún momento nin sequera intentou xustificar os erros da convocatoria e da negociación e limitouse a asumir as culpas dun xeito pasivo, alentada polo apoio de CCOO nunha grande parte dos casos.

Nas consideracións xerais lembrámoslle ao Concello que na propia documentación que entrega indica que o Comité de Empresa debe emitir un informe con respecto ao Plan de Emprego e que que todas estas medidas han de ser tramitadas coa correspondente participacións dos representantes sindicais, e a través dos procedementos legalmente establecidos, correspondendo en cada caso a súa aprobación polo órgano competente. Nada disto aconteceu, posto que neste proceso non houbo participación da representación sindical. O propio concelleiro de persoal indica que este Plan de Emprego debe ter as correspondentes audiencias e achegas dos representantes sindicais, levarase ao pleno e tramitarase conxuntamente coa RPT. En ningún caso houbo audiencia nin posibilidade de achegas por parte dos representantes sindicais posto que a Mesa Xeral de Negociación é un día antes do Pleno e antes non tivemos coñecemento ningún. Tamén se recolle que o Concello  lles debe dar traslado previo aos traballadores e audiencia no expediente durante quince días, cousa que non aconteceu porque nin os representantes dos traballadores tivemos acceso a ese expediente ata tres días antes do pleno.

A pesar de pór en evidencia algúns dos múltiples erros da nova Relación de Postos de Traballo, dende a CIG deixámoslle claro que esta adoece de irregularidades e que as modificacións que o goberno local pretende introducir van moito máis aló das dun Plan de Emprego e que atinxen dende as categorías profesionais ata as retribucións e as funcións dos distintos postos de traballo e todo isto sen consultar cos representantes dos traballadores nin en moitos casos cos propios traballadores afectados a un día de intentar aprobar estas modificacións no pleno. Debido a isto e tendo en conta que hai indicios máis que suficientes de que a Mesa Xeral de Negociación non foi convocada con vontade real de negociación e que, a maiores, os documentos que o Concello presentan adoecen de irregularidades e discriminacións entre o persoal a CIG tomará as decisións pertinentes en función do que aconteza nos próximos días e seguirá os pasos necesarios para non permitir que o Concello teime en facer das súas unha vez máis.

Urxente: hoxe Mesa Xeral de Negociación

Finalmente e logo de que o xoves o Concello non tivese convocatoria para a CIG da Mesa Xeral de Negociación, o venres a primeira hora o Concello púxose en contacto coa CIG para recuar e alegar que a convocatoria deste sindicato se traslapapelara, casualidade ou non, o certo é que na CIG tivemos a convocatoria e a documentación un día máis tarde, o que nos dificultou moitísimo máis a súa análise con exclusivamente dous días para analizar polo miúdo unha nva Relación de Postos de Traballo, un Plan de Emprego e unhas novas relativas ao persoal que o Concello propón e dispón e que documentos sobre os que en ningún momento os delegados e delegadas da CIG tiveramos coñecemento ata este venres.

Independentemente de que, unha vez máis, a pesar de ser o sindicato maioritario, a CIG fose discriminada e non puidese obter a documentación ata un día despois que o resto dos sindicatos, é máis que obvio que o Concello ten unha vontade nula de negociación a convocar unha Mesa Xeral de Negociación que leva pendente dende febreiro de se reconstituír a un día do pleno, e cando xa esta documentación está en mans do resto dos partidos políticos e non ten, por tanto, ningunha posibilidade real de negociación cos representantes dos traballadores, tal e como obriga a lei. É unha vergoña absoluta para o Concello demostrar que leva meses mentindo e enganando aos representantes dos traballadores ao lle dicir que lle entregaría a documentación con tempo necesario para a súa análise.

Dende a CIG do Concello de Betanzos xa temos acordada a postura que defenderemos na Mesa de Negociación e tal e como levamos feito ao longo deste último ano non permitiremos que o Concello pretenda rirse dos traballadores cunha RPT que demostra non ser máis que un corta e pega con múltiples erros que delatan que non se axusta á realidade laboral do Concello e moitísimo menos a un documento legal que é crucial para os traballadores dunha administración posto que define dende as súas funcións ata as súas retribucións.

Logo da Mesa, como sempre, dende a CIG informarémosvos puntualmente do acontecido e dos pasos que seguiremos para non permitir que, unha vez máis, o Concello de Betanzos, intente facerse coa súa, amañar desfeitas laborais de xeitos irregulares e beneficiar puntualmente a algúns traballadores fronte a melloras colectivas nun momento en que estas son tan sumamente necesarias para todos os que padecen os recortes de dereitos e salarias dos últimos tempos.

28/07/12

MANIFESTACION DIA 30 DE XULLO - DEFENSA SERVIZOS PÚBLICOS


CIG-INFOMA
  
Horarios e lugares das manifestacións en
DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS
o día 30 de xullo
 
A CIG- Área Pública (Federacións de: Saúde, Ensino e Administración) fan chamamento ás manifestacións que terán lugar o próximo día 30 de xullo  que están convocada polas organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT, CSI•F, CESM, OMEGA, SATSE, USAE, ANPE, STAJ, CEP, SUP, UFP, AUGC, UniónGC, CGT e USO baixo o lema:
 
 
"NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS. NON O RECORTE DOS NOSOS DEREITOS"
 
 
- A Coruña, saída ás 19:30 horas dende a Praza de Pontevedra
- Ferrol, saída ás 20:30h dende a Praza de España
- Santiago de Compostela, saída ás 20:00 horas da Praza Roxa.
- Lugo, saída ás 20:00 horas dende o Edificio administrativo da Xunta.
- Ourense, saída ás 20:00 horas dende o Pavillón dos Remedios.
- Pontevedra, saída ás 20:30 horas dende a Praza da Ferreiría.
- Vigo, saída ás 20:30 horas dende a Vía Norte.
 
PARTICIPA E DIFUNDE!!

27/07/12

As organizacións sindicais animan a participar masivamente nas manifestacións convocadas para o luns 30 de xullo nas sete cidades



Un xoves máis, miles de traballadores e traballadoras ao servizo das administracións públicas amosaron o seu total rexeitamento as medidas impostas polo goberno do PP, que suporán un retroceso nas condicións laborais, salariais e sociais non só dos empregados/as públicos, senón do conxunto da cidadanía. Dende a Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) advírtese que as medidas recollidas no Real Decreto Lei 20/2012 favorecen a destrución de emprego e dos servizos públicos e están feitas exclusivamente para rescatar á banca, verdadeira causante desta crise.
Para a CIG é obvio que o conxunto de medidas do PP teñen como obxectivo último desmantelar todas as conquistas sociais e laborais no sector público, xa que non se está só a falar de reducir salarios ou eliminar pagas extra senón tamén de destruír emprego reducindo a administración e, polo tanto, eliminando os servizos que até o de agora esta prestaba para provocar a súa privatización.
Ademais, as medidas aprobadas polo goberno de Mariano Rajoy supoñen tamén un ataque frontal contra a negociación colectiva, arma fundamental para a defensa e mellora das condicións laborais e sociais dos traballadores e traballadoras, eliminando na práctica, mediante decreto lei, a forza vinculante dos convenios e derrogando o Estatuto Básico do Empregado Público.
Horarios e lugares das manifestacións do día 30 de xullo
Fronte a todas estas medidas, as organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT, CSI•F, CESM, OMEGA, SATSE, USAE, ANPE, STAJ, CEP, SUP, UFP, AUGC, UniónGC, CGT e USO fixeron unha chamada a participar nas manifestacións convocadas para o luns 30 de xullo:
- A Coruña, saída ás 19:30 horas dende a Praza de Pontevedra
- Ferrol, saída ás 20:30h dende a Praza de España
- Santiago de Compostela, saída ás 19:30 horas da Praza Roxa.
- Lugo, saída ás 19:30 horas dende o Edificio administrativo da Xunta.
- Ourense, saída ás 20:00 horas dende o Pavillón dos Remedios.
- Pontevedra, saída ás 20:30 horas dende a Praza da Ferreiría.
- Vigo, saída ás 20:30 horas dende a Vía Norte.





De www.cigadmon.org.


26/07/12

Isto é un atraco a man armada! O Concello exclúe á CIG da convocatoria de Mesa Xeral de Negociación!

Nun alarde ditatorial aos que tan acostumados nos ten o Concello de Betanzos decide convocar Mesa Xeral de Negociación e levar unha nova Relación de Postos de Traballo un día antes do pleno ordinario do mes de xullo onde seica pretende presentala para aprobación. A maiores e facendo uso dun sentido pervertido da democracia, que é polo que vemos o que rexe en materia de persoal o seu traballo, exclúe á CIG da convocatoria de Mesa Xeral de Negociación, pendente dende hai medio ano de se constituír de novo.

En múltiples ocasións, o concelleiro de Persoal comprometeuse ante a representación do Comité de Empresa a entregar esta documentación con tempo para a analizar e agora descubrimos que todas esas promesas non eran máis que unha máis das mentiras e trapalladas á que nos ten acostumados o PSOE de Betanzos. O goberno municipal é plenamente consciente de que unha Mesa Xeral de Negociación que discrimina na convocatoria ao sindicato con máis delegados neste Concello terá consecuencias unha vez que se tomen acordos que poderán ser invalidados, mais tal e como xa ten feito noutras ocasións logo encherase a boca a botarlle a culpa do seu traballo mal feito aos representantes do Persoal, cando, polo visto, estes non lle importan o máis mínimo para facer o que lles veña en gana.

Dende a CIG do Concello de Betanzos continuaremos co camiño iniciado, e tomaremos as decisións necesarias para non permitir que o Concello teime en ignorar aos representantes escollidos polo persoal, sendo conscientes de que é moi sintomático que xusto non convoque ao sindicato que o ten no xulgado por diversos xuízos e nun momento en que xa catro compañeiros do GRUMIR que demandaron ao Concello a través da CIG, gañaron os xuízos e o xulgado deulle a razón aos traballadores. Parece que este é o único camiño que entende este goberno, haberá, pois, que seguir con el e defender sempre os dereitos dos traballadores e a legalidade das accións en materia de Persoal desta Administración local, a pesar dos intento do PSOE de Betanzos de recorrer a vellos métodos para agochar as irregularidades no que ten a ver co persoal neste Concello... que outro motivo habería para excluír ao sindicato maioritario? Quen non ten nada que agochar non ten problema en negociar!


24/07/12

Xoves 26 de xullo. Concentración na Praza do Campo

Dentro do calendario de mobilizacións dos empregados públicos, lembrade que o próximo xoves hai concentración, desta volta pitada-cacerolada, de 12:00 h a 12:15 h na Praza do Campo. Xoves 26 de Xullo

22/07/12

"Non fiques parado, son os teus dereitos" Mensaxe dunha compañeira da Tesouraría Xeral da Seguridade Social

De CIG-Administración pública


A continuación transcribimos unha mensaxe dunha compañeira, traballadora pública da Tesourería Xeral da Seguridade Social, que conta un dos moitos casos de falsa austeridade que sucenden coas vidas laborais; casos de falsa austeridad que na Xunta de Galiza coñecemos moi ben. Que non che vendan motos, o camiño que marca o RDL 20/2012 non é o "único que se pode facer", máis ben é todo o que non se debe facer para sacar a cidadanía da crise.
Esta mañá púxome enriba da mesa un compañeiro o BOE do mércores 13 de xuño de 2012, no cal volveuse licitar a contratación do servizo para a impresión, manipulado e envío de documentos de vidas laborais e bases de cotización do TXSS. O valor estimado do contrato é de: 4.711.640,00 euros. E nós, traballadores da TXSS, sen paga extra de Nadal. FLIPANTE!
Para os que non saibades como aconteceu a "privatización" do servizo de expedición de vidas laborais, póñovos en antecedentes: as vidas laborais e bases de cotización eran un servizo que só se ofrecía por a TXSS. De súpeto decidiron (os de sempre) que se externalizaba o servizo de vidas laborais. Así que actualmente a vida laboral tan só se pode conseguir a través dunha chamada a un teléfono 901 (e que envían o domicilio do interesado; domicilio que, se non está actualizado, deben dirixirse á Administración da TXSS para o seu modificación e posterior envío por correo da súa vida laboral ao domicilio xa actualizado) ou a través de Internet. Moi cómodo e funcional. O de achegar a Administración ao cidadán xa hai tempo que llo pasaron polo forro da camisa.
E tamén se lles ocorreu aos instruídas (os de sempre) facer unha campaña anual de vidas laborais e bases de cotización que envían a "toda a poboación", e este é o tema que nos ocupa. Así temos que:
- os que necesiten un vida laboral e achéguense a unha Administración da Tesouraría non poderán obtela ao momento e, en cambio,

- os que non a necesiten nin a queiran para nada envíaselles igual, para que empapelen o cuarto dos seus fillos ou fagan uns bonitos avións de papel. O cal me leva a facerme unhas inocentes preguntas:
  • a que empresas se lles está a pagar estas contratacións para uns servizos que EU, funcionaria da TGSS, (e os meus compañeiros ) perfectamente poderiamos e "deberiamos" facer?
  • onde vai parte dese soldo que me están a quitar ano tras ano? ao pagamento destes servizos?
  • como pode ser que se recorten as necesidades básicas da poboación: sanidade, educación, prestacións sociais, soldos, subidas de impuestos...... e non se pare esta "dilapidación" de diñeiro cara a empresas privadas?
Non se me ocorre outra cousa que berrar: ABONDA XA!
Fago un chamamento a vós, compañeiros, para que difundades isto e cando digo difundir refírome a medios de comunicación. Se tedes coñecidos en xornais, raio, TV, etc. facerllo chegar.
NON QUEDES PARADO! FALA, ASUBÍO, BERRA, MANIFÉSTATE,.....! PERO, POR FAVOR, NON QUEDES PARADO. SON OS TEUS DEREITOS.
María Isabel Quintana Suárez, funcionaria da TGSS, con un posto de traballo na Administración gañado a pulso nunha oposición hai 20 anos e que ve como o seu soldo se achega cada vez máis ao dos seus inicios no ano 1992.

Argumentos sobre a inconstitucionalidade do Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo

De CIG-Administración pública


Consonte á Constitución de 1978, o control de constitucionalidade das leis correspóndelle ao Tribunal Constitucional, órgano de composición e función mixta político-xudicial.
Malia que, tendo en conta as decisións e motivacións efectivas deste Tribunal, a resposta máis probable será a de declarar a “inconstitucionalidade notoriamente infundada” dos recursos ou cuestións de constitucionalidade que se interpoñan contra o Real Decreto-Lei 20/2012, non faltan fundamentos para cuestionar a adecuación desta norma ao ordenamento xurídico emanado da Constitución de 1978 que continúa sendo, en teoría -que non na praxe- plenamente vigorante. Entre outros:
1.- Violación do art.31 CE que impón que o sostemento das cargas públicas por parte da cidadanía sexa por vía tributaria.
En efecto, o Real Decreto-Lei é unha norma fiscal disfrazada de norma estatutaria. Así, o art.31 CE prescribe que “Todos contribuirán ao sostemento das cargas públicas mediante un sistema tributario xusto”. Porén, o Real Decreto-Lei impón unha carga a un sector da cidadanía moi concreto, os empregados públicos, para atender cargas xerais de gasto público (no debe esquecerse que o recorte da paga extra non xera un ingreso afectado a unha finalidade específica). Neste sentido, a medida lembra figuras pretéritas como a requisa o ou o diezmo, dado que, na práctica, o recorte de salarios públicos é un imposto cuxo suxeito pasivo son os empregados públicos. E isto a pesar de que eran posibles outros recortes e gastos políticos máis equitativos e respectuosos desde o punto de vista constitucional.
2.- Incumprimento do presuposto da "extraordinaria e urxente necesidade" que impón o artigo 86 CE para habilitar a aprobación dun Decreto-Lei.
En primeiro  lugar, non  pode apreciarse a “necesidade” do Decreto-Lei para saquear os ingresos dos empregados públicos, dado que, se hai alternativas máis racionais, a necesidade disólvese. Abonda con considerar a posibilidade de aprobar medidas de loita contra a fraude fiscal e outras medidas de aforro ou aumento dos ingresos que o Goberno nin sequera toma en consideración.
En segundo lugar, máis que necesidade “extraordinaria”, a necesidade convírtese en “ordinaria” e, como tal, previsible, existindo sobrados mecanismos lexislativos para tramitar por medio de Lei ordinaria coas súas garantías parlamentares (mesmo por procedemento de urxencia), antes que aprobar un Decreto-Lei con “nocturnidade e aleivosía”.
E en terceiro lugar, tampouco parece que tal necesidade sea “urxente” no caso da supresión da paga extraordinaria de Nadal, dado que se devenga o 1 de decembro de 2012, de xeito que hai tempo sobrado para tramitar unha Lei ordinaria que definise a aplicación destas medidas.
3.- Incumprimento da funcionalidade dun Decreto-Lei, que se convirte nun caixón de xastre con cargas tan diversas como o incremento do IVE, a minoración de dereitos sobre permisos e cobertura en caso de baixa por incapacidade temporal dos empregados públicos, o estrangulamento da Lei de Dependencia, suba de enerxía eléctrica, beneficios fiscais para a candidatura olímpica de Madrid-2020 e, de paso, a supresión da paga extra de decembro dos empreados públicos.
En efecto, todos lembramos a severa reprimenda do Tribunal Constitucional ao lexislador ordinario pola técnica do “amontonamento” aplicada nas Leis de acompañamento aos orzamentos: aprobábase unha lei tramitada en paralelo á lei anual de orzamentos, por un trámite acelerado e sen garantías, aprobando unha infinidade de modificacións legais.
En toco caso, un Decreto-Lei é unha ferramenta lexislativa de emerxencia e non pode servir para modificar arbitrariamente calquera disposición legal, sen respectar leis ordinarias e especiais. Neste sentido, o presente RDL 20/2012 non cumpre co requisito de especialidade que lle é propio a todo decreto-lei.
4.- Modificación por un Decreto-Lei, con natureza de norma especial, dunha norma de carácter xeral.
Hai que reparar en que o Estatuto Básico do Empregado Público aprobado pola Lei 7/2007 é a norma básica por excelencia pola que se regula o estatuto funcionarial e, no seu artigo 22, dedícase á estrutura retributiva dos funcionarios sinalando que entre as retribucións básicas están “as pagas extraordinarias” precisando a ringleira seguido que “as pagas extraordinarias serán dúas ao ano, cada unha polo importe dunha mensualidade de retribucións básicas e da totalidade das  retribucións complementarias”.
Porén, con defectuosa técnica normativa, o RLD 20/2012 non derroga ese artigo 22 do EBEP nin sequera o suspende, senón que utiliza un eufemismo ( “non percibirá no mes de decembro de 2012 ningunha contía en concepto de paga extraordinaria”, art.3 do Real Decreto-Lei), é dicir, como se subsistise o dereito ao cobro da paga extra por parte do empregado público, pero non el funcionario pero non a obriga de pagar a dita paga extra por parte da Administración.
5.- Derrogación material do dereito á negociación colectiva, con omisión do máis mínimo consenso ou participación social.
Un Decreto-Lei pode ser incompatible teoricamente cun prolongado trámite parlamentario, mais aprobar unha norma que derroga de facto o Estatuto Básico do Empregado Público, que afecta a máis de dous millóns de empreados públicos, como mínimo debería cumprir o principio de participación imposto polo art.105 CE, mais na práctica foi aprobado sen o máis mínimo consenso coa representación dos empregados públicos. O resultado é que o Decreto-Lei 20/2012 é unha norma cun un gran baleiro democrático.
Cómpre destacar a extraordinaria gravidade da medida que supón derrogar na práctica a garantía constitucional da forza vinculante dos Convenios Colectivos, permitíndolle ás Administracións suspendelos ou modificalos unilateralmente, abondando para iso con "informar" ás organizacións sindicais. 
6.- Violación do principio de “confianza lexítima” do dereito comunitario da Unión Europea.
Alén da obriga do Poder Executivo de respectar a confianza lexítima para o Executivo nas súas actuacións, está o principio de primacía do Dereito Comunitario da UE. Non debe esquecerse que este principio orixinado no Dereito Europeo está vencellado aos principios de seguridade xurídica, así como aos de irretroactividade e protección dos dereitos adquiridos, dado que o Dereito ampara a expectativa que se teña orixinado na cidadanía.
Resulta evidente que o principio de confianza lexítima é aplicable á previsión de cobrar a paga extra, que existe desde tempo inmemorial. En suma, un Decreto-Lei non pode dispor a supresión da paga extra cando as decisións económicas e persoais dos empregados públicos adóptanse contando con tal previsión, debendo como mínimo aprobarse disposicións transitorias ou similares que posibiliten a adaptación dos prexudicados a un cambio de criterio legal de tal calado e efecto económico.
7.- Vulneración do principio xeral de proporcionalidade.
Ao igual que se fala de “presión fiscal”, se a normativa retributiva fose unicamente a estatal, podería aducirse unha especie de “presión retributiva” homoxénea. Porén, sobre o empregado público proxéctanse máis recortes en conceptos retributivos distintos das “pagas extras” (complemento específico, de destino,etc), e procedentes en ocasións de Administracións distintas do propio Estado central, co que resulta sometido a unha “presión retributiva” ou “tormenta de recortes” contrarias ao máis elemental principio de proporcionalidade.
8.-  Violación do principio de igualdade na súa vertente de proporcionalidade.
Un recorte que afecta por igual a que cobra de xeito desigual non é proporcional. A paga extra vencéllase ao soldo e complementos, pero unha cousa é que tal recorte sexa proporcional e outra distinta é que sexa progresivo, dado que certamente a privación da paga extra a un mileurista ocasiónalle máis estragos que a supresión da paga extra a un alto cargo. Esta última comportará a redución do consumo elástico, mentres que no caso do persoal mileurista quedarán afectados mesmo os gastos máis básicos.
É certo que o propio RDL 20/2012 pretende humanizarse de forma ousadamente burda cando afirma que “non será de aplicación a aqueles empregados públicos cuxas retribucións por xornada completa, excluídos incentivos ao rendemento, non alcancen en cómputo anual 1,5 veces o salario mínimo interprofesional estabelecido no R.D.1888/2011, de 30 de decembro”. No entanto, o impacto desta medida é meramente teórico ou testemuñal, xa que se refire a retribucións brutas e non se aplica a que non teña xornada completa, polo que, por exemplo, non será de aplicación a ningún empregado público da Xunta de Galicia.
9.- Vulneración da prohibición da arbitrariedade (art.9 CE)
A arbitrariedade da decisión explícase na súa inspiración pragmática e non razoada. Nin sequera se toma en consideración a posibilidade de incidir en xacementos de riqueza (grandes fortunas ou rendementos), senón que se literalmente se saquean as rendas e os dereitos dunha parte concreta da poboación (empregados públicos, persoas dependentes e desempregados).
10.- Vulneración da dignidade da persona en relación cos dereitos constitucionais e, particularmente, co dereito do traballador a unha remuneración suficiente para atender as necesidades do traballador e da súa familia (art.35 CE).
En particular, hai que reparar en que o Estatuto Básico do Empregado Público diferencia entre retribucións básicas (soldo, trienios e pagas extraordinarias) e retribucións complementarias. Por definición, o “básico” é o esencial, o mínimo e irrenunciable para que a condición de empregado público non sexa onerosa.
Neste sentido o Tribunal Constitucional Federal alemán aplicou, en sentenza de 15 de febreiro de 2012, o principio de alimentación constitucionalmente consagrado (art. 33.5 do Grundgesetz ou Lei Fundamental de Bonn), que obriga á República a “garantir aos seus empregados públicos uns ingresos que permitan unha vida digna”).
Porén, no caso dos empregados públicos das diferentes Administracións do Estado, logo de padecer como calquera cidadán o incremento primeiro do IRPF, agora do IVE e a conxelación en varios exercicios da actualización das súas retribucións, contaban con a paga extra como salvavidas que permitise salvar con dignidade os excesos e imprevistos da vida cotiá. O recorte da dita paga no actual contexto de depresión económica e suba de impostos coloca nunha situación de precariedade aos empregados públicos mileuristas, especialmente cando son bombardeados por moitas outras medidas (menos asistencia social para familiares dependentes, non cobertura salarial en caso de baixa por incapacidade temporal, etc).
Doutra banda, cómpre salientar que o Tribunal Constitucional da República Portuguesa declarou a inconstitucionalidade dun recorte similar aos empregados públicos do país irmán, agora reproducido polo Goberno do Estado.
Por último, cómpre ter en conta que a pesar do abrumador argumentario en contra da adecuación do Real Decreto-Lei 20/2012 á Constitución de 1978, desgraciadamente resulta temerario aventurar unha hipotética declaración de inconstitucionalidade por parte do Tribunal Constitucional, tendo en conta os precedentes no caso do anterior recorte aprobado polo Goberno de Zapatero polo que, ademais de dar a loita a nivel xudicial, corresponde ao conxunto da cidadanía opoñerse a estes recortes e facer valer os seus dereitos nas rúas.

Máis de 350.000 persoas maniféstanse en toda Galiza contra os recortes impostos polo PP e o masivo saqueo á clase traballadora

A CIG anima a intensificar a resposta social diante da dureza das medidas aprobadas e aposta por convocar canto antes unha nova folga xeral

Baixo a consigna “Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen” e ao berro de “folga xeral”, máis de 350.000 persoas saíron na tarde deste xoves ás rúas de todo o País para rexeitar as gravísimas medidas que vén de aprobar o Goberno de Mariano Rajoy, co obxectivo de profundar no recorte dereitos e a precarización das condicións de vida e de traballo da maioría social, mentres se protexen e benefician os intereses de banqueiros, especuladores e defraudadores. A CIG anima a dar unha resposta social con igual dureza que as políticas do PP e aposta por preparar xa un calendario de folgas xerais, cuxa primeira data de referencia podería ser o vindeiro mes de setembro.





As dez mobilizacións, convocadas conxuntamente por CIG, CCOO e UGT, marcan o inicio dun calendario de protestas que se prevé longo e intenso, á vista da gravidade das políticas antisociais aplicadas polos gobernos do PP. As manifestacións foron un éxito e conseguiron destacatos niveis de participación. Así en Vigo saíron á rúa máis de 100.000 persoas; na Coruña foron máis de 70.000; en Ferrol unhas 55.000; Compostela superou as 40.000; ao igual que en Pontevedra; en Ourense manifestáronse unhas 25.000 persoas; en Lugo e Vilgarcía máis de 10.000; e no Barco unhas 800 persoas.
O Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, que iniciou a súa intervención ao remate da manifestación celebrada na Coruña agradecendo a masiva participación cidadá, asegurou que o último paquete de medidas imposto polo Executivo de Mariano Rajoy “son a primeira consecuencia” do multimillonario rescate á banca.

19-07-12 Manifestacion recortes A Coruña

Seixo criticou non só a dureza das medidas aprobadas polo PP, senón tamén a forma -vía decreto-lei- e os argumentos utilizados para xustificalas, que manifestan un xeito de enteder o goberno baseada “na mentira, na demagoxia, no elitismo e no desprezo máis absoluto cara ás clases traballadoras e os sectores da sociedade máis desfavorecidos”. A este respecto, censurou os aplausos dedicados á Mariano Rajoy dende as bancadas populares o día no que este anunciou o recorte de 65.000 millóns de euros no Congreso dos deputados/as, así como o reiterado  e falso discurso de que estas son as únicas políticas posíbeis.
Neste senso, o Secretario Xeral da CIG advertiu que estas políticas non son a solución á crise, “nin están pensadas para iso”, senón que, pola contra, provocarán máis recesión, máis paro e máis empobrecemento da poboación. “A dereita herdeira do franquismo quere aproveitar a crise económica para impornos o seu modelo económico e social e o seu modelo de estado centralista, provocando unha enorme involución nos dereitos sociais e laborais, pero tamén no relacionado coas liberdades públicas e co pluralismo político”, alertou. 
Chamada á convocatoria dunha folga xeral
Por iso, a central nacionalista chama a continuar na mobilización e na contestación social para parar este saqueo masivo ao pobo, dando unha resposta con igual dureza e intensidade que as políticas do PP  e preparando xa un calendario de folgas xerais de aquí a finais de ano. “A próxima, adiantou, temos que facela canto antes e o mes de setembro pode ser un bo mes de referencia”. “Non podemos permitir que continúen con esta política de desmontar todo un sistema de servizos públicos, de protección social e de calidade de vida que conseguimos tras moitos anos de loita e sacrificio das clases traballadoras”.
Dende a CIG demandouse, unha vez máis, a adopción de medidas alternativas, porque existen, que permitirían realmente encamiñar unha saída á crise económica. Medidas que inevitabelmente teñen que incluír unha suba dos impostos para as grandes fortunas e empresas; perseguir a fraude fiscal (e non premiar cunha amnistía aos defraudadores/as); reducir o gasto militar; retirar as axudas millonarias á igrexa e obrigala a pagar os impostos; investir en educación, sanidade e protección social; garantir uns salarios dignos a toda a clase traballadora, tamén para o persoal das administracións públicas; garantir prestacións dignas ás persoas sen emprego; facilitar o crédito aos autónomos/as e pequenas empresas; e un apoio decidido ao tecido produtivo, xa que este “é o que realmente crea emprego e non os especuladores”.
Porén, aseverou Seixo, aplicar estas medidas precisaría dun cambio de rumbo radical no PP   e que este estea disposto a “gobernar en función dos intereses da maioría social e non en función dos intereses de banqueiros, especuladores, grandes empresas, que é para quen gobernan o Sr. Rajoy e o Sr. Feijoo, co amparo e baixo as directrices da CE, o BCE e o FMI”, concluíu.

Decreto 20/2012. Outras medidas en relación co persoal do sector público


DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA:

Establécese a obriga de que as Administracións, organismos e entidades do sector público diten antes do 31 de decembro de 2012, instrucións para evitar actuacións que puidesen considerarse como determinantes da existencia dunha relación laboral entre traballadores/as de empresas de servizos contratadas pola Adminsitración e esta última.
Os xestores da Administración deberán procurar a correcta execución dos servizos externos contratados, clarificando a relación entre xestores e persoal da empresa contratada.

DISPOSICIÓN ADICIONAL TERCEIRA:

Imponse a obriga ás Comunidades Autónomas e Entidades locais de remitir información ao Ministerio de Facenda sobre os gastos de persoal.

Decreto 20/2012. Prestacións do FOGASA


ARTIGO 33 ET:
Garantíase o cobro do Fogasa dos salarios adebedados, incluídos os salarios de tramitación, reducíndose os topes anteriores.
Contía: Percíbese o salario pendente cun dobre límite:
O dobre do SMI diario.
120 días.
Garántese o cobro do Fogasa das indemnizacións de despedimento e extincións de contrato. Límite:
Un máximo de 1 anualidade.
Salario diario non superior ao dobre do SMI.
A razón de 30 días por ano de servizo (para despedimentos improcedentes ou extincións do artigo 50 ET).
A razón de 20 días por ano de servizo (para extincións do artigo 51 ET e procedementos concursais).

Decreto 20/2012. Modificación da prestación e subsidios por desemprego


MODIFICACIÓN ARTIGO 207 LXSS:

Para situación de desemprego en caso de traballo a tempo parcial, terase en conta a efectos de cumprimento do requisito de acceso á prestación os períodos de cotización no traballo no que se perdera o emprego ou se reducira a xornada de traballo.

MODIFICACIÓN DA CONTÍA DA PRESTACIÓN POR DESEMPREGO (ARTIGO 211.2 LXSS. D. FINAL 13ª):
  • Minórase a contía da prestación por desemprego no nivel contributivo no segundo tramo, para as prestacións cuxo nacemento de dereito se derive de situacións legais de desemprego posteriores ao 15 de xullo de 2012. Pasa a ser a seguinte:
  • Do día 1 ao 180: 70% da base reguladora da prestación.
  • Do día 181 ao remate: 50% da base reguladora da prestación.
  • No desemprego por perda de emprego a tempo parcial, as contías máxima e mínima determínanse tendo en conta o IPREM en función do promedio de horas traballadas durante os últimos 180 días dos 6 anos anteriores á situación legal de desemprego, ponderándose tal promedio en relación cos días en cada emprego a tempo parcial ou completo durante tal período.

COTIZACIÓN DURANTE O DESEMPREGO (ARTIGO 214.4 LXSS):

Suprímense as reducións na achega do/a traballador/a á SS durante a percepción da prestación por desemprego, para as prestacións cuxo nacemento se derive de situacións legais de desemprego a partires do 15 de xullo de 2012. (D.T 3ª e D. Derrogatoria única).



SUSPENSIÓN DA PRESTACIÓN EN CASO DE SANCIÓN (ARTIGO 212 LXSS).


Especifica que, finalizado o período de suspensión, se o beneficiario non está inscrito como demandante de emprego, deberá comparecer na entidade xestora acreditando a inscrición, para poder reanudar a prestación.
Introduce nova posibilidade de suspensión en caso de requirimento de documentación pola entidade xestora, para a conservación do dereito, e no suposto de non achegar dita documentación.


SUBSIDIO POR DESEMPREGO PARA MAIORES DE 55 ANOS (ARTIGO 215.1.3 LXSS): PARA AS SOLICITUDES DE NACEMENTO PRESENTADAS A PARTIRES DO 15 DE XULLO DE 2012:


Elévase a idade para o subsidio até os 55 anos.
Ademais, esixe que teña cumpridos os 55 anos na data do esgotamento da prestación contributiva ou o subsidio por desemprego ou ter cumprida dita idade no momento de reunir os requisitos para acceder a outro subsidio por desemprego ou cumprila durante a súa percepción.
A efectos de acreditar a carencia de rendas, compútanse os rendementos deducíbeis do montante económico do patrimonio, aplicando ao seu valor o 100% do tipo de xuro legal do diñeiro vixente.
A duración estendese até acadar unha idade que permita acceder á pensión de xubilación en calquera das modalidades.


COTIZACIÓN DURANTE O SUBSIDIO PARA MAIORES DE 52 OU 55 ANOS (D. T 5ª).


Redúcese a base de cotización ao 100% do tope mínimo, desde o 1 de agosto de 2012.


SUBSIDIO POR DESEMPREGO PARA MAIORES DE 45 ANOS (DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA E D. TRANSITORIA 4ª).


Elimínase o subsidio para maiores de 45 anos, agás para aqueles que esgotaran a prestación contributiva de máis de 720 días antes do 15 de xullo de 2012.


CONTÍA DO SUBSIDIO POR DESEMPREGO (ARTIGO 217 LXSS).


En caso de desemprego por perda de traballo a tempo parcial percibirase o 80% do IPREM en proporción ao número de horas traballadas nos casos de:

  • Subsidio por responsabilidades familiares con esgotamento da prestación.
  • Subsidio para maiores 45 anos (extinguido, nos termos sinalados anteriormente).
  • Insuficiencia de cotización e responsabilidades familiares.
  • Maiores de 55 anos.

INCOMPATIBILIDADE PRESTACIÓN OU SUBSIDIO POR DESEMPREGO COA REALIZACIÓN DE TRABALLOS (ARTIGO 221 LXSS).


Engádese á redacción anterior a seguinte precisión: a dedución actuará tanto cando a percepción da prestación ou subsidio se produza pola perda dun emprego a tempo total ou parcial e se obteña novo contrato a tempo parcial, como cando realice dous contratos a tempo parcial e perda un deles. Neste último suposto a base reguladora será o promedio das bases polas que se cotizara durante os últimos 180 días e as contías máximas e mínimas determinaranse tendo en conta o IPREM en función das horas traballadas en ambos traballos.


Artigo 229 LXSS.


Atribúe á entidade xestora a posibilidade de suspender o pagamento da prestación por desemprego cando aprecie indicios de fraude.


Artigo 231 LXSS. Introdúcense novas obrigas para as persoas perceptoras de prestacións:


•Deberán comunicar cambios de domicilio á entidade xestora e facilitar novos datos.
•Deberán facilitar datos á entidade xestora, cando non quede garantida a recepción no domicilio facilitado, para garantir recepción de comunicacións por medios electrónicos,
•Deberán acreditar ante a entidade xestora as actuacións realizadas dirixidas á busca activa de emprego. Dita acreditación realizarse do xeito que a entidade xestora determine no marco da mutua coloboración. A non acreditación será considerada como incumprimento do compromiso de actividade.
A non participación nas actividades de mellora de ocupabilidade que se correspondan coa profesión habitual serán voluntarias durante os 30 primeiros días da percepción da prestación, sen efectos sancionadores a non participación.
Introdúcese no compromiso de actividade a obriga de participar en actividades de reconversión profesional. A entidade xestora poderá requirir ás persoas beneficiarias para que acrediten a realización de actuacións dirixidas á inserción laboral. A non acreditación será considerada como incumprimento do compromiso de actividade.
As anteriores obrigas son constitutivas de infraccións na orde social e sancionábeis nos termos regulados.



RENDA ACTIVA DE INSERCIÓN.
-Poden ser beneficiarios/as as persoas desempregadas que reúnan requisitos:
•Maior de 45 anos.
•Estar inscrito como demandante de emprego durante 12 ou máis meses. O traballo durante período acumulado de 90 ou máis días nos 365 anterioes á solicitude interrompe a inscrición. As saídas ao estranxeiro, por calquera motivo, interromperán a inscrición. Para cumprir novamente o requisito esixiranse outros 12 meses ininterrompidos.
•Ter esgotado a prestación por desemprego contributiva e/ou o subsidio asistencial (agás extinción por sanción) e non ter dereito á protección por dita continxencia.
É dicir, as persoas que non tiveran dereito á prestación ou subsidio, tampouco o terán á RAI, agás emigrantes retornados ou vítimas de violencia de xénero.
•Carecer de rendas superiores ao 75% SMI, excluídas 2 pagas extraordinarias.

Decreto 20/2012. Modificación de conceptos exentos nas bases de cotización á Seguridade Social


ARTIGO 109.2, b) LXSS. CONCEPTOS EXENTOS BASE DE COTIZACIÓN. 
Estarán exentos, entre outros, de cotización, os seguintes conceptos:
  • As indemnizacións por despedimento ou cesamento do traballador/a, só na contía obrigatoria establecida no ET, na normativa de desenvolvemento ou na de execución de sentenzas.
  • As indemnizacións percibidas en caso de extincións previas ao acto de conciliamento, na contía que correspondería ao despedimento improcedente.
  • As indemnizacións percibidas no caso de extincións colectivas ou individuais por causas económicas, técnicas, organizativas, de produción ou forza maior, na contía que non exceda á que correspondería ao despedimento improcedente.
  • Elimínase a referencia á exención do quebranto de moeda, desgaste, prendas de traballo, produtos es especie e percepcións por matrimonio.

Decreto 20/2012. Suspensión de acordos, pactos e convenios


Suspéndense e fican sen efecto os acordos, pactos e convenios para o persoal do sector público subscritos polas administracións públicas e organismos e entidades que conteñan cláusulas que se opoñan ao disposto no Título I do Real Decreto Lei 20/2012.

Decreto 20/2012. Complemento de incapacidade laboral do persoal laboral e funcionario


Persoal adscrito ao Réxime do mutualismo administrativo e persoal da administración de xustiza:

Situación de IT por continxencias comúns:

-Desde o día 1 ao 3: percibirán o 50% das retribucións do mes anterior á IT.
-Do 4 ao 20: percibirán 75% das retribucións do mes anterior á IT.
-Do 21 ao 90: percibirán o 100% das retribucións básicas, da prestación por fillo a cargo e, no seu caso das retribucións complementares.

Situación de IT por continxencias profesionais:

-Desde o día 1 da IT: poderá completarse até o 100% das retribucións do mes anterior á IT.
-Desde o día 90 da IT: percibirán o subsidio que corresponda a cada réxime especial.

Cada Administración poderá determinar os supostos excepcionais e xustificados nos que se poderá completar até o 100% a situación de IT por continxencias comúns, considerándose entre ditos casos: hospitalización e intervención cirúrxica.

No caso de persoal da Administración Xeral do Estado, as porcentaxes de complemento de IT aplicaranse a procesos iniciados a partir do 16 de outubro de 2012. (D. ADICIONAL 18ª).

As novas porcentaxes de complemento de IT NON son aplicábeis para o persoal que se atopase de baixa médica a 15 de xullo de 2012. (D. TRANSITORIA 1ª).

As Administracións disporán de 3 meses, desde a publicación do RD-L, para desenvolver as previsións contidas no mesmo, prazo a partires do que surtirá efecto en todo caso. É dicir, as novas porcentaxes do complemento de IT surtirán efecto en todo caso a partires do 14 de outubro de 2012.

Decreto 20/2012. Permisos e vacacións do funcionariado e do persoal laboral


ARTIGO 48 LEI 7/2007. ESTATUTO BÁSICO EMPREGADO PÚBLICO: PERMISOS LIBRE DISPOSICIÓN.

- Reduce a 3 días de libre disposición para o persoal do sector público estatal, sen prexuízo dos días de libre disposición que puideran acordar en cada Administración.
- Elimina os días adicionais de libre disposición por cumprimento de trienios.
- Suspende e deixa sen efecto os Acordos, Pactos e Convenios que incrementasen o número de días de libre disposición respecto dos fixados no EBEP.

ARTIGO 50 LEI 7/2007. ESTATUTO BÁSICO EMPREGADO PÚBLICO: VACACIÓNS
- Limita os días de vacacións a 22 días hábiles, suspendendo e deixando sen efecto os Acordos, Pactos e Convenios que incrementasen o número de días de vacacións.
- Malia o anterior, ao noso xuízo subsistente o artigo 75 da Lei da Función Pública de Galiza, polo que para o persoal da CA e persoal da AL pode seguirse solicitando a aplicación dos días adicionais por cumprimento de anos de servizo a partires do ano 15.
-As modificacións non impiden que se gocen os días correspondentes a 2012 (de vacacións, permisos e días adicionais libre disposición) consonte coa normativa vixente até a entrada en vigor do RD-L. (D. TRANSITORIA 1ª).

Decreto 20/2012. Negociación colectiva no sector público. Modificación e suspensión de convenios colectivos, pactos e acordos


MODIFICACIÓN ARTIGO 32 LEI 7/2007 ESTATUTO BÁSICO EMPREGADO PÚBLICO:

Introdúcese un novo parágrafo a medio do que se posibilita que os Órganos de goberno das Administracións Públicas, excepcionalmente e por causa grave de interese público derivada de alteración substancial das circunstancias económicas, SUSPENDAN ou MODIFIQUEN o cumprimento de Convenios colectivos xa asinados, na medida estritamente necesaria para a salvagarda do interese público.

•DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA:

En relación coa posibilidade de suspensión ou modificación de Convenios, pactos ou acordos que afecten ao PERSOAL LABORAL, entenderase que concorre causa grave de interese público derivada de alteración substancial das circustancias económicas cando as Administracións deban adoptar medidas ou plans de axuste, de requilibrio de contas públicas ou de carácter económico financeiro para asegurar a estabilidade orzamentaria ou a corrección do déficit público.


Decreto 20/2012. Salarios do sector público

Prevese a SUPRESIÓN DA PAGA EXTRAORDINARIA DE DECEMBRO 2012 NAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS.

  • Persoal afectado. Tanto o funcionario como o laboral, pertencente ás seguintes entidades:
  • Administración xeral do estado e organismos autónomos. Axencias estatais.
  • Administracións CCAA e organismos autónomos.
  • Universidades competencia estatal e autonómica.
  • Corporacións Locais e organismos dependentes.
  • Entidades xestoras e servizos comúns Seguranza Social.
  • Órganos constitucionais.
  • Sociedades mercantís públicas.
  • Entidades públicas empresariais e resto de organismos públicos e entes estatais, autonómicos e locais.

Exclusións: os empregados públicos que teñan retribucións por xornada completa, excluídos incentivos por rendemento, inferiores a 1,5 veces o SMI (962,10 €/mes). (Brutos e tendo en conta o salario anual)


Efectividade da supresión:

  • Persoal funcionario: non percibirá en decembro de 2012, nin o soldo nin os trienios nin complemento específico nin resto de conceptos retributivos que integren a paga extraordinaria de decembro. Cada Administración poderá acordar a redución rateada das retribucións desde a entrada en vigor até o fin do exercicio 2012. (para o persoal da carreira xudicial, fiscal, corpos de secretarios xudiciais e persoal Admon xustiza, e altos cargos : xa prevista redución mensual catorceava parte até fin 2012).
  • Persoal laboral: non percibirá en decembro de 2012, ningún dos conceptos retributivos que integren a paga extraordinaria de decembro. Por negociación colectiva poderá acordarse a redución rateada das retribucións desde a entrada en vigor até o fin do exercicio 2012.
  • Mantense a base de cotización inalterada malia a redución.
  • Posibilitan que o persoal dos Subgrupos A1 e A2 (agás funcionarios de Gabinetes do Goberno e altos cargos, e os que teñan asignado complemento destino nivel 30 e 29), solicitan redución do complemento específico para adecualo ao 30% da retribución básica.

Xoves 19 Concentración de traballadores/as públicos/as na Praza do Campo

Tal e como xa vos informamos, a Área Pública da CIG xunto con UGT, CCOO, CSIF, USO, CGT, SAE, CESM e STAG acordaron conxuntamente un calendario de mobilizacións contra as medidas de recorte que supoñen un durísimo ataque a todos/as os/as empregados/as públicos. Entre estas mobilizacións están convocados os xoves deste mes concentracións diante dos centros de traballo.

Dende a CIG do Concello de Betanzos, e ante a gravidade da situación, entendemos que é o momento de que os empregados/as públicos/as nos defendamos dos ataques do PP que pretenden acabar cos nosos dereitos, facernos culpables da crise e obrigarnos a pagarlle dos nosos petos aos bancos os cartos que roubaron. As medidas aprobadas polo Goberno de Rajoy son durísimas para toda a cidadanía mais cargan as tintas contra os empregados públicos nun ataque sen precedentes que precisa dunha contestación contundente. Debido a isto puxémonos en contacto con delegados sindicais de todos os sindicatos con representación no Concello e mesmo con empregados públicos doutros sectores que tamén traballan en Betanzos para convocar unha concentración este xoves na Praza do Campo ás 12:00 h.

Animamos a todos os traballadores públicos e á cidadanía a que se sume a esta concentración contra o saqueo do pobo porque temos que impedir que nos arruínen! Son moitos/as os/as traballadores/as afectados/as e é precisa unha resposta contundente por iso facemos un chamamento aos compañeiros e compañeiras que traballan no Concello, en Facenda, nos Xulgados, en Correos, no Centro de Saúde, nos Centros de Ensino... a que se acheguen para amosar o seu rexeitamento a este desmantelamento dos servizos públicos que está a executar o Partido Popular.

Ese mesmo día, pola tarde, terá lugar a manifestación que sae ás 20:00 h da Praza da Palloza baixo o lema "Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen"

Horarios e saída das manifestacións do vindeiro xoves 19


A Coruña (acto central): ás 20 horas da Praza da Palloza
Compostela: 20:00 horas da Alameda
Vigo: 20:30 horas da Vía Norte
Ourense: 20 horas, do Pavillón dos Remedios
Lugo: 20 horas con saída da Ronda da Muralla, do local sindical
Burela: 20 horas, da Praza da Mariña
Vilagarcía de Arousa: 21 horas, da Casa do Mar
Pontevedra: 20:30 horas, da Praza da Ferrería
Ferrol: 20:30 horas do Inferniño

CIG, CCOO e UGT convocan conxuntamente as manifestacións do xoves 19 de xullo “contra o saqueo do pobo”


Fan un chamamento á mobilización masiva das galegas e galegos en todas as cidades e vilas de Galiza
Ante a gravidade das medidas impostas polo goberno do PP contra os intereses da clase traballadora en particular, e da cidadanía, en xeral, que supoñen un grave retroceso nas condicións laborais, sociais e da calidade de vida das persoas, a CIG, segundo explica o secretario xeral, Suso Seixo, “viu a necesidade de dar unha resposta o máis ampla posíbel e de intentar converxer con CCOO e UGT nunha convocatoria conxunta, dado que a data prevista para as mobilizacións polas distintas centrais sindicais xa coincidía”. Esa confluencia confirmouse esta mañá e as manifestacións serán convocadas polas tres centrais sindicais en todas as cidades e vilas do país.
Seixo explica que para que esta convocatoria conxunta fose posíbel, a CIG tivo en conta, o novo escenario xerado “polas políticas involutivas do Partido Popular e da dereita máis reaccionaria e franquista, que están a provocar que vaia agudizándose, cada vez máis, o recorte de dereitos laborais e sociais e a calidade de vida das persoas, pero tamén os dereitos democráticos e políticos”.
Xunto á necesidade de dar unha resposta dura e masiva, a central sindical avaliou tamén o novo contexto a nivel sindical. Seixo explica que até o de agora eran un obstáculo para o entendemento “as políticas de concertación social que promovían CCOO e UGT”. Fronte isto, subliña, “hoxe a concertación social é inviábel, pola actual situación, e porque o goberno e a patronal tampouco están nesa vía. Iso lévaos a eles a escorar cara unha posición máis mobilizadora e permítenos a nós tamén achegar posicións”.
O secretario xeral da CIG explica que falta por ver en que medida se pode ir consolidando esta resposta conxunta entre o sindicalismo nacionalista e o sindicalismo español. “Están pendentes reunións para concretar unha resposta común, abordando aspectos como a reforma da negociación colectiva e tamén como se pode ir traballando na perspectiva dunha folga xeral, ou máis, en Galiza e tamén no estado. Nós entendemos que a primeira delas ten que concretarse xa para o mes de setembro”.
Alén diso, o secretario xeral da CIG alerta de que o PP pretende ir cara “un modelo político institucional cada vez máis reducido, canto a participación, na busca de recortar o arco de representación política e co obxectivo de limitalo a dúas únicas forzas, pola vía de articular os mecanismos legais necesarios para impulsar así o bipartidismo”.
As tres centrais sindicais remitiron un comunicado conxunto que, polo seu interese, reproducimos:

Baixo o lema “Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen”, UGT, CCOO e CIG mobilizaranse o vindeiro día 19 nas principais cidades e vilas galegas

Diante das graves medidas que vén de adoptar o Goberno, as tres organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT acordamos convocar conxuntamente manifestacións cidadás o vindeiro xoves, día 19 de xullo, nas principais cidades e vilas galegas que discurrirán baixo o lema “Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen”. O acto central, ao que acudirán os secretarios xerais dos tres sindicatos, será en A Coruña.
Todas as medidas están dirixidas a recortar, unha vez máis, dereitos e precarizar as condicións de vida e de traballo da maioría social, para que finalmente sexan as clases traballadoras quen paguen unha crise que non provocaron, ao tempo que se protexen e benefician os intereses de banqueiros, especuladores e defraudadores. 
Con ese obxectivo o Goberno impón a diminución da prestación por desemprego a partir dos seis meses do 60 ao 50%, así como, o endurecemento dos requisitos para o acceso á renda activa de inserción, unha vez esgotado o desemprego; de incrementar os impostos indirectos subindo o tipo xeral do IVE do 18 ao 21% e o reducido do 8 ao10%; de suprimir a paga extra de Nadal das empregadas e empregados públicos e a súa negociación colectiva; de reducir as empresas e fundacións públicas; de delimitar a prestación de servizos por parte dos concellos, reforzando a cambio as deputacións; de liberalizar o sector servizos ou flexibilizar os horarios comerciais; ou privatizar os sectores de transporte ferroviario, portuario e aeroportos, entre outras.
Por iso, facemos un chamamento a que, masivamente, a cidadanía galega poña de manifesto na rúa o seu rexeitamento, tanto a estas políticas antisociais promovidas polo PP, como aos argumentos empregados para defendelos e a forma de escenificalos.

15/07/12

Real Decreto 20/2012, o PP carga no persoal das Administracións públicas o groso dos recortes


O Partido Popular continúa coa carreira imparable de desmantelamento do sector público. A situación na que se atopa o persoal que desenvolve a súa actividade no sector público é especialmente preocupante. Este documento, publicado este sábado no Boletín Oficial do Estado, contén a supresión da paga extra que é un recorte salarial “puro e duro” que vén sumarse aos sucesivos recortes que xa padecemos. E queremos lembrar que os salarios do persoal das administracións diminuíron nun 20% desde 2010 e que isto provocará máis empobrecemento nun sector onde hai moitos salarios que non chegan aos 1000 euros, de feito, no Concello de Betanzos a grande maioría do persoal laboral nunca chegou a ser mileurista.

 Unha das grandes novidades que nos presenta este documento oficial é que a promesa de que os cartos se ingresarían nun plan de pensións para o ano 2015 queda no aire sen concretar unha data e á espera de mellores tempos. A maiores, en todo o disposto, quedan colgados os convenios colectivos do persoal laboral e os días de asuntos propios dende 2013 serán só tres, así mesmo elimínanse os días a maiores por antigüidade nestes días e nas vacacións, medida que o goberno do PSOE no Concello de Betanzos xa tomou hai uns meses pola vía da Resolución. O Goberno tamén recorta o diñeiro que funcionarios e persoal laboral cobrarán durante as baixas temporais. 

Nos vindeiros días achegarémosvos información puntual sobre todo o que vai supor esta agresiva perda de dereitos para o persoal das Administracións públicas e informarémosvos do calendario de mobilizacións para defendermos os nosos dereitos, ante este desmantelamento das Administracións públicas os empregados públicos somos os primeiros que debemos saír á rúa defender os nosos dereitos.

Recomendámosvos a lectura do Título I "Medidas de reordenación e racionalización das Administracións públicas (páxinas 17-27).




BOE-A-2012-9364