O goberno municipal do PSOE segue adiante coa primeira RPT do Concello de Betanzos que pretende excluír o 82% dos postos do persoal laboral e o 52% da totalidade dos postos de traballo do Concello de Betanzos.
No caso de se aprobar este documento suporá a maior desregularización existente ata o momento e a aplicación dun organigrama que lle afectará a menos da metade do persoal do Concello.
O peor de todo é que o goberno do PSOE pretende levar adiante este documento, de continuar as posturas previas dos sindicatos, co apoio do minoritario 37% da parte da social da mesa, composto polos sindicatos CCOO e CSIF, fronte ao restante 63% que lles corresponde a CIG e UGT. Non hai que esquecer que a maioría do persoal deste Concello, é persoal laboral, representado por estes sindicatos, e que sae gravemente prexudicado pola non incorporación dos postos, así como pola clara discriminación na valoración destes.
O goberno de María Barral incumpre con esta negociación os acordos adoptados co persoal laboral desde hai seis anos, que prometían comezar un proceso de equiparación de salarios co funcionariado e o propio convenio colectivo vixente, no que se fan expresas referencias á Relación de Postos de Traballo e que indica no artigo 79 o seguinte:
O persoal comprendido no ámbito de aplicación deste Convenio ocupará postos de traballo, singularizados ou non singularizados, de acordo coa correspondente relación.
A relación de postos de traballo incluirá os correspondentes a todo o cadro de persoal funcionario e laboral, así como os que haxa que dotar a través da correspondente oferta de emprego.
Igualmente, a Relación de Postos de Traballo determinará a forma de provisión e acceso aos postos singularizados nela determinados.
Isto supón que a aprobación desta RPT sen a totalidade dos postos suporá un incumprimento do convenio colectivo vixente que a CIG denunciará ante os organismos pertinentes, para alén das posibles alegacións e recursos que o documento poida ter no caso de se aprobar tal e como o propoñen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario