Deixámosvos o Acordo regulador das condicións laborais do persoal funcionario do Concello de Betanzos. Entendemos que nos próximos días se publicará o Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos.
31/03/17
30/03/17
Real Decreto 231/2017, do 10 de marzo, polo que se regula o establecemento dun sistema de redución das cotizacións por continxencias profesionais ás empresas que diminuísen de maneira considerable a sinistralidade laboral.
LEXISLACIÓN ESPECÍFICA ACCIDENTES DE
TRABALLO E ENFERMIDADES PROFESIONAIS
Real Decreto 231/2017, do 10 de marzo,
polo que se regula o establecemento dun sistema de redución das
cotizacións por continxencias profesionais ás empresas que
diminuísen de maneira considerable a sinistralidade laboral.
Real Decreto 231/2017, do 10 de
marzo, polo que se regula o establecemento dun sistema de
redución das cotizacións por continxencias profesionais ás
empresas que diminuísen de maneira considerable a sinistralidade
laboral.
A CIG non asina o Acordo en materia de Emprego Público na Mesa Xeral das AAPP en Madrid
Considera inadmisíbel que o documento
se presente publicamente, en foto con Montoro, antes de pasar pola
Mesa de negociación
Nestes últimos días asistimos a unha
serie de informacións (tanto en prensa como en notas informativas)
relativas ás propostas que se estaban a debater nos grupos de
traballo da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas,
Ministerio de Facenda e Función Pública, e que fan referencia a
distintas materias a incluír no Anteproxecto de Lei de Orzamentos do
Estado que aprobará o Consello de Ministros a finais deste mes de
marzo; e que teñen que ver co Emprego Público, o incremento
retributivo e a posible recuperación de dereitos laborais.
Para o día 29/03/2017 estaba anunciada
xuntanza da Mesa de Negociación das Administracións Públicas en
Madrid da que somos parte. Dende a CIG manifestamos o seguinte:
En primeiro lugar é imprescindible
derrogar moitos dos Reales Decretos-Lei que se nos veñen impoñendo
ao persoal das administracións públicas dende o ano 2010,
entre outros: RD-Lei 8/2010, polo que se adoptan medidas
extraordinarias para a redución do déficit público; RD-Lei
20/2011, de medidas urxentes en materia orzamentaria e tributaria
para a corrección do déficit público, RD-Lei 20/2012, de medidas
para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da
competitividade e todos aqueles Decretos-Leis e Leis que
foron impostos polo goberno español relativos a reformas laborais,
reforma negociación colectiva, modificacións das pensións... etc.
e proceder a restitución de todos os dereitos laborais e
salariais (horarios, pagas extras, salarios, 100% do salario en
situación de IT, fondo social...) que lle foron arrebatados ao
persoal empregado público desde o ano 2010. Para a CIG este tiña
que ser o punto de partida para falar realmente de unha negociación
e poder chegar a acordos coa Administración .
Non se poden separar emprego público e
redución do emprego temporal do contido que terá o proxecto de Lei
de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2017 en canto a
condicións laborais, económicas e demáis do persoal das
Admóns Públicas. Ambas cousas van unidas.
Os contidos desa Mesa Xeral serán:
En materia de Emprego Público anúnciase
unha mellora nas condicións da Oferta de Emprego, pola vía de
ampliar os sectores prioritarios que terán unha reposición de
efectivos do 100%, ademais incluirase un plan de estabilización de
emprego, que permita a redución das altísimas taxas de
temporalidade existentes na actualidade.
Estas medidas, con ser necesarias e
consideralas un avance, non solucionan o problema de falta de persoal
nin deteñen a dinámica de destrución de emprego público imposto
como consecuencia dos plans de redución de gasto; en todo caso
estase a falar de postos de traballo que xa están ocupados na
actualidade, nuns casos por persoal temporal ou interino, que se
incluirán no plan de estabilización e noutros casos de postos
ocupados por persoal fixo que, naqueles sectores considerados
prioritarios, substituirase por persoal de novo ingreso nos supostos
de xubilación.
Continúase coas limitacións
normativas impostas as Administracións Públicas que ao
impedir o incremento da masa salarial , así como limitar a
incorporación de efectivos terán unha vez máis unha directa
repercusión sobre a xestión dos recursos humanos. Esa taxa xeral de
reposición do 50% para o resto dos sectores que non se consideran
prioritarios, e ese 100% para os esenciais xa determina que a
situación vai a ser de diminución de efectivos nas
administracións públicas. Por tanto consideramos dende a CIG
que non se debe de impoñer taxa de reposición , máxime cando
durante estes últimos anos se produciron taxas reducidas con
consecuencias nefastas para os cadros de persoal e para a calidade
dos servizos públicos. Solicitamos tamén a transferencia ás CCAA
de todo o relativo á materia de emprego público dentro do seu
ámbito. Debe de corresponderlle ás CCAA a planificación e
ordenación das súas ofertas de emprego público.
Os procesos de estabilización de
emprego deben ser negociados nos seus respectivos ámbitos, incluíndo
o sistema de acceso.
En materia retributiva, proponse un
incremento do 1% do conxunto das retribucións que suporá abondar na
rebaixa salarial e a perda de poder adquisitivo iniciada no ano 2010.
Nin que dicir ten que esta medida é
inaceptable nun contexto de incremento de prezos e produto interior
bruto por enriba do 3%.
En canto a recuperación de dereitos,
nada de nada; nin os que teñen que ver cos descontos por
Incapacidade Temporal, nin os recortes nos fondos de Acción Social,
nin a actualización dos importes das pagas extraordinarias, nin a
reposición dos efectivos perdidos durante os anos de ausencia de
oferta de emprego.
Outro compromiso anunciado será o de
abrir procesos de negociación para tratar materias relativas a
Igualdade e Violencia de Xénero, Mutualismo Administrativo,
Implantación Administración Dixital e Formación; para tratar todas
estas materias xa temos mesas de negociación que, durante a anterior
lexislatura, estiveron en parálise permanente xa que, a pesares das
demandas sindicais, o Goberno español negouse a negociar calquera
medida.
Analizado o conxunto das propostas,
somos da opinión de que, a pesares da anunciada melloría da
situación económica no Estado, non se reverte a dinámica dos
últimos anos, na que se estivo recortando en dereitos e condicións
de traballo do persoal ao servizo das Administracións Públicas para
os axustes de gasto que reduzan o déficit orzamentario; e tendo
remitido dende CIG propostas de cara a recuperación de emprego
público así como para recuperación de dereitos laborais e sociais
para o persoal ao servizo das Administracións Públicas que non
foron tidas en conta en ningún momento, é polo que non podemos
dar a nosa aprobación a estas medidas.
28/03/17
O Concello acepta as suxestións da CIG ao Regulamento de Réxime Interno da Escola Municipal de Folclore
O Concello logo de anos sen responder aos escritos rexistrados pola Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos vén de responder ás alegacións presentadas pola CIG o pasado 7 de decembro. O secretario municipal informa á Sección sindical de que o 28/03/2017 o alcalde ditou o seguinte acto "Aceptación de suxestións ao regulamento de réxime interno da Escola Municipal de Folclore do Concello de Betanzos".
O Concello acepta pois, as suxestións relacionadas coa non inclusión de cuestións que son obxecto negociación e que fan referencia á Relación de Postos de Traballo e o convenio colectivo e que deben ser reguladas ao abeiro dos instrumentos correspondentes e non dun regulamento de funcionamento. Desde a Sección sindical alegrámonos desta boa nova porque o Concello parece que demostra unha nova etapa onde os instrumentos para a negociación das condicións laborais serán os habilitados para, tal e como debe ser, tratar en igualdade de condicións para todo o persoal.
27/03/17
Resumo da reunión de presentación da empresa da RPT
O pasado 21 de marzo tivo lugar unha reunión de presentación da empresa que vai elaborar a Relación de Postos de Traballo á que foi convocado todo o persoal que ten conta de correo electrónico do Concello de Betanzos.
Antes da devandita reunión o Comité de Empresa rexistrou unha queixa pola non comunicación desta reunión ao persoal que non tiña conta de correo electrónico e solicitoulle que axilizase a creación de contas para que a información de temas laborais se distribúa en igualdade de condicións entre todos o persoal municipal. De feito, algúns compañeiros nos amosaron o seu malestar ao día despois, cando souberon que houbo tal reunión e o Concello non os convocara, como ao resto.
En todo caso, e para información xeral do persoal, resumimos os temas tratados na reunión do pasado 21 de marzo de 2017.
O concelleiro de Persoal presentou á empresa mercantil Quorum Económico S.L., unha mercantil que traballará no Concello de Betanzos da man de Francisco Ferreira Seaone, profesor da USC. En primeiro lugar o Concello presentoulle á empresa a situación co convenio colectivo do persoal laboral para a súa futura aplicación unha vez que entre en vigor. Así mesmo, sinalou que as indicacións para a elaboración da empresa da Relación de Postos de Traballo foron que esta fose novidosa, rupturista e moderna, que non fose unha copia da actual, senón que partise de 0 coa premisa de que se inclúan todos os postos existentes na actualidade.
Na explicación indicaron que o traballo de elaboración da RPT sería para un instrumento de ordenación interna e valoración técnica dos postos de traballo, mais sempre no marco dun proceso negociado. Todos os postos serán obxecto dunha entrevista e estas comezan mañá e terán lugar os martes, nas entrevistas os traballadores e traballadoras poderán falar sobre as súas funcións, así como propostas de mellora.
A Xunta comunica que procederá á inscrición do convenio e á súa publicación
O pasado 22 de marzo os representantes dos traballadores e traballadoras do Concello de Betanzos que formaron parte da negociación do Convenio colectivo do persoal laboral e do Acordo regulador do persoal funcionario recibiron unha notificación do Rexistro de Convenios Colectivos e Mapa de Negociación colectiva que informaba de que no Departamento de Persoal había unha comunicación con respecto a estes dous documentos.
Así mesmo, o propio concelleiro de Persoal, chamou á representante do Comité de Empres e informouna de que a Xunta dera luz verde ao convenio e continuaba o procedemento. Na comunicación correspondente informaba de que procede ao seu rexistro e posterior publicacións, polo que na actualidade estamos pendentes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
No momento en que o documento sexa publicado entrará en vigor. Deixámosvos, unha vez máis aquí o próximo Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos, para a vosa consulta:
Considerado accidente laboral o acontecido ao voltar de levar aos compañeiros de traballo a casa
Considerado
accidente laboral o acontecido ao voltar de levar aos compañeiros de
traballo a casa
O
Tribunal Supremo considerou que se trata dun accidente de traballo in
itinere o sinistro no que faleceu un traballador logo de achegar ás
súas casas a dous compañeiros de traballo ao finalizar a xornada
laboral. Tanto a mutua coa que a empresa tiña contratada a cobertura
de accidente de traballo como a Seguridade Social negaron á familia
do traballador as prestacións previstas para o caso de accidente
laboral. A familia acudiu aos tribunais, que tampouco lles deron a
razón.
O
Tribunal Supremo aceptou o recurso e corrixiu ao Tribunal Superior de
Xustiza de Andalucía indicando que "Os feitos probados
acreditan que a finalidade principal da viaxe durante o cal falece
ten claro carácter laboral. Aínda que podería regresar ao seu
domicilio de maneira directa, o desvío é para deixar nos seus
respectivos domicilios a dous compañeiros de traballo", di o
Supremo.A única dúbida prodúcese respecto ao factor cronolóxico
pois o peche da empresa produciuse ás 18.30 horas e o accidente ás
19.40, o que resulta un tempo excesivo para os traxectos que realizou
o traballador, o que indica que se entretivo cos compañeiros de
traballo antes de despedirse. Con todo, o Tribunal Supremo establece
que "o feito de que o traballador empregase algo de tempo nunha
despedida ou charla con comentarios cos compañeiros (...) non rompe
a conexión laboral". "Ese período de tempo é parte do
que corresponde á súa propia viaxe de volta a casa", engade o
Supremo antes de concluír que o fatal accidente ocorreu na
continuación do desprazamento cara á súa casa, polo que pode
cualificarse como in itinere.
Máis info en www.cigsaudelaboral.org
Actuación ante un dano da saúde sufrido no traballo
Ante
o cada vez maior numero de consultas recibidas pola CIG ao respecto
deste asunto consideramos conveniente poñer en coñecemento de todo o
persoal empregado publico cales deben ser as actuacións a
seguir en caso de danos a saúde.
E
tendo en conta que aínda que no ano 2016 se desacelerou a tendencia
crecente en canto a valores absolutos no numero de accidentes de
traballo nos últimos 6 anos, o numero de persoas sinistradas en
relación as expostas aumentou, así como tamén aumentou en
relación as horas traballadas, e do mesmo xeito produciuse
un incremento no tempo de duración das baixas por accidente en
relación as xornadas perdidas e ao numero de accidentes.
Todo
isto fai que sexa necesario incrementar cualitativa e
cuantitativamente os esforzos en materia de prevención, de aí
que sexa necesario que todo o persoal empregado publico teña
coñecemento de cales son os protocolos e procedementos básicos a
seguir no caso de accidentes de traballo.
Que
é un accidente laboral?
Toda
alteración da saúde que se manifeste durante a xornada de traballo,
trátase dunha alteración derivada do traballo. (Art. 115 LGSS)
- Accidente de traballo: Accidentes producidos con ocasión das tarefas desenvolvidas aínda que sexan distintas das habituais, sexan encomendadas pola empresa ou realizadas polo traballador/a en interese do bo funcionamento da empresa. (Art. 115.2c LGSS).
- Accidente “In itinere”: aquel que sofre o traballador/a o ir o traballo ou ó volver deste. Non existe limitación horaria. (Art. 115.2d LGSS)
- Accidente en misión: Son aqueles sufridos polo traballador/a no traxecto que teña que realizar para o cumprimento da misión, así como tamén o acontecido para o desenvolvemento da mesma dentro da xornada laboral.
Actuación
en caso de accidente
- É importante que en canto sufras unha alteración da saúde durante a xornada de traballo, avises ao departamento de persoal, onde se solicitará o talón de asistencia e acudas ás instalacións médicas da Mutua. Se fose posible contarase con algún compañeiro/a de testemuña.
- Asistencia médica: A persoa accidentada será atendida no centro asistencial e obterá un parte onde se indicará o tipo de dano: accidente de traballo, enfermidade profesional ou enfermidade común e se procede a baixa médica ou non.
- Se o persoal médico da Mutua diagnóstica a túa doenza como enfermidade común e a deriva ó medico de cabeceira, reclama que che proporcione por escrito o motivo (son eles os que teñen que demostrar que non é de carácter laboral).
- Se non estás conforme co diagnóstico, esíxelles unha folla de reclamacións da Mutua e o mesmo tempo presenta unha queixa ante a Oficina Virtual de Reclamacións, vía Internet.
- En segundo lugar presenta unha reclamación pola determinación de continxencias, se recibimos a baixa do médico da Seguridade Social, reclamación que se presentará ante o INSS, no formulario que ten previsto para estes supostos, aportando a documentación que teñas que poida axudar a concretar dita demanda.
- Aínda sendo correcta a atención da Mutua durante o proceso de baixa médica, na maior parte dos casos forzan a alta, tramitándoa por melloría e non por curación. (Comprobar no parte de baixa).
- No caso de que o noso estado tras unha alta por melloría nos impida ou diminúa a nosa capacidade para desenvolver o traballo habitual, debemos informar aos nosos delegados/as de prevención, Comité, Xunta de Persoal, ou ao delegado/a do sindicato da Comarca para que nos axude na elaboración e presentación dun escrito solicitando cambio de posto ata a total recuperación. O Artigo 25 da LPRL contempla unha protección especial, entre outros, a traballadores vulnerables por convalecencia ou por estar sometidos a determinados tratamentos médicos invalidantes para algunhas tarefas do seu posto de traballo habitual, a través deste recurso legal podemos protexérmonos durante os procesos de incorporación ó traballo habitual.
Máis info en http://autonomica.cigadmon.gal
21/03/17
O Comité de Empresa solicítalle ao Concello que axilice a creación de contas de correo electrónico para o persoal do Concello para que a información de temas laborais se distribúa en igualdade de condicións entre todo o persoal municipal
Nos últimos meses o Concello vén informando a través das contas de
correo electrónico da Deputación da Coruña de diversa información
de temas relativos ao persoal, como as convocatorias da Comisións
creadas neste ano 2017, unha delas de reestruturación de persoal e
recentemente vén de convocar a todo o persoal con conta de correo
electrónico oficial a unha reunión para o martes 21 de marzo para
que asistan os traballadores e traballadoras interesadas para
presentar ao equipo que está traballando na elaboración da RPT.
Unha parte do persoal laboral, nomeadamente o vinculado a servizos,
non conta con correo electrónico do Concello, e, por tanto, non
recibe esta información en igualdade de condicións que o resto de
compañeiros e compañeiras. O Concello unicamente envía esta información por correo
electrónico, polo que está privando a unha parte do persoal de
información que lle afecta, á vez que o discrimina na distribución
de información con respecto ao resto do persoal.
Así mesmo, non todo o persoal conta cun ordenador no seu posto de
traballo nin o Concello ten ningún habilitado para que o persoal
poida consultar este tipo de información. A maiores, na actualidade, para poder solicitar actividades
formativas para o persoal dos concellos, como é o caso das da
Deputación da Coruña é imprescible que o persoal municipal conte
cunha conta de correo electrónico da Deputación da Coruña.
Debido a todo isto o Comité de Empresa solicitoulle ao Concello o seguinte:
PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos cree coa maior brevidade posible as
contas de correo electrónico do persoal que na actualidade non
conta con ela de cara a que poida ser informado en igualdade de
condicións que o resto de traballadores e traballadoras de todas as
novidades relativas ao persoal que lle afectan. Así mesmo, que no
momento de creación destas habilite un punto de consulta para o
persoal, tanto para as convocatorias como a que vén de realizar
como para poder realizar a inscrición na formación que así o
requira.
SEGUNDO. Que mentres non crea estas contas utilice as vías de
comunicación tradicional, nomeadamente co persoal que non ten conta
de correo electrónico nin acceso a un ordenador, de cara a garantir
a igualdade de información entre todos os traballadores e
traballadoras deste Concello.
TERCEIRO. Que o Concello convoque as reunións de persoal nun horario no
que poida asistir a maior parte do persoal municipal, xa que no
horario convocado para o 21 de marzo, as dúas da tarde, hai persoal
ao que lle resulta imposible asistir porque non pode deixar o
servizo descuberto, como é o caso do persoal da Escola Infantil
Municipal ou persoal auxiliar de axuda no fogar.
A Sección sindical da CIG rexistra unha queixa pola carga de traballo adicional que está supoñendo a non cobertura dun posto de conserxe
A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos vén de rexistrar unha queixa polo aumento de carga de traballo ao persoal técnico que programa actividades debido á non cobertura do posto de conserxe do Liceo.
A central sindical vén de instar ao Concello de Betanzos o seguinte:
PRIMEIRO.
Que
cubra con carácter urxente e mediante os procedementos adecuados, o
posto mencionado que na Relación de Postos de Traballo é o número
114, así como todos os postos non cubertos necesarios para o
correcto funcionamento desta Administración local.
SEGUNDO.
Que o Concello deixe de botar man do persoal técnico das distintas
áreas que programan actividades para facer funcións propias das
conserxarías e/ou persoal técnico de sala, funcións que non lle
corresponden e, que, ademais, en diversas ocasións se realizan fóra
da xornada laboral reflectida nos seus contratos en vigor.
TERCEIRO.
Que o Concello asigne persoal encargado de todas as salas nas que
prevé levar a cabo calquera tipo de programación.
CUARTO.
Que o Concello incorpore novos postos, como é o caso mencionado, e
outros que estes sindicato propuxo na Mesa Xeral de Negociación
correspondente, ao catálogo de postos dos que se vai crear unha
listaxe de substitucións proximemente.
QUINTO.
Que o Concello de Betanzos teña por interposta esta queixa e tome as
medidas oportunas de cara a solucionar de inmediato a situación
descrita e atallar os problemas mencionados.
Esta queixa vén de rexistrarse pola problemática que está a sufrir o persoal técnico que programa actividades de diverso tipo na Aula Municipal de Cultura Xulio Cuns, o Salón Azul, a Sala de Exposicións e a Sala de Usos Múltiples do edificio Liceo e o Cine Alfonsetti. Na exposición de motivos da queixa faise referencia a que desde a xubilación do traballador cuxo posto de corresponde co 114 na actual Relación de Postos de Traballo e cuxas funcións son as seguintes: “información xeral, apertura e peche do local, control de visitas, entradas e saídas, control de dependencias, avisos de mantemento, atención actuacións, reunións e exposicións nas salas do Liceo”, esas funcións veñen sendo asumidas de xeito repetido por persoal técnico de diversas áreas que fai uso dos locais sinalados e que inviste o seu tempo de traballo en realizar funcións que non lle son propias mentres o traballo propio do seu posto queda atrasado.
A maiores, lembrámoslle ao Concello que unha parte deste persoal programa fóra do horario laboral que estipula o seu contrato, porque estamos falando na inmensa maioría dos casos de persoal laboral, e non cobra no complemento específico ningún tipo de distorsión horaria, por tanto realiza como horas extraordinarios traballos que non son extraordinarios posto que están planificados con antelación.
Tamén lle lembrou ao goberno municipal que esta problemática xa se daba con anterioridade á devandita xubilación no Cine Alfonsetti, cuxas funcións de conserxaría xa foran asumidas anteriormente por persoal técnico, e que o Concello debería ter persoal responsable de todas as salas nas que considera oportuno facer programación. Así mesmo, que esta situación se transmitira como temporal mais dous meses despois segue sen solución, de aí que se decidise levar a cabo esta queixa.
Primeira reclamación xudicial polas indemnizacións de asistencia a tribunais
Nos vindeiros días desde a Asesoría xurídica da CIG presentarase a primeira demanda ao Concello de Betanzos pola reclamación das indemnizacións por asistencia aos membros dos tribunais dos procesos selectivos.
O goberno municipal do PSOE, desde que entrou a gobernar hai seis anos, vén vulnerando de xeito sistemático este dereito dos traballadores e traballadoras que forman parte dos tribunais dos procesos selectivos, e cuxas indeminizacións veñen reguladas polo Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razóns de servizo e onde se recollen expresamente as indeminzacións que lle debe pagar tanto a vogais, como presidentes e secretarios nomeados para o efecto.
O máis vergoñento desta problemática é que o concelleiro de Persoal, Diego Fernández leva anos dicíndolle aos representantes dos traballadores que esta cuestión se vai solucionar mentres o tempo pasa e ningún traballador percibe nin unha soa indemnización. A maiores, hai pouco menos dun ano o propio Departamento de Persoal comunicou que se solicitaran por escrito as indemnizacións porque mesmo se pagarían con carácter retroactivo e nunca máis se soubo nada.
Resulta lamentable, por outra banda, que os traballadores teñan que acudir ao xulgado para solicitar unhas indemnizacións que lle corresponden por lei, porque ata onde sabemos os informes existentes recoñecen que se deben pagar estas indemnizacións. Así mesmo, que quen quere efectuar a reclamación pedise por rexistro as actas dos tribunais para xustificar a súa asistencia e o Concello non fose quen de entregarlle unha copia e teña que ser o xulgado que llas vaia requirir á Administración local.
Anúlase un contrato temporal do Concello de Vedra por incumprir requisitos legais
A CIG impugnará a
privatización do servizo de axuda a domicilio por fundamentarse en
informes falsos.
O Xulgado contencioso
administrativo de Santiago vén de emitir sentenza contra a
resolución do alcalde do Concello de Vedra, que aprobou as bases
reitoras para a cobertura dunha praza de técnico-axente laboral
temporal, declarando a súa “ineficacia”, por non terse publicado
debidamente. Paulo Rubido, secretario nacional da CIG-Servizos,
anunciou que solicitará a execución da sentenza, a repetición da
convocatoria e que a Deputación requira ao concello a devolución da
subvención. Xunto a isto adiantou a decisión da CIG de impugnar o
acordo do pleno do concello de privatizar o servizo de axuda a
domicilio.
Segundo explicou o
secretario nacional da CIG-Servizos, en rolda de prensa, a CIG tivo
coñecemento das irregularidades que rodeaban a convocatoria desta
praza de carácter temporal a raíz das protestas de persoas que
concorreron á mesma e que denunciaban falta de recoñecemento de
méritos que aportaban, probas de carácter dubidoso, falta de
publicidade e que mesmo chegaron a asegurar que xa se sabía cal ía
ser a persoa que cubriría a praza.
“Unha vez
recibida esa información comprobamos as bases da convocatoria e que
carecía dos requisitos mínimos de publicidade e, polo tanto, de
igualdade e que incumpría o establecido legalmente mesmo para as
prazas de carácter temporal”, indicou Rubido quen considerou que
por parte dos concellos, moitas veces dá a impresión de que se
considera que as prazas temporais non teñen que ter requisito algún,
“algo absolutamente falso xa que toda praza que se convoca desde a
administración pública ten que seguir uns mínimos criterios”.
De feito lembrou que
durante o xuízo o concello baseou a súa defensa en que a praza xa
rematar e que non tiña sentido seguir coa súa impugnación. “O
xulgado non estimou ese requirimento porque con independencia de que
a praza remate ou non ten que seguir uns mínimos criterios e fallou
a ineficacia da convocatoria na medida en que faltaba os principios
básicos de publicidade e de igualdade”.
A sentenza aínda
non é firme, pero Rubido xa anunciou que a CIG, en canto se
ratifique, solicitará a súa execución coa intención de que se
repita a convocatoria e se volva contratar un/ha axente técnico de
turismo por catro meses, conte o concello de Vedra con subvención ou
non. Ademais entende que a deputación debe requirir do concello que
devolva os cartos por unha execución irregular ao ser anulada a
convocatoria realizada”. Rubido entende que “non pode quedar
nunha reprimenda ao alcalde sen máis consecuencias. Ten que ter un
custo para a administración para que os veciños e veciñas de Vedra
saiban que isto débese a unha mala xestión do alcalde, que se
dedica a dar convocatorias de carácter temporal en condicións
dubidosas”.
Privatización do servizo
de axuda a domicilio
Rubido tamén denunciou
que, no pleno do 30 de xaneiro, o concello de Vedra decidiu
privatizar o servizo de axuda a domicilio, conformado por cinco
traballadoras municipais a tempo completo e coa prestación do resto
de horas de servizo a través dunha empresa privada.
Alén de cuestionar a súa
privatización por considerar que suporía un deterioro da calidade
asistencial e de que ten que ser público, porque vai dirixido
precisamente aos colectivos máis desprotexidos, que son os menores e
os maiores, Rubido asegurou que a decisión adoptada polo PP de
Vedra, que goberna con maioría absoluta, baseouse en “informes
totalmente adulterados” e sinalou que “cando unha decisión
plenaria se fundamenta en informes falsos, erróneos ou que inducen
ao engano, o acordo plenario é considerado nulo”.
O secretario nacional de
CIG-Servizos lembrou que, no decurso dese pleno, o alcalde vendeu esa
privatización como un aforro de preto de 60.000 euros, ao prescindir
das traballadoras propias e trasladalas a unha empresa privada. Porén
a CIG fixo o seu propio informe no que “dun simple cálculo tiramos
que, ou ben as traballadoras do servizo de atención a domicilio de
Vedra gozan de salarios de alto cargo ou senón as contas non dan”.
De feito, as sumas totais
do salario destas traballadoras, segundo o informe da CIG, son 70.000
euros por máis de 6.000 horas ao ano e o contrato que saca o
concello ascende a nin máis nin menos que 1.800.000€ en catro
anos, máis IVE, unha cuarta parte do orzamento municipal do concello
de Vedra.
Advertencia ás empresas
que concorran
Caso de saír adiante a
impugnación, esta sería posterior á adxudicación do servizo
-porque xa está publicado o concurso no BOP e pendente de resolver
na mesa de contratación a finais de abril- e obrigaría ao
concello de Vedra a anular ese contrato , exporse a unha posíbel
reclamación por danos e prexuízos da empresa adxudicataria do
servizo, que ten que depositar un aval, facerse cargo de todas as
traballadoras e subrogalas, ademais de facer un investimento cunha
perspectiva a catro anos. “Se este acordo plenario se bota para
atrás habería que volver todo para atrás provocando un baleiro
legal de consecuencias dificilmente predicibles, un auténtico caos
no servizo”.
Ante esta posibilidade,
no propio pleno, tanto o PSOE como o BNG consideraron que o máis
sensato sería contrastar os informes e revisar as contas. Porén
desbotouse esa posibilidade e agora “cada quen terá que asumir as
consecuencias das decisións que toma porque é un tema dunha
gravidade extraordinaria”.
Por iso Rubido adiantou
que a CIG acudirá á mesa de contratación coa copia da impugnación
para que as empresas que concorran teñan coñecemento da oferta que
está sobre a mesa.
Máis info en http://www.cig.gal/
A EGAP convoca actividades de formación para o persoal das entidades locais
Destinatarios: poderán participar
nestas accións formativas os empregados públicos e as empregadas
públicas ao servizo das entidades locais da Comunidade Autónoma de
Galicia, así como os funcionarios da Administración local con
habilitación de carácter nacional que estean prestando servizos
noutras administracións públicas de Galicia.
Matrícula:
desde as 8 horas do 21 de marzo ata as 14 horas do 30 de marzo
en http://egap.xunta.gal/matricula
Número máximo
de solicitudes para esta convocatoria: cinco
Máis
información no DOG do 20 de marzo
AnuncioO150-130317-0001_gl by cigconcellobetanzos on Scribd
15/03/17
Lembra! Prazo de solicitude das vacacións segundo o convenio colectivo
Segundo o artigo 10 do Convenio
colectivo do persoal laboral en vigor, o Concello de Betanzos debe ter
elaborado o día 1 de abril o plan de vacacións anual correspondente
ao ano 2017 e aínda que, tal e como se indica, "o calendario
anual de vacacións poderá ser modificado con carácter
individualizado, logo solicitude dos interesados, sempre que non
exista oposición, fundamentada en razóns obxectivas do servizo, e
non se afecte a intereses de terceiros", é recomendable
solicitar ao longo deste mes as vacacións en tempo e forma.
A pesar de que neste Concello nunca foi
de coñecemento público o calendario de vacacións e o persoal
tendeu a facer traballo que debería facer o propio Concello
acordando as quendas de traballo nas vacacións estivais o certo é
que deste artigo do Convenio enténdese que temos ata finais de marzo para solicitar as
vacacións.
Para solicitalas lembra que hai un
modelo de documento habilitado para o efecto e que na actualidade
existe un rexistro no Departamento de Persoal, polo cal podes
entregar a túa solicitude directamente alí. Ademais, neste caso, lembra que lexislación indica que o silencio
administrativo con respecto á túa solicitude é dun mes e
interprétase como positivo, é dicir, que se non che responden nese tempo tes
dereito a coller as vacacións do xeito solicitado. Lembra tamén que se tes as vacacións concedidas e recibes unha orde de reincorporación, cousa que lamentablemente acontece especialmente nos servizos con máis asiduidade do que debería, deben facelo mediante unha notificación por escrito, ao igual que os traballadores debemos solicitar as vacacións por escrito, do contrario non consta en ningures esa reincorporación.
Tes o modelo de solicitude das vacacións aquí:
Tes o modelo de solicitude das vacacións aquí:
A CIG solicita a negociación do metodo de valoración da empresa contratada para a elaboración da RPT
O pasado día 14 de marzo a Sección sindical da CIG solicitoulle ao goberno municipal que o Concello convoque aos representantes dos traballadores para negociar o método de valoración da Relación de Postos de Traballo como primeiro paso do camiño cara á negociación do novo documento.
Lembroulle que os representantes dos traballadores non foron convocados como tal para informalos sobre estas cuestións nin se reuniu a Mesa Xeral de Negociación ata o momento a pesar de que segundo consta no portal de contratación do Concello o contrato con Quorum Económico S.L. se asinou o pasado 23 de xaneiro de 2017 cunha duración de dous anos e seis meses.
Así mesmo, indicoulle que este proceso debe ser negociado e consesuado desde o inicio e o
método de valoración dos postos de traballo debe ser obxecto de
negociación. Igualmente, o proceso metodolóxico para a valoración
dos distintos postos de traballo debe ser consensuado cos
representantes dos traballadores e traballadoras deste Concello. e sinaloulle que considera de suma importancia esta parte do proceso, cuxos
resultados poden ser moi diferentes en función dos distintos métodos
de valoración.
As diferentes escalas dos métodos de valoración dan lugar a uns resultados diferentes na valoración dos distintos postos que se manifesta de xeito retributivo nos complementos específicos, de aí que consideremos este tema crucial para comezar unha negociación en condicións.
Solicitude de resolución das axudas sociais
O Comité de Empresa solicítalle ao Concello de Betanzos que urxa a resolución das axudas sociais do ano 2016. Hai que lembrar que o goberno municipal modificou de xeito unilateral e sen a negociación preceptiva a modificación dos prazos, a pesar de que o compromiso do goberno municipal cos traballadores era pagar as axudas no mesmo prazos que en anos anteriores. Este ano, segundo a convocatoria publicada as axudas deberán resolverse no primeiro semestre do ano, mentres que anos anteriores se resolvían no primeiro trimestre, nada cambiou mais si os prazos que dilatan o pagamento deste dereito dos traballadores, porque cando se trata de cartos do persoal o goberno non ten présa ningunha, tal e como demostran os feitos.
13/03/17
A Sección sindical da CIG reiterou o pasado 8 de marzo a solicitude de Comisión paritaria de Igualdade
O pasado 8 de marzo a CIG solicitou de novo por rexistro a constitución da Comisión Paritaria de Igualdade. Ese mesmo día envioulle unha copia da solicitude rexistrada ao concelleiro de Persoal, Diego Fernández, e á concelleira de Muller, María Barral. Así mesmo, enviou unha copia de solicitude á caixa de correo da Igualdade que o Concello ten na súa páxina web.
Así mesmo, lembrámoslle ao Concello que no último Plan de Igualdade do Concello de Betanzos non se
negociou cos representantes dos traballadores nada do relativo á
cuestión laboral, e mesmo o Comité de Empresa solicitou información
en diferentes ocasións no ano 2013 por rexistro sobre a súa
aplicación no ámbito interno laboral do propio Concello, así como
as medidas adoptadas pola Administración para fomentar a igualdade
entre homes e mulleres, e en ningún caso obtivo resposta e que o Concello de Betanzos fai publicidade por distintas vías da súa
programación encamiñada a promocionar a igualdade entre a cidadanía
de xeito especial en datas sinaladas como o 8 de marzo, mais non así,
pola contra implanta políticas de igualdade encamiñadas a eliminar
as deseigualdades na propia Administración local.
Horas extras: novo atraso na entrega da información
Unha vez máis o Concello vulnera o dereito de información dos representantes dos traballadores e traballadoras do persoal labora e obriga ao Comité de Empresa a acudir á Inspección de Traballo para que medie, tal e como tivo que facer a finais do mes pasado e como xa fixo en múltiples ocasións ao longo destes últimos anos. Resulta lamentable que os representantes dos traballadores teñan que acudir continuamente á Inspección para non ver vulnerados os seus dereitos, especialmente o da información que debe ser entregada de xeito mensual, tal e como informou o asesor xurídico do Concello.
Este mesmo mes cúmprense tres meses da solicitude de información sobre as gratificacións do persoal funcionario, que esta Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos solicitou ao abeiro da Lei de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e seguimos sen resposta. Logo deste prazo o silencio administrativo considérase denegación da solicitude, polo que acudiremos a denunciar a vulneración deste dereito ante o Xulgado.
O Concello, que tanto se enche a boca falando da transparencia, practica unha total opacidade cos representantes dos traballadores e con información que os compañeiros de seccións sindicais doutros concellos non teñen ningún problema en acceder. A cuestión é que se non houbese nada que ocultar non deberían vulnerar o dereito de información mais a reiteración desta vulneración e a teima do goberno municipal en non facilitar a información resultan demasiado sospeitosas logo de anos dándolle voltas ao tema.
02/03/17
A CIG chama a participar na manifestación nacional convocada polo feminismo galego o domingo 5 de marzo
A CIG fai un chamamento a participar na
manifestación nacional unitaria convocada, un ano máis, con motivo
da conmemoración do 8 de marzo, polo movemento feminista galego para
o vindeiro domingo día 5 de marzo, que sairá ás 12 horas da Rúa
do Hórreo, diante da estación de tren de Compostela.
A central sindical tamén anima a
arroupar a iniciativa internacional impulsada polas organizacións
feministas para este 8 de marzo de convocar un Paro Internacional de
Mulleres, amosando a nosa solidariedade como central sindical coas
compañeiras de diversos países do mundo que secundarán o paro
convocado para este ano. Simbolicamente pararemos con elas.
Por iso, chamamos a secundar un paro de
media hora e a participar na concentración convocada pola
CIG, ás 11:00 horas, o propio 8 de marzo, diante da Secretaría
Xeral de Igualdade, en Compostela, en solidariedade con Nélida
Pisco, condutora de Autobuses de Calo, porque simboliza as demandas
de todas as mulleres ao representar a meirande parte das
discriminacións que sufrimos no mundo do traballo, tras padecer
durante 8 anos acoso e terrorismo patronal.
De igual xeito, a CIG anima a todas as
mulleres deste país a que fagan un paro de media hora no seu
traballo, no centro educativo no que estuden, na súa casa, que saian
á rúa.
As que non poidan parar que vistan de
negro ou violeta. A que todas inunden as redes sociais cun letreiro
que amose a solidariedade coas mulleres que en moitos países do
mundo van ir á folga, empregando os hashtag: #ParoDeMulleres
#NósParamos #Solidariedade #8M
Actos convocados na semana do 8 de
Marzo
Como organización integrante da Marcha
Mundial das Mulleres, a CIG tamén fai unha chamada a
participar nos actos convocados por esta organización, así como nos
que esta participa xunto con outras organizacións do feminismo
galego, durante a semana do 8 de marzo:
-4 de marzo: mural reivindicativo en
Vigo
-5 de marzo: 12h participación na
manifestación nacional do feminismo galego en Compostela
-6 a 12 de marzo: accións de rúa en
Vigo
-8 de marzo: 20h Manifestación en Vigo
dende Praza Portugal
-8 de marzo: 19h Concentración en
Ferrolterra (Praza do Inferniño)
-8 de marzo: 12h Paro simbólico en
Ourense (Praza maior) e ás 20h Mani-festa-acción da Castañeira aos
Xardíns Padre Feijóo
-8 de marzo: 19h Manifestación do
movemento feminista en Compostela (Praza 8 de marzo)
Incremento dos accidentes laborais no ano 2016
Segundo os datos publicados polo
Ministerio de Emprego e Seguridade Social, durante o pasado ano
rexistrouse un incremento do 5% no número de accidentes de traballo
con baixa: así durante o 2016 producíronse 555.722 sinistros, dos
cales 480.051 tiveron lugar durante a xornada laboral e 75.671 foron
in itínere.
Todos os sectores de actividade
rexistraron un maior número de sinistros que no ano anterior,
destacando Servizos con 295.026 accidentes, seguido do da Industria
con 100.451 accidentes.
A mortalidade descendeu no ano 2016 un
3,5%, rexistrándose 607 accidentes de traballo con resultado de
morte dos que 476 tiveron lugar durante a xornada de traballo e 131
durante algún desprazamento in itinere.
En relación ao índice de
incidencia, o máis alto sitúase nas Industrias extractivas con
10.047´6 accidentes por cen mil traballadores, seguido
da Construción con 6.994´3, Suministro de auga,
saneamento e xestión de residuos con 6.563´3, Transporte
e almacenamento con 5.264´3, Industria manufactureira con
5.146´5 e Agricultura, gandería, silvicultura e pesca con
5.066´7, todas por enriba da incidencia media, situada en 3.302´0
accidentes por cen mil traballadores.
Máis info en www.cigsaudelaboral.org
Orde ESS/1554/2016, do 29 de setembro, pola que se regula o procedemento para o rexistro e publicación das memorias de responsabilidade social e de sustentabilidade das empresas, organizacións e administracións públicas
Esta norma establece a regulación do
procedemento para o rexistro e publicación das memorias de
responsabilidade social e de sustentabilidade das empresas,
organizacións e administracións públicas, así como dos informes
daquelas entidades que desexen dar resposta á Directiva 2014/95/UE
do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de outubro de 2014
mediante este procedemento, no ficheiro público do Ministerio de
Emprego e Seguridade Social. Este procedemento terá carácter
electrónico, e as comunicacións realizaranse por vía electrónica,
ao amparo do establecido no apartado 6 do artigo 27 da Lei 11/2007,
do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos Servizos
Públicos.
A Directiva 2014/95/UE do Parlamento
Europeo e do Consello, do 22 de outubro de 2014, pola que se modifica
a Directiva 2013/34/UE no que respecta á divulgación de información
non financeira e información sobre diversidade por parte de
determinadas grandes empresas e determinados grupos, establece que as
grandes empresas que sexan entidades de interese público, e as
entidades de interese público que sexan empresas matrices dun gran
grupo, que, nas súas datas de peche do balance, conten cun número
medio superior a 500 empregados durante o exercicio, incluirán no
informe de xestión un estado non financeiro que conteña información
relativa, como mínimo, a cuestións ambientais e sociais, relativas
ao persoal, ao respecto dos dereitos humanos e á loita contra a
corrupción e o suborno.
Máis info en www.cigsaudelaboral.org
Compromiso pendente do concelleiro de persoal: reunión cos traballadores
Na reunión que tivo lugar o pasado mes de xaneiro dos representantes do Comité de Empresa co concelleiro de Persoal, este último comprometeuse a reunir a unha parte do persoal para unha reunión informativa de primeira man, tal e como a que tivo o 13 de decembro de 2016 coa outra parte do persoal de oficinas, maioritariamente representada polo persoal funcionario.
Desde ese mesmo día 13 os representantes do Comité solicitáronlle ao concelleiro que tratase en igualdade de condicións a todo o persoal do Concello e informase de primeira man dos cambios que xa se están levando a cabo e todos os procesos que lle afectan aos traballadores e que se están botando a andar. A resposta foi que se faría, logo das vacacións do Nadal, porque seica había moita xente de vacacións, logo despois de determinada semana en febreiro, mais o caso é que vanse cumprir tres meses desa primeira reunión cun grupo de traballadores e traballadoras e o resto do persoal, tratado en inferioridade de condicións polo goberno municipal mentres non o reúne, só sabe de moitas cousas polo díxome díxome, no canto de sabelo de primeira man como a maior parte do funcionariado.
A distinción e mesmo discriminación histórica entre o persoal funcionario e laboral non foi só salarial nin a través do convenio ou da temporalidade dos contratos, sempre parece que houbo unha distinción clara entre servizos e oficinas que redundou nunha maior información do persoal que máis próximo está ao goberno municipal e nun maior decoñecemento de todo o que acontece e lle afecta ao persoal que non está no centro da xestión administrativa.
Desde a CIG entendemos que esta era unha boa ocasión para demostrar que entramos nunha nova etapa que pretende atallar problemas e discriminacións históricas, a comezar pola propia información que o goberno municipal lle dá de primeira man aos traballadores e traballadoras municipais sobre os cambios que se aveciñan. Por iso lle insistimos tanto ao concelleiro de Persoal desde o pasado mes de decembro da necesidade de reunir tamén ao resto do persoal que non estaba ese día para informalo de temas que levan anos pendentes e que lle preocupan, como é a cuestión da Relación de Postos de Traballo, porque a información que se de nesa reunión foi de diversos temas laborais e a igualdade de trato e de consideración demóstrase con xestos, xestos como esa reunión comprometida e pola que o persoal de servizos leva meses a agardar.
Cursos da Deputación da Coruña 1.ª Convocatoria
Estes días publicouse a primeira convocatoria dos cursos de 2017 da Deputación da Coruña. A información sobre a oferta de cursos está na plataforma da Deputación e as solicitudes deben presentarse a través da plataforma Subtel ata o vindeiro 13 de marzo.
Lembrade que para poder inscribirvos nos cursos desde agora é indispensable contar cunha conta de correo da Deputación e que os/as traballadores/as que non a teñan poden solicitala no Concello.
Negociacións para unhas novas bases de axudas sociais para o persoal: realidade ou espellismo
Co novo ano o goberno municipal parece que quere retomar a negociación dunhas novas e necesarias bases para o reparto das axudas sociais. Como este amago de intento de negociación xa se produciu en varias ocasións descoñecemos se desta volta é un espellismo ou cinco anos despois de que o Comité presentase a primeira proposta de verdade o goberno será quen de negociar unha cuestión que é inxusta de base na medida en que trata por igual a todo o persoal e ignora un tema chave no reparto das axudas como o criterio da renda para que estas realmente vaian destinadas a quen máis o necesita.
Os feitos demostran que o goberno do PSOE leva anos dándolle voltas a este tema porque non debe considerar necesario que resulte beneficiario destas axudas quen menos ten:
Marzo do 2012- O Comité achégalle unha proposta de texto ao Concello.
Agosto de 2013-O goberno municipal entrega unha contraproposta á que o Comité lle fai unha serie de achegas.
Xaneiro de 2014-O concelleiro de persoal entrégalle un novo texto (totalmente diferente ao de agosto de 2013) aos representantes dos traballadores. Sobre este texto o Comité pide de novo a convocatoria da Mesa Xeral de Negociación e fai achegas.
Xullo de 2014- O Comité envíalle á empresa Galivalia, por indicación do concelleiro de Persoal, toda a información e as propostas valoradas ata o momento.
Outubro de 2015-O concelleiro de Persoal volve solicitarlle ao Comité o envío por correo electrónico de toda a documentación desta negociación.
Xaneiro de 2017-O concelleiro de Persoal entrega unha nova proposta (diferente de todas as anteriores) aos representantes dos traballadores.
O Comité de Empresa rexistrou o escrito que vos achegamos e insta, unha vez máis, e como cada ano, ao Concello a que teña por presentadas as consideracións do Comité de Empresa ao último dos textos entregados polo Concello con respecto a unhas novas bases de reparto do fondo de acción social e convoque os órganos pertinentes de negociación de cara a poder revisar e mellorar a proposta presentada pola complexidade do tema tratado.
O caso é que en cinco anos a Mesa Xeral de Negociación non se convocou nin unha soa vez por este tema, aínda que voltas, como vedes, si que nos fixeron dar... agora ben, parece que se rin dos traballadores ou non? Tirade as vosas conclusións!
