31/01/17

A hipocrisía do Concello de Betanzos na política de contratación

Ao Concello de Betanzos deulle por "chorar" estes días na prensa contra unha lei estatal que salta cando e como lle convén.
Reproducimos a nova de hoxe na prensa:

La Voz de Galicia, 31 de xaneiro de 2017

La jubilación de Andrés Ares, conserje del edificio Liceo, ha provocado el cierre al público de este mítico inmueble del centro de Betanzos. La programación cultural ha cancelado las exposiciones de pintura programadas para el mes de febrero, dado que no existe la posibilidad de que nadie abra el acceso en el horario habitual. En su puerta se acumulan bolsas con tapones de plástico, ya que es centro de recogida.

De momento, habrá servicios puntuales, como los sábados del mes de febrero, con motivo del ciclo de teatro aficionado. «Algún trabajador del Concello estará allí el sábado por la tarde para abrir al público durante la función», explica el concejal responsable de personal, Diego Fernández, quien señala a la Ley de Racionalización y Sostenibilidad de la Administración Local como principal culpable de la imposibilidad de contratar al nuevo conserje. «Es la propia ley la que nos impide contratar personal, no es un impedimento interno del Concello de Betanzos, será complicado resolverlo, pero creemos que la ley tiene que cambiar», argumenta el edil socialista. «Tenemos la plaza, el presupuesto... podemos convocar y cubrirla, pero simplemente no nos deja el Estado», añade Diego Fernández, quien matiza que la normativa contempla algunas excepciones «como la contratación de la Policía Local».

En Betanzos ya saben de las consecuencias de esta norma, gestada para paliar el endeudamiento de los ayuntamientos. No muy lejos del edificio Liceo, en el lugar que ocuparon un días la viejas escuelas, espera desde hace siete años la apertura de una nueva biblioteca infantil, toda una planta perfectamente acondicionada pero inservible porque no hay quien la atienda. Al principio, hubo que resolver problemas de ventilación por una obra defectuosa. Pero ha dado igual la premura de la rectificación en la instalación. La ley Montoro impide al Concello de Betanzos «fichar» una persona que atienda este coqueto recinto, ya incluso perfectamente equipado con libros y discos.

Ahora, el adiós a la vida laboral de Andrés Ares, una de las personas más carismáticas y queridas en la población, ha complicado la disponibilidad de este espacio para el público y uno de los aforos más demandados por los pintores de la comarca.

Pero no todo son malas noticias. El Ayuntamiento de Betanzos prevé que a mediados de este año, el cine Alfonsetti -otro local cerrado habitualmente- dispondrá ya de equipo de proyección.

Aínda hai menos dun ano ao goberno municipal non lle importou nin o máis mínimo contratar a unha patroa para a Diana Cazadora, un posto que non existe na Relación de Postos de Traballo nin depende de ningunha subvención e que tampouco responde a unha situación expecional posto que hai moitísimos anos que o Concello ofrece o servizo da embarcación, polo que o seu carácter excepcional e extraordinario tampouco estaría xustificado. Ese Estado, que segundo o concelleiro de Persoal lle impide contratar conserxe, non fixo nada contra o Concello cando contratou unha patroa, ese Estado demostroulle ao Concello nos últimos anos que contratou a once traballadoras e traballadores en fraude de lei e o Concello readmitiu a algúns deles (seguimos descoñecendo o criterio), e o propio goberno municipal ten informes da asesoría xurídica que advirten da situación irregular de varios traballadores do xa inexistente GRUMIR que non foron despedidos á vez que o resto de compañeiros que tiveron que ir ao xulgado e aquí non pasa nada! A situación irregular é unha constante do persoal laboral neste Concello e o goberno municipal bota a mirada a un lado, polo que chorar polo que a lexislación non deixa facer xa case lle debería resultar un pouco vergoñento. De feito, o problema de utilizar os argumentos cando che veñen en gana é que se volven na túa contra cando os feitos demostran o contrario.

Acaso a lexislación estatal permite ter ao persoal laboral contratado desde hai máis de vinte e cinco anos por obra ou servizo? Non, mais o Concello ten persoal laboral así.

Acaso a lexislación estatal permite encadenar contratos durante quince anos a persoal que nin conta con praza na RPT? Non, mais o Concello ten persoal laboral así.


Acaso a lexislación estatal permite contratar co obxecto dunha subvención e poñer ao persoal a realizar outras funcións? Non, mais o Concello actúa así de xeito constante.


Acaso a lexislación estatal di que as baixas e as vacacións do persoal de limpeza se deben cubrir cunha empresa privada aínda habendo listaxes de substitución? Non, mais o Concello faino continuamente.



Se a esta situación lle sumamos que o ano pasado o Concello puido contar con dúas traballadoras máis de limpeza de edificios, con sendas sentenzas de indefinición, e optou por despedilas de inmediato e privatizar parte da limpeza municipal, está demostrado que as mentiras do goberno municipal teñen as patas moi curtas. Podían contar con persoal de limpeza propio e optaron por privatizar, aí si que tiñan decisión e opción, o propio xulgado ofrecíaa e o goberno socialista decidiu que o prioritario non eran os servizos públicos, ese mesmo goberno que agora chora por unha xubilación prevista desde hai moitísimo tempo e por unhas normas estatais que seica impiden facer cousas que cando lles vén en gana fan.

Non é menos importante tampouco que a persoa que se xubilou xa levase varios anos con prórroga de xubilación, polo cal o Concello non só prevía esta xubilación senón que a debería de ter solucionada, porque o fondo do problema é a mala xestión de persoal e a falta de resposta e solucións. A maiores, e ata onde sabemos, o goberno municipal non falou con ningún dos outros conserxes do Concello para solucionar a cuestión, por tanto, descoñecemos se o que pretende é volver a actuar fraudulentamente cambiando de posto ao persoal, como ten pasado en anteriores ocasións, con sentenzas de indefinición incluídas. No momento actual e ante a escaseza de persoal a solución non é cambiar de postos de traballo ao persoal porque xa non hai remendo para tanto descosido.

Desde a CIG, a maiores, consideramos un erro aínda máis grave que nas listaxes de substitución que están en proceso, tal e como se lle trasladou ao goberno municipal, falten postos que poderían ser cubertos por acumulación de tarefas, tal e como manifestou o concelleiro de Persoal que ten pensado facer na Escola Infantil Municipal e mais na limpeza de edificios, unha vez que estean as listaxes definitivas. Porqué se é tan importante este posto que agora choran tanto a La Voz de Galicia non incluíron os postos de conserxe na listaxe de substitución considerándoos un servizo prioritario? Hai dous meses o Concello considerou que os postos de conserxe non eran prioritarios e non tiñan porqué ter nin listaxes de substitución, agora pode rectificar e tentar solucionar algúns problemas. Xa daquela desde a CIG manifestamos na Mesa Xeral de Negociación que faltaban postos nesa listaxe como é o caso, o persoal da xardinaría, electricistas e persoal do cemiterio municipal.


O que está claro é que como o proceso de reorganización do persoal, nova RPT e novo convenio colectivo non comece a andar canto antes o problema da prexubilación na Escola Infantil e o problema desta xubilación dun dos conserxes do edificio Liceo non van ser máis que a punta do iceberg dun Concello que se vai ir desmontando e privantizando aos poucos. Na man do goberno están moitas solucións, como as que toman cando lles convén e lles vén en gana e na súa man está a posibilidade de actuar máis e chorar menos, porque é verdade que o PP pretende acabar cos servizos públicos coa lexislación que aproba mais tamén certo que hai marxes de manobra e decisión, como ben demostran cando queren, e que é hora de que dunha vez por todas apanden coa pésima política laboral da historia deste Concello e tomen decisións para mellorar a situación.

A exposición prolongada ao estrés no traballo incrementa as posibilidades de contraer cancro

Saúde laboral
Segundo una investigación realizada en Canadá polo INRS e a Universidade de Montreal publicada na revista Preventive Medicine, existe una relación directa entre o estrés prolongado no traballo e a posibilidade de padecer determinados tipos de cancro en homes.
No estudo participaron homes que tiveron a lo menos catro empregos ao longo da súa vida profesional. Entre as conclusións pode observarse a relación entre o estrés laboral e cinco dos once tipos de cancro tidos en conta na investigación: cancro de pulmón, colon, recto, estómago e linfoma non hodgkiano. Estos tipos de cancro manifestáronse en homes que acumularon entre 15 e 30 anos de estrés no traballo, resultando os empregos máis estresantes bombeiro, enxeñeiro industrial e aeroespacial, capataz, mecánico de taller de automóvil e de equipos ferroviarios.
O estudo amosa que o estrés percibido non ten como orixes únicas ás esixencias profesionais e a presión de tempo,  tamén a atención ao cliente, as comisións de ventas, as reponsabilidades, o temperamento do traballador, a inseguridade no emprego, os problemas financieiros, as condicións nas que se desenvolve o traballo, conflictos interpersoais e os problemas de tráfico,  son causas de presencia de estrés nos traballadores participantes na enquisa

A CIG achega unha proposta de regulamento de funcionamento para a Comisión Paritaria de Igualdade

Logo de que a CIG solicitase a constitución da Comisión paritaria de Igualdade e de que a concelleira de Igualdade comunicara que non habería problema en constituíla, a sección sindical da CIG vén de achegar por rexistro a pasada semana unha proposta de regulamento para a devandita Comisión. 

Desde a Sección sindical da CIG consideramos que é un momento interesante para constituír este organismo de cara a que a se inicie o proceso de elabopración dun Plan de Igualdade que poida servir de base para a eliminación das desigualdades salarias que existen con carácter xeral na actualidade entre homes e mulleres no Concello de Betanzos.

A exposición de motivos para esta solicitude argumentouse no seguinte:

PRIMEIRO: Que a lei orgánica 2/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva entre mulleres e homes establece no artigo 45 a obriga das empresas de respectar a igualdade de trato e de oportunidades no ámbito laboral e de adoptar medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación laboral entre mulleres e homes, medidas que deberán negociar e se é o caso acordar, coa representación legal das e dos traballadores.

SEGUNDO: Que no artigo 76 do Convenio Colectivo do persoal do Concello de Betanzos en trámite, aparece recollido que “O Concello de Betanzos elaborará un Plan de Igualdade que será negociado co Comité de Empresa”. “Para a elaboración deste informe crearase unha Comisión Paritaria de Igualdade”.

TERCEIRO: Que a estes efectos, insta ao Concello a dar pleno cumprimento a isto, coa finalidade de facer efectivo o dereito de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, eliminando calquera tipo de obstáculo que impida dita finalidade.

Por tanto, ao abeiro disto, a CIG propuxo que se proceda á constitución da Comisión Paritaria de Igualdade co obxecto de poñer en marcha a negociación do Plan de Igualdade do Concello de Betanzos co Comité de Empresa e achegou unha proposta de regulamento de funcionamento na que figura tanto a composición da Comisión como os fins desta.

20/01/17

Directivos/as e mandos que poden chegar a ser moi tóxicos para empresas e organizacións.

 Psicosocial

Os xefes/as ou responsables organizativos prepotentes, con pouca empatía ou déspotas son un importante e perigoso lastre para empresas e organizacións. Así é, normalmente cando un traballador/a decide irse e abandonar unha empresa ou organización, o que realmente está a facer é fuxir dun xefe/a ou responsable que resulta absolutamente tóxico para o seu traballo e para a súa propia vida. Cuestión esta que cobra máis importancia incluso se temos en conta que en moitos casos estes tipo de “xefes/as” escorrentan especialmente a aqueles traballadores/as talentosos, con capadidade e criterio propio.

A consultora Otto Walter realizou en 2012 no estado español un estudo titulado “Os xefes tóxicos”, no que preguntou a miles de empregados/as de todos os sectores e categorías profesionais acerca de cales foran os comportamentos máis irritantes que sufriran dos seus superiores/as.

Das conclusións deste estudo derívase que o 49% dos enquisados/as denunciou as “faltas de respecto” como a principal secuela procedente da actitude mantida polos seus mandos. A “prepotencia”, foi escollida por un 37%, a “incompetencia directiva” por un 29%, a “falla de apoio ao equipo de traballo” por un 28%  e a “ausencia de trato humano” por un 25%, completando deste xeito o cadro dos horrores e os erros imperdonables nas políticas de xestión do persoal.

Terroríficas e nefastas credenciais, especialmente chamativas se se ten en conta que quen as acredita suponse que están de xefes/as ou chegaron a esa posición de mando, porque algún día foron quen de acreditar unha axeitada capacidade de xestión ou cando menos destacaron como bos profesionais.

Luís Huete, profesor de IESE Business School, vai aínda máis lonxe nas súas apreciacións ao afirmar que cando menos o 5% dos xefes/as, mandos ou responsables organizativos son, directamente, sociópatas. Xefes/as ou responsables absolutamente tóxicos para os traballadores/as e as súas organizacións, que fan un enorme dano non só ao talento e ao compromiso co traballo, senón á calidade e o benestar humano dos seus equipos. Afirma o profesor, que ao seu entender, unha persoa que traballa nunha contorna laboral tóxica pode perder a resultas da mesma ata  10 anos de vida.

Mais o manual do mal xefe/a inclúe outros importantes e perxudiciais defectos, destacando entre eles a “indefinición á hora de marcar obxectivos”, “non escoitar aos demais”, “colgarse medallas”, “incumprir o prometido”, “non recoñecer un bo traballo”, “cambiar moito de opinión” ou “sobrecargar xornadas de traballo” coa maior das insensibilidades polo benestar psicosocial dos traballadores/as.

Non hai nada máis decepcionante que un xefe/a que non defende o seu equipo. A todo o seu equipo. Non saber estar a altura das circunstancias nun momento delicado e traspasar continuamente a fronteira do razoablemente esixible, remata por establecer unha liña de non retorno sen volta atrás que produce que os traballadores/as perdan o respecto por un xefe/a no que non confían. Malas formas, despotismo, falta de ética, trato desigual dos traballadores/as ou falta de coñecemento e liderado na toma de decisións, rematan por minar extraordinariamente a calidade das relacións humanas imprescindibles para traballar nun entorno minimamente aceptable

Sen dúbida algunha estes anos de extraordinaria penuria laboral están a provocar que moitos traballadores/as aguanten carros e carretas, que agachen a cabeza ante o pobre pero efectivo argumento de “se non che gusta, sabes onde está a porta”. Son moitos os expertos que auguran que esta situación non tardará en cambiar. Moitos traballadores/as están hoxe onde están porque necesitan o traballo para subsistir, mais é moi posible que cando mellore a situación marchen ou, o que é pior, se queden na súa empresa ou organización “dando o xusto e imprescindible”.


Ao noso entender son milleiros os traballadores e traballadoras chamados a encabezar unha revolución polo benestar laboral, fronte as tropelías de xefecillos/as incompetentes de ordeo e mando, con poucas capacidades e cualificación e aínda menos calidade humana. As novas xeracións son cada vez máis esixentes e non teñen nin medo ao xefe/a nin pelos na lingua. Esperemos que a cidadanía no seu conxunto e as clases traballadoras en particular, antes que despois nos poñamos en marcha para poñer coto e solucionar tanta ignominia e inxustiza sociolaboral.

Convocatoria de reunión ordinaria do Comité de Empresa

Coma sempre, lembrámosvos que se algún compañeiro ou compañeira ten especial interese en que algún tema laboral sexa tratado no Comité de Empresa de cara a tomar algunha decisión e transmitirllo ao goberno municipal, pode falar con calquera dos delegados da Sección sindical da CIG.

13/01/17

13 de xaneiro e o Concello segue sen realizar a convocatoria de axudas sociais de 2016, cuxo prazo finalizou no pasado novembro segundo as bases vixentes

Poucos anos tardou o Concello de Betanzos en "volver ás andadas" co tema das axudas sociais, logo duns anos de problemas e de que parecía que este tema estaba "estabilizado", que non solucionado, porque o goberno do PSOE leva cinco anos negándose a negociar unha bases máis xustas, o Concello volve ás andadas e a 13 de xaneiro ten sen convocar unhas axudas que tradicionalmente se convocaban en decembro a pesar de que as bases vixentes do ano 2001 (a actualización non é unha característica desta Administración local) indicaban que a solicitude se presentaría nos once primeiros meses do ano.

Demostra, unha vez máis, con este tema, o goberno de Ramón García que todo o que teña a ver con temas económicos do persoal non é para nada unha prioridade para o goberno municipal socialista e aos feitos nos remitimos:

-Novo convenio: cinco anos e aínda non entrou en vigor, salarios do persoal laboral conxelados desde o ano 2006.

-Indemnizacións por asistencia a tribunal: nin se cheiran a pesar de que lle corresponden ao persoal por lei, mais canto máis se demore o pagamento máis cartos aforra o Concello. Non se cobran desde que o goberno socialista entrou no goberno.

-Axudas sociais: paralizadas non sabemos ata cando e con contías conxeladas desde o ano 2001.

-Relación de Postos de Traballo: complementos específicos conxelados desde o ano 2008.

O que resulta incrible no caso das axudas sociais especialmente é que sen cambiar unhas bases vixentes desde hai 15 anos se aleguen problemas administrativos para a súa convocatoria. O que está claro é que aquí nunca cambia nada se é para beneficio do persoal, os feitos demostran que parece que sempre cambia en detrimento dos traballadores. 

O Comité de Empresa xa realizou varias solicitudes nesta liña e segue sen resposta porque outra máxima desta Administración local é a non resposta ao que entra por rexistro, CANDO A ADMINISTRACIÓN TEN A OBRIGA DE RESPONDER E O SILENCIO DEBE SER A EXCEPCIÓN, NON A REGRA.

Na vindeira semana, agardamos ter máis información sobre este tema, e seguiremos informando puntualmente.

Aí vai unha pequena escolma de novas relacionadas con anteriores convocatorias de axudas sociais.

Novo horizonte: a loita por un reparto das axudas sociais máis xusto









11/01/17

A CIG inicia o reparto de material informativo da campaña para a recuperación de dereitos laborais e sociais A

A CIG inicia o reparto de material informativo da campaña para recuperar dereitos laborais e sociais

Editou milleiros de panfletos, volantinas e documentos de análise sobre as pensións
A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de iniciar o reparto do material informativo que fai parte da campaña para a recuperación dos dereitos laborais e sociais perdidos nos últimos anos. A central editou milleiros de panfletos e volantinas para explicar os detalles da iniciativa e un documento de análise sobre as pensións que serán distibuídos nos centros de traballo e na rúas.

A CIG xa comezou coa distribución do material informativo que fai parte da campaña de concienciación, acumulación de forzas e mobilizacións que vén de poñer en marcha co obxectivo de recuperar os dereitos laborais e sociais perdidos nos últimos anos.
Os representantes do sindicato repartirán nos vindeiros días por boa parte dos centros de traballo e das rúas de todo o país milleiros de panfletos e volantinas explicando a iniciativa e de documentos de análise sobre as pensións nos que se desenvolven as propostas e alternativas da central ao respecto.

Manifestación nacional en Santiago

Con esta campaña informativa preténdese tamén chamar ao conxunto da clase traballadora a participar na manifestación nacional que terá lugar en Santiago o sábado 28 de xaneiro en defensa do sistema público de pensións. A marcha, coa que se dará inicio ás mobilizacións previstas na campaña pola recuperación de dereitos laborais e sociais, partirá da Alameda ás 12.00 horas.

Ademais, no marco desta campaña tamén están previstas concentracións comarcais o 15 de febreiro e mobilizacións o 10 de marzo, sen descartar a convocatoria dunha folga xeral cara aos meses de abril ou maio no caso de que tras a posta en marcha desta iniciativa de concienciación e de acumulación de forzas non se aproban no Congreso español medidas que permitan a recuperación de dereitos perdidos.


Campaña «Traballos saudables» 2018-2019

EU-OSHA

A campaña que promove a Axencia Europea para o bienio 2018-2019 estará adicada ás sustancias perigosas co fin de incrementar a sensibilización e promover unha cultura de prevención nos lugares de traballo de toda a UE, centrando a atención en grupos específicos de traballadores e traballadoras.
Os obxectivos da campaña son os seguintes:- Aumentar a sensibilización sobre a importancia de previr os riscos que presentan as sustancias perigosas.
- Fomentar a avaliación de riscos mediante a provisión de información sobre ferramentas prácticas e a creación de oportunidades para compartir boas prácticas, centrándose en:
  *eliminación e substitución das sustancias perigosas no lugar de traballo
 *xerarquía das medidas de prevención, de modo que se escolla sempre o tipo de medida máis eficaz).
- Redobrar a sensibilización sobre os riscos relacionados coa exposición a axentes carcinógenos no traballo.
- Centrar a atención nos grupos de traballadores/as vulnerables, entre os que se atopan mulleres, traballadores/as migrantes, mozos/as, traballadores/as con maior risco debido ao sector ao que pertencen ou ao traballo que desenvolven, traballadores/as temporais e traballadores/as da economía informal.
- Aumentar o coñecemento sobre o marco lexislativo que se aplica para protexer a traballadores/as.

 Máis info en www.cigsaudelaboral

Sentenzas

Dan a razón á empresa no caso dun traballador que non tivo en conta as medidas preventivas estabelecidas

Sentenza

O Tribunal Supremo estima o recurso de casación presentado contra sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León polos feitos ocorridos en 2011 na localidade de Villalmanzo (Burgos) e que condenaba a unha empresa eléctrica e á compañía aseguradora a abonar unha indemnización a un traballador que sufriu un accidente laboral; na sentenza do Tribunal Supremo se indica que correspondía a este empregado tomar as medidas de seguridade axeitadas, que foran facilitadas pola compañía, para realizar o desmonte dun tendido eléctrico.
Segundo se indica na sentenza o empregado, que caeu dunha altura de dez metros mentras realizaba traballos relacionados coa desconexión do trenzado eléctrico, recibira formación sobre prevención de riscos que incluía o traballo en altura, tiña o coñecemento necesario para levar a cabo o seu labor e os medios axeitados que non empregou, realizando o ascenso por medio dunha escada que un compañeiro suxeitaba pola base.

Así, se indica que "acreditado que existía tanto a información necesaria achega do modo de levar a cabo a operación de desmonte como os medios adecuados para cumprir co plan, non existe razón para que a conduta dos dous traballadores non seguisen as prescricións indicadas e ademais prescindisen dos medios ao seu alcance polo que, non cabe establecer a relación causa-efecto", polo que se exime á empresa de responsabilidade no accidente ocorrido.

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.

Demasiados temas de persoal pendentes para comezar o ano

Nos pasados días os representantes do Comité de Empresa solicitaron unha reunión co concelleiro de Persoal para preguntar por moitos temas que están pendentes e sobre os que o persoal quere información. Na solicitude de reunión rexistrada o pasado martes recóllense, en concreto, os seguintes:

-Situación de falta de persoal da Escola Infantil Municipal.
-Situación do servizo de limpeza municipal
-Tramitación do convenio colectivo
-Horas extraordinarias 
-Información sobre os criterios das prórrogas dos contratos 
-Información sobre a paralización da convocatoria das axudas sociais do ano 2016
-Horarios e permisos para 2017
-Temas de seguridade e saúde laboral
-Indemnizacións por asistencia a tribunais
-Recoñecementos de antigüidade pendentes
-Estado do proceso de contratación da empresa para a elaboración da RPT e Plan de Emprego 
-Orzamentos 2017.

A CIG vese na obriga de volver á Inspección de Traballo por un tema de seguridade e saúde laboral

O Concello de Betanzos ten moitas materias pendentes, mais unha das máis grandes é a seguridade e saúde laboral. De feito, ata que a CIG tivo representación neste Concello descoñecemos que sequera se chegase a constituír o Comité de Seguridade e Saúde, facendo caso omiso á Lei 31/95 de prevención de riscos laboral (total... que son vinte anos para cumprir unha lei!).

O funcionamento do Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos é bastante anormal desde o punto de vista dun Concello que parece que pasa por alí, que non vai con el a cousa nin é responsabilidade súa, e unha mutua que funciona pesimamente máis coa que a Administración non rompe relacións por un motivo descoñecido para nós. A mutua contratada pola Administración debe responder e cumprir o contrato (que tamén descoñecemos)  mais as queixas do persoal e a súa ineficacia non seu funcionamento son unha constante. Sen ir máis lonxe os delegados de prevención solicitamos hai meses información tan básica como os itinerarios de vixilancia de saúde do persoal que ninguén é quen de achegar a pesar de que tanto a mutua como o Concello din que non hai problema ningún.

Na última reunión do Comité de Seguridade e Saúde tamén se pediu algo tan básico como a documentación e certificación con conformidade de todos os equipos de traballo que se están a utilizar. Simplemente os papeis que acrediten que os equipos que manexa o persoal teñen todo en orde, e a día de hoxe aquí ou non existe nada ou o gardan e protexen por algún motivo que tamén descoñecemos.

A maiores, outro tema que nos ten preocupados aos delegados de prevención da CIG son os Plans de evacuación dos distintos edificios municipais, dos que solicitamos información e documentación na última reunión e sobre o que seguimos á espera. Tendo en conta a gravidade da situación, que no ano 2017 os delegados de prevención do Concello de Betanzos non teñamos os Plans de emerxencia dos distintos edificios municipais, desde a CIG decidimos comezar unha cadea de denuncias para que o Concello facilite a documentación destes plans dos diferentes edificios porque non só está en xogo a seguridade dos compañeiros e compañeiras, tamén o está a da cidadanía que acude a diario ás distintas dependencias municipais, e consideramos gravísimo que o Concello non só non lle dea prioridade a esta cuestión, senón que nin sequera lle dea a importancia que ten.

O camiño das denuncias na Inspección de Traballo nunca é agradable, mais sempre que o Concello non nos dea alternativa velaremos por aquelas cuestións que consideramos que deben ser coñecidas polas autoridades competentes para que insten ao Concello de Betanzos a solucionar as deficiencias existentes.