29/12/20

A CIG súmase á iniciativa "Que ninguén se lucre coa pandemia. Todo o mundo merece protección fronte á Covid-19"

O obxectivo é recoller un millón de sinaturas para que a iniciativa sexa tomada en consideración pola Comisión Europea

A CIG traslada o apoio á campaña “Que ninguén se lucre coa pandemia. Todo o mundo merece protección fronte á Covid-19", a iniciativa de persoas implicadas no sector da saúde e apoiada por múltiples organizacións sociais e sindicais de Europa.

O obxectivo é recoller un millón de sinaturas, tal e como se contempla na normativa vixente para que a Comisión Europea tome en consideración calquera ICE (Iniciativa Cidadá Europea) que pretenda facer emendas ou propostas lexislativas.

Neste caso pídese que, tal e como se contempla no Tratado de Funcionamento da Unión Europea e, en particular, nos seus artigos 114, 118 e 168, se articule a lexislación necesaria para:

  • Poñer durante a pandemia a disposición de todo o mundo a investigación e as tecnoloxías relacionadas coa súa curación. A saúde é un dereito e non deben estar nas mans privadas as decisión sobre o acceso aos tratamentos, as vacinas e os seus prezos.

  • Total transparencia nos custes, contratos, xestión, efectividade, seguridade e contribucións públicas aos medicamentos e vacinas.

  • Control público sobre as tecnoloxías e a investigación que foron desenvolvidas con recursos públicos.

  • Que a pandemia non sexa utilizada para o lucro das grandes compañías farmacéuticas a costa da saúde das persoas, apelando á solidariedade e ao control público dos nosos sistemas de Seguridade Social.


Casos notificados COVID-19 como Continxencia Profesional. Datos acumulados febreiro-outubro 2020

O presente informe, partindo de datos de avance acumulados, analiza os accidentes de traballo, que responden ao código de descrición da lesión 073 - novo código (COVID-19) no campo descrición da lesión, que deberá utilizarse en todos os casos de contaxio de COVID-19 para os que se determinou a continxencia profesional por accidente de traballo-, notificados entre xaneiro e outubrode 2020.

O Real Decreto-lei 19/2020, do 26 de maio, establece no seu artigo 9 que as enfermidades padecidas polo persoal que presta servizo en centros sanitarios ou socio-sanitarios, inscritos nos rexistros correspondentes, como consecuencia do contaxio do virus  SARS-CoV-2 durante o estado de alarma, terán consideración de continxencia profesional derivada de accidente de traballo, cando así se acredite polos servizos de Prevención de Riscos Laborais e Saúde Laboral.

Por outra banda, o Real Decreto-lei 28/2020, do 22 de setembro, de traballo a distancia, na súa Disposición adicional décima establece que , consideraranse, con carácter excepcional, situación asimilada a accidente de traballo, exclusivamente para a prestación económica de incapacidade temporal do sistema de Seguridade Social, aqueles períodos de illamento ou contaxio das persoas traballadoras provocados polo virus COVID-19, salvo que se probe que o contaxio da enfermidade contraeuse con causa exclusiva na realización do traballo nos termos que sinala o artigo 156 do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, nese caso será cualificada como accidente de traballo

Estas novas consideracións na cualificación da continxencia fixo necesario engadir un código novo no Sistema  Delt@, para os casos de contaxio por COVID-19, posibilitando así un mellor seguimento estatístico.

A recomendación publicada na páxina web da Oficina Estatística da Unión Europea (EUROSTAT) sobre o tratamento estatístico de datos de saúde e seguridade no traballo no contexto da crise COVID-19, propuxo engadir un novo código 073 no campo descrición da lesión para os casos de COVID-19 recoñecidos como accidentes de traballo. O 3 de xuño de 2020 engadiuse este novo código 073 (COVID-19) no campo descrición da lesión, que deberá utilizarse en todos os casos de contaxio de COVID-19 para os que se determinou a continxencia profesional por accidente de traballo.

Os datos mensuais de avance sobre accidentes de traballo, publicados pola Subdirección Xeral de Estatística e Análise Sociolaboral recolle o número de casos de contaxio por COVID-19 recoñecidos como accidentes de traballo ata a data de extracción dos respectivos avances e cuxa data de baixa está dentro do período de referencia dos datos (dende xaneiro de 2020), en aplicación da normativa específica sobre o recoñecemento de accidentes de traballo por esta patoloxía.

Prevención e saúde laboral ante o coronavirus nas OFICINAS. Actualización 21 de decembro de 2020

O ISSGA pon a disposición o cartel e folleto informativo con recomendacións preventivas nas OFICINAS, sobre medidas previas ao comezo da actividade, distancia de seguridade, hixiene e limpeza e medidas organizativas.



Procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte á exposición ao SARS-CoV-2. Actualizado a 21-12-2020

Modificación: Adecuación aos cambios na Estratexia de detección precoz, vixilancia e control de COVID-19 e á Avaliación do risco da transmisión de SARS-CoV-2 mediante aerosois. Cambio na Táboa 1. Escenarios de risco de exposición. Supresión do Anexo III, 


22/12/20

A CIG proponlle ao Comité de Empresa que presente un conflito colectivo polo incumprimento do Convenio colectivo coa aprobación da RPT

Tres anos despois de entrar en vigor o Convenio colectivo do persoal laboral, o goberno de María Barral, que ten completamente paralizada a Comisión Paritaria do Convenio colectivo e comete continuos incumprimentos do marco legal dos traballadores laborais deste Concello, pola interpretación unilateral do texto, levou ao pleno da corporación un acordo que incumpre abertamente o recollido no artigo 79 do Convenio:

Artigo 79.º A Relación de Postos de Traballo.

3) O persoal comprendido no ámbito de aplicación deste Convenio ocupará postos de traballo, singularizados ou non singularizados, de acordo coa correspondente relación. A relación de postos de traballo incluirá os correspondentes a todo o cadro de persoal funcionario e laboral, así como os que haxa que dotar a través da correspondente oferta de emprego.

Os propios delegados de laborais da CSIF votaron na Mesa Xeral de Negociación a favor dun acordo que contravén o Convenio colectivo, porque consideran máis importante o beneficio que algúns postos de funcionarios tiran na RPT que o marco normativo do propio persoal laboral, aínda cando o seu voto supón a exclusión do colectivo da RPT.

A pesar disto, e entendendo que o Comité de Empresa se debera posicionar na contra da vulneración do Convenio colectivo co acordo da Mesa Xeral de Negociación e do pleno da Corporación, a CIG vén de lle propoñer ao presidente do Comité de Empresa, Santiago Ois, que na vindeira reunión do Comité de Empresa, que segundo o regulamento debera ser o 4 de xaneiro de 2021, inclúa o seguinte punto na orde do día:

Acordo do Comité de Empresa sobre a presentación dunha demanda de conflito colectivo contra o Concello de Betanzos polo incumprimento do artigo 79 do Convenio colectivo do persoal laboral coa exclusión da maior parte dos postos do persoal laboral da nova Relación de Postos de Traballo.

O motivo dunha explicación tan demorada do punto vén determinada porque a presidencia e a secretaría do Comité se teñen negado a realizar votacións de puntos da orde do día ao indicar que non poñían expresamente que se trataba dun acordo, dificultan os debates e a liberdade de expresión no seo do Comité de Empresa e non executan os acordos que se adoptan cando non lle veñen ben á CSIF, como cando o Comité acordou presentar alegacións á RPT e finalmente non as presentou por supostos defectos de forma no desenvolvemento da reunión.

A estratexia da CSIF no Concello de Betanzos está clara e no Comité de Empresa simplemente reproduce o modelo que dificulta os debates, a negociación e os acordos en beneficio dunha pequena parte do funcionariado e co beneprácito do goberno local, mais isto non impide que a CIG siga levando iniciativas ao Comité de Empresa para loitar polos dereitos do persoal laboral nun momento no que é o colectivo máis menosprezado na historia deste Concello, cunha continua xudicialización das relacións laborais e incumprimento de sentenzas por parte do goberno local ante as que o Comité de Empresa presidido por CSIF permanece impasible para alegría de certos colectivos historicamente beneficiados por esta Administración local.

15/12/20

A CIG demanda que o SMI se incremente até os 1.150 € e a supresión do IPREM

A central sindical exixe que se cumpra coa Carta Social Europea



Diante do anuncio do inicio das negociacións do goberno español con patronal e sindicatos para decidir se soben o Salario Mínimo Interprofesional, a CIG demanda, máis unha vez, que este se incremente até os 1.150 € e a supresión do IPREM como índice de referencia para calcular as contías das prestacións sociais públicas.

Así o afirma o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen explica que a Carta Social Europea establece que, cando menos, o SMI ten que situarse no 60% do salario medio que, segundo o INE sitúase no 1.917 €/mes. “Isto suporía, que, de forma automática, o salario mínimo interprofesional pasara a ser de 1.150€”.

Carril exixe ademais a supresión do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) e que se utilice, na súa vez, o SMI como única referencia de indicador público para os efectos de fixar a contía de calquera tipo de prestación social pública. "O IPREM foi creado no seu momento coa única finalidade de mermar as prestacións públicas e polo tanto dentro da lóxica de avanzar nos baixos salarios e prestacións. Por iso, de se manter como índice de referencia, provocaríase unha situación tremendamente inxusta ".

Que se aplique a Lei!!

Para o secretario xeral da CIG tamén é “lamentable” que volva situarse este debate no diálogo social, que tantas veces ten acordado medidas que impiden a dignificación das condicións salariais da clase traballadora (pactos con Rajoy, coa patronal…).

Carril entende que “non ten sentido ningún que se anuncie a negociación do que é simplemente a aplicación dun dereito, a non ser que se queira limitar” e considera “impresentable” que o goberno español, nos orzamentos que vén de aprobar decretara a conxelación do SMI.

A CIG logra 2 delegados/as no comité do Concello de Sada e recibe tantos votos como o resto das candidaturas xuntas

 A central nacionalista non tiña representación entre o persoal laboral

Nas eleccións sindicais do persoal laboral celebradas no Concello de Sada o pasado xoves, a CIG conseguiu dous delegados dos cinco que se elixían e obtivo o mesmo número de votos que a suma do resto das candidaturas que se presentaban. Con este resultado, a central nacionalista, que até agora non tiña representación, convértese na forza con maior apoio entre o persoal laboral.

Por colexios, no de Especialistas, no que se elixían catro representantes, a CIG conseguiu dous delegados/as, mentres que as candidaturas de CSIF e USO obtiveron un representante cada unha. No colexio de Técnicos/as escollíase un delegado/a que foi para a lista da CSIF.

A representación da CIG agradece a confianza depositada polos traballadores e traballadoras nas súas candidaturas, o que constitúe un aval ao labor sindical desenvolvido nos últimos catros anos; e indican que este resultado reforza  o compromiso na defensa dos dereitos laborais e salariais do conxunto do persoal laboral do Concello de Sada.

Criterio técnico do INSST sobre medidas de protección persoal fronte ao coronavirus SARS-CoV-2: conceptos sobre a súa utilización no ámbito laboral

 O presente criterio técnico do INSST ten como obxectivo aclarar conceptos relativos ao uso de máscaras  no ámbito laboral fronte ao coronavirus SARS-CoV-2

Chegará a xornada laboral de 4 días? Estes son unha parte dos beneficios e desvantaxes que traería esta reforma

Segundo os expertos, reducir a semana laboral ten múltiples beneficios. O máis obvio: facilitar a conciliación entre actividade laboral e vida persoal. Con todo, tamén hai quen aseguran que en realidade sería unha medida menos efectiva que apoiar ás empresas que ofrezan, na medida das súas posibilidades, flexibilidade horaria aos traballadores/as. É dicir, evitar do todo eses días nos que é imposible conciliar ou desconectar e non reducilos de cinco a catro.

Fai cen anos, tras unha durísima folga que ata ocasionou unha intervención militar, o Estado español converteuse (polo menos, sobre o papel) no primeiro país europeo en aprobar a xornada laboral de oito horas. Un fito social que agora poderiamos estar a piques de superar se, como asegurou o vicepresidente segundo, Pablo Iglesias, o Goberno «explora» incorporar a semana laboral de catro días. Deixando á marxe a conveniencia de lanzar un debate deste calado en plena crise económica, para a maioría dos traballadores/as a medida plantexa unha serie de suxestivas vantaxes. Polo menos sobre o papel.

Vantaxes e desvantaxes

Segundo os expertos, reducir a semana laboral ten múltiples beneficios. O máis obvio: facilitar a conciliación entre actividade laboral e vida persoal. Parece lóxico supoñer que unha fin de semana de tres días permitiranos dedicar máis tempo á familia e as aficcións, o que ademais redundará na nosa saúde. Reduciríanse os problemas de estrés e, con iso, o gasto asociado a paliar as súas consecuencias. Un aforro ao que a sanidade pública podería sumar os derivados da menor incidencia da siniestralidade laboral e de doenzas tipicamente ligadas ao sedentarismo.

Con todo, tamén hai quen aseguran que en realidade sería unha medida menos efectiva que apoiar ás empresas que ofrezan, na medida das súas posibilidades, flexibilidade horaria aos traballadores/as. É dicir, evitar do todo eses días nos que é imposible conciliar ou desconectar e non reducilos de cinco a catro.

Sector laboral, clave

Por outra banda, non é unha opción viable para todos os sectores; a maior parte das empresas adicadas á produción abren só entre semana mentres que moitas das de servizos (como na hostalería ou no comercio) tamén o fan en fins de semana ou parte deste. É dicir, no mercado laboral hai diferentes modalidades de traballo con  libranzas que non se rexen polo calendario. E, é máis, unha fin de semana de tres días supoñerá maior demanda por parte dos traballadores/as que poden gozar dos servizos que ofrecen os que non descansan.

Mellora da produtividade e medre do emprego

Por paradoxal que poida resultar parece que cando sabemos que temos menos tempo para realizar unha tarefa somos moito máis eficientes que cando non existe esa presión. O problema é que isto aínda non é algo demostrado nin xeneralizable a todas as  terefas e persoas, por non falar de que a produtividade non é sempre  cuantificable.

Por outra banda, que os traballadores/as/as descansen non implican que tamén o fagan as instalacións, nin sequera nas empresas nas que fose posible parar tres días, así que, por que non aproveitar os días de libranza do persoal para que outros traballadores/as desempeñen o seu traballo e incrementen a produtividade da empresa? É dicir, reducir os días de traballo duns servirá para dar emprego a outros.

A pega é que o debate xorde nun momento no que a tecnoloxía está a revolucionar a produtividade en moitas empresas. Aínda estamos moi lonxe da predición do economista John  Maynard  Keynes, que en 1930 asegurou que a tecnoloxía faría posible que aos seus netos bastaríalles con traballar quince horas á semana, pero en moi pouco tempo veremos a moitas empresas cambiar radicalmente a súa maneira de funcionar e, con ela, variarán a cantidade e tipo de profesionais que necesiten.

Que pasará co soldo?

Tamén queda no aire outra pregunta. Que pasa co salario? Menos días de traballo implica unha menor remuneración? Ou a paga vai vinculada á produtividade e, por tanto, se esta non sofre a nómina tampouco ten quefacelo? E como afectará á pensión ou as prestacións por desemprego? Como se reformará o cómputo das cotizacións?

A única proposta política exposta ata o de agora é a da emenda (rexeitada) aos Orzamentos Xerais de grupo político Más País, que expuña destinar unha partida de 50 millóns de euros do fondo de Recuperación e Resiliencia para ofrecer incentivos ás empresas que participasen nunha proba piloto para implantar a semana laboral de 32 horas. Así, as empresas cobrarían un complemento que lles permitiría manter intactos os salarios ata que se consolidase o incremento de produción derivado do maior rendemento do empregado.

Máis sostible

Tamén hai quen cre que serviría para combater o cambio climático: traballar catro días no canto de cinco reduciría o consumo enerxético en moitas empresas e evitaría numerosos desprazamentos en coche. Claro, que estamos a pisar o argumento anterior; é dicir, isto só vale se non aproveitamos o descanso dos traballadores/as par que outros ocupen o seu posto.

Ten que impoñerse por lei?

Por último, tamén habería que cuestionarse canto hai que facer antes de impoñer un cambio así por lei. Ademais de insistir en sinalar a precariedade como un dos maiores problemas do mercado laboral no Estado español e o seu crecemento coa 'uberización' da economía, debemos lembrar que numerosas empresas aínda non habilitaron o rexistro de xornada e que, por tanto, en moitas delas bótanse horas extra que ás veces nin se pagan.

Fonte e autora: elcorreo.com. Iratxe Bernal

www.cigsaudelaboral.org

Incluído o SARS-CoV na lista de axentes biolóxicos

Hoxe entra en vigor a Orde TES/1180/2020, do 4 de decembro, que adapta os anexos II, IV e V do Real Decreto 664/1997, do 12 de maio, sobre protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o traballo, o cal supón incluír ao coronavirus da síndrome respiratoria aguda grave 2 (SARS- CoV), causante do brote de COVID-19, como novo axente biolóxico

Hoxe entra en vigor a Orde TES/1180/2020, do 4 de decembro (BOE do 10 de decembro), que adapta os anexos II, IV e V do Real Decreto 664/1997, do 12 de maio, sobre protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o traballo, traspoñendo as Directivas (UE) da Comisión 2020/739, de 3 de xuño e (parcialmente) a 2019/1833, de 24 de outubro de 2019, o cal supón incluír ao «coronavirus da síndrome respiratoria aguda grave 2» (SARS- CoV), causante do brote de COVID-19, como novo axente biolóxico.

A regulación contida na nova redacción dos anexos IV e V do Real Decreto 664/1997, serán de aplicación dende o 11 de decembro de 2020 para as indicacións relacionadas coa familia « Coronaviridae», pero as indicacións relacionadas co resto dos axentes biolóxicos seguirán sendo de aplicación na súa redacción anterior ata o 19 de novembro de 2021.

www.cigsaudelaboral.org

Novo regulamento de axudas sociais

Na Mesa Xeral de Negociación de decembro de 2018 do Concello de Betanzos aprobouse un regulamento de axudas sociais cuns criterios un chisco máis xustos polos que levabamos anos loitando. Se ben a proposta final consideramos que non é todo o xusta que debera e que realmente non responde a uns verdadeiros criterios sociais porque as axudas son para a unidade familiar mais se teñen en conta exclusivamente os ingresos do/a traballador/a, e que o incremento das contías sen un incremento da partida orzamentaria das axudas sociais que cada ano fica escasa non vai supor unha grande mellora nos casos que máis a precisan, abstivémonos ao entender que era un avance con respecto a unha bases máis que obsoletas e vixentes desde o ano 2001 e pola loita que o anterior Comité de Empresa fixera para que se levase a cabo esta negociación.


Un ano despois do acordo da Mesa Xeral de Negociación o Concello leva ao pleno a aprobación inicial do regulamento de axudas sociais que se aprobou hai máis dun ano. Achegámosvos o documento que fora á Mesa Xeral de Negociación e que logo tivo unhas leves varias nas contías que solicitamos por rexistro que nos achegue o Concello, en todo caso logo da aprobación polo pleno aprobarase de xeito provisional no momento en que se publique no Boletín Oficial da Provincia e cando transcorra o prazo correspondente de xeito defintivo, momento no que entrará en vigor.

De ter en conta as bases das axudas sociais actuais, o Concello xa debera ter efectuada a convocatoria para as axudas sociais do ano 2020, non obstante, en anos anteriores realizáraa no mes de xaneiro, mais polo momento no Departamento correspondente non teñen constancia de cando se abrirá o prazo. Cómpre lembrar que o Comité de Empresa anterior loitara para que as axudas se convocaran e cobraran en tempo e forma, o actual, descoñecemos que pasos dá neste sentido, posto que está desaparecido e nin sequera informa aos propios membros do organismo que a CSIF utilizou para baleirar de contido e acabar co traballo sindical do Comité de Empresa a prol do persoal laboral.


A caída no aparcamento da empresa durante o tempo de descanso entre a xornada de mañá e a de tarde é accidente de traballo


A Sala de suplicación chega á conclusión de que a continxencia da Incapacidade Temporal litixiosa, deriva de accidente de traballo, tras descartar que se aplique a presunción de laboralidade do artigo 156.3 da LXSS, pero si o número un do mesmo precepto legal, entendendo que a lesión produciuse con ocasión do traballo executado por conta allea, aplicando a teoría da ocasionalidade relevante recollida en diversas sentenzas do Tribunal Supremo.

Consta acreditado que sobre as 14:30 horas do 28 de setembro de 2006, cando o actor dirixíase ao seu vehículo situado no aparcamento da empresa durante o seu tempo de descanso de 40 minutos esborou caendo ao chan, consecuencia do cal sufriu unha contusión no seu ombreiro dereito e unha pequena ferida enel cóbado. O actor acudiu á Mutua, que non emitiu parte de baixa, ao considerar que non se trataba dun accidentede traballo ao non producirse en tempo de traballo, aínda que lle proporcionou asistencia médica. O médico de cabeceira do actor emitiu parte de baixa dende o 28 de setembro de 2016 con diagnóstico de luxación acromio- clavicular dereita.

A Sala de suplicación chega á conclusión de que a continxencia da Incapacidade Temporal litixiosa, deriva de accidente de traballo, tras descartar que se aplique a presunción de laboralidade do artigo 156.3 da LXSS, pero si o número un do mesmo precepto legal, entendendo que a lesión produciuse con ocasión do traballo executado por conta allea, aplicando a teoría da ocasionalidade relevante recollida en diversas sentenzas do Tribunal Supremo.

En definitiva, sostén que a saída do traballador á rúa estivo vinculada co traballo pois unicamente por razón do mesmo produciuse a saída e, por tanto, o evento lesivo, equiparando o referido descanso a tempo de traballo.

Por Mutualia interponse recurso de casación, que desestima ou Tribunal Supremo, confirmando a sentenza recorrida e declarando a súa firmeza.

www.cigsaudelaboral.org

O goberno de María Barral leva ao pleno de hoxe as alegacións á RPT

Ao contrario do que acontecera no ano 2015 cando o Comité de Empresa asinara o novo convenio colectivo que non entrara en vigor ata o ano 2017, o goberno de María Barral bule a levar ao pleno a denegación da meirande parte das alegacións presentadas polo persoal a esta RPT.

Este documento tivo un total de 39 alegacións, a maoría delas de traballadores laborais e funcionarios e a maioría delas cunha proposta de desestimación por conta dun informe de Quorum económico, a empresa que xa hai uns anos non ten contrato con esta administración mais segue informando de xeito externo, e coa grande ausencia de novos informes de Secretaría e Intervención a pesar da creación dun novo posto e da inclusión de tres novas prazas que necesariamente supoñen unha modificación económica da previsión inicial mais que, á vista dos feitos, isto non é relevante para a preceptividade dun informe da Intervención.

Os informes achegados por Quorum que o goberno de María Barral asume plenamente estiman só 2 alegacións de traballadoras cuxos postos non aparecían en febreiro e teñen sentenza xudicial, mais desestiman outro lote de traballadores que contan con sentenzas xudiciais firmes e mesmo estiman a creación dunha nova praza de técnico de administración xeral (e xa van 2 nunha RPT na que seica non se poden crear postos sen sentenza xudicial)

A CIG ten constancia de ata 8 sentenzas desde decembro de 2019 ata outubro de 2020 cuxas prazas non constan no documento. O concelleiro de Persoal, Diego Fernández, mentiu abertamente na Mesa Xeral de Negociación ao dicir que só non se incluían as últimas sentenzas do mes de setembro, basicamente porque nin sequera inclúen unha do ano 2019 e tamén porque é un absurdo aludir á non firmeza dalgunha das sentenzas á vez que indicar que non se van recorrer, por tanto, son firmes, xa que o único que as pode recorrer é propio Concello de Betanzos.

A maiores, tal e como a CIG expuxo na Mesa de Negociación, o Concello errou no procedemento, posto que a inclusión dun novo posto, é unha modificación da aprobación inicial da RPT e debería haber outra aprobación inicial, do contrario, non se poden realizar alegacións á valoración dese posto, posto que na RPT de febreiro non estaba, e non só conculca os dereitos do persoal ao que isto lle vai afectar senón que o discrimina porque nin sequera aceptou ningunha das propostas para que a valoración do posto non fose discriminatoria e recollese algunhas funcións que na actualidade realiza.

Hoxe, María Barral e o seu equipo de goberno constatarán o desprezo polo persoal laboral deste Concello e perpetuarán as mentiras sobre a consolidación de postos e a RPT que o propio PSOE tivo máis de vinte anos para solucionar e non o fixo. A maioría dos postos do persoal laboral constaban en todas as RPT do Concello de Betanzos desde ao anos noventa e os distintos gobernos considerábanos estruturais, agora e desde o ano 2020 o Concello de Betanzos considera que a meirande parte dos postos ocupados polo persoal laboral non son estruturais, non deben forman parte da RPT, e, por tanto, non son indispensables para o normal funcionamento do Concello.

Se a este despropósito lle unimos que crean novos postos para funcionarios, pretenden reconverter pola vía dos complementos os postos de auxiliares administrativos ou mesmo un de chófer-alguacil, en administrativos e que un traballador de limpeza funcionario cobre máis de 3000 euros máis ao ano que un traballador de limpeza laboral fixo que probablemente leve os mesmos anos mais non tivo a "sorte" dun proceso funcionarización, esta RPT perpetuará as políticas históricas de discriminación do persoal laboral do Concello de Betanzos xa que non se acompaña de ningunha medida a curto prazo para solucionar a situación. O que é peor, é que o goberno do PSOE nin sequera cumpre o único compromiso que reiteraba nas mesas de negociación, que era ir incluíndo as sentenzas segundo que fose chegando e que agora pasou "xa se van incluír nos próximos meses" que non fai máis que obrigar a recorrer a RPT aos traballadores afectados, cos posibles custos que isto teña para eles, a maiores dos que xa tiveron que soportar para contar cunha sentenza de indefinición.

A CIG lamenta que o Concello de Betanzos lle faga pagar aos traballadores e traballadoras a nefasta política histórica do persoal, que non sexa quen de dar un paso adiante, admitir as discriminacións, pór enriba da mesa un plan a curto prazo para eliminalas dunha vez por todas e tratar en igualdade de condicións a todo o persoal independentemente de que teña un contrato ou un nomeamento, sexa persoal laboral ou funcionario. Tamén lamenta que o sindicato de funcionarios e os representantes da CSIF tanto funcionarios como laborais apoiasen este documento que deixou patente cal era a única finalidade que tiña ao presentarse ás eleccións do persoal laboral. 

É lamentable que o presidente do Comité de Empresa apoie un documento que considera que a meirande parte dos postos do persoal laboral non son estruturais neste Concello e que os que seica o son, deben cobrar menos por igual traballo, demostrando que no sindicato dos funcionarios aínda promove o clasismo en estado puro.

A Sección sindical da CIG xa está a traballar nas posibilidades de recurso á Relación de Postos de Traballadores que previsiblemente hoxe o PSOE vai aprobar no pleno do Concello e buscará todas as vías posibles para seguir loitando contra a discriminación do persoal laboral no Concello de Betanzos.