29/01/19

A CIG reclama o dereito a xubilación parcial para todos os empregados públicos



A CIG insta a incluír o dereito  na normativa sobre pensións e nos Presupostos Xerais do Estado

As seccións sindicais da CIG das cinco Xuntas de Persoal funcionario da Xunta de Galiza instamos a presentación dun escrito dirixido ao Presidente do Consello Xeral da Seguridade Social –que foi aprobado polas Xuntas de Persoal- a través do que demandamos o recoñecemento do dereito á xubilación parcial para todas e todos os empregados públicos.

Demandamos a modificación da reforma feita no ano 2011 que eliminou o dereito á xubilación parcial aos 61 anos e o adiamento da xubilación até os 67 anos. Temos que lembrar que a nosa central sindical foi a única que mostrou o seu rexeitamento a esa reforma das pensións pactada con CCOO e UGT, e fomos a folga xeral en contra.

Xunto a isto, incluímos a demanda de que a lexislación neste ano 2019 desenvolva a normativa sobre a xubilación parcial e da xubilación anticipada para determinados colectivos que desenvolven o seu labor en condicións de penosidade, perigosidade ou especial presión psicolóxica, como xa prevía o Estatuto Básico do Empregado Público no ano 2007.

Dereito do persoal empregado público

O fundamental é o recoñecemento do dereito á xubilación parcial como un dereito subxectivo con independencia da relación xurídica do persoal, ampliándose o recoñecemento tamén ao persoal funcionario. Por iso reclamámoslle ao Presidente do Consello Xeral da Seguridade Social en Madrid que promova o cambio lexislativo necesario.

No marco desta campaña, a CIG tamén presentou  escritos á Ministra de Traballo e levou a proposta á Mesa Xeral de Empregados/as Públicos/as de Galiza e de Madrid e ao Director Xeral de Función Pública.

A CIG é a primeira organización que defende ao persoal funcionario da Galiza nos seus dereitos obviados por outros promovendo a aprobación desta reclamación nas Xuntas de Persoal e Comités de Empresa da Xunta.



Á espera da Comisión Negociadora do Convenio Colectivo

Logo de que o Comité de Empresa solicitase que se reúna a Comisión Negociadora do Convenio Colectivo do persoal laboral para a actualización e revisión de diversos puntos deste e de que o pasado 21 de xaneiro lle enviase ao concelleiro de Persoal o groso das propostas de modificación para a axilizar a negociación, estamos á espera de que o Concello convoque a devandita Comisión a comezos do mes de febreiro, tal e como se comprometeu.


A presidenta do Comité achegou un resumo das propostas de modificación, sen prexuízo de que no proceso de revisión do texto se puidesen observar outras necesidades de modificacción. Estas propostas corresponden principalmente aos acordos adoptados nas Comisións Paritarias do Convenio Colectivo dos anos 2017 e 2018 que o goberno non foi quen de executar, a necesidades puntuais de adaptación do texto, ben por necesidades normativas ou por necesidades transmitidas polo persoal e á necesidade dunha revisión das retribucións que continúe o camiño do pactado no ano 2015 de igualación salarial co funcionariado desta mesma Administración.

En concreto, as propostas de modificación céntranse nos artigos 22.1, 22.2, 22.3, 29.1.c, 37, cláusula transitoria primeira, anexo I, anexo III e a inclusión dun novo anexo IV relativo ao profesorado do Conservatorio de Música.

A CIG solicita que se reúna a Mesa Xeral de Negociación para acordar os criterios de reparto do complemento de produtividade

A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos vén de solicitarlle ao Concello de Betanzos que reúna  a Mesa Xeral de Negociación para acordar os criterios de reparto de produtividade, un mes e medio despois de que finalizase o prazo de presentación das propostas acordado na Mesa Xeral do pasado mes de novembro.

Hai que lembrar que a CIG solicitoulle ao Concello que se reunise a Mesa de Negociación con este obxecto logo de saber que o Concello outorgou un complemento de produtividade por seis meses comprometendo parte da partida orzamentaria da produtividade dos anos 2018 e 2019 cunha soa persoa e sen que a Mesa de Negociación decidise os criterios de reparto, tal e como recolle a lexislación correspondente.

Esta solicitude fíxose o 10 de outubro e o Concello de Betanzos convocou a Mesa o pasado 12 de novembro con este e outros temas e acordou un prazo de achega de propostas por parte dos distintos sindicatos ata o pasado 15 de decembro. O 10 de decembro a CIG rexistrou telematicamente a súa proposta e desde hai un mes e medio non tivo noticias sobre a cuestión nin ningunha convocatoria ao respecto, de aí que decidise solicitar unha nova reunión para a solución deste tema.

Así mesmo, e logo de que a CIG solicitase a información sobre o decreto de asignación dun complemento da produtividade sen negociación previa dos criterios de asignación, o 10 de decembro o Concello achegoulle o documento aos delegados sindicais onde consta que a alcaldesa, María Barral Varela, lle outorgou un complemento de produtividade a unha persoa traballadora deste Concello por asignación temporal de funcións administrativas durante seis meses por un valor do 30% das retribucións totais do posto de Técnico de Administración xeral da Relación de Postos de Traballo que non se aprobou, con complemento específico de 7230,60 euros ao ano, segundo os criterios de valoración da RPT que estaban negociados por volta de agosto de 2018 (e que na actualidade xa mudaron).


Hai que lembrar que a CIG foi o único sindicato que solicitou na Mesa Xeral de Negociación do Concello de Betanzos a anulación do devandito decreto, toda vez que infrinxía o principio de negociación da partida orzamentaria correspondente ao complemento de produtividade, tal e como indica o Real decreto 861/86 que di que os criterios para determinar as cantidades para aboar en concepto de produtividade deben ser negociados cos representantes dos traballadores e aprobados, con posterioridade, polo Pleno da corporación.

Agora, á espera da Mesa Xeral de Negociación para a adopción destes criterios, non podemos obviar que o goberno municipal xa comprometeu o 12% da partida do complemento de produtidade do ano 2019 para un só complemento de produtividade asignado a unha persoa e sen uns criterios negociados, e que no ano 2018 o 24% do complemento de produtividade foi asignado do mesmo xeito, sen que o restante 76% se puidese asignar pola falta de dilixencia na aprobación dun acordo que regule esta partida.


21/01/19

Reclamacións de aplicación da Lei 6/2018 e o Real decreto 24/2018 para os criterios de absorción do Complemento Persoal Transitorio do persoal laboral

O Concello leva un ano e medio aplicando uns criterios de absorción dos complementos persoais transitorios do persoal laboral, en contra dos acordados na Comisión de Interpretación do Convenio e do que indican as propias leis de orzamento do Estado, que son de aplicación para o persoal laboral, en virtude do que indica o propio Convenio colectivo vixente

Este conflito supuxo que xa varios traballadores interpuxesen demandas xudiciais nomeadamente pola absorción dos novos trienios neste complemento e que mesmo nos próximos meses xa estean fixadas datas de xuízo pola cuestión. A maiores, son varios os traballadores que están iniciando reclamacións individuais de aplicación da lexislación de orzamentos do Estado nesta cuestión, tendo en conta que nas aplicacións sucesivas que se fixeron deste que entrou en vigor o convenio, o Concello xa absorbeu un 1% (2016), 1% (2017), 1,75% (2018) e descoñecemos cal é a pretensión de actuación para este 2019. 

Cómpre lembrar que unha reclamación para o persoal laboral só pode solicitar os atrasos correspondentes a un ano e que detrás da motivación do goberno municipal de demorar a resolución destes asuntos, podería estar o aforro de cartos na partida orzamentaria, xa que por moito que un conflito relativo a retribucións se solucione na actualidade, no caso do funcionariado os atrasos son o correspondentes a catro anos, mentres que os do persoal laboral, de tan só un ano, supoñen que o persoal que non ten unha demanda interposta en prazo xa perdeu cartos pola ineficacia do Concello na xestión deste conflito.

Se ben é certo que o propio concelleiro de Persoal lle confirmou ao Comité de Empresa que en febreiro haberá unha reunión para a modificación do Convenio colectivo e parece que resolución definitiva deste conflito, é recomendable, igualmente, que os traballadores afectados fagan unha reclamación individual e que se o Concello non resolve en prazo procuren recorrer á reclamación noutra instancia, posto que a historia máis inmediata indica que chegar a un acordo co goberno municipal non significa que este o execute, e ademais, no caso de que se modificase o convenio, esta modificación só entraría en vigor no momento en que se publicase no boletín oficial, momento ata o que poderían transcorrer meses.

É preciso aclarar, xa que moitos traballadores e traballadoras preguntan, que o Complemento persoal transitorio é o resultado da diferenza positiva das retribucións recollidas no Convenio colectivo do persoal laboral e as que previamente cobraba un traballador individualmente, e que este complemento só o teñen os traballadores que cobran por riba do convenio colectivo na actualidade, con retribucións que veñen derivadas nuns casos de setenzas xudiciais, noutros de antigas subvencións e en moitos deles xa do anterior convenio colectivo de 2006, que se actualizou co convenio actual e coas novas retribucións e que deu lugar á desaparición total nalgúns casos e a unha absoción parcial pola suba retributiva noutros.

A CIG chama a rearmar a loita social na rúa e na negociación colectiva para recuperarmos os dereitos roubados co pretexto da crise



A central convoca manifestación o domingo 26 de xaneiro en Compostela por unhas pensións públicas dignas e garantidas

A CIG realizou este mércores asembleas e concentracións de delegadas/os nas diferentes comarcas en defensa do sistema público de pensións e para esixir a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións como única vía para garantir a recuperación dos dereitos roubados á clase traballadora baixo a escusa da crise. Dende a CIG lanzouse un chamamento a participar na manifestación que a central ten convocada o domingo 26 de xaneiro, ás 12 horas, en Santiago de Compostela por unhas pensións públicas e garantidas, "porque esta é unha loita que atinxe a toda a clase traballadora".

Ademais desta cuestión, nas asembleas debateuse arredor da folga de mulleres de 24 horas que a CIG convoca para o vindeiro día 8 de marzo e das mobilizacións previstas para o día 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega.

Resposta social sostida no tempo

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na asemblea celebrada na Coruña, puxo o acento na conxuntura política actual "chea de incertezas" e nas actuacións dun Goberno do Estado que non ten vontade de afrontar cambios substanciais nas políticas neoliberais aplicadas até agora, que posibiliten a recuperación dos dereitos roubados baixo escusa da crise. Así, puxo como exemplo os orzamentos xerais que o Executivo de Pedro Sánchez vén de aprobar "que constatan o maltrato histórico con Galiza" ou as últimas medidas adoptadas en materia de pensións públicas.
"Estamos nun momento no que, ou empurramos a mobilización social ou dificilmente poderemos frear a pobreza e a precariedade laboral, os ataques ao sistema público de pensións, o desmantelamento do noso tecido produtivo ou mesmo o auxe da extrema dereita", advertiu Carril.

De aí que lanzara un chamamento "a rearmar unha resposta social sostida no tempo", tanto na rúa como a través da negociación colectiva, como única alternativa para reverter o empobrecemento da clase traballadora e os procesos de desindustrialización, "que hoxe teñen un claro expoñente na comarca da Coruña, co peche dos fornos de Ferroatlántica, o anuncio de Naturgy de clausurar a central de Meirama ou co lesivo preacordo asinado en Alcoa, que non garante nin o mantemento do 100% do emprego nin a reactivación das cubas de electrólise".

Empregos e salarios dignos para garantir o sistema de pensións

O secretario xeral da CIG lembrou que durante a reunión do pasado decembro coa ministra de Traballo, a central nacionalista urxiu cambios lexislativos para derrogar as reformas laborais de 2010 e 2013, a reforma da negociación colectiva e as reformas das pensións de 2011 e 2013, como paso necesario para xerar emprego estábel, de calidade e con salarios dignos, que permita dotar de recursos suficientes o sistema de pensións.

A este respecto, valorou que o Goberno retomara o IPC como índice para revalorizar as pensións, pero lembrou que aspectos tan lesivos como o factor de sustentabilidade continúan vixentes e que xa se está a falar de ampliar de novo os anos para o cálculo da base reguladora ou volver atrasar a idade efectiva de xubilación.

Nesta liña, Carril tamén criticou os cambios aprobados polo Goberno español sobre xubilación parcial aos 61 anos con contrato de relevo, xa que na práctica queda excluída deste dereito a maioría da clase traballadora. "Demandamos a derrogación da reforma das pensións de 2011 e recuperar este dereito nas condicións previas, xa que é un mecanismo de acceso á xubilación en condicións dignas e a unha idade máis que merecida para quen ten longas carreiras de cotización, pero tamén é un mecanismo de creación de postos de traballo para rematar co desemprego e o drama da emigración que sofre Galiza".

A CIG demanda un SMI cando menos igual ao 60% do salario medio

Nas asembleas abordouse tamén a suba do Salario Mínimo Interprofesional, un incremento que Paulo Carril, cualificou como "un tímido avance, mais insuficiente". Así, recordou que a central sindical trasladoulle unha proposta ao director Xeral de Traballo para que neste 2019 o SMI se situara, tal e  como recomenda a Carta Social Europea, en cando menos o 60% do salario medio, ante a necesidade urxente de acabar co empobrecemento xeneralizado dos salarios e das rendas de traballo.

Con este obxectivo a CIG tamén demandou a derrogación do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) e a utilización do salario mínimo interprofesional como única referencia de indicador público para os efectos de fixar a contía de calquera tipo de prestación social pública.
Neste contexto de deterioro das condicións laborais e sociais e de continuados recortes, criticou que o Goberno galego pretenda aparentar agora unha oposición radical a Madrid, pero que non deixa de ser un simple postureo, "pois nin sequera ten axenda propia para Galiza e mira para outro lado cando se lle trasladan propostas como a da CIG para a creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva para as empresas electrointensivas e medidas para que poidamos aproveitar a nosa condición de país xerador e exportador de enerxía para combater a pobreza enerxética e pór a explotación dos nosos recursos ao servizo do desenvolvemento social e económico de Galiza".

O 8 de Marzo a CIG convoca folga de mulleres de 24 horas

A secretaria confederal das Mulleres da CIG, Marga Corral, participou na asemblea de delegados/as de Vigo para abordar a conmemoración do vindeiro 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Corral incidiu en primeiro lugar na importancia de enfocar a celebración como unha data de combate, de confrontación e de denuncia do sistema capitalista patriarcal que oprime e discrimina a milleiros de mulleres en todo o mundo.

Lembrou que a CIG ten convocada para esa xornada unha folga de mulleres de 24 horas, “xa que entendemos que a folga é unha ferramenta necesaria para loitar contra os problemas que padecemos: fenda salarial, discriminación laboral, abuso e acoso nos centros de traballo, etc.”.

Diante disto, chamou a todas as mulleres traballadoras a participar nun paro de 24 horas que vai máis alá do estritamente laboral xa que tamén é de consumo, de coidados, etc. e instou os homes a levar estas reivindicacións ás empresas e a apoiar e facilitar que as súas compañeiras non vaian a traballar ese día, ademais de a participar nas mobilizacións que se desenvolverán o 8 de Marzo pola tarde. Pola mañá terán lugar os piquetes e as mobilizacións convocadas pola CIG, que estarán protagonizadas exclusivamente por mulleres. “Polas que estamos, polas que xa non teñen voz, imos á folga”, subliñou Corral.

Ademais, aludiu a outro dos obxectivos desta mobilización, que non é outro que “desmontar a hipocrisía que fai que o sistema bote man do tema das mulleres para lavar a cara”.

Neste punto amosouse moi crítica co que cualificou como “paripé” feito o ano pasado por CCOO e UGT “coa axuda dos medios de comunicación” xa que a pesar de que estes dous sindicatos convocaron folga xeral “cantos homes participaron do paro ou cantas empresas pecharon?”.

Corral asegurou que as mulleres organizadas na CIG están fartas desta hipocrisía social que fai que “agora todo o mundo se declare feminista, pero a realidade é que seguimos a ser asasinadas, acosadas, agredidas e discriminadas sen que ningún goberno faga nada por rematar con isto”.

Segundo denunciou, tampouco a Administración de xustiza está a combater esta situación, máis ben ao contrario: “A xustiza española machista e fascista está a reaccionar, como amosan sentenzas como a da Manada”, censurou.

Finalmente, fixo fincapé en que “os nosos dereitos conquístanse loitando na rúa e nos centros de traballo”, polo que salientou a importancia de participar en todas as mobilizacións que convoca o feminismo galego, do que tamén fai parte a CIG.


Plan de igualdade interno do Concello de Betanzos

O Departamento de Igualdade vén de lle achegar a todos os traballadores e traballadoras un cuestionario como primeiro chanzo para a elaboración dun Plan de Igualdade Interno, tal e como se acordou na Comisión Paritaria de Igualdade.

O persoal municipal poderá enviar este cuestionario por correo electrónico (planigualdade@betanzos.es) ao departamento correspondente, ou ben depositalo anonimamente nas caixas de correo habilitadas nas Oficinas Xerais do edificio Liceo, na Casa do Concello e nas dependencias de Servizos Sociais ata o vindeiro 31 de xaneiro.

É importante a participación do persoal que contribuirá á elaboración do primeiro Plan de igualdade interno do Concello de Betanzos.

Así mesmo, tal e como se acordou tamén na Comisión de Igualdade, composta polo goberno municipal e os representantes do persoal laboral e o funcionariado, Igualdade proximamente remitirá o Protocolo contra o acoso sexual, un manual de linguaxe inclusiva e outro de boa prácticas municipais en materia de igualdade.

Achegamos o cuestionario por se o queredes descargar:

15/01/19

Condena civil solidaria ao SPA por non avaliar o risco de acceso a un falso teito cuxa existencia descoñecía

Os feitos que dan lugar a esta sentenza acaeceron cando un traballador recibiu a orde de acudir á empresa en día festivo e subir, xunto ao seu xefe, ao falso teito da nave, sen utilizar ningunha medida de prevención nin protección, caendo ambos de 6,35 metros por desprazamento dunha placa. O traballador sufriu lesións moi graves e reclamou civilmente contra a empresa, que foi condenada. A empresa presenta recurso para tentar implicar ao Servizo de Prevención Alleo na indemnización, alegando que o falso teito non estaba contemplado na Avaliación de riscos.

Cando se realizou a primeira avaliación de riscos, a técnico do SPA preguntou onde se dirixía unha escaleira de obra e dixéronlle que á oficina do xerente tal como asevera ela mesma en xuízo. Logo resultou que estaba a oficina do xerente pero ademais había unha sala e dentro da mesma un cuarto no que se atopaba unha trampilla pola que se accedía ao falso teito.

O Tribunal considera na sentenza que a técnico do Servizo de Prevención Alleo estaba obrigada a inspeccionar os falsos teitos pola posibilidade de que se desenvolvese algunha actividade neles.

Na investigación posterior, a Inspección de Traballo estableceu única e exclusivamente a responsabilidade da empresa polos feitos acaecidos. Non sancionou, por tanto, ao Servizo de Prevención Alleo.

A cuestión debatida céntrase en determinar se o Servizo de Prevención Alleo co que a empresa concertou a avaliación de riscos laborais e a confección dun plan de seguridade ha de ser condenado solidariamente, solidariedade que se debe estender á compañía aseguradora coa que a empresa especializada na prevención de riscos laborais ten concertado un seguro de responsabilidade civil.

A sentenza recorrida, fai constar nos feitos declarados probados que "Na avaliación de riscos vixente ao momento do accidente non había referencia algunha ao falso teito ou instalacións existentes no mesmo e traballos que puidesen levar a cabo nel", pero argumenta que non é esixible responsabilidade á empresa que levou a cabo tal avaliación porque "á técnico que realizo a avaliación non se lle informou da existencia dun falso teito ao que se accedía dende a oficina do xerente e que en momentos determinados podíanse realizar traballos no devandito lugar". De tal criterio discrepa a parte demandante, afirmando a responsabilidade civil da empresa de prevención de riscos, pola defectuosa avaliación dos riscos, ao non contemplar os derivados dos traballos que se podían levar a cabo no falso teito.

No recurso non se cuestiona que o accidente sufrido polo traballador demandante produciuse pola omisión de medidas de seguridade esixibles, dado que se lle ordenou polo seu superior para realizar labores de mantemento nun lugar no que existía risco de caída porque a superficie dende a que se había de operar (falso teito) non era estable. Trátase de determinar se, ademais do empresario é esixible responsabilidade á empresa á que este encomendara a avaliación de riscos.

A sentenza estima que, no presente caso, a empresa contratada para a avaliación dos riscos estaba obrigada a inspeccionar e examinar todos os lugares nos que se podía levar a cabo algún tipo de actividade laboral e dado que esta inclúe as actividades de mantemento, estaba obrigada a inspeccionar os falsos teitos por se nos mesmos estivesen situados condutos, dispositivos ou maquinaria susceptible de actividade de mantemento e dita obrigación non pode deixar de levarse a cabo polo feito, como afirma a sentenza, de que non fose informada da existencia de tal tipo de dispositivos no falso teito, máxime se existía unha trampilla que facilitaba o acceso ao falso teito que era perceptible, trampilla que poñía de manifesto a posibilidade de actividade a desenvolver no devandito lugar. Procede en consecuencia estimar que o Servizo de Prevención Alleo incumpriu as obrigacións que lle impoñía o contrato en virtude do cal a empresa concertou con ela a avaliación dos riscos laborais, omitindo na súa avaliación riscos que afectaban as actividades de mantemento e, por iso, non concretou cales haberían de ser as medidas para adoptar no caso de necesidade de acceso ao falso teito para levar a cabo tarefas de mantemento, incumprimento contractual que, sen excluír a responsabilidade do empresario principal, tivo relevancia causal na produción do accidente de traballo. É por iso que procede declarar a responsabilidade civil da citada empresa, con aplicación do que establece o artigo 1902 e 1903 do código civil, solidariamente coa da empresa. Así a sentenza condena solidariamente coa empresa ás citadas empresas codemandadas, limitándose a da aseguradora aos límites que poidan derivar do contrato de seguro con ela concertado.



Cancro de mama e traballo nocturno

Un estudo realizado por un equipo do Institut National da Santé et da Recherche Médicale, Inserm, achega nova información sobre a asociación entre o traballo nocturno e o risco de cancro de mama, grazas á nova análise de cinco estudos para rastrexar a exposición ao traballo nocturno entre máis de 13.000 mulleres de varios países.

A cuestión da relación entre o traballo nocturno e o risco de cancro de mama non se aclarou dende que a Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC) concluíu en 2007 un posible efecto carcinoxénico. Os estudos epidemiolóxicos sobre o tema reportaron resultados discordantes que son difíciles de interpretar porque se basean en medidas heteroxéneas e, a miúdo, incompletas da exposición ao traballo nocturno.

A orixinalidade deste traballo do equipo do instituto francés consistiu en seleccionar cinco importantes estudos internacionais sobre o cancro de mama que contaban con información sobre as horas de traballo de mulleres e homes, obtidas utilizando un cuestionario detallado sobre cada traballo que desempeñaron durante a súa carreira. Estes estudos en Australia, Canadá, Alemaña, España e Francia incluíron un total de 6.093 pacientes con cancro de mama e 6.933 mulleres sas de control da mesma idade recrutadas da poboación xeral. A partir da información recompilada sobre os aproximadamente 54.000 empregos que ocupaban estas mulleres, os investigadores puideron caracterizar a súa exposición ao traballo nocturno durante a súa vida, de maneira precisa e homoxénea entre os estudos.

As análises realizadas dende esta gran base de datos, en colaboración con equipos de investigación no estranxeiro, proporcionan argumentos sólidos para establecer un vínculo entre o traballo nocturno e o cancro de mama. Mostran que entre as mulleres premenopáusicas, o traballo nocturno (definido como polo menos tres horas entre a medianoite e as 5:00 a.m.) aumenta o risco de cancro de mama nun 26%. O risco parece ser particularmente alto para as mulleres que traballaron máis de 2 noites á semana durante máis de 10 anos. Os resultados tamén mostran que o risco diminúe despois de interromper o traballo nocturno.

Doutra banda, non se observou unha asociación clara entre o risco de cancro de mama e o traballo nocturno en mulleres despois da menopausa. "Tal vez porque despois da menopausa, unha gran parte das mulleres deixaran de traballar pola noite durante varios anos", di Pascal Guénel.

As alteracións no ritmo circadiano (ritmo de 24 horas controlado por un reloxo biolóxico interno) poden ser a causa do aumento do risco de cancro de mama entre as mulleres que traballan de noite. Do mesmo xeito que están incriminados nos efectos probados ou presuntos do traballo nocturno en trastornos do soño e estado de ánimo, diabetes, obesidade, enfermidades cardiovasculares ou na aparición doutros tipos de cancro, como os da próstata. Co fin de limitar os efectos do traballo nocturno na saúde, débese prestar especial atención á organización do traballo, limitar o número de noites traballadas ou evitar cambios frecuentes nas horas de traballo.


A electrosensibilidade xa ten consideración de accidente de traballo

O demandante comezou a desenvolver a partir de 2009 unha resposta biolóxica particular ante a exposición a campos electromagnéticos non ionizantes por disfunción límbica, tanto de alta como de baixa frecuencia, (wifi, telefonía móbil, wimax, computadores, tendidos eléctricos, transformadores eléctricos, etc). En 2014 foi diagnosticado de Electrohipersensibilidade, como enfermidade común. Tras solicitar administrativamente o cambio de Enfermidade Común a Accidente de Traballo nas súas Incapacidades Temporais (IT), o INSS resolveu que ditas Incapacidades Temporais debían ser consideras como continxencias comúns. Interpúxose demanda para solicitar o devandito cambio de continxencia a Accidente de Traballo a través do Xulgado do Social citado.


Recentemente o Xulgado do Social Número 1 de Zaragoza, determinou que a patoloxía de electrosensibilidade que padece un traballador foi orixinada única e exclusivamente pola súa actividade laboral e por tanto as incapacidades temporais IT) que tivo este traballador dende 2014 teñen carácter laboral e deben ser consideradas como Accidente de Traballo. Dita sentenza foi ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Aragón.

Máis info en ww.cigsaudelaboral.org.

08/01/19

O Comité de Empresa solicítalle ao Concello de Betanzos que reúna a Comisión Negociadora do Convenio colectivo para a revisión do texto

O Comité de Empresa, logo do acordo adoptado por unanimidade na reunión do 14 de decembro, solicitoulle ao Concello de Betanzos que convoque a Comisión Negociadora do Convenio colectivo para a revisión do texto asinado hai case catro anos.

Esta solicitude faise tamén logo de falar co concelleiro de Persoal e á vista de que un ano e medio de reunións da Comisión Paritaria de Interpretación do Convenio colectivo non serviron para solucionar ningún dos problemas derivados da interpretación unilateral que o Concello vén facendo desde que este texto entrou en vigor en abril de 2017.

A intención do Comité de Empresa con esta solicitude é plasmar no texto os acordos aos que xa se chegou co goberno municipal nos ano 2017 e 2018, revisar e actualizar normativamente o convenio, regular algunhas cuestións puntuais que non están reflectidas no texto, así como procurar unha revisión que continúe no camiño iniciado hai catro anos e cuxo obxectivo a longo prazo era a equiparación salarial da totalidade do persoal do Concello de Betanzos, independentemente da relación laboral ou funcionarial con este. 

Daquela foi a CIG o sindicato que asinou este convenio co goberno municipal e o que loitou por dar un paso adiante nesta equiparación, hoxe, case catro anos despois, e logo da última reunión do organismo que representa ao persoal laboral, o Comité de Empresa, a totalidade deste está de acordo en que cómpre continuar nesa loita e para iso é necesario dar pasos adiante, máis aínda cando os representantes do persoal laboral defendemos a igualdade de salarios tamén na Mesa Xeral de Negociación e mais durante a negociación da Relación de Postos de Traballo. 

Por este motivo, a CIG propuxo na reunión do Comité que no caso de que en xaneiro o goberno municipal non solucionase ningún dos problemas pendentes derivados da aplicación do Convenio colectivo, este solicitaría que se reunise a Comisión de negociación para intentar negociar unha modificación dalgúns puntos do Convenio colectivo vixente, que seguimos entendendo como un marco válido e que serviu, nalgúns aspectos, para a equiparación de dereitos co funcionariado, mais que catro anos despois consideramos que precisa algunhas revisións en temas puntuais.