28/02/14

Ás veces xogar ao despiste non funciona

O Concello vén de lle dar solución a un problema histórico de utilización do persoal municipal en entidades privadas. Logo de que a CIG preguntase na reunión do 7 de febreiro co concelleiro de Persoal pola situación dunha traballadora de limpeza que tiña entre os seus cometidos de traballo a limpeza do Centro Internacional da Estampa Contemporánea e de que o tema, logo de o denunciar publicamente a CIG, chegase mesmo ao último pleno, o Concello vén de deixar de prestar ese servizo, posto que tivemos coñcemento de que dende o departamento correspondente se deron as ordes precisas para que esta actividade cesase na entidade privada anteriomente mencionada.

Dende a CIG valoramos positivamente de que a pesar que o concelleiro de Persoal dixese textualmente non ter coñecemento do tema, buscase unha solución tan axiña, ao comprender que os empregados públicos somos contratados para traballar no ámbito da administración que nos contrata e non para calquera entidade privada á que ao Concello se lle antolle facer favores. A maiores, a situación do servizo de limpeza é completamente precaria e o que menos falta lle fai ás compañeiras que cada vez teñen máis traballo pola falta de efectivos é que o Concello as cargue de traballos que non lle corresponden.

Igualmente, e tendo en conta que máis compañeiros doutros departamentos nos dixeron que non era tan pouco común neste Concello facer traballos deste tipo, queremos informar de que os empregados públicos somos contratados para traballar no Concello de Betanzos e dentro do que comprende esta administración local e no caso de que sexan coñecedores de que o Concello dá este tipo de ordes de traballo que cómpre valorar se están no ámbito das súas competencias, toda vez que aquí hai cousas que se veñen facendo dende hai moitos anos e por ser habituais se toman como normais mais isto non exime de que sexan irregulares, como o era o uso do persoal municipal para a limpeza dunha entidade privada.

Por outra banda, resulta lamentable que o propio concelleiro de Persoal lle mentise á prensa ao dicir que descoñecía a que se referían os representantes dos traballadores, cando días despois dá as ordes correspondentes para corrixir a situación, demostrando que o Concello non só era coñecedor senón cómplice neste tema.

Aquí tedes a nova relacionada : 

Denuncian que el Ayuntamiento no cubre las bajas de personal que atiende servicios básicos




Mal comezo, Galivalia comeza a non cumprir os prazos e coller os malos costumes do Concello

O pasado martes 18 de febreiro, día en que tivo lugar a Mesa Xeral de Negociación do Concello de Betanzos, e onde estivo presente Javier Ferreira, por parte da empresa Galivalia, a empresa contratada polo Concello para a elaboración da Relación de Postos de Traballo e o asesoramento na negociación do convenio, el mesmo, cando se instou ao Concello a marcar uns prazos para retomar a negociación, indicou que teriamos novas a finais da semana que finaliza hoxe.

Nesa mesma mesa, onde se propuxo que as negociacións de convenio de laborais e funcionarios fosen por separado polas diferentes complexidades, o propio concelleiro e o asesor da empresa, que falaba por boca do anterior, informaron de que o proceso de negociación comezaría de inmediato e que na seguinte semana, é dicir, nesta mesma, os sindicatos teríamos información e seriamos convocados de novo. Unha semana e media despois isto non foi así e lamentamos que os malos costumes pareza que se peguen e non se cumpran  os prazos nin mesmo externalizando o servizo, antes, durante anos, a escusa foi que o Departamento de Persoal estaba desbordado de traballo, agora, cunha empresa externa cobrando por este traballo parece que tampouco hai moito interese e o tempo non dá. 

Agardamos que este retraso só sexa puntual e non a tónica xeral e o Concello sexa xeneroso na súa vontade de negociación cos traballadores nun proceso que se aveciña complexo pola magnitude das propostas de cambio presentadas pola empresa e avaladas e acordadas co Concello, e coas que aínda hai moitas cuestións no aire tendo en conta que na análise inicial o asesor da empresa tiña descoñecemento dalgunhas cuestións relativas á estrutura retributiva do persoal laboral e de suma importancia para este.

O Comité de Empresa, á espera da reunión de febreiro co concelleiro de Persoal

Logo de que o pasado 7 de febreiro se lle entregase ao concelleiro de Persoal a listaxe dos temas sobre os que solicitaba información o Comité de Empresa para a reunión ordinaria do mes de febreiro e de que a día de hoxe, 28 de febreiro, aínda non tivese lugar esta reunión, este, solicitoulle por rexistro que o Concello fixe a data da reunión pendente coa representación do Comité de Empresa. Cómpre lembrar que estas reunións mensuais da representación do Comité de Empresa co concelleiro de Persoal realízanse dende que o propio alcalde instase nunha reunión a que así se fixese coa vontade de que o concelleiro delegado da área de Persoal, Diego Fernández, tivese un diálogo máis fluído cos representantes dos traballadores laborais.

Na actualidade, varios meses despois, e sen valorar que neste mes xa non houbo esa reunión mensual, cómpre dicir que estas reunións ás veces son un pouco frustantes en canto se apuntan temas sobre os que nunca se chega a obter unha resposta clara ou no caso de que a haxa dise que algo se vai solucionar cando pasan os meses e demóstrase que non é así, a pesar disto, e tendo en conta que o Concello practicamente nunca responde ás solicitudes rexistradas do Comité de Empresa, está ben poder trasladarlle ao Concello persoalmente as solicitudes dos traballadores e as propostas do propio Comité de Empresa.

Solicitude reunión co concelleiro by cigconcellobetanzos

Horas extraordinarias, eterno problema, sobre o que agora nin se lle dá información ao Comité de Empresa

O problema das horas extras no Concello de Betanzos non é nada novo, en múltiples ocasións temos falado dos problemas que supón o sistema actual non só de compensación cando se realizan, senón que entendemos que o Concello obriga a facer horas extras con traballos que para nada son extraordinarios posto que se repiten mensual e anualmente de xeito reiterado e para nada extraordinario en determinados departamentos do Concello.

A pesar de todo isto, ata novembro do ano 2012 o Concello viña respondendo con carácter máis ou menos puntual ao Comité de Empresa e entregándolle a información correspondente ás horas extraordinarias realizadas polo persoal laboral, mais hoxe mesmo rexistrouse unha nova solicitude con respecto ás horas extraordinarias do mes de febreiro e lembrando que o Concello non respondeu as solicitudes correspondentes aos meses de decembro e xaneiro, a pesar de que temos constancia de que efectivamente se realizaron horas extraordinarias. Nesta solicitude, que podedes ver abaixo, lembrámoslle ao Concello a obriga de entregar esta documentación e máis aínda que temos un informe do asesor xurídico municipal que lle indica ao Concello que así o debería facer.

En todo caso, agardaremos unha semanas e cando o concelleiro de Persoal reciba á representación do Comité preguntaremos polo tema, mais no caso de esta sexa a nova actitude do Concello canto ao tema das horas extras dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos valoraremos a pertinencia de acudir de novo á Inspección de Traballo provincial para poñer no seu coñecemento que o Concello podería estar a incumprir o dereito de informacións aos representantes do traballadores que segundo o artigo 7.7. da LISOS (Lei sobre infraccións e sancións na orde social) e cualificado como infracción grave.


Solicitude información horas extras by cigconcellobetanzos

27/02/14

A CIG fai un chamamento a mobilizarse, o xoves 27, coa Alianza Social Galega “Por outra saída da crise”

Están convocadas 10 manifestacións e 3 concentracións en todas as cidades e nas principais vilas do país

A CIG fai un chamamento a participar nas manifestacións convocadas pola Alianza Social Galega, da que forma parte a central sindical, este xoves día 27 de febreiro. As mobilizacións están convocadas en todas as cidades e principais vilas do país baixo o lema “Por outra saída da crise” e con elas preténdese dar unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais que impoñen os gobernos de Galiza e do Estado Español coa coartada da crise e do pagamento dunha débeda ilexítima, seguindo os ditados da UE, do FMI, do BCE e da patronal neoliberal.
A Alianza Social Galega denuncia a grave situación de desemprego que hai en Galiza e a ausencia de políticas que permitan reactivar a actividade económica e,  polo tanto, crear emprego. Mais tamén denuncia os constantes recortes que os Gobernos de Mariano Rajoy e de Feijoo pretenden impor cada día: recortes nas pensións, no ensino, na sanidade, nos dereitos sociais e nas liberdades públicas.
Manifesta a súa oposición á destrución do sistema educativo público, entendendo que a LOMCE é unha reforma educativa ideolóxica, clasista, recentralizadora e ao servizo dos mercados e denuncia o deterioro que está a padecer a sanidade pública por mor das políticas privatizadoras emprendidas polos gobernos central e galego. Un deterioro que se fai máis evidente por culpa da falta de persoal, coa imposición dunha taxa de reposición de tan só o 10% de efectivos que “axiña fará imposíbel prestar unha atención sanitaria de calidade”.
Xunto a isto denuncian a supresión do dereito á asistencia sanitaria pública á mocidade; a parlización e marcha atrás na aplicación da Lei de Dependencia; a privatización dos servizos públicos municipais; o ataque aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres; o abandono do rural e a destrución do medio ambiente ou o desmantelamento da política pública de cooperación ao desenvolvemento.
Estado policial
As organizacións que conforma a Alianza Social Galega denuncian ademais a implantación dun Estado policial coa reforma da Lei de Seguridade Cidadá e do Código Penal. Reformas que “buscan reprimir a contestación social” para evitar manifestacións públicas que cuestionen as políticas de recortes do PartidoPopular.
Reclaman unha modificación da Lei hipotecaria e da Lei de axuizamento civil, para regular a dación en pagamento retroactiva, paralizar os desafiuzamentos e promover o alugamento social. Isto xunto con outras políticas alternativas “Por outra saída da crise”,  na que non sexa a maioría social quen pague por unha crise que non provocou.
 
MANIFESTACIÓNS 27 DE FEBREIRO
COMARCA
HORA
LUGAR DE SAÍDA
Ourense
19:30
Pabellón dos Remedios
Pontevedra
20
Praza Ferrería
Santiago
20
Alameda
Ferrol
20
Praza España
Coruña
20
Casa do Mar
Lugo
20
Ronda da Muralla
Vigo
19:30
Vía Norte
Arousa
20
Avda. Mariña
Burela
19:30
Praza do Concello
Ribeira
20
Estación autobuses
 
CONCENTRACIÓNS 27 DE FEBREIRO
Monforte
19:30
Praza España
Vilalba
21:30
Casa da Cultura
Cangas
20:00
Casa do Concello
 


Gañado conflito colectivo de reclamación dos 14 días da paga extra do ano 2012

Logo de que a CIG decidise presentar unha reclamación con respecto aos 14 días da paga extra do ano 2012 que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza viña de recoñecerlle ao persoal laboral da Xunta, na semana pasada soubemos que o Xulgado do Social n.º 4 da Coruña fallaba o seguinte con respecto á demanda:

"Estímase a demanda interposta pola Confederación Intersindical Galega fronte ao Concello de Betanzos e, en consecuencia:

Declárase o dereito dos traballadores do Concello de Betanzos que non percibisen a parte proporcional da paga extraordinaria de decembro de 2012 correspondente ao período comprendido entre o 1 de xullo e o 14 de xullo de 2012 a percibir esta.

Condénase á demandada a que proceda ao abono das citadas cantidades a cada un dos traballadores incluídos no ámbito de aplicación do conflito."

Contra esta sentenza cabe recurso de suplicación no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, mais polo momento non temos constancia de que o Concello iniciase este trámite. Por tanto, na próxima xuntanza que a representación do Comité ten pendente co concelleiro de Persoal un dos temas polos que preguntará é cando o Concello ten pensado realizar o pagamento ao que foi condenado polo xulgado do social e agardamos que desta volta, tal e como aconteceu cando o Concello non lle pagaba ao persoal readmitido os atrasos correspondentes, non haxa que recorrer ao xulgado de novo a solicitar a execución da sentenza.

Diante desta sentenza observamos unha vez máis como paga a pena recorrer á vía xudicial cando o Concello non corrixe as eivas na aplicación da lexislación de motu propio, e aínda que nunca é agradable para ninguén recorrer a esta vía, sempre que consideramos que temos dereitos que están a ser vulnerados e o Concello rexeite a vía da negociación faremos o que está na nosa man para mellorar a situación colectiva do persoal laboral.

NOTA: Con respecto a esta nova queremos aclarar que a UGT do Concello de Betanzos, a pesar de copiar en ocasións as novas textualmente das deste blog, minte descaradamente en diversas ocasións, non só porque este conflito colectivo foi gañando pola CIG en exclusiva, non polo Comité de Empresa ao completo, senón que mesmo ten a prepotencia de dicir que "delegou" na CIG este xuízo cando un sindicato non é ninguén para delegar noutro, e menos un con minoría no Comité fronte ao que ten a maioría. Cando un sindicato con representación considera que se fai algo ilegal debe denuncialo e punto, e ata o momento, nos tres últimos anos, o único sindicato que lle plantou cara ao Concello nos tribunais, ou que mesmo acudiu á Inspección de Traballo cando foi necesario, foi a Confederación Intersindical Galega tendo que aturar, a maiores, continuos reproches do sindicato minoritario defendendo de xeito firme as actuacións ilegais do Concello a cambio de prebendas que descoñecemos e representado por traballadores en fraude de lei (segundo informes do propio concello) que se negan mesmo nesta situación a acudir ao xulgado a denunciar a situación irregular na que están (cando os delegados sindicais non só deberían asesorar aos compañeiros nestes casos, senón tamén deberían dar exemplo), e parecendo así cómplices das actuacións irregulares do goberno municipal e a maiores defendendo a actuación do Concello nos despedimentos improcedentes dos compañeiros, o que resulta aínda, moito máis rastreiro, insolidario e reprochable.

19/02/14

Asemblea de traballadores, o martes de 25 de febreiro no Centro de Formación Ocupacional

O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, convoca asemblea de traballadores para o vindeiro martes 25 de febreiro onde se explicará a nova postura do Concello ante as negociacións do convenio de cara a que poidamos tomar as decisións oportunas para afrontar esta nova etapa de negociacións con mudanzas significativas na postura do Concello con respecto, nomeadamente, á situación do persoal laboral.

Debido á complexidade do tema, a propia CIG, na Mesa Xeral de Negociación, indicou que debía convocar ao persoal laboral para coñecer a súa opinión antes de tomar decisións sobre a negociación dunha proposta de convenio colectivo que xa fora aprobada pola asemblea de traballadores que o Comité de Empresa convocou a finais do ano 2012.

Instamos aos compañeiros e compañeiras a asistir para debatermos as posibilidades de negociación que temos ante a situación actual e coñecer de primeira man as intencións do goberno municipal que se trasladaron aos representantes sindicais a través do representante dunha empresa privada.


17/02/14

Mesa Xeral de Negociación (18/02/2014)

O Concello convocou o pasado venres a Mesa Xeral de Negociación para mañá, martes 18 de febreiro, ás 12:00 h da mañá. En principio, esta convocatoria non é á que se comprometera o concelleiro de Persoal na última reunión cos sindicatos que representan ao persoal laboal, onde falara de que se ía convocar a Comisión de Negociación do convenio colectivo. 

A maiores, a orde do día resulta un tanto confusa porque parece máis unha reunión informativa que unha Mesa Xeral de Negociación, á vista de que xunto coa convocatoria o Concello non achegou ningunha documentación para negociar propiamente. Ademais, o pasado luns o concelleiro de Persoal convocou aos sindicatos simplemente para lles dicir que os ía convocar mañá e agardamos que a reunión de mañá sirva para algo máis que para dicir que nos vai convocar outro día, porque do contrario poderiamos pensar que quere que conste no papel que nos reunimos, tal e como lle instou o alcalde que fixese, mais, a fin de contas, segue sen negociar nada. 

Logo da reunión colgaremos a información puntual sobre os temas tratados e o acontecido.

13/02/14

Confirmados 2 anos por un accidente mortal

A Audiencia de Valladolid ratificou a pena de dous anos de prisión imposta ao enólogo de Adegas Protos, polo accidente rexistrado en 2007 na sede da embotelladora.

O accidente saldouse cun falecido e un ferido grave como consecuencia da caída dun montacargas, se ben absolveu a dous traballadores e coordinadores do Plan de Plan de Prevención de Riscos Laborais da referida mercantil, que tamén foran condenados en primeira instancia.
A sentenza da Sección Segunda do Penal da Audiencia valisoletana estima parcialmente o recurso de apelación do enólogo interposto contra o fallo anterior do Xulgado do Penal número 2 e absólveo do delito contra o dereito dos traballadores, se ben confirma a súa condena de dous anos de prisión por un delito de homicidio imprudente e doutro de lesións por imprudencia grave, co atenuante de dilacións indebidas no proceso.
O conxunto das indemnizacións suman máis de 427.000 euros.

Fonte: europapress.es

A CIG inicia a recollida das sinaturas da ILP para levar as políticas alternativas de creación de emprego ao debate parlamentar

A central sindical vai desenvolver nos próximos meses un intenso traballo de divulgación social e institucional do contido da súa iniciativa lexislativa popular

A campaña polo Emprego que a CIG está a desenvolver vén de iniciar a súa segunda fase. Logo da admisión a trámite na Mesa do Parlamento, a central sindical comeza agora a recollida das 15.000 sinaturas que se necesitan para levar a debate político a Iniciativa Lexislativa Popular de medidas para a creación de emprego en Galiza. Unha ILP que este venres foi presentada en rolda de prensa polos Secretarios das distintas Unións Comarcais da CIG.
Até principios do mes de abril (data límite para a entrega das sinaturas), a CIG vai desenvolver un intenso traballo de divulgación do contido da ILP tanto nos centros de traballo, con debates nas empresas, reunións con delegados/as e Comités; como nas rúas, a través de actos abertos ao conxunto da cidadanía. Así mesmo, explica o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, estase a elaborar unha moción para remitir aos grupos e forzas políticas municipais, co obxectivo de que o texto sexa apoiado polas corporacións locais.
Mediante estas accións, a CIG quere achegar a maior parte da cidadanía galega o contido da Iniciativa e demostrar que “si é posíbel facer outro tipo de políticas distintas que favorezan o crecemento económico e a creación de emprego”. Neste senso, a ILP recolle un ampla abano de medidas (até 100 propostas) referidas á política industrial, fiscal, financeira, enerxética, medioambiental, laboral, etc.
Desta última materia, Seixo destacou a proposta de reducir a xornada laboral no camiño da conquista das 35 horas semanais, como medida de reparto do traballo, e o fomento de políticas de rendas que garanta uns salarios dignos. A ILP, continúa, tamén recolle un capítulo de medidas expresamente dirixidas ao colectivo de persoas sen emprego, coa solicitude de creación dunha renda de inserción laboral para todos os traballadores/as en situación de desemprego que non cobren outro tipo de prestación pública.
Durante estes catro meses, ademais de recoller as 15.000 sinaturas que se precisan como mínimo, a CIG pretende facer un traballo na sociedade de divulgación do contido da ILP e de xerar expectativas a respecto de que hai alternativas á crise e á perda de emprego. “Se estas alternativas non se aplican por parte do Goberno español e da Xunta de Galiza, é porque as políticas económicas, laborais e sociais que están a facer van máis pensadas en favorecer os intereses dunha minoría -a oligarquía financeira e o gran capital-, que en favorecer os intereses da maioría social”, denunciou o Secretario Xeral da CIG.
Seixo agarda que finalmente se dea o debate desta batería de medidas no Parlamento galego e aínda tendo presente que a relación de forzas, cunha maioría absoluta do Partido Popular, fai difícil que o contido da ILP sexa aceptado, é importante que se debata sobre esta problemática na institución onde se lexisla e onde están os representantes das principais forzas políticas, electos pola cidadanía. Ademais, insistiu na necesidade de debater sobre as causas económicas e políticas que motivan o paro estrutural que padece o noso País desde sempre e abordar cales son medidas para combatelas.
Se non se lexisla no Parlamento de Galiza na orientación política, económica e social que aparece na ILP é porque o PP non goberna pensando na defensa dos intereses de Galiza e das súas clases populares. Entre os moitos exemplos disto, o último témolo no espolio que se vende de cometer coa entrega de Novagalicia Banco, a prezo de saldo, a unha entidade financeira privada, cun custo enorme para o erario público e deixando a Galiza sen unha entidade financeira propia, fundamental para a economía do País e o seu autogoberno”, concluíu Seixo.


12/02/14

A CIG DENUNCIA QUE O CONCELLO SE NEGA A CUBRIR AS BAIXAS DOS SERVIZOS BÁSICOS

O Concello négase a cubrir as baixas dos servizos básicos desta Administración local. O Departamento de limpeza é un dos máis afectados por esta decisión do goberno municipal que provoca continuos cambios de horarios nomeadamente nas traballadoras dos edificios municipais e o colexio de educación primaria. Así, o Concello de Betanzos, semella que pretende deixar morrer de inanición os servizos públicos pola carga de traballo e as condicións laborais que lle está a impór ao persoal do servizo de limpeza que repercuten directamente no estado dos edificios municipais porque os servizos non se poden prestar en condicións.

Neste casos a sobrecarga de traballo está afectando de xeito evidente e repercute na prestación do servizo dende o momento que non hai o número suficiente de persoas para atendelo, a situación complícase máis ao ter en conta que non traballa en limpeza todo o persoal adscrito a este departamento na Relación de Postos de Traballo vixente. A maiores, e para tentar cubrir a duras penas algún servizo o Concello está incumprindo reiteramente o artigo 19 do convenio colectivo no que ten que ver coa mobilidade do persoal, e onde se indica que nestes casos sería preceptivo un informe do Comité de Empresa que o Concello nunca solicita cando unilateralmente decide modificar as condicións laborais do persoal laboral e non respecta a adscrición dos centros de traballo do persoal.

O propio Comité de Empresa deixou constancia en outubro de 2013 desta situación e solicitoulle ao Concello que cumprise estritamente o Convenio colectivo do persoal laboral e lle solicitese ao Comité de Empresa todos cantos informes son preceptivos previamente a modificar as condicións laborais dos seus traballadores, a día de hoxe non obtivo resposta e o Concello segue incumprindo reiteradamente o convenio en vigor e amosando un total desprezo polos dereitos dos traballadores. A maiores, a CIG pediulle explicacións ao concelleiro de Persoal, Diego Fernández, sobre o feito de que persoal de limpeza do Concello limpe dependencias dunha entidade privada, neste caso, temos coñecemento de que persoal do Concello limpa o Centro Internacional da Estampa Contemporánea, unha entidade privada que a maiores percibe subvencións de diversos organismos públicos, posto que considera que isto non so é unha grave irregularidade senón que redunda nos problemas que lle afectan a este colectivo e empeora as condicións dos servizos públicos.

10/02/14

Unha nova sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ratifica que o Concello despediu de xeito improcedente

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de estimar o recurso presentado pola CIG contra a sentenza que o Xulgado do social da Coruña emitira hai máis dun ano. Logo de dous anos de periplo xudicial e ata ter que recorrer en dúas ocasións ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza este recoñece que o Concello de Betanzos despediu de xeito improdecente a unha traballadora do xa inexistente GRUMIR e debe proceder a indemnizala ou readmitila. Dende a Sección sindical da CIG ficamos satisfeitos porque era unha cuestión de xustiza, considerabamos inxusto que dependendo de quen te xulgase a sentenza fose diferente en idénticos casos, tendo en conta que outros seis foran considerados despedimentos improcedentes, agora queda agardar a sentenza pendente dun outro compañeiro, se cadra, nun caso máis claro de fraude, tendo en conta que o Concello de Betanzos utilizaba a un peón de emerxencias como traballador fixo do cemiterio municipal.

Ata o momento o Concello non se pronunciou, e descoñecemos cal será a súa decisión, en todo caso o xusto sería que optase pola mesma opción que os compañeiros readmitidos hai máis dun ano, mais en todo caso, á vista de que este Concello non trata por igual a todo o persoal, e que hai persoal que perde o seu posto de traballo e debe demandar e outro que non, nunca sabemos o que pode pasar. O que si que está claro é que resulta lamentable lembrar agora como o concelleiro de Persoal no propio pleno dixo que os despedimentos non eran improcedentes sendo coñecedor de varias sentenzas, como aínda na actualidade tanto el como algúns delegados da UGT seguen a dicir que foi unha finalización de contrato, non un despedimento, cando o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ratificar o que seis sentenzas anteriores dixeran, que o Concello despediu de xeito improcedente, tamén sabemos que hai xente que de tanto repetir as mentiras pensa que son verdade, por moito que estean equivocados.

Agardamos que este tipo de casos sirvan tamén de exemplo para vermos como loitando tamén se abren camiños e aínda que non sempre se acaden os resultados esperados ás veces faise xustiza, e a esperanza é o último que debemos perder porque aínda que haxa quen trate de pór paus diante da roda sempre tentaremos defender os intereses do colectivo dos traballadores.

A conciliación beneficia á saúde

Nos países do sur de Europa e nos anglosaxóns, que non dispoñen de bos servizos públicos para o coidado de familiares, os cidadáns teñen peor saúde que nos países nórdicos e do leste de Europa, debido ás altas cargas familiares e laborais. Así o pon de manifesto un estudo do proxecto europeo Sophie.

O proxecto, coordinado dende Barcelona pola Axencia de Saúde Pública e o Centro de Investigación en Rede Ciberesp, analizou a realidade dos 27 países da Unión Europea (UE).

E a súa conclusión é taxativa: a combinación de longas xornadas laborais e cargas familiares nos países continentais e do sur de Europa "ten un efecto negativo sobre a saúde das mulleres e dos hombres". Y é que a falta de políticas familiares en países como o Estado españos, Italia ou Grecia, fai que compaxinar a vida familiar e laboral sexa máis difícil aquí que en Copenhague.

En cambio, nos países nórdicos e do leste de Europa, "con mellores servizos públicos para externalizar o coidado de fillos e persoas dependentes", non existe a devandita relación. Os investigadores constatan que a relación das longas xornadas de traballo e cargas familiares coa saúde das persoas "depende do modelo de política familiar que se siga".

En países co modelo de familia tradicional, polo tanto, a situación é peor que naqueles que promoven un modelo de parella con ambas as dúas persoas empregadas e bos servizos públicos que permiten a externalización do coidado de fillos e dependentes, explicou a coordinadora do traballo, Lucía Artazcoz.

Como explica Artaroz, a diferenza entre estes dous grupos de estados, é que as axudas económicas ás familias (por exemplo, en forma de baixas por maternidade máis longas) son superiores, o que permite unha mellor conciliación da vida familiar e laboral, sobre todo, con menos repercusións para a salud.

En cambio, apunta, a combinación de xornada laboral, coidado familiar e ausencia de políticas públicas de apoio fai que a saúde (física e mental) das mulleres se resinta máis nos países do sur de Europa, como é o caso do Estado español. "No sur de Europa, a figura da ama de casa é máis frecuente", explica esta especialista, " pero coa crise, moitas delas víronse obrigadas a saír ao mercado laboral nunhas condicións moi precarias, case de explotación".

Non obstante, os resultados están baseados en datos dunha enquisa europea do ano 2010, polo que é previsible que nos últimos tres anos a situación "como mínimo non foi a mellor". De feito, explica a investigadora, cada vez son máis os traballos que están a alertar das repercusións que pode ter na saúde a actual situación económica.


e-saludable.com

Un accidente por ter exceso de traballo é culpa da empresa

Así o entende o Tribunal Superior de Xustiza de Baleares nunha sentenza que obriga ao servizo de Saúde do Goberno desta comunidade autónoma, como empregador, a pagar unha indemnización de 20.000 euros a unha médica residente que se contaxiou dunha conxuntivite severa durante o desempeño do seu traballo en Urxencias.

 O tribunal considera que os danos e prexuízos causados -inflamación dos ollos e perda de algo de visión- foron responsabilidade do hospital por un exceso da carga de traballo, malia quedar probado que, en termos xerais, a entidade cumpría coa normativa de prevención de riscos e dispoñía dos protocolos e avaliacións de riscos correctas.

O problema é que tamén se demostrou que había unha carga moi forte de traballo en Urxencias en tal medida que impedía ou limitaba, segundo estima a sentenza, cumprir escrupulosamente os protocolos por parte dos traballadores.

O hospital defendeuse alegando que o accidente era imputable á actuación da propia traballadora, sen que o exceso de traballo xustificase a súa conduta. Para demostralo incidiu no feito de que ninguén salvo esta médica resultou infectado.

O máis novidoso desta sentenza, ditada o pasado 6 de novembro, é que se estimase que a carga de traballo é algo que neutraliza a dilixencia esixible ao traballador no exercicio das súas funcións.

Este fallo supón un paso doutrinal importante en canto á ampliación de responsabilidade das empresas no ámbito de accidentes laborais e prevención de riscos, de tal forma que, só en casos de neglixencias moi evidentes por parte dos traballadores, os empregadores poderán librarse de pagar indemnizacións.

En opinión de Carlos Gil, socio da área Laboral do despacho SJ Berwin, aínda que non se pode falar propiamente dun suposto de responsabilidade obxectiva do empresario en todas as circunstancias, "si é verdade que a solución adoptada polo tribunal consagra a idea de que a culpa empresarial que fai falta para poder sancionar a unha empresa en casos de accidentes de traballo por infracción de medidas de seguridade queda atenuada".

Segundo o criterio do tribunal, é o empresario quen organiza e controla o proceso de produción, quen ordena ao traballador a actividade a desenvolver e a súa intensidade e, en último termo, quen está obrigado a avaliar e evitar os riscos, mesmo fronte aos seus propios descoidos e imprudencias non temerarias.

Máis info en www.cigsaudelaboral.org

O Parlamento Europeo avoga por unha Inspección de traballo eficaz

O pasado día 14 de xaneiro, o Parlamento Europeo aprobou unha resolución titulada "Inspeccións laborais efectivas como estratexia para mellorar as condicións de traballo en Europa

 Entre as máis de cincuenta recomendacións eliximos tres que nos parecen particularmente relevantes:

[O Parlamento] destaca que, se ben as inspeccións de traballo constitúen un labor de servizo público que soamente deben desenvolver organismos públicos independentes, isto non debe excluír que estas inspeccións se realicen coa axuda de representantes dos interlocutores sociais; considera que se debe garantir a independencia dos servizos de saúde e seguridade no traballo con respecto ao empregador; considera que, en materia de saúde no traballo, a vixilancia, as alertas, os coñecementos sanitarios e os bos consellos en materia de saúde só poden ser tarefa de profesionais da saúde e da seguridade independentes; considera lamentable que, nalgúns Estados membros, a xestión dos servizos de saúde e seguridade no traballo siga estando en mans de asociacións de empresarios; pon de relevo que a inspección e o control da saúde no traballo de debe ser competencia de inspectores independentes con formación en materia de saúde e seguridade;

[O Parlamento] subliña o papel fundamental que desempeñan os organismos de inspección de traballo na prevención e o control, así como que tamén contribúen a reforzar os coñecementos e a divulgación da información a nivel das empresas; insta aos Estados membros a incrementar o persoal e os recursos dos organismos nacionais de inspección de traballo, a alcanzar o obxectivo dun inspector por cada 10.000 traballadores, de conformidade coas recomendacións da OIT, e a reforzar as sancións contra as empresas que non respecten as súas obrigas en materia de dereitos fundamentais (salarios, xornada laboral e saúde e seguridade no traballo); estima que as sancións nestes casos deben ser efectivas, disuasorias e proporcionadas;

[O Parlamento] avoga por endurecer as sancións ás empresas que incumpran as súas obrigas en relación cos dereitos fundamentais dos traballadores, e considera que as devanditas sancións deben ter un efecto suficientemente disuasorio que permita garantir que o empregador non poida en ningún caso beneficiarse se elude observar as normas vixentes en materia de saúde e seguridade no traballo; pide aos Estados membros que revisen os seus sistemas de fixación de sancións para que o nivel da multa sexa proporcional aos danos e que garantan que estea por enriba dos beneficios obtidos ao eludir as normas.


Fonte: Parlamento Europeo

A seguridade e a saúde no uso de productos químicos no traballo

Este informe examina a situación actual no que atinxe ao uso de produtos químicos e o seu impacto nos lugares de traballo e o medio ambiente, incluíndo diversos esforzos nacionais, rexionais e internacionais para tratalos. O informe tamén presenta os elementos para o establecemento de programas a nivel nacional e empresarial que contribúen a garantir a xestión racional dos produtos químicos no traballo.

A produción e o uso de produtos químicos nos lugares de traballo de todo o mundo presentan un dos desafíos máis significativos para os programas de protección no lugar de traballo. Os produtos químicos son esenciais para a vida, e os seus beneficios son xeralizados e altamente recoñecidos. Desde os pesticidas que melloran a cantidade e a calidade da produción de alimentos, até os fármacos que curan as enfermidades e os produtos de limpeza que axudan a establecer condicións de vida hixiénicas, os produtos químicos son indispensables para ter unha vida saudable e gozar da comodidade moderna. Os produtos químicos son tamén unha parte considerable de moitos procesos industriais para desenvolver produtos que son importantes para os estándares mundiais de vida. Con todo, o control das exposicións a estes químicos no lugar de traballo, así como a limitación das emisións ao medio ambiente, son tarefas que os gobernos, empleadores e traballadores continúan esforzándose en abordar.


O que crea o dilema son os riscos asociados coa exposición a estes produtos químicos. A pesticida que axuda a cultivar os alimentos, ao producir máis e mellores colleitas pode dar como resultado efectos adversos na saúde dos traballadores involucrados na produción do pesticida, na súa aplicación aos campos, ou ao estar expostos aos seus residuos. Os residuos da produción e o uso de pesticidas tamén poden causar efectos ecolóxicos adversos que persisten no medio ambiente por moitos anos despois da súa utilización. O fármaco que salva a vida dun paciente cun estado de saúde grave pode producir efectos adversos na saúde dos traballadores expostos mentres se produce ou administra o produto químico. Os produtos de limpeza que xeran unha hixiene adecuada tamén poden afectar negativamente a aquelas persoas que traballan cos devanditos produtos e que están expostas aos mesmos diariamente. Os produtos químicos presentan un amplo rango de efectos potencialmente adversos, desde os riscos para a saúde tal como a carcinogenicidad, e os riscos físicos como a inflamabilidad, até os riscos ambientais, tales como a contaminación xeneralizada e a toxicidade na vida acuática. Moitos incendios, explosións e outros desastres resultan do control inadecuado dos seus riscos físicos.



A CIG, UGT e CCOO convocan mobilizacións conxuntas contra a condena a tres anos de prisión a dous traballadores

A CIG, UGT e CCOO veñen de anunciar a convocatoria de mobilizacións conxuntas contra a condena a tres anos de prisión a dous afiliados dos dous primeiros sindicatos acusados dun delito contra a liberdade dos traballadores/as tras participar nun piquete informativo durante a folga do transporte na provincia de Pontevedra en 2008. As centrais, que solicitaron un novo indulto para os afectados despois de que o Goberno español rexeitase o primeiro, fan un chamamento á cidadanía a participar na manifestación deste domingo en Vigo para rexeitar a decisión xudicial.

Responsábeis comarcais da CIG, UGT e CCOO compareceron hoxe en rolda de prensa para explicar que a primeira sentenza contra os dous operarios, emitida polo Xulgado do Penal número 1 de Vigo, remóntase ao ano 2009, e que a decisión foi ratificada dous anos despois pola Audiencia Provincial de Pontevedra. “Entón decidimos solicitar o indulto, que foi denegado no mes de decembro, polo que agora volvemos a solicitalo”, lembrou o secretario comarcal da CIG de Vigo, Serafín Otero.

Deste xeito, tal e como denuncian dende as tres centrais maioritarias, os dous traballadores afectados atópanse á espera de que o Xulgado lles comunique o ingreso en prisión, tras o que terán 10 días para facelo. “Aplicáronlles o artigo 315.3 do Código Penal, atentado contra os dereitos dos traballadores/as, cando o que debe de prevalecer é o dereito de folga, tal e como indica a xurisprudencia”.

E iso a pesar de que, segundo comentaron durante a comparecencia, cando foron identificados pola Policía española no marco da folga do transporte da provincia de Pontevedra nas inmediacións da rotonda de Bouzas “non se produciran incidentes”. Os propios afectados explicaron que se atopaban no lugar canda outros 80 compañeiros/as agardando pola celebración dunha asemblea informativa “na que se ía dar conta do estado das negociacións do convenio”.

Neste senso, o responsábel comarcal da central nacionalista considera que se trata dunha sentenza política, “de carácter ideolóxico, coa que pretenden criminalizar e reprimir as protestas da clase traballadora “e que os movementos sociais e sindicais non lle fagamos fronte aos recortes”. Así, quixo deixar claro que “imos a seguir defendendo os dereitos da maioría social” a pesar desta nova condena “totalmente inxusta a dous traballadores”.

Ao mesmo tempo, Otero indicou que as tres centrais xa recolleron máis de 3000 sinaturas entre a cidadanía reclamando o indulto para os dous afectados e anunciou a celebración dunha manifestación que partirá da Praza dos Cabalos este domingo día 9 ás 11.30 horas. “Facemos un chamamento a toda a veciñanza e os movementos sociais para que rexeiten na rúa este novo ataque contra a clase traballadora”.

Podedes atopar máis información na páxina web de apoio a Carlos e Serafín.

Tamén podes asinar a prol do seu indulto neste enlace.



A Alianza Social Galega convoca mobilizacións “Por outra saída da crise” para o vindeiro día 27 de febreiro

A Alianza Social Galega convoca protestas o 27 de febreiro en varias localidades galegas baixo o lema “Por outra saída da crise”, buscando unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais que impoñen os gobernos galego e español. Así o anunciaron os secretarios xerais da CIG, Suso Seixo; de UGT, José Antonio Gómez; e de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, que compareceron este xoves en rolda de prensa acompañados de representantes doutras organizacións que integran a plataforma.

Os representantes da Alianza Social Galega subliñaron que nunha conxuntura con 271.500 persoas en situación de desemprego e case co 45% que carecen de coberturas, o Goberno da Xunta presenta un Orzamento que non contén medida ningunha para reactivar a actividade económica e o emprego.

Denunciaron que os gobernos de Rajoy e Feijoo impoñen cada día novos e constantes recortes, entre os que salienta unha reforma laboral estéril e moi prexudicial para os traballadores, cun novo paquete de medidas que flexibiliza e desregula o contrato a tempo parcial; recortes nas pensións; retrocesos no ensino público; agresións á sanidade pública; paralización e marcha atrás na aplicación da Lei de Dependencia; privatización dos servizos públicos municipais; un ataque aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres; a implantación dun estado policial coa reforma da Lei de seguridade cidadá e do Código penal; a reforma da Lei hipotecaria, insuficiente e que non contén solucións estruturais; un conxunto de políticas que van cara a desertización do rural e destrución do medio; e o progresivo desmantelamento da política pública de cooperación ao desenvolvemento.

Ante esta crítica situación, a Alianza Social Galega fixo un chamamento ao conxunto da sociedade para que saia á rúa masivamente a manifestar a súa oposición a estas políticas e a reclamar outras máis xustas e solidarias que beneficien ao conxunto das galegas e galegos e non só a aqueles que provocaron a crise.

A este respecto, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, sinalou que esta mobilización promovida pola Alianza Social Galega ten tamén o obxectivo de facerlle ver á cidadanía que “non se pode deixar enganar polas mentiras permanentes do PP coas que disfrazan de forma continuada a realidade”.

Asegurou que por mor das políticas do PP a estas alturas o único que temos é “perda de dereitos laborais, perda de liberdades públicas, deterioro dos servizos públicos provocado polos recortes e deterioro dos sectores básicos da nosa economía: o agro, a pesca, a industria...”.

Alertou dos índices de desemprego “alarmantes e históricos” nos que nos atopamos e denunciou que malia levar xa 5 anos inmersos nesta crise segue a se destruír emprego. Por iso asegurou que “é unha mentira” que o 2014 vaia ser o ano da recuperación e da creación de emprego e que o PP pretende así agochar as consecuencias “tan graves” que están a ter para a maioría da poboación. “Os que están saíndo da crise son os que a provocaron e os que nunca tiveron problema. A banca, as multinacionais e os especuladores están obtendo importantes beneficios grazas á crise e é o sector para o que realmente está a gobernar o PP”.
Ante isto, reiterou o chamamento á mobilización, para exixir outras políticas, mais tamén a desprazar ao PP das institucións porque, dixo “as converteu nun niño de corruptelas para beneficio persoal e dos grupos económicos que os apoian”. “Ou eliminamos e esta corruptela encabezada polo PP, ou  realmente o que nos espera é moito tempo de crise, de perda de dereitos e de deterioro das nosas condicións laborais e da nosa calidade de vida”, concluíu.

As mobilizacións terán lugar nas sete cidades, o día 27 de febreiro contra as 20:00 horas. Segundo se adiantou na rolda de prensa, a Alianza Social Galega intentará que se convoquen tamén mobilizacións en vilas pequenas que aínda están por confirmar.


Parece que se van retomar de novo as negociacións do convenio, a ver se desta volta vai a vencida.

O pasado venres o concelleiro de Persoal convocou á Sección sindical da CIG e de UGT a unha reunión para informar sobre retomar as negociacións do convenio. Esta reunión veu dada porque, logo do acordo tomado por unanimidade no Comité de Empresa do mes de xaneiro, a representación do Comité solicitoulle encarecidamente ao concelleiro de Persoal que se retomasen as negociacións do convenio colectivo, logo de máis dun ano de parálise, ante a urxencia da situación.

Despois desta solicitude por parte do Comité de Empresa o Concello convocounos para informarnos de que o vindeiro martes 18 haberá unha reunión da Comisión de Negociación do convenio onde asistirá un representante da empresa que agora parece que se vai encargar tamén da negociación do convenio. O que podería parecer normal nun principio deixounos un pouco preocupados aos delegados da CIG en canto o concelleiro indicou que o representante da empresa sería o que nos diría como ían ser as negociacións do convenio colectivo, simplemente porque albiscamos de novo unha descarga das funcións por parte do Concello nunha empresa privada, cando o máximo responsable de que estas negociacións cheguen a bo porto e o persoal laboral teña un novo convenio colectivo é o propio alcalde. Agardaremos, pois, á reunión do 18 para tirarmos as conclusións definitivas sobre a postura do Concello neste tema.

Por parte de UGT, coma sempre, nin sequera abriron a boca, comeza a ser a dinámica común dos delegados deste sindicato en Betanzos, apoio explícito ao Concello cando teñen diante ao concelleiro e ataque directo á CIG nas reunións do Comité, mais os delegados e delegadas da CIG xa aprendimos a convivir cun sindicato que defende á empresa, e tamén chegamos a entender que quen debe o seu posto de traballo a un claro trato de favor fronte a compañeiros despedidos, é posible que non estea en condicións de negociar e defender aos traballadores, aínda que iso non exime da responsabilidade que todos os delegados sindicais teñen cando libremente decidimos presentarnos e continuar no posto.

A maiores, a representación do Comité achegoulle ao concelleiro a listaxe de temas que teñen interese en tratar na reunión mensual: os problemas no servizo de limpeza, mobilidade do persoal, documentación non entregada, solicitudes dos traballadores sen resposta, condicións laborais do persoal do Plan de Cooperación, solicitude de reunión da Comisión de Seguimento do convenio colectivo, resolución das axudas sociais, novas bases de axudas sociais, resolución dos días por enfermidade que non dan lugar a baixa e roupa de traballo.

 Ademais, na propia reunión tratátonse os graves problemas polo que está a pasar o servizo de limpeza de edificios nomeadamente por culpa das baixas non cubertas, e como o Concello modifica constantemente as condicións laborais de certas traballadoras ao seu antollo, incumprindo o convenio colectivo, todo principio de negociación e os dereitos do persoal, a maiores de que se deixou constancia que neste Concello hai diferente trato na resolución dos conflitos dependendo estritamente de quen é o traballador ou traballadora afectada, o que dificulta que se poida chegar a acadar a igualdade de trato. En todo caso, por parte da CIG sempre defenderemos o que é xusto e legal e coidamos que as irregularidades existentes neste Concello son o cerne do caos existente no que atinxe ao persoal e as que levan creado diferenzas entre os traballadores ao longo de todos estes anos mentres que a lexislación é clara e todos debemos ser tratados por igual.