12/08/13

Apróbase o calendario laboral de Galiza para o 2014

No Consello da Xunta do 1 de agosto aprobouse o calendario laboral de Galiza para 2014. Dos 9 festivos do estado español, 9 son de carácter obrigatorio e 3 poden ser substituídos polas comunidades autónomas, aínda que tradicionalmente estes 3 nunca son cambiados por Galiza, xa que son o 6 de xaneiroXoves Santo e o Día de Galiza.
Soamente cando algún dos 9 festivos obrigatorios coincide en domingo, a Comunidade Autónoma pode substituílo polo luns seguinte, ou ben por outro día de interese. De cara ao próximo ano, é o caso do 12 de outubro, que se substitúe polo 17 de maio, Día das Letras Galegas (sábado).
A maiores destes festivos o Concello de Betanzos terá que aprobar os días festivos da propia localidade, que se sumarán os indicados abaixo.

Calendario laboral ano 2014
FESTIVIDADE
Aninovo 1 de xaneiro
Día de Reis 6 de xaneiro
Xoves Santo 17 de abril
Venres Santo 18 de abril
Festa do traballo 1 de maio
Día das Letras Galegas 17 de maio
Día nacional de Galiza 25 de xullo
A Asunción 15 de agosto
Todos os Santos 1 de novembro
Día da Constitución 6 de decembro
A Inmaculada 8 de decembro
Nadal 25 de decembro




Os cambios introducidos na reforma laboral deterioran aínda máis os dereitos da clase traballadora

Múdanse aspectos referidos á negociación dos EREs ou cuestións relativas ao desemprego

O pasado venres, o Consello de Ministros presentaba, máis unha vez vía Real Decreto Lei, unha serie de “melloras técnicas” na reforma laboral que veñen deteriorar aínda máis as condicións laborais das traballadoras e traballadores. Así o explica Luís Burgos, do Gabinete Técnico da CIG, que vén de facer unha análise do seu contido e alcance.

Hai oito días que CCOO e UGT pactaron co Goberno do PP a translación normativa da Sentenza do Tribunal Constitucional ( STC 61/2013, de 14 de marzo) que declaraba nula e inconstitucional  a regra de cómputo dos períodos de carencia necesarios para acceder a unha pensión de xubilación aplicada ás persoas que traballan a tempo parcial. Esa regra declarada nula por atentar contra o dereito á igualdade e por discriminación indirecta por razón de sexo, en canto afecta fundamentalmente ás mulleres,´tamén fora pactada por CCOO e UGT no ano 1998.
Agora, por fin, cando xa non tiñan outra posibilidade, intentan establecer que as persoas a tempo parcial poidan acceder ás correspondentes prestacións económicas en igualdade de condicións coas persoas traballadoras a tempo completo. Era hora.
Pero o Consello de Ministros do día 2 de agosto aproba un Real Decreto-Lei  (RD-L 11/2013) que non só incorpora ese Acordo, senón que introduce unha serie de “melloras técnicas” na reforma laboral que veñen a ser unha nova volta de torca contra a clase traballadora.
En primeiro lugar, para negociar os EREs, as medidas de mobilidade xeográfica ou de modificacións substanciais, constituirase só unha mesa negociadora, aínda que afecte a varios centros de traballo. Así forzan unha negociación centralizada e centralista, facilitando a integración, en caso de acordo, dun centro de traballo rebelde, por exemplo, porque a CIG é maioritaria. Ademais, establécese un número máximo da Comisión Negociadora de 13, en representación do persoal. Se non se constitúe, o período de consultas non se paraliza e o tempo sigue contando. A Empresa comunica á representación sindical “de forma fehaciente” que vai realizar un ERE e desde entón dáse un prazo xeral de sete días para que se constitúa a Comisión Negociadora e a partir de aí empeza a contar o prazo do período de consultas.
En segundo lugar, cando se trate dun despedimento colectivo dunha empresa pertencente a un grupo, só terá que presentar as contas consolidadas cando a sociedade dominante ou principal teña o seu domicilio no Estado español, o que favorece ás multinacionais estranxeiras.
En terceiro lugar, como nalgúns casos os tribunais viñan declarando nulos os despedimentos porque a empresa negociaba de mala fe e mesmo ocultaba información relevante á representación sindical, agora limítanse as causas de nulidade. “Unicamente” poderán ser declarados nulos se non houbo período de consultas, non se entregou a documentación legalmente prevista ou vulneráronse dereitos fundamentais. As empresas saben agora que negociar de mala fe non pode ser sancionado polo xuíz coa nulidade e, ademais, que un despedimento colectivo que non cumpra as causas económicas, produtivas ou organizativas alegadas poderá ser declarado improcedente pero non nulo.
En cuarto lugar, limítase notablemente a posibilidade de reclamar individualmente contra os despedimentos colectivos. A norma precisa que terá efecto de causa xulgada tanto a sentenza como a conciliación e por iso as demandas individuais deben basearse en aquelas cuestións  de carácter individual que non fosen obxecto da demanda colectiva.
Neste Real Decreto-Lei  tamén se modifican cuestións relativas ao desemprego, de forma que se estás en paro e saes máis de 15 días ao estranxeiro, perdes a prestación. Porén, establécese como suposto de suspensión da prestación a estancia no estranxeiro ate un período de 90 días, ou ben o traslado de residencia ate 12 meses, para a busca de traballo, que ven sendo unha medida de fomento da emigración.
En definitiva, unha reforma da reforma, máis fonda do que a primeira vista parece, e que atenta aínda máis contra os dereitos dos traballadores e traballadoras.
Luís Burgos Díaz
Gabinete Técnico de CIG







A CIG denuncia ao Concello de Betanzos na Inspección de Traballo por un posible caso de cesión ilegal de traballadores

A Confederación Intersindical Galega vén de pór en coñecemento da Inspección de Traballo o caso dunha traballadora que hai meses ten un despacho na Casa do Concello sen que o Comité de Empresa teña coñecemento da existencia dun contrato. Antes de asistir á Inspección de Traballo o propio Comité de Empresa preguntou no Departamento de Persoal polo tema, onde informaron sobre a inexistencia dun contrato laboral por parte do Concello coa propia traballadora. O tema foi tratado tamén nas reunións do Comité de Empresa e solicitóuselle información ao propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, que indicou que en Xunta de Goberno Local se aprobou a contratación dunha empresa coa que tiña vinculación laboral a devandita traballadora.

Dende a CIG decidimos asistir á Inspección de Traballo para que adopte as medidas oportunas para aclarar a situación da traballadora por se puidese existir algún tipo de cesión ilegal de traballadores, totalmente prohibida segundo o Estatuto dos Traballadores. Ademais, queremos denunciar publicamente o grao de privatización ao que se está chegando no Concello de Betanzos, cando nas propias oficinas municipais traballa persoal de empresas privadas, utilizando instalacións e recursos públicos e recibindo ordes de persoal do Concello.


A maiores, e a todo isto se suma que o Concello non cubre as baixas de servizos básicos da Escola Infantil Municipal ou limpeza ou négase a pagarlle as horas extras a algúns traballadores, unido a un grande número de vacantes por xubilacións en distintos departamentos que o goberno local se nega sistematicamente a cubrir e que está a provocar sobrecarga de traballo nalgúns sectores de persoal laboral. A CIG decidiuse a denunciar porque considera vergoñento que non haxa cartos para o emprego público e se meta a dedo nas oficinas municipais persoal de empresas privadas, e entendeu que esta situación debía porse en coñecemento da Inspección de Traballo provincial para que tomase cartas no asunto.

07/08/13

Previsibles solucións a conflitos históricos do persoal laboral do Concello de Betanzos, vaise demostrando que as mentiras, por moito que se repitan, non deixan de ser mentiras

Recentemente algúns representantes do persoal laboral soubemos por compañeiros que o Concello pretende poñerlle fin a unha discriminación histórica en materia de retribucións, o non pagamento dos trienios ao persoal subvencionado. É case normal, que a pesar de que o Comité de Empresa ten denunciado por rexistro en múltiples ocasións esta situación, o Concello non lle comunicase ao propio Comité sen el preguntar polo tema, e dicimos que é case normal porque é ben sabido que darlle a razón aos representantes do persoal e aos propios traballadores non é prato de bo gusto para o Concello de Betanzos, e menos para quen leva anos asesorando e informando para que esta discriminación se perpetuase.

Somos conscientes tamén de que a bondade do Concello non é tal, simplemente é unha resposta a unha situación completamente insostible que está denunciada por rexistro, sobre a que a CIG sacou o tema en todas as Mesas de negociación existentes e que mesmo ficou reflectida no recurso presentado pola CIG aos orzamentos do ano 2012 que foi admitido a trámite polo Tribunal Superior de Xustixa de Galiza. As reclamacións por vía xudicial deste problema retributivo non farían máis que agrandar a carteira de xuízos que en materia de persoal tivo este Concello dende que a CIG ten a maioría no Comité de Empresa e parece, que por fin, está a entrar en razón e decatarse de que as mentiras, por moito que se repitan seguen sendo mentiras.

Mentira n.º 1: o persoal non permanente non ten dereito a días de asuntos propios

Logo de que ao propio secretario do Comité, antes de despedilo, lle denegase por escrito o Concello a través de dúas notificacións o dereito ao desfrute dos días de asuntos propios que lle correspondían, amparado non só polo propio convenio colectivo senón tamén polo mesmo Estatuto do Empregado Público, sobre o que, ao parecer, daquela se informaba que non era de aplicación para o persoal laboral, de súpeto, á terceira foi a vencida e si que o persoal subvencionado tiña dereito a estes días. Cómpre engadir que tamén que isto non lle acontecía a todo o persoal subvencionado e ás veces parecía máis un despropósito de nomes e apelidos que doutra cousa.

Mentira n.º 2: o persoal non permanente non ten dereito a axudas sociais

Dende que entrou este Comité non parou o Concello que segundo o convenio colectivo non era de aplicación ao persoal con contrato ao abeiro de subvención o artigo das axudas sociais e baseándose niso durante anos houbo a quen llas denegaron pola vía da non resposta e houbo quen nin as solicitaba porque xa lles dicían directamente que non tiñan dereito. Por parte da CIG dende o primeiro momento tivemos claro que esa decisión era arbitraria e caprichosa e quen informaba ao goberno municipal de tal non tiña máis que unha vontade de discriminación e crispación, e de gardar os cartiños para un número inferior de traballadores, que sempre daba para máis. Pois unha vez máis, e logo de moitos conflitos, chegaron novos informes que contradicían os de anos anteriores e que amparándose na lexislación existente (a mesma que a CIG mencionada nos seus rexistros) admitían o dereito que todo o persoal laboral do Concello de Betanzos, independentemente do contrato, tiña a acceder ás devanditas axudas.

Mentira n.º 3: o persoal non permanente non ten dereito ao cobro dos trienios

Hai anos que esta mentira está espallada no Concello de Betanzos, e o que é peor que de tanto repetila o argumento de que o persoal subvencionado estaba fóra do ámbito de aplicación no convenio xa se tomaba como normal, de feito ningún persoal afectado denunciou ao Concello por este motivo a pesar de ser plenamente consciente de que estaba a ser discriminado e coidamos que a primeira vez que isto chegou ao tribunais foi nas alegacións presentadas aos orzamentos pola CIG. Aínda así, dende a CIG rexistramos en múltiples ocasións escritos, mesmo argumentando cos propios informes do persoal municipal e denunciamos a inxustiza que isto supuña, máis aínda cando os últimos informes municipais sinalaban o que defendiamos nós, que non se podía discriminar ao persoal en función do súa relación contractual co Concello. Ademais, nos últimos tempos, sempre que o Concello falaba dos informes municipais nas propias Mesas Xerais botabámoslle en cara que os aplicaban cando lle viña en cara e non os usaban para pagarlle os trienios ao persoal que llos adebedaban, a situación chegaba a ser insostible, porque os argumentos eran débiles e sen base.

Logo de todo o acontecido semella, ou cando menos iso di, que o Concello lle vai pagar ao persoal subvencionado os trienios e recoñecer a antigüidade nas retribucións, se finalmente isto é así, tal e como informou o concelleiro de Persoal aos representantes do persoal laboral logo de lle preguntar polo tema, este feito desmontaría a terceira das mentiras sobre este dereito e tería cambiado os informes do persoal municipal nos que tantos anos se levan baseando os distintos gobernos que promoveron e permitiron esta discriminación.


Todo isto vennos a demostrar varias cousas, que todos aqueles que nos dicían que escusabamos loitar sindicalmente porque neste Concello non había amaño estaba equivocados e simplemente pretendían disuadirnos no noso empeño por diversos intereses; que as mentiras, por moito que se repitan, non deixan de ser o que son, mentiras; que os informes cambian, a pesar de que a lexislación non mude, e iso dálles cada día menos credibilidade a quen os fai e a quen se ampara neles, e que, aínda que os resultados non sempre sexan todo o satisfactorios que quixésemos os traballadores temos (aínda) ferramentas legais que podemos e debemos utilizar cando vemos vulnerados os nosos dereitos, por moito que os resultados se vexan a longo prazo.

Sete meses para responder a unha solicitude da CIG, debe ter moito traballo o concelleiro de Persoal


Uns meses despois nunha Mesa Xeral de Negociación o concelleiro de Persoal indicou que a CIG o solicitara e que, nun principio, non habería problema, mais non chegou a ningún acordo en concreto na devandita Mesa nin a día de hoxe se publicou ningunha Resolución da Alcaldía onde se indica nada ao respecto e o que é peor SETE MESES DESPOIS A CIG SEGUE SEN RESPOSTA, e moito nos tememos que até uns días antes do día que podería ser compensado non se informe ao persoal, coma sempre, tarde, mal e arrastro e cos problemas que iso supón especialmente en departamentos en que o persoal se distribúe en quendas.

Non é menos certo que hai delegados sindicais que representan a funcionarios que dan por feito a existencia dun día máis libre e mesmo informan de tal, mais, como sempre, o que está escrito existe e o que non é susceptible de non facelo, por tanto, mentres non haxa comunicación por escrito nós estamos informando a todo o persoal de que está solicitado mais non acordado nin resolto e non se debería solicitar porque pode ser denegado (non é a primeira vez que se denega o dereito a un desfrute semellante cunha notificación a un traballador), aínda así e no caso de que saibamos que este dereito xa o está a desfrutar o persoal funcionario cando ao persoal laboral aínda non se lle concedeu iniciaremos todas as reclamacións pertinentes que consideremos oportunas por discriminación laboral.



O PLENO ACORDA POR UNANIMIDADE PRORROGAR POR UN ANO A VIXENCIA DO CONVENIO COLECTIVO LOGO DA PROPOSTA DO COMITÉ DE EMPRESA

Logo de case dous anos de negociación, os peores prognósticos fixéronse realidade e dende o pasado luns millóns de traballadores, entre eles o persoal laboral do Concello de Betanzos, quedamos sen convenio. A reforma laboral do Partido Popular tiña entre os seus principios acabar de raíz co conseguido pola negociación colectivo, por iso fixaba nun ano o prazo para negociar os convenios que tiñan unha data de caducidade e eliminaba a aultraactividade e a posiblidade prórroga inmediata destes, que no caso do convenio do persoal laboral do Concello de Betanzos levaba anos e anos sendo prorrogado, posto que a vixencia contemplada finalizou o 31 de decembro de 2006, e segundo a nova norma e desde a entrada en vigor desta o prazo de negociación era limitado.o un novo convenio antes da reforma laboral e moito máis aínda neste ano que vai para atrás.

A finais de 2011, en cumprimento do programa de traballo co que a Sección sindical da CIG se presentou nas eleccións sindicais de 2011, o convenio foi denunciado para tentar conseguir un marco normativo novo para os laborais e adecuado aos tempos e foron moitos meses os que pasaron ata o que o Concello se dignou a constituír a Comisión Negociadora do convenio, xa daquela comezamos a pensar que a vontade de negociación do Concello era máis ben pouca. Uns meses despois aprobaríase a reforma laboral que marcaba un ano de prazo para a negociación e a cousa seguiu igual, escasas reunións, traballo atrasado e pouca vontade negociadora e dende iso chegamos ata este punto onde o goberno municipal foi quen de deixar sen marco normativo ao persoal laboral do Concello co que iso supón tento en conta que ten feito ao longo deste tempo unha aplicación limitada do Estatuto Básico do Empregado Público e admite que para os laborais habería que recorrer ao Estatuto dos Traballadores, poñéndonos, unha vez máis, por baixo do funcionariado tamén en dereitos.

Dende a CIG temos denunciado en múltiples ocasións a paralización da negociación, mais pouco se puido facer ante un goberno que se ampara en que as medidas do PP dificultan a negociación colectiva mais que puido mesmo ter acordado un novo convenio antes da reforma laboral e moito máis aínda neste ano que vai para atrás.

Ante este complexo panorama e como última vía, á vista de que a negociación segue paralizada, dende a CIG decidimos propoñer ao Comité que este lle achegue unha proposta de acordo expreso ao Concello para manter a vixencia do Convenio actual en tanto proseguen as negociacións dun novo convenio e mentres este non entre en vigor como unha posible medida para intentar paliar as consecuencias do acontecido e así se fixo.

O Concello unilateralmente decidiu non levar exactamente a proposta do Comité de Empresa senón unha semellante, e esta foi aprobada por unanimidade por todos os grupos políticos para prorrogar por un ano a vixencia do convenio colectivo. A proposta do Comité pretendía que o convenio estivese vixente ata a aprobación e entrada en vixencia dun novo convenio, mais o Concello, sen nin sequera informar aos representantes do Persoal decidiu levar a pleno unha proposta diferente e só prorrogalo por un ano, agardamos que isto se deba a que pretendan negociar inmediatamente este convenio e non ter un as debaixo da manga para amedrentar continuamente ao persoal laboral. A isto hai que engadirlle que o Pleno simplemente debe ratificar os acordos da Comisión Negociadora do Convenio, que é o organismo que debería ter sido convocado a tal efecto e non foi, mais como ben sabemos, e como quedou demostrado hai xa case un ano co tema da RPT o Concello adoita dar paus de cego nos procedementos de negociación porque nunca houbo até o momento unha negociación ao abeiro da lexislación e nin o goberno nin o persoal que o asesora parece saber como se leva adiante unha negociación que non poida dar lugar a reclamacións sobre a forma por parte dos representantes do persoal.


Hai que destacar que todos os partidos remarcaron a pouca vontade de negociación do Concello, xa denunciada polo Comité de Empresa cando logo de dous anos as negociacións o certo é que non van moi avanzadas, e non hai que esquecer tampouco que a negociación para os laborais corría por bo camiño ata que o sindicato que representa maioriamente a funcionarios se queixou por este feito nunha Mesa de Negociación e a partir dese momento esta xa se paralizou de xeito substancial.

Responsabilidade solidaria da empresa titular e transportista

ACCIDENTE LABORAL

O traballador perdeu o equilibrio e caeu ao chan dende uns 3,5 metros de altura, as secuelas do accidente producíronlle incapacidade permanente total por accidente de traballo. O xuíz condenou á empresa titular do centro de traballo e á empresa contratista como responsables solidarias do devandito accidente.
O 18 de xuño de 2008 o traballador da empresa Honorio Vega SL acudiu ao centro de traballo da empresa Metalúrxicas Garcimor SL co fin de recoller determinada carga de ferralla e transportala nun camión de Honorio Vega SL a unha localidade de Castelló. Na prestación do servizo de transporte por parte de traballadores dependentes de Honorio Vega SL, persoal de Metalúrxicas Garcimor SL cargaba o material a transportar na caixa do camión pertencente a Honorio Vega SL.

Os camións contaban cunha plataforma instalada na parte traseira da caixa, dotada de varanda, dende a que o condutor, colocado á altura do bordo superior traseiro da caixa, accionando unha manivela volteaba o dispositivo de recollida do toldo, de maneira que se despregaba e estendía ao longo da caixa e cubría a carga evitando desprendementos durante o transporte. Ese procedemento de toldado non resultaba posible cando a carga superaba a altura da caixa do camión, supostos nos que o traballador por conta de Honorio Vega SL se vía obrigado a subir á caixa e desprazarse por enriba da carga, para correr a man e tensar axeitadamente o toldo, sorteando os enganches coa carga.


O 18 de xuño de 2008 un traballador, unha vez cargada a caixa do camión viuse na necesidade de subir e colocarse sobre a carga para estender o toldo, dado que as pezas sobresaían da altura da caixa do camión e estaban incorrectamente distribuídas. Nesa situación o traballador perdeu o equilibrio e caeu ao chan dende uns 3,5 metros de altura, as secuelas do accidente producíronlle incapacidade permanente total por accidente de traballo. O xuíz condenou á empresa titular do centro de traballo e á empresa contratista como responsables solidarias do devandito accidente.

Fronte á sentenza de instancia que estima en parte a demanda do actor en reclamación de danos e prexuízos derivados de accidente de traballo, interpoñen recurso a representación letrada da Entidade Aseguradora Allianz, S.A. e a da empresa codemandada Honorio Vega.

Engade o recurso que a empresa non lle obrigaba a subirse ao camión para poñer o toldo de forma inadecuada pois se a carga estaba mal habería de ser a empresa cargadora a que realizase as correccións necesarias para que a carga estivese ben e en todo caso dotar ao traballador dos medios seguros para facelo como é a colocación de pasarelas ou arnés de seguridade e doutro lado que a vixilancia que pode exercer a empresa se ve claramente limitada neste caso xa que a carga se realiza nun centro de traballo situado a centos de quilómetros das instalacións de Honorio Vega.

Finalmente consta no relato fáctico que na avaliación de riscos laborais de Honorio Vega, S.L., figura a caída a distinto nivel, como un dos riscos previstos no posto de traballo de condutor cando houbese que subir á caixa do camión e a prevención estimada pasaba por estudar a posibilidade de colocar algún medio para evitar a caída, habilitar un posto de ancoraxe fixo e seguro para ancorar o mosquetón de seguridade con corda de menos de 1 cm de lonxitude e arnés e que se ben entre ambas as dúas empresas se cruzaron documentos relativos á prevención de riscos laborais, Honorio Vega, S.L. non solicitou á empresa principal as regras de seguridade nin se informara das medidas que aplicaba Garcimor, S.L.
Conclúese con que o accidente é tanto froito do incumprimento da empresa principal da súa obriga de proporcionar medios preventivos tamén desta última (empregadora do actor) que soubo do risco e o consentiu posto que era coñecedora das condicións en que se vía obrigado aquel a colocar o toldo.
Fonte: http://portaljuridico.lexnova.es


A CIG denuncia que a reforma laboral serviu unicamente para destruír e precarizar o emprego

A central sindical rexeita a valoración positiva presentada polo goberno e reclama a súa derrogación

Fronte ás afirmacións da Ministra de Emprego, Fátima Báñez, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, de que a reforma laboral conseguiu reducir o incremento do paro e de que se está a cumprir o seu obxectivo inicial, a CIG denuncia que só serviu para precarizar o mercado laboral e proporcionar man de obra barata á patronal. Após ano e medio da súa entrada en vigor, a central sindical entende que esta reforma non só non axudou á creación de emprego, senón que, pola contra, provocou un aumento dos despedimentos por causas obxectivas; facilitou que se cambiase o traballo fixo por temporal; fixo diminuír os salarios; supuxo un ataque sen precedentes á negociación colectiva e, polo tanto, mudou traballo con dereitos por outro en precario.

A CIG denuncia que pese a que o goberno enmarcou a reforma laboral dentro dun conxunto de medidas postas en marcha como suposta reacción á crise, o que supuxo foi un durísimo ataque ás condicións de vida da clase traballadora, un escoramento do estado aos intereses do capital, un ataque frontal ao traballo, e un recorte nos salarios das traballadoras e dos traballadores.

Así, tal e como amosan os datos da Enquisa Anual de Custe Laboral publicada polo INE, o custo neto total por traballador/a baixou preto dun 3,3% en Galiza (caendo até os 26.506,63€), mentres que no conxunto do estado español caeu un 0,7€% (30.667,43€).

A reforma laboral non só non puxo freo aos despedimentos, senón que supuxo un aumento de máis do dobre dos ERES aprobados no ano 2011, unha maior flexibilidade da regulación laboral, a favor da empresa, ampliando o poder discrecional da patronal na xestión e os tempos de traballo, ao tempo que debilitou a negociación colectiva.

Supuxo sacrificar o dereito da conciliación da vida laboral coa familiar, ao facilitar ao máximo a flexibilidade da xornada en interese da empresa. Permitiu o recurso ás horas extraordinarias no tipo de contrato a tempo parcial, dándolle carta branca ao empresariado para que fixe e distribúa a xornada, dándolle prioridade a un tipo de contrato precario como instrumento de creación de emprego (iso si de baixo custe) en detrimento da visión deste contrato como unha fórmula para facilitar a conciliación.
A reforma laboral acometeu un ataque sen precedentes a un dereito que até o de agora tiñan en exclusiva as traballadoras e os traballadores, respecto da redución da xornada para atender ao coidado das crianzas a cargo, á hora de poder adaptar o seu horario de traballo ás súas circunstancias persoais e familiares.
Puxo en risco o permiso de lactación, ao introducir a posibilidade de que os convenios ou razóns produtivas ou organizativas limiten o dereito a poder desfrutar do permiso de forma acumulada á baixa de maternidade.
A reforma supuxo a diminución do custe do despido procedente, e con isto, que moitos traballadores e traballadoras foran botados á rúa, logo de estar toda a vida traballando, cunha indemnización de tan só 20 días por ano traballado, o cal condicionará non só a remuneración do seu despedimento, senón tamén a súa futura xubilación, dado que moitos e moitas traballadoras de 50 anos,  non van poder acceder á xubilación contributiva, por non ter a idade suficiente, e non van poder retornar ao mercado laboral, por razóns de idade.

O contrato de emprendedores/as laudeado polo goberno empregouse para cambiar traballadores e traballadoras maiores por mozos e mozas, e a indefinidos/as por temporais.

Para a CIG todos estes datos amosan por si sos que a reforma laboral non creou emprego, e xunto coa recesión económica, e os recortes en servizos públicos postos en marcha polo goberno baixo a escusa da austeridade, provocouse unha precarización sen precedentes das condicións sociolaborais das galegas e dos galegos, mentres que as rendas empresariais aumentaron de forma escandalosa até superar, por vez primeira na historia, a masa de remuneración de asalariados e asalariadas, o cal amosa o transvase de riqueza da clase traballadora á empresarial.

A CIG denuncia, unha vez máis, que este incremento das desigualdades sociais e de concentración da riqueza en mans de oligarcas e especuladores vén provocada polas políticas económicas dos gobernos do PP no estado e na Xunta. Políticas como a reforma laboral e a da negociación colectiva, adoptadas co pretexto de superar a crise e crear emprego, pola contra, xeraron e están a xerar unha fortísima destrución de emprego e unha escandalosa caída dos salarios.

Ante esta situación, a CIG exixe un cambio inmediato nas políticas económica, fiscal e laboral, para que se favoreza realmente a creación de emprego.


A central sindical tampouco comparte a valoración que sobre os datos do paro fixo Báñez e lembra o deterioro de todos os indicadores do mercado laboral nu contexto socioeconómico que impide albiscar unha pronta creación de emprego e a efectiva saída da crise.

Confírmase que a asistencia sanitaria xa non é nin gratuíta nin universal

CIG-Saúde denuncia a exclusión do sistema de inmigrantes ou maiores de 26 anos que non teñan cotizado e non figuren como beneficiarios dalgunha persoa asegurada

Colectivos como inmigrantes ou maiores de 26 anos que non teñan cotizado nunca e non figuren como beneficiarios/as dalgunha persoa asegurada, non sendo que as persoas nestas situacións paguen unha contraprestación económica no momento de acceder á asistencia quedan, na práctica, sen posibilidade de asistencia sanitaria. Así o denuncia CIG-Saúde que considera que, deste xeito, remátase co modelo sanitario público, gratuíto e universal.
O pasado sábado publicábase no BOE o Real Decreto RD 576/2013, que modifica o Real Decreto 1192/2012 (polo que se regula a condición de asegurado/a e de beneficiario/a a efectos de asistencia sanitaria) no que se estabelecen os requisitos básicos do convenio especial de prestación sanitaria a persoas que non posúan a condición de aseguradas nin de beneficiarias do SNS, segundo as características que foron no seu día estipuladas.
A publicación deste novo Real Decreto ven confirmar a eliminación da característica de universalidade da asistencia sanitaria, e, de feito, establécese nel que as persoas que non posúan a condición de aseguradas ou beneficiarias, non disporán de cartón sanitario, como xa se recolle no propio preámbulo do Real Decreto publicado o sábado.

Poderán, segundo se regula nesta norma, acceder ás prestacións da carteira común básica regulada no RD-L 16/2012 mediante a sinatura dun convenio especial individual que esixe o cumprimento dunha serie de requisitos e que suporá o pago dunha cantidade mensual en función da idade: se a persoa suscritora tén menos de 65 anos a cota mensual será de 60 euros, se tén 65 o máis anos, entón deberá pagar 157 euros mensuais. “Aí está a gratuidade e a universalidade que propugna o PP para a Sanidade Pública”, denuncia a CIG-Saúde.

Implica tamén este Real Decreto, unha vez máis “a deixadez de funcións máis absoluta por parte de quen ostenta as competencias totais en Sanidade na Galiza. O goberno da Xunta, o señor Núñez Feijóo, a Conselleira de Sanidade... fan unha absoluto exercicio de desidia, repousando en mans do Ministerio competencias que son exclusivas da Galiza. Tamén isto dá conta de que, tal e como ven propugnando a CIG, precisamos da soberanía para exercermos os nosos dereitos”.

Ante isto, a CIG-Saúde exixe unha Sanidade pública, universal e gratuíta “sen discriminacións, sen contraprestacións, sen copagamentos e sen recortes para lucro e beneficio de empresas amigas”.

Máis info en http://www.cigadmon.org/