Nota: Aprobado o convenio colectivo cos votos a favor do PSOE, Betanzos Novo e Betanzos en Común

No pleno ordinario de onte, 20 de decembro de 2016, aprobouse o convenio colectivo por segunda vez, desta volta cos votos a favor do goberno municipal, Betanzos Novo e Betanzos en Común e a abstención do PP e do BNG.

Agora, continúa a tramitación e deberá volver á Xunta, onde en principio non debería haber problema porque o texto foi adaptado ás últimas indicacións realizadas polo organismo. Con posterioridade, e unha vez que se publique no Boletín Oficial da Provincia entraría en vigor.

Información das gratificacións dos funcionarios

A CIG vén de solicitar unha vez máis, e van tres anos, a información sobre as gratificacións dos funcionarios do Concello de Betanzos ao abeiro da Lei 19/2013 de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno. Entendemos que un Concello que a cumpre non lle debería pór trabas aos representantes dos traballadores no acceso á información e actuaremos en consecuencia de non nos facilitar a información no prazo estipulado.

Información sobre as comisións

O Concello ten previsto crear unha serie de comisións no vindeiro ano para traballar distintos temas como a reestruturación do persoal (RPT, organigrama, Plan de ordenación de recursos humanos, provisión de postos de traballo, etc). 

Esta información enviouna o propio Concello por correo electrónico a todos os traballadores e traballadoras que teñen conta de correo do Concello e quen estea interesado pode inscribirse nos vindeiros días segundo o procedemento indicado. Aínda que nun principio houbo un erro e non se lle comunicou a todo o persoal, solicitamos que se corrixise e o Concello fíxoo de inmediato e demostrou a súa vontade de que poida participar todo o persoal interesado.

En principio, calquera traballador pode solicitar formar parte deste proceso e dests comisión que non ten carácter resolutivo mais si que pode iniciar un proceso onde se teña en conta a situación do persoal para futuras solucións.

Tal e como lle trasladamos desde a CIG a varios compañeiros e compañeiras, entendemos  que na comisión de reestruturación de persoal sería interesante que estivesen representados os distintos departamentos do Concello, porque son os traballadores de primeira man os que sempre poden falar mellor das diferentes casuísticas de cara buscar solucións e/ou alternativas de cara ao futuro.

Por outra banda, estas comisións nada teñen que ver cos órganos de negociación colectiva onde se debe continuar coa tramitación procedente dos temas que se deben levar aos órganos de negociación tanto do persoal laboral como do persoal funcionario.

19/12/16

Axudas sociais e prazos

O Concello vai moi fóra de prazo porque aínda non publicou a convocatoria de axudas sociais do ano 2016. As bases vixentes do ano 2011 e que desde a CIG levamos cinco anos solicitando que se actualicen sen éxito.

Logo de anos cumprindo os prazos, convocando en tempo e resolvendo en tempo, volvemos a vellos costumes de inicio da lexislatura pasada e falta de información a todo o persoal. O Comité vén de solicitarlle ao Concello que envíe unha circular explicando que acontece coas axudas sociais e explicite os prazos de convocatoria.

Esta solicitude faise logo de múltiples consultas dos traballadores e que de que o concelleiro de Persoal falase coa presidenta do Comité para informar de que hai un retraso obvio nas axudas e que probablemente se convoquen proximamente mais co compromiso de que se paguen igualmente no primeiro trimestre do ano. A petición realizouse para que esta información se lle transmita a todo o persoal coa seguridade de que efectivamente se van convocar proximamente.

Lembrade as contías e os conceptos das axudas sociais:

GARDERÍA:
ata 48,08 euros
E. PRIMARIO: 90,15 euros
E. SECUNDARIO: 150,25 euros
E. UNIV./ESCOLA TÉCNICA: 210,35 euros
ODONTOLOXÍA: ata 270,46 euros
LENTES:
ata 120,20 euros
CALZADO ORTOPÉDICO: ata 225,38 euros
PLANTILLAS:
ata 60,10 euros
MULETAS:
ata 90,15 euros
APARELLOS AUDITIVOS:
ata 210,35 euros
OUTROS DISPOSITIVOS:
para determinar segundo factura
VEH. DE DISCAPACITADOS:
ata 450,76 euros

O convenio colectivo someterase a aprobación no pleno de mañá, 20 de decembro de 2016

Tal e como se acordou no pasado mes de novembro. logo da moción conxunta do PP, BN, BNG e CxB instada polo Comité de Empresa, maña se someterá a votación plenaria de novo, e un ano e medio despois da primeira vez, o convenio colectivo do persoal laboral.
O punto 4 da orde do día é, como podedes ver, "Aprobación convenio colectivo do persoal laboral e acordo regulador do persoal funcionario do Concello de Betanzos". Sométense á aprobación, pois, como vedes, tanto acordo como convenio nun mesmo punto.
Agardamos,pois, que o convenio fique aprobado e o Concello axilice o proceso final de tramitación para a súa entrada en vigor.

Promover a diversidade e a inclusión grazas a axustes no lugar de traballo: unha guía práctica.

A adopción de medidas eficaces para a inclusión de todos os traballadores e traballadoras no lugar de traballo é esencial para a promoción da igualdade e para que a protección dos dereitos contidos nos estándares internacionais do traballo sexa unha realidade para todos/as. Esta publicación ten por obxectivo axudar aos usuarios/as a comprender o concepto de axustes razoables, describe as medidas de acompañamento, así como os procesos e os pasos para introducir axustes no lugar de traballo ao longo do ciclo de emprego e inclúe exemplos prácticos. Os autores deste traballo sinalan que estes axustes poden ser realizados cun pequeno ou ningún gasto por parte do empregador/a, e poden achegar beneficios concretos para empleador/a e traballador/a.

Os axustes no lugar de traballo implican a realización dun ou máis cambios que sexan apropiados e necesarios para a adaptación das características individuais dun traballador/a ou dun candidato/a a un posto, de maneira que poidan gozar dos mesmos dereitos que outros traballadores/as. "A denegación de axustes razoables no lugar de traballo pode constituír unha forma de discriminación. Esta ferramenta de orientación é idónea para todas as empresas e pretende axudar aos empleadores/as, en especial, das pequenas e medianas empresas para proporcionar unha contorna de traballo inclusivo" declarou a Xefa do Servizo de Principios e dereitos fundamentais no traballo.

A guía, aínda que recoñece que a necesidade de realizar adaptacións razoables pode presentarse nunha diversidade de situacións, concéntrase en catro categorías específicas de traballadores/as:
  1. Traballadores/as con discapacidade
  2. Traballadores/as que viven con VIH
  3. Traballadoras en situación de embarazo e traballadores/as con responsabilidades familiares
  4. Traballadores/as dunha determinada relixión ou crenzas

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.


O malestar emocional ou un esforzo físico pesado duplica o risco de infarto

SAÚDE

Segundo unha investigación publicada en Circulation, a revista da Asociación Americana do Corazón, experimentar malestar emocional ou un esforzo físico pesado duplica o risco de infarto, e estar enoxado ou molesto emocionalmente mentres se realiza algún esforzo físico pesado triplícao.

No  estudo analizaron os datos de 12.461 pacientes infartados de máis de 52 países, cunha idade media de 58 anos e establece unha asociación entre o enfado ou o esforzo físico e a aparición dos síntomas de infarto ao cabo dunha hora.

Os participantes completaron un cuestionario acerca de se tiveron algún dos factores desencadenantes durante a hora anterior ao infarto e se experimentaron algún dos factores desencadenantes á mesma hora durante o día anterior ao infarto.

Os autores afirmaron que estes detonantes parecían aumentar de forma independente o risco de infarto dunha persoa máis aló do exposto por outros factores de risco, como a idade, o tabaquismo, a obesidade, a hipertensión arterial e outros problemas de saúde. Afirmaron tamén que os factores emocionais e físicos extremos teñen efectos similares no organismo.


Unha limitación do estudo foi que os participantes tiñan que lembrar os seus desencadenantes e que tras un ataque ao corazón, unha persoa pode tender máis a dicir que experimentou un detonante máis do que diría se non sufrise o infarto cardíaco. Ademais, non se lles deu aos participantes ningunha descrición exacta de que era estar triste ou ter un trastorno emocional ou realizar grandes esforzos físicos. Estes detonantes autodefinidos parecen ter o mesmo efecto en todos os países e grupos étnicos.

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.

A CIG, disposta á folga xeral se non se derrogan a lei mordaza e as reformas laboral, da negociación colectiva e pensións

Inicia un proceso de acumulación de forzas para exixir a recuperación de dereitos laborais, sociais e condicións de vida dos traballadores/as.

A CIG celebrou este mércores asembleas de delegados/as e mobilizacións en todas as comarcas para analizar as consecuencias das “contrarreformas” laborais, da negociación colectiva e das pensións nas condicións laborais e de vida da clase traballadora galega. A central acordou o inicio de protestas para exixirlle ao Goberno español un cambio de políticas que posibilite a recuperación de dereitos perdidos.

Iniciamos un proceso de acumulación de forzas e estamos dispostos a tirar para adiante cunha folga xeral se non se avanza nesa liña”. Así o aseguraba o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, na concentración celebrada diante da Subdelegación do Goberno en Ourense, onde vinculou a recuperación de dereitos e a creación de emprego con salarios e condicións de traballo dignas á “derrogación inmediata” de todas as reformas impostas so pretexto da crise económica, nomeadamente as laborais, a da negociación colectiva, as das pensións e a coñecida como lei mordaza.

Táboa reivindicativa

O secretario xeral da CIG explicou que a central sindical ten acordado darlle continuidade ás mobilizacións que hoxe comezaron en todas as comarcas nos próximos meses. Avanzou ademais que xa se está traballando nunha táboa reivindicativa na que se concretarán todas as demandas e propostas básicas para mudar a actual situación.

Basearemos esas propostas en dous documentos que xa temos debatido e publicado, un no que se recollen as 100 medidas para a recuperación económica e a creación de emprego en Galiza e outro no que se contemplan toda unha serie de propostas en materia laboral e social para a nova lexislatura”
Seixo sinalou que é necesario aproveitar a actual conxuntura política, cun goberno do PP en minoría no Congreso onde “se dan as circunstancias para poder promover iniciativas, proposicións de lei que modifiquen as consecuencias negativas que tiveron -en materia de emprego, salarios, prestacións por desemprego, condicións laborais e pensións-“ esas reformas.

En todo caso, augurou que o PP, malia estar en minoría, intentará utilizar “todos os mecanismos ao seu alcance” para non mudar absolutamente ningunha das súas “políticas antisociais e antiobreiras”.
Por iso, afirmou que é “fundamental presionar a través da mobilización social, nun proceso de concienciación e acumulación de forzas que nos permita chegar aos maiores niveis de mobilización e contestación social”. Presión que ten que ir dirixida fundamentalmente ao PP, pero tamén a aqueles grupos do Congreso español que son reticentes a estes cambios.

Neste sentido, adiantou a disposición da CIG a chegar até as últimas consecuencias e non descartou mesmo recorrer á “folga xeral” se non se dá ningún avance.

Sistema de pensións

Alén destas cuestións, nas asembleas abordouse tamén a situación na que se atopa o actual sistema público de pensións e o debate que se está a dar arredor da súa viabilidade futura. Sobre esta cuestión valorouse a necesidade de que se adopten todas as medidas necesarias para garantilas como un dereito básico e incidiuse na necesidade de crear emprego con dereitos e salarios dignos.

O secretario xeral da CIG lembrou ademais que a CIG xa leva meses desenvolvendo unha campaña organizada polo colectivo de pensionistas e xubilados/as da central sindical á que tamén se lle vai dar continuidade con novas mobilizacións, previsibelmente no mes de xaneiro.

Mobilizacións que acordará o propio colectivo, “coa idea de exixir que se derroguen as reformas das pensións dos anos 2011 e 2013, promovidas polo PSOE e o PP, que ademais no caso da de 2011 contou co apoio de CCOO e UGT”, sinalou.


CIG informa: Mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres

A CIG  fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG forma parte, para este martes 20 de decembro, en repulsa aos asasinatos machistas de Ana María Enjamio e Elena Michaela Marcus.
 
Estes asasinatos non poden ser considerados como dous casos máis dunha longa lista de feminicidios. Son catro xa as galegas asasinadas durante o ano 2016. Estas en tan só dous días, mais deberan ser os derradeiros. Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos. É preciso denunciar os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade a violencia contra as mulleres.
 
Desde a Confederación Intersindical Galega unímonos ao rexeitamento da violencia machista e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega contra o feminicidio. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta.
 
CONCENTRACIÓNS MARTES 20 DE DECEMBRO ÁS 20 HORAS:
 
Vigo, no Marco
 
Lugo, na Praza do Concello
 
A Coruña, no Obelisco.
 
Compostela, na Praza 8 de marzo /Porta do Camiño.
 
Ferrol, na Praza do Concello.
 
Ourense, Castañeira (Subdelegación do Goberno).
 
Pontevedra, diante da Audiencia Provincial, R/ Rosalía de Castro.

13/12/16

Asembleas e concentracións nas comarcas pola recuperación de dereitos laborais, salariais e condicións de traballo dignas

A CIG prevé darlle continuidade ás mobilizacións nos próximos meses

A CIG convoca para mañá mércores, día 14 de decembro, asembleas de delegados/as e concentracións en todas as comarcas para presionar o Goberno español e exixir que haxa un cambio de políticas que posibiliten a recuperación de dereitos perdidos nos últimos anos como consecuencia das sucesivas reformas en materia laboral, de negociación colectiva ou pensións.



A Coruña: 12:00h diante da Delegacion do goberno.
Lugo: 12:30h diante Subdelegación do Goberno.
Compostela: 12:00h na Praza de Galiza
Vigo: ás 11.30h desde os Capuchinos até o Edificio da Xunta
Pontevedra: 11.30 manifestación até a Subdelegación do Goberno
Ferrol: 12:00h. Manifestación da Praza do Himno até a Casa do Concello
Vilagarcia: 11.30h marcha do INEM até INSS
Ourense: 11:30 h diante da Subdelegación do Goberno

A CIG entende que a recuperación deses dereitos e doutras políticas que permitan camiñar cara emprego, salarios e condicións de traballo dignas pasarían pola derrogación inmediata desas reformas laboral, na negociación colectiva e das pensións.

Para iso convoca estas mobilizacións, coa idea de darlles continuidade nos próximos meses. Neste sentido, o secretario xeral, Suso Seixo, explica que “estamos traballando nunha táboa reivindicativa na que se concretarán estas cuestións partindofundamentalmente do que xa temos analizado e publicado en base a dous documentos: as 100 medidas para a recuperación económica e a creación de emprego e as propostas en materia laboral e social”.

Eses dous documentos serían a base argumental das propostas da central sindical entendendo que neste momento, e logo de que o PP perdera a maioría absoluta no Parlamento español, “se dan as circunstancias para poder promover iniciativas, proposicións de lei que modifiquen as consecuencias negativas que tiveron -en materia de emprego, salarios, condicións laborais e pensións- as reformas levadas a cabo nos últimos anos”, indica.

O secretario xeral explica que desde a CIG “sabemos que o PP, a pesares de estar en minoría, vai utilizar todos os mecanismos ao seu alcance para non mudar as políticas antisociais e antiobreiras feitas nos últimos anos, por iso consideramos fundamental presionar a través da mobilización social, nun proceso de concienciación e acumulación de forzas que nos permita chegar aos maiores niveis de mobilización e contestación social”.

Dentro das reivindicacións pola recuperación de dereitos está o debate sobre o futuro do sistema público de pensións. A este respecto Seixo lembra que a CIG xa lanzou unha campaña nas comarcas organizada polo colectivo de pensionistas e xubilados/as da CIG á que tamén se lle vai dar continuidade con novas mobilizacións, previsibelmente no mes de xaneiro que están en estudo por parte do propio colectivo, “coa idea de exixir que se derroguen as reformas das pensións dos anos 2011 e 2013, promovidas polo PSOE e o PP, que ademais no caso da de 2011 contou co apoio de CCOO e UGT”.

A CIG demanda ademais que se adopten as medidas necesarias para garantir o sistema público de pensións e que as pensións, ademais, sexan dignas.


Suxestións realizadas pola CIG ao Regulamento da Escola Municipal de Folclore no que ten que ver coas cuestións relativas ao persoal laboral

Tal e como informabamos, o Concello publicou un Regulamento municipal que semella querer rexer aspectos que desde a CIG consideramos que deberían ser obxecto de negociación na medida en que lle afectan a unha parte do persoal. O propio Concello, ata o momento de publicación do regulamento nada comentara sobre este tema aos representantes sindicais, polo que desde a CIG decidimos, tal e como de abría a posibilidade, facer unha serie de achegas sobre cuestións laborais que entendemos que non deberían de figurar nun documento destas características, polo que lle solicitamos ao Concello que teña en conta as seguintes suxestións de cara á elaboración do regulamento definitivo:

1. Os postos de traballo de persoal laboral do Concello de Betanzos veñen definidos na Relación de Postos de Traballo vixente, que é do ano 2008. Neste documento non aparece reflectido ningún posto de dirección nin do Grupo Azougue, nin da Escola Municipal de Folclore, que segundo o proxecto de regulamento enténdese que son postos designados polo Concello de Betanzos de entre o seu cadro de persoal. Por tanto, un regulamento dunha escola non debe referirse a postos de traballo inexistentes na Relación de Postos de Traballo vixente nin regular as funcións dos devanditos postos, cuxo obxecto vén definido polo instrumento regulador pertinente, a Relación de Postos de Traballo ou instrumento similar de ordenación do persoal, que na actualidade non contempla nin tales postos nin tales funcións.

2. A Relación de Postos de Traballo, negociada ao abeiro da lexislación correspondente e en igualdade de condicións para todo o persoal, debe ser o mecanismo de creación e definición de novos postos de traballo, e ningún regulamento municipal debería recoller postos que o Concello non ten recoñecidos a todos os efectos porque as referencias do documento serían inválidas. A maiores, no complemento específico da devandita RPT é onde se deben remunerar as funcións de dirección dos distintos entes do Concello e na actualidade ningún dos postos de traballo existentes ten recoñecidas as funcións de dirección mencionadas no proxecto no complemento específico.

3. Igualmente, un regulamento non pode definir os requisitos de titulación para o profesorado, tal e como se reflicte no artigo 23, e moito menos cando na Relación de Postos de traballo os únicos postos vinculados a tal Escola, que son os 110, 111, 112 e 113 teñen na actualidade uns requisitos de titulación inferiores aos reflectidos no regulamento, xa que están encadrados no grupo 3 para o que na actualidade se require “título de Bacharelato, Formación Profesional de Segundo Grao ou equivalente”. Por tanto, o requerimento que reflicte este regulamento de “estar en posesión do título de grao, licenciado ou titulación equivalente” do artigo 24 entra en conflito cos postos existentes na actualidade e coa titulación que se lle requiriu ao persoal que ocupa nestes momentos os correpondentes postos sinalados enriba.

4. Non debendo ser obxecto dun regulamento a regulación dos requisitos para os postos de traballo dunha Administración local, entendemos que o artigo 24.2. é áinda un maior disparate porque vai en contraposición do 24.1 ao indicar que non necesariamente deben estar titulados os docentes da Escola, algo que entra en clara oposición cos correspondentes requisitos de titulación para os postos de traballo na Administración pública.

5. O punto 28 regula as funcións do profesorado, e, ao igual que no caso da dirección, entendemos que estas funcións deben ser definidas cos mesmos mecanismos e baixo os mesmos parámetros e medios de ordenación para todo o persoal municipal.

6. Por último, e con respecto ao punto 28.9. que sinala entre as funcións do profesorado estará “recuperar aquelas clases que fose necesario cambiar por motivos profesionais, e sempre coa pertinente autorización da dirección, e que non estean recollidas no convenio de aplicación como permisos /licenzas ou vacacións retribuídas”, entendemos que se debe eliminar posto que está regulando unhas condicións laborais beneficiosas para este colectivo, fronte ao resto do persoal laboral que ten os permisos, licenzas e vacacións correspondentes ao abeiro da lexislación vixente e como resultado da negociación colectiva.

Podedes consultar o documento completo aquí:

O Pleno aproba por unanimidade a moción proposta polo Comité de Empresa aos catro partidos da oposición sobre o convenio colectivo

Logo de que o Comité de Empresa decidise dar un paso máis nas reclamacións para facer efectiva a entrada en vigor do Convenio colectivo que asinou o 20 de xuño co alcalde, o pasado 29 de novembro o Pleno da corporación aprobou por unanimidade a proposta enviada polo Comité de Empresa e que podedes ver en www.cigconcellobetanzos.blogspot.com. Igualmente, nese mesmo pleno o goberno municipal informou de que o texto do convenio colectivo irá ao pleno ordinario do mes de decembro e que para ese momento estarán xa os informes da Intervención e a Secretaría municipal. 

O Comité de Empresa decidiu falar cos partidos da oposición (PP, BN, BNG e CxG) para intentar dar un paso máis e conseguir máis apoios para que o goberno municipal continúe coa tramitación do convenio colectivo. 

Esta moción envióuselle a todos os partidos con representación no Concello de Betanzos agás ao goberno municipal, entendendo que as vías de diálogo con respecto a este tema estaban esgotadas toda vez que a escusa era a mesma sempre e non se vían avances en cinco meses e logo de cinco longos anos de negociación dun novo convenio colectivo. Os catro partidos da oposición amosaron o seu apoio á demandas dos traballadores e presentaron por rexistro unha moción conxunta para o pleno ordinario de novembro.

Os acordos foron estes:
1. Instar ao goberno local a finalizar a tramitación do expediente do Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos, asinado o pasado 20 de xuño de 2016.
2. Someter coa maior brevidade posible á consideración plenaria o novo texto do Convenio colectivo acordado cos representantes dos traballadores laborais na Comisión Negociadora que tivo lugar o pasado 20 de xuño de 2016.
3. Axilizar a tramitación que corresponda nos organismos pertinentes, logo do seu sometemento á aprobación plenaria.
4. Facultar á Alcaldía, ou concelleiro/a en quen delegue, a adoptar as medidas precisas para cumprir estes acordos.



A representación do Comité de Empresa agradeceulle aos catro partidos da oposición o seu apoio e transmitiulle a súa satisfacción polo acordo porque considera que o apoio conxunto dos partidos da oposición demostra que este tema, así como outros laborais deste Concello, teñen un consenso na necesidade de solucións a problemas históricos e mellora de determinadas situacións existentes.

Podedes ouvir as intervencións do pleno con relación a esta moción aquí.

Novas privatizacións no servizo de limpeza municipal, agora para cubrir vacacións

Deixámosvos o escrito que a presidenta do Comité rexistrou o pasado 2 de agosto con respecto á cobertura das vacacións dunha traballadora de limpeza do Concello cando na actualidade non só hai unhas listaxes de substitución vixentes senón que mesmo hai acordos plenarios nesta liña, que unha vez máis o goberno municipal vulnera abertamente e sen informar, xustificar, nin mediar palabra.

Abrindo camiños n.º 53 decembro 2016

Neste novo número de Abrindo camiños tes información sobre a aprobación en pleno da moción sobre o convenio, novas privatizacións no servizo de limpeza municipal, as axudas sociais que xa deberían estar publicadas nos taboleiros de información e outros temas tratados na última reunión dos representantes do Comité co concelleiro de Persoal como a licitación da empresa para a RPT e o Plan de Emprego, as discriminacións nos horario ou a compensación da formación á que algúns traballadores asistiron fóra de xornada laboral pola implantación da administración electrónica.
Se aínda non tes o teu exemplar en papel podes pedirllo aos delegados da Sección sindical.