27/12/17

Campaña do ISSGA de mellora da calidade da información dos partes de accidentes de traballo

O obxectivo da campaña é incrementar o máis posible a mellora da información que debe figurar nos distintos campos do parte de accidente de traballo, para conseguir que sexa real, veraz e o máis comprensible posible.

 campaña consiste en poñer en común o coñecemento da problemática dos partes de accidente por parte dos graduados sociais e por parte do ISSGA, na busca de mellorar os puntos críticos.
Para isto, traballaron conxuntamente na elaboración dun tríptico e dun cartel, nos que se recollen os puntos de especial interese para a mellora da calidade da información dos partes de accidente de traballo.

A tramitación dos partes de accidentes de traballo realízase polo ISSGA: recepción do parte, verificación da súa exactitude, requirimento de emenda e de ser o caso rexeite.


Os apartados con maior inexactitudes, con máis erros ou con maior incoherencia con outros, son os que figuran no tríptico e no cartel: lugar do accidente, tipo de accidente (“en misión” e “in itinere”), peculiaridades se é un accidente no estranxeiro ou a bordo dun buque no mar, etc. Tamén son importantes a coincidencia de horas e datos coa demais documentación que se xere ademais do parte, que sexa entendible a descrición do accidente e coherente cos danos e lesións producidas e os axentes causantes, así como a identificación do axente material.

Issga17 PartesTrabajoV11 GAL by cigconcellobetanzos on Scribd

Issga17 PartesTrabCartelV4 GAL by cigconcellobetanzos on Scribd

Saúde laboral e xénero. Apuntamentos para a incorporación da perspectiva de xénero no ámbito da prevención de riscos laborais

No seu resumo o estudo indica que "no ámbito nacional e internacional existe un amplo marco normativo e programático que vincula as accións de entidades públicas e privadas coa igualdade de oportunidades para mulleres e homes; con todo, as condicións en que se desenvolven unhas e outros seguen sendo extremadamente diferentes e desiguais. No contexto da saúde laboral, como noutros, engádese a isto a incapacidade das institucións para coñecer a situación real das e os traballadores e por tanto, a imposibilidade de emprender accións que promovan axeitadamente a saúde de homes e mulleres en devandito medio. A incorporación da perspectiva de xénero no actuar dos servizos de prevención contribúe a detectar e corrixir os rumbos de xénero nas actividades preventivas e de vixilancia da saúde."

Este traballo consta duns apuntamentos de situación, unha parte de contextualización na que se repasa o mercado laboral, os danos á saúde, os riscos, os estereotipos e o marco normativo. Continúa cun apartado sobre a necesidade de introducir unha perspectiva de xénero para rematar con propostas de accións específicas por liñas de traballo, un espazo adicado ás conclusións e outro á bibliografía.


Dentro do texto atopamos por exemplo esta reflexión. “O exercicio dunha prevención sen perspectiva de xénero pode constituír, en si mesmo, un risco … Así, determinadas medidas tradicionais “de protección ás mulleres”, o que conseguiron é excluír ás mulleres de certas actividades e desprotexer aos homes, a quen, polo feito de non xestar, expúxoselles a produtos nocivos en lugar de evitar o seu uso ou minimizar os seus niveis.”

Guía técnica de aplicación do regulamento de instalacións de protección contra incendios

O Ministerio de Economía, Industria, e Competitividade ven de publicar, a Guía Técnica de Aplicación do Regulamento de instalacións de protección contra incendios, RIPCI, R. D. 513/2017 de 22 de maio (publicado no BOE nº 139 de 12 de xuño), de carácter non vinculante, con intención de facilitar a aplicación do RIPCI. A Guía conta con recadros sombreados explicativos sobre o apartado do texto regulamentario ao que se refiren.

A guía técnica será actualizada períodicamente pola Dirección Xeral de Industria. Para visualizar a última versión será preciso acceder a través da páxina web do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, no apartado de “Industria > Calidade e Seguridade Industrial > Instalacións Industriais > Instalacións de protección contra incendios.


Descarga o documento aquí.

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.

Dos 496 falecidos/as en accidente de traballo en 2016, 461 eran homes e 35 mulleres

Son datos publicados en outubro no Informe anual de accidentes de traballo no Estado español en 2016, elaborado polo Departamento de Investigación e Información do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, INSSBT. A explicación a estas cifras hai que buscala nos división existente no mercado laboral entre os postos de traballo que polo xeral adoitan a ocupar homes e mulleres.

Segundo o informe, contabilizáronse 566.235 accidentes de traballo con baixa. O 86,4% tivo lugar durante a xornada laboral (489.065 accidentes de traballo con baixa en xornada de traballo); o 13,6% restante no traxecto do domicilio ao centro de traballo ou viceversa (77.170 accidentes de traballo con baixa  in  itínere). Por sectores, o de maior índice de incidencia foi Construción cun valor de 7.217,2, que supera en máis do dobre a media dos índices sectoriais. O segundo posto está ocupado polo sector da Industria, con 5.290,8, seguido do sector Agrario, con 5.143,4, (ambos datos superiores á media). En todos estos sectores as taxas de emprego masculino son moi superiores ás de emprego feminino.


Sen embargo nas Actividades financeiras e de Seguros, na Educación e nas Actividades sanitarias e Servizos Sociais, o índice de incidencia das traballadoras foi superior ao dos traballadores.  

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.

O custo do cancro ocupacional na EU-28

Os datos recollense nun estudo presentado no mes de novembro na conferencia "Traballo y cancro", e teñen en conta os custos directos dos sistemas sanitarios dos Estados membros (relacionados co tratamento médico), custos indirectos para os traballadores e os empresarios (asociados a perdas monetarias por cesación do traballo) e os custos humanos para as vítimas (impacto na calidade de vida dos traballadores e as súas familias). Os custos cífranse entre entre 270.000 e 610.000 millóns de euros, o que representa do 1,8% ao 4,1% do producto interio bruto da Unión Europea.


"Con máis de 100 000 mortes por ano, os cancros ocupacionais son a principal causa de morte na UE. Este estudo amosa que o custo social dos cancros relacionados co traballo é tremendo. Son os traballadores e as súas familias quen soporta a maior parte dos custos. Esta situación inxusta é social e economicamente inaceptable, e a UE debe tomar medidas para poñer fin a estes cancros prevenibles ", comenta un experto en riscos químicos do Instituto Sindical Europeo (ETUI). O informe foi realizado (a instancias da ETUI) por consultores especializados na avaliación de riscos químicos que examinaron a exposición dos traballadores/as a 25 axentes carcinoxénicos e diveras situacións de traballo (por exemplo, amianto, benceno, sílice, traballo nocturno ou traballo por quendas, emisións de motores diesel).

Ligazón ao estudo O custo docancro ocupacional na EU-28 (en inglés).

17/12/17

Comeza a negociación dunha nova Relación de Postos de Traballo cuns novos criterios e que obvia a realidadede parte do persoal laboral existente no Concello de Betanzos

O xoves 14 tivo lugar a primeira reunión de negociación dunha nova Relación de Postos de Traballo cunha proposta que amortiza, crea, reconverte e mantén diversos postos de traballo.

Polo momento, e tendo en conta a orde do día da reunión do pasado xoves chegouse a un único acordo que foi manter os postos actuais de funcionarios como tal e crear os postos de todo o persoal laboral (os xa existentes na RPT, os que teñen sentenza de indefinición e os que están en fraude sen sentenza) como de persoal laboral fixo para un futuro proceso consolidación. Da reunión tamén saiu un compromiso de adscrición provisional dos postos de persoal laboral cunha sentenza de indefinición e fica pendente unha consulta da posibilidade de adscrición provisional do persoal con contratos de interinidade.

Por outro lado, iniciouse a negociación (aínda que pouca houbo) sobre as titulacións e grupos dos distintos postos de traballo que finalizará o vindeiro xoves. A premisa inicial desta Relación de Postos de Traballo é que non ten en conta a situación inicial contractual do persoal laboral nin a actual Relación de Postos de Traballo e o resultado final é un documento que a empresa propón como ideal mais cuxas modificacións lle afectarán principalmente ao persoal laboral, único colectivo que non ten consolidados os dereitos por ser temporal. Na práctica a defensa do Concello da baixada de grupos para un posto dun funcionario, múltiples postos de persoal laboral e a subida para outros postos de persoal laboral, suporá que no momento da consolidación os traballadores laborais (que nalgún caso levan trinta anos cun contrato por obra ou servizo) terán que acceder a unha consolidación do posto para un de inferior grupo e nivel ou nalgún outro caso de superior grupo e nivel.

A CIG manifestoulle o seu acordo coa adecuación dos titulados de FP ao recollido no EBEP e que supón a suba de grupo para 12 prazas do persoal laboral, mais o seu desacordo coa baixada de grupo de 29 prazas, ben pola exixencia dunha titulación diferente á que se lle requiriu ao persoal que actualmente ocupa o posto, ben pola baixada xeneralizada de todo o persoal laboral que está no grupo 1 a grupo 2 ou de todos os postos de oficios a grupo V. A casuística é moi diversa, posto que no medio deste proceso confluíron problemas derivados dunha mala xestión dos contratos no departamento de Persoal que historicamente realizou a adscrición a determinados grupos a persoal sen a titulación requirida, mais o que está claro é que o goberno municipal quere facer "borrón e conta nova" e non ter en conta a situación de parte do persoal laboral deste Concello que traballa nel desde hai décadas baixo  a premisa de que o persoal laboral temporal non ten ningún dereito sobre os postos existentes e poden crear uns novos segundo os criterios que eles consideren. O Concello mantén un criterio de asignación dos postos que defende e ignora que a aplicación dese criterio pode ter consecuencias negativas para algúns dos traballadores laborais que actualmente ocupan eses postos.

Na próxima reunión finalizarase co encadramento dos postos nos diferentes grupos e continuarase coa negociación do complemento de destino, que na proposta entregada polo Concello mantén a diferenciación de niveis entre o persoal laboral e o persoal funcionario sen ningún criterio obxectivo. Na memoria fala dun criterio para a asignación do nivel que na práctica só lle aplica aos postos encadrados como de funcionarios/as.

O goberno incumpre o compromiso de levar ao pleno de decembro a modificación do convenio acordada na Comisión de Seguimento do pasado mes de xullo

Logo de múltiples reunións e escritos o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, comprometérase a que no pleno deste mes de decembro o goberno municipal levaría para aprobación o que entenden que é unha modificación do convenio colectivo, que en realidade é unha interpretación dos criterios de absorción do complemento persoal transitorio que se acordaron na Comisión paritaria do convenio colectivo do pasado 18 de xullo de 2017. Non obstante, e logo de ver a orde do día do pleno de decembro puidemos comprobar que unha vez máis o goberno municipal incumpre o acordado.

Este incumprimento é especialmente grave se temos en conta que o compromiso do goberno cos traballadores é que estes criterios de absorción de apliquen desde a aplicación do convenio e suporía a devolución de determinadas contías aos traballadores e traballadoras afectadas que de se realizar o vindeiro ano poderían dar lugar á necesidade de realizar declaracións da renda complementarias, cos inconvenientes que isto supón, tal e como xa lle advertimos ao Concello en varias ocasións.

É inaceptable que o Concello tarde cinco meses en cumprir os acordos que se toman na Comisión Paritaria de Seguimento do Convenio colectivo que tal e como indica o propio convenio son de obrigado e inmediato cumprimento. O certo é que parece unha das tomaduras de pelo ás que o goberno nos ten acostumados, e que coidabamos que formaban parte do pasado, mais á vista deste incumprimento, a non convocatoria de axudas sociais e a non negociación do novo regulamento, hai costumes que parece que non se esquecen.

Agardamos que o goberno resolva esta cuestión canto antes e reiterámoslle a necesidade de solventalo de cara a lle ocasionar as menos complicacións posibles aos traballadores e traballadoras afectadas.

Podedes consultar algunhas novas relacionadas con este tema aquí:

O Comité de Empresa reitéralle ao Concello a solicitude de cumprimento dos acordos adoptados da Comisión Paritaria Mixta de Seguimento do Convenio Colectivo do persoal laboral do pasado 18 de xullo

Solicitada unha reunión co concelleiro de Persoal


13/12/17

Mesa Xeral de Negociación

Mañá, 14 de decembro de 2017 comeza a negociación da nova Relación de Postos de Traballo nunha reunión na que os sindicatos (CIG, CSIF, UGT e CCOO) contan co 50% do voto e o goberno municipal co outro 50%. Tamén estará presente a empresa contratada polo Concello para a elaboración da RPT, entendemos, segundo o falado na reunión da pasada semana, que con voz mais sen voto.

A CIG ten xa unha postura definida con respecto aos aspectos que se tratarán na reunión de mañá, non obstante, cómpre lembrar que cada sindicato terá unha porcentaxe de voto en función da representatividade acadada nas eleccións sindicais. Se ben é certo que ata a chegada da CIG a este Concello non existían nin sequera as Mesas Xerais de Negociación como tal, ou polo menos o Concello nunha achegou unha acta da súa constitución delas previa a termos representación, no momento actual hai que ter en conta que os sindicatos que levaban anos participando do xogo das negociacións individuais, por traballadores, nos despachos e a porta pechada tamén forman parte desta negociación que agora será a porta aberta mais que podería dar lugar igualmente a unha Relación de Postos de Traballo con diversas eivas e discriminacións, tendo en conta que a propia proposta do goberno municipal xa é discriminatoria para o persoal laboral nalgúns aspectos e que o apoio a algunhas das propostas do goberno por parte dalgún sindicato podería dar lugar á pervivencia de diferenzas entre laborais e funcionarios.

Na sesión de mañá trataranse, en concreto, os seguintes aspectos:

Sesión 2. Relación laboral e estrutura retributiva básica

1.    Relación laboral dos Postos de Traballo

Neste apartado débese discutir os postos que deben ser funcionarios e cales deben ser persoal  laboral. 

2.    Retribucións básicas e complemento de destino

O  obxectivo  é  determinar  os  criterios  a  usar  para  a  determinación  dos  grupos  e  do  complemento de destino dos postos de traballo. 

Notable atraso na convocatoria das axudas sociais do ano 2017

Ata o pasado ano e logo de múltiples conflitos arredor da convocatoria e resolución das axudas sociais do persoal do Concello de Betanzos, logo de que mesmo este tema tivese que ir a debate en pleno en varias ocasións parecía que o Concello retomara a normalidade nunha xestión do departamento de Persoal que debería de trámite e realizarse en tempo e forma cada ano e sen ningunha incidencia tendo en conta a existencia dunha partida orzamentaria, non obstante, cada ano atopamos os mesmos problemas para a tramitación destas axudas.

O ano pasado o Concello convocou por primeira vez as axudas do ano 2016 no ano 2017 e demorou ata este mesmo verán o seu pagamento baixo a promesa da negociación dunhas novas de axudas sociais máis xustas que aínda non se cumpriu na actualidade. A mediados do mes de decembro podemos dicir, un ano máis, que os traballadores e traballadoras seguimos agardando por unha convocatoria que o propio concelleiro nos dixo que sería en prazo e ao longo deste mes e que, visto o visto, non se dá publicado. 

Desde a CIG consideramos inaceptable que o Concello de Betanzos sempre atrase a convocatoria, resolución e pagamento destas axudas que o persoal ten recoñecido por convenio e cuxa tramitación non debería ter maior complicación. Solicitamos xa en diversas ocasións, tanto verbalmente como por rexistro, que o Concello convoque e resolva as axudas en tempo e forma e nos vindeiros días reiteraremos esta solicitude e manifestarémoslle a nosa preocupación polo tema ao goberno municipal.

04/12/17

LEMBRA! A partir de mañá podes facer as consultas sobre a Relación de Postos de Traballo no local sindical


LEMBRA! A partir de mañá podes facerlle as túas consultas sobre a Relación de Postos de Traballo á Sección sindical da CIG os seguintes días / horas:
  • MARTES 5             (12:00 H -15:00 H)
  • MÉRCORES 13     (13:30 H-15:00 H)
  • XOVES 14             (13:30 H-15:00 H)
  • VENRES 15           (13:30 H-15:00 H)
  • LUNS 18                (13:30 H-15:00 H)
  • MARTES 19           (13:30 H-15:00 H)
No caso de querer/poder vir a unha hora concreta podedes avisarnos con antelación, posto que xa temos previsións para distintas horas dalgúns deses días.

Lembra que o vindeiro 14 de decembro comeza a fase de negociación colectiva do documento e que, en principio, a fase de entrevistas cos propios traballadores está finalizada.

O documento entregado nesta segunda volta contén bastantes modificacións con respecto ao presentado en agosto e desde a CIG xa estamos a analizalo de cara a levarmos definida a nosa postura para a reunión do 14 de decembro sobre os temas que se tratarán. En principio, o cronograma inicial da negociación, por temas, é o seguinte:

Sesión 1. Presentación e aspectos chaves da RPT. (30/11/17)
Sesión 2. Relación laboral e estrutura retributiva básica. (14/12/17)
Sesións 3 e 4. Complemento específico. (21/12/17 e 04/01/17)
Sesión 5. Revisión xeral e acordo final. (11/01/17)

Esta negociación é posiblemente unha das máis relevantes destes anos, logo do novo convenio colectivo, e tendo en conta que a Relación de Postos de Traballo actual é do ano 2008, polo que é importante que os/as traballadores/as nos comentedes aquelas cuestións que considerades relevantes de cara a valorarmos as posibilidades reais de negociación das propostas. 

Reclamación do recoñecemento da antigüidade noutras administracións

O artigo 29 do Convenio colectivo vixente recolle o seguinte:

b) Os trienios, consistentes nunha cantidade igual para cada subgrupo, ou grupo de clasificación profesional cando este non teña subgrupo, por cada tres anos de servizo no subgrupo ou grupo profesional correspondente.
Para estes efectos computaranse a totalidade dos servizos prestados mediante relación laboral ou estatutaria en calquera Administración pública.

No caso de que o/a traballador/a preste os seus servizos sucesivamente en diferentes grupos profesionais, terá dereito a seguir percibindo os trienios devengados en grupos anteriores. O cómputo da fracción para completar un trienio no grupo dende que se promociona valorarase a favor do grupo superior acadado.
A raíz da entrada en vigor deste documento, varios traballadores solicitaron este recoñecemento e Concello xa está a responder de xeito favorable ás peticións, polo que animamos ao resto do persoal que prestase servizos noutras administracións públicas que solicite individualmente o recoñecementos para os efectos dos trienios ao que temos dereito desde o pasado 7 de abril de 2017.

A CIG detecta unha posible discriminación no cobro de horas extraordinarias pola non suba do 1% nas contías pagadas ao persoal laboral

A CIG advertiu xa hai unhas semanas dun posible erro no pagamento das horas extraordinarias do persoal laboral pola non suba do 1% nas contías á vez que se actualizou o resto da nómina o pasado mes. Logo de facer a consulta en persoal, informaron que nin sequera se actualizara a contía no 1% correspondente a 2016 no momento de entrada en vigor do Convenio colectivo e que si que se produciu a actualización no resto dos conceptos.
Logo de manifestarllo verbalmente ao concelleiro de Persoal rexistramos a través do Comité de Empresa, o órgano co que se negociou o convenio colectivo, unha solicitude onde pedimos o seguinte:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos actualice as contías recollidas no anexo I do Convenio colectivo do persoal laboral no relativo á suba do 1% dos orzamentos estatais dos anos 2016 e 2017 na contía das horas extraordinarias.

SEGUNDO. Que o Concello de Betanzos realice o pagamento dos atrasos correspondentes á suba do 1% reflectida nos orzamentos estatais do ano 2017 da nómina desde o mes de xaneiro e restantes pendente e, así mesmo, os atrasos correspondentes á devandita suba correspondente ao mencionado no primeiro punto das horas extraordinarias do persoal laboral xa pagadas.

TERCEIRO. Que o Concello de Betanzos realice todas as xestións oportunas de cara a solucionar a problemática mencionada que podería incidir nunha discriminación entre o persoal laboral e funcionario no relacionado coa suba do 1% nas horas extraordinarias do persoal laboral e as gratificacións do persoal funcionario.

01/12/17

Resumo da xuntanza previa á negociación da Rleación de Postos de Traballo

Onte, 30 de novembro, tivo lugar a primeira xuntanza para explicación do segundo borrador da Relación de Postos de Traballo e acordar o calendario de traballo de cara á negociación dunha nova Relación de Postos de Traballo. Finalmente, estamos á espera do cronograma concreto de traballo mais está previsto que as reunións de negociación sexan os seguintes días:

14 de decembro
21 de decembro
4 de xaneiro
11 de xaneiro

O Concello puxo enriba da Mesa que no proceso de negociación houbese un reparto da Mesa Xeral de Negociación no que o 33% do voto fose dos representantes dos traballadores, o 33% do goberno municipal e o 33% a empresa contratada para a elaboración da Relación de Postos de Traballo. A CIG xa anticipou que de isto votarse na primeira reunión votaría en contra porque a Mesa Xeral de Negociación ten unha composición cunhas porcentaxes que veñen dadas polos resultados das eleccións sindicais e a patronal ten o 50% e o outro 50% e dos traballadores, coa representantividade que ten cada sindicato e iso non se pode alterar. A proposta do goberno suporía quem na práctica o goberno tería o 66% do voto, posto que o Concello é o que lle paga á empresa, que é un dato moi relevante. O resto dos sindicatos apoiaron o manifestado pola CIG polo que entendemos que finalmente o Concello deixará a Mesa de Negociación tal e como está.

A seguir, a empresa procedeu a facer unha presentación do novo borrador da Relación de Postos de Traballo, unha presentación que consideramos incompleta na medida en que intenta "vender" as bondades dun documento con moitas modificacións en detrimento dalgunhas condicións laborais que son agochadas nun documento que é necesario analizar polo miúdo, posto que se fala, por exemplo, das subas de nivel, mais non das baixadas de grupo, non se mencionan novas baixadas con respecto ao primeiro borrador e incídese nos datos do persoal que máis cobra, especialmente funcionario, cando a realidade, especialmente do persoal laboral, é outra.

Para finalizar o concelleiro de Persoal anticipou que nas vindeiras semanas se reunirá a Mesa Xeral de Negociación para a aprobación da Oferta de Emprego Pública do ano 2017, o acordo dun novo regulamento de axudas sociais do Concello de Betanzos e comezarmos a falar do proceso de consolidación do persoal laboral. Tamén nesa mesa explicarán polo miúdo a implantación do contro de presenza que se implantará a partir do mes de xaneiro, e que será por pegada dixital ou iris do ollo.

Con respecto a este último tema afondou en que haberá 8 puntos de acceso ás dependencias nos que haberá cámaras que eviten a fraude na fichaxe e que o persoal que traballa en sitios itinerantes terá un punto de acceso comodín na Oficina Municipal de Información Xuvenil, por exemplo. O persoal de axuda a domicilio, á súa vontade poderá instalar un xeolocalizador no móbil, de non decidir instalalo poderá fichar  nas distintas dependencias antes de ir aos domicilios. No caso de protección civil e tendo en conta que só son 3 traballadores, ficharán no computador da oficina. Tamén informou que  darán de alta todas as cámaras nos rexistros pertinentes e serán exclusivamente de gravación interna e que se disporá dun portal do empregado nos que os traballadores poderán realizar os trámites de solicitudes de permisos.