Ante as irresponsábeis declaracións
do presidente do Executivo español
A Secretaría das Mulleres da CIG
considera vergoñento que o presidente Goberno español, Mariano
Rajoy, manifeste que o seu Executivo "nin se debe meter" e
que "non é da súa competencia" a promoción de medidas
para lograr a equiparación salarial entre homes e mulleres.
Parafraseando as palabras de Rajoy, a secretaria confederal das
Mulleres, Margarida Corral, sinálalle que "os gobernantes deben
ser moi cautos á hora de saber cales son as súas obrigas" e
non botar balóns fóra sobre unha problemática "que debería
ser do seu coñecemento e da súa responsabilidade".
Así, lémbralle que a igualdade
salarial é un dereito amparado pola Constitución española, que no
artigo 14 proclama que non pode prevalecer discriminación algunha
por razón de sexo; pola Lei Orgánica 3/2007 para a Igualdade
Efectiva de Mulleres e Homes; polo Estatuto das Traballadoras e
Traballadores; e por numerosa normativa estatal e europea, incluída
a Carta dos Dereitos Fundamentais da UE.
Dende a Secretaría das Mulleres
explícase a Mario Rajoy que se ben fenda salarial e discriminación
salarial son dous conceptos diferentes, a existencia de diferenzas
permanentes nas retribucións entre homes e mulleres reflicte unha
realidade que hai que combater: que no mercado laboral persisten as
discriminacións por razón de sexo.
A este respecto non hai máis que
comprobar os últimos datos da Axencia Tributaria: no ano 2016 o
salario medio anual dos homes en Galiza acadou os 20.243 euros
mentres que o das mulleres só chegou aos 15.730 euros, é dicir,
4.513 euros menos, o que supón unha fenda salarial do 23%. Esta
disparidade dáse en todos os sectores económicos e en todas as
franxas de idade e canto maiores son as retribucións medias máis se
acrecenta a distancia entre o que cobran homes e mulleres.
"As mulleres seguimos cobramos
menos e facémolo aínda ocupando o mesmo posto e responsabilidade
que un home. Que o presidente do Goberno español obvie unha
realidade que as centrais sindicais levamos anos denunciando é unha
irresponsabilidade manifesta e demostra a hipocrisía dos gobernos do
PP cando conmemoran datas como a do 8 de Marzo", denuncia
Corral.
Sobran razóns para a folga de mulleres
do 8 de Marzo
Por iso, afirma que sobran as razóns
para ir á folga de mulleres que a CIG convocará en Galiza o
vindeiro 8 de marzo, facendo parte dunha iniciativa que se
desenvolverá en máis de 50 países. "É preciso dar un paso
adiante e poñer de relevo as situacións de discriminación que
padecemos as mulleres, invisibilizadas e negadas mesmo por quen
debería ter a obriga de velar polos nosos dereitos".Precisamente, estas semanas a CIG está
a celebrar asembleas de delegada e afiliadas en todas as comarcas
para dar a coñecer e debater sobre a convocatoria da folga de
mulleres. Este martes realizáronse asembleas nos locais sindicais da
CIG de Vigo e de Compostela, a onde pertencen as imaxes que acompañan
esta nova.
Ningún comentario:
Publicar un comentario