28/08/14

Novo episodio de persecución sindical contra os delegados da CIG no Concello de Betanzos

O Concello de Betanzos vén de abrirlle un expediente informativo a unha delegada da CIG, membro do Comité de Empresa e ademais delegada de prevención de riscos laborais. Segundo informa á propia compañeira, este expediente ábrenllo a petición da UGT e á vista dun escrito presentado pola Sección sindical deste sindicato. Dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos consideramos que este é o último capítulo de persecución sindical perpretado polo goberno municipal coa axuda da UGT, que teima en ir contra os traballadores deste Concello no canto de defendelos. Non sabemos se a UGT o que pretende é recuperar o que perdeu nas urnas perseguindo aos delegados sindicais da CIG.

O expediente, iniciado a petición da Seccion sindical da UGT, céntrase no ocorrido nunha reunión de traballadores na que estaba presente o propio concelleiro da área, e na que se puxo de manifesto que había unha traballadora que non cumpría co seu traballo e isto supoñía unha sobrecarga de traballo para as restantes e acto seguido os membros da UGT do Concello de Betanzos, que nin sequera estaban presentes alí decidiron denunciar ante o alcalde unha versión dos feitos que non coincide co realmente acontecido. Efectivamente dende a CIG defendemos os dereitos dos traballadores que cumpren os seus deberes porque os empregados das Administracións públicas somos os primeiros que debemos dar exemplo e o que non imos defender é aos traballadores que non cumpren coas súas tarefas para que recaian noutros compañeiros.

Dende a CIG amosamos o noso completo apoio á compañeira expedientada e o rexeitamento ás actuacións do goberno municipal amparadas polo sindicato da UGT e consideramos que o PSOE debe recapaitar na súa cruzada contra a CIG e contra os propios traballadores do Concello. Este mesmo goberno foi o que hai dous anos despediu de xeito improcedente ao secretario do Comité de Empresa, entre outros compañeiros, e entre os que curiosamente non estaban os delegados da UGT, hai un ano abriulle un expediente por primeira vez a un dos compañeiros da CIG readmitidos e agora colma o vaso expedientando a unha delegada de prevención de riscos laborais por faladurías que a UGT non pode nin demostrar. É ben sabido que os delegados de prevención de riscos laborais da CIG teñen levado ao goberno municipal neste últimos anos múltiples veces á Inspección de Traballo que se ve na obriga de apercibir continuamente ao Concello de Betanzos, e que estas actuacións tamén teñen sido duramente criticadas pola UGT, sempre partidaria de non denunciar as irregularidades diante da autoridade laboral e tapar toda canta merda hai neste Concello, quizais este último e gravísimo feito non se deba máis que á represión pura e dura ante o traballo sindical da compañeira da CIG.

A maiores queremos denunciar publicamente que o goberno municipal leva a cabo un trato completamente discriminatorio no inicio dos expedientes, posto que cando hai dous anos a propia presidenta do Comité lle comunicou ao Concello un desgradable capítulo que tivo que padecer co secretario municipal por culpa de negarse a dar a conformidade a uns contratos que consideraba irregulares, este mesmo goberno do PSOE non só non iniciou o expediente senón que mesmo negou a existencia da queixa durante meses no pleno e á oposición, dando un trato privilexiado ao secretario municipal fronte ao que posteriormente fixo con varios membros da CIG, e máis aínda neste caso cando vén de lle abrir un expediente a unha delegada da CIG por un feito no que non están implicados nin estaban presentes ningún dos acusadores. Coidamos que é completamente vergoñento o xeito en que o Concello ignora o comportamento completamente antidemócratico dalgúns traballadores e busca escusas para crucificar aos que non fan máis que defender os dereitos do persoal laboral deste Concello e denunciar as irregularidades que levan anos cometéndose.



Betanzos, 28 de agosto de 2014

Os contratos temporais incrementáronse en xullo un 25,17%, afianzando a precarización do mercado laboral e a emigración


O abaratamento da contratación indefinida non reverte a brutal temporalidade do mercado de traballo de Galiza, onde máis do 93% dos contratos son eventuais

Os datos do paro rexistrado do mes de xullo confirman a mentira de que  esteamos nunha etapa de crecemento. Malia contabilizarse un descenso nos datos de desemprego no mes de xullo (en Galiza baixou en 12.000 paradas/os), principalmente debido á estacionalidade e á emigración, a precariedade e a temporalidade medran de xeito imparábel, e dos 91.604 contratos asinados, tan só 5.466 se fixeron baixo algunha das modalidades de contratación indefinida en vigor.  
Así, o mercado de traballo segue caracterizado por unha temporalidade brutal: máis do 93% dos contratos de traballo en Galiza son temporais e nin o abaratamento da contratación indefinida (está en pleno vigor a denominada “tarifa plana”) nin a marea de mensaxes do PP sobre as perspectivas económicas, poden ocultar este deterioro do mercado laboral.
Un mes máis, a contratación precaria volve ser a protagonista e se durante xullo se asinaron en Galiza 91.604 contratos, tan só 5.466 foron indefinidos. A maioría do emprego creado o pasado mes ten un carácter estacional, xa que a contratación temporal se incrementou un 25,17% respecto de xuño, fronte á indefinida que só medrou un 1,20%.
A CIG denuncia que estes contratos temporais levan aparelladas unhas condicións laborais e salariais peores, o que á súa vez provoca que haxa menor consumo e, polo tanto, que a economía siga estancada.
Xunto a isto, a CIG alerta do alarmante incremento da pobreza que se está a producir en Galiza, xa que hai 93.700 fogares con todos os seus membros activos no paro. Ademais, un total de 118.100 persoas, o 42% de desempregados/as leva máis de 2 anos en situación de desemprego e xa non ten ningún tipo de axuda, segundo os datos da EPA do último trimestre.
Para o Secretario de Organización da CIG, Paulo Carril,  estes datos “confirman o fracaso das políticas económicas e laborais do PP, e o deixamento de funcións e pregamento do Goberno de Feijoo ás directrices do Goberno español, tal e como demostra o feito de que as empresas continúen a executar EREs e a realizar despedimentos masivos (aí están os  casos de Atento ou  Siemsa-GES), ao tempo que asistimos na Galiza ao desmantelamento de sectores industriais e económicos básicos para a creación de emprego de cualidade e estábel. É dicir, máis paro,  máis emigración, máis precariedade e máis pobreza”.
Á vista desta situación, a central nacionalista reitera  que hai alternativa, como o demostran  as 100 medidas para o crecemento económico e a creación de emprego propostas pola CIG a través  dunha  ILP que foi rexeitada polo PP no Parlamento galego.
Pola mesma razón, a CIG rexeita a apertura do diálogo social e a sinatura –a pasada semana- dun Acordo entre o goberno, CCOO, UGT, CEOE e CEPYME supón por parte destes sindicatos avalar tanto as políticas do PP destes últimos anos, como as futuras, e dar un “cheque en branco” ao goberno para aplicar as medidas ditadas pola troika e a UE que foron as que nos levaron a esta situación.

Presentada denuncia penal contra a médica do INSS que actuou na revisión pola que se deu de alta a un envelenado por mercurio




Hai dous meses o organismo revocou a incapacidade absoluta que tiña recoñecida o traballador dende había catro anos

Pablo Sánchez Pena, acompañado polo Técnico de Prevención da CIG, Ernesto López Rei, vén de presentar denuncia penal no xulgado de garda por prevaricación administrativa contra a funcionaria médica do INSS que actuou na revisión que finalmente derivou na revogación da súa incapacidade absoluta por envelenamento crónico por mercurio.

En rolda de prensa ás portas dos xulgados da Coruña, denunciouse que, a pesar das gravísimas patoloxías que padece Sánchez e da forte medicación que ten que tomar, hai dous meses, o INSS revocou a incapacidade absoluta que tiña recoñecida dende 2011 e pasou a consideralo apto para o traballo.
Para López Rei, esta actuación haina que enmarcar “nunha estratexia do INSS de dar altas para librarse de cargas”,  cualificando de “auténtica aberración” esta política de corte economicista. “Ademais, entendemos que houbo mala fe por parte da funcionaria médica actuante e que emitiu unha resolución totalmente arbitraria. Por iso imos presentar unha denuncia por prevaricación administrativa”, apuntou.
A este respecto, o propio afectado lembrou que cando acudiu á revisión, a facultativa “díxome non estaba disposta a revisar todo o meu expediente, e despois preguntoume se a incapacidade me foi dada polo INSS ou o xulgado, porque se ma dera o INSS era máis doado retirarma”.
Precisamente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (en recurso de suplicación) vén de considerar como enfermidade laboral a intoxicación crónica por mercurio que padece Sánchez, xa que esta ten unha clara orixe no seu traballo como montador de tubos fluorescentes, que conteñen mercurio e vapor de mercurio.
Situación de total indefensión
Pablo estivo dous anos de baixa, tras dos cales o Sergas pasou o seu expediente ao INSS, recoñecéndolle unha invalidez total, primeiro, e absoluta despois. Agora, está á espera de que a Seguridade Social dea resposta ao recurso administrativo presentado contra esta inxusta resolución.
Na rolda de prensa denunciouse a situación de total indefensión na que fica actualmente Pablo Sánchez xa que perdeu o dereito á reincorporación ao seu posto ou a cobrar unha prestación por desemprego, e debido a súa delicada saúde –con visitas constantes aos hospitais, episodios de perda de memoria, desorientación, etc.- non pode desenvolver ningún traballo. Nestes momentos o único ingreso de Sánchez Pena procede “dun ridículo subsidio”, xa que tamén está privado da pensión de invalidez.
Ademais, ao perder a incapacidade agora ten que afrontar parte do custe das medicinas que toma. Cómpre subliñar que sufre máis de 40 patoloxías e que cada mes ten que tomar 1.230 pastillas, 240 inhalacións, 15 inxectábeis, 4 ampolas bebíbeis, 90 ampolas oculares e 60 aplicacións tópicas.“Coa súa decisión, o INSS está condenando a este home á exclusión social e á indixencia”, advertiu López Rei.

A CIG presenta alegacións á Relación de Postos de Traballo e ao capítulo de normas de persoal do orzamento 2014

A CIG presentou nos pasados días as alegacións ao capítulo de normas relativas ao persoal dos orzamentos 2014 e da Relación de Postos de Traballo.

Logo de examinar a documentación aprobada pola Xunta de Goberno o pasado 24 de xullo de 2014 e comprobar que era a mesma que a presentada na Mesa Xeral de Negociación aos sindicatos, simplemente coa corrección e engadido da data de antigüidade dalgúns compañeiros que antes non aparecía, a CIG decidiu presentar reclamacións á aprobación provisional do orzamento para que o goberno municipal as poida ter en conta de cara á aprobación definitiva do orzamento e Relación de Postos de Traballo.

Nos documentos rexistrados recóllense alegacións dende as retribucións complementarias solicitando que se corrixan as deficiencias, que se subsanen os erros indicados, e que o Concello faga público o manual do criterio de asignación dos niveis de complemento de posto e que lle asigne o devandito nivel a todos os postos de persoal laboral, que deben ter un dos 15 niveis de complemento de posto e a maiores explicar o motivo da asignación dun ou doutro complemento, así como todo o relativo aos complementos persoais, ao descolgue do convenio colectivo decidido nesta lexislatura polo Concello de xeito unilateral con respecto a un colectivo de traballadores que cobra por horas e supera con isto en retribucións á maior parte do resto do persoal cuxas retribucións se rexen polo convenio colectivo. Tamén se lle solicitou ao Concello que utilice os mesmos criterios de retribución ocasional polo desempeño de funcións superiores en vacacións, baixas etc para o persoal laboral e o funcionariado, advertindo que do contrario isto supón un agravio discriminatorio en función da relación contractual dos traballadores, así como que unifique e especifique os criterios retributivos do persoal ao abeiro de subvención de xeito que todos os traballadores en semellante situación contractual coñezan e se lles aplique o mesmo criterio con respecto ás retribucións básicas e complementarias.

Con respecto á Relación de Postos de Traballo as alegacións presentadas lembráronlle ao Concello que na documentación que o Concello aprobou en Xunta de Goberno o 24 de xullo de 2014 indica que esta Relación de Postos de Traballo é a do ano 2012, cando non ano 2012 non se aprobou ningunha RPT. No ano 2012, logo da aprobación duns orzamentos vinculada a unha cuestión de confianza a Relación de Postos de Traballo que o goberno municipal presentou non foi aprobada polo Pleno, e por tanto, tal e como se publicou no Boletín Oficial da Provincia n.º 224 de 23 de novembro de 2012 con respecto á probación definitiva do orzamento "O cadro de persoal corresponde co presuposto do exercicio de 2008, que foi publicado no BOP n.º 235 de 11 de outubro de 2008". Se no ano 2012 a RPT vixente era a do ano 2008 e esta non presenta ningunha modificación con respecto á que está en vigor a que o Concello presenta debería ser a do ano 2008. Hai que lembrar que a Xunta de Goberno Local, tal e como lembra o secretario municipal no informe que forma parte da documentación do orzamento, non ten entre as súas atribucións a modificación da RPT, por tanto non pode alterar as súas retribucións, só é o Pleno da corporación quen o pode facer. Entendemos, pois, que o Concello, está a utilizar unha Relación de Postos de Traballo que non foi aprobada nun pleno e única que pode permanecer vixente é a do ano 2008.

Con respecto a todo isto e baseándomonos en que a Xunta de Goberno Local non pode realizar unha modificación da Relación de Postos de Traballo no documento sinálanse polo miúdo todos os puntos en que se demostra que esta RPT ten modificacións con respecto á vixente do ano 2008 para finalmente solicitarlle ao goberno municipal que xunto co orzamento se indique que a RPT vixente é a do ano 2008 e se achegue esta, no caso de non querer iniciar un proceso de negociación, no canto de presentar unha de 2012 inexistente e con modificacións con respecto á de 2008 non negociadas cos representantes dos traballadores. A modificación de complementos e características que se presenta exixe negociación e debe ser aprobada polo Pleno, premisas que non foron cumpridas neste procedemento administrativo. Ademais, á vista de que o Concello non negociou cos traballadores as modificacións da Relación de Postos de Traballo, solicitouse que retire esta RPT e faga referencia e informe de que segue vixente a do ano 2008 xunto co orzamento 2014. Do contrario, solicitámoslle ao Concello que inicie un verdadeiro proceso de negociación cos representantes dos traballadores para a modificación e mellora da Relación de Postos de Traballo do Concello de Betanzos. Ademais solicitamos que se faga público o sistema de xestión da RPT que valora cada un dos postos e a aplicación deste eles que poña de manifesto os criterios empregados para a desproporción na valoración dos postos ocupados por persoal laboral fronte aos de funcionarios.

Alegacións Ao Capítulo de Normas de Persoal by cigconcellobetanzos

Alegacións á Relación de Postos de Traballo by cigconcellobetanzos

08/08/14

Perda de vixencia do convenio colectivo e espera dunha resposta por parte do Concello

Xa o mes pasado alertabamos sobre este tema, de non se renovar o acordo de vixencia do convenio colectivo o Concello podería descolgarse do convenio no momento que estimase oportuno. O día chegou e pasou, o acordo de prórroga do convenio colectivo do Concello de Betanzos caducou o pasado 30 de xullo, data en que había un ano o Concello o acordara e só por un ano, a pesar de que a solicitude do Comité de Empresa foi solicitar a prórroga mentres non entrase en vixencia un novo convenio, porque xa en 2013 viamos vir que a negociación do convenio non ía por bo camiño.

O Comité de Empresa unanimemente e por iniciativa da CIG acordou solicitarlle ao Concello a ampliación da prórroga no pasado mes de xullo, e á vista de que non había resposta mesmo solicitou unha reunión co concelleiro de Persoal antes do pleno do mes de xullo de cara a que este asunto se solucionase canto antes. A resposta do concelleiro foi clara, agora, para este tema, tamén están utilizando para asesorarse a Galivalia, a famosa empresa contratada para elaborar unha nova RPT e colaborar na negociación do convenio, que á vista dos feitos fai de todo menos aquilo para o que foi contratada. En principio, contou algo que xa sabiamos, que no caso de que o Concello se descolgue do convenio e decida non aplicalo se imos ao xulgado hai moitas sentenzas que nos darían a razón canto á vixencia dos convenios colectivos máis aló dun ano despois de se denunciar sen que se che chegase a acordo dun novo,  mais dende o Comité de Empresa xa se explicou e solicitou que o Concello adoptase un acordo explícito, ao igual que fixo o ano anterior, para non ter que chegar en ningún caso ao xulgado nin a terse que fiar da boa vontade desta Administración local na que os gobernos mudar mais o persoal debe ter sempre os seus dereitos garantidos, máis aínda que xa non é a primeira vez que o Concello de Betanzos defende nun xulgado do social que o persoal laboral non ten os mesmos dereitos que o persoal funcionario.

Dende finais de xullo o Comité agarda polo resposta do Concello sobre esta cuestión, porque o propio concelleiro dixo que falarían con Galivalia para ver se para acordar unha nova prórroga do convenio colectivo habería que levar un acordo a pleno ou serviría cunha resolución da Alcaldía, e o que é mellor aínda é que desta volta a prórroga sería, en principio, ata a aprobación dun novo convenio, cousa que xa se solicitou en 2013 mais que parece ser que segundo os informes non era posible, simplemente se podía facer por un ano, e que agora, un ano despois, sen modificación lexislativa ningunha si que se pode facer un acordo de prórroga do convenio colectivo ata a entrada en vigor dun novo, cuestión que xa nin sequera merece comentario porque cae polo seu propio peso. Xa non imos entrar tampouco en que é o Concello quen debeu reunirse xa no ano pasado co Comité de Empresa para adoptar o acordo de prórroga, porque son os traballadores e as empresas quen negocian e acordan os convenios, porque o que queremos dende a CIG é que o Concello se pronuncie dunha vez sobre este tema e traslade a decisión de prorrogalo ou non por escrito, que é como se deben facer as cousas na Administración Pública porque de pouco vale que este goberno municipal nos diga que non se vai descolgar se para o ano non está acordado un novo convenio, cambia a corporación  e decide que si que se descolga, aí o persoal laboral quedaría vendido simplemente por non ter dado na actualidade os pasos necesarios o goberno municipal para que non quedásemos sen convenio.

Independentemente de todo isto é lamentable ver como o goberno municipal acude a empresas externas para solicitar informes cando non lle conveñen os que fai o persoal municipal, estámolo vendo neste caso mais tamén o acabamos de ver na propia documentación do orzamento onde os técnicos municipais advirten que a parte da paga non se lle podía pagar ao persoal funcionario pola inexistencia dunha sentenza, mais por arte de maxia, e axudado pola empresa dos 21 000 ao ano o Concello o fixo posible, o que demostra que o seu amparo nos informes do persoal municipal pode chegar a ser completamente interesado, porque cando non interesan pídeos á empresa externa, o que si que agardamos é que deixe de dicir que non pode solucionar tal ou cal tema relativo ao persoal laboral porque llo impiden os informes dos técnicos, e utilice un criterio uniforme, sempre en beneficio dos traballadores, para todo o persoal, laboral e funcionario.