14/10/15

Aplicación do Decreto 10/2015 no Concello de Betanzos: non corre présa

Logo de solicitar por escrito que o Concello convoque a Mesa Xeral para a aplicación do Decreto no que o goberno devolve aos traballadores da Admón do Estados os días por antigüidade en vacacións e asuntos particulares e de que solicitase que o Concello pagase canto antes os 48 días da paga correspondente a 2012, a última información que tivemos sobre estes temas é a seguinte:

48 días da paga extraordinaria de 2012

Segundo informou o concelleiro de Persoal xa está informando Intervención esta cuestión, ou cando menos esa información é a que lle ofreceu Diego Fernández aos delegados do persoal laboral. Segundo parece, desta volta, en principio, non haberá que recorrer ao xulgado para os solicitar, tal e como os laborais tivemos que facer e non así os funcionarios, posto que a lexislación é clara, o Concello se ten solvencia económica debe pagar antes de fin de ano, agardamos, pois, ter máis novas e que o pago se produza nos vindeiros dous meses.

Días de asuntos particulares e vacacións por antigüidade

Xa levamos semanas agardando a que o Concello convoque a Mesa Xeral de Negociación coa finalidade de aplicar os permisos e días de vacacións por antigüidade que o goberno de Estado vén de lle devolver ao persoal ao servizo da Administración estatal, mais o concelleiro de Persoal foi claro “O CONCELLO PODE DEVOLVER ESE DEREITO MAIS NON TEN OBRIGA DE FACELO”, recalcando que non é obriga da Administración local do PSOE devolver estes dereitos roubados polo goberno do Estado do PP, medidas fondamente criticadas polos supostos socialistas e que agora non só retrasan a negociación senón que insisten en que non teñen a obriga de devolver os dereitos que o PP roubou co Decreto 20/2012, iso é coherencia e o demais son parvadas!

En todo caso, se nas vindeiras semanas non temos novas deste tema desde a CIG solicitaremos unha reunión co alcalde para lle trasmitir a nosa preocupación porque o goberno socialista non dea pasos de inmediato para a recuperación de dereitos que o goberno do Estado do Partido Popular nos roubou e que tanto criticou o seu partido cando se publicou o decreto de recortes no ano 2012. Agora que ten a posibilidade de que recuperemos algúns deles debería dar pasos áxiles para que así sexa, e sería tan doado como convocar a Mesa Xeral de Negociación que a Sección sindical da CIG solicitou hai xa varias semanas.

Devolución do sexto día de asuntos particulares

A pesar de que a súa aplicación é indiscutible, solicitóuselle, ao igual que por rexistro, tamén verbalmente ao concelleiro de Persoal que o comunique en todos os departamentos para que todo o persoal teña coñecemento dos seus dereitos e as actualizacións normativas destes. Cómpre lembrar que para este ano 2015 na actualidade temos un total de sete días de asuntos particulares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario