O 35,9% dos contratos rexistrados a
nome de mulleres duraron menos dunha semana en 2019
O retrato da muller traballadora en
Galiza ben podería ser: asalariada no sector servizos, cun salario
situado no tramo dos máis baixos e responsábel, ademais, do coidado
de menores ou persoas dependentes. Así se desprende dos datos da
Enquisa Estrutural a Fogares e dos datos de ingresos por salarios da
Axencia Tributaria analizados no “Informe da situación
sociolaboral das mulleres en Galiza. 2019” elaborado polo Gabinete
de Economía da CIG e que foi presentado esta mañá en rolda de
prensa.
O estudo constata ademais que son as
mulleres as que se responsabilizan dos coidados. Tal é así que
segundo explicou a responsábel do gabinete, Natividade López
Gromaz, o 87% das persoas inactivas por coidado de menores ou persoas
dependentes en Galiza son mulleres, como tamén o son o 77% das
persoas traballadoras con redución de xornada por coidado de menores
de 12 anos.
Pero é que ademais o 91,6% das persoas
que se acolleron a unha excedencia por coidado de fillos ou fillas
foron mulleres, ao igual que o 71,2% das persoas que reduciron ou
suprimiron traballo remunerado por coidado de dependentes.
E non só iso, o 77,3% das excedencias
por coidado de dependentes colléronas mulleres que tamén foron, nun
56%, as que utilizaron flexibilización horaria para conciliar.
Invisíbeis e precarias
Ante estes datos que evidencian de
forma abrumadora que as mulleres seguen a responsabilizarse dos
traballos de coidados, a secretaría das Mulleres da CIG acordou
centrar a campaña do 8 de marzo deste ano precisamente nesta
cuestión, baixo o lema “Invisíbeis e Precarias. Pola valorización
dos traballos de coidados”.
Así o explicou a secretaria das
Mulleres, Margarida Corral Sánchez, que denunciou que no actual
mercado de traballo, , nos que, ademais “se perciben os peores
salarios e en peores condicións laborais, con xornadas parciais,
dereitos laborais non recoñecidos, acoso, agresións e
precariedade”. Isto sen esquecer a “invisibilidade dos labores de
coidados, e de todo ese tempo de traballo realizado de balde,
principalmente polas mulleres, pero do que se beneficia o resto da
sociedade”.
Por iso considerou urxente dar unha
resposta á “violencia simbólica” que supón a “sobreexplotación
abnegada das mulleres”. Unha situación para a que cómpre “abordar
a desigualdade socioeconómica e política que existe” e
“transformar estes mandatos culturais de xénero que funcionan como
coaccións sociais”.
Corral demandou, por iso, servizos de
atención que os fogares non poden satisfacer. Asegurou que “o
coidado prestado nos fogares é moito maior que o prestado polas
institucións públicas ou privadas” e chamou a “socializar os
coidados” considerando que debe ser “un compromiso colectivo” e
unha “responsabilidade na que a sociedade debe participar
solidariamente”.
Ademais denunciou que o traballo
reprodutivo, doméstico e de coidados que realizan de forma moi
maioritaria as mulleres é “constantemente desvalorizado” polo
capitalismo, porque “se tivese que pagar polo valor real que teñen
estes traballos, non podería seguir acumulando bens”.
Actos previstos arredor da campaña do
8 de Marzo
A secretaria das mulleres anunciou a
celebración da VI Encontro Nacional de Delegadas, que terá lugar o
vindeiro día 4 de marzo no Cersia, en Santiago de Compostela, a cuxo
remate as asistentes sairán en manifestación cara o edificio
administrativo da Xunta de Galiza para denunciar a responsabilidade
do goberno galego como “culpábeis da precarización de milleiros
de mulleres que traballan no sector dos coidados”.
Acusou directamente “a todo o sistema
que, baixo o eufemismo do benestar, escraviza deliberadamente as
mulleres, convertendo a miseria de moitas en cartos para uns poucos”
e denunciou o desmantelamento de empregos de calidade que deberían
ser públicos para sacar a concurso caterings, SAF, xestión de
centros de día ou residencias da terceira idade, entre outros.
Xunto a isto chamou a participar
masivamente nas mobilizacións convocadas pola Asemblea Galegas8m,
tanto o domingo 1 de marzo en Verín, como na morea de mobilizacións
previstas para a xornada do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller
Traballadora, en toda Galiza.
En todo caso matizou que a CIG
continuará con esta campaña para exixir aos gobernos galego e do
Estado a integración no Consorcio Galego de Servizos de
Igualdade e de Benestar de todo o persoal que traballe nos servizos
de axuda no fogar “universalizando a atención á dependencia con
servizos sociais de axuda a domicilio, centros de día e residencias
asistidas de carácter público”.
Canda isto demandou o recoñecemento
pleno dos dereitos laborais e protección social para as
traballadoras do fogar e de coidados no Estatuto dos e das
Traballadoras e a súa integración completa no Réxime da Seguridade
Social; salarios dignos e axeitados ao grao de responsabilidade que
exixe o traballo de coidades e accións formativas específicas para
o desempeño dos postos, garantindo o cumprimento da lei de
prevención de riscos laborais, recoñecendo as enfermidades
profesionais e accidentes de traballo, establecendo medidas
preventivas e protocolos de actuación ante o acoso e os riscos
psicosociais derivados da actividade.
Máis precarias e peor pagadas
Respecto dos datos da situación
sociolaboral das mulleres en Galiza, Natividade López sinalou que
unha asalariada cobrou un 78,6% do salario dun home en 2018. Unha
ínfima redución da fenda salarial, que atribuíu “non ao medre
dos salarios das mulleres, senón ao empeoramento dos salarios dos
homes”.
Neste sentido denunciou que as mulleres
teñen moito máis peso no tramo de salarios máis baixos e que, de
feito, o 19,1% das asalariadas en Galiza tiveron ingresos inferiores
aos 2.197€. Explicou que, segundo a Axencia Tributaria, no ano 2018
declararon ingresos procedentes do traballo, 495.851 mulleres e
549.671 homes; é dicir, do total de declarantes, o 47,4% eran
mulleres e o 52,6% homes mais “cando desagregamos as persoas
asalariadas por tramos de ingresos e sexo, vemos que nos tramos de
menores ingresos é maior o peso das mulleres, pero, a medida que van
medrando os ingresos medios, o peso das mulleres vai descendendo ata
que no último tramo -o de ingresos superiores a 10 veces o SMI- o
peso das mulleres se reduce a só 18,3%”.

*O gráfico é moi ilustrativo: ata
ingresos inferiores a 1,5 veces o SMI, o peso das mulleres é moi
superior; de media hai un 15% máis de mulleres que de homes. A
partir deste intervalo de ingresos, a porcentaxe de homes supera
amplamente a de mulleres (de media 20 puntos), ata xa no tramo
superior –máis de 10 veces o SMI-, en que a diferenza é de 60
puntos porcentuais.
Ademais sinalou que a maioría das
ocupadas (o 84,5%) estiveron traballando nalgunha rama do sector
Servizos en 2019, fronte o 59% dos homes (25 puntos de diferenza) e
que “onde máis medrou a ocupación foi nas remas relacionadas cos
coidados, onde os ingresos son menores”.
Xunto a isto apuntou que o 22,4% das
mulleres ocupadas en Galiza traballaban a tempo parcial (117.000) e
que, porén apenas teñen xornadas parciais os homes, o 6,7%. Neste
sentido subliñou que “no último ano entre as mulleres creáronse
o dobre de empregos a tempo parcial que a tempo completo” e que as
mulleres acceden a este tipo de xornada “non porque a escolleran,
senón porque a maioría non tiveron outra opción”.
Ademais denunciou que o 35,9% dos
contratos rexistrados a nome de mulleres duraron menos dunha semana
en 2019; que se perderon mulleres activas pero que o máis
preocupante foi a perda que se deu fundamentalmente entre as novas.
López Gromaz concluíu o seu
percorrido polos datos constatando que a precaridade que padecen as
mulleres ao longo da súa vida laboral tradúcese despois nas
pensións de xubilación nunha fenda de xénero aínda máis
profunda, do 36,7%.