17/02/13

Aberto o prazo para as revisións médicas


Logo de catro anos sen que o Concello de Betanzos realice as revisións médicas anuais pertinentes para os seus traballadores e tras moitas reunións e escritos por parte do Comité de Empresa a instancias da CIG, por fin vos informamos de que acaba de abrir o prazo para que todos/as os/as que queiran se inscriban para realizar as pertinentes revisións nas Oficinas Xerais do edificio Liceo. Aínda non sabemos cando terán lugar estas mais supoñemos que unha vez que se peche a lista o Concello comunicaralle aos traballadores e traballadoras interesadas o día, lugar e hora para se presentar.



14/02/13

A CIG DEMANDA A EQUIPARACIÓN DOS DÍAS DE PERMISO COA ADMINISTRACIÓN XERAL DO ESTADO


A CIG vén de solicitar que en aplicación da Resolución da Secretaría de Estado para as Administracións Públicas do 24 de xaneiro de 2013, se compensen no Concello de Betanzos os festivos que coincidan en sábado, e que para o ano 2013 deberíase compensar o 12 de outubro.

A Secretaría de Estado para as Administracións Públicas ditou o 24 de xaneiro de 2013 unha Resolución pola que no ano en curso se amplía nun o número de días de permiso para os empregados públicos no ámbito da Administración Xeral do Estado (AXE), en razón da coincidencia en sábado da festividade do 12 de outubro de 2013, ampliando o número total de días de permiso por asuntos persoais para o ano 2013. Dado que da citada Resolución da Secretaría de Estado para as Administracións Públicas se desprende que non existe con carácter imperativo na lexislación básica do Estado unha limitación a tres como máximo no número de días de permiso, desde a CIG demandamos a adopción no ámbito do Concello de Betanzos a mesma medida compensatoria xa implantada no ámbito da Administración do Estado.

Na Resolución, en concreto, indícase o seguinte con respecto ao sinalado:

O persoal ao servizo do Estado terá dereito a desfrutar dun día de permiso adicional durante o ano 2013, con motivo de coincidir en sábado o 12 de outubro, festa nacional de carácter retribuído, non recuperable e non substituíble polas Comunidades Autónomas.

Este permiso, atendendo ás necesidades do servizo, poderá desfrutarse individualmente ou acumularse tanto aos días de vacacións que se desfruten de forma independente como aos días por asuntos particulares.”


Podes consultar a Resolución da Secretaría Xeral do Estado aquí:

12/02/13

A patronal insulta aos empregados públicos


“Quizá es mejor ponerles un subsidio a los funcionarios a que estén en la Administración consumiendo papel, consumiendo teléfono y tratando de crear leyes” (Juan Rosell, presidente da CEOE)

Para facer o que fai este home, ben podería estar nas súa casa pero sen subsidio. Para o presidente da patronal o motivo da crise está claro: os traballadores queremos cobrar demasiado e traballar pouco, os parados son uns vagos e os funcionarios só estamos para “gastar papel e teléfono”. Desde a CIG esixímoslle una rectificación desta descualificación contra as persoas que facemos posíbel os servizos públicos con cada vez menos recursos.

O deste home xa non é novo, como tampouco o é a súa visión miope do que fai un traballador público. “Cantos funcionarios sobran”, lanzou cifras ao aire, “¿300.000? ¿400.000?”. Claro que sobramos funcionarios, sobramos funcionarios para meter as empresas dos seus amigos asociados a CEOE para facer o traballo que é noso: sanidade privada, ensino privado, servizos sociais privados... así lle vai ben señor Rosell?

 Quizais os que sobran nesta Adminstración nosa da Xunta de Galiza son algúns socios da Patronal, como son Plexus, Indra, Coremain, Altia, Atos Origin, Eulen, Clece, Fesán, Geriatros, Unisys, etc. Todas estas son empresas que, ou ben prestan Servizos Públicos de xeito directo ou colan asistencias técnicas pola porta de atrás. Non son 400.000 funcionarios os que sobran, os que sobran son estes patróns que teñen como único obxectivo o beneficio, pasando por riba de calquera dereito e conquista social se iso é necesario, e é o que está a pasar coa colaboración necesaria do goberno da Xunta, do goberno central e da Unión Europea.

Outra das perlas deste home na súa rolda de prensa de onte foi a seguinte:. “Estoy absolutamente convencido de que lo lía todo y al final sale una legislación tremendamente complicada y difícil. Parece que cobren cuanto más complicado sea”. Está claro que a este home lle molesta a lei, a normas e o todo control administrativo. En fin, non é de estrañar cando o predecesor na súa organización está acusado de varios delitos fiscais e moitos dos seus socios pasan máis tempo nos xulgados que nas súas empresas.

Que si señor Rosell, que “somos moi malos os funcionarios”, que “non facemos nada”, iso si, non renuncia aos millóns de euros de subvencións que se leva a súa organización de empresarios e que xestionamos os infieis funcionarios; non, neste sentido non lle fan noxos á xestión pública. Eses mesmos cartos de subvencións que moitas das empresas que representa fan mover despois en sobres entre Suíza e o partido do Goberno a cambio de contratos públicos e reformas laborais prêt-à-porter.


Anxo Anta en www.cigadmon.org

Centos de delegados/as da CIG mobilízanse contra os Orzamentos da Xunta e na defensa da negociación colectiva

Suso Seixo adiantou a posibilidade de convocar unha xornada de loita en abril e unha folga xeral en defensa dos convenios

Centos de delegados/as da CIG mobilizáronse nas sete cidades do país para rexeitar o “carácter antisocial” dos Orzamentos da Xunta de Galiza e en defensa da negociación colectiva como ferramenta para mellorar as condicións laborais. As protestas, que incluíron manifestacións, concentracións e peches en distintos edificios públicos, estiveron precedidas de asembleas nas que os representantes sindicais analizaron as contas públicas e os intentos de desmantelar a negociación colectiva.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, -que participou na mobilización da Vigo- aproveitou a asemblea de delegados/as para expoñer os motivos que levaron á central nacionalista a rexeitar os Orzamentos da Xunta para 2013, cifrados en 9.479 millóns de euros.

Seixo explicou que a importante redución que experimentaron dende o ano 2009 (de preto de 2.300 millóns) amosan ás claras a nula vontade do PP de reactivar a economía incrementando o investimento público.

“As contas públicas amosan as políticas do PP, unhas políticas que fan que en Galiza se superen nestes momentos os 300.000 parados, sen contar a xente que están en ERE ou os milleiros de mozos e mozas que teñen que emigrar”,incidiu.

Criticou que o Goberno galego siga a recorrer ao endebedamento, que esta ano se sitúa nos 1.475 millóns, dos que boa parte son para pagar os xuros. “Están a engordar os banqueiros mentres inciden nos recortes e na precarización dos servizos sociais”, censurou. Neste senso, denunciou que a Xunta aposta tamén no incremento dos impostos indirectos, como o IVE, “ao tempo que se nega a subirlle os impostos directos ao capital, á banca, e ás grandes empresas”.

O máximo responsábel da CIG lembrou que os ingresos vía impostos indirectos están a reducirse considerablemente porque os salarios son cada vez máis baixos e a taxa de paro non fai máis que medrar. “Como non ingresan por esta vía reducen o investimento público, o que fai que se entre nun círculo vicioso sen saída”.

Fronte a isto, Seixo aposta por aumentar o gasto público, subir os impostos directos e eliminar a fraude fiscal, ademais de crear unha banca pública que achegue financiamento a familias e pequenas e medianas empresas. “É preciso incrementar os salarios para que medre o consumo e se reactive a economía”.

Defensa da negociación colectiva

No que respecta á negociación colectiva, o secretario xeral da CIG lembrou que se trata dunha ferramenta fundamental para mellorar as condicións laborais. Neste senso, acusou á patronal de presionar ao Goberno para lograr que se lle dea prioridade aos convenios de empresa por enriba dos sectoriais, cando até o de agora non se podía pactar convenios por debaixo dos do sector).

“Tamén está a cuestión da ultractividade, polo que se a partir dun ano non se negociou un novo convenio vaise ao Estatuto dos Traballadores e ao Salario Mínimo Interprofesional”. Segundo denunciou, con estas modificacións pretenden unha redución de salarios dun 20-25%.

Diante disto, indicou que a CIG está intentando chegar a un acordo de mínimos con CCOO e UGT para que non se pacten convenios de empresa por debaixo dos sectoriais, que non se perdan convenios de sector de ámbito provincial e que se promovan os convenios de ámbito galego. “Non hai forma de que se comprometan, pero imos a seguir insistindo”.

Finalmente, adiantou que a central baralla convocar unha xornada de loita a finais de marzo ou a comezos de abril por todos os convenios que están sen negociar, xa que no mes de xullo quedarán sen vixencia. “Existe a posibilidade de que convoquemos incluso unha folga xeral en defensa da negociación colectiva”.


Anúnciase o inicio de accións legais para reclamar a paga extra do ano 2012


As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSI-F compareceron este luns para anunciar o inicio de accións legais conxuntas para reclamar a paga extra do ano 2012. A Área Pública da CIG subliña que actuará en todos os ámbitos nos que teña capacidade legal e agarda que coas accións xudiciais que se poñen en marcha en Galiza, tanto para o persoal laboral como funcionario,  os gobernos central e galego “tomen nota e rectifiquen canto antes repoñendo o dereito constitucional de todas as traballadoras e traballadores a recibiren a paga extra”

A Área Pública da CIG considera que os gobernos non deberían agardar a que os distintos xulgados ou organismos xudiciais vaian ditando sentenzas favorábeis nos distintos ámbitos no que se teñen que facer reclamacións.

Na rolda de prensa, as/os representantes sindicais das organizacións con presenza na Mesa Xeral de Negociación de todo o persoal da Xunta de Galiza, explicaron que o persoal laboral ten un ano para presentar as reclamacións por cantidades. En todo caso, subliñouse que conta co instrumento do Conflito Colectivo, que permite reclamar para todo o colectivo afectado e concede lexitimación para actuar aos sindicatos.

Por iso, e para utilizar a fondo todos os instrumentos posíbeis, anunciaron a presentación de conflito colectivo no ámbito do V Convenio Colectivo Único da Xunta de Galicia, salientando que neste momento existe xa a providencia  da Sala da Audiencia Nacional onde valora a posíbel inconstitucionalidade da Lei 20/2012 e unha sentenza da Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid na que se repón parte da paga extra. “Esa non é a sentenza que nós queremos, pero supón en todo caso un avance”, avaliou María Carme López Santamariña, portavoz da Área Pública da CIG.

No resto dos ámbitos estarán á espera de ver como van evolucionando as cousas en función dos pronunciamentos xudiciais que se vaian obtendo.

Máis complicado para o persoal funcionario

Para o persoal funcionario e estatutario a situación é moito máis complicada e os prazos máis longos, xa que se poden presentar reclamacións por un período de 5 anos. Porén, sinalaron que “os sindicatos non temos lexitimación para actuar en nome dos empregados e empregadas en reclamacións por cantidades. Isto pode facer que calquera acción desenvolta polas organizacións sindicais podería resultar non admitida por falta de lexitimación para actuar en nome dos recorrentes”.

Xunto a isto explicaron que están, por unha banda, os problemas das costas, que poden significar un grave castigo para o recorrente no caso de non ver aceptada a súa reclamación e, pola outra, o problema de que calquera reclamación terá efectos xeneralizábeis só para o ámbito territorial da sala que se pronuncie.

Por iso acordaron interpor demandas referidas a persoal funcionario da Xunta, SERGAS e Ensino nos distintos ámbitos. Serán presentadas, a título persoal, por representantes das catro organizacións sindicais, das que se fará constar a súa condición na presentación da demanda. Neste caso, primeiro presentarase unha reclamación previa e, esgotada a vía administrativa, irase ao contencioso. Intentarán que unha vez haxa unha sentenza favorábel, esta se estenda ao conxunto do persoal.

López Santamariña explica que a CIG, ausente da plataforma estatal, “adherirase aos conflitos colectivos que se vaian presentando e nos que teñamos presenza”.



08/02/13

Última información

Esta semana o concelleiro de Persoal recibiu ao Comité de Empresa que lle trasladou algunhas das inquedanzas que diversos traballadores lle fixeron chegar, nesta reunión informouse sobre varios temas entre eles algúns dos seguintes:

Axudas sociais 2012

As bases das últimas axudas sociais recollen que teñen que ser resoltas no primeiro trimestre do ano, e o Comité instou ao Concello a resolver este expediente canto antes e moito máis aínda tendo en conta que unha grande parte do persoal laboral do Concello de Betanzos non cobrou a paga extra. Por parte do Concello informaron de que que agardan pagar proximamente estas axudas e que lle pasarán a proposta aos representantes dos traballadores en breve, igualmente informou de que este ano a partida orzamentaria chega para cubrir todas as solicitudes realizadas e nun principio non haberá que facer deducións proporcionais como aconteceu o ano pasado.

O certo é que este tema en concreto foi fonte de múltiples conflitos no pasado, desde o coñecemento das contías por cada concepto a que tiñan dereito os traballadores que foi público por primeira vez grazas á CIG, ata o cobro das axudas sociais por parte da totalidade do persoal do Concello que foi unha reivindicación constante do novo Comité e que culminou en 2012 co recoñecemento do dereito ás axudas sociais do persoal subvencionado. Hai que lembrar que as axudas de 2010 se resolveron a finais de 2011 e que as do 2011 se resolveron bastante antes, non sen reticencias por parte do Concello, e que por fin os prazos e a convocatoria de resolución son públicos e deben cumprirse e no caso de non se facer así pódense tomar as medidas oportunas, isto non é máis que unha mostra de que este Concello traballa a marchas forzadas e se non hai ningunha forza que exerza presión nada se move mais que se os traballadores e traballadoras lle plantan cara e fan valer os seus dereitos á Administración non lle queda máis remedio que recuar antes ou despois e admitir os seus erros, tal e como xa ten feito.


Novo Regulamento

O Comité instou xa en varias ocasións por rexistro a negociar o novo regulamento e nesta reunión persoalmente indicoulle ao concelleiro a necesidade de non adiar máis esta negociación para logo utilizar como escusa que tampouco se podería aplicar en 2012. O Concello comprometeuse, unha vez máis, e a ver se esta é a de verdade, a convocar esta negociación, non obstante a escusa utilizada para demorar esta negociación é a falta dun informe da Asesoría xurídica, que xa comeza a ser demasiado recorrida nos últimos tempos.

Revisións médicas

Levamos un ano e medio preguntando por este tema e coa escusa de que se levaban sen facer dende hai catro anos demoráronse continuamente, non obstante, parece ser que nos vindeiros días comezarán a informar ao persoal sobre os prazos e xeito de inscrición para realizar as revisións médicas.

Salarios de tramitación adebedados

Logo de que a CIG se vise na obriga de presentar un recurso aos orzamentos recén aprobados, parece que o Concello deu a orde de comezar co trámite para pagarlle os salarios de tramitación adebedados aos seis traballadores despedidos de xeito improcedente hai case un ano. O certo é que é ben triste ter que ir ao xulgado para que o Concello se decida a cumprir unhas sentenzas mais o importante disto é que o Concello lle pague as débedas contraídas aos traballadores mencionados e parece que iso se producirá proximamente.

Documentación

Dende o Comité de Empresa tamén se lle lembrou ao Concello que ten moitas solicitudes de documentación pendentes, entre elas varios informes de horas extraordinarias, información sobre o tipo de contratos de todo o persoal laboral, documentación relativa ás axudas de custo e a salarios.

Relación de Postos de Traballo

Así mesmo, unha vez máis, os representantes dos traballadores trasladámoslle ao Concello a importancia de comezar a negociación dunha nova RPT e a nosa dispoñibilidade para o facer, lamentablemente, neste tema, ultimamente o Concello non parece estar moi interesado e vémoslle difícil solución inmediata pola escasa vontade amosada polo Goberno municipal especialmente nos últimos tempos con respecto a este tema.

Comité de Seguridade e Saúde

O Comité de Seguridade e Saúde non se chegou a constituír formalmente neste Concello, a pesar de que o Comité de Empresa xa hai máis dun ano que lle comunicou ao Concello os novos delegados de prevención, o certo é que este é un tema que xa leva máis tempo do desexable aparcado por iso o Comité instou ao Concello a que dunha vez por toda puxese en marcha esta organismo e se comezase a traballar pola mellora da saúde laboral nesta Administración. O certo é que este tema é moi importante, e po iso, dende a CIG instouse no propio Comité a que os delegados de prevención comecen a traballar sobre el de cara a achegar  propostas no momento en que se reúna o Comité de Seguridade e Saúde e ao longo deste ano agardamos tratar polo miúdo o tema da saúde laboral no Concello de cara a normalizar tamén a situación neste eido.










07/02/13

A CIG inicia os trámites para recuperar o dereito a voto na Mesa Xeral de Funcionarios

Logo do acontecido a semana pasada na Mesa Xeral de Funcionarios, a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos, solicitou este luns por rexistro unha certificación expedida polo secretario da Mesa Xeral de Funcionarios do Concello de Betanzos de todos os acordos adoptados pola devandita Mesa con motivo de emprender as accións legais oportunas ante a negación á Confederación Intersindical Galega do dereito a participar con voz e voto na dita Mesa Xeral de Funcionarios do Concello de Betanzos que tivo lugar o venres 1 de febreiro de 2013.

Agardamos que nas vindeiras semanas o Concello nos achegue a certificación para poder emprender as accións canto antes e recuperar un dereito que o sindicato maioritario que representa ao funcionariado, o CSIF, propuxo roubarnos con connivencia do Concello na Mesa Xeral de Funcionarios.

03/02/13

O Comité de Empresa acorda rexistrar unha queixa polas discriminacións xenéricas existentes nesta Administración

O Comité de Empresa por iniciativa da CIG, na súa reunión ordinaria do mes de xaneiro acordou por unanimidade presentar unha queixa no Concello pola denegación das conciliacións de varias compañeiras e polas desigualdades xenéricas existentes entre homes e mulleres.

Neste escrito, rexistrado a semana pasada o Comité expuxo como representantes dos traballadores viña observando reiterados incumprimentos do II Plan de Igualdade aprobado polo Concello de Betanzos en varios aspectos que atinxen directamente ao persoal laboral deste Concello e sobre os que se quere deixar constancia.

Unha das sete áreas de actuación do Plan é “formación, emprego e conciliación da vida laboral e familiar”, a maiores, entre os obxectivos principais destácanse “incorporar a perspectiva de xénero na política municipal e nas súas accións”, “reducir os desequilibrios no ámbito público e privado adecuando as estruturas do emprego e os servizos sociocomunitarios ás necesidades da vida persoal e familiar”. Tamén queremos lembrar que no propio Plan incorpóranse actuación concretas como a 1.4.6. “informar periodiodicamente aos persoal municipal das novidades en materia de dereitos laborais e facilitar a conciliación da vida laboral e familiar”, a 2.1.2. “difusión da importancia do desenvolvemento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar”, 2.1.3. “impulsar a igualdade de trato nas relacións entre membros da administración” ou 2.1.4. “amosar boas prácticas sobre a presenza das mulleres no Concello”.

Pois ben, logo de facer un repaso a algunhas das actuacións que están orientadas cara ao persoal do propio Concello consideramos que o Concello está a incumprir o Plan de Igualdade nalgúns dos seus puntos e por ese motivo queremos deixar constancia da queixa do Comité de Empresa do persoal laboral con respecto a estas cuestións. Esta Plan foi presentado no ano 2012, o mesmo ano en que a tres compañeiras laborais deste Concello se lles denegou un horario que permitise conciliar a vida laboral e familiar pola vía da non resposta. En varias ocasións o propio concelleiro de persoal mesmo lles dixo a algunha das afectadas que lles responderían á súa solicitude mais a día de hoxe tal feito non se produciu e o Concello denegou a varias traballadoras unha modificación horaria por conciliación. Isto, a maiores, pode contrarrestarse con que hai outro persoal que semella ter un horario diferente ao xeral indicado no convenio colectivo por conciliación aínda que non teñamos constancia de que se solicitase polo procedemento oportuno, o que supón unha dupla discriminación para as traballadoras afectadas posto que non é só que llo deneguen a todas as que o solicitan por escrito senón que hai persoal en situacións semellantes que parece ter o dereito. Todo o indicado incumpre claramente os puntos 2.1.2. e 1.4.6. do Plan de Igualdade.

A maiores, consideramos que se incumpren tamén os puntos 2.1.3. e 2.1.4. posto que no Concello de Betanzos hai indicios de discriminación xenérica entre o propio persoal desta Administración, que deberían ser analizados, estudados e solucionados polo Concello. A grandes trazos, advertimos claras discriminacións salariais en función do xenéro entre persoal de similar categoría e con semellantes funcións que están reflectidas na propia Relación de Postos de Traballo existente, onde as mulleres teñen adxudicados os complementos específicos máis baixos de todas as categorías profesionais que teñen ocupados postos por mulleres, e mesmo no caso de encargados e directores fronte a encargadas e directoras de servizos hai unha diferenza abismal nas retribucións dos postos por semellante responsabilidade. Igualmente, as mulleres ocupan moitos menos postos de dirección que os homes entre o persoal do Concello e ocupan postos relacionados na maioría dos casos con profesións feminizadas.

O Comité indicoulle, neste escrito dirixido ao alcalde, que debido a todo o sinalado considera que o Concello de Betanzos debería ter en consideración as queixas do Comité de Empresa polo incumprimento do Plan e buscar vías de solución que avalen un verdadeiro compromiso coa igualdade de xénero entre o propio persoal da Administración.

Así mesmo, ademais de entregalo no Rexistro Xeral acordouse enviar á queixa á caixa de correo da igualdade que o Concello creou para recibir suxestións, achegas ou comentarios sobre o devandito Plan.

O Concello róuballe á CIG o dereito a voto na Mesa Xeral de Funcionarios

O pasado venres 1 de febreiro estaba convocada a Mesa Xeral de Negociación de Funcionarios con motivo da negociación do seu acordo regulador. A CIG como sindicato foi convocado á devandita Mesa posto que a negociación do funcionariado é en todo caso cos sindicatos mentres que o do convenio do persoal laboral ten que ser exclusivamente co Comité de Empresa. 

Nada máis chegamos o CSIF fixo unha proposta saltándose por completo a orde do día e co consentimento do Concello, que a CIG non tivese dereito a voto na Mesa Xeral de Funcionarios porque ao parecer estaban anoxados porque a negociación de laborais ía bastante por diante que a do funcionariado e, a maiores, como quixeran ter na constitución da Mesa Xeral de Negociación unha representatividade que non lles correspondía, e o Concello recuou para seguir o marcado pola lei.

Dende a CIG ficamos abraiados ante a pretensión do CSIF apoiada polo Concello de excluír a un dos sindicatos máis representativos da Mesa Xeral de Negociación chegando a un acordo que non só semella ilegal senón que ademais vai na contra dun acordo ao que se chegara na constitución desta mesma mesa o 8 de febreiro de 2012. A propia acta desa reunión que se lle achegou á CIG xunto coa convocatoria indica que a representación da Mesa Xeral de Funcionarios quedaba constituída en función da representatividade neste sector, por iso o CSIF tería 3 votos, CCOO 2 votos e a CIG 1 (UGT nin sequera asiste a este órgano por iso nin se menciona). Por parte da CIG simplemente lle deixamos claro ao Concello que nesa negociación a CIG tiña que ter dereito a voz e voto e que o resto acordasen o que estimasen oportuno que nos tomaríamos inmediatamente as medidas que nos vemos na obriga de tomar. A partir dese momento abstivémonos de comentar nada porque o CONCELLO NOS ROUBOU O DEREITO A VOTO, nin sequera nos deixou claro en calidade de que nos convocaran á reunión.

Para resumir:

-O Concello convoca á representante da CIG á Mesa Xeral e lle rouba o dereito ao voto.
-O Concello vai contra os acordos das sesións da Mesa Xeral.
-O sindicato maioritario que representa aos funcionarios non quere saber nada do persoal laboral e pretende excluír aos representantes deste dos órganos de negociación aos que lexitimamente pode acudir.


Por parte da CIG temos claro o que temos que facer ante un Concello ao que non lle gusta a democracia e que pretende roubarnos o dereito ao voto, tristemente non é a primeira vez que acontece algo semellante, casualidade ou non, parece que sempre é ao mesmo sindicato ao que se lle pretende roubar o dereito ao voto, quitar a representatividade que lle corresponde, non permitirlle facer o seu traballo ou achegar documentación tarde, mal e arrastro.

E xa van 10 000 visitas!

O pasado venres este blog sobrepasou as 10 000 visitas o que o confirma como unha ferramenta necesaria na información do persoal do Concello de Betanzos. 

Dende a Sección sindical da CIG queremos agradecer a fidelidade aos seus lectores e lectoras polo seu incodicional seguimento e por demostrarnos a necesidade das nosas ferramentas informativas.

O piar en que historicamente se baseou o perverso entramado laboral deste Concello fora, desde sempre, a desinformación entre os traballadores e traballadoras, especialmente entre o persoal laboral, e consideramos que no proceso de recuperación da democracia, cando menos informativa, xogou un papel fundamental este espazo na rede, isto confírmannolo día a día as visitas que recibe e dan folgos para continuar con este traballo inxente mais gratificante.

Por todo isto, unha vez máis, grazas a todos aqueles e aquelas que nos ledes porque sodes os que facedes posible esta ferramenta informativa!