30/03/20
Infografía interactiva elaborada polo Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da CIG
O Gabinete Técnico Confederal de Saúde
Laboral da CIG elaborou unha infografía interactiva sintética
dirixida a orientar a actuación dos traballadores e das
traballadoras e os/as seus/súas representantes en materia de
prevención fronte o risco de infección por coronavirus nos seus
centros de traballo. A infografía inclúe, a través de ligazóns,
documentos preventivos aclaratorios e modelos de denuncia para
presentar ante os organismos pertinentes.
23/03/20
COVID19: Todo o que tes que saber sobre como o coronavirus afecta ás relacións laborais
Neste documento, a CIG dá resposta
urxente a algunhas das dúbidas máis frecuentes sobre a incidencia
da epidemia da doenza COVID-19 nas relacións laborais: obriga de
traballar, baixas médicas, suspensións de contratos, etc. Como seproducen mudanzas con moita rapidez, o documento está en continuaactualización e revisión.
As respostas están fundamentadas no
dereito laboral e nomeadamente na normativa de urxencia ditada
o 18 de marzo de 2020 polo goberno español, que a CIG considera
tardías e insuficientes para a clase traballadora e colectivos máis
vulnerábeis. Podes consultar aquí as propostas que fixo o
sindicato e aquí a nosa valoración das medidas aprobadas
polo goberno.
Todas as respostas son xenéricas e non
substitúen a consulta xurídica do caso concreto.
Se tes
dúbidas, contacta coa CIG, preferentemente por correo
electrónico ou teléfono.
1. Cal é a miña situación laboral se
me contaxiei de coronavirus ou estiven en contacto con persoas de
risco e me obrigan a estar na casa?
É unha baixa médica, para todos os
efectos. Se as autoridades sanitarias che mandan permaneceres isolado
ou isolada, sexa por razón de teres ti a doenza COVID-19 ou de
contacto con persoas que a teñen, estás en situación
de incapacidade temporal por enfermidade común asimilada a un
accidente de traballo en canto ás prestacións (art. 11 do
RDL 7/2020). Non tes que ir traballar e correspóndeche percibir unha
prestación do 75% da túa base reguladora desde o primeiro día, sen
prexuízo dos posíbeis complementos até ao 100% a cargo da
empresa regulados en convenio colectivo. No caso do coronavirus,
quen emita a baixa non será a mutua, senón o Servizo Galego de
Saúde. Para xestionalo, recomendámosche chamares ao número de
información da Xunta: 900 400 116.
Se pensas que podes ter a doenza,
podes facer este autotest na web do Servizo Galego de Saúde
e seguir as súas indicacións.
2. Canto tempo teño para mandar a
baixa á empresa?
Tres días. Non fai falta que o fagas
en persoa, pódela mandar por correo electrónico ou outros medios
telemáticos.
3. Que fago se o persoal médico do meu
centro de saúde está saturado de traballo e non me pode dar a
baixa?
Estamos nunha situación de emerxencia
e agora nótanse especialmente os recortes que sofremos nos servizos
públicos. Sé comprensivo ou comprensiva co persoal sanitario. Para
evitar na medida do posíbel desprazamentos que poden converterse en
fonte de contaxios, recomendámosche que chames ao número de
información 900 400 116 e contes a túa situación.
4. Se non estou doente nin isolado ou
isolada por decisión das autoridades sanitarias, podo negarme a ir
ao traballo?
Non podes. O goberno español non
suspendeu con carácter xeral a actividade laboral e a túa ausencia
sería unha falta de inasistencia inxustificada ao
traballo. A empresa podería sancionarte ou mesmo despedirte por
causa disciplinaria.
5. E se hai un risco grave de contaxio
no meu traballo?
Tanto o Estatuto dos Traballadores
(art. 19) como a Lei de prevención de riscos laborais (art. 21)
recoñecen o dereito dos traballadores e traballadoras a pararen a
prestación laboral nunha situación de perigo para a saúde. Esta
mesma facultade tena a representación unitaria (comité de empresa
ou delegados e delegadas de persoal) e os delegados e delegadas de
prevención. Porén, é moi importante entendermos que para tomar
esta decisión debemos ter unha proba clara que hai un risco
inminente e grave (ao ser unha emerxencia sanitaria, informes
médicos) e de que a empresa non está a tomar medidas de
prevención e protección. Se non temos proba e se comproba que
actuación de parar a actividade laboral foi neglixente ou con mala
fe, podemos expornos a sancións ou despedimentos.
Como esta situación de epidemia é
unha crise grave, o propio Ministerio de Traballo admitiu nesta guía
de actuación que podería darse esta situación de risco
sanitario.
En calquera caso, mesmo en situación
de risco grave e inminente, non deas ningún paso sen
consultares co sindicato.
6. Como podo saber se no meu traballo
hai risco?
A empresa ten a obriga de informar,
como parte do seu deber de garantir a seguridade e saúde dos seus
traballadores e traballadoras, tanto sobre a existencia do risco como
sobre as medidas de protección, que deben ser consensuadas coa
representación sindical.
Por exemplo, se a empresa ten
coñecemento de que algún traballador ou traballadora sufriu o
contaxio, ten a obriga de informar da existencia do risco e de
tomar medidas, ou podería incorrer en responsabilidades graves.
7. Pode obrigarme a empresa a
teletraballar? E podo esixirlle eu o teletraballo?
Con carácter xeral, o teletraballo non
pode ser decidido de forma unilateral por ninguna das dúas partes,
ao ser unha novación do contrato que require o consentimento de
empresa e do traballador ou traballadora. Entendemos que este
carácter voluntario se mantén, cando menos para os traballadores e
traballadoras, durante esta situación de emerxencia.
O RDL 8/2020 (artigo 5)
estabeleceu o carácter preferente do traballo a distancia e a obriga
das empresas de manteren a actividade laboral mediante sistemas como
o teletraballo, que se impón como prioritario ao cesamento ou
redución da actividade.
Naquelas empresas en que nunca se
teletraballou antes, a obriga xeral de realizar a avaliación de
riscos entenderase cumprida excepcionalmente por unha
«autoavaliación» feita pola persoa traballadora. Esta
autoavaliación é voluntaria, polo que a propia posibilidade do
teletraballo tamén o debe ser para o traballador ou traballadora.
Debemos sempre esixir que a
empresa nos dea todos os medios necesarios para traballarmos
desde a casa de forma segura. O teletraballo non reduce ningún dos
nosos dereitos, incluída a xornada (que hai que seguir
rexistrando) e o salario. Só poderían quitarche os complementos
retributivos destinados especificamente a compensar gastos de
desprazamento entre a casa e o traballo.
8. A empresa pode obrigarme a viaxar?
Se normalmente tes que viaxar por
motivos de traballo, en principio si. Porén, se te mandan a unha das
zonas con maior risco de contaxio hai razóns para pedires
medidas especiais de protección ou mesmo para negáreste,
alegando a existencia dun risco grave para a túa saúde.
9. Que dereitos teño se son empregada
ou empregado do fogar?
Se non acordas outra cousa coa entidade
empregadora, debes ir traballar. Tamén tes o dereito a abandonar o
traballo por risco grave de contaxio, en caso de que o poidas
probar. En todo caso, antes de tomar ningunha decisión
definitiva, ponte en contacto co sindicato.
Ao pertenceres a un colectivo laboral
en xeral máis desprotexido, se quedas sen traballo non tes
dereito a prestación por desemprego.
10. A empresa pode obrigarme a irme de
vacacións ou de días de asuntos propios ou libre disposición?
Baixo ningún concepto. As vacacións
fíxanse por acordo entre as partes e non poden ser impostas
unilateralmente. Se che manda irte, pídello por escrito e asina «non
conforme» facendo constar a data. Pódese presentar denuncia na
Inspección de Traballo e demanda no Xulgado do Social.
É importante que saibas que os
prazos para presentar demandas están suspendidos durante o tempo en
que dure o estado de alarma (do 15 ao 29 de marzo, se non é
prorrogado). Isto está regulado na disposición adicional
segunda do decreto de declaración do estado de alarma.
11. Que fago se teño fillos, fillas ou
familiares próximos que necesitan o meu coidado?
O RDL 8/2020 (artigo 6) recoñece unha
situación que dá dereito á adaptación ou redución de
xornada durante a situación de emerxencia sanitaria cando un
traballador ou traballadora deba atender persoalmente o seu cónxuxe,
parella de feito, fillos e fillas, pai ou nai, avós e avoas e netos
e netas; por razóns de idade, enfermidade e discapacidade.
Tamén se dá esta situación cando por
decisión da Administración pechan os centros educativos ou
outras instalacións que dispensan coidados a persoas que os
necesitan.
É un dereito individual de
cada persoa proxenitora ou coidadora que debe exercerse evitando a
perpetuación de roles de xénero.
O dereito á adaptación de xornada non
implica perda de salario. En principio, é o traballador e
traballadora quen propón a concreción horaria, tendo en conta as
necesidades da persoa que debe coidar e as necesidades de
organización da empresa. As partes deben facer o posíbel para
chegaren a un acordo.
A adaptación de xornada, limitada
á situación de emerxencia sanitaria, pode consistir nunha mudanza
de quenda, alteración de horario, horario flexible, xornada partida
ou continuada, cambio de centro de traballo, modificación de
funcións, modificación na forma de prestación do traballo,
incluíndo a prestación de traballo a distancia, ou calquera outro
cambio de condicións que estivese dispoñible na empresa ou que
puidese implantarse de modo razoábel e proporcionado.
Outra opción de conciliación é
a redución de xornada, con redución proporcional de salario.
Esta redución debe ser comunicada á empresa con 24 horas de
antecedencia e pode chegar ao 100% da xornada se está
xustificado e é «proporcionado á situación da empresa».
As persoas que xa estaban facendo uso
dalgún dereito de conciliación antes da declaración de emerxencia
sanitaria poden renunciar temporalmente a el ou pedir a súa
adaptación á normativa especial de combate ao coronavirus.
12. A empresa pode despedirme como
consecuencia do coronavirus?
Non. É unha situación de
carácter temporal e existen alternativas ao despedimento, así que a
epidemia non describe unha causa legal que xustifique ao
despedimento individual ou colectivo.
Se che dan unha carta de
despedimento, asina «non conforme» facendo constar a
data. Ainda que os prazos para demandar están suspendidos (ver a
pregunta 10), ponte en contacto co sindicato canto antes.
Porén, tería sido desexábel que o
goberno español prohibise expresamente os despedimentos por causas
obxectivas, como fixo Italia. O que fai o RDL 8/2020 é condicionar o
acceso ás medidas extraordinarias que veremos a continuación
ao compromiso da empresa a manter o emprego nos seis meses
seguintes ao reinicio da actividade.
13. A empresa quere facerme un ERTE.
Que teño que saber?
Con carácter xeral, un ERTE é un
procedemento que permite ás empresas suspenderen os contratos
de traballo ou reducir as xornadas do seu persoal por causas
xustificadas. Para afrontar a crise do coronavirus, a CIG
propuxo solucións alternativas e máis protectoras, como permitir a
ausencia do traballo polo cumprimento do deber inexcusábel de manter
o distanciamento social, mais finalmente é a ferramenta que
escolleu o goberno español para axustar temporalmente o
emprego. Nos próximos apartados imos explicar os detalles de forma
simple.
14. Que é un ERTE por situación de
forza maior?
O RDL 8/2020 declara «de forza
maior» as suspensións de contrato e reducións de xornada que
teñan a súa causa directa en perdas de actividade como
consecuencia do COVID-19, incluída a declaración do estado de
alarma, que impliquen suspensión ou cancelación de actividades,
clausura temporal de locais de afluencia pública, restricións no
transporte público e, en xeral, da mobilidade das persoas e
mercadorías, falta de subministracións que impidan gravemente
continuar co desenvolvemento ordinario da actividade, ou ben en
situacións urxentes e extraordinarias debidas ao contaxio do persoal
ou a adopción de medidas de illamento preventivo decretados pola
autoridade sanitaria que queden debidamente acreditados.
15. Como se tramitan os ERTES de forza
maior polo coronavirus?
En primeiro lugar, a empresa fai
unha comunicación á Autoridade Laboral, achegado un informe
sobre a vinculación da perda de actividade como consecuencia do
COVID-19, así como, de ser o caso, a correspondente documentación
acreditativa.
En segundo lugar, fai unha comunicación
aos traballadores e traballadoras e a súa representación,
trasladando o informe e a documentación.
En terceiro lugar, a Autoridade Laboral
debe constatar a forza maior, «calquera que sexa o número de
persoas traballadoras afectadas», nun prazo de cinco días desde a
solicitude. A Autoridade Laboral pode pedir ou non un informe á
Inspección de Traballo.
En cuarto lugar, a Autoridade Laboral
emite resolución constatando ou non a existencia da causa maior
alegada. En caso afirmativo, a empresa decide se opta por tomar
medidas de suspensión de contratos ou de redución de xornadas. Os
efectos produciranse desde a data do feito causante da forza maior.
En quinto lugar, hai que lembrar que
para os traballadores e traballadoras este período ten a
consideración como efectivamente cotizado para todos os
efectos.
16. E se o ERTE non é de forza maior?
O RDL 8/2020 e o propio decreto de
estado de alarma, que non definiron servizos esenciais para a
comunidade e optaron por permitir a actividade laboral con carácter
xeral, van provocar moitas incertezas sobre cando a
situación é de forza maior e cando non.
En xeral, o criterio vai ser por
exclusión: cando as perdas de actividade non sexan consecuencia
directa do COVID-19, senón derivadas do parón da actividade
económica, entenderase que non hai forza maior, senón unha causa
económica, técnica, organizativa e de produción.
As particularidades recollidas no RDL
8/2020 respecto do réxime ordinario dun ERTE afectan
basicamente o período de consultas e o informe da Inspección
de traballo.
Sobre o período de consultas:
Con carácter xeral, negocia
a representación dos traballadores e traballadoras. Se non
houber, a comisión representativa (que debe estar constituída nun
prazo improrrogábel de 5 días) para a negociación do período
de consultas estará integrada polos sindicatos máis
representativos e representativos do sector a que pertenza a
empresa e con lexitimación para faceren parte da comisión
negociadora do convenio colectivo de aplicación. A comisión estará
conformada por unha persoa por cada un dos sindicatos que cumpran
estes requisitos, tomándose as decisións polas maiorías
representativas correspondentes. En caso de non conformarse esta
representación, a comisión estará integrada por tres
traballadores ou traballadoras da propia empresa, elixidos
segundo o previsto no art. 41.4 ET.
O período de consultas non debe
exceder do prazo máximo de sete días
Sobre o informe da Inspección:
O informe da Inspección de Traballo e
Seguridade Social, que a Autoridade Laboral poderá pedir
ou non, emitirase no prazo improrrogábel de sete días.
17. Se me meten nun ERTE, sexa por
forza maior ou por causas obxectivas, vou cobrar o paro?
Vas cobrar o paro. Recoñécese a
prestación por desemprego aínda que non se teña o período
cotización mínimo en circunstancias normais, que son 360 días
dentro dos seis anos anteriores á situación legal de desemprego.
Ademais, para os efectos de consumir os
períodos máximos de percepción establecidos, non computa o
tempo en que se perciba a prestación por desemprego de nivel
contributivo debido ás circunstancias extraordinarias do
coronavirus.
O dereito a esta prestación nace tamén
se no momento de adoptarse a decisión empresarial tiveses
suspendido un dereito anterior a prestación ou subsidio por
desemprego e se careces do período mínimo de cotización para
causar dereito a prestación contributiva, ou non percibises
prestación por desemprego precedente.
En todo caso, recoñecerase un novo
dereito á prestación contributiva por desemprego, coas
seguintes especialidades:
a) A base reguladora da
prestación será a resultante de computar a media das bases dos
últimos 180 días cotizados ou, na súa falta, do período de
tempo inferior, de contado anterior á situación legal de
desemprego, traballados ao amparo da relación laboral afectada polas
circunstancias extraordinarias que orixinaron directamente a
suspensión do contrato ou a redución da xornada de traballo.
b) A duración da prestación
estenderase até a finalización do período de suspensión do
contrato de traballo ou de redución temporal da xornada de
traballo das que trae causa.
As prestacións por desemprego
percibidas polas persoas con contratos fixos descontinuos e
por aquelas que realizan traballos fixos e periódicos que se
repiten en datas certas, que vexan suspendidos os seus contratos de
traballo como consecuencia do impacto do COVID-19 durante
períodos que, en caso de non concorrer esta circunstancia
extraordinaria, fosen de actividade, poderán volver percibirse, cun
límite máximo de 90 días, cando volten a estar en situación legal
de desemprego.
Para determinar o período que, de non
concorrer esta circunstancia, fose de actividade laboral, estarase
ao tempo efectivamente traballado durante o ano natural anterior con
base no mesmo contrato de traballo. En caso de ser o primeiro ano,
estarase aos períodos de actividade doutros traballadores ou
traballadoras comparábeis na empresa. Esta medida aplicarase ao
mesmo dereito consumido, e recoñecerase de oficio pola Entidade
Xestora cando a persoa solicite a súa continuación.
18. Que acontece se non podo ir á
oficina de emprego ou está fechada?
Cando, por motivos de limitación da
mobilidade derivados da situación de alarma que afectan ao
funcionamento das administracións impicadas na protección por
desemprego, a presentación das solicitudes de alta inicial ou
continuación da prestación e o subsidio por desemprego se realiza
fóra dos prazos establecidos legalmente, non implicará que se
reduza a duración do dereito á prestación correspondente.
A Xunta informou de que as oficinas
fechadas ao público atenderán os trámites urxentes por teléfono
ou internet. Para máis información, consulta a web do servizo
público de emprego.
19. Algunha cousa máis que deba saber?
As de sempre: primeira, que se non
entendes algún papel que che poñan diante, tes que asinar «non
conforme»; segunda: que a CIG está aquí para axudarche; e
terceira: que a clase traballadora vencerá o virus e o capital.
A CIG exixe que se adopten as medidas necesarias para garantir que todas as traballadoras/es queden na casa
Demanda unha modificación do decreto
para que só continúen as actividades imprescindíbeis para loitar
contra a pandemia
A CIG fai un chamamento a que se
adopten todas as medidas laborais necesarias para que se garanta que
toda a xente poida realmente quedar na casa. A central sindical
entende que non se poden seguir acumulando erros e que, polo tanto, é
necesario modificar o decreto aprobado polo Consello de Ministros e
Ministras, para que as medidas vaian na liña das adoptadas por
outros estados europeos, como a CIG ten demandado desde o primeiro
día. Á inxustiza e insuficiencia das medidas, súmaselle a
utilización abusiva polas Empresas.
Así o considera o secretario xeral da
CIG, Paulo Carril, para quen “se deben paralizar todas as
actividades, agás aquelas declaradas imprescindíbeis para afrontar
esta situación de emerxencia sanitaria”. Servizos esenciais
nos que, en todo caso, deben adoptarse todas as medidas de
seguridade, sen escatimar medios de protección, de forma que as
persoas que desenvolvan estas actividades indispensábeis poidan
facelas de forma segura e con todas as garantías.
Entre outras, Carril demanda medidas de
protección para o persoal sanitario e para as traballadoras e
traballadores dos servizos de atención ás persoas maiores, sexa a
través dos Servizos de Axuda no Fogar, sexa a través de residencias
da terceira idade, ou centros sanitarios. Servizos nos que é
imperativo dispor de todos os medios humanos e materiais, pero
“sempre contando con todas as medidas de prevención”.
A falla de material de protección é
especialmente preocupante nos centros de maiores, sobre todo nos
dependentes da consellaría de Política Social, onde aínda non se
tomaron as medidas de prevención necesarias, nin se dotou de EPI
adecuado ao persoal, como tampouco se adoptaron as medidas
organizativas necesarias na xestión do persoal. Mais tamén nos
centros hospitalarios, onde o persoal da sanidade pública está
demandando EPIs completos para evitar contaxiarse.
Para a CIG tamén é urxente reforzar
os cadros de persoal, con respecto aos seus dereitos laborais, nos
sectores económicos con obrigas de traballar, como comercio,
farmacias, atención a maiores ou servizo postal universal. Así
mesmo, demanda que se vixíe que non se abuse por parte das empresas
no relativo a xornadas e descansos, explica o secretario xeral quen
demanda ademais medidas de mobilidade que non fagan recaer o
custo de ir ao posto de traballo sobre as traballadoras e
traballadores.
Nas grandes superficies de
comercio-alimentación, sector de ambulancias e transporte
sanitarios, denuncia que se está saltando o decreto do goberno
porque non se está adoptando nin as medidas mínimas de seguridade.
Ademais, en sectores como telecomunicacións e centros de chamadas a
situación é grave ante o mantemento inxustificado de actividade e
por riba, sen a adopción das medidas necesarias.
“Entendemos que o que prima neste
momento é a seguridade sanitaria fronte a calquera intento de manter
a actividade económica”, especifica Carril, para quen “nesta
situación, as políticas públicas son as únicas posíbeis,
son máis necesarias que nunca. Por esa razón, todos os medios
económicos deben estar ao servizo do interese social e público
xeral”.
Modificación do decreto
Respecto da demanda de modificación do
decreto aprobado polo Consello de Ministros e Ministras, a CIG exixe,
entre outras cuestións, que en todas as contratas que traballan para
as administracións públicas, quer municipais, quer galegas “se
garanta o mantemento dos contratos, polo tanto de todo o emprego, e a
percepción íntegra dos salarios das traballadoras/es”, indica o
secretario xeral.
Demanda ademais que se contemple a
situación das empregadas do fogar e se lles dea un solución, porque
“o decreto non contempla ningunha medida que asegure os ingresos
para estas traballadoras que viron paralizada a súa actividade”.
Xunto a isto, Carril apunta tamén a
necesidade de que se garanta a concesión automática a petición das
persoas traballadoras de todas as solicitudes de adaptación ou
redución de xornada porque de caso contrario, estase impedindo un
dereito tan fundamental como o que é neste momento o coidado de
maiores e menores. Por outra banda, urxe e que “se axilice e se dea
unha solución, que aínda non existe, para as solicitudes de
desemprego”.
A este respecto subliña que “é
necesario garantir que, para os que actualmente están a cobrar o
desemprego, esta alarma sanitaria non os castigue dando por consumida
a súa prestación neste tempo”. Xunto a isto apunta que moitos
traballadores/as con contratos temporais ou de ETT, s que foron
despedidos/as, “deben de ter dereito ás mesmas medidas que o resto
dos traballadores”.
Denuncia do papel das mutuas
O secretario xeral da CIG denuncia
tamén o papel das mutuas e apunta, sobre todo, o de Ibermutua
Gallega. Denuncia que son moitas as persoas traballadoras e
traballadores que foron e son citadas a través de mensaxe aos
seus móbiles para acudir a cita nesta mutua (Ibermutua Gallega) con
resolución de alta médica. “Entre as persoas citadas, atópanse
traballadoras/es en situación de I.T. por patoloxías consideradas
de especial risco, outras/os con secuelas ou en proceso de
recuperación que precisan de acompañamento nos seus
desprazamentos”, explica, e denuncia que “desde a CIG entendemos
que a mutua vén de situarse á marxe do esforzo colectivo que se nos
está pedindo, máis considerando a súa cualificación de entidade
colaboradora coa Seguridade Social”.
Cualifica o seu comportamento de
“abusivo e antisocial” e o considera “totalmente intolerábel a
día de hoxe”. Por iso agarda “que o ocorrido non volva repetirse
en días sucesivos e, moito menos, se observen prácticas similares
por parte doutras entidades”.
Denuncia da xestión de baixas
Respecto das baixas que está a dar o
Servizo Galego de Saúde explica que se están dando baixas por parte
do SPS de primaria por ter os síntomas, máis non se lle aplican os
códigos por estar en corentena, que é o que garante o cobro do 75%
dende o primeiro día. “Se vas ao médico e lle dis que tes
coronavirus ou síntomas de coronavirus, e te poñen en corentena, o
código que o sistema galego de saúde marca identifícache nunha
continxencia que a Seguridade Social non contempla co tipo do que
permite cobrar o 75%”, indica.
Por iso denuncia que esas baixas que
está outorgando o sistema galego de saúde, non se cinxen ao
estipulado para casos de incapacidade temporal por enfermidade común
asimilada a un accidente de traballo en canto ás prestacións (art.
11 do RDL 7/2020). “Baixas que si garantirían o cobro dese 75% da
base reguladora desde o primeiro día, como está estipulado nese
decreto do goberno”.
Fronte a isto denuncia que “a Xunta
está a dar as baixas ordinarias, o que implica que os 3 primeiros
días estás sen cobrar e até o día 21 de baixa non percibes o 75%
da túa base reguladora”.
Necesidade de coordinación
Paulo Carril demanda ademais, da Xunta
de Galiza, a posta en práctica dunha actuación coordinada, “que
non existe”, asegura, “para paralizar a actividade en centros de
traballo onde non hai as mínimas medidas de seguridade sanitaria”.
Nese sentido explica que “a esta
altura, do noso punto de vista, unha das prioritarias urxencias é
solucionar a falta de actuacións executivas e inspectoras no
seguimento e aplicación de todas as medidas preventivas e obrigas
legais derivadas da resposta ao coronavirus”. Asegura que “estamos
a comprobar a falta grave de coordinación básica entre as
diferentes Administracións (Consellería de Sanidade, Consellería
de Emprego e Inspección de Traballo) ante as diferentes denuncias e
incidencias que se están a producir”.
Neste sentido apunta que a
Administración Pública, galega e estatal, deben deberan de ser
exemplares na adopción destas medidas para os e as súas empregados
e empregadas, “pero non o están sendo”.
Para Carril, “ante a falta de medios,
hai que parar”, porque non se pode permitir que a xente traballe
sen EPIS neses servizos esenciais. Xunto a isto denuncia que “a
policía, no canto de garantir que o persoal que segue traballando o
faga de forma segura, andar a exercer un labor de control social pola
rúa.”
19/03/20
Recomendacións de prevención no traballo fronte ao coronavirus
O Instituto de Seguridade e Saúde
Laboral de Galicia (ISSGA), elabora de acordo cos axentes sociais
este documento no que se recollen recomendacións preventivas básicas
que se deben ter en conta nos centros de traballo segundo as
informacións das autoridades sanitarias sobre o novo Coronavirus.
Todo isto sen prexuízo da necesidade
de medidas específicas que se deban adoptar en función das
características concretas da actividade e que corresponden á
organización preventiva da empresa (servizo de prevención,
traballadores/as designados ou asunción polo empresario/a). Sempre
seguindo as pautas das autoridades sanitarias en cada momento.
A CIG considera que as medidas sociais e laborais son claramente insuficientes, inxustas e están moi lonxe das doutros estados da UE
Alerta do perigo de despidos en masa e da deterioración das condicións laborais
As medidas que aprobará hoxe o
Consello de Ministros e Ministras están, para a CIG “moi lonxe do
que se está a facer noutros estados europeos”. Así o considera o
secretario xeral, Paulo Carril, que cuestiona unha decisión “inxusta
e que desprotexe, desampara e deixa na intemperie a moitos
traballadores e traballadoras sen garantir que todo o mundo poida
quedar na casa”. Para a CIG “a fórmula de fomentar os ERTEs coas
modificacións introducidas, baseándose no articulado dunhas
reformas laborais, xa de por si lesivas, e actualizar os elementos
máis perversos destas reformas a través desta vía, parécenos
inaceptábel e irresponsábel” di Carril, quen advirte de que “non
se van impedir así os despedimentos que xa se están producindo, por
moito que se presenten os ERTEs ou reducións de xornada como fórmula
para evitalos”.
Nese sentido, o secretario xeral da CIG
lamenta “que UGT e CCOO sexan promotores destas inxustas medidas”
porque “a modalidade de ERTEs non preserva os ingresos dos
traballadores/as, porque non garante a integridade dos salarios que
terían que percibir os traballadores/as, nin actualmente, nin nos
próximos meses, porque isto vai repercutir na xeración de pagas
extra e de vacacións”.
Por outro lado, advirte Carril,“xera
antecedentes” porque deste xeito “facilítase que nos próximos
meses poida haber, onde non se produzan agora, despedimentos en
masa”.
Garantías de seguridade e saúde
laboral
Por outro lado, a CIG alerta de que
“seguen sen se adoptar as medidas necesarias para que todo o mundo
poida quedar na casa, nin se lle dispón dos medios para que as
traballadoras e traballadores que teñan que ir traballar poidan
facelo coas necesarias medidas de seguridade”. Xunto isto,
salientou que as empresas que están ofrecendo o teletraballo non
garanten nunhas condicións mínimas de respecto aos dereitos
laborais e, en moitos casos, incluso baixo a obriga de poñer o
traballador ou a traballadora gratuitamente todos os medios materiais
para o desempeño do traballo no domicilio.
Neste sentido, Carril lamenta “que a
policía e o exército se estean despregando para labores de control
social mais que para garantir que non haxa a actividade laboral, agás
onde é obrigatoria, e que esta se desenvolva coas medidas oportunas
de seguridade, nomeadamente nos sectores máis sensíbeis como o de
alimentación, SAF, residencias...”.
Xunto a isto, lamenta tamén “que non
se dote de medios á Inspección de Traballo e que esta non desempeñe
o labor de control necesario para garantir esa protección ás
traballadoras e traballadores que non poden quedar na casa e están
obrigados a traballar”.
Para Carril “é un problema de
vontade política non ir a unha protección maior do conxunto das
traballadores/as, tendo en conta que a UE está aprobando cada día,
e actualizando, as autorizacións para facer o gasto necesario”.
Neste sentido apunta que “para a CIG é esencial que non se
escatime en pór a disposición da situación todo o gasto social que
sexa necesario”.
Por iso considera que “o famoso
escudo social, tal e como se lle está chamando agora, é claramente
insuficiente e inxusto”.
Lamenta, xunto a isto, que non se vaia
pola vía que vén propoñendo a central sindical desde o primeiro
día -pola que si están optando noutros países europeos- , que é a
do permiso especial por deber inescusábel, que ten base no artigo
37.3 do Estatuto das Traballadoras e Traballadores, e sinala que
“isto é, precisamente, o que está provocando toda esta
situación”.
16/03/20
Publicación da aprobación provisional da RPT e apertura do prazo de exposición pública
LEMBRAMOS QUE OS PRAZOS ADMINISTRATIVOS ESTÁN SUSPENDIDOS TEMPORALMENTE POLA SITUACIÓN DE ESTADO DE ALARMA
15/03/20
RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se lle da publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se aproba o Protocolo de actuación para o persoal empregado público da Administración da Xunta de Galicia en relación co coronavirus COVID-19.
RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.
13/03/20
Solicitude de permiso retribuído por deber inescusable
A CIG informa que nestes momentos non hai ningunha medida publicada por parte do Goberno a respecto de facilitar que pais e nais traballadoras poidan coidar as súas crianzas, tras decretarse o peche dos centros de ensino a causa do coronavirus. Malia terse anunciado, non existe ningunha axuda para conciliar ou permisos especiais.
A única ferramenta que temos na man é solicitar un permiso retribuído por un deber persoal e inescusábel (que podes descarga no arquivo anexo a esta información). Este permiso ten sustento legal dado que os colexios estarán pechados e o Código Civil obriga a atender os fillos e ás fillas. Este modelo non ampara das posíbeis represalias que poidan adoptar as empresas, por iso, ante calquera presión ou represalia ponte en contacto de inmediato co sindicato.
Por outro lado, non se debe aceptar coller as vacacións ou excedencias voluntarias, tal e como están intentado impor algunhas compañías. Se a empresa quere que o persoal marche de vacacións, debe comunicalo por escrito, sendo esta unha decisión da empresa que se deberá recorrer.
Ante calquera abuso ou dúbida ponte en contacto de inmediato co sindicato xa que estamos nunha situación inusual e en cambio constante.
A CIG apela á serenidade, a actuar con urxencia na prevención e a articular medidas que eviten o menoscabo de dereitos laborais polo coronavirus
Pide medidas que impidan ás empresas
aproveitar as circunstancias para impor ERTE ou ERE
A CIG trasladou esta tarde as súas
valoracións a respecto das medidas a adoptar diante da pandemia de
coronavirus, na xuntanza convocada polos conselleiros de Sanidade e
Economía, Emprego e Industria. Neste sentido o secretario xeral,
Paulo Carril, insistiu na necesidade de transmitir serenidade, trazar
unha axenda galega, sen agardar ás decisións que se adopten en
Madrid, garantir medidas de protección para todas as traballadoras e
traballadores e impedir que os cambios nos sistemas de traballo que
se introduzan como medida de prevención menoscaben os dereitos e
condicións laborais.
O secretario xeral comezou subliñando
a necesidade, sendo desde a CIG conscientes da dificultade, de facer
un esforzo en pedagoxía social para transmitir tranquilidade, fronte
o alarmismo que está instalado na sociedade. “Que todas políticas
de prevención e todas as cautelas e decisións que se adopten sexan
explicadas para que se manteña a serenidade”, apuntou.
Xunto a isto, recalcou a necesidade de
que se reforcen con persoal e medios os centros sanitarios,
hospitalarios e os propios servizos de prevención do ISGA.
Ademais emprazou a articular unha
dinámica propia en Galiza, “tendo en conta que non somos das zonas
máis afectadas, o que nos permite ter unha perspectiva propia e
aproveitarmos a oportunidade para irmos por diante do que poida
decidirse no ámbito do Estado”.
Reforzo da prevención
A partir de aí, Carril apuntou a
necesidade de actuar fundamentalmente no ámbito da prevención e
“preservar que haxa as mesmas medidas de protección para os
traballadores e traballadoras, tanto das empresas principais como das
empresas auxiliares, garantindo que estean en igualdade de condicións
e dispoñan dos mesmos medios”.
Para o secretario xeral da CIG é
esencial, ademais, que todas aquelas medidas que se articulen
vinculadas a teletraballo, modificacións de xornada ou cambios
relativos aos sistemas de traballo, “non sexan aproveitados polas
empresas para impor recortes de dereitos ou deteriorar as condicións
laborais”.
Regulación insuficiente
Xunto a isto, considerou que a
regulación que está a facer o Estado para os casos de traballadoras
ou traballadores afectados xera situacións que “prexudican máis
que protexen aos traballadores/as”, nomeadamente a continxencia que
causa unha incapacidade temporal. A este respecto subliñou que “ten
que garantir unha prestación equivalente aos salarios que se cobran
por parte dos traballadores e das traballadoras, contemplando os
complementos salariais dos convenios colectivos en función de como
se cualifique a baixa porque “tal e como os ten definido no
Ministerio de Traballo pode provocar que haxa traballadores que
cobren por esta continxencia menos que o que lle corresponde por
convenio colectivo”. Por iso demandou que, desde Galiza se fagan ao
Estado propostas que vaian nesa dirección.
Canda isto apuntou a alarma social que
xeran as posibles afectacións en centros educativos e, sobre todo,
as dificultades para nais e pais, nomeadamente no caso de familias
monoparentais, da suspensión da actividade lectiva.
Por iso demandou que se prevea “que
permisos especiais e que protección se lles dá a pais e nais para
poder exercer ese deber inexcusábel da tutela efectiva das crianzas,
porque non se pode pretender que sexan os avós e avoas quen os
coiden sendo a poboación de maior risco”.
Efectos colaterais
Paulo Carril advertiu ademais dos danos
que poidan derivar deste virus, en caso de falla de materias primas e
subministros, e exixiu que “non sexan aproveitados polas empresas
para aplicar ERES, ERTES ou descolgues salariais, garantindo a
necesaria protección para as traballadoras e traballadores”.
Fronte a isto propuxo que se demande do Estado unha solución que non
prexudique ás traballadoras e traballadores.
O secretario xeral da CIG trasladou
ademais a proposta de que sexa a administración pública galega
“pioneira” e “modélica” no establecemento dos mecanismos
necesarios para facilitar a reordenación do traballo na
administración pública sen merma de dereitos e promovendo a maior
prevención posíbel cara evitar o contaxio.
12/03/20
Decreto de aprobación das medidas para adoptar nos centros de traballo con motivo do COVID-19
Na xuntanza que tivo lugar hoxe, ademais de acordarse o Decreto de aprobación das medidas para adoptar nos centros de traballo municipais con motivo do Covid-19, o Concello levará a cabo as seguintes actuacións:
1. Información a todo o persoal do Decreto e as medidas.
2. EPIs especiais para o persoal do SAF, Urxencias e Policía Local.
3. Distribución de xeles hixienizantes en todas as dependencias municipais.
4. Peche do CFO, a Biblioteca, o Conservatorio, a Escola Municipal de Folclore e a Escola Infantil.
5. Información puntual das medidas e o estado da situación
6. Achega de protocolos especiais para postos en contacto con persoas de alto risco.
7. Avaliación de riscos dos postos con base ao indicado na Guía do Ministerio de Sanidade.
8. Suspensión da formación, as reunións e información preventiva á cidadanía.
As medidas adóptanse como precaución e para conter a expansión do Covid-19.
11/03/20
Reunión mañá para informar e acordar medidas
O Concello vén de convocar á CIG a unha reunión que terá lugar mañá ás 11:00 h para informar e acordar as medidas para tomar ante a situación actual. Segundo nos informaron o Concello prepara un decreto para adoptar as medidas necesarias e convoca aos representantes do persoal para acordalas. A CIG solicitará información sobre o estado actual da situación e medidas específicas para os traballadores especialmente sensibles, o persoal de centros educativos e para o persoal que traballa cos colectivos máis vulnerables, así como a difusión da información para todo o persoal.
Logo da reunión informaremos puntualmente do que nos transmita o Concello.
GUÍA PARA A ACTUACIÓN NO ÁMBITO LABORAL EN RELACIÓN AO NOVO CORONAVIRUS
Tal
e como se manifesta nesta Guía, o obxectivo do presente documento é
facilitar a información necesaria sobre a aplicación da normativa
laboral en relación coas diferentes situacións nas que poden
atoparse as empresas e as persoas traballadoras.
Se
ben é certo que a elaboración desta Guía non contou (como ven
sendo habitual por parte do Ministerio de Traballo) coa colaboración
da Confederación Intersindical Galega (CIG), a pesares de ser nós
unha organización sindical que obstenta a consideración e
calificación de organización sindical máis representativa e ser a
organización sindical maioritaria no ámbito da Galiza; non é menos
certo que o que a guía pon enriba da mesa, básicamente non é máis
que certas referencias ao actual marco legal en materia de prevención
de riscos laborais e unha serie de declaración de intencións de
cubrir con fondos públicos as cotizacións á Seguridade Social no
caso de que a actividade das empresas quedara suspendida
xustificadamente a causa dos risco obxectivo de contaxio por causa do
coronavirus.
Así
as cousas, o Ministerio de Traballo e Economía Social,
contempla nesta Guía a posibilidade de parar a actividade nas
empresas se existe risco de contaxio por coronavirus, sinalando que
se trata dunha medida guiada por un "único propósito", o
da "prevención da saúde", e que "para unha
democracia este é o ben principal".
O
documento lembra que, de acordo coa Lei de Prevención de Riscos
Laborais, ante unha posible exposición a un risco grave e
inminente, as empresas deben informar canto antes e adoptar medidas
necesarias para interromper a actividade e, se fose necesario,
abandonar de inmediato o lugar de traballo.
Neste
senso, a Guía sinala que os propios traballadores/as, a través da
súa representación unitaria ou os delegados/as de prevención,
poden acordar a paralización da actividade polo risco de contaxio.
Como
xa sinalamos anteriormente, a realidade é que neste caso o disposto
na Guía non fai máis que recoller o establecido na propia
lexislación laboral (risco grave e inminente), querendo cumprir este
documento o propósito de ofrecer unha referencia con aval
institucional para ofrecer maior seguridade e tranquilidade legal aos
traballadores/as e os seus representantes, así como aos empresarios,
á hora de tomar decisións na empresa de distinto alcance
(suspensión da actividade, teletraballo, redución de actividade,
restricións preventivas doutro tipo), cando se trate de preservar a
saúde e a integridade dos traballadores/as ante un risco grave e
inminente de contaxio por coronavirus.
A
propia Guía para a actuación no ámbito laboral en relación ao
novo coronavirus, insta ás empresas a realizar unha "interpretación
restritiva" do concepto "grave e inminente" e lembra
que "a mera suposición ou a alarma social xerada non son
suficientes".
Segundo
esta Guía do Ministerio de Traballo "A Tesourería Xeral da
Seguridade Social poderá exonerar ao empresario do abono de cotas da
Seguridade Social e por conceptos de recadación conxunta mentres
dure o período de suspensión, manténdose a condición do devandito
período como efectivamente cotizado polo traballador". É
dicir, se unha compañía vese obrigada a rexistrar un expediente de
regulación temporal de emprego (ERTE) e pode xustificar que o fai
por forza maior, a empresa non deberá asumir as cotizacións e ao
traballador/a contaralle como que non deixou de cotizar. O custo
asumiríao o erario público. Así mesmo no caso de que a empresa
vírase obrigada a despedir a empregados/as, as indemnizacións
asumirías o Fondo de Garantía Salarial.
A
Guía lembra tamén que, dentro da normativa laboral, existe a
posibilidade de recorrer ao teletraballo e aos ERTE para reducir ou
suspender total ou parcialmente a actividade da empresa no caso de
que sexa necesario.
Se
algunha empresa afectada polo coronavirus paraliza a súa actividade
sen tramitar un ERTE, os empregados/as conservarán o dereito ao seu
salario. No caso de que o ERTE sexa por forza maior (illamento
forzoso ou peche por decisión da autoridade sanitaria) será
necesaria a previa autorización da autoridade laboral.
Se
o ERTE xustificase por causas organizativas, técnicas ou de
produción (falta de subministracións ou descenso da demanda)
deberase tramitar conforme ao previsto na lei. A Guía insta ás
empresas a abordar acordos colectivos ou individuais "de
carácter excepcional" para promover o teletraballo sen que este
supoña custo algún para os traballadores/as.
Gabinete
Técnico Confederal de Saúde Laboral


