28/08/15

Información sobre as revisións médicas

Estes días finalizou a primeira quenda das revisións médicas do ano 2015. En setembro haberá unha máis os días 15 e 18 de setembro e, segundo nos informaron desde o Departamento de Persoal, no caso de se precisar algún día máis fixaríase máis adiante.

En principio as revisións terán lugar eses dous días do mes de setembro no Centro de Formación Ocupacional e para inscribirse hai que poñerse en contacto coa oficina do propio centro.

Cómpre lembrar que estas revisións débense facer de xeito anual e que só logo de diversas denuncias na Inspección o Concello por temas de saúde laboral son realizadas por terceiro ano consecutivo de xeito anual logo de anos sen se levaren a cabo. Tamén hai que destacar que non son obrigatorias, non obstante si que poderían ser importantes á hora de tentar acreditar unha enfermidade profesional e un deterioro da saúde producido polas circunstancias dos distintos postos de traballo, posto que as revisións non deben ser xenéricas senón específicas e avaliar os efectos do traballo e de cada posto na saúde do persoal.

25/08/15

O goberno informou de que o convenio foi finalmente enviado

Nos pasados días o goberno municipal informou á representante do Comité de Empresa de que o convenio do persoal laboral finalmente foi enviado aos organismos pertinentes e, por tanto, iniciou a tramitación correspondente.

Logo de que desde a CIG e a través do Comité instásemos ao Concello a que tramitase este tema coa maior urxencia posible e non o demorase máis, no mes de agosto e cinco meses despois de que se aprobase polo Pleno da corporación finalmente o Concello inciou a tramitación.

Hoxe mesmo a presidenta do Comité informou a todo o Comité de Empresa da información que lle achegou o propio alcalde, porque o Convenio foi aprobado pola asemblea de traballadores e con posterioridade pola maioría do Comité de Empresa coa CIG en solitario, e a pesar de que UGT se opuxo a este convenio e fixo campaña pública en contra del entendemos que todos os membros do Comité de Empresa debe ter información sobre o estado da tramitación dun documento tan importante ao que só amosaron o seu rexeitamento público algúns delegados da UGT mais non así o resto dos traballadores reunidos en asemblea que o apoiaron.

Nos vindeiros meses agardamos ter novidades dos organismos laborais sobre esta tramitación e seguiremos manténdovos informados puntualmente.

13/08/15

O Comité transmítelle de novo aos partidos políticos da oposición a súa preocupación polo incumprimento da moción contra a privatización do servizo de limpeza

Cun descaro total o Concello vén de levar a cabo a terceira incursión en tres meses dunha empresa privada na limpeza das dependencias municipais. A situación é tan escandalosa que o Concello non só incumpre o acordo plenario que el mesmo apoiou senón que ignora dun xeito descarado non só ao Comité de Empresa senón as decisións do pleno da corporación, o máximo organismo decisorio do Concello.

O propio concelleiro volveu ter esta semana escusas de mal pagador ao indicar que só se contratara por un mes, primeiro foi por xuño, en xullo por uns días e agora por todo agosto. O máis gracioso do tema é que nos tres casos foi a mesma empresa e en ningún caso vimos que tal traballo tivese unha contratación pública, o que demostra que a destrución de emprego pública que o PSOE está a levar a cabo nos tres primeiros meses de mandato non só pretende acabar co servizo de limpeza municipal senón que se fai claramente para privilexiar a unha empresa concreta, xa se sabe que O PÚBLICO É SERVIZO E O PRIVADO É BENEFICIO.

A CIG desde o Comité de Empresa amosoulle o seu total rexeitamento ás políticas de privatizacións e exíxelle que lle dean cumprimento ao acordo plenario para solucionar a situación. É máis, en poucas semanas o problema será maior porque o aulario non terá persoal mentres as traballadoras agardan a que oi seu caso se resolva no Xulgado do Social da Coruña.

O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG ante esta preocupante situación, comunicoulle a situación ao todos os partidos políticos da oposición para que sexan coñecedores da vulneración do acordo plenario tomado no mes de xullo e tomen as medidas que consideren oportunas.

Deixámosvos aquí o texto enviado aos partidos da oposición (PP, BN, BNG e CXG):


Boa tarde,

Desde o Comité de Empresa queremos comunicarvos que logo dunha semana sen limpar diversas dependencias municipais o Concello vén de contratar a unha empresa privada, máis unha vez, e van tres nesta lexislatura, para a limpeza das dependencias municipais.
Estes acontecementos prodúcense logo de que se aprobase unha moción contra a privatización do servizo que o propio goberno municipal apoiou, o que consideramos sumamente grave, e que demostra que estabamos no certo cando falabamos do desmantelamento do servizo de limpeza municipal, que se desarmou e deixou morrer case por completo para deixarse o paso libre á privatización.

Logo de solicitar unha reunión hai varios días, o concelleiro de Persoal, Diego Fernández recibiunos e indicounos que a empresa só está contratada polo mes de agosto (antes só era polo de xuño e en xullo só por uns días...), non obstante entregounos un informe do secretario municipal con respecto a unha proposta que el mesmo fixo e que consideramos que, por xeral, estaba mal formulada desde o inicio, polo que o secretario municipal conclúe dun xeito tallante ao se referir tanto ás vacantes como ás baixas mais sen especificar cada caso que é ben diferente e finalmente, acaba, como noutros tantos casos, sen dicir nada.

Como o propio informe indica neste Concello hai un grave problema de persoal que se arrastra desde hai moitos anos e derivado dunha pésima xestión da área e múltiples irregularidades que perduraron no tempo e que deron lugar a que na actualidade o cento por cento do persoal laboral deste Concello é temporal; unido a isto o feito de que nunca houbo unha OPE de laborais que consolidase postos (hai mesmo un outro informe da Secretaría onde se afirma esta realidade) estalle a servir ao goberno socialista dun xeito perverso para ampararse na non cobertura das vacantes por xubilación, toda vez que non hai que confundir que aínda que o persoal non sexa fixo os postos si que o son por iso existe unha Relación de Postos de Traballo, do contrario non constarían nela como pasa no caso dos postos creados ao abeiro de diversas subvencións e que non constan na RPT. Caso distinto é o das baixas, que mesmo no 2014 se cubriron dúas e cuxa escusa de non cobertura é claramente intencionada. 

Polo que respecta á vinculación dos contratos á existencia de prazasna RPT que se menciona no informe resulta irrisoria cando o Concello vén de contratar un patrón por dous meses ou cando hai xusto un ano contratou a dúas traballadoras de limpeza para o aulario, das que tampouco existía praza e que o Comité advertiu no seu momento, aínda que os informes naquela altura tiraban por outra vía. Tamén entendemos que poderiamos estar ante xuízos de opinión cando se indica que a limpeza non é un servizo esencial da Administración, toda vez que non hai que confundir servizo mínimo obrigatorio con esencial e que se as dependencias onde se prestan servizos obrigatorios ou non, non se  limpasen, incumpriríase a Lei de Prevención de Riscos Laborais e o Concello non podería prestar ningún tipo de servizo, privando dos seus dereitos á cidadanía. Tamén é destacable que cando se fala de competencias no tema da limpeza dos colexios (é curioso que non inclúa as conserxarías, servizo tamén prestado polo Concello mais do que non se dubida a competencia) sexa unha Administración ou outra a que o preste mais en todo caso é un servizo que garante o dereito á educación necesario e fundamental e a Administración que asumiu a responsabilidade, neste caso o Concello, nin pode nin debe deixar á deriva a garantía dos dereitos da cidadanía baixo un pretexto tan nimio.

O Comité xa lle trasladou ao goberno municipal a súa total oposición á privatización e a obviedade dos tumbos que os informes da Secretaría municipal veñen dando nos últimos anos e non en función da lexislación vixente neste caso, que desde o ano pasado non mudou, senón en base a factores que descoñecemos mais que resultan preocupantes. Ben é certo que noutros casos, coma no do convenio aprobado no pleno de abril o goberno municipal fixo caso omiso ao informe da Secretaría, por tanto, que as escusas quizais son válidas cando son coherentes mais cando se tornan interesadas nin o son nin convencen.

O motivo de nos dirixir a vós de novo é que saibades que o goberno municipal fixo caso omiso ao acordo plenario con respecto ao servizo de limpeza e, por tanto, xa non só ignora ao Comité de Empresa, senón a todos os partidos da oposición e ás decisións tomadas polo máximo organismo decisorio deste Concello, sen entrar a valorar o esperpento que supón que eles mesmos votaran a favor do que incumpren ao día seguinte. Ademais, entendemos que é de xustiza que esta información sexa pública posto que logo de só tres meses estamos seriamente preocupados polo rumbo que en materia de Persoal está a tomar este goberno municipal.

Agradezo enormemente a vosa atención e se tiverdes algunha cuestión non dubidedes en vos pór en contacto comigo.

Betanzos, 13 de xullo de 2015
Silvia Muíño Naveira
Presidenta do Comité de Empresa

MENTRES O CONVENIO SEGUE PARALIZADO OS CONCELLEIROS SÓBENSE O SALARIO

Hai cousas que corren présa e outras que van paseniño, todo depende da importancia e o interese que o goberno municipal teña en que se tramiten.

Pouco tardaron en aprobaren as súas propias retribucións e mesmo menos en ampliar a partida de gastos dos concelleiros nun mínimo de 12 000 euros máis anuais ao engadirlle un concelleiro sen dedicación á Xunta de Goberno Local.


Mais cando se trata do convenio dos traballadores, acordado en Mesa Xeral de Negociación e aprobado en pleno hai xa varios meses a cousas cambia. A pesar de que no pasado mes o concelleiro de Persoal indicou que o convenio se enviaría, pouco despois tivemos novas de que non foi así e segue no Concello e sen se tramitar.

Xa hai dous meses o Comité instou ao Concello a que axilizase a súa tramitación mais o goberno municipal vén facendo oídos xordos ao compromiso que adquiriu cos traballadores laborais e que aprobou no último pleno da pasada lexislatura. Entendemos que o Concello aforra cartos mentres isto non siga para adiante mais lamentamos fondamente que demostre un nulo interese en que saia para adiante o acordo ao que chegou cos traballadores e traballadoras.

No caso de esta situación continuar así o Comité de Empresa deberá valorar as medidas que tomar para que o Concello dea o paso e non teña secuestrado no Concello un texto que foi acordado cos traballadores e aprobado polo pleno municipal.

O Comité advertiulle ao Concello que considera grave que catro meses despois da súa sinatura o Concello aínda non iniciase a tramitación do convenio acordado e ratificado polo pleno e non enviase a documentación pertinente aos organismos administrativos laborais correpondentes posto que é o goberno municipal o encargado de levar a cabo a tramitación e execución dos acordos tomados polo Pleno da corporación.


PRESENTADAS AS DÚAS DEMANDAS NO XULGADO DO SOCIAL

As compañeiras de limpeza despedidas veñen de presentar nestes días no Xulgado do Social da Coruña as demandas contra o Concello de Betanzos á vista de que este non foi quen nin de dar resposta ás reclamacións previas. As compañeiras solicitan a improcedencia dos despedimentos que o Concello levou a cabo hai pouco máís dun mes.

Pola contra, na reunión que a representación do Comité tivo co concelleiro de Persoal, Diego Fernández López, no pasado mes de xullo, este indicou que si que lles darían resposta e que era o asesor xurídico do Concello o que estaba mirando o tema. O tempo pasou e o tema, polo que se ve, tamén, e o prazo dun mes que se entende como denegatorio ás reclamacións previas realizadas ante o Concello obrigou ás compañeiras a presentaren ambas as demandas no xulgado social.

É significativo que a pesar do conflito existente en ningún momento o Concello se puxese en contacto con elas en todo este tempo e non sexa quen de atallar un outro problema que se lle vén eriba porque nun mes comezará o colexio e o aulario non ten persoal de limpeza precisamente porque foi el quen o despediu!

A necesidade deses postos de traballo non só está xustificada pola urxencia da creación das prazas ao inicio do pasado curso senón porque logo do despedimento das compañeiras o Concello enviou aos traballadres de limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín a cubrir parcialmente o seu traballo, o que demostra claramente que a obra ou servizo non finalizara, tal e como defende o Concello para as despedir. A maiores, desde a CIG entendemos que a limpeza dun centro de ensino é un servizo básico e esenciañ que non finaliza a non ser que o centro peche, e para nada foi o caso, porque ata onde sabemos o aulario segue e seguirá funcionando.


READMISIÓN XA!!!!!!!!
NON AO DESMANTELAMENTO DO SERVIZO DE LIMPEZA
CONTRA A PRIVATIZACIÓN, SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS!

10/08/15

Abrindo camiños n.º 44 AGOSTO 2015

Aquí tendes o número 44 do voceiro da Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos Abrindo camiños.

No noso medio impreso atoparedes as seguintes novas:

-Contra a privatización, solucións!!!
-Presentadas dúas demandas no Xulgado do Social.
-O convenio segue paralizado no Concello.
-Festivos autonómicos ano 2016.
-Un pouco de humor


05/08/15

Dispárase o número de contratos temporais e continúa descendendo o número de desempregados/as que perciben algunha prestación

Os datos do paro rexistrado do mes de xullo revelan a elevada rotación do mercado de traballo e súa progresiva precarización

O número desempregados e desempregadas anotadas no Servizo Público de Emprego (SEPE) acadou en Galiza no mes de xullo as 216.371 persoas (12.691 parados/as menos con respecto ao mes anterior). Unha evolución positiva no paro rexistrado que se repite cada ano neste período por mor das contratacións da campaña de verán. Porén, estes datos contrastan coa elevada contratación temporal e o continuado descenso da taxa de cobertura.

A este respecto hai que subliñar que dos 98.931 contratos asinados en Galiza durante o pasado mes, só 6.035 (6,10%) se inscribiron baixo algunha das modalidades de contratación indefinida existentes. Os restantes 92.896 contratos rexistrados teñen carácter temporal, o que da unha idea clara da elevadísima rotación do mercado de traballo e das precarias condicións laborais que isto conleva.

Neste senso cómpre lembrar que das cifras de contratación, 73.785 corresponden a contratos temporais asinados no sector servizos, principalmente nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Paro o Secretario Confederal de Finanzas, Ramiro Oubiña, este dato, “que en cifras absolutas pode parecer positivo, é un dato baleiro” se non se analiza que tipo de emprego se está a xerar. A este respecto, apunta que, no caso de Galiza, os datos oficiais do Instituto Galego de Estatística para o ano 2014 indican que o 36% dos contratos realizados neste período foron a tempo parcial.

Por iso, bota en falta que na análise política que o PP fai do desemprego non se entre a valorar en profundidade a cifra total de contratos a xornada completa e a xornada parcial, e dentro desta o número de horas de traballo por contrato. “A caída do paro en máis 12.000 persoas en Galiza é positiva e esta é a análise superficial que fai o PP ás portas dunhas eleccións.  Pero se desagregamos os datos podemos  chegar a conclusións dramáticas: non se está creando emprego, senón que onde antes había posto de traballo, agora hai tres postos precarizados”.

Amais, lembra que para que un ou unha traballadora volva contabilizarse nas listas do paro ten que pasar un mes logo do seu último contrato, aínda que este só durara tres días.

Outro dato significativo para o Secretario Confederal de Finanzas da CIG sobre as condicións do mercado laboral refírese a que, aínda medrando as altas na Seguridade Social, os ingresos desta están en caída dende o ano 2008. Unha merma que atribúe –entre outras cuestións- ao espectacular incremento dos contratos a tempo parcial que implican cotizacións máis cativas. “O que está a facer o PP é repartir a miseria”, asegura.

Xunto a isto, Ramiro Oubiña denuncia a gravísima perda de poboación activa no noso país, ligado especialmente á emigración entre a xente máis nova e mellor preparada.

Descenden os parados que perciben prestación

Doutra banda, a porcentaxe de parados/as que perciben algún tipo de prestación continúa descendendo, sendo no mes de xuño 110.279 as persoas que perciben algún ingreso (fronte ao total de 216.371 persoas inscritas no SEPE). Deste colectivo, unicamente 42.840 (38.9%) desempregados/as reciben prestación contributiva, fronte ás 52.361 persoas que perciben un subsidio, as 12.762 que cobran a Renda Activa de Inserción e as 2.316 cuxos ingresos proceden do denominado Programa de Activación de Emprego.

É dicir, de cada 100 parados/as só 51 cobra algún tipo de prestación, mentres que no mesmo período do ano pasado, eran 54,2 os desempregados e desempregadas con prestación.


O goberno segue utilizando de almacén a entrada da Casa do Concello: nova queixa dos delegados de prevención

Os delegados de prevención veñen de poñer unha nova queixa porque o Concello teima en utilizar a entrada da Casa Consistorial como almacén de enseres, engadíndolle riscos a un edificio que está avaliado como oficinas administrativas, coas consecuencias que isto supón non só para o propio persoal que traballa alí senón para a cidadanía que acode ás dependencias municipais. Xunto co documento rexistrado con data de onte achegan fotografías dos feitos descritos.

En principio, parece que o Comité de Seguridade e Saúde se constituirá o vindeiro mes de setembro, segundo indicou o concelleiro de Persoal. Cómpre sinalar que na actualidade non existe mais os delegados de prevención si que está nomeados porque é o Comité de Empresa os que nomea os do persoal laboral, canto ao delegado que lle corresponde ao persoal funcionario descoñecemos se xa está designado e de quen se trata.

Contratos de luns a domingo e sen horario, nova modalidade do Concello de Betanzos

É o segundo caso nos últimos quince días que o Concello lle achega ao Comité de Empresa un contrato que indica que a xornada se establecerá de luns a domingo e sen horario laboral definido.

Este e outros motivos son os que levaron ao Comité, por iniciativa da CIG, a amosar a súa disconformidade coas condicións laborais reflectidas no contrato de reforzo para o servizo de Turismo. Tendo en conta que neste Concello non existe nin un só documento nin papel, ou cando menos ao Comité de Empresa non llo facilitan, onde se recollan os horarios laborais dos diferentes servizos, a pesar de que xa hai tres anos o Comité propuxera incluír o anexo de horarios específicos no convenio e no último momento non foi no documento porque seica logo de tres anos de negociación non había tempo, os traballadores e traballadoras que comezan nesta Administración cuxos contratos non definen xornadas de traballo nin horarios laborais poderían verse obrigados a unha total dispoñibilidade non recoñecida nin remunerada.

Se a esta esperpéntica situación lle sumamos que se considera modificación das condicións laborais o cambio de horario o feito de que este non se reflicta no contrato facilita a modificación continua das condicións e podería servirlle ao Concello para vulnerar a lexislación laboral vixente. A maiores, e no caso de que o traballo se desenvolva de luns a domingo debería existir un calendario de quendas do servizo na actualidade inexistente polo que consideramos unha completa explotación este tipo de condicións laborais que deixan en clara situación de discriminación aos contratatos, coma neste caso, por subvención, fronte ao persoal máis estable da Administración local.

Como podedes ver, este e outros motivos levaron a achegarlle por rexistro ao Concello unha petición de adecuación do contrato ás condicións laborais conforme á lexislación vixente e a amosar a  disconformidade co que desde a CIG consideramos unha manobra para poder ter vía libre e vulnerar a lexislación laboral en materia de xornada de traballo.

04/08/15

Unha semana despois seguimos sen solución

Tal e como puidestes ver nos medios, o pasado martes aprobouse por unanimidade a moción que vos achegamos aquí. e que presentaron Betanzos Novo, Bloque Nacionalista Galego e Compromiso por Galicia en apoio ás reivindicacións do Comité de Empresa.

Pouco antes da concentración o voceiro do PP comunicoulle á presidenta do Comité o apoio do seu partido á moción e desde ese momento soubemos que sairía adiante mais a sorpresa foi que o propio PSOE votase a favor dunha moción para solucionar un problema que non só el mesmo creou senón que puido ter atallado hai xa ben tempo antes de chegar a esta situación.

Con anterioridade ao pleno os traballadores e traballadoras concentrámonos como protesta ante o desmantelamento do servizo, a privatización dos servizos públicos e en apoio ás compañeiras despedidas. Tamén nos apoiaron representantes de todos os partidos políticos da oposición e veciños e veciñas que se achegaron ata a Praza da Constitución.

Desde a Sección sindical da CIG queremos agradecer a todos e todas as asistentes o seu apoio aos servizos públicos en xeral e mais ao servizo de limpeza municipal en particular, tamén aos compañeiros e compañeiras que asistiron porque sabemos que aínda que hai cousas que cambiaron nestes anos aínda dar a cara pode tristemente traer consecuencias mais aínda así deron a cara en defensa dos servizos públicos e en apoio aos compañeiros e compañeiras do sector máis gravemente afectado na actualidade pola escasez de efectivos.

Cómpre destacar tamén o escaso apoio dos sindicatos con representación entre o funcionariado, que no caso de CCOO nin apoiou publicamente nin apareceu e no caso do CSIF fixo un brinde ao sol nos medios o mesmo día que non se materializou nun apoio físico na concentración nin en dar a cara polo servizo de limpeza no que tamén na actualidade hai persoal funcionario. Tamén é moi significativo que só hai dous anos UGT apoiase ao Concello nos despedimentos dos oito compañeiros e compañeiras do xa inexistente GRUMIR mesmo indicando logo de ter as sentenzas enriba da mesa que os seus despidos eran procedentes e defendendo ao goberno municipal ante tal inxustiza, e hoxe, dous anos despois, se posicione supostamente do lado das traballadoras despedidas, aínda que sen levar a cabo propostas de acción efectivas, e tente lavar a cara cando o único que deixa claro é que non usa o mesmo criterio para todos os traballadores, senón que os defenden ou non en función de se lle poden tirar proveito ao conto. 


O caso é que hai xa unha moción foi aprobada o martes pasado e o Comité de Empresa segue sen saber absolutamente nada do tema. A única novidade é a que xa advertiamos que con dous traballadores de vacacións, tal e como lles corresponde, o Concello conta só cunha única limpadora que se dedica ao Centro Cultural San Francisco e a Escola Infantil Municipal mentres o resto das dependencias apodrecen e o goberno municipal non se digna a facer efectiva a moción que el mesmo apoiou. A situación complicarase nas vindeiras semana co inicio do curso escolar e a inexistencia de persoal de limpeza para o aulario, para alén dos efectivos baixo mínimos con que contará a sede principal do centro unha vez que dous compañeiros se reincorporen das vacacións.

Resultou moi curioso que no pleno, o concelleiro de Persoal, Diego Fernández López, indicase que proximamente se ían dar de alta varios traballadores do servizo facendo alarde dos seus coñecementos e de decisións médicas que aínda están por vir, non sabemos se quizais nos contactos do Concello coa mutua se apuran as altas, mais realmente esta afirmación sobre a evolución do estado de saúde das baixas deixounos sorprendidos, porque un Concello que nin sequera prevé cubrir as vacantes por xubilación nin cubre as baixas de longa duración está preocupado da data de alta do persoal doente e aduce como solución a un problema grave de efectivos que non nos preocupemos, os que están enfermos proximamente se van poñer ben..., ás veces dá ganas de buscar a cámara oculta cando o concelleiro de Persoal abre a boca porque SOBE O PAN!

Desde a Sección sindical da CIG queremos denunciar que a unha semana de que o pleno aprobase a moción para a cobertura das baixas a situación non só non mellorou, senón que empeorou e de tres efectivos da limpeza a día de hoxe só temos coñecemento dunha persoa que estea traballando no mes de agosto. De seguir así o tema instaremos ao Comité a solicitar unha nova reunión co concelleiro de Persoal ou mesmo co alcalde, tentando esgotar todas as vías de diálogo para solucionar este caos que o desgoberno do Partido Socialista está causando no Concello de Betanzos, porque gobernar é tomar decisións ou executalas e, neste caso, o pleno xa tomou a decisión, e o goberno municipal só se ten que limitar a executala, mais polo que se ve, toma o seu tempo.

NON AO DESMANTELAMENTO DO SERVIZO DE LIMPEZA!!!

SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS

CONTRA A PRIVATIZACIÓN

READMISIÓN DAS COMPAÑEIRAS DESPEDIDAS

SOLUCIÓNS XA!!!!!!!!

03/08/15

Área Pública da CIG denuncia que os Orzamentos do Estado para 2016 "nin recuperan os dereitos roubados nin o emprego destruído"

Considera un anuncio electoralista o incremento salarial do 1% para o persoal das administracións e reclama aumentar o emprego público estábel para garantir uns servizos calidade

Como era de agardar, a reunión da Mesa Xeral de Negociacións das Administracións Públicas celebrada esta tarde co Ministro Montoro para tratar o Proxecto de Lei de Orzamentos 2016, resultou un simple formalismo que o Goberno do PP aproveita para anunciar medidas con fins electoralistas e de cara a manipular a opinión pública, pero que no fondo supoñen "atrasar a  recuperación dos dereitos salariais e laborais usurpados ás traballadoras e traballadores das administracións e afondar na destrución do emprego e os servizos públicos".

Para Área Pública da CIG (Ensino, Saúde e Administración) a proposta trasladada polo ministro de incremento salarial do 1% para o vindeiro ano resulta unha medida "electoralista" e "unha esmola" tras anos de perdas de dereitos e salarios. Neste senso, lembran que as políticas salariais até o  ano 2015, conlevaron que a perda do poder adquisitivo dos/as traballadores/as das administracións públicas galegas se elevase a máis do 30% dende o ano 2010. 

A paga extraordinaria, por etapas

En canto ás pagas extraordinarias, o goberno do PP ten previsto abonar ao longo deste ano outro 25% da paga de 2012, mais as empregadas e empregados públicos terán que agardar até o próximo ano para percibir o 50% da cantidade restante. Porén este pago tan só está garantido para o persoal da administración xeral do Estado e, segundo as informacións do ministro, as demais institucións abonarán as cantidades adebedadas "en canto lles sexa posíbel".

De igual xeito, tampouco se regula a recuperación das pagas recortadas ao persoal da Xunta de Galiza. Sobre este punto, a CIG esixiu garantías para que en Galiza as traballadoras e traballadores públicos teñan a recuperación salarial do mesmo xeito que se determine para o persoal da Administración Xeral do Estado.

Nesta liña, na batería de reivindicacións presentadas pola CIG durante a xuntanza, solicitouse que nos orzamentos estatais se recolla que as pagas extraordinarias de todos os empregados/as públicos serán completas, para obrigar a Xunta a repoñer a totalidade das pagas extraordinarias de xuño e decembro “que dende o ano 2013 ven roubando as súas empregadas e empregados públicos. De modo que, dunha vez, se eliminen as discriminacións salariais que esta a realizar a administración autonómica co seu persoal.

Taxa de cobertura insuficiente

No apartado das taxas de reposición, Montoro explicou que a taxa de cobertura será do 100% nos servizos básicos (saúde, ensino ou forzas de seguranza), mais quedará limitada ao 50% no resto dos servizos das administracións.

Esta medida resulta absolutamente insuficiente para a Área Pública da CIG logo de sucesivos anos de destrución de emprego, polo que esixiu ao Goberno que aumente o volume neto do emprego público estábel, cunha forte dimensión social, eliminando as taxas de reposición, mais tamén "impedindo os ERES, mesmo os encubertos, detendo a amortización de prazas e realizando ofertas de emprego público que garantan servizos públicos de calidade".

É preciso establecer plans de recuperacións para todos os servizos que se encontran en situación de colapso e mesmo xa están desaparecidos", advirte a Área Pública. "As taxas de reposición e as ofertas de emprego público futuras teñen que permitir recuperar os niveis mínimos de persoal que garantan os servizos  públicos a toda a cidadanía”.

Fronte a estas propostas continuístas do PP, na Mesa de Negociacións  a CIG solicitou a recuperación dos dereitos laborais e salariais substraídos, “así como a defensa e o reforzo duns servizos públicos universais e de calidade, capaces de manter a cohesión social”.


Montoro "humanízase" antes de perder as eleccións

Como era de agardar, a reunión da Mesa Xeral de Negociacións das Administracións Públicas celebrada o día 30, na que a CIG estivo presente, co Ministro Montoro para tratar o Proxecto de Lei de Orzamentos 2016, resultou un simple formalismo que o Goberno do PP aproveita para anunciar medidas con fins electoralistas e de cara a manipular a opinión pública, pero que no fondo supoñen "atrasar a  recuperación dos dereitos salariais e laborais usurpados ás traballadoras e traballadores das administracións e afondar na destrución do emprego e os servizos públicos".

Para a CIG a proposta trasladada polo ministro de incremento salarial do 1% para o vindeiro ano resulta unha medida "electoralista" e "unha esmola" tras anos de perdas de dereitos e salarios. Neste senso, lembran que as políticas salariais até o  ano 2015, conlevaron que a perda do poder adquisitivo dos/as traballadores/as das administracións públicas galegas se elevase a máis do 30% dende o ano 2010. 

A paga extraordinaria, por etapas

En canto ás pagas extraordinarias, o goberno do PP ten previsto abonar ao longo deste ano outro 25% da paga de 2012, mais as empregadas e empregados públicos terán que agardar até o próximo ano para percibir o 50% da cantidade restante. Porén este pago tan só está garantido para o persoal da administración xeral do Estado e, segundo as informacións do ministro, as demais institucións abonarán as cantidades adebedadas "en canto lles sexa posíbel".

De igual xeito, tampouco se regula a recuperación das pagas recortadas ao persoal da Xunta de Galiza. Sobre este punto, a CIG esixiu garantías para que en Galiza as traballadoras e traballadores públicos teñan a recuperación salarial do mesmo xeito que se determine para o persoal da Administración Xeral do Estado.

Nesta liña, na batería de reivindicacións presentadas pola CIG durante a xuntanza, solicitouse que nos orzamentos estatais se recolla que as pagas extraordinarias de todos os empregados/as públicos serán completas, para obrigar a Xunta a repoñer a totalidade das pagas extraordinarias de xuño e decembro “que dende o ano 2013 ven roubando as súas empregadas e empregados públicos. De modo que, dunha vez, se eliminen as discriminacións salariais que esta a realizar a administración autonómica co seu persoal.

Taxa de cobertura insuficiente

No apartado das taxas de reposición, Montoro explicou que a taxa de cobertura será do 100% nos servizos básicos (saúde, ensino ou forzas de seguranza), mais quedará limitada ao 50% no resto dos servizos das administracións.

Esta medida resulta absolutamente insuficiente para a CIG logo de sucesivos anos de destrución de emprego, polo que esixiu ao Goberno que aumente o volume neto do emprego público estábel, cunha forte dimensión social, eliminando as taxas de reposición, mais tamén "impedindo os ERES, mesmo os encubertos, detendo a amortización de prazas e realizando ofertas de emprego público que garantan servizos públicos de calidade".

Fronte a estas propostas continuístas do PP, na Mesa de Negociacións  a CIG solicitou a recuperación dos dereitos laborais e salariais subtraídos, “así como a defensa e o reforzo duns servizos públicos universais e de calidade, capaces de manter a cohesión social”.




A calor durante a xornada de traballo

Seguridade

No verán moitos/as traballadores/as realizan as súas tarefas no exterior. Ás elevadas temperaturas, hai que engadir a acumulación de calor corporal xerado na actividade física. A exposición á calor pode ter como consecuencias erupción na pel, edema nas extremidades, queimaduras, cambras musculares, deshidratación, agotamiento, ... e o golpe de calor. Deixamos aquí uns consellos básicos para combater os efectos da calor.

Para os/as traballadores/as:

Bebe cada pouco tempo, se pode ser auga fresca non fría, sen esperar a ter sede. Bebe antes, durante e despois do traballo con exposición á calor.

Come lixeiro: ensaladas, froitas, zumes; evita as bebidas alcohólicas, con cafeína e moi azucaradas que favorecen a deshidratación; evita as comidas moi calóricas e pesadas, que requiren mais enerxía para ser dixeridas (máis calor corporal).

Emprega roupa fresca, clara e amplia; intenta tapar a maior parte posible do corpo; emprega cremas de protección solar e sombreiro ou gorra de tecidos transpirables.

Para as empresas:

Facilita lugares de descanso en ambientes frescos; incrementa o número de pausas de recuperación.
Adapta os horarios sempre que seña posible de xeito que se poida reducir o tempo de exposición. Planifica as tarefas máis pesadas para as horas de menos calor.

Evita a realización de traballos en solitario.

Pon a disposición e recomenda o consumo de auga, así como de cremas de protección solar, gorras e roupa axeitada.

Informa sobre o protocolo a seguir en caso de golpe de calor ou noutros problemas asociados ao traballo con calor.