27/10/17

Atendemento do local sindical, novembro e decembro

A partir deste mes de outubro os/as delegados/as da CIG atenderán o local sindical o segundo e cuarto xoves de cada mes, polo momento, pois, os dous vindeiros meses o local sindical (situado pola parte de atrás do edificio Liceo) estará aberto de 13:00 h a 15:00 h para calquera consulta os seguintes días:

9 DE NOVEMBRO
23 DE NOVEMBRO
14 DE DECEMBRO
28 DE DECEMBRO

A maiores calquera compañeiro/a poderá acordar con calquera dos delegados outro día e hora para unha consulta laboral no caso de que non poida asistir os días de apertura do local.

Resumo do Comité de Seguridade e Saúde do 25 de outubro de 2017

Na reunión do Comité de Seguridade e Saúde do 25 de outubro de 2017 chegouse aos seguintes acordos:

1. Realizarase de inmediato (primeira semana de novembro), o Plan de Emerxencia da Biblioteca, arquivo, museo e Oficina Municipal de Información Xuvenil. Nomearanse os responsables, impartirase a formación e fixarase a realización do simulacro.

2. Realizarase, dentro do anterior, o Plan de Emerxencia do Cine Alfonsetti e posterior implantación.

3. Levarase a cabo tamén de inmediato o primeiro simulacro na Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente.

4. Á vez que se implanta o Plan de Emerxencia da Biblioteca vaise elaborar o Plan de Emerxencias das dependencias do edificio Liceo.

5. A orde de prioridades, á que instou a Inspección Provincial, logo da denuncia dos delegados da CIG, para a elaboración dos Plans de Emerxencia para os distintos edificios municipais, será a seguinte, logo do acordo no Comité:

1. Edificio Liceo.
2. Conservatorio Carlos López García Picos
3. Centro de Formación Ocupacional.
4. Servizos Sociais.
5. Casa do Concello
6. Policía Local
7. Pasatempo
8. Cemiterio
9. Protección Civil

Así mesmo, comezará a comunicación co CEIP Francisco Vales Villamarín polo Plan de coordinación de actividades empresariais.

Finalmente, na quenda de reunións acordou fixarse a data da próxima reunión para a segunda quincena de xaneiro, informouse de que as revisións médicas se realizarán unha vez que estea adxudicado o contrato para a mutua, que está en fase de licitación e que na próxima reunión se acordaría un protocolo para accidentes de traballo e outro para casos de embarazo.

O Comité de Empresa advírtelle un ano máis ao Concello de Betanzos de presuntas irregularidades na contratación do persoal docente da Escola de Folclore e o Conservatorio

O Comité de Empresa vén de amosar, un ano máis, a súa disconformidade con diversos contratos do Conservatorio e a Escola de Folclore por presuntas irregularidades da contratación, principalmente porque o Concello contrata cada ano para o curso escolar os mesmos traballadores sen o correspondente proceso selectivo, cando entendemos que estes contratos se deberían regular baixo a figura de fixos discontinuos. Outra discriminación á maioría é a inexistencia dun criterio para a contratación só durante o curso escolar ou todo o ano, posto que hai docentes do Conservatorio sen ningún cargo adicional que están contratados todo o ano baixo a figura de "profesor", cando o resto que teñen o mesmo posto só os contratan durante o curso escolar.
Mención aparte tamén merece no escrito do Comité que o Concello amplía case ao dobre de horas a algún persoal docente mentres que no resto desta Administración local hai persoal  técnico a media xornada que realiza horas extraordinarias de xeito continuo e o Concello segue sen lle aumentar a xornada.
Tendo en conta todo o mencionado o Comité de Empresa solicitoulle ao Concello de Betanzos o seguinte:
  1. Que o Concello informe ao Comité de Empresa sobre o proceso selectivo dos contratos anteriormente mencionados e que lle achegue toda a documentación do expediente relativo a estas novas contratacións, incluídos os informes dos distintos departamentos municipais xustificando a ampliación horaria de determinado contratos con respecto a anos anteriores.
  2. Que o Concello informe ao Comité de Empresa dos criterios para a ampliación de xornada dos traballadores laborais do Concello de Betanzos, tendo en conta os feitos mencionados e as negativas de ampliación de xornada en determinados postos que mesmo realizan horas extraordinarias que deben compensar e non cobran, fronte a outros traballadores, como os mencionados, aos que se lles amplía a xornada segundo a criterios que descoñecemos e solicitamos.
  3. Que o Concello especifique os horarios e días de traballo nos contratos do persoal da Escola Municipal de Folclore e o Conservatorio municipal.
  4. Que o Concello modifique o obxecto dos contratos, tendo en conta que o ensino en centros estables do Concello de Betanzos non é unha obra ou servizo determinada, posto que se vén realizando todos os anos de xeito periódico e sistemático, e que a propia existencia de persoal contratado durante todo o ano para ese centro avala a dúbida de que eses contratos sexan por obra ou servizo, tal e como os realiza o Concello.
  5. Que o Concello especifique os criterios de asignación de contratos durante o curso ou durante todo o ano entre o persoal exerce unicamente funcións de profesor e busque as solucións oportunas de cara a solucionar esta discriminación.

Acta do Comité de Seguridade e Saúde do 10 de maio de 2017

Deixámosvos a acta do Comité de Seguridade e Saúde do 10 de maio de 2017, aprobada na reunión ordinaria do Comité de Seguridade e Saúde do 25 de outubro de 2017

22/10/17

Nova proposta de reparto do fondo de acción social

Son máis de cinco anos os que o Comité de Empresa leva loitando por un reparto máis xusto das axudas sociais, de xeito que as axudas sexan mellores para quen máis lle fai falla e se reduzan proporcionalmente cando maiores sexan as rendas familiares, sempre tendo en conta que estas axudas foron para a unidade familiar e non para os traballadores individualmente.

O propio Comité de Empresa por volta de 2012 presentou unha proposta de novo documento que nunca foi negociado e desde ese momento o goberno municipal leva anos dándolle voltas a un reparto das axudas máis xusto, algo que consideramos de xustiza. Son varios os textos diferentes achegados desde ese momento e sobre os que os representantes dos traballadores fixemos achegas en múltiples ocasións mais que en ningún momento chegaron a ser negociadas.

A pasada semana, unha vez máis, o Concello presentou un novo texto onde contempla tramos para o pagamento dunhas axudas cunhas novas contías, mais o documento que nos presenta para negociar na vindeira Mesa de Negociación, resulta imposible que sexa negociado porque nolo deu a medio facer. Logo de máis de cinco anos o Concello achega unha proposta que contempla un sistema de tramos sen as contías e unha serie de axudas mais sen as contías tamén, polo que ata que non achegue un documento completo non habería moito que negociar.

O tema das bases das axudas sociais é un dos exemplos de desastrosa xestión de determinados temas de persoal neste Concello, avalada por feitos como que hai cinco anos mesmo se lle negaba o dereito a algúns compañeiros laborais a solicitalas, sempre houbo un incumprimento sistemático dos prazos de concesión, un escurantismo total na concesión, posto que a pesar de que as bases contemplan que se deben publicar nunca así se fixo ou as dificultades para acordar un novo documento que substitúa ao obsoleto e aprobado no ano 2001. Dezaseis anos despois vai sendo hora de actualizar as contías, os conceptos e o regulamento de reparto e nesa liña seguiremos traballando desde a Sección sindical da CIG.

Reunión ordinaria do Comité de Empresa

Este martes, 24 de outubro de 2017, terá lugar a reunión ordinaria do Comité de Empresa, na que se tratarán os seguintes temas:

1. Aprobación, se proceder, da acta da reunión anterior.
2. Comisión Paritaria do Convenio Colectivo.
3. Axudas sociais 2017
4. Información sobre as horas extraordinarias.
5. Novos contratos.
6. Temas de Seguridade e Saúde laboral.
7. Información sobre diversos temas.
8. Quenda de intervencións

Lembrámosvos que podedes trasladarnos calquera tema que consideredes de interese de cara a tratalo no Comité de Empresa e que este órgano tome decisións sobre as problemáticas que se lle poidan trasladar ao goberno municipal para solucionar distintos temas  laborais.

20/10/17

Convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde

Logo de que a Inspección de Traballo provincial lle requirise ao Concello que convocase o Comité de Seguridade e Saúde a finais do mes de setembro, case un mes despois, o Concello convoca a reunión ordinaria do Comité de Seguridade e Saúde, que sistematicamente vén incumprindo o prazos de tres meses para se reunir, ao abeiro da Lei de prevención de riscos laborais.

Os problemas laborais son a terceira causa de estrés, que afecta ao 42% da poboación no Estado


Segundo o VII Estudo CinfaSalud: "Percepción e hábitos da poboación española en torno á estrés", un de cada dous españois que sofre estrés pola súa relación cos seus superiores desenvolve algún tipo de enfermidade física ou problemas psíquicos ou emocionais. Asímismo, a metade da poboación (50,8%) afirma que a estrés laboral en xeral, ocasionou algún prexuízo grave relacionado algunha enfermidade física ou problemas psíquicos ou emocionais (35,6%) ou de concentración e rendemento (26%).

Nove de cada dez (96,0%) sentiron estrés no último ano e catro de cada dez (42,1%), fixérono de maneira frecuente ou continuada. Por sexos, a muller percibe en xeral un maior nivel de estrés que o home, pois unha de cada dúas (48,7%) declara sentirse tensa frecuente ou continuamente, fronte a un de cada tres homes (31,5%). Por idades, os menores de 45 anos presentan un maior grao de estrés e en canto a ocupación, os estudantes son quen máis indican sufrir estrés de maneira frecuente ou continua (55,6%), seguidos das persoas en busca do seu primeiro emprego (50,7%), e en terceiro lugar, dos traballadores tanto por conta allea como propia (41,4% en ambos os casos).
O exceso de actividade ou a falta de tempo (50,9%) e os problemas de cansazo e soño (46,2%) son as causas máis frecuentes de estrés entre a poboación.  Ademais, dentro dos factores de "gran importancia", a enfermidade propia ou dun familiar (41,4%) constitúe a causa de estrés máis frecuente, mentres que os problemas laborais (43,2%) son os que máis a miúdo estresan dentro dos catalogados como factores de estrés crónico.

Como revela a investigación de Cinfa, os síntomas que máis a miúdo afectan os españois que sofren estrés son a irritabilidade (46,8%), a ansiedade (39,5%) e o insomnio (38,0%), seguidos das dores de cabeza e musculares (32,2%) e a fatiga física (29,9%).

Segundo o estudo, as medidas para evitar ou aliviar a estrés ás que máis a miúdo recorren os enquisados son conversar cos amigos ou coa familia (43,9%), aceptar a causa da estrés e tentar que non lles afecte tanto (40,0%) e practicar deporte (38,1%). Por sexos, as mulleres recorren máis aos apoios sociais da contorna e os homes priorizan en exercicio físico. Cabe destacar que só o 4,4% de enquisados recorre a axuda profesional.

Máis información en www.cigsaudelaboral.org.

CIG-Área Pública rexeita o 'Acordo de Estabilidade' porque non permite recuperar o emprego público Os orzamentos da Xunta 2018 manteñen os recortes e a precariedade na administración

A Área Pública da CIG asistiu esta mañá á Mesa Xeral de Función Pública na que o PP presentou un Proxecto de Orzamentos para 2018 no relativo a emprego público idéntico ao de 2017 que a central sindical rexeitou porque afonda na destrución de emprego e no desmantelamento e privatización dos servizos públicos. Xunto a isto anunciou o seu rexeitamento ao chamado “Acordo de Estabilidade”, porque mantén a taxa de reposición e tampouco permite que se recupere o emprego público destruído. Un documento que, porén, será previsibelmente asinado por CCOO, UGT, CSIF e sindicatos sectoriais.

Segundo explicou ao remate da xuntanza Diego Boquete, que actuou como portavoz da Área Pública da CIG, o proxecto de orzamentos para 2018 mantén os recortes e non permite que se recuperen dereitos e condicións laborais e salariais que foron arrebatadas durante estes anos so pretexto da crise.

Acordo de Estabilidade

Canto ao chamado Acordo de Estabilidade, a Área Pública denuncia que “non é un acordo autónomo, senón unha adaptación do asinado o 29 de marzo de 2017 entre o Goberno central e os sindicatos CCOO, UGT e CSIF” ao que a CIG se opuxo. Por iso xa anunciou que tamén rexeitará este, xa que non contempla ningunha mellora respecto daquel.

Ademais o acordo está limitación pola aplicación da Lei de orzamentos do Estado para 2018, que ten unha vixencia temporal concreta. Porén, os efectos do acordo prolónganse até 2020, sen ningunha garantía de cumprimento, pois as leis de orzamentos dependen das maiorías parlamentarias no Congreso dos Deputados.

Por iso, Boquete cualificou de “lamentábel” que a Xunta “só use o autogoberno para recortar (Lei de medidas temporais, rebaixas salariais non recuperadas)” e que porén “para recuperar dereitos se comporte como unha sucursal de Madrid”.

Ademais, a Área Pública da CIG adiantou que non vai asinar un acordo que non inclúe a devolución dos salarios; a derrogación da Lei de medidas temporais, nomeadamente pagar por enfermar; o levantamento da suspensión da aplicación de acordos anteriores, como o propio V Convenio colectivo do persoal laboral ou cuestións como –no caso do ensino público- que as persoas substitutas volvan cobrar o verán unha vez que traballaron máis de 5 meses, por non falar da recuperación do fondo de acción social.

Temporalidade

Malia o seu título, a CIG-Área Pública afirma que non é un «Acordo de Estabilidade» senón, como moito, un «Acordo de Redución da Temporalidade». Nese sentido Boquete explica que “non queda eliminada a taxa de reposición, nin se incorpora ningún criterio que garanta o traballo a quen non aprobe os procesos selectivos, que serán convocados mediante concurso-oposición”.

A este respecto María Xosé Santos Paz, da CIG-Administración, lembra tamén que “hai xente que leva anos e anos agardando a que se lle convoque a praza e agora pode verse na rúa con case 60 anos”.

Aínda que a situación de temporalidade derivada do período de crise se considera excepcional, no ‘Acordo’ non se recolle para ningún sector nin colectivo a posibilidade de consolidación por concurso ou valoración de méritos que permite o artigo 61.6 EBEP.

É incríbel que a administración asine acordos que acto seguido anula nos orzamentos, como o asinado coas outras organizacións sindicais do ensino hai escasos meses, que volvía recoller que o persoal substituto de ensino que traballase máis de 5 meses e medio ao longo do curso cobrarían as vacacións e volve a aparecer anulado no proxecto de orzamentos, o cal foi unha das causas para que a CIG-Ensino non asinara”, subliña Boquete.

Con este ‘Acordo’ preténdese chegar a un índice de temporalidade do 7%, pero oculta cal é a temporalidade actual. “Sen esa mínima transparencia é imposíbel avaliar o éxito ou o fracaso das medidas propostas”, afirma o portavoz da Área Pública.

Ademais, no caso do persoal do SERGAS, os propios orzamentos consolidan a política de precariedade laboral do persoal estatutario. “As contratacións faranse cando teñan a consideración de absolutamente imprescindíbeis e non atendendo as necesidades asistenciais”, explica a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, que denuncia que con isto, “se consolidan os contratos por días e horas”, impedíndose ademais a recuperación dos acordos suspendidos.

Suplantación da representación sindical

A Área Pública da CIG denuncia ademais que a creación de comisións e subcomisións de seguimento do Acordo con funcións de negociación van suplir as funcións das mesas sectoriais de negociación que son os únicos órganos legalmente habilitados para tal fin e garanten a participación de todas/os as/os representantes do persoal público galego.

Permisos

Os orzamentos contemplan ademais o aumento do permiso de parto a 20 semanas (agora son  18) e un incremento a 5 semanas do permiso de paternidade (agora son 29 días).

Fronte a isto a CIG aposta por un permiso de maternidade de 12 meses de duración e que progresivamente o permiso para o outro cónxuxe se amplíe até chegar á mesma duración, consolidándose o permiso de maternidade como un permiso non transferíbel.


No camiño de acadar ese obxectivo é obvio que a proposta da Xunta, e aínda recoñecendo un pequeno avance, é totalmente insuficiente. Solicitamos a negociación real dun plan de ampliación de todos os permisos recollidos na Lei de Emprego Público e, especificamente, os que agora se nos presentan”.

06/10/17

Última reunión co concelleiro de Persoal (05/10/2017)

Logo da solicitude da semana pasada o concelleiro de Persoal mantivo onte unha reunión cos representantes do Comité de Empresa onde informou sobre os seguintes temas:

1. Acordos Comisión Negociadora Convenio Colectivo do 18 de xullo

Son varios os acordos sen cumprir da Comisión Negociadora do Convenio Colectivo sobre os que se lle preguntou e sobre os que a resposta xeral foi o colapso do Departamento de Persoal (escusa que leva anos sendo utilizada, que, por tanto, deriva dun problema, ao que goberno municipal lle debería buscar solución inmediata porque repercute directamente nos traballadores e traballadoras deste Concello).

A proposta para a definición de "eventos" para o cobro do Complemento de funcións extraodinarias aínda non foi estudada polo goberno mais, non obstante, xa nos anticipou que non estaban de acordo coa proposta de mínimos presentada polo Comité de Empresa. Os representantes dos traballadores manifestámoslle a discriminación que estaba supoñendo que este complemento de aplicase só aos conceptos de festas de San Roque e Feira Medieval e dun xeito maximalista, incluíndo no concepto mesmo os días despois ou antes da festa mentres tarda en se decidir como pagar o resto da programación do persoal que tamén se ve obrigado a traballar fóra da xornada laboral pola programación cultural ou deportiva.

Por outro lado, seica hai xa tempo se fixo a proposta para que se realizase o decreto de designación para o cobro do complemento de dispoñibilidade anual, tamén contemplado no convenio, mais este tema tamén segue paralizado en persoal, aínda que co compromiso de que unha vez que se solucione se pagarán os atrasos desde a entrada en vigor do convenio colectivo.

Finalmente e cando ao acordo de criterios de absorción do Complemento Persoal Transitorio segue pendente tamén da tramitación do departamento correspondente porque queren facer a modificación do convenio neste punto e levala ao pleno para a súa posterios aprobación, polo que isto si que parece que se vai demorar máis. O Concello a día de hoxe non só tería que facer unha diferente absorción da CPT senón que tería que devolverlles aos traballadores afectados os atrasos desde o 7 de abril. Así mesmo, manifestámoslle a nosa preocupación porque o Concello insista nos vellos criterios en contra do acordado para a suba pendente do 2017 e o Concello manifestou que tentaría que esta situación de solucionase xa para esta suba de 2017, pendente de solucionar a outra cuestión.

2. Relación de Postos de Traballo

Os traballadores e traballadoras seguimos pendentes dese segundo borrador da RPT e á espera das decisións tomadas con respecto ás achegas realizadas. Esta cuestión vai xa un chisco fóra do cronograma inicial porque a empresa está agardando que o departamento de Persoal lle envíe uns datos para realizar o impacto económico do documento, segundo entendimos cos criterios para o específico que se propuxeron e antes de iniciar a negociación sobre estes. Segundo nos informou o concelleiro o Concello limitouse a achegarlle a documentación á empresa e dicirlle que incorporase o que legalmente fose posible para logo facer ese impacto e este dixo que non sabían nada dos criterios dese segundo borrados, non obstante, cómpre ter claro que quen lle paga á empresa é o Concello, por tanto, as decisións que se tomen nesta cuestión son responsabilidade do goberno municipal, tanto por dar as directrices que consideraren oportunas se fose o caso, como por deixarlles facer o que consideren, se é que esa é a postura do Concello.

Os representantes dos traballadores solicitámoslle simplemente que nos dese tempo para estudar ese segundo borrador antes de ir negociar á Mesa Xeral, posto que a rolda de entrevistas xa finalizou como tal e precisabamos ver polo miúdo todas as modificacións para facer as consultas pertinentes e valorarmos se é posible unha negociación baixo determinadas premisas.

3. Orzamentos ano 2017

A suba do 1% prevista nos orzamentos do estado parece que irá coa nómina do mes de outubro, así mesmo, hai intención de que vaian os atrasos desde o mes de xaneiro, mais coidamos que este último punto non está tan claro.

Cómpre lembrar tamén que esta Ley 3/2017 contempla o seguinte con respecto á estabilización de emprego temporal:

"Ademais do previsto nos parágrafos anteriores, as administracións públicas, poderán dispoñer nos exercicios 2017 a 2018 dunha taxa adicional para a estabilización do emprego temporal daquelas prazas que, nos termos previstos na disposición transitoria cuarta do texto refundido do Estatuto básico do empregado público, estean dotadas orzamentariamente e, desde unha data anterior ao 1 de xaneiro de 2005, fosen ocupadas ininterrompidamente de forma temporal."

Con respecto a este tema o concelleiro adiantou que proximamente se convocará unha Mesa Xeral para negociar a Oferta Pública de Emprego de funcionarios/as para este ano 2017 e que a partir do vindeiro ano está previsto iniciar un proceso de consolidación de emprego para o persoal laboral temporal que iría por fases, en distintos anos, tendo en conta as necesidades e negociado cos representantes dos traballadores e que, agardan, que comece a andar unha vez que se aprobe a Relación de Postos de Traballo.

4. Recoñecementos de antigüidade pendentes

Na actualidade só o persoal laboral non ten recoñecida unha parte da súa antigüidade ben no Concello de Betanzos, ben en todas as administracións públicas. As distintas solicitudes foron realizándose no departamento de Persoal e seguen paralizadas, en principio, parece que a vontade do goberno é resolvelas favorablemente e simplemente non se resolven por un problema de traballo no Departamento correspondente, mais recomendamos, tendo en conta a existencia de prazos administrativos, que aqueles compañeiros que non queiran agardar indefinidamente inicien os procedementos xudiciais correspondentes, tendo en conta que hai traballadores que levan con este tema pendente desde o ano 2014.

5. Indemnizacións por asistencia a tribunais.

Outro tema pendente e que algún traballador xa levou ao xulgado é o impagamento das indeminizacións por asistencia a tribunal que neste Concello non se paga desde que entrou a gobernar o PSOE, a escusa segue sendo a carga de traballo do Departamento de Persoal que impide que desde hai seis anos se lle paguen estas indeminizacións aos traballadores, polo que unha vez máis recomendamos que quen non queira agardar un tempo indefinido inicie a reclamación pola vía correspondente para ver se así se resolve dunha vez.


7. Novas Bases de axudas sociais

Preguntamos con xa vén sendo costume por este documento que desde o Comité de Empresa levamos propondo mellorar desde o ano 2011, en principio achégase unha nova convocatoria e de non solucionar esta cuestión axiña, tal e como se comprometera o concelleiro de Persoal o pasado ano, continuaremos cunha bases inxustas desde o punto de vista dos criterios sociais. O concelleiro adiantou que tentaría que o Concello levase unha proposta de documento á próxima Mesa Xeral de Negociación, de cara a negocialo e poder avanzar nesta cuestión.

8. Outros temas

Tamén falamos doutros temas de Seguridade e Saúde Laboral e acordouse que proximamente se convocará o Comité pertinente de cara a lle dar cumprimento ao requirimento da Inspección de Traballo, tamén dos problemas dos contratos de Fomento de Emprego e da necesidade dunha posible modificación do convenio colectivo para que non haxa un incumprimento e da próxima implantación do reloxo de control horario, sobre a que nos informou que proximamente se tomará unha decisión definitiva sobre o sistema para a súa posterior implantación.


03/10/17

Suba do 1% do ano 2017 pendente

Desde o pasado 5 de xullo de 2017 a Sección sindical da CIG solicitoulle ao Concello de Betanzos que aplicase o incremento retributivo contemplado na Lei 3/2007, mais a día de hoxe non só seguimos sen resposta senón que o Concello tampouco aplicou tal incremento. 

Cómpre lembrar que a Lei foi publicada o 28 de xuño e desde ese momento  a maior parte dos concellos próximos foron aplicándoa mais queda, como sempre, o Concello de Betanzos á cola cando se trata de incrementos para o persoal ao seu servizo.

Tamén é preciso recordar que para alén deste incremento mensual, o Concello debe reintegrar os atrasos deste desde o 1 de xaneiro, polo que na actualidade xa adebeda nove meses de atrasos.

Polo momento estamos á espera de que o concelleiro de Persoal reciba aos representantes dos traballadores para preguntarlle por este tema e ter novas. Certo é que durante varios meses o concelleiro informou que esta suba se pagaría sen problema, mais tamén é certo que os meses cartos e o Concello non ten porqué reter os cartos dos traballadores.

A precariedade e a exclusión social instálanse no mundo do traballo

Sobe o paro malia asinarse máis contratos e máis da metade dos parados non cobra prestación

O paro rexistrado o pasado mes de setembro de 2017 ascendeu a 184.057 persoas, un 1,62% máis que o mes anterior, a pesar de que se asinaron un total de 96.369  contratos. Isto constata, para a CIG, a enorme temporalidade do emprego que se crea e evidencia o absoluto fracaso das políticas laborais da Xunta de Galiza. A central sindical alerta ademais do grave risco de exclusión social que sofren as persoas desempregadas, xa que máis da metade non cobran ningún tipo de prestación.
Resulta rechamante tamén que descenda máis a afiliación á Seguridade Social que o paro xa que mentres se incrementou en 2.932 o número de persoas desempregadas, porén en setembro houbo unha media de 6.631,15 afiliados/as menos.

Os datos permiten confirmar tamén non só a enorme dependencia dos Servizos, porque de feito só neste sector se perderon 2.616 empregos, senón tamén a enorme rotación e pésima calidade do pouco emprego que se crea: temporal e precario.

Tal é así que aínda incrementándose o paro en setembro medrou o número de contratos asinados con respecto ao mes de agosto (649 máis) e do total o 92% foron temporais.

Exclusión social

Xunto á precariedade laboral aséntase en Galiza a exclusión social, xa que só 87.005 persoas desempregadas foron beneficiarias dalgún tipo de prestación, sen que o goberno do PP articule medida algunha para frear o cada vez maior risco de pobreza existente.

O secretario confederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle denuncia precisamente como “a precariedade e a exclusión social se instalan no mundo do traballo” pola “nula incapacidade do governo do PP para solucionar calquera dos graves problema tanto no Estado, nin o desemprego, nin o encaxie territorial, entre outros, nin en Galiza”.

Precisamente respecto do goberno de Feijóo na Xunta de Galiza lembra que “eles mesmos recoñecen o seu fracaso e incompetencia ao presentar unha Proposición de Lei como a de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais” que supón “unha auténtica moción de censura ás nefastas políticas desenvolvidas ao longo destes anos”.

Para Cartelle resulta “lamentábel” que se aposte por un modelo industrial que o único que pretende é “darlle máis facilidades ás empresas con actividades lixo sen ter en conta os prexuízos para o contorno” mentres “carecen de iniciativas para impulsar os nosos sectores produtivos”.


O secretario confederal de Emprego responsabiliza ademais ao PP e ás sucesivas reformas laborais da precariedade e da exclusión social. “Co tipo de emprego que se está creando queda claro que o seu único obxectivo era pór a disposición das empresas man de obra barata”, conclúe.

O Concello incumpre o Convenio colectivo cinco meses despois da súa entrada en vigor descolgando 26 contratos das retribucións e condicións laborais recollidas neste

Cinco meses despois da publicación e entrada en vigor do Convenio colectivo do persoal laboral o Concello de Betanzos descolga 26 contratos de persoal laboral do profesorados, o persoal administrativo e o alumnado do Obradoiro de Emprego
Con estes contratos que non fan ningunha referencia ao convenio colectivo non só lles impón unha xornada laboral semanal superior á do resto do persoal laboral senón que tamén unha retribución inferiores ao resto do persoal do mesmo grupo profesional.
O goberno municipal con este feito decidiu unilateralmente descolgar a 26 traballadores do convenio colectivo vixente só cinco meses despois da súa entrada en vigor. Así mesmo tomou esta decisión sen fala nins sequera cos representantes do traballadores, vulnerando o acordo que tardou varios anos en chegar e manifestando un desprezo absoluto polas decisións tomadas de acordo cos representantes dos traballadores nos organismos correspondentes.
O Comité de Empresa amosou a súa disconformidade cos contratos mencionados polo descolgue das condicións laborais do convenio colectivo vixente e lembroulle ao Concello que esta situación podería dar lugar a reclamacións por parte dos traballadores afectados. Así mesmo, lembroulle que en todos estes anos de negociación do convenio colectivo xamais propuxo que ningún tipo de contrato non se rexese polo indicado no convenio colectivo, por tanto, esta decisión tomada en contrado acordado é aínda máis grave.
Finalmente solicitoulle que modifique de inmediato os contratos para a súa inclusión na totalidade dos seus termos no ámbito de aplicación do convenio vixente, tanto no relativo ás retribucións como ás condicións laborais e que deixe de tomar decisións sobre temas laborais que van en contra do acordado e aprobado no Convenio colectivo vixente.

02/10/17

Solicitada unha copia da acta e unha certificación dos acordos tomados na Comisión Paritaria do Convenio colectivo

Os acordos que se toman na Comisión Paritaria Mixta de Control e Seguimento do Convenio Colectivo deben ser de cumprimento inmediato, non obstante, temos constancia de que o Concello aínda non executou algún dos acordos tomados na Comisión Paritaria que tivo lugar o pasado 18 de xullo e solicitamos unha copia da acta e unha certificación dos acordos para podermos continuar cos pasos necesarios para solicitar avances onde sexa necesario para o cumprimento efectivo dos acordos que o goberno municipal toma cos representantes do persoal laboral.

Solicitada unha reunión co concelleiro de Persoal

O pasado mércores 27 de setembro os representantes do Comité de Empresa solicitaron unha reunión co concelleiro de Persoal para solicitarlle información, entre outros, sobre os seguintes temas:

1. O estado dos acordos tomados na Comisión Paritaria Mixta de Seguimento do Convenio colectivo do persoal laboral do 18 de xullo.

2. O proceso de elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo e a postura municipal ante as achegas realizadas polo persoal e os representantes dos traballadores no pasado mes de agosto.

3. Os recoñecementos de antigüidade pendentes, tanto do persoal readmitido no ano 2014, como do persoal que solicitou o recoñecemento de antigüidade noutras administracións públicas a raíz da entrada en vigor do convenio colectivo.

4. O estado de resolución da problemática do non pagamento das indemnizacións por asistencia a tribunais que o Concello de Betanzos leva negando desde que entrou a gobernar o PSOE.

5. Información sobre porqué aínda non se realizou a suba do 1% prevista nos orzamentos do estado para todos os empregados públicos nin se realizou a devolución dos atrasos desde xaneiro de 2017.

6. O estado do proceso de estudo dunhas novas bases de axudas sociais con criterios máis xustos para a súa inmediata aplicación, tal e como se acordou hai apenas uns meses.

7. Os temas pendentes de seguridade e saúde laboral, así como a necesidade da convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde.

A día de hoxe, 2 de outubro, seguimos agardando a que o concelleiro de Persoal nos atenda, manterémosvos informados con calquera nova.