Axudas por redución de xornada para coidado de fillo/a

No DOG do 19/05/2017 publican a convocatoria das axudas á conciliación da vida familiar e laboral para os homes e familias monoparentais que, entre o 1 de maio de 2016 e 31 de maio de 2017 teñan unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas.

Poderán beneficiarse os homes e as familias monoparentais que, como medida de fomento da corresponsabilidade, se acollan á redución da xornada para conciliación da vida familiar e laboral entre as referidas datas para o coidado dun fillo ou filla menor de 3 anos (ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida superior ou igual ao 33%).

Así mesmo poderán acollerse a esta axuda os traballadores que adopten unha persoa menor ou a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido máis de 3 anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción. En calquera caso, a filla ou fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.

Prazo de presentación: un mes dende o seguinte ao da publicación no DOG.



Paulo Carril, elixido novo secretario xeral da CIG

O Congreso Confederal escolleu tamén a Executiva Confederal e a Comisión de Garantías


O VII Congreso Confederal remataba a última hora da mañá deste domingo elixindo á nova Executiva Confederal e a Paulo Carril Vázquez como novo secretario xeral da CIG, en substitución de Xesús Seixo. Concluía así o proceso de renovación de cargos e organismos confederais coa posta a punto do ideario programático e no cal se definiron e aprobaron as liñas que guiarán a acción sindical da CIG no vindeiro período.

Tanto para a Executiva Confederal como para a Secretaría Xeral ou a Comisión de Garantías presentábase unha única candidatura. A da Executiva Confederal foi referendada por 506 congresistas (95%), 22 votaron en branco e 3 emitiron voto nulo. Mentres, Paulo Carril Vázquez resultaba elixido novo secretario xeral, con 511 votos (96%), 17 brancos e 3 nulos.

Reforzar a organización como mellor defensa da clase obreira

O  novo secretario xeral foi o encargado de clausurar o VII Congreso cunha intervención na que chamou a reforzar o asemblearismo, a participación, a construción da organización, a seguir na contestación social permanente e no compromiso constante "como mellor defensa dos intereses da clase traballadora galega". Un propósito na liña do lema elixido para este proceso congresual: "Coa CIG somos máis fortes". Polo que, destacou, cómpre seguir traballando para que a CIG sexa un instrumento reivindicativo útil e capaz, con competencia para ofrecer alternativas e solucións para a clase obreira.

Por iso, enviou unha mensaxe a toda a militancia: debemos ser colectivamente atrevidos/as á hora de lanzar as nosas alternativas, para termos presenza nos centros de traballo e pórse á fronte das loitas sociais. Este será o camiño para lograr a toma de conciencia da nosa explotación de clase e nacional, "no obxectivo da transformación revolucionaria que o noso proxecto estratéxico defende dunha Galiza ceibe e sen explotación".

Un proxecto en confronto directo coa ofensiva do capitalismo neoliberal, caracterizado pola inxente concentración da riqueza e que pula por consolidar unhas relacións laborais altamente precarizadas e individualizadas. Neste senso, Carril foi moi crítico co papel xogado pola Unión Europa na imposición deste sistema, coa "obediencia cega" do goberno español ás instrucións ditadas pola troika e "co papel servil" da Xunta de Feijoo "incapaz de tomar ningunha iniciativa a favor do desenvolvemento económico e social de Galiza".

Neste contexto, defendeu que a CIG ten que ser o principal activo para enfrontar esta situación, levando aos centros de traballo unha mensaxe que transforme a resignación, o individualismo, a pasividade e os medos, en afiliación, organización, participación sindical e acción colectiva organizada".

Acumular forzas de cara a unha folga xeral

Lembrou que a central nacionalista leva meses defendendo que é o momento de acumular forzas e mobilizármonos para chegar á convocatoria dunha folga xeral que obrigue ao PP a retroceder nas súas posicións antiobreiras e antisociais. "Unha folga xeral para demostrar a nosa disposición á resistencia, á loita pola recuperación dos nosos dereitos e como a mellor defensa ante unha inminente e regresiva reforma das pensións", aseverou.

Porén, censurou o "papel submiso" das centrais UGT e CCOO co goberno español e a patronal, que nestes momentos "cociñan un novo pacto social e un novo Acordo Estatal de Negociación Colectiva", e colaborando deste xeito coa perda de dereitos, a aplicación da reforma laboral e das novas formas de empobrecemento da clase traballadora.

Tamén tivo palabras criticas o novo secretario xeral da CIG coas forzas da oposición e da esquerda no Parlamento español, incapaces até agora de aproveitar a perda da maioría absoluta do PP para promover proxectos de lei encamiñados a derrogar as contrarreformas laborais e as políticas austericidas.

Carril salientou a urxencia de "rescatar" os nosos sectores produtivos básicos para crear emprego digno e a "urxente necesidade" de pór o desenvolvemento da economía ao servizo da maioría social. Obxectivos para os que "precisamos ter capacidade de decidir. Non queremos que sigan decidindo máis por nós nin os de fóra, nin os banqueiros, nin os especuladores".

"Dende a CIG chamamos, aínda nestes tempos duros, a participar nunha contestación social permanente e dun compromiso constante para avanzar na conquista dun sistema económico ao servizo da clase traballadora, sen explotación e na que o pobo galego, a nación galega, poida existir en pé de igualdade con todos os pobos e nacións do mundo", concluíu.

Delegacións convidadas

Ademais das/os congresistas, na clausura do VII Congreso participaron numerosas delegacións convidadas de organizacións políticas, sociais e culturais de Galiza e de organizacións sindicais internacionais.


26/05/17

CIG- Informa retribucións persoal laboral ano 2017

Achegamos a información das retribucións do persoal laboral para este ano 2017, que comprenden a suba do 1% con respecto ao recollido no Convenio colectivo que entrou en vigor o pasado mes de abril.
 Lembrade que todos aqueles traballadores que teñan unhas retribucións superiores anuais ás establecidas no anexo 1 terá dereito a unha percepción sun complemento persoal transitorio que terá vixencia en tanto o sistema retributivo aplicable sexa o que se fixa no anexo I do convenio colectivo, é dicir, deberá aboarse en tanto non se teña aprobado a RPT ou o instrumento organizativo similar. A contía deste complemento será a diferenza, en cómputo anula, existente entre as retribucións que perciben na actualidade e as retribucións que establece o anexo 1 do convenio colectivo.

A CIG celebra o seu VII Congreso os días 27 e 28 de maio en Compostela

Baixo o lema “Coa CIG somos máis fortes”

A Confederación Intersindical Galega celebra a vindeira fin de semana, 27 e 28 de maio, o seu VII Congreso, no Pazo de Congresos de Santiago, baixo o lema “Coa CIG somos máis fortes”. Un Congreso que foi presentado esta mañá en rolda de prensa e no que está prevista a participación dun total de 706 delegados e delegadas que elixirán á nova Executiva Confederal e acordarán as liñas de traballo que rexerán a acción sindical no vindeiro período.

O secretario xeral, Suso Seixo, anunciou ademais que está pactada unha candidatura unitaria para a Executiva Confederal, encabezada por Paulo Carril, ademais de todos os cargos. En todo caso matizou que o Regulamento precongresual contempla a posibilidade de que se presenten candidaturas até 48 horas antes de comezar o Congreso. “Pensamos que non se van presentar pero, en calquera caso, hai que agardar aos prazos que fixa a normativa que temos establecida para ver se finalmente hai máis candidaturas que unha”, explicou.



Loita de clases

Seixo -que compareceu acompañado pola secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, e o secretario confederal de Comunicación e Propaganda, Francisco Miranda Vigo- sinalou que co lema escollido para este Congreso, “Coa CIG somos máis fortes”, preténdese pór en valor a importancia da organización sindical, fronte á idea que transmite o neoliberalismo de que non hai clases sociais; que a loita de clases está superada e que, polo tanto, “as organizacións sindicais tradicionais non temos moita razón de existir porque todos somos cidadanía, promovendo así o individualismo e a insolidariedade”.

Lonxe diso denunciou que realmente asistimos a un período no que se “está agudizando a loita de clases” e que, polo tanto, é fundamental que as traballadoras e traballadores estean organizados e “teñan capacidade para defenderse de forma colectiva”.

Explicou que para a CIG o actual modelo de sociedade camiña cara un recorte importante de dereitos; unha distribución moi desigual da riqueza; un incremento das diferenzas sociais e unha cada vez maior acumulación da riqueza, do poder político e económico, en poucas mans. “Un tipo de sociedade cada vez máis antidemocrático, no que quen toma as decisións que realmente despois condicionan as nosas vidas en todos os ámbitos son as institucións políticas e financeiras que funcionan totalmente á marxe do control da cidadanía”. Por iso asegurou que os sindicatos seguen estando totalmente de actualidade, nomeadamente a CIG, entendendo que “tampouco serve calquera tipo de sindicalismo”.
Fronte o sindicalismo de pacto social

A este respecto, e facendo un percorrido polos aspectos esenciais que se recollen nos textos a debate no Congreso, valorou que nos últimos anos asistimos a unha integración no sistema dos que practican un sindicalismo de pacto social, un sindicalismo de colaboración que “leva a desmotivar, desmobilizar e despolitizar á  clase traballadora”. E denunciou, en concreto, que CCOO e UGT “mesmo en momentos tan difíciles como os que estamos a vivir seguen nesa política de colaboración, de compadreo e de entreguismo ao poder económico e político”.

Fronte a iso, apostou polo modelo sindical, “completamente distinto”, que representa a CIG, que entende que hai que debater, nos centros de traballo, sobre se este modelo de sociedade no que vivimos está realmente ao servizo da clase traballadora ou non, cando non garante dereitos fundamentais como o dereito a vivenda, a un posto de traballo, a unha pensión, a uns servizos públicos ou a un salario digno.

Subliñou ademais que é precisamente ese modelo o que levou á CIG a situarse como primeira central sindical de Galiza en afiliación, infraestrutura, capacidade mobilizadora e a unhas décimas de ser a primeira forza sindical en canto a  representación nos centros de traballo. “Conseguímolo sen ceder para nada nos nosos principios e na nosa acción sindical: de combate, de contrapoder e contraria ao pacto social”.

Do mesmo xeito considerou que coas circunstancias políticas que se dan hoxe no Parlamento español, cun PP sen maioría absoluta, daríanse as condicións para promover proxectos de lei que tiraran abaixo esas políticas regresivas que se impuxeron. Porén, lamentou, “non está presentando ningún proxecto nese camiño e entendemos que tiñamos, as organizacións sociais e nomeadamente as sindicais, que mobilizarnos e presionar ás forzas políticas, sobre todo ás da esquerda, para que empecen a presentar proxectos que vaian no camiño de recuperar dereitos perdidos”.

De feito lembrou que neste período a CIG valorou, diante desta situación, a necesidade de promover unha nova convocatoria de folga xeral, pero que, porén, por parte do sindicalismo estatal “non se fixo nada”.

Análise crítica da UE

Nos textos tamén se cuestiona o papel dunha Unión Europa que o secretario xeral da CIG cualificou como “cada vez máis antidemocrática e antisocial”. Unha UE ao servizo do capital financeiro que impuxo políticas que provocaron, nos estados periféricos de Europa en situación de profunda crise económica “unha grave perda de dereitos e moita pobreza, mesmo favorecendo claramente a especulación coa débeda pública en función dos intereses do capital”.

Unha UE da que denunciou o seu carácter “antihumanitario”, tal e como está a actuar cos refuxiados que están chegando a Europa e aos que se lles negan os seus dereitos humanos fundamentais.
Papel marxinal de Galiza

O secretario xeral da CIG denunciou ademais o papel cada vez máis marxinal que ocupa Galiza por mor das políticas emanadas desa UE e do estado español. “Unha Galiza máis dependente, onde hai unha destrución importante do noso tecido produtivo que está provocando que, de novo, moitos miles de galegos e galegas, sobre todo mozos e mozas, teñan que marchar a buscarse a vida”.

Seixo asegurou que todo isto estase a facer co consentimento e, en moitos casos, coa colaboración da Xunta de Galiza, que “non está a promover ningún proxecto alternativo para a sociedade galega que permita que realmente todos os galegos/as poidan gozar dun posto de traballo e dunha calidade de vida digna na nosa terra”.

Reforzo organizativo


No VII Congreso reitérase novamente a necesidade de mellorar nos métodos de  traballo e facer un sindicato cada vez máis próximo, máis presente nos centros de traballo. Unha máxima  que Seixo entende que debe guiar a actuación de todos os cargos da central sindical e dos liberados e liberadas. “Non se pode agardar a que todos os traballadores e traballadoras veñan polo sindicato, ten que ser o sindicato quen vaia aos centros de traballo, porque os problemas están aí e nós temos que ser unha arma operativa clara nas mans da clase traballadora para defenderse de tantas agresións”, concluíu.

Actas dos Comités de Seguridade e Saúde

Acta Comité de Seguridade e Saúde (26/11/2015)

Acta Comité de Seguridade e Saúde (29/09/2016)

Acta do Comité de Seguridade e Saúde (08/02/2016)

Acta do Comité de Seguridade e Saúde (10/03/2016)

Nova solicitude dos itinerarios e protocolos das revisións médicas

Os delegados de prevención da CIG solicitaron, unha vez máis, os itinerarios e protocolos das revisións médicas que segundo o técnico da mutua asistente á reunión do Comité de Seguridade e Saúde deste mes de maio xa foron enviadas hai tempo ao Concello, mais que este non llas trasladou aos delegados de prevención de riscos laborais máis de sete meses despois, a pesar de existir un acordo en firme do Comité de Seguridade e Saúde.

Solicitude de reunión co concelleiro de persoal

Os representantes do persoal laboral solicitaron unha nova reunión co concelleiro de Persoal para solicitarlle información sobre diversos temas que levan tempo pendente, como a creación da Comisión Paritaria Mixta de Seguimento do Convenio Colectivo, información sobre a nova RPT agora que finalizou a fase de entrevistas ao persoal, a necesidade de resolución das axudas sociais do ano 2017, que en anos anteriores xa estaban resoltas e cobradas nesta altura e outros problemas e discriminacións laborais do persoal laboral.

O Comité de Empresa solicitálle ao Concello que solucione, tal e como se comprometeu, os problemas de persoal da Escola Infantil Municipal

Desde o pasado 19 de abril están publicadas as listaxes definitivas da bolsa de emprego de técnico/a de xardín de infancia e o persoal da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente segue padecendo a falta de persoal motivada pola xubilación anticipada dunha traballadora. En varias ocasións o propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, comprometeuse a contratar persoal baixo a figura de acumulación de tarefas no momento en que as listaxes fosen definitivas e mesmo a propia concelleira de área comprometeuse a que esta situación se ía solucionar a comezos de maio e solicitoulle ao persoal que, mentres tanto, realizasen as horas extras  necesarias.
O Comité de Empresa fixo esta solicitude a instancias das demandas do persoal que leva anos con problemas deste tipo de facendo moitas horas extras para suplir as faltas nun servizo onde a carga de horas pode ser esgotadora debido ao tipo de traballo. Esta situación complícase cando mesmo en ocasións o persoal vese obrigado a renunciar a dereitos como días libres pedidos en tempo e forma para manter o servizo nas condicións que procede.
O Comité de Empresa, a instancias da CIG, solicitoulle ao Concello que agora que a listaxe de substitucións de técnico/a de xardín de infancia é definitiva cubra de inmediato todas as prazas necesarias para ofrecer o servizo en condicións óptimas, tal e como se comprometeu o goberno municipal, e que teña constancia que a gravidade desta situación e as consecuencias que poidan vir derivadas delas vén exclusivamente dada pola decisión do Concello de Betanzos de non cubrir as baixas deste servizo e sobrecargar ás traballadoras que o prestan.

A Inspección de Traballo faille un requirimento inmediato ao Concello de Betanzos


1. Elaborar un Plan de Emerxencia e evacuación para a biblioteca pública, Alfonso Rodríguez Castelao.
2. Implementar o referido plan, con especial atención ao nomeamento de equipos de intervención e arealización dun simulacro de evacuación.

Así mesmo lémbralle que "o presente requirimento será de cumprimento inmediato, sen prexuízo do establecido no Real decreto 70/202, do 19 de xullo, debendo acreditarse as medidas adoptadas antes de xullo de 2017. Para estes efectos, solicitará cita co actuante e comparecerá, a medio dun técnico do seu servizo de prevención de riscos, achegando o libro de visistas e a documentación que estime oportuna.



Logo da reunión do Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos deste mes de maio, os delegados de prevención de riscos laborais, volveron solicitar información dos plans de evacuación dos diferentes edificios municipais que non se lles facilitou, polo que decidiron solicitar o Plan de evacuación e emerxencia do edificio Liceo, incluíndo as Oficinas Xerais, a Oficina de Turismo e as dependencias onde hai programación cultural, Aula Municipal de Cultura, Salón Azul, Sala de Usos Múltiples e Sala de Exposicións.



Hai que lembrar que non é a primeira vez que a Inspección de Traballo lle dá a razón aos delegados de prevención do persoal laboral.

O goberno municipal privatiza por primeira vez un posto de conserxe

A CIG vén de solicitarlle ao goberno municipal que aclare as condicións dun traballador que ocupa o posto vacante dunha da conserxaría do edificio Liceo, así mesmo, vén de solicitarlle que cubra o posto de conserxe polos procedementos legalmente establecidos e que teña por interposta unha queixa e tome as medidas oportunas.

Lémbralle, así mesmo, que este posto era ocupado por un traballador que xa estaba con prórroga de xubilación e desde o pasado mes de xaneiro quedou sen persoal mais con idéntica carga de traballo, asumida por outro persoal. Desde a pasada semana un traballador cuxo contrato descoñece o Comité de Empresa e cuxa existencia mesmo descoñecían no Departamento de Persoal do Concello ocupa o posto de conserxe antes ocupado por un empregado público.

Este tipo de postos son de carácter estrutural e organización e funcionamento do Concello, polo que deben ser desempeñados por empregados públicos, así mesmo a Sección sindical lembroulle ao goberno municipal que esta relación cun traballador dunha empresa privada podería dar lugar a un caso de cesión ilegal de traballadores, tal e como xa advertiu a Secretaría municipal nun informe de xuño de 2015 con respecto á contratación do persoal de apoio á Feira Franca Medieval.

O Concello xa non só privatiza o cemiterio, obras, xardinaría, limpeza de rúas e de edificios, persoal de apoio para eventos, agora, tamén as conserxarías, nunha carreira imparable que comezou, como mínimo, hai cinco anos e que resulta máis que preocupante especialmente para o persoal laboral, tendo en conta que unha grande inmensidade deste está nunha situación irregular e temporal. Descoñecemos cal será a próxima privatización mais, visto o visto, nunca se sabe.

Na CIG estamos valorando os pasos a seguir con respecto a este caso de posible cesión ilegal de traballadores, ao igual que temos actuado no pasado co persoal de apoio que ocupa un despacho municipal durante a organización da Feira Franca Medieval.


Comité de Seguridade e Saúde o vindeiro 10 de maio de 2017

O Concello de Betanzos, logo de moitos meses de atraso, e dunha denuncia dos delegados de prevención da CIG na Inspección de Traballo da Coruña, convocou para o vindeiro mércores o Comité de Seguridade e Saúde laboral.
O organismo, que segundo o propio regulamento, aprobado por unanimidade, debería reunirse cada tres meses, no último ano e medio só se reuniu de xeito ordinario en tres ocasións e todas cunha previa solicitude dos delegados de prevención da CIG. Os propios temas que se van tratar foron proposta destes, mais o certo é que resulta moi lamentable a postura do Concello ante os temas relacionados coa seguridade e a saúde laboral do seu persoal.