27/12/19

A Xunta renuncia a regular a compatibilidade do persoal fixo descontinuo precarizando as súas condicións



Eludiu abordar a cuestión na Mesa Xeral de Empregadas/os Públicas/os

A CIG-Administración Autonómica denuncia que a Xunta renunciou a regular a compatibilidade do persoal fixo descontinuo con outro posto de traballo nos períodos de inactividade deste contrato na Mesa Xeral de Empregados/as Públicos/as abocando a estas traballadoras e traballadores á precariedade.

Explica que se trata de contratos que teñen, en moitas ocasións, xornada igual ou inferior, sen chegar ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) en cómputo anual (exemplo 5 meses). Así converten aos traballadores e traballadoras que ocupan postos fixos descontinuos “en empregados públicos escravos e condenados a precariedade”, denuncia.

Fronte a isto consideran que esta interpretación torticeira da normativa estatal de incompatibilidades por parte de Función Pública “vulnera o dereito ao traballo do persoal e ao sostemento das familias dun xeito digno”.

Por todo isto, a CIG-Adminsitración Autonómica vén de solicitar na Mesa Xeral de Empregados Públicos que a Xunta rectifique e habilite normativamente a posibilidade de compatibilizar os períodos de inactividade do contrato (suspensión) con outra actividade retribuída. Do mesmo xeito solicita que se permita cautelarmente a compatibilidade das solicitudes mentres se tramita a nova norma.

Nesta mesa “a Xunta renuncia de cabeza a intentar solucionar o problema da incompatibilidade e afirma que non é competente para facelo. Sabemos que si se pode si se quere polo que dende a CIG - Autonómica instamos á Xunta a que defenda ao seu persoal e non pechamos ningunha outra vía para conseguilo”, conclúen.

A CIG solicitoulle aos presidente do Comité de Empresa que inclúa diversos temas na reunión ordinaria do Comité de Empresa

A CIG vén de lle solicitar ao presidente do Comité de Empresa que inclúa na orde do día varios temas e solicitudes que lles trasladaron diversos traballadores nestes meses.
En principio, a reunión está prevista para o vindeiro 13 de xaneiro, aínda que polo momento non foi convocada, non obstante, e con posterioridade á reunión informarévos puntualmente dos acordos adoptados.

19/12/19

Boletin CIG Saude Laboral Nº 35

Artigos:

1. A silicose na Galiza: morte e enfermidade que non cesa.
2. Recomendacións básicas ante as malas actuacións das mutuas. Prontuario de actuación.
3. Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral – CIG. Síntese de actividade 2019.
4. A incapacidade temporal: procesos asociados a situacións de baixa e alta médica.

18/12/19

CIG-INFORMA RETRIBUCIÓNS ACTUALIZADAS DESDE XULLO DE 2019

No pasado mes de xullo tivo lugar unha suba salarial do 0,25% que no Concello de Betanzos se aplicará desde a nómina de decembro de 2019 e cuxos atrasos desde xullo parece que se van incluír na nómina de xaneiro de 2020. Deixámosvos un CIG-INFORMA coas retribucións do persoal laboral actualizadas.

CSIF e UGT alíanse co goberno municipal para aprobar un orzamento que volve a deixar ao persoal laboral como traballadores de segunda

Na Mesa Xeral de Negociación do pasado 10 de decembro, que o goberno municipal convoco para poder levar ao pleno deste martes os orzamentos, ás présas, e sen marxe de negociación, CSIF e UGT demostraron, unha vez máis, que a alianza do Comité de Empresa se traslada ás Mesas de Negociación como apoio incondicional ao goberno municipal mesmo aínda que as propostas non redunden en propostas que minoren as diferenzas salariais entre o persoal laboral e o funcionariado.

O goberno municipal presentou un orzamento que non se compromete a solucionar as discriminacións salariais entre o persoal laboral e o funcionariado e que redunda nas propias discriminacións de aplicación ou non do convenio colectivo ao propio persoal laboral. O mesmo goberno do PSOE que en Madrid defende un SMI de 1000 euros, en Betanzos pensa que os 990 euros que cobra o persoal laboral do grupo V é demasiado para lle pagar ao alumnado-traballador dos obradoiros de emprego, ao que lles aplica o Convenio colectivo para o fondo de acción social, as revisións médicas ou a participación nas eleccións sindicais, mais non nos salarios, porque segundo o asesor xurídico do Concello os traballadores laborais que teñen un contrato co Concello de Betanzos non son persoal desta Administración local.

O presidente Santiago Ois (CSIF) e o vicepresidente do Comité de Empresa José Ángel Montes (UGT) apoiaron un orzamento que pecha a negociación a melloras salariais para o persoal laboral e que destina, segundo os datos ofrecidos polo propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, arredor de 1 700 000 mil euros para os salarios do persoal laboral e outro 1 700 000 mil euros para o funcionariado. De termos en conta que indicou na propia mesa que na actualidade hai 40 funcionarios en activo e 80 laborais en activo, a proporción non está mal, non si? Case se podería dicir que polo salario de cada funcionario traballan dous laborais.

A CIG foi o único sindicato que lle fixo unha serie de propostas de modificacións do orzamento ao Concello, e se este aceptaba apoiaría o documento, non obstante, o goberno de María Barral non aceptou ningunha das propostas da CIG para a a mellora do orzamento do persoal do 2020 que foron as seguintes:

-Inclusión no anexo da totalidade do persoal e aplicación das retribucións do Convenio colectivo a todo o persoal do Concello de Betanzos.

-Aumento das xornadas parciais do persoal que realiza horas complementarias continuamente, segundo o recollido no Convenio colectivo.

-Aclaración dos centros de traballo do persoal de limpeza, logo da privatización desta de varios edificios.

-Homoxeneización das xornadas e días de contratación do persoal docente que traballa no Centro Cultural San Francisco.

-Negociación da partida de produtividade para a súa inmediata distribución.

-Solución dos excesos de xornada e da problemática das horas extraordinarias.

-Renegociación de salarios do persoal laboral para continuar no camiño de eliminación das discriminacións salariais co funcionariado. 

O goberno municipal, CSIF e UGT desbotaron estas propostas e aprobaron un orzamento que non só non soluciona ningún dos problemas existentes senón que, ademais, deixa un fondo de continxencia de 225 000 euros para a suposta aplicación dunha futura RPT que aínda vai afondar máis nas discrimacións salariais e que o goberno municipal pretende levar ao pleno nos vindeiros meses. Se ben é certo que o goberno municipal debería convocar de novo a Mesa Xeral de Negociación antes de sometela á aprobación plenaria e de enviala para os informes pertinentes, xa que desde comezos do ano 2019 que se aprobou o documento son varias as sentenzas de indefinición do persoal laboral que obrigan á inclusión das prazas na Relación de Postos de Traballo. Igualmente, durante o ano 2020 son moitos os xuízos pendentes por demandas do persoal laboral derivadas da ineptitude do goberno local para xestionar unha situación irregular derivada de trinta anos de políticas pésimas en materia de persoal.

Documentación da Mesa Xeral de Negociación do 10 de decembro de 2019

Convocatoria da Mesa Xeral de Negociación do 10 de decembro
Actas das Mesas Xerais de Negociación do 28 de febreiro e do 9 de abril de 2019

A CIG segue a medrar en número de persoas afiliadas

Din que afiliarse a un sindicato non está ben visto polos que mandan. Non é cuestión moderna. O moderno é que as relacións laborais sexan de tipo individual e non colectivo. Neste escenario, o poder establecido gaña. A clase traballadora, organizada e defendida é un perigo para os intereses da patronal, tamén no sector público. Só consenten o sindicalismo entregado ao sistema, que pacta renunciando ou vendendo os dereitos conquistados. Os gobernos e a patronal necesitan dun sindicalismo burocrático que o centralice todo, lonxe dos centros de traballo e do persoal, un sindicalismo individual, de asesoría, que non consulte ás persoas as que representa e, polo tanto, nada asembleario.

Afortunadamente a CIG segue un sindicalismo diferente. As compañeiras e compañeiros que conformamos a CIG sentímonos orgullosas do sindicalismo de clase, asembleario, independente e combativo. Conformamos unha arma poderosa sen hipotecas diante do poder.

Así na CIG acadamos xa un nivel de afiliación moi importante, o maior dos últimos anos, tanto a nivel global de todo o sindicato como no que atinxe á Federación de Administración Pública. Somos a primeira central sindical na Galiza, tamén en número de afiliados.
Celebramos a boa nova, temos independencia financieira, solvencia, locais propios, caixa de resistencia e áreas técnicas e formativas, como saúde laboral e muller.

Grazas por darnos a túa confianza, somos mais fortes, estamos de parabéns.

O xulgado do contencioso estima o recurso da CIG e anula a modificación da RPT do Concello de Verín


A sentenza entende que se vulnerou o dereito á negociación colectiva



O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense anulou o pasado luns día 2 a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Verín por vulneración do dereito á negociación colectiva e á liberdade sindical, estimando o recurso contencioso administrativo interposto pola CIG.

Esta sentenza supón a anulación de varios postos que foran creados: un de Técnico/a Informático/a, grupo A1, cun complemento de destino 26 e complemento específico de 15.067,92 euros; un de Técnico/a de Recursos Humanos, cun complemento de destino 26 e complemento específico de 16.689,54 euros; dous de Técnicos/as de Xestión Económica, cun complemento de destino 26 e complemento específico de 16.689,54 euros; e outro de Enxeñeiro/a Industrial Superior, cun complemento de destino 26 e complemento específico de 18.851,70 euros. 

Alén da anulación deste postos, a decisión xudicial vai dar lugar á anulación de parte da Oferta Pública de Emprego (OPE) aprobada polo Concello para o 2019, ao incluírse na oferta os postos agora anulados polo xulgado.

Na Unión Local da CIG de Verín sinalan que dende que o Goberno local (PSOE-BNG) incumprira en 2016 o acordo alcanzado cos sindicatos para a actualización da RPT municipal e a renovación dos convenios colectivos, as relacións laborais no ente local non poden ir peor. “Predicar está moi ben, pero mellor dar trigo; que a un goberno progresista lle anulen os acordos que adopta por falta de negociación é como para que os seus socios repensen se se pode seguir a vender progreso a base de decretazos, como fixo durante anos o PP no Concello”.

Diante disto, ofrécense aos responsábeis municipais para abrir unha negociación “sincera e real” sobre as cuestións pendentes de persoal que lle interesan aos cidadáns/ás e aos traballadores/as municipais. “Se se segue a bloquear a negociación, será o grupo de Goberno o único responsábel do que poida vir”, rematan.

CCOO e UGT lexitiman as políticas regresivas de Feixóo co acordo asinado na mesa de diálogo social

Avalan, non só as reformas laborais, senón tamén os recortes que se aplican a todos os niveis


Cando dúas organizacións sindicais como CCOO e UGT asinan co Partido Popular e a patronal un acordo para “conservar o que temos” -e cando o que temos é unha gravísima crise industrial, con 50.000 persoas menos traballando neste sector desde 2009; un medre da destrución de emprego; unha extensión da pobreza polas reformas laborais e das pensións e polos baixos salarios; un gravísimo problema de emigración da nosa mocidade, que se ve expulsada por falta de alternativas do futuro, ou recortes na sanidade pública, no ensino e en servizos sociais-, non só están lexitimando as demoledoras políticas antiobreiras e antigalegas do PP no goberno da Xunta, senón mesmo avalando a súa continuidade.

Así o considera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen subliña que “conservando o que temos, CCOO e UGT renuncian ao que necesitamos, que é a recuperación dos dereitos e un plan de choque para crear emprego e industrialización en Galiza”. Por iso considera “unha labazada á clase traballadora e ao pobo galego” a fotografía que lle veñen de regalar ao PP a poucos meses das eleccións ao Parlamento galego. Unha imaxe coa que “selan a relación de complicidade co goberno de Feixóo” e coa que avalan tamén os orzamentos para 2020, nos que se manteñen as políticas de recorte que tanto dano teñen feito na última década.

Emenda á totalidade do documento

Carril cuestiona ademais os contidos do acordo asinado porque “representa moita literatura, poucas ou nulas medidas reais -algunhas de dubidosa legalidade-, con ridículas dotacións orzamentarias” e afirma que estas dúas organizacións sindicais “carecen de lexitimidade e credibilidade para defender ao conxunto das traballadoras e traballadores”.

En todo o relativo ás cláusulas sociais na contratación pública,o secretario xeral da CIG asegura que “dan a peor versión da aplicación da Lei de Contratos do Sector Público impedindo, dificultando e renunciando a introducir medidas que favorezan a reversión ao público de servizos concesionados polos que se está lucrando o sector privado”. Xunto a isto denuncia que “permite a licitación en lotes, poñendo así en perigo, a situación das traballadoras e traballadores en moitas das concesións actuais”.

Ademais, mentres a CIG está denunciando a explotación laboral das persoas que traballan nos Centros Especiais de Emprego (CEE), polas condicións laborais precarias que se lles imponen; demandando que se aplique o convenio de sector, tanto para os CEE con ánimo de lucro como sen ánimo de lucro e advertindo de que pedirá a súa descatalogación se non muda a situación, CCOO e UGT asinan neste acordo un chamado á utilización e fomento destes centros, “co que iso implica de discriminación e abuso das persoas con discapacidades”.

No referido ao apartado de “impulso para a transformación tecnolóxica da industria galega”, Carril afirma que se trata só “dunha acumulación de estudos sen prazos, sen contido reais, sen unha soa medida ante a crise industrial e ante as consecuencias que xa está tendo a chamada transición ecolóxica”.

Impulso de novas formas de explotación laboral

No relativo á industria 4.0, as organizacións sindicais, xunto coa patronal e o PP, fan un chamado a promover a utilización de plataformas dixitais para fomentar a internacionalización das PEMES. “O mundo ao revés”, sinala Carril, quen lembra que, fronte a isto, “na CIG temos diagnosticado que as plataformas dixitais e as novas realidades derivadas da industria 4.0 están a xerar novas formas de explotación laboral e de precariedade”. Por iso denuncia que “CCOO e UGT, no canto de enfrontalas e combatelas, o que fan é asumilas e fomentalas”.

O secretario xeral da CIG denuncia tamén a “incapacidade total de elaborar unha axenda galega”, entendendo que “de galega só ten o nome”. Neste sentido lembra que “somos o territorio onde está habendo maior caída de produción industrial, onde hai unha Lei de Fomento Empresarial que ten resultado ser un fracaso” e que o propio Consello Económico e Social “ten emendado a política económica e industrial da Xunta no documento Por unha alianza no sector industrial galego. 50 medidas”. Por iso cualifica de “despropósito” que “nin sequera teñan en conta a necesidade de reverter as materias primas e a enerxía ao servizo do desendolvemento industrial de Galiza”.

Ademais rexeita a “submisión absoluta ás actuacións insuficientes e inxustas que o goberno do Estado español ten en marcha e que están provocando unha situación dramática coa aplicación do calendario de descarbonización”, tal e como se recolle no apartado relativo a esta cuestión no documento do acordo. Nese sentido denuncia que os asinantes “desisten de que Galiza teña calquera caste de protagonismo ante a situación específica que padecemos, ou a ter unha planificación propia para adoptar as medidas necesarias para que esa descarbonización non sexa dramática para as traballadoras e traballadores das empresas atinxidas, para a economía e o emprego das comarcas afectadas e para todo o país”.

Xunto a isto, denuncia a ridícula dotación orzamentaria que se destina á suposta estratexia de reindustrialización nas comarcas afectadas polo peche das centrais térmicas de carbón. “Suposta porque non din nada máis, nin fixan prazos, nin establecen medias paliativas para xa, porque é agora cando xa se están vendo afectadas”, sinala o secretario xeral.
Canda isto, Carril apunta que, mentres a CIG xa ten demandado, entre outras medidas, que se inclúa a Galiza no Plan de Acción urxente para países do carbón e centrais pechadas 2019-2020 “eles nin sequera contemplan que se garante a inclusión de Galiza na estratexia de transición baixo as mesmas condicións e cos mesmo dereitos doutros territorios do estado español”.

“Bochornoso” en materia de igualdade

Para o secretario xeral da CIG resulta “bochornoso” que dediquen todo un apartado, baixo o nome de 'Igualdade de Oportunidades', a recoller iniciativas ou programas que xa existen, que forman parte da normativa e sobre as que, polo tanto, este pacto non achega nada novo.

Neste sentido denuncia que a meirande parte das medidas van dirixidas a financiar gabinetes técnicos de asesoramento, elaboración de guías de plans de igualdade, e accións formativas nesta materia, nunha área na que a patronal e as centrais sindicais asinantes do documento deberan estar a realizar ese tipo de accións con fondos propios, tal e como fai a CIG desde hai quince anos. “Máis tendo en conta que se consignan a este apartado un total de 400.000 euros cando a Unidade Administrativa de Igualdade da Xunta non ten orzamento suficiente para desenvolver o seu traballo”.

E denuncia tamén que o acordo de formación en igualdade ten o mesmo contido que as accións formativas que se desenvolven no marco do Consello Galego de Relacións Laborais, sinalando que a única novidade radica en unificar o procedemento de certificación dun plan de igualdade e o da Marca Galega de Excelencia en Igualdade nun novo distintivo autonómico galego, para o cal dedican 50.000€. “É indignante que se dedique esa contía económica a premiar ás empresas por cumprir a lexislación”, di.

Respecto do Acordo sobre ferramentas para a promoción, medición e mellora da igualdade laboral e de oportunidades, considera que dedicar 90.000€ para a creación dun portal web “é un derroche de cartos, que poderían aforrar, actualizando os materiais xa dispoñíbeis ao novo marco legal”. Por iso intúe que “o obxectivo do acordo non é avanzar nunha Galiza máis igualitaria e sostíbel, senón financiar a actividade de CCOO, UGT e a patronal, dándolle os parabéns a quen ten a responsabilidade de levar a cabo políticas públicas para conseguir o mesmo fin”.

Políticas activas de desemprego

No relativo a políticas activas de emprego, o documento asinado non contempla, segundo valora o secretario xeral da CIG, nin unha soa medida real que reverta a situación das persoas paradas de longa duración. “O único que se introducen son cuestións referidas a análise da situación ou incorporación a un programa. Unha trapallada tendo en conta, ademais, a lamentable dotación orzamentaria que lle dedican a esta cuestión”.

As axudas a empresas para contratación de remudistas -contratos relevo- significa, para Carril, “recoñecer a discriminación da actual lexislación e fomentar a consolidación da mesma, ademais de instalarse, con carácter xeral, na lóxica do financiamento público das empresas de forma alegre a sen garantías reais, limitando ademais os colectivos que puideran ser beneficiarios”.

En relación ás axudas para favorecer o mantemento do emprego ante flutuacións económicas, ademais de afondar no anterior, significa, para Carril “fomentar e facilitar os despedimentos de traballadoras e traballadores en empresas e medidas de destrución de emprego, facilitando os EREs e os ERTEs e as reducións de xornada con axudas públicas que son miserábeis, que xeran problemáticas fiscais e seguen instalados na lóxica de dar cartos ás empresas”.

É, para o secretario xeral da CIG, en conxunto, “asumir a reforma laboral e definir máis medidas para destruír emprego que para crealo”.

Apropiación indebida do AGA

Para Paulo Carril, con este acordo non se crea “absolutamente nada novo”. Hai cuestións que se derivan a organismos de nova creación que son de “dubidosa legalidade” e vaise aínda máis lonxe apropiándose, “de forma indebida e irrespetuosa de acordos como o asinado conxuntamente, o pasado 28 de novembro, relativo ao financiamento e a posta en marcha do servizo de mediación e arbitraxe de procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo individuais (AGA), usurpando e desprazando ao Consello Galego de Relacións Laborais que é o organismo no que se aprobou”.

Así as cousas o secretario xeral da CIG subliña que “non acreditamos no chamado diálogo social como solución á situación na que se atopa Galiza” porque entende que “é unha expresión simplificada e anuladora das necesarias relacións institucionais”, que se utiliza de forma “perversa” coa intención de “transmitir ao conxunto da sociedade falsas expectativas de solución aos problemas que causan as nefastas políticas que este mesmo Goberno aproba”.

Con este novo acordo “UGT e CCOO asumen a súa submisión ao PP e á patronal, abandonando e traizoando a defensa dos intereses da clase traballadora e do pobo galego”, conclúe Carril.


Declarado improcedente o despido dunha traballadora que foi substituída por un robot


O Xulgado do Social número 10 de Las Palmas de Gran Canaria declarou improcedente a rescisión de contrato dunha traballadora dunha multinacional turística de orixe grancanaria que foi despedida, tras 13 anos traballando como administrativa, para ser suplida por un programa informático, ou bot de xestión. A autoridade xudicial rexeita que o despedimento da demandante estivese xustificado polas “causas obxectivas” alegadas pola empresa e apunta que se trata dun cesamento “improcedente” coas consecuencias legais que iso supón. Por iso, no caso de que non se accedese á súa readmisión en cinco días desde a notificación do fallo, aumenta de maneira considerable a súa indemnización -a 28.305 euros; 33 días de salario por ano traballado cun máximo de 24 mensualidades-. Ademais, establece que a empresa debe indemnizar á traballadora con 863 euros máis intereses, por omitirse o aviso previo/previo aviso de despedimento que debería levarse a cabo nunha extinción de contrato inxustificada, que é o que se acreditou no proceso.

A sentenza relata que a traballadora levaba desde xuño de 2006 traballando nas oficinas centrais de Lopesan como oficial de contabilidade, ata que, en decembro do ano pasado, a firma adquiriu a licenza de Jidoka, un RPA (acrónimo de Robotic Process Automation ou Automatización Robótica de Procesos) para a xestión de cobranzas. Esta máquina, destaca o fallo, “realiza tarefas desde as 17.15 ata as 6.00” nos días laborais, e “nos festivos traballa 24 horas”.O 29 de marzo de 2019, expón a resolución xudicial, a empregada recibiu “unha carta de despedimento obxectivo por causas técnicas”, misiva que tamén recibiron outros compañeiros do seu departamento.

O xuíz non acepta que o caso se axuste ás “causas técnicas, organizativas e produtivas” alegadas pola empresa para xustificar o despedimento obxectivo, e subliña que a reforma laboral aprobada en 2012 “non exime ao empregador do deber de acreditar que real e efectivamente atravesa por dificultades de certa entidade para cuxa superación é medida adecuada e razoable a extinción de contratos de traballo”. Neste caso, a empresa, alegou para xustificar o despedimento obxectivo informes de futuro sobre o desalentador panorama do sector nas Illas que nada probaban sobre a súa mala saúde económica “no momento de ordenar o despedimento”. 

Lembra o maxistrado que para xustificar o despedimento en razóns obxectivas é necesario acudir a unha causa “excepcional”, e expón que a automatización de tarefas ata o de agora desenvoltas por humanos non pode considerarse algo singular, cando todos os estudos apuntan a que “a automatización de procesos como a operada no caso presente implicará unha destrución de empregos de polo menos o 35% da poboación activa” nos vindieros anos. “O primeiro que habería que sinalar”, di o fallo, “é que as causas técnicas parten, entre outros, dun cambio nos medios ou instrumentos de produción. No caso da automatización, máis que un cambio – entendendo tal como conversión ou modificación de algo noutra cousa – a automatización implica a irrupción de algo novo, e non o cambio de algo pasado”, agrega.
Detalla o xuíz, como exemplo xa advertido na xurisprudencia laboral, que o cambio dun instrumento de produción, “podería ser a transformación das cámaras fotográficas analóxicas a cámaras fotográficas dixitais, na que o traballo de revelado e tratamento desaparece e gran parte do labor dun fotógrafo manual pode desaparecer. Con todo, no caso presente”, contrapón, “pásase de que os traballadores fagan uso dun instrumento de produción para o desempeño do seu traballo, a que o instrumento de produción faga ese traballo por si. Aquí non se produce un cambio no medio ou instrumento de produción, o que se produce é a substitución dun traballador por un instrumento. O contrario sería tanto como considerar ao traballador un instrumento e a aparición dun robot ou bot un cambio nese instrumento”, salienta.

“No caso presente”, agrega, “tomando por certos os datos achegados (non acreditados) na carta de despedimento, a introdución de bots na contorna laboral implica a multiplicación da produtividade, sempre que un só destes bots poden facer o traballo de máis dun traballador, e con iso aumentar a competitividade sobre a base de reducir custos”.

Con todo, segue, “eses custos que se reducen, circunscríbense en prescindir totalmente dos traballadores. Isto é, eríxese a mellora da competitividade como elemento único que xustifique o despedimento, mediante a introdución de bots que automatizen/automaticen o traballo, desprazando á masa laboral humana. Definitivamente, isto non pode ser tido como unha causa xusta para un despedimento obxectivo procedente, por canto o contrario implicaría favorecer, so pretexto da competitividade, a subestimación e minimización do Dereito ao Traballo”. A sentenza conclúe: “En definitiva, a automatización -como causa técnica do despedimento obxectivo- implica unha oposición entre os Dereitos Sociais alcanzados polos traballadores que se albiscan como obstáculo ou óbice para alcanzar un rendemento empresarial máis óptimo, fronte á posibilidade de que un instrumento de produción poida efectuar ese mesmo traballo sen límite de horas, sen salario nin cotizacións sociais. A automatización mediante bots ou robots, coa única escusa de reducir custos para aumentar a competitividade, vén significar os mesmo que reducir o Dereito ao Traballo para aumentar a Liberdade de Empresa. Sendo así por tanto que non pode terse por procedente un despedimento nestes termos, en atención á interpretación que ha de darse do despedimento obxectivo por causas técnicas”, recalca. Expón o maxistrado que “non é dable” que, en casos como o presente, no que a automatización vén substituír aos traballadores nas súas tarefas “ata desprazar á masa laboral do mercado, pola mera competitividade da empresa, poida esta acollerse a unha forma privilexiada de despedimento na que se abona ao traballador unha indemnización inferior á ordinaria”. A sentenza é susceptible de recurso de suplicación nte a Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias.

Fonte: poderjudicial.es



Traballa mirando polos teus ollos

 O INSST pon a disposición o tríptico “Traballa mirando polos teus ollos” co obxectivo de ofrecer orientacións prácticas que faciliten a selección e uso das lentes de sol á poboación traballadora que realiza a maior parte da súa xornada laboral ao aire libre. A exposición prolongada do ollo humano á radiación solar causa respostas patolóxicas como poden ser fotoqueratite,  fotoconxuntivite, cataratas ou  fotorretinite, ademais de diminuír a comodidade e percepción visual. Se os riscos laborais derivados da exposición á radiación solar non poden evitarse por outros medios (medidas técnicas ou organizativas) os traballadores/as deben utilizar lentes de protección fronte á radiación solar. 

A análise concreta dos resultados nacionais da 6ª Enquisa Europea de Condicións de Vida e de Traballo (EWCS) promovida pola Fundación Europea para a Mellora das Condicións de Vida e Traballo (Eurofound), pon de manifesto que unha parte importante da poboación traballadora (11,3%) realiza a maior parte da súa xornada laboral ao aire libre. Dentro deste colectivo atópanse múltiples postos de traballo, entre eles agricultores, traballadores/as do mar e da construción, xardineiros ou socorristas. Ligazón ao tríptico "Traballa mirando polos teus ollos" 

Fonte: INSST

Máis de 26.000 atencións clínicas por cancro laboral nun ano e tan só 23 casos recoñecidos


Os diagnósticos de tumores vinculados ao traballo custan 155 millóns e apenas se recoñecen oficialmente, segundo un estudo encargado por Sanidade. A miúdo é difícil ou mesmo imposible determinar a causa exacta dun cancro. Na contorna laboral, algúns traballadores/as están expostos a certas substancias que poden contribuír á formación de tumores: dende o amianto ata a radiación solar. O último estudo sobre este asunto, presentado no pasado congreso da Sociedade Española de Epidemioloxía, estima que nun só ano o cancro ocupacional costa ao Sistema Nacional de Saúde máis de 155 millóns de euros.

O informe, que foi encargado polo Ministerio de Sanidade e aínda non foi oficialmente publicado, calcula que en 2015, último exercicio do que había datos oficiais, producíronse máis de 16.600 ingresos hospitalarios (case un 4% do total) e máis de 10.100 atencións ambulatorias especializadas por tumores relacionados co traballo. Estes datos contrastan co ínfimo número de casos recoñecidos oficialmente: 23, ese mesmo ano, segundo o sistema Cepross (Comunicación de Enfermidades Profesionais na Seguridade Social).

Se ben é difícil determinar a causa dun cancro, tamén o é demostrar que se produciu por unha exposición ocupacional. Os tumores, de feito, non teñen normalmente unha única causa, e poden pasar anos ata que se desenvolven e detectan. É por iso que resulta complicado para un traballador/a relacionar certa exposición que sufriu no pasado co cancro que padece. O que fai o estudo para dar coa cifra é unha estimación estatística: cos datos totais de ingresos hospitalarios por cancro, calcula que porcentaxe deles teñen relación coa exposición laboral, baseándose na literatura científica que existe respecto diso.
O problema, en opinión de Manolis Kogevinas, investigador do Instituto de Saúde Global de Barcelona, é que no Estado español non existe un sistema para identificar os tumores producidos por exposicións laborais. “É imposible identificar todos, pero os datos en España son escandalosos. Recoñécense aproximadamente un 0,1%, cando noutros países da nosa contorna, como Alemaña ou Francia, a cifra está entre o 5% e o 10%”, asegura.

O estudo “Custo sanitario dos cancros atribuíbles a exposicións laborais en España en 2015”, presentado por Marcos Hernández Pereña e Montserrat García Gómez no último congreso da Sociedade Española de Epidemioloxía (SEE) asegura que ese ano producíronse no Estado 16.671 ingresos hospitalarios por cancro atribuíble ao traballo (13.282 en homes e 3.389 en mulleres), e 10.114 consultas de atención ambulatoria especializada (7.618 en homes e 2.496 en mulleres), ambos en persoas de 25 ou máis anos. O custo sanitario foi de 156,8 millóns de euros. O 64,2% correspondeu a asistencia especializada; o custo de farmacia representou o 33,5% e a atención primaria, o 2,3%. O custo sanitario directo en homes (127,2 millóns) foi 4,3 veces maior que en mulleres (29,6 millóns). O estudo foi realizado pola Área de Saúde Laboral do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.

Este infrarrecoñecemento ten varias consecuencias. A primeira é que se usan recursos do Sistema Nacional de Saúde —neste caso das CCAA— para atender uns tratamentos que, de ser recoñecidos como laborais, debería asumir a Seguridade Social. Ademais, de que estar recoñecida como enfermidade ocupacional implicaría outro tipo de prestacións, ou mesmo indemnizacións por parte das empresas, no caso de que se demostrase que o tumor se produciu por algunha neglixencia; por exemplo: traballadores/as que estiveron expostos a determinadas substancias sen as medidas de protección axeitadas.

Outro efecto é a percepción do problema. “Se temos unhas ducias de casos ao ano, como sucede agora oficialmente, non se trata como unha verdadeira emerxencia de saúde pública; pero se son miles, como os que se estiman, a cousa cambia. Habería máis políticas para evitalo, máis medidas para previlo, as empresas terían que implicarse máis”, abunda Kogevinas.

Para recoñecer un cancro como laboral non é necesario que haxa unha relación causal tácita, aclara Araceli López-Guillén, médica do Instituto Nacional da Seguridade Social que traballa xustamente en identificar enfermidades profesionais. “A clínica dun cancro de pulmón, por exemplo é igual se o produce o tabaco ou por outra causa”, relata. Así que a normativa (o Real Decreto 1299/2006), o que fai é presentar unha listaxe de substancias canceríxenas e un de profesións que están expostas a estas. Se un traballador/a ten un tumor e acredita esta relación, debe ser recoñecido como ocupacional, asegura esta funcionaria. Iso si, a enfermidade sempre deberá estar expresamente recollida nesa lista.

Como ao longo da vida hai moitos factores para desenvolver un cancro, hai condutas, exposicións, factores hereditarios, uns traballadores/as padéceno, outros non… ao final só determínanse como laborais aqueles casos nos que hai unha relación clarísima, como é o mesotelioma, que en máis dun 90% dos casos ten como orixe o amianto.

De feito, a gran maioría dos cancros ocupacionais recoñecidos no Estado español son producidos por amianto. Dos 23 de 2015, 19 tiñan esta causa; dous debidos ao po de madeira dura, un ao cromo e un a hidrocarburos aromáticos policíclicos.

Con todo, as estimacións do estudo presentado no SEE, non sinalan ao mesotelioma como o que produciu máis custo ás arcas do Estado. O maior gasto en traballadores homes correspondeu a cancro de pulmón, seguido de vexiga, colon e, en quinto lugar, mesotelioma. Nas mulleres correspondeu ao cancro de mama, mesotelioma en segundo lugar, seguido de pulmón e ril.


Como afecta a dixitalización á seguridade e a saúde no traballo


O potencial das tecnoloxías dixitais está a transformar o lugar de traballo. No novo folleto da Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo ponse de relevo de que modo podemos minimizar as posibles consecuencias negativas da dixitalización sobre a SST e como podemos empregar as tecnoloxías dixitais para mellorar a prevención no lugar de traballo.

Para máis información sobre as repercusións da dixitalización na  SST, podes consultar o folleto “Dixitalización e seguridade e saúde no traballo” , (en inglés), que resume os traballos da  EU-OSHA sobre dixitalización e seguridade e saúde no traballo (SST), incluído un proxecto de  prospectiva, unha importante visión de conxunto sobre a seguridade e saúde no traballo e a campaña «Traballos saudables» e explora o potencial que ofrece a dixitalización e como está a configurar a vida laboral e a seguridade e a saúde dos traballadores/as. Tamén considera os retos para a  SST e como poden abordarse para maximizar as oportunidades das tecnoloxías dixitais, entre outras cousas para mellorar as condicións de traballo.

O programa de investigación da  EU-OSHA pretende achegar aos responsables das políticas, os investigadores e os lugares de traballo información fiable sobre os potenciais impactos para a  SST, de forma que poidan tomar medidas oportunas e eficaces para garantir a saúde e seguridade dos traballadores/as.

No Resumo “Estudo prospectivo sobre os riscos novos e emerxentes para a seguridade e asaúde no traballo asociados á dixitalización en 2025” preséntanse as últimas conclusións dun proxecto prospectivo sobre a evolución das tecnoloxías dixitais e os cambios resultantes sobre onde, cando e de que forma realizarase o traballo. O impacto potencial destes cambios na saúde e seguridade no traballo (SST) ata 2025 analizouse mediante o desenvolvemento de catro escenarios; cada escenario presenta distintos retos e oportunidades para a SST. A investigación axudará aos lectores a comprender mellor como a dixitalización podería afectar a seguridade e a saúde dos traballadores/as na Unión Europea e desenvolver estratexias máis resistentes a estes cambios no traballo e a  SST.

Para máis información podes acceder á:


Ligazón ao informe «The changing  nature  of  work  and  skills in  the dixital  age» («A natureza cambiante do traballo e as competencias na era dixital») publicado polo servizo de ciencia e coñecemento da Comisión Europea.

Fonte: EU-OSHA



02/12/19

A CIG solicita que se negocien unhas bases xerais de selección do persoal , ante os continuos despropósitos nas bases das convocatorias

A CIG solicitoulle ao Concello de Betanzos que convoque a Mesa de Negociación para o acordo dunha bases de selección do persoal que sirvan para as bases específicas das convocatorias das prazas e lembroulle que:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos publicou no BOP n.º 215, do 12 de novembro de 2019 as bases da convocatoria para a cobertura dunha praza de profesor/a de percusión do Conservatorio municipal de Música Carlos López García Picos.

SEGUNDO. Que o Concello de Betanzos non dispón dunhas bases xerais de selección do persoal laboral, e que as únicas bases das que dispón son unhas bases para a selección do persoal laboral temporal para a cobertura de postos de traballo no Concello de Betanzos, mediante listaxes de substitución, publicadas no BOP n.º 196 do 15 de outubro de 2013.

TERCEIRO. Que as bases publicadas no ano 2019, segundo consta, son exclusivamente para a selección de persoal mediante listaxes de substitución, e, por tanto, non son as bases xerais que se utilizaron como base para as bases específicas desta convocatoria mencionada, o que ademais corroboran os textos, xa que os baremos de puntuación das bases específicas publicadas no BOP n.º 215, do 12 de novembro, non se corresponden cos das bases xerais de selección mediante listaxes de subtitución do BOP n.º 196 do 15 de outubro de 2013.

CUARTO. Que segundo o artigo 37 do Texto refundido do Estatuto Básico do Empregado Público as normas que fixen os criterios xerais en materia de acceso ao emprego público son obxecto de negociación na Mesa Xeral de Negociación de cada Administración.

Por iso solicitou que o Concello de Betanzos convoque a Mesa Xeral de Negociación para a negociación das bases xerais de selección do persoal do Concello de Betanzos, xa que as actualmente vixentes son exclusivamente para a confección de listaxes de substitución e non se deben aplicar a procesos selectivos que non sexan exclusivos para a formación deste tipo de listaxes.

A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos solicita que se convoquen as axudas sociais do ano 2019

A CIG solicitou o pasado día 28 polo rexistro que o Concello de Betanzos convoque as axudas sociais, tendo en conta que xa excedeu o prazo da convocatoria aprobado nas bases do ano 2001 e que son as que seguen vixentes na actualidade.

En concreto, solicitoulle o seguinte:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos publique a convocatoria de axudas sociais do ano 2019 en todos os taboleiros dos edificios municipais e informe a todo o persoal dos prazos e condicións da solicitude.

SEGUNDO. Que modifique o prazo estipulado nas bases vixentes do ano 2001, á vista de que aínda non se convocaron, posto que nas bases indica que se presentarán nos once primeiros meses do ano e no mes de novembro finalizou o prazo oportuno.

TERCEIRO.Que o Concello actúe coa máxima celeridade nesta cuestión á vista de está para finalizar o ano e non existe ningún tipo de información sobre a convocatoria das axudas sociais do ano 2019.

Regulamento do Comité de Empresa acordado por CSIF e UGT

Deixámosvos aquí o Regulamento do Comité de Empresa acordado por CSIF e UGT na reunión de constitución do Comité de Empresa. A CIG non estivo de acordo con varios puntos e manifestou que considera que non está aprobado  porque incumpre o artigo 39 do Texto refundido do Estatuto Básico do Empregado Público e o artigo 66 do Estatuto dos Traballadores.

28/11/19

O Consello Confederal acorda un calendario de mobilizacións en defensa do emprego, da industria e pola derrogación das reformas


A CIG avanza como primeira forza en representación, en afiliación e en mobilización

O Consello Confederal da CIG reuniuse esta mañá para analizar a situación político sindical e acordar as liñas de traballo dos vindeiros meses tanto en materia de acción sindical, como de negociación colectiva ou no plano organizativo. Entre os principais acordos, o máximo órgano de decisión entre congresos apostou por manter a mobilización en demanda da derrogación das reformas, pola recuperación de dereitos sociais e laborais e fronte a grave situación de desmantelamento industrial que enfronta o noso país.

Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que hai un ano, por estas mesmas datas, esa crise afectaba fundamentalmente á industria electrointensiva. Unha situación que se mantén ampliada e multiplicada agora por mor do proceso de descarbonización que se traduciu no peche das térmicas das Pontes e de Meirama ou no peche de empresas do sector industrial de Ferrol, agravado polo parón do sector naval. Unha crise industrial que se estendeu á comarca de Vigo, coa crise do naval en Barreras e Vulcano. “Vemos ademais que é unha situación na que todos os indicadores avanzan unha caída da renda, unha maior precarización, un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora, cun aumento das desigualdades, e a cada vez maior caída de poboación activa, o incremento da emigración e o avellentamento da poboación”, advertiu.

Alertou da continuidade das reformas laborais, “máis nun contexto de recesión económica que en Galiza será máis profunda tendo en conta que aínda non saímos da anterior”. A modo de exemplo lembrou que en materia de salarios estamos nun 13, 7% por debaixo dos que había ao inicio da crise.

Diante deste panorama considerou que o resultado das eleccións xerais mantivo o contexto de inestabilidade e de incerteza respecto da conformación do goberno do estado aínda que valorou que co nacionalismo de volta nas Cortes e co maior peso do soberanismo “ábrense expectativas para utilizar esa maior forza para pór na axenda aquelas cuestións que son de relevancia para o sindicalismo nacionalista”. Cuestións que, sinalou, xa comezaron a traducirse en iniciativas que serán presentadas no Congreso.

Fronte a isto, puxo sobre e a mesa o perigoso incremento do fascismo e a maior españolización, que tamén se producíu, so pretexto da cuestión catalá. Un cotexto no que, ademais, se deu unha relativa remontada do PP, “cando parecía que habería unha caída continuada”.

A este respecto denunciou novamente a actitude do goberno galego, que “xoga no ámbito de facer de Galiza unha rexión, aínda que semella enfrontarse ao goberno central co único ánimo de desgastalo, pero cunha inacción total no país, provocando unha grave crise industrial da que se desentendeu alegando que non ten nada que facer”.

Tímidos cambios cun novo goberno

Carril augurou, de conformarse o novo goberno, só tímidos cambios, tendo en conta as mensaxes que se veñen lanzando tanto desde a UE como da CEOE que, advertiu, “seguen a demandar unha redución do gasto público”, o que fai prever, ao seu entender, “que se manteña o discurso da inviabilidade das pensións públicas, alegando que hai incapacidade para pagar”. Do mesmo xeito considerou que tampouco se porán sobre a mesa demandas sindicais como a recuperación de dereitos ou a cuestión territorial.

Eleccións sindicais

O secretario xeral da CIG deu conta tamén dos últimos datos relativos ao período concentrado de eleccións sindicais, segundo os que se afianza a posición da CIG como primeira central sindical, cun 29,40% da representación, a 3,09 puntos de UGT e a 3,86 puntos de CCOO.

Salientou ademais o incremento da afiliación durante este ano, que foi dun promedio do 2,74% ao longo de 2019. Por iso, atendendo á condición da CIG como primeira organización sindical en representación, en afiliación e en capacidade de mobilización asegurou que isto obriga a “asumir a responsabilidade de utilizar toda esa forza acumulada para combater a grave situación de emerxencia social, laboral e de dereitos que padece a clase traballadora galega. Temos que ser quen de dar alternativas e mobilizar, na liña do modelo sindical que representamos de combate e contrapoder”, dixo.

Carril chamou tamén a manter o grao de hexemonía e a tensionar a base do sindicato en dous aspectos: na acción sindical e no aspecto organizativo.

A respecto da acción sindical, salientou a necesidade de elaborar un calendario para dar resposta á necesidade de recuperar dereitos e defender a nosa industria, máis tendo en conta que malia o tempo transcorrido desde a aprobación das reformas laborais, se mantén viva a reivindicación da súa derrogación pola súa agresividade. Un calendario e unha táboa reivindicativa con varias patas: defensa da nosa industria, do emprego e do noso carácter nacional, con alternativas no plano social, laboral e económico.

Calendario de mobilizacións

Ese calendario mobilizador arrincará o vindeiro día 3 de decembro coa asemblea nacional de delegadas e delegados e a posterior manifestación, convocada baixo o lema “Recuperar os dereitos para avanzar. Na defensa do emprego e da industria en Galiza”, que será a antesala de novas mobilizacións centradas nestas demandas a finais do mes de xaneiro.

En febreiro está previsto que a central sindical avalíe o desenvolvemento destas mobilizacións para preparar despois as convocatorias do 8 e  10 de Marzo.

En todo caso continúan as mobilizacións que xa estaban previstas, como a convocada polo Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG, para o 28 deste mesmo mes nas distintas comarcas, en demanda da dignificación das pensións, “nun contexto que se albisca adverso”. Unha situación que leva a Carril a pensar que a única modificación que se fará nesta materia será a de volver a vincular as pensións ao IPC, pero sen mudar as cuestións máis lesivas da reforma.

Xunto a isto o secretario xeral sinalou que está prevista unha mobilización comarcal en Ferrol tamén para o día 28 de novembro e para o dia 10 de decembro haberá outra de traballadoras e traballadores da industria electrointensiva, en demanda de que se regule un marco estable e predicible.

Participarase ademais nas mobilizacións que se convoquen nas Pontes, contra o peche de Endesa e seguirá defendéndose na rúa o sector de automoción, no camiño de unificar o máximo posible a resposta á crise industrial.

Está prevista tamén, para o día 12 de decembro unha folga no ensino e previsiblemente se convocará unha manifestación en defensa da sanidade pública para febreiro.

Negociación colectiva

O secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, foi o encargado de presentar as propostas que defenderá a CIG na negociación colectiva para o ano 2020.  Propostas que teñen como obxectivo a recuperación salarial e loitar contra a precariedade e a pobreza salarial que segue medrando á vista dos datos publicados onte por Facenda, segundo os que 313.000 persoas asalariadas en Galiza, un 30% do total, teñen ingresos inferiores ao SMI, das que máis da metade son mulleres.

González Sío foi aínda máis alá e subliñou que atendendo a estes datos,  hai 172.000 que perciben unha media de 2.174€/ano e 140.000 traballadores e traballadoras que perciben unha media de 7.800€ ao ano.

O secretario confederal de Negociación Colectiva sinalou que, aínda así, somos a comunidade na que maior incremento salarial houbo e que isto foi grazas á intervención da CIG na negociación colectiva xa que nos convenios autonómicos conseguíronse incrementos do 3%.

Porén, denunciou que a xornada media en Galiza é dunha media de 1.777 horas, a máis alta do Estado, mentres que en Euskadi é de 1.580 horas o que significa que “para realizar o mesmo traballo en Euskadi empregan un 15% máis de traballadores e traballadoras que aquí”.

Considerou que este último dato é importante telo en conta xa que defendendo unha rebaixa substancial da xornada pactada anual conseguiríase diminuír os elevados índices de desemprego de Galiza.

Propostas na materia
Entre as propostas que a CIG levará á negociación colectiva en 2020, González Sío sinalou establecer cláusulas para a desconexión dixital para as traballadoras e traballadores e para o control do emprego de xeolocalizadores e videovixilancia. Defendeu a introdución de cláusulas de control en convenios sectoriais de condicións salariais e laborais nas plataformas dixitais e propuxo ademais acordar un posicionamento sindical ante a nova realidade que supón o teletraballo.

Respecto dos Centros Especiais de Emprego reclamou a aplicación do convenio de sector a todas  e todos os traballadores independentemente da súa realidade. Ademais, propuxo establecer cláusulas das taxas de reserva do 2% para traballadoras/es con discapacidade, para a súa integración e garantías laborais nas empresas habituais.

Xunto a isto defendeu establecer cláusulas para o rexistro de xornada; cláusulas sobre licenzas e a aplicación das sentenzas, atendendo ao criterio de que o permiso non se extingue coa alta hospitalaria e que debe ser desde o primeiro día laboral.

Tamén defendeu a necesidade de introducir cláusulas de control das empresas multiservizos e, respecto do SMI, afirmou que non se pode negociar a absorción de ningún complemento e deben introducirse cláusulas para que as categorías mínimas estean un 10% por riba dese SMI.

Centros Especiais de Emprego (CEE)

O secretario confederal de Negociación Colectiva fixo especial mención dos CEE dadas as condicións laborais que nestes se establecen. Por iso afirmou que a CIG demandará que se aplique o convenio do sector tanto para os CEE con ánimo de lucro como sen ánimo de lucro. “Pediremos a descatalogación dos mesmos á Xunta de Galiza. É unha cuestión transversal que afecta a todas as federacións de toda a central sindical porque canto máis se afonda na reforma laboral, máis formas de precarización van existir”, explicou.

Respecto do rexistro de xornada sinalou que segundo a enquisa de condicións de vida das familias de 986.000 activos/as, 668.000 recoñecen facer máis das 40 horas semanais. Lembrou que foi a CIG quen tivo a iniciativa de defender a súa aplicación e que agora debe ser tamén a CIG quen debe garantir que se cumpra. Por iso propuxo que se denuncie ás empresas que non o fagan, sobre todo ás máis grandes e significadas de cada federación e facer seguimento dos expedientes nas sancionadas, tal e como se recollerá no documento de negociación colectiva para 2020.

Neste punto denunciou que se deixou en mans da negociación colectiva, cando debería estar lexislado, o control do rexistro de xornada nas subcontratas.

Salario mínimo

Malia o incremento aplicado ao SMI, denunciou que nas empresas con niveis salariais moi baixos, coa suba absorbéronse os complementos. Por iso opúxose a esta práctica e sinalou que, en todo caso, a UE xa insinuou que se obrigará aos estados membros que se cumpra a Carta Social Europea pola que o salario mínimo tería que establecerse por riba dos 1.100€. En todo caso defendeu que todas as categorías estean por riba do SMI.

Tamén no camiño da loita contra a precariedade, Francisco González Sío avogou por seguir defendendo a dignificación das condicións laborais dos traballadores e traballadoras transfronteirizos e por evitar que se apliquen en Galiza as condicións laborais do país de orixe.

Indemnización para dous feridos nunha explosión eléctrica en Mallorca

O grave accidente laboral ocorrido en outubro de 2013 no campo de fútbol de Palma o día antes dun partido, acabou coa condena dunha parella de empresarios, instaladores eléctricos. Un xulgado de Palma impúxolles senllas penas dun ano de prisión por un delito contra os dereitos dos traballadores en concurso con outros tres delitos de lesións imprudentes, xa que tres empregados resultaron feridos. Os traballadores que resultaron feridos con queimaduras de extrema gravidade tras a explosión nun transformador eléctrico no que estaban a traballar, foron indemnizados con preto dun millón de euros polas compañías aseguradoras.

Os feitos ocorreron o 10 de outubro de 2013 sobre as tres da tarde, cando dous empregados traballaban nun transformador do estadio de Son Moix durante os preparativos dun partido de fútbol que se ía xogar ao día seguinte.

O Real Mallorca alugara dous xeradores de emerxencia co obxecto de dar cumprimento á esixencia da Federación Española de Fútbol de que o estadio contase cunha subministración eléctrica de emerxencia do 100% para continuar o partido no suposto dun corte de luz. Tamén contratou á empresa instaladora dos acusados para que conectase os xeradores de emerxencia aos cadros eléctricos de Son Moix.

O estadio  palmesano dispoñía de dúas estacións transformadoras alimentadas en media tensión. Unha delas, á súa vez, contaba con dous transformadores que pasaban a corrente de media a baixa tensión. Os acusados deron a orde aos seus empregados para que conectasen os xeradores aos cadros eléctricos do estadio sen avaliar correctamente os riscos que a media tensión comportaba. Cortouse a subministración eléctrica da parte superior do cadro no que se ían a realizar as conexións, aínda que a parte inferior continuou  tensionada, co perigo que iso entrañaba.

Pasadas as dúas do mediodía do 10 de outubro de 2013 os dous traballadores empezaron a perforar cun trade  percutor a parte superior do cadro eléctrico para realizar as conexións. Os operarios íanse  turnando porque a tarefa era ardua e aplicaban un spray  lubricante cando notaban que a  broca se quentaba. Ao decatarse de que ao perforar xerábanse unhas labras de cobre de ata 19 centímetros de lonxitude, decidiron empregar unha caixa de cartón para que non entrasen en contacto coas pletinas e con elementos da parte inferior en tensión.

Mentres perforaban o cadro, as labras de cobre entraron en contacto coas pletinas, cunha corrente que nese momento tiña unha intensidade de 19.073  amperios na parte inferior, o que produciu un arco eléctrico e unha gran explosión que alcanzou a ambos os traballadores. Os dous operarios sufriron  gravísimas queimaduras. Tras o estalido, un empregado dunha operadora de televisión acudiu no seu auxilio e nese momento produciuse unha segunda explosión que lle lanzou contra unha porta e produciulle lesións.

Os dous acusados conformáronse cos feitos e a condena. Inicialmente a fiscalía pedía tres anos de cárcere para cada un. A un dos acusados substituíuselle a pena por dous anos de multa, mentres que ao outro se lle suspendeu a condena durante tres anos e tamén foi inhabilitado durante un ano para traballar como empresario de instaladoras de electricidade.

Os dous procesados, segundo detalla a sentenza, que é firme, puxeron en risco aos seus traballadores e non deron instrucións concretas de como protexerse ante estes riscos nin facilitaron os equipos de protección individual adecuados, como luvas, roupa ignífuga, máscaras, pantalla de protección ou mantas de goma ou de vinilo para protexer a zona xunto á que traballaban.

Fonte. Diario de Mallorca

26/11/19

Resumo da reunión extraordinaria do Comité de Empresa

Hoxe tivo lugar a reunión extraordinaria do Comité de Empresa solicitada pola CIG ao presidente do Comité, Santiago Ois.

A CIG deixou constancia, en primeiro lugar, que non está de acordo con que estea aprobado o Regulamento do Comité de Empresa, xa que a aprobación incumpre o artigo 39 do Texto refundido do Estatuto Básico do Empregado Público e o artigo 66 do Estatuto dos Traballadores

Con respecto ao nomeamento dos delegados de prevención, tal e como vos contamos aquí, CSIF defende reducir os representantes do persoal laboral que velen pola saúde e seguridade dos traballadores e traballadoras no Comité de Seguridade e Saúde indo mesmo en contra do Convenio colectivo aprobado pola maioría do persoal laboral en asemblea. 

Canto á reunión da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo a decisión de solicitarlle ao goberno municipal proposta pola CIG foi unánime, e a CIG propuxo que, en concreto, finalizasen as negociacións dos artigos: 22.1, 22.2, 22.3, 37, 29.c.1., a cláusula transitoria primeira e os anexos I,III e IV; así mesmo solicitou a aplicación efectiva dos artigos 3, 22.2., 22.3., 22.7. e a cláusula adicional terceira.

Polo respecta aos puntos concretos, a CSIF indicou que debería estudar a documentación, demostrando que se presentaron ás eleccións sindicais do persoal laboral sen un programa de melloras para este colectivo, posto que cinco meses despois de ser escollidos polos traballadores aínda non saben exactamente que é o queren negociar para o persoal laboral. Non obstante, e á vista da defensa do incumprimento do recollido no Convenio colectivo, nada nos estrañaría se nun futuro quixesen dar marcha para atrás a algunhas das melloras conseguidas nos pasados anos e que intentan equiparar ao persoal laboral e o funcionariado, en consonancia do que defende o sindicato dos funcionarios nas mesas de negociación.