Logo do requerimento que a Inspección de Traballo lle fixo ao Concello de Betanzos tras a denuncia presentada pola delegada de prevención de riscos laborais da CIG o Concello convocou o Comité de Seguridade e Saúde e mais a empresa que resultou adxudicataria do Servizo de Prevención (Taprega) realizou as visitas aos centros de traballo durante o mes de setembro. A estas visitas asistiu un representante do Concello, o técnico do Servizo de Prevención e mais a delegada de prevención de riscos laborais do persoal laboral; se ben é certo que o delegado de prevención de riscos laborais do funcionariado (CSIF) estaba convocado, só asistiu á revisión das dependencias da Policía Local e non acudiu á revisión de ningún outro centro de traballo municipal.
A última reunión do Comité de Seguridade baseouse, principalmente, na información obtida nas visitas aos centros de traballo, mais tamén serviu para acordar que as revisións médicas deste ano 2018 serán nunha clínica, a realización do simulacro de emerxencia no edificio Liceo, así como os nomeamentos dos xefes de emerxencia e intervención, titular e mais suplente, e mais que a próxima reunión do Comité de Seguridade e Saúde se realizará en prazo e terá lugar o luns 10 de decembro de 2018.
Polo que respecta ás visitas aos centros de traballo, unha vez máis non todos os centros de traballo están no concerto co Servizo de Prevención e se se queren incluír todos, tal e como debería ser, debería modificarse o contrato, nestes centros de traballo faltaría o matadoiro municipal, o cemiterio, o centro social da terceira idade e mais a embarcación municipal.
Por outro lado, realizáronse as visitas aos seguintes centros de traballo:
Edificio Liceo
Casa do Concello
Policía Local
Escolas Irmáns García Naveira
Escola infantil municipal Santiago de la Fuente
Centro de Formación Ocupacional
Centro cultural San Domingos
Dependencias de Protección Civil
Parque do Pasatempo
Centro cultural San Francisco
Embarcación municipal Diana Cazadora
Cemiterio municipal
A previsión é que este mes de novembro o Servizo de Prevención elabore os plans de prevención de riscos laborais e entregue os informes definitivos das visitas, mais cómpre sinalar que a situación de determinados centros de traballo é preocupante, como é o caso de determinadas dependencias do servizos do Centro de Formación Ocupacional, que xa a Inspección de Traballo ordenara clausurar por risco mais que seguen a utilizarse, a falta de homologación de parte da maquinaria ou o risco que supón a non separación dos espazos de traballo onde se almacenan pinturas e disolventes. Non menos preocupante, e así o transmitiu o propio técnico do Servizo de Prevención tanto na propia visita como na reunión do Comité de Seguridade e Saúde, é o estado dunha parte do Pasatempo, con claros riscos para o persoal derivados do almacenanto indiscriminado de trastes e enseres.
Tamén se destacou a falta de ningún tipo de protección contra incendios en todo o Museo e a recomendación da existencia dun Plan de autoprotección, especialmente neste centro e mais no Conservatorio municipal, posto que a Escola Infantil xa conta con un, pola necesidade de achegarlle esta documentación á Xunta. Finalmente, e para alén de diversas cuestións menores, que se deberían corrixir doamente cando se teña a documentación definitiva, o técnico do Servizo de prevención destacou o alto risco de incendio que ten a zona do Belén situado no segundo andar do edificio Liceo polo incumprimento da normativa de baixa tensión, e manifestou que habería que adecualo ao regulamento e poñer as medidas de extinción de incendios adecuadas.
