27/11/12
23/11/12
A CIG denuncia que a lei 10/2012 pon prezo ao exercicio do dereito fundamental á tutela xudicial efectiva
A
CIG denuncia que a lei 10/2012 pon en cuestión o Estado de Dereito,
ao limitaren o acceso ao dereito fundamental á tutela xudicial
efectiva. A central sindical considera que a pretensión de Gallardón
e do Partido Popular é dificultar o recurso aos tribunais; recadar
dúas veces, unha vía impostos e outra vía taxas (co-pago) e evitar
facer os investimentos necesarios para dotar o sistema xudicial dos
recursos materiais e humanos necesarios para garantir a mellor
atención aos cidadáns.
Fronte á xustificación
de Gallardón de que esta lei pretende ser disuasoria, a CIG denuncia
que do que se trata é dunha lei excluínte que provocará a renuncia
dos cidadáns a entaboar accións xudiciais en reclamación de
dereitos individuais e colectivos, polo simple feito de non ter os
cartos necesarios para pagar, por adiantado, as taxas xudiciais.
A central sindical
considera que con esta medida ponse en cuestión o propio sistema
democrático, ao pór prezo ao acceso a un dereito fundamental, como
é o dereito á tutela xudicial efectiva, do que só quedarán
excluídas as persoas con moi escasos recursos, que son as únicas
que terán dereito á asistencia xurídica gratuíta.
Xunto a isto, en concreto
o sector de Xustiza da CIG-Administración denuncia ademais que alén
de impor esta inxusta medida, o PP aproveita a lei para “crucificar”
máis ao persoal público ao exixírenlles a representación e
defensa en todas as accións xudiciais en reclamación dos seus
dereitos laborais e a imposición do dobre pagamento, en decembro das
contías por dereitos pasivos e mutualidades, malia deixaren de
percibir a paga extraordinaria.
A CIG rexeita, xa que
logo, este e outros recortes de dereitos prantexados polo PP e
defende o mantemento dos servizos públicos e dun sistema social e de
dereitos cada vez máis en entredito por mor das medidas que se veñen
adoptando só pretexto da crise económica.
Lei 10/2012 de Taxas xudiciais
PUBLICADO NO BLOG DE XUSTIZA
Hoxe
é un día triste de máis para a cidadanía galega, pois acaba de
entrar en vigor a lei de taxas xudiciais que vai provocar a renuncia
dos cidadáns a entaboar accións xudiciais en reclamación de
dereitos persoais e colectivos polo simple feito de non ter os cartos
necesarios para pagar, por adiantado, as taxas xudiciais hoxe fixadas
na lei
10/2012.
Este
é un novo ataque á cidadanía (e por desgraza non será o último)
orquestado polo Partido do Poder (en abreviatura PP) que mellorando o
eslogan empregado polo presidente dos EEUU Sr. Obama “Yes We Can”
(Nós Podemos) acaba de conseguir o de Nos Podemos...estar, aínda se
cabe, máis fodidos.
Estas
taxas hoxe fixadas provocarán de feito unha renuncia por parte dos
cidadáns a entaboar accións xudiciais de todo tipo en defensa dos
seus intereses, polo mero feito de carecer dos cartos necesarios para
afrontar o elevado custe das mesmas. O PP acaba de atacar a liña de
flotación do estado de dereito ao limitar de xeito tal o acceso a
administración de xustiza, un dos piares que mantén o equilibrio
entre os tres poderes do estado, favorecendo coa súa actuación o
reinado dos poderosos (economicamente falando). ¿Con que nos imos
poder enfrontar a unha compañía de seguros, a un banco, etc. nunha
reclamación que debería ser igualitaria pero que non o será porque
eles terán o poder de “coacción” dos cartos para un arranxo que
lles conveña fronte a falta de recursos económicos do reclamante
para facer fronte ás taxas dun xuízo xusto.
Non
contentos con isto se aproveita esta lei de taxas para crucificar
máis aos empregados públicos ao esixírselles a representación e
defensa en todas as accións xudiciais en reclamación dos seus
dereitos laborais e a imposición do dobre pagamento en decembro das
contías por dereitos pasivos e mutualidades, a pesares de deixarse
de percibir a paga extraordinaria.
Dende
a CIG-XUSTIZA rexeitamos dende fai tempo estes e outros recortes
prantexados polo PP, defendendo o mantemento dos servizos públicos
e, neste caso concreto, apoiamos e estivemos presentes naquelas
concentracións e manifestacións que reivindicaron de xeito activo e
expuxeron cara a cidadanía o abuso que se aveciñaba coa aprobación
da lei de taxas que non só nos afectaría como cidadáns se non
tamén como colectivo de traballadores da administración de xustiza.
Por iso insistimos en que os traballadores e os cidadáns temos que
lograr perder o medo e aunarnos nunha forza que consiga de xeito
colectivo que as cousas muden pola presión popular porque por si
soas non van a mudar e cada vez o PP verase con máis forza para para
minorar os dereitos dos cidadáns e traballadores.
Axudas sociais 2012, convocatoria e prazos de solicitude
O Comité de Empresa solicitou hoxe por rexistro e logo persoalmente ao concelleiro de persoal que se publicase a convocatoria de axudas sociais do ano 2012, logo de ver que a negociación das bases se está a demorar máis do previsto e tendo en conta que aínda se estan a negociar agora cando o Comité de Empresa entregou a súa proposta no mes de marzo.
A negociación dunhas novas bases entendemos que é un procedemento diferente á convocatoria do ano 2012, posto que as novas bases deberían ser aprobadas en pleno e en ningún caso poderían ter efecto retroactivo se ata o día de hoxe seguen vixentes as bases de 2001, por iso, e ante as preguntas de moitos compañeiros urximos ao Concello a publicación da convocatoria deste ano coa solicitude de ampliación de praza ata finais de decembro para facilitar as xestións dos compañeiros e compañeiras. A maiores, solicitamos que independentemente desta convocatoria cumpría seguir coas negociacións das novas bases de cara a podelas aplicar xa no ano 2013.
Na reunión mantida hoxe mesmo o concelleiro de Persoal amosou a boa dispoñibilidade do Concello a chegar a un acordo con respecto a este tema que tantos problemas supuxo nos pasados meses e comprometeuse coa representación do Comité a que a vindeira semana se publicaría a convocatoria cos novos prazos e tendo en conta as bases vixentes e que nos vindeiros días continuaríase coa negociación das novas de cara a podelas aplicar na vindeira convocatoria a todos os efectos.
Agardamos que nos vindeiros días se achegue a convocatoria a todos os departamentos e que a resolución destas axudas sexa moito máis áxil que na última ocasión, e entre tanto seguiremos nas negociacións por unhas novas bases con criterio social que agardamos que se acorden canto antes.
E finalmente non se aprobou a nova Relación de Postos de Traballo
No Boletín Oficial da Provincia de hoxe publícase a aprobación definitiva do orzamento de 2012 nun edicto relativo á aprobación definitiva do orzamento xeral e o cadro de persoal do Concello de Betanzos para o exercicio económico de 2012. No caso da Relación de Postos de Traballo, como o propio edicto indica:
"O cadro de persoal corresponde co aprobado no Presuposto do exercicio de 2008, que foi publicado no B.O.P. num. 235 de 11 de octubro de 2008"
BOP Orzamento
Dende a Sección sindical da CIG entedemos como un avance que os traballadores e traballadoras desta Administración fósemos quen de parar unha Relación de Postos de Traballo que non facía máis que agravar e afondar en erros do pasado no canto de intentar buscar solucións pola vía do diálogo. Isto, sen dúbida, foi grazas a todos aqueles que por fin se decidiron a amosar abertamente o seu malestar coas políticas de discriminación en materia de persoal que se levan anos producindo neste Concello e a manifestalo cando era o momento. Os traballadores desta Administración exerceron os seus dereitos e puideron ver como realmente con vontade e determinación hai cousas que poden ir mudando, e por moi pequenos que parezan os cambios ou moi miúdos os logros, en Administracións locais como a de Betanzos totalmente enferruxadas no que ten que ver coa xestión do persoal, van abrindo camiños a marchas forzadas.
Igualmente, agardamos que o goberno local recapacite de cara á negociación dunha nova RPT para 2013 e abra canto antes o diálogo para buscar solucións conxuntas aos múltiples problemas que a xestión de persoal vén arrastrando dende hai tempo e intente poñer en práctica o que tanto predicou nos primeiros meses logo da chegada ao Concello.
Igualmente, agardamos que o goberno local recapacite de cara á negociación dunha nova RPT para 2013 e abra canto antes o diálogo para buscar solucións conxuntas aos múltiples problemas que a xestión de persoal vén arrastrando dende hai tempo e intente poñer en práctica o que tanto predicou nos primeiros meses logo da chegada ao Concello.
21/11/12
Comunicado da Sección sindical
Ante
a nota de prensa enviada polo propio Concello con motivo da sentenza
de tutela de liberdade fundamental dende a Sección sindical da CIG
do Concello de Betanzos queremos deixar constar o seguinte:
- A bolsa de horas simplemente era unha ferramenta administrativa para xestionar as horas sindicais e que supoñía que cando había unha reunión no canto de entrar cinco solicitudes por rexistro entraba unha soa asinada pola representante da Sección sindical da CIG en nome de todos os delegados correspondentes. Tendo en conta que non todos os delegados e delegadas traballan nas oficinas ata entedemos que era beneficioso para o Concello posto que os compañeiros non se tiñan que desprazar dende os seus postos de traballo ata o Rexistro municipal, só aberto en horario laboral de mañá.
- Hai máis dun ano xa que os delegados sindicais da CIG non teñen esa bolsa de horas, dende o momento que a Alcaldía publicou a resolución, e a pesar de interpoñer unha demanda, decidimos non volver facer uso desa bolsa de horas e cada delegado e delegada solicita as súas horas sindicais individualmente, por tanto, a día de hoxe esa sentenza non cambia nada. Isto non impediu, e os feitos así o demostran, que se realice o traballo sindical e é máis, dende o momento que o Alcalde do Concello prohibiu utilizar esta ferramenta tivemos aínda moito máis claro que traballariamos arreo con ou sen dereitos sindicais.
- O Concello minte descaradamente e con concoñecemento de causa cando indica que 100 horas desa bolsa recaerían nunha soa delegada porque nunca, en ningún dos meses que existiu a bolsa, as horas recaeron nunha soa delegada, é máis, a maioría dos meses sobraron máis da metade das horas posto que ningún delegado nin delegada as solicitaba todas, e todas e cada unha das solicitudes están rexistradas (non como as de compañeiros da UGT que afirmaban estar nas reunións do Comité de Empresa sen ter rexistradas as horas, así claro que non as gastaban...) e o Concello non pode demostrar documentalmente o que afirma. Ademais resultaría absolutamente imposible que só unha persoa desfrutase de todas as horas sindicais posto que entón o resto de delegados non poderían asistir ás asembleas e comisións do Comité de Empresa, atender o local sindical cando así lles correspondía e facer o seu traballo sindical cando era preciso; e un Comité de Empresa nin é válido nin pode funcionar cunha sóa persoa.
- En todas as administracións e mesmo en empresas privadas existen bolsas de horas sindicais como ferramentas de xestión deste tempo e, tristemente, como puidemos observar nos últimos meses, logo de que seis sentenzas dos compañeiros do GRUMIR declarasen improcedentes os despedimentos e outras dúas non, a xustiza non sempre mide os mesmo casos coa igual vara de medir, e neste caso o alcalde do Concello de Betanzos decidiu que os delegados deste Concello non tivésemos os mesmos dereitos que os doutras administracións e demostrou que o “socialista” e “obreiro” lle vén moi pero moi grande ao goberno municipal.
- Lamentamos profundamente que o Concello bula tanto para enviar unha nota de prensa por estes motivos e non para informar de cal é a situación con respecto á Relación de Postos de Traballo, porqué decidiron non negociar cos traballadores as propias modificacións dos seus postos ou explicar como é posible que a xestión do Concello sexa tan pésima en materia de persoal que teñan que preguntarlle á Deputación, a un mes do comezo de 2013, que pasa cos orzamentos de 2012. Igualmente, nótase demasiado que o goberno municipal ten diferentes varas de medir porque cando hai un ano a presidenta do Comité comunicou por rexistro un episodio de violencia verbal acontecido co secretario municipal, e o único que fixo o Concello foi ocultarllo durante meses á oposición, non abrir o pertinente expediente informativo e nin sequera falar coa propia delegada ata meses despois e tan só a un día do pleno en que se viron obrigados a tratar o tema.
- O certo é que tampouco é nova a estratexia de intentar descreditar aos delegados e delegadas da CIG que o único que pretende é ser unha última chamada de auxilio para que non se desmonte esta “chiringuitada” que sempre foi a xestión do persoal no Concello de Betanzos, mais estes feitos serven para dar máis azos e continuar traballando porque isto non acaba máis que de comezar e a pesar de que aínda nos sorprendemos día a día coas discriminacións practicadas polo goberno municipal, algo ao que nunca renunciaremos é a traballar polo persoal laboral e a mantelo informado de que todos os pasos que dá o Concello e que lle afectan aos traballadores e traballadoras.
Negociación dunhas novas bases de axudas sociais
Nos
pasados días o Concello enviolle unha nova convocatoria de axudas
sociais ao Comité de Empresa de cara a comezar un proceso de
negociación e mesmo tivo unha reunión informal coa representación
do Comité onde o Comité lle deixou claras as súas condicións para
que houbese un acordo con respecto a este tema que tanto dano ten
feito no último ano, logo de que o Concello lle pagase as axudas de
2011 ao funcionariado antes que ao persoal laboral.
O 21 do pasado mes de marzo o Comité de Empresa
rexistrou a súa proposta de regulamento de axudas sociais, que foi
aprobada por unanimidade no Comité de Empresa e que mesmo meses
antes foi tratada nunha asemblea de persoal laboral. Se algo tiñamos
claro dende a CIG é que o feito de que as axudas sociais fosen
inversamente proporcionais aos ingresos familiares era unha cuestión
de xustiza neste Concello e que non iamos renunciar á proposta do
Comité e á que fixeron múltiples achegas os traballadores só
porque o Concello no seu texto volvese, unha vez máis, a intentar
facer un reparto lineal sen ter en conta para nada criterios
sociais. Baixo esta premisa de mudanza do eixe que vertebra o texto
das axudas presentámonos á reunión co Concello e cómpre dicir
que ata o momento o Concello parece ser compresivo e está a estudar
a proposta de axudas deste Comité de cara a acordarmos unhas novas
bases o antes posible.
Resulta sumamente inxusto que as axudas se repartan por
igual cando as situacións non son iguais, dende a CIG sempre
defendemos que ten que levar máis axudas quen menos ten, e tendo en
conta que o alcance destas axudas sempre foi a unidade familiar do
traballadores, o criterio para as repartir por lóxica teñen que ser
os ingresos da unidade tamén. Máis aínda nestes tempos que corren
e logo de que o PP nos roubase a paga extra este tipo de axudas son
máis necesarias ca nunca, sobre todo para a maioría do persoal
laboral que é submileurista e ao que cada vez lle custa máis chegar
a fin de mes por culpa das políticas de redución de poder
adquisitivo dos traballadores da Administración pública que teñen
practicado tanto o PP como o PSOE nos últimos anos.
O Comité de Empresa, debido a que a reunión mantida co
Concello era a nivel informal, e tendo en conta que os delegados
sindicais aínda non teñen nin unha soa das actas das Mesas Xerais
de Negociación do último ano, decidiu rexistrar por escrito a súa
postura con respecto á proposta de convocatoria que lle presentou o
Concello, podédela consultar aquí.
11/11/12
Preguntas frecuentes
Dende a Confederación Intersindical Galega tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria da xornada de folga xeral do vindeiro 14 de novembro para que todos os traballadores e traballadoras poidan facer valer os seus dereitos e secundar as mobilizacións con liberdade
Cal é a miña situación laboral no día da Folga?
Cal é a miña situación laboral no día da Folga?
Durante a xornada de folga, o contrato de traballo está suspendido, ficando sen efecto as obrigas recíprocas do traballador ou traballadora e a empresa: traballar e pagar o salario. Para os efectos de Seguridade Social, o traballador ou traballadora permanece nunha situación asimilada á alta.
Canto me poden descontar polo día da Folga?
No día de folga, descóntase a parte proporcional dos conceptos salariais e extrasalariais que correspondan a esa xornada, así como das partes proporcionais das pagas extraordinarias. O teu dereito ao desfrute de festivos e vacacións non se ve prexudicado polo feito de secundares a folga.
Teño a obriga de lle comunicar á empresa que vou á folga?
Non, o dereito á folga faise efectivo unha vez que esta comeza. Non tes a obriga de comunicares á empresa se vas facer folga ou non. É máis, pedir a un traballador que asine un escrito manifestando a súa intención de secundar ou non a folga é unha infracción administrativa e pódese denunciar perante a Inspección de Traballo.
Se lle asinei un papel ao empresario dicindo que non vou facer folga, podo cambiar de opinión?
Aínda que llo asinases con sangue. O dereito á folga é un dereito irrenunciábel e exércese no momento en que a folga comeza. O documento que asinaches non é vinculante porque vulnera un dereito fundamental.
Pódenme despedir ou sancionar por ir á Folga?
De ningunha maneira. O dereito á folga é un dereito fundamental. En caso de sanción ou despedimento, seria considerado nulo e o empresario tería que reincorporarte nas mesmas condicións que tiñas.
Pode calquera empresa fixar servizos mínimos?
Os servizos mínimos están destinados á estrita prestación dos «servizos esenciais para a comunidade» (sanidade, educación, hixiene pública, transportes públicos, etc.) durante a folga, polo que é a Autoridade Laboral a que estabelece en que empresas e administracións hai que facelos e en que consisten. As empresas que non prestan estes «servizos esenciais para a comunidade» só poden impor «servizos de mantemento», destinados a garantir a seguridade das persoas e locais e o seu mantemento (instalacións, maquinaria, materias primas, etc.) cando sexa necesario, mais nunca con carácter produtivo.
Se me designan para servizos mínimos, aínda que sexa abusivos, teño que ir traballar?
En principio, si. Non ires traballar cando es designado ou designada para os servizos mínimos pode ser motivo de sanción ou mesmo de despedimento disciplinario. Así pois, debes ir ao teu posto de traballo e recorrer xudicialmente os servizos mínimos impostos se entendes que son indebidos ou excesivos.
É delito que a empresa me diga que se non vou traballar o día da folga me ateña ás consecuencias?
Por suposto que o é. A folga é un dereito fundamental, polo que a coacción para evitar o seu exercicio está tipificada como delito. Se o empresario fai iso con testemuñas, debes comunicalo ao sindicato para presentarmos a correspondente denuncia.
Compútase o día da folga para os efectos de cálculo de absentismo laboral?
Non. Está expresamente excluído este suposto para os efectos de cálculo do absentismo laboral.
É legal ir nun piquete polas empresas falando cos traballadores e traballadoras para que secunden a folga?
Totalmente legal. O dereito a informar os traballadores e traballadoras dos motivos da folga e da necesidade da súa participación fai parte do propio dereito de folga.
Lugares e horarios das manifestacións do 14-N
-Vigo: ás
11:30 horas, desde a Praza de España, até a Praza de América.
-Pontevedra: ás
12:30 h, desde a Praza da Ferrería, até a Subdelegación do
Goberno.
-Vilagarcía: ás
12:00 horas, desde a Casa do Mar até a Praza Ravella
-Ourense: ás
12:00 horas, desde o Pavillón dos Remedios até a Subdelegación do
Goberno.
-Compostela: ás
12:00 h, desde a Praza Roxa até a Praza de Praterías.
-Lugo: ás
12:00 horas, desde a Casa Sindical, na Ronda da Muralla, até a Praza
de Santa María.
-A
Coruña: ás
12:00 horas, desde a Praza da Palloza até a Praza de María Pita.
-Ferrol: ás
12:00 horas, desde a Praza do Inferniño até a Praza de Armas.
-Burela: ás
12:00 horas, desde a Estación de Servizo Vista Alegre, até a Praza
do Concello
-Riberia: ás
12:00 horas, desde a Estación de Autobuses até a Praza do Concello.
-Monforte: ás
19:30 horas, desde a Praza de España até a Praza da Estación.
O secretario xeral da CIG explica os motivos da convocatoria de folga xeral do 14-N nunha vídeo-entrevista
A
conversa con Suso Seixo é un dos principais contidos da nova páxina
web sobre a xornada de paro que vén de estrear a CIG
O
secretario xeral da CIG explica na entrevista as principais razóns
da folga xeral do 14-N, unha convocatoria “fronte as intencións
do capital de aproveitar a crise para someter e precarizar o mundo
do traballo” coa intención inmediata de “rebaixar os salarios
nun 20-25%”. A conversa con Suso Seixo é un dos principais
contidos da web que o sindicato vén de poñer en marcha para
centralizar toda a información sobre a xornada de paro, na que
tamén se poden atopar as respostas ás preguntas máis frecuentes
sobre o dereito a secundala ou un repaso polas 13 folgas xerais nas
que participou o sindicalismo nacionalista.
Aínda
que a convocatoria “chega tarde”, xa que a CIG pretendía
anunciala para setembro, Seixo valora de forma positiva a unidade
sindical coa que se afronta a convocatoria e que responde á crise do
modelo sindical pactista de CCOO e UGT “que xa non funciona e que
os obriga a adoptar unha actitude mobilizadora”.
Seixo
lembra, ademais, que se até agora non foi posíbel esta unidade non
foi por culpa da CIG, “xa que non podiamos mantela con
organizacións que cos seus acordos desmobilizaban a clase
traballadora en plena crise”.
O
máximo responsábel da central nacionalista insiste na necesidade de
conquistar maior soberanía política para que o pobo traballador
galego poida combater “as agresións aos sectores básicos da nosa
economía” por parte dun capital “en pleno proceso de
concentración e centralización”. Nesta liña, valora como “moi
positiva” a convocatoria simultánea en varios estados europeos,
lembrando que a CIG “apostou dende hai tempo polas mobilizacións
internacionais, xa que as contestacións individualizadas deben
acadar un carácter global para seren efectivas”.
Finalmente,
agarda que “o resto de centrais sindicais europeas entendan que
isto é un conflito de clase, global” e se unan a futuras
convocatorias de dimensión internacional, aínda que cada país
“conta coas súas problemáticas específicas”.
Podes ver o vídeo da entrevista aquí.
Podes ver o vídeo da entrevista aquí.
Convocada a Mesa Xeral de Negociación para os servizos mínimos da Folga Xeral do 14 de novembro
O venres 9 de novembro o Concello convocou aos representantes do traballadores a unha Mesa Xeral de Negociación para acordar os servizos mínimos de cara á vindeira Folga Xeral do próximo 14 de novembro, logo de que a CIG solicitase por rexistro que o Concello convocase a Mesa Xeral finalmente parece que comeza a utilizar os mecanismos de negociación co persoal creados para tal efecto.
Xunto con esta convocatoria o Concello achega a súa proposta de servizos mínimos coa designación dos traballadores e traballadoras afectadas por estes servizos mínimos. Dende a CIG xa acordamos a postura que defenderemos nesta Mesa Xeral e, en todo caso, se algún dos traballadores ou traballadoras afectadas por este servizos mínimos, unha vez que se acorden, se considera perxudicado/a pola resolución de servizos mínimos do Concello, pode achegarse a calquera dos delegados e estudaremos as posibilidades de recurso aos servizos.
En todo caso, aos traballadores e traballadoras que sexan designados para os servizos mínimos o Concello terá que llo notificar por escrito no prazo pertinente e todo aquel que non sexa designado poderá asistir á folga.
Novas na prensa
La CIG solicita al Ayuntamiento que convoque al personal para acordar los servicios mínimos
El Ideal Gallego (08/11/2012)
El Ideal Gallego (08/11/2012)
La
CIG (Confederación Intersindical Galega) ha solicitado al
Ayuntamiento que convoque la mesa de negociación para acordar los
servicios mínimos de cara a la huelga prevista para el 14-N. “Á
vista de que van pasando os días e, unha vez máis, o concello non
fai o seu traballo por conta propia, decidimos presentar esta
solicitude”, indicaron desde el sindicato nacionalista.
Las
mismas fuentes explicaron que varios compañeros se dirigieron a sus
representantes para preguntar por los citados servicios mínimos, más
aún cuando en la última huelga general la propuesta les llegase un
día antes de su celebración, uy sin que hubiese convocado el
organismo competente de negociación. “Desde a CIG –concluye el
sindicato– esiximos que, dunha vez por todas, este concello utilice
os mecanismos pertinentes para todas cantas medidas se teñan que
tomar en materia de persoal” y, de la misma manera, siga los pasos
de otras administraciones locales similares, que nunca mostraron
problemas con este tipo de gestiones, reguladas por ley, pero que,
según la CIG, “neste concello chegan con anos de retraso”.
El
sindicato, que entiende la convocatoria de huelga general para el
14-N como “máis xustificada que nunca”, anuncia su intención de
secundar el paro también en el Ayuntamiento de Betanzos, para
denunciar que “roubáronnos parte dos nosos salarios, roubáronnos
os nosos dereitos laborais, e agora queren roubarnos tamén o noso
dereito a traballar”, y para luchar “contra a explotación e o
empobrecemento”, tal como se rocoge en una nota publicada por el
CIG del Ayuntamiento de Betanzos, donde es el sindicato mayoritario.
07/11/12
Solicitudes pendentes
Logo da reunión do pasado mércores co concelleiro de Persoal, o Comité achegoulle por rexistro unha listaxe con algunhas das solicitudes pendentes de resposta dende hai varios meses por parte do Concello de Betanzos. A listaxe que se achegou contempla algunhas das máis importantes mais son moitos máis os escritos que o Comité rexistrou e as peticións que verbalmente lle fixo ao concelleiro de Persoal.
A reunión da semana pasada puido ser un punto de inflexión pola suposta boa dispoñibilidade do Concello para achegar a documentación, mais como xa nos aconteceu noutras ocasións isto simplemente agardamos a que as boas palabras se convirtan en feitos nas próximas semanas e o Goberno municipal reflexione seriamente e reencamiñe o conflito laboral que provocou a intención de aprobación dunha nova Relación de Postos de Traballo por parte do Concello.
Deixámosvos unha copia do documento rexistrado e agardamos que, como ata o momento, os traballadores e traballadoras deste Concello, sigan reclamando o que lles pertence e é xusto e nos transmitan os seus problemas de cara a lles buscarmos as posibles solucións, ben pola vía do diálogo se este existe ou recorrendo a outras fórmulas se é preciso.
Solicitude
A CIG solicítalle ao Concello que convoque a Mesa Xeral de Negociación para acordar os servizos mínimos de cara á folga do vindeiro 14 de novembro
Á
vista de que van pasando os días e, unha vez máis, o
Concello non faga o seu traballo por cobnta propia, dende a CIG do
Concello de Betanzos instamos hoxe por rexistro a que se convoque a
Mesa Xeral de Negociación de cara a acordar os servizos
mínimos para a folga convocada para o vindeiro 14 de novembro.
Logo
de que varios compañeiros e compañeiras nos preguntasen
polos servizos mínimos, entedimos que xa que o Concello non
daba o paso debiamos solicitar que se convocase a Mesa Xeral para a
negociación destes, e máis aínda logo de que na
ocasión a proposta chegase a pouco máis dun día
para a Folga Xeral e non se convocase o organismo pertinente de
negociación. Dende a CIG exiximos que dunha vez por todas este
Concello utilice os mecanismos pertinentes para todas cantas medidas
se teñan que tomar en materia de persoal e siga os pasos
doutras administracións locais similares que non amosan ningún
problema con este tipo de xestións que están reguladas
dende hai moitos anos e que neste Concello chegan xa con moitos anos
de atraso. Por iso, simplemente solicitamos que se convoque aos
representantes dos traballadores para acordar os servizos mínimos
de cara a unha Folga máis xustificada que nunca.
Roubáronnos
parte dos nosos salarios, roubáronnos os nosos dereitos
laborais e agora mesmo queren roubarnos o dereito a traballar, por
iso o 14 de novembro iremos á Folga Xeral CONTRA A EXPLOTACIÓN
E O EMPOBRECEMENTO!
05/11/12
Xoves 8 de novembro ás 20:00 h no Salón Azul ASEMBLEA ABERTA DA CIG
CIG-INFORMA
Dentro das accións informativas e de mobilización que a CIG da Coruña está a desenvolver no marco da convocatoria de folga xeral para o 14 de NOVEMBRO, está semana ten unha especial importancia, a ASEMBLEA ABERTA QUE TERÁ LUGAR O XOVES, 8 DE NOVEMBRO, ÁS 20 HORAS NO SALÓN AZUL DO LICEO DE BETANZOS
14 DE NOVEMBRO, FOLGA XERAL EN GALIZA. XORNADA DE LOITA EUROPEA
E MANIFESTACIÓN NA CORUÑA
SAÍDA AS 12 HORAS DA PRAZA DA PALLOZA E REMATE NA PRAZA DE MARIA PITA
04/11/12
O Goberno ultima co cardenal Rouco Varela a supresión de pontes festivas
Segundo informacións aparecidas na prensa, o Consello de Ministros está a ultimar un novo decreto sobre o calendario laboral, co obxectivo declarado de aumentar a "produtividade" e lanzar aos mercados a idea de que o Estado español está a "facer os deberes", suprimindo pontes e traslando algunhas festividades de carácter estatal aos luns .
De maneira escasamente acorde co principio constitucional de aconfesionalidade do Estado, os cambios no calendario laboral son produto de negociacións entre a vicepresidenta do Goberno, Sáenz de Santamaría, e o cardenal Rouco Varela.
Segundo informa "La Vanguardia", podería perderse a celebración no propio día de festividades como o Dia da Patria (25 de xullo, coa especial significación que ten para os/as galegos/as), ou do 1 de novembro. Rouco Varela tería acadado que o Goberno renunciase mesmo ao simbolismo de manter no propio día a festividade da Constitución de 1978 (6 de decembro) a cambio de manter como non laborable o día da Inmaculada Concepción (8 de decembro).
Desde a CIG-Autonómica rexeitamos a mensaxe tácita que se está a lanzar con esta reforma do calendario laboral, que unha vez máis vén a culpabilizar á clase traballadora da crise, neste caso, en razón do que supostamente sería un baixo desempeño por mor do número de festividades, cando os traballadores da maioría de Estados da UE goza de horarios e xornadas máis racionais e compatibles coa conciliación da vida laboral e familar.
Ao mesmo tempo, a CIG-Autonómica considera moi exemplificativo sobre o escaso pouso que deixou a Ilustración na conformación do Estado español moderno o feito de que o calendario laboral oficial dun Estado sedicentemente aconfesional se negocie cun cardenal, ben coñecido ademais polas súas posturas reaccionarias.
Fonte:
Resolución sobre festividades 2013 do BOE 03/11/2012
A Área Pública da CIG manifesta o seu máis rotundo rexeitamento e lembra que xa o denunciara cando se aprobou a última Reforma Laboral
O pasado 30 de outubro publicábase no BOE o Real Decreto 1483/2012, de 29 de outubro, no que se desenvolve o procedemento de despedimento colectivo a aplicar nas administracións públicas (Real Decreto 1483/2012, de 29 de outubro). Unha medida aprobada polo goberno do PP á que a Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) manifesta a súa máis rotunda oposición, porque supón acelerar o proceso de desmantelamento dos servizos públicos e provocar unha masiva destrución de emprego. Por iso, fan un chamamento a todas as empregadas/os públicos a sumarse masivamente á folga xeral convocada para o vindeiro día 14 de novembro.
A Área Pública da CIG denuncia que os contidos deste Decreto -agochado até despois das eleccións do 21 de outubro e que se intentou solapar facendo coincidir a súa publicación co anuncio de converter en funcionarios/as a 6.000 traballadores/as da Xunta de Galiza- supoñen unha grave indefensión para o persoal laboral das administracións públicas e, en consecuencia, unha ruptura da igualdade co resto de traballadoras e traballadores doutros sectores.
Dunha banda, faise unha total liberalización das causas para poder facer despedimentos dentro das administracións públicas e doutra, dálle unha total potestade a calquera administración para despedir sen ningunha xustificación.
Unha das causas recollidas no RD é a redución do gasto orzamentario ou a existencia de minoración de aportacións económicas, para o que abonda que os ingresos diminúan nun 5% no exercicio corrente. “É unha carta branca para que a administración en cuestión poida facer e desfacer como lle veña en gana”.
Para os EREs nas administracións imposibilítase e prohíbese, ademais, calquera negociación de medidas menos lesivas, como se fai no sector privado. “Mesmo quedan prohibidas medidas como a proposta de redución de xornada ou a suspensión temporal de emprego”.
A Área Pública da CIG denuncia que con isto, o que se consegue é debilitar o mundo do traballo, privatizar os servizos públicos e a destrución de emprego, tanto público como privado.
Subliñan ademais que esta regulación supón rachar co principio básico de que as administracións públicas non desenvolven ningún tipo de negocio e que a súa función é atender intereses xerais a través da prestación de servizos públicos.
Para a central sindical, deste xeito a administración ponse ao mesmo nivel que unha empresa sometida as leis de mercado e que ve comprometida a súa viabilidade por razóns de competencia.
“O problema da viabilidade das administracións públicas vai máis alá do deseño dun plan que permita a mellora dos ingresos –control da fraude fiscal, pagamento de impostos dos que máis teñen, así como un eficaz control do gasto público”.
Lembran que en Galiza xa se realizou o primeiro ERE nunha empresa pública dentro do estado español, Seaga, e que a administración xa foi, nese caso, xuíz e parte. Fixéranse tamén, dentro do Estado español algúns EREs dentro das administracións locais –concellos- máis todo iso estaba a ter unha mesma resposta nas distintas sentenzas que sobre isto hai, nas que se conclúe que os EREs constitúen medidas limitadas á actividade empresarial ou entidades que perseguen a obtención de lucro.
Denuncian ademais que, alén deste Real Decreto, xa se están a aplicar EREs encubertos dentro das administracións públicas a través da aplicación das taxas de reposición ’0’, a non cobertura de vacantes, a amortización de miles de prazas ou a prohibición de convocatorias públicas de oposicións, entre outras.
Con esta regulación, aseguran, o que pretende o goberno do PP é un recorte de emprego de forma barata. “É unha ferramenta máis para levar a cabo o seu plan de eliminación e externalización dos servizos públicos para a súa entrega ás empresas privadas”. O obxectivo é, xa que logo, reducir a administración pública; eliminar empresas públicas e despedir a empregadas e empregados públicos.
Xunto a isto, entenden que o PP pretende solucionar as dificultades que estaban a ter as administracións e demais organismos públicos, que xa recorreran a EREs que foron declarados nulos posteriormente pola xustiza.
.jpg)






