O pasado 24 de xullo a presidenta do Comité de Empresa solicitou a través da sede electrónica unha reunión de urxencia co concelleiro de Persoal para aclarar a información relativa aos acordos da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo do colectivo do persoal laboral pendentes de se facer efectivos logo de múltiples reunións e máis dun ano por medio.
Na solicitude lembróuselle ao Concello que o cumprimento dos acordos ten un prazo e que o Comité de Empresa leva máis dun ano intentando resolver os problemas derivados da interpretación unilateral que o goberno municipal fixo do texto, mesmo en contra da lexislación vixente.
Así mesmo, indicou que o concelleiro de Persoal dixo na última Mesa de Negociación que xa non era preciso modificar o convenio mais o Comité lembroulle que Concello non pode tomar decisións en contra do acordado na Comisión Paritaria e moito menos sen sequera informar aos representantes do persoal. Calquera decisión que se tome sobre o Convenio Colectivo debe ser acordada pola Comisión Paritaria e non polo goberno municipal de xeito unilateral, mais parece que ao Concello de Betanzos lle custa entender o significado e a finalidade da negociación colectiva.
A urxencia da reunión viña dada porque o concelleiro de Persoal leva dicindo durante tres meses consecutivos que as modificacións do convenio van ir ao pleno e, tendo en conta que mañá hai pleno ordinario, a representación do Comité pretendía reunirse para saber se desta volta efectivamente iría para debaterse ou o concelleiro de Persoal incumpría, unha vez máis, a súa palabra, e os prazos de cumprimento dos acordos da Comisión Paritaria.
No caso de que nos vindeiros días o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, siga sen querer reunirse co Comité de Empresa por esta cuestión, os representantes do persoal laboral solicitarán unha reunión coa alcaldesa en funcións, María Barral, para lle manifestar a súa preocupación porque o concelleiro de Persoal non faga efectivos os acordos que se toman cos representantes dos traballadores e máis aínda cando esta decisión de non facelos efectivos vai en detrimento dos dereitos do persoal, mesmo vulnerando lexislación vixente.

